«este é un poemario votivo, unha ofrenda, mais tamén un canto celebrativo e un espello verbal dun camiñar de ascensión e fusión mística, pois se algo hai que unifica os versos deste libro ―moi dispares en todos os sentidos― é a súa comuñón espiritual.»
« hai en Pan de ánimas un mesmo latexo cósmico que ten nas doutrinas budistas e na comprensión do existente a través das ensinanzas orientais [...] a súa razón de ser.»
«Tan complexo contido adopta modulacións versais multiformes, que logo avanzan polos eidos interiores do haiku ou o tanka como remansan na prosa lírica ou no poema de versos curtos, mais sempre compasando o sentimento coa música do verso precisa, nunha harmonía de selo pitagórico que demanda a lectura en voz alta para lograr tirar do poema a máis reveladora das melodías.»
Visto en: Criticalia | Armando Requeixo
«O poeta Xoán Abeleira procura neste poemario unha mestura entre o culturalismo e mais a emoción. Combina, ademais, a tradición etnográfica galega, xa desde o propio título (o pan de ánimas na etnografía galega é o pan, alimentos e bebidas que se lles deixa o Día de Defuntos aos mortos como ofrenda), coas orientais, como o budismo, e tampouco faltan os elementos vangardistas, especialmente os ligados coas imaxes de raíz surrealista.»
«Non falta tampouco nesta poesía intimista a concepción da soidade como lagoa da que non pode saír o eu lírico, a sombra rosaliana en que afoga o emisor. A soidade é aludida cun termo non marcado estilisticamente que produce no ánimo do receptor unha esgazadura anímica como toalla a secar soa nun cuarto escuro.»
«[...] Abeleira nesa liña de poetas posmodernos, utiliza un eu lírico que transmite as emocións a través da literatura e das lecturas previas. O eu lírico é realmente unha máscara que asume a tradición literaria e a vida é interpretada e presentada desde as lecturas previas.»

