FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Martes, 14 Febreiro 2012 10:09

A AELG chama á cidadanía á participación no Día de Rosalía

Publicado por  Redacción
Puntúa
(0 votos)

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o 175 aniversario da nosa poeta Rosalía de Castro. Para conmemorar dita data a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día. Igualmente convidan a centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pola súa parte, está organizando nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se lerá un manifesto  solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

AXENDA

Maio 2012
L M M X V S D
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3