FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Mércores, 08 Febreiro 2012 12:42

Conclusións e proxectos resultantes da Asemblea de soci@s da AELG

Publicado por  Redacción
Puntúa
(0 votos)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou o pasado sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as. No transcurso da mesma aprobouse dedicar a Homenaxe Os Bos e Xenerosos a Francisco Carballo, historiador e mestre de historiadores, promotor de empresas editoras en galego, quen ao longo de máis de corenta anos participou coa súa escrita e co seu activismo en dotar de contidos vertebradores á realidade social e cultural de Galicia, o que o converte nunha figura referencial para a cultura e a sociedade galega no seu conxunto; Francisco Carballo súmase así á lista dos Bos e Xenerosos da AELG. Esta homenaxe terá lugar o vindeiro 3 de marzo no Museo do Pobo Galego.

Na asemblea decidiuse entregar o Premio AELG para institucións aos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e mais aos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos, galardón que se entregará na Cea das Letras que terá lugar o 5 de maio.

A distinción Escritor Galego Universal será para José Luís Sampedro. Tamén se aprobou que o vindeiro Escritor na súa Terra sexa Xavier Rodríguez Baixeras, a quen se homenaxeará no mes de xuño en Ribadeo.

A AELG tamén acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.

A Asemblea manifestou o seu apoio ás pequenas e medianas editoriais galegas, que se atopan nun momento no que a distribución dos seus libros en galego encontra serias dificultades e aproveita para felicitar a editorial Espiral Maior pola celebración do 20 aniversario da súa fundación e á editorial Xerais por alcanzar a venda de 10 millóns de exemplares.

A AELG presentou o avance da programación para o primeiro semestre de 2012 na que a AELG está traballando:

  • 1. Día de Rosalía. Lectura dun manifesto e mais de textos literarios nas principais cidades (24 de febreiro).
  • Obradoiro da Escola de Escritores/as no Concello de Oleiros.
  • Os Bos e Xenerosos.
  • Premios Aelg 2012.
  • V Encontros Cidade da Coruña.
  • Letra E-O Escritor na súa Terra.
  • Continuación das sesións de gravacións a Socios/as.
  • Continuación da dixitalización de documentación de Socios/as.
  • Mantemento das entradas dos Socios/as na Wikipedia.

AXENDA

Maio 2012
L M M X V S D
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3