«Reler agora a Rodari, nesta coidada proposta que fai pensar inevitablemente nos pasos andados no mundo da edición en Galicia, tráeme o arrecendo dunha lectura xa case esquecida pero que agora revive adquirindo, se couber, novas tonalidades e matices, tanto ou máis satisfactorias que as de hai vinte anos.»
«A día de hoxe non sería difícil que Rodari idease uns contos xa non para seren contados por teléfono, talvez por correo electrónico, twitter ou facebook, medios tamén operativos para servir como transmisores de historias, que é o substantivo, e facelo coma un verdadeiro mestre pois Rodari era dos que bebía dos clásicos e dos modelos populares para proxectarse con exemplaridade no seu propio tempo.»
«Parabéns por idear este proxecto que fai revivir a Rodari e, asemade, por reparar na necesidade que supuña poder acceder a unha edición actualizada e, por riba, tan fermosa coma esta pois estes Contos por teléfono deberían ser de lectura, e relectura, obrigada.»
Visto en: Caderno da crítica | Ramón Nicolás

