«Con todo non é, xustamente, esa a lectura novidosa que cumpriría facer dun elemento axial que percorre a novela como é a homenaxe que se rende ao universo cinematográfico e á súa influencia nas nosas vidas pois este é un asunto ben presente na nosa tradición literaria desde o Ilustrísima de Casares ata moitas das obras ou poemarios contemporáneos. Mais si o é o feito de que o cine e as referencias cinematográficas sexan o alento vital que explica a vida de Damián, profesionalmente vinculado ao traballo das antigas salas de proxección para quen a vida pasa polo filtro melancólico das películas visionadas mais que, dun día para outro, vai verse privado do seu traballo.»
«[Fantasmas de luz] encerra o poder de espertar a conciencia cívica á marxe de que estudadamente suxira distintos niveis de lectura pois a proxección das exclusións sociais vai alén das motivadas puramente pola precariedade laboral.»
«unha nova mostra do indiscutible talento do seu autor»
Visto en: Caderno da crítica | Ramón Nicolás
«Nesta novela curta Agustín Fernández Paz mestura de xeito adecuado un dos mitos da ciencia ficción (o home invisible) co vello tema literario, tan quixotesco e cervantino, da superación da vida cotiá gris por medio da literatura (neste caso do cine). Mais todo iso está posto ao servizo da crítica dunha sociedade que converte en invisibles os milleiros e milleiros de parados, creados polos enxeñeiros das finanzas. É unha lectura que resulta máis que apropiada nestes tempos de crise.»
«O tópico literario da invisibilidade fainos tomar conciencia de como a sociedade actual (especialmente os medios de comunicación) converten en inexistentes por invisibles aquelas realidades desagradables, como a dos parados, que crearon precisamente eses financeiros parasitos.»
«as ilustracións de Miguelanxo Prado son dunha extraordinaria calidade e enriquecen o texto de xeito maxistral. É o derradeiro consello: cómpre ler o colofón que leva o libro, na páxina seguinte á do seu remate»
Visto en: Bouvard e Pécuchet | Manuel Rodríguez Alonso

