« A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, discorre polas fronteiras do relato de inspiración acumulativa e circular no que o protagonista iniciará un percorrido á busca de novos horizontes, acompañándose deste xeito e para este obxectivo de animais que conlevan un evidente peso simbólico, permitindo así outras lecturas e pór en marcha un imaxinativo exercicio complementario ao que de seu nos amosa»
«Á sinxeleza expositiva, que non simplicidade, e mais ao meritorio exercicio de esencialización que dominan o relato, cheo de ritmo e de musicalidade na edición galega e debedor en parte do espírito do contos tradicionais, xúntaselles unhas fantásticas e expresivas ilustracións de filiación xeométrica, moi rechamantes pola súa diversidade cromática, convincentes e tan reais que semellan saír do papel. »
«Parabéns, pois, a Martín León polo premio, ao xurado por esta escolla e á editorial que o converte nun fermoso galano, posibilitando así que cada lector, cada lectora, adulto ou non, se transforme nun novo Olaf disposto a viaxar.»
Visto en: Caderno da crítica | Ramón Nicolás
«un volume que destaca, certamente, pola harmoniosa conxunción que o autor consegue entre o texto e as ilustracións, unha simbiose que se acada grazas ao xogo de tamaños, á profusión no dinamismo das formas abstractas e tamén ao que ten de acolledor a súa traballada variedade cromática nunha viaxe circular inspirada na tradición oral.»
«Olaf, o personaxe principal que habita nunha gran casa dun planeta moi pequeno, comeza unha viaxe na que coñecerá diferentes animais que marcharán vivir con el [...] todos de reminiscencias mitolóxicas e que non fan máis que profundar no valor da amizade; sen dúbida, a gran gran temática que percorre as páxinas do conto»
«unha boa escolla a do xurado deste premio, a aparente sinxeleza textual, o simbolismo, os sentimentos que se evocan e a mestría plástica acreditan a súa decisión e fan do presente volume un libro moi recomendable para os primeiros lectores»
Visto en: Faro da Cultura | Paula Fernández

