FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Redacción

Redacción

Cando se xuntan un magnífico poeta e un grandísimo ilustrador, ao lector non lle queda outro remedio que tomar asento, abrir as páxinas do libro e gozar de principio a fin da lectura e das imaxes que nos achegan. Pero Almanaque musical, o álbum que ven de publicar Kalandraka con versos do estremeño Antonio Rubio e ilustracións do coruñés David Pintor, non é un libro para o silencio, senón para o recitado en alto, para cantar acompañados da música que sae dos poemas e bailar ao ritmo marcado polos músicos imposibles dun David Pintor que nos ofrece aquí o seu mellor traballo ata a data.

Os libros dixitais poderán ter as súas vantaxes, pero aínda non son capaces de desprender a maxia e a emoción que transmite ter entre as mans este Almanaque musical.

 




A diferenza do que soe ser habitual nos libros ilustrados, Almanaque musical nace dun traballo previo de David Pintor ao que Antonio Rubio engadirá posteriormente os poemas.

David Pintor: Curiosamente, este libro nace en Corea. Foi unha editora de aquel país quen me propuxo facer doce ilustracións, unha para cada mes do ano, e que o tema xirase ao redor da música de Vivaldi: As 4 estacións. Unha vez rematado o traballo, conseguín que me cedesen os dereitos para publicar as ilustracións en España e ofrecinlle o material a Kalandraka. Eu quedara moi contento co resultado e pensaba en facer un calendario con esas imaxes. A xente da editorial víronas e gustáronlle tanto que decidiron que pagaba a pena facer un libro. Foron eles quen pensaron en Antonio Rubio para facer uns poemas baseados no meu traballo.

Antonio Rubio: É un feito pouco habitual na creación de libros infantís. Cando dende Kalandraka entregáronme as doce láminas de David a ver que me parecían, dende o primeiro momento resultoume un proxecto atractivo e púxenme en marcha. Había bos ingredientes: instrumentos de corda (cello, contrabaixo, violín, viola), músicos de cómics, temporalidade de estacións e meses… Só faltaba atopar un ton poético, e púxenme con iso.

D.P.:Antonio Rubio creou uns poemas fantásticos. Eu estou moi contento polo resultado, porque Antonio soubo captar moi ben o espírito das imaxes.


David, recibiu vostede recentemente polas ilustracións deste libro o segundo premio de ilustración do Festival Internacional de Literatura Infantil de Sharjah, nos Emiratos Árabes. Que é que o que recoñeceu o xurado do seu traballo?

D.P.: Gañar o segundo premio da Feira do libro de Sharjah foi unha ledicia moi grande. Permitiume viaxar ata os Emiratos Árabes e coñecer a xente moi interesante, como o grande ilustrador mexicano Gabriel Pacheco, co quen compartín conversas e ata un taller para os nenos que visitaban a feira. Permitiume tamén descubrir a grandes ilustradores que participaron na mostra e comprobar a marabillosa xeración de ilustradores iranianos que están empezando a darse a coñecer.

En canto ás miñas ilustracións, o xurado subliñou que o que lle gustara do meu traballo era a alegría e a fantasía desbordante que transmitían as imaxes.


Maio fai medrar/mil atrís de follas/por riba das fragas/de madeira airosa

A orquestra vai tocando segundo pasan os meses do ano. Atopámonos diante dun libro para ler, para ver e para escoitar. O fío que conduce este Almanaque musical é a música.

A.R.: E acompáñase un pequeno programa de composicións de grandes músicos que poderían utilizarse nos recitados poéticos... Pero a min resultaríame especialmente divertido que os lectores puxéranlle música as súas lecturas. Non é abondo complicado dado que os versos ben rimados e as sílabas ben contadas, conducen inevitablemente á melodía. Eu fágoo acotío, porque entendo que poesía e música son dúas caras dunha mesma moeda. E porque exercítome a diario lendo en voz alta aos nenos da miña escola. (A lectura silenciosa foi un invento máis tardío)


Os seus poemas parecen nacer para se converter en xogos, ou quizabes sexan xogos que devén en poesía. Que importancia ten para os primeiros lectores acercarse á literatura dun xeito lúdico?

A. R.: É determinante, decisivo. A poesía vívea o neno dende os seus primeiros días como melopea nas cancións de berce, como percorrido musical corporal nas primeiras rimas que sinalaron as partes do seu corpo, como exercicio rítmico de sorteo ao botar sortes, como exercicio de lectura rimada ao son do salto á comba, como cerimonia astral nos corros de patacas, como feitizo verbal curativo, como salmodia, como conxuro… A poesía empeza sendo un xogo e pode seguir séndoo o resto dos nosos días se a escola, a familia, non a esquecen e as vellas cerimonias poéticas que marcaban o calendario de festas non desaparecen.

 

Seguindo co que comentabamos antes con Antonio, as ilustracións deste Almanaque musical van estar igualmente centradas na música, nos músicos. Como debuxante, é máis doado ilustrar un libro cos mesmos personaxes ou ir creando novos ao ritmo que marque o texto, como por exemplo nos Contos para nenos que dormen deseguida?

D.P.: Depende. Cada libro é un mundo diferente. Ter uns personaxes fixos (neste caso unha banda de música) é cómodo no sentido de que se van repetir en todas as escenas. A idea foi crear unha orquestra de música barroca con violíns, chelos, contrabaixos e violas, integrados por seres fantásticos moi diferentes. Tratábase de facer un “casting fantástico” un pouco tolo para dotar a esta banda dunha singularidade máxica que fose atractiva para o pequeno lector: no grupo hai dende paxaros ata nenos, trasnos, elefantes... que lle confire a todo un aire fantástico e evocador. Comparado con Contos para nenos... este foi un libro máis sinxelo, pois o campo de acción era moi determinado, a diferenza do outro, no que cada conto había que comezar de cero.

 

E a mesma dúbida poderiámola trasladar a Antonio, quen ten marabillosos poemarios centrados en aspectos moi concretos: a flora (Versos vegetales), animais (Bibichos) e agora coa música e os meses.

A.R.: Depende, en ocasións chégate a idea de poemario como proxecto temático máis ou menos pechado. Así ocorreu en Versos vegetales, que como o seu propio nome indica, recrea meu amor ás plantas. Pero noutras ocasións, en La Vida Láctea, por exemplo, o libro constrúese a partires de pezas máis diversas e aparentemente deslabazadas. Aínda que, polo menos no meu caso, sempre existe -creo- algún tipo de fío condutor, xa sexan estruturas poéticas, atmosferas, xeometrías, ou temporalidades… E así, sen predeterminación, poden ir agrupándose versos ata que se barrunta un aire, un perfume de libro. Cando non pasa nada disto, pois se deixan durmir os poemas nun caixón, ou se liscan ao lixo directamente, e “sanseacabó”.


A traxectoria ilustrativa de David vai dar aquí un novo xiro. Vendo os seus últimos libros o que máis sobresae nesta ocasión, o que en verdade destaca, é a gran imaxinación posta ao servizo das ilustracións. Vai brotar unha imaxinación desbordante, quizabes pola soidade e a liberdade de non cinguirse a uns textos.

D. P.: Nesta profesión non hai peor cousa que repetirse ou estancarse. Miro cara atrás e vexo libros que fixen, e que agora faría de diferente maneira. Isto é bo porque decátome que vou evolucionando, pero a veces me causa un sentimento de ansiedade. Miro cara adiante e vexo o moito que me queda por facer, e o moito que podo mellorar. Vexo a magníficos ilustradores, excelentes pintores, grandes debuxantes...en definitiva, moitísima xente xenial da que podo aprender e que me serven de inspiración para o meu traballo. Seguramente o feito de facer as ilustracións sen ter un texto predeterminado deume unha liberdade que normalmente non teño, pois neste libro foron os textos quen tiveron que adaptarse ás ilustracións, cando o normal é que sexa ao revés. Non penso que este libro sexa un xiro na miña traxectoria. Máis ben é un pasiño máis nun camiño que fago cada día con máis ilusión e que non sei a onde me leva.


A poética de Antonio Rubio é unha das voces máis asentadas e recoñecidas no eido infantil. Gabriel Celaya titulou un poema La poesía es un arma cargada de futuro. Que hai que lles dicir aos nenos e nenas a través da poesía?

A. R.: Aínda que pareza un tópico, na creación poética cabe todo; agora ben, os temas soen ser recorrentes (xogo, ritmos, animais, cancións, natureza, salmodias, retahílas…) e só depende o resultado do talento de que se dispoña ou do chou, ou da vixilia ou complicidade das musas, que habelas, hainas. Aínda que eu tamén penso que se veñen visitarme o mellor é que me atopen traballando. En canto a que hai que dicirlles, creo que se lles pode dicir todo. Todo cabe agás o adoutrinamento e la intención didáctica.


David xa leva moitos anos traballando a dúo con Carlos López en Pinto&Chinto, tanto no traballo diario como humoristas gráficos como na publicación de libros infantís, onde levades publicados xuntos unha ducia de títulos. Faise estraño traballar con outros autores?

Traballar con Carlos é un luxo. Levamos feitos xa doce libros xuntos, e inda temos moitos por facer. Carlos é, sen dúbida, un dos mellores escritores de literatura infantil que hai e houbo en Galicia. Pénsoo sinceramente. Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka, é unha auténtica xoia da LIX galega, un dos mellores libros infantís que se escribiron nos últimos anos en Galicia, e estou convencido que, co tempo, se converterá nun clásico da literatura galega. Teño que subliñar ademais que o de Carlos ten moitísimo mérito, pois todo o que leva conseguido tanto no eido do humor gráfico como no da LIX en Galicia, foi froito do traballo, a independencia e a honestidade. Unha carreira profesional que de seguro será máis valorada no futuro, e antes fóra de Galicia. Para min, ter a oportunidade de traballar con textos cheos de tanto lirismo, tanto humor, e tanta imaxinación, é un auténtico pracer. Inda así, non é novo para min o feito de traballar con outros escritores, e incluso de facer os meus propios proxectos, xa que levo case corenta libros ilustrados en total. Gustaríame seguir ilustrándolle a Carlos as súas historias, pero sen renunciar a outros proxectos que me resulten inspiradores e me obriguen a avanzar.



Maio, 2012

Co pregón do escritor lucenses Antonio Reigosa principiou hoxe a XXX Feira do Libro de Lugo, que se desenvolverá ata o vindeiro domingo 20 de maio.

A Praza Maior da cidade será un escenario no que os asistentes a esta cita poderán gozar de actuacións musicais e de danza, grazas ao traballo do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza, da Escola Profesional de Música Cantarela de GALÉN, do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, e do Centro de Estudos Musicais Rossini.

Ademais, os lectores poderán atoparse con autores nas presentación de libros que se celebrarán a diario nas casetas da feira, tanto dirixidas aos adultos como aos máis novos da casa. Tamén para estes últimos haberá actividades específicas, como o encontro co rato detective Gerónimo Stillton ou cursos de cociña infantil.

Como non podería ser doutra forma, a figura do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Valentín Paz-Andrade, estará presente na Feira. Marina Cillero, a escritora e profesora universitaria Carmen Blanco, a directora do Museo Provincial, Amelia Balseiro, e a xornalista radiofónica Tonina Gay serán as encargadas da lectura de textos de Paz-Andrade, un acto coordinado pola xornalista de El Progreso Ángeles Fernández Maira.

Ademais, o propio día 17 Cristina F. completará a presentación dos libros de contos A comer cun obradoiro de letras galegas en masa de pan, dirixido a nenas e nenos de 3 a10 anos.

Na feira participan a Libraría Trama, Gran Enciclopedia Galega, Librería Cartabón, Libraría Tanxencias Cómic, Deputación Provincial de Lugo, Biblioteca Pública de Lugo, Libraría Souto, Libraría El Faro de los Tres Mundos, Librería La Voz de la Verdad, 7 Mares Libros e Librería Aguirre.

Todos os libros terán un desconto de feira do 10% e como peche de cada unha das xornadas realizarase o sorteo dun lote de libros.

Xa hai os gañadores do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia. O xurado, formado polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero, acordaron os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón.

Na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal).

A esta edición recibíronse 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.

 

A plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e da que fan parte case 700 entidades sociais de todo tipo, convoca á cidadanía a unha manifestación para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, cuxo lema central será nesta ocasión “Paremos os ataques contra o galego”.

Tal e como explicou Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz nacional da plataforma, “sobran os motivos” para mobilizarse e para “ateigar de novo” as rúas e prazas de Santiago de Compostela este vindeiro Día das Letras, precisamente cando se fan tres anos da primeira das multitudinarias manifestacións que se sucederon nos últimos anos contra a “política de desmantelamento da cooficialidade lingüística” e de “caza de bruxas contra o galego” emprendida polo goberno galego.

“Nestes tres anos non se produciu nin un só adianto para o galego”, indicou Callón, e pola contra “o que hai é un goberno da Xunta máis preocupado en atacar a lingua propia e destruír a súa oficialidade que en resolver os problemas da xente”.

Para a ampla plataforma unitaria impulsora das máis multitudinarias mobilizacións cidadás en defensa do galego o actual goberno autonómico ultrapasou xa “moitas, demasiadas liñas vermellas”. Unha das máis recentes, recorda a plataforma, é “cuestionar”, mediante a “censura” de textos escolares, “que o galego é a lingua propia de Galiza”. “Hai agresións moi graves que a inmensa maioría da sociedade galega ninn aproba nin está disposta a tolerar”, advertiu Carlos Callón.


O Concello de Santiago nega os permisos

Cando faltan 48 horas para a manifestación cidadá en defensa da lingua, o goberno municipal resolve negativamente unha petición "que sempre foi de trámite" para poder colocar un palco, para usar o punto de luz necesario para a megafonía do acto final e para poder colocar unha faixa informativa na Alameda de Santiago de Compostela.

Carlos Callón asevera que "desde que A Mesa existe, hai 26 anos, nunca nos encontramos cunha resolución tan disparatada para unha mobilización en defensa do noso idioma". "Quérennos deixar sen voz: temos máis razóns que nunca para erguela e para acudir a Compostela o Día das Letras", aseverou Callón, quen considera que, "o actual goberno de Santiago ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural e coa liberdade de expresión, como puidemos ver primeiro co Correlingua e agora coa manifestación do 17 de maio".

O Concello denega case todos os puntos solicitados por Queremos Galego baseándose en que "a manifestación coincide coa Ascensión", excepto a petición do punto de luz preciso para a amplificación do son, na cal non utiliza a escusa das festas, senón que non ofrece ningún motivo. Porén, desde a plataforma sinalan que "parece unha burla querer denegar esa licenza baseándose na Ascensión, xa que non é a primeira nin será a última vez que o día 17 de maio coincide con eses festexos". O presidente da Mesa di ironicamente que "a culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego nun 17 de maio".

O Concello coloca todos os obstáculos que pode para esta manifestación, "dentro do seu ámbito de competencias", mais non pode prohibir o acto, xa que este foi solicitado "en tempo e forma" na Delegación do Goberno. "O que nos deixa estupefactos é que todas estas xestións, que todos os anos son de trámite, se queiran converter agora en impedimento para exercer o noso dereito democrático a manifestarnos", sinala o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego.


O Consello da Cultura Galega celebrará o vindeiro 24 de maio a xornada Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega. Tres relatorios e unha mesa redonda abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio no marco dos actos conmemorativos do centenario do seu nacemento.

A xornada está coordinada polo profesor Xosé Manuel Núñez Seixas., e contará coa participación de Anxo Lugilde, Xosé Neira Vilas, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Núñez Seixas, María Xosé Porteiro, Román Rodríguez González, Raúl Soutelo Vázquez e Ramón Villares.

Xigantes ou ananos? ten como obxecto debater a actualidade das propostas críticas verbo do papel histórico e presente da emigración galega. Para iso reavaliarase, dende unha perspectiva actualizada, a discusión que provocara a aceda crítica ás colectividades de emigrantes galegos en Venezuela que contiña Viaxe ao país dos ananos, e tentarase bosquexar cales poderían ser os paralelismos e as leccións desa discusión no presente.

Ao longo da xornada, diferentes expertos abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio Ferreiro denantes e despois da súa emigración a Venezuela; o contexto e os trazos principais da inmigración galega e da colectividade galega en Venezuela entre as décadas de 1940 e 1970; e mais a discusión transnacional, na propia Galicia e nas comunidades de emigrantes de América e Europa, que foi provocada polas acusacións de Celso Emilio, o que tamén se vencellaba coas propias ideas do poeta arredor do feito migratorio. Concluirase cunha mesa redonda en que se afondará sobre a actualidade ou non das propostas do celanovés e dos seus críticos, e tentarase un posíbel balanzo da relevancia que a emigración e mais as comunidades de emigrantes desempeñaron na historia e no presente de Galicia.

 

 

Josefina Rodríguez-Sanjurjo y Salgado, filla do escritor Primitivo Rodríguez Sanjurjo, depositou na Real Academia Galega (RAG) boa parte do legado intelectual e vivencial de seu pai.

Nado en Ourense, no ano 1880, e finado en Lugo, en decembro de 1947, Primitivo Rodríguez Sanjurjo foi un destacado intelectual e escritor. Licenciado en Dereito pola universidade de Salamanca, estudou tamén Filosofía en Madrid e alí conviviu con grandes nomes da nosa historia como Otero Pedrayo e Cuevillas cos que, posteriormente, formaría parte do grupo de "inadaptados" ourensáns. A súa formación intelectual enriqueceuse coas lecturas de Rubén Darío, Verlaine, Baudelaire ou Villiers de L'Isle Adam. Con estes novos, participou nas xuntanzas e discusións que mantiña o inquedo grupo ourensán. A partir da fundación de La Centuria, no ano 1917, publicou diversos artigos na revista baixo pseudónimo de Beta Herculis.
En 1920 foi chamado a desempeñar unha cátedra de Literatura Española do Século XIX na Universidade de Cornell (Nova York), onde aparece asinado en 1921 o seu libro Escenas de gigantomaquia (Ourense, 1923), aínda que xa publicara no, ano 1910, o libro de poesía Las mesetas ideales.

A súa estadía en Estados Unidos durou ata 1926 e, seis anos despois, en 1932, obtivo a cátedra de Xeografía e Historia no instituto masculino de Lugo. Foi académico correspondente da Real Academia Galega.

O material legado a RAG componse de numerosos libros, revistas, documentos e mesmo unha importante colección de obras de arte.

O vindeiro mes de xullo celebrarase, nas instalacións da Academia, un acto simbólico da entrega.

O poeta lucense Claudio Rodríguez Fer ven de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes a proposta dos departamentos de Español e de Bretón desta institución académica francesa. Claudio Rodríguez foi profesor convidado de Literatura Española e Hispanoamericana na Universidade de Alta Bretaña en 1995 e exerce como profesor visitante na universidade de Bretaña Sur, en Lorient. Na actualidade desenvolve o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Humanidades en Lugo.

A obra de Rodriguez Fer está traducida a numerosas linguas, como o bretón, francés, castelán, inglés, italiano, alemán, ruso, catalán... e ten no seu haber recoñecementos como o Premio da Crítica Española por Tigres de ternura; o Premio Losada Diéguez por Poesía galega e por A literatura galega durante a guerra civil, e, no campo académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento. Actualmente é director da Cátedra Valente de Poesía e Estética e da revista de investigación Moenia. Coordina con Carmen Blanco Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, e promoveu a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

A Universidade de Alta Bretaña concedeu o título de doutor honoris causa a outros escritores hispánicos, como o peruano Mario Vargas Llosa, o chileno Jorge Edwards ou o hispano-francés Jorge Semprún. Claudio Rodríguez Fer será o primeiro escritor en lingua galega que recibe esta distinción. O acto de investidura terá lugar en Rennes o vindeiro 28 de xuño.

Se hai uns días entregábanse os premios Frei Martín Sarmiento para a 4ª (1º e 2º ESO ) e 5ª categoría (3º e 4 de ESO e Bacharelato) a Dragal e a Menú de enganos, respectivamente; vense de entregar, nun acto celebrado no Museo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, os restantes galardóns.

O acto de entrega destes galardóns enmárcase na Festa da Lingua, unha iniciativa que promove anualmente a Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas, e que este ano congregou na Cidade da Cultura 600 escolares de educación primaria.

Precisamente, son os alumnos e alumnas os que resolven estes premios votando polas súas novelas favoritas. As obras gañadoras desta edición nas tres categorías de educación primaria foron As espiñas do porco espiño (A Nosa Terra) de Abraham Carreiro, no primeiro ciclo; Xoa (Xerais) de Antonio Yáñez, no segundo ciclo; e A filla do ladrón de bicicletas (Xerais) de Teresa González, no terceiro ciclo.

Queda aínda por coñecer a obra gañadora da sexta categoría, dedicada ao público adulto, onde compiten as seguintes obras: Futuro imperfecto (Galaxia) de Xulia Alonso; Denso recendo a salgado (Xerais) de Manuel Portas; e A lei das ánimas (Galaxia ) de Carlos G. Reigosa.

O concelleiro de Educación e Cultura de Negreira, Luis Calviño Pueyo, xunto co técnico municipal, Marcos Pérez, presentaron o programa de actividades que se desenvolverán no concello coruñés co gallo do Día das Letras Galegas.

Entre as múltiples actividades que se realizarán entre o 16 e o 20 de maio sobresae a convocatoria do primeiro Premio de Poesía "Ardeiro". Presentarase o 17 de maio ás 19.00 h., no auditorio do Centro Sociocultural, e incluirá unha actuación musical no acto no que participará o profesor José Antonio Ponte Far, e mailos fillos do finado poeta de Logrosa Xosé M. López Ardeiro.

Por outra banda Luis Calviño informou que dende o mércores 16 e até o sábado 19, estará aberta, na primeira planta da Casa dá Cultura, a sala de exposicións onde se garda o despacho xunto co legado da obra do escritor, Xulián Magariños Negreira.

Deste xeito, amais de homenaxear a Valentín Paz-Andrade, autor a quen se dedica o Día das Letras Galegas 2012, o concello de Negreira lembra a dous dos seus escritores máis sobranceiros.

Xulián Magariños (1904-1934) foi un escritor e avogado galego e membro fundador do Seminario de Estudos Galegos. Colaborou en prensa e no Vocabulario popular Galego-Castelán. Chegou a publicar dúas noveliñas curtas na editorial Lar: O Kalivera 30 H. P. e O filósofo de Tamarica.

O poeta Xosé Manuel López Ardeiro (1944-2007) foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes e da ONG Alén Mar, en Negreira. Ten no seu haber unha abondosa creación poética, merecedora de premios como o Cidade de Ourense no 1981, o Celso Emilio Ferreiro de Vigo no ano 1985 ou o Eusebio Lorenzo Baleirón no 1988.

 

Carballo celebra o Día das Letras do 17 de maio a través dun programa de actividades que dura todo o mes e que se centra nunha serie de datas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura con propostas moi diversas como teatro, concertos, exposicións ou festivais.

O Programa das Letras 2012 está organizado pola Concellería de Cultura, pero tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial.

Como cada ano, o acto máis esperado é o maratón As letras en voces, o día 17 de 11.00 h. a 13.30 h., unha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que cada participante le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o pontevedrés Valentín Paz-Andrade. Os interesados e interesadas en reservar horario poden facelo no teléfono 981 704 300; no fax 981 704 302 e no correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . O maratón "As letras en voces" contará, así mesmo, coa apertura musical da Banda Tradicional de Gaitas, que dirixe Xesús Moreira, e coa actuación das corais Riveiras do Anllóns e o coro da Asociación COEI

Outra das citas máis relevantes do programa ten lugar o mércores 16 de maio a partires das 21.00 h. Trátase de "Vitaminas para o galego", un pequeno festival que pretende darlle enerxía ao uso e prestixio da lingua galega. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, un grupo galego que está formado pola cantante carballesa María Xosé Silvar e polo guitarrista Tito Calviño.O Programa das Letras prestará unha especial atención aos libros e á lectura coa presentación de dúas obras. O sábado 19 ás 20.00 h. é a quenda de Comarca natural de Bergantiños de Salvador Parga Pondal. A cita está organizada pola AC San Campio de Cances e conta coa colaboración de Xosé Manuel Varela Varela, Xosé Pumar Gándara e Xosé María Varela Martínez. Tamén no Local Social de Cances permanecerá entre o 19 de maio e o 19 de xuño a exposición da fotógrafa Ana García O soño azul.

O venres 25 ás 21.00 horas é a presentación de Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, un traballo que xunta a Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial (pai e filla) para amosarnos a Costa da Morte dun xeito diferente. A cita está organizada polo Seminario de Estudos Comarcais e conta coa colaboración do Instituto de Estudos Bergantiñáns e o Concello de Carballo.

Páxina 1 de 97

AXENDA

Maio 2012
L M M X V S D
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3