Tras reunirse o pasado 28 de novembro o xurado do VI Premio Arume de Poesía para nenos/as, organizado pola Fundación Xosé Neira Vilas, acordouse por unanimidade conceder o premio á obra presentada baixo o título Patente de corso (pequeno dicionario pirata), do poeta ceense Rafa Vilar. En opinión do xurado, formado para esta edición por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez, Xoán Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez Fernández, a obra Patente de Corso tratáse dunha composición poética con piratas bos, xoguetóns e atractivos para o público infantil. Non son corsarios violentos senón máis ben inxenuos, que mesmo esquecen cargar os canóns para librar así unhas batallas nas que ninguén se magoa. Estruturada en estrofas de 2 a 4 versos octosílabos, o autor logra imprimir un ritmo rápido e un estilo lixeiro, non por iso baleiro de contido, pois hai referencias ao galego Benito Soto, aos Camiños da Vida e mesmo á Internacional por resaltar algúns exemplos. Destaca tamén o seu léxico coidado que mestura termos tradicionais con termos piratas conseguindo un ambiente literario lúdico e apacible.
Así mesmo, o xurado acordou facer dúas mencións de honra ás obras presentadas baixo os lemas: Verdedades da autoría de Iolanda Castaño e Flores de Abruñeiros, de Alberto Calvín Corredoira.
O premio, amais da dotación económica establecida, conleva a publicación da obra premiada. O premio entregarase o neste mes de decembro de 2011 nun acto público na Sede da Fundación Xosé Neira Vilas, o que se confirmará con anterioridade.
Rafa Vilar é licenciado en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago. Membro do Batallón Literario da Costa da Morte, foi tamén un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal. Ten unha abondosa produción poética, merecedora de premios como o Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Cidade de Ourense. No ano 2009 fixo a súa primeira incursión na poesía infantil co seu libro Acuarelas, publicado en Galaxia.

