FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Sábado, 12 Novembro 2011 13:48

Concurso para o alumnado sobre Valentín Paz Andrade

Publicado por  Redacción
Puntúa
(2 votos)
Valentín Paz Andrade Valentín Paz Andrade

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso para promover a celebración do Día das Letras Galegas 2012 nos centros educativos. Con este obxectivo, propón a elaboración dunha exposición arredor da obra, da época e da lingua de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado o 17 de maio do ano que vén, así como da situación sociolingüística do momento no que viviu.

O concurso conta con dúas categorías: nunha delas poden participar os centros de educación infantil e primaria, e a outra está dirixida aos centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional específica. Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías.

O concurso pretende ser unha canle para fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas na dignificación e normalización da lingua galega, así como para enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros.

Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 3.000 euros. Ademais, a mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior, tales como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros. Todos os centros que estean interesados participar nesta iniciativa poderán facelo ata o 16 de xaneiro, día en que remata o prazo para a admisión dos traballos.

Información adicional

AXENDA

Maio 2012
L M M X V S D
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3