Como no conxunto da súa obra o mar é paisaxe e chéirase un recendo a salgado. Non obstante, sobresae como trasfondo de Os papeis do vagabundo a Guerra Civil, a súa posguerra e o amor neses tempos atroces. Estamos a falar dun achegamento temático moi pouco frecuente dende un punto de vista poético. Poucos poemarios trataron o guerracivilesco, abondo habitual noutros xéneros.
A Guerra Civil como temática sempre foi importante na literatura galega, tanto en cantidade como en calidade. Velaí tes, por exemplo, os libros de Fernández Naval ou de Fernández Ferreiro. Nos últimos anos volveuse sobre esa materia, en parte pola Lei de Recuperación da Memoria Histórica. Eu creo que é importante para amosar ás novas xeracións o que pasou. Aínda que por idade a miña xeración non viviu aquilo, si nos chegou por medio dos nosos pais e avós.
Este libro publícase agora pero o escribín no ano 2005, cando estaba nun momento álxido ese tema. De todos os xeitos, aínda que por suposto todo iso estivo presente na concepción de Os papeis do vagabundo, este libro nace da intención de escribir sobre o feito de alguén que asume, dunha maneira heroica, un fracaso na vida; neste caso a derrota na Guerra Civil. Eu quería falar, máis que do concepto de guerra en si, dunha perda máis cruel: o derrubo das esperanzas estragadas por mor da vitoria fascista. E o protagonista de Os papeis... asume a súa responsabilidade na derrota. Non é que el sexa o causante de nada pero séntese culpable.
O vagabundo vaise espindo, poema a poema, aos ollos do lector.
Dende un punto de vista estilístico preocúpame a voz de quen escribe, de quen está narrando: unha voz situada máis alá da miña propia voz. Case todos os meus libros son así, outro é quen pon a voz. Sucede en Taberna á deriva (Espiral Maior) e en O adeus do vello mariñeiro (Xerais), onde hai personaxes que se afastan de min e narran os feitos. Interésanme eses personaxes que saen de min cara fora e logo eu entro nesa nova pel para escribir o libro. É un xogo moi suxestivo, moito máis que falar de min, aínda que no fondo o estea a facer.
Logo está outro xogo no libro, que son todos eses poemas que o vagabundo vai deixando debaixo das cuncas do café á camareira, sen falaren, sen tocaren... Un xogo de amor profundo, serio, apaixonado, entre dúas persoas que se ven todos os días pero non se dirixen a palabra.
Na beleza atopamos o horror e dese horror brota o lirismo que da lugar a estes poemas de amor que o vagabundo dedica á camareira da baiuca. Comprobamos que incluso en terra erma brota o fermoso.
O escenario pode propicialo, predispoñer esa forma de amor que non chega a se consumar, non só no físico, senón no verbal.
Os nosos avós chamaban a esa época de posguerra a época da fame. Os recursos que utiliza o vagabundo para fuxir serían por unha banda soñar e por outra pensar no triunfo de algo inevitable. Non podías acreditar o triunfo da liberdade, porque xa estaba perdida, pero si o triunfo na beleza. O vagabundo cambia a liberdade pola beleza, e esa beleza é o que lle achega á liberdade.
Ten vostede unha especial querenza por este tipo de personaxes: vagabundos, náufragos, ... Figuras que perderon a terra, sen patria.
A figura do vagabundo aparece en obras anteriores, tanto de poesía como nos libros infantís. É un personaxe que canda neno me fascinaba, ao igual que agora, aínda que dun xeito máis racional.
Eu vinculo o vagabundo coa soidade. Hai moitas cousas íntimas que non somos quen de expresar e fan que dentro de nós se cree un lugar onde cabe a soidade. Somos soidades compartidas. E esa soidade do vagabundo, que vai só pola cidade, sen falar con ninguén, vivindo na rúa, atráeme.
A pobreza, a fame, as penurias dese período de posguerra tamén teñen cabida en Os papeis do vagabundo, como se reflicte nestes versos do propio vagabundo: Non é café, é chicoria / pero todos chamámoslle café.
Era época de fame. Había escaseza de produtos, non era só cuestión de ter ou non ter cartos. A miña avoa contábame como tiña que ir dende Coruña a Arteixo, camiñando, para comprar produtos que non había aquí, como as patacas.
Onde agora se sitúa o Playa Club, en Riazor, había unha cousa que se chamaba o fielato, que era como unha especia de alfándega onde os carabineiros revisaban o que traía a xente. Había que abonar unha cantidade por meter esas cousas na cidade ou deixar unha parte da mercancía. A miña avoa relataba como introducían o que traían debaixo da saia para non ter que pagar.
Outra das cousas que me marcaron daqueles tempos e que escoitaba a miña avoa era como levaban a comida aos presos ao cárcere. Ela tiña un cuñado na cadea por motivos políticos. Para un neno coma min que escoita aquilo impresiónase.
O pensamento é alado / como un Ícaro que consciente da derrota / non renuncia ao soño
O soño do perdedor é o único lugar onde non sentirse derrotado. Como comentaba vostede con anterioridade o onírico serve para calmar a dor do fracaso, para sentir a liberdade.
Este libro ten moito que ver con outra fascinación miña tamén ancorada na Guerra Civil, que son as Marías de Santiago de Compostela: Coralia e Maruxa. As Marías foron dúas mulleres vítimas da represión fascista. Os seus irmáns eran importantes dirixentes da CNT en Galicia e elas seguramente tamén foran militantes. Coralia e Maruxa sufriron unha persecución constante por parte da policía, que as amedrentaba acotío para que confesaran onde se atopaban os irmáns. Disque, aínda que non estea documentado, que as violaron. E elas como se defenderon? Como exerceron unha rebeldía ante iso? Pois exercendo como esas Marías tolas que a xente vía. Expresando a tolería a través das súas roupas rechamantes. Toda a xente que as coñeceu falaba daquela época como dun Santiago gris e elas, a través das súas vestimentas, enchían as rúas de cor. As dúas Marías fixeron unha cousa moi importante, non sei se consciente ou inconscientemente: que a xente soñara con ser libres. Todos aqueles que se sentían reprimidos, que non se atrevían a facer moitas cousas, tiñan ás Marías como un referente de que se podía ser libre, que se podía un rebelar. Creo que che contestei.
A loita contra o destino do vagabundo, que como veremos está marcado.
O vagabundo é un home idealista no senso de que ten uns ideais, pero tamén é un home realista, sabe cal é a realidade e especialmente a súa realidade. Estamos nos anos 40, perdeuse a guerra e o vagabundo se pregunta Agora que queda? A súa actitude é a da dignidade e ten que pagar por un traballo mal feito.
Tes o cabelo en desorde / neste tempo de orde e obrigas.
Traballar o verso como denuncia e reivindicación.
No conto que precede ao poemario se intúe que o vagabundo era galeguista e anarquista e eses poemas veñen referenciar precisamente iso. Ao longo do libro intuímos que o vagabundo foi antes mariñeiro, e o sindicato maioritario no mundo do mar daquela foi a CNT, un sindicato anarquista.
Todos os poemas son tres tercetos de versos libres. Unha estrutura frecuente na súa poesía. Incluso, aínda que se trate dun longo poema, repítese esa estrutura de tercetos no seu novo libro Camiño ao mar (Auga Editora).
Toda a miña poesía é con ese formato. Aparece en Taberna á deriva, repetirase en O adeus do vello mariñeiro, vese nestes Papeis do vagabundo e poderase comprobar nos libros pendentes de publicar. E aínda máis, en Camiño ao mar o lector pódese decatar que, a pesares de ser un poema longo, ten corpo de seu se os dividimos cada nove versos.
A min me facilita o traballo esa forma de escribir. Eu son un escritor de método, non escribo ao chou. Gústame ter unha estrutura poética prefixada de antemán e esta en concreto acáelle moi ben á miña poesía.
Eu atopei esta estrutura en Jack Kerouac. El falaba do seu interese no haiku e de pasalo ao inglés. Tempo atrás estiven dándolle voltas a iso, pasar o haiku ao galego. Evidentemente os meus poemas non son haikus pero a partires deles cheguei a esta disposición.
Logo está que a miña poesía é de índole narrativo e debedora da Arte poética de Aristóteles, onde se sinala que nunha historia debe de se contar en tres partes: formulación, desenvolvemento e desenlace. Os meus versos nacerían desa estrutura: os tres primeiros versos sería a formulación, os seguintes o desenvolvemento e os tres últimos o desenlace. Pero tampouco creo que eu sexa moi consciente disto, decátome a posteriori.
Que lugar ocupa este traballo na súa obra poética? Vemos moitos puntos en comúns cos seus libros anteriores.
É difícil responder a iso. Creo que todos os libros ocupan o mesmo estado. Pero teño para min que a literatura é un camiño na busca dun discurso vital, e cada un dos libros é un paso máis dese camiño. Os papeis do vagabundo é unha nova pegada no camiño.
Cada libro ten a súa importancia no momento no que foron escritos, pero neste caso particular Os papeis do vagabundo ocupa un lugar moi importante, noto que ten unha receptividade maior por parte dos lectores que con outros libros meus.
A Coruña. Febreiro 2011

