FervenzasLiterarias

Literatura galega na web dende 2007

Luns, 25 Xuño 2007 17:10

Conversamos con... Tucho Calvo

Publicado por  Redacción
Puntúa
(1 Votar)
tucho_calvo

Tucho Calvo Rego (La Guaira, Venezuela, 1954) é xornalista, escritor e editor.

Como xornalista traballou en El Correo Gallego, colaborou en La Región, Arriba, Opinión, Ciudadano, Radio Francia Internacional e El País. Dirixiu durante unha breve etapa La Crónica de León. Actualmente traballa en La Voz de Galicia onde é Redactor Xefe de Accións Especiais.

Como escritor ten publicado narrativa, contos, literatura infantil e xuvenil, biografía, ensaios. O seu libro 'O xabaril branco' foi o primeiro libro galego que se puido baixar na web.

Desde o 2003 é responsable, xunto a Carmela González Boó de Biblos, Clube de Lectores, unha iniciativa para a difusión do libro galego e portugués.

 

 


 

Fervenzas Literarias: Xornalista, escritor, agora editor... ¿En que papel se sénte máis cómodo?

Tucho Calvo: Non che podería decir. O conxunto de todas esas cousas é o que me completa

 


Tucho Calvo, xornalista


Se repasamos a súa relación cos proxectos culturais de La Voz de Galicia atopámonos con:

No ano 2000 a edición do libro “Murguía y la Voz de Galicia” cunha tirada de 150000 exemplares. Tamén no 2000 o éxito das ‘Páxinas Literarias’.

A publicación de ‘O xabaril branco’, a primeira novela galega na Internet con debuxos de Miguelanxo Prado.

No 2002 coordina o relanzamento da revista Golfiño.

No ano 2002 a maior iniciativa na literatura galega, a “Biblioteca Galega 120” que terá a súa continuación na “Biblioteca Gallega de autores en castellano” no 2004 e a “Biblioteca Galega de clásicos universais” no 2005.

¿Como ve despois destes anos esa traxectoria?

En todo caso, o que hai que ter moi presente é que todas esas cousas non son o traballo dunha única persoa e que poden facerse gracias a un equipo coma o da Voz de Galicia onde tes apoios de todo tipo: desde asesoramento xurídico ata a xente de márketing, de vendas, etc.

¿Qué supuxo para a sociedade e a literatura galega o gran éxito da Colección 120 da Voz de Galicia?

Esa colección tivo sobre todo o mérito de permitir contradicir moitos tópicos, como que non se le en galego ou que non se vende en galego ou que non se pode facer nada en galego. Hai que analizar punto por punto cada unha das características da colección que deron pé a ese éxito pero en calquera caso está claro que foron varios millóns de libros vendidos e que foron libros vendidos semana a semana.

¿Cal foi o total de libros vendidos?

Máis de 5 millóns. Cara o final a tirada que se estaba facendo andaba por 35-40 mil exemplares por título pero os primeiros títulos foron 65-70 mil exemplares. Son cifras a lo menos ata ese momento impensables, polo menos en Galicia.

¿Volveremos ver outra gran iniciativa deste tipo por parte de La Voz de Galicia?

Habitualmente estanse facendo, unhas con máis éxito e outras con menos. Todos os anos polas Letras desde que se editou o libro de Murguía edítase un libro arredor do autor das Letras. Este ano fixemos algo que rompe un pouco co libro que viñamos editando ata agora. Publicamos un libro en pequeno formato cun disco, que como obxecto é moi bonito e ademais vendeuse moi ben, máis de 15000 exemplares nun día ou día e medio.

¿Leremos algunha vez La Voz de Galicia totalmente en galego, ou polo menos unha edición bilingüe?

Aínda que non me corresponde decidilo agardo que si. Téñense feitos numerosos estudos sobre o tema. Supoño que nalgún momento daranse as condicións para que non sexa un desexo e o apoio da sociedade permita facelo economicamente viable para que poida ser posible.


Tucho Calvo, escritor

 

 

 

Os seus último libros, a novela Corazón entre desertos, do 2002 e Carlos Casares. O conto da vida, do 2003. Cando volveremos ver ó Tucho Calvo escritor.

Pois non o sei, porque a verdade é que teño pouco tempo para escribir e ademais o certo é que se publica moito e moi bo e que fai máis falla dar a coñecer esa obra a que eu siga escribindo. Pero bueno... ¿cando escribirei? Algún día, algunha cousa teño por aí escrita pero require volver a elo.

O seu libro ‘Froito das lembranzas’ (Edicións do Cerne, 1981) acadou o premio Galicia, daquela o de máis contía económica. ¿Os premios literarios serven para recoñecer ó autor ou para facer que o lector 'pique’ e merque un libro cunha lapeliña que poña Premio X ?

Teño a impresión de que os lectores non seguen os premios a non ser que sexa un lector que lle gusta determinado premio e entón merca os libros dos premios son do seu gusto; así como o caso contrario, o lector que non le o gañador nin de broma.

Eu teño escoitado a máis dun editor que entre un libro que ten un premio e outro que non o ten, normalmente vende bastante máis o libro premiado

Home, supoño que si, porque quen vai comprar un libro suponlle unha garantía, é coma unha recomendación. Pero si un libro funciona no boca a boca seguramente funcione moito mellor. Se eu teño a posibilidade de sacar un libro que sei que a xente vai falar del, prefiro editar ese que un cun premio.

Pero bueno, nós temos un primeiro premio Biblos que funcionou moi ben, un segundo premio Biblos que tamén funcionou moi ben. Cando a xente que os leu vexa un terceiro premio Biblos, vaise acercar a el sen medo de que sexan rapaces novos.

‘O xabaril branco’ foi proposto dentro dun marco de colaboración AGAPI-AGE-Consellería de Cultura no 2003 para ser levada ó cine. ¿En que quedou finalmente dito proxecto?

En principio quedou en nada. Como todas as películas de época necesitaría un presuposto bastante elevado, localizacións, vestiario, .... Tamén estábase mirando a posibilidade dunha coproducción con Arxentina pero coincidiu cos peores momentos da economía arxentina e, que eu saiba, ata agora quedou en nada. Pero bueno, de retomarse algún día...


Tucho Calvo, editor

 

 

 

¿Como e por qué surxe Biblos?

Eu estaba convencido de que a distribución do libro galego non era boa e pensaba que pola vía de levar o libro a casa á xente que vive lonxe ou que non ten tempo de ir as librarías podiamos rabuñar un pouco nese mercado. Penso que o conseguimos pero con cifras que hoxe en día son pouco significativas.

En marzo Biblos cumplíu os seus primeiros catro anos de andaina.¿Como ve este curto pero sen dúbida intenso recorrido?

Con moita satisfacción, penso que poderiamos facer máis pero conseguimos que Biblos teña unha imaxe de marca. Biblos xa é unha referencia en Galicia cando se fala de edición e de libros. En catro anos xa temos presencia en televisións, xornais, radio, ... Iso significa que o proxecto calou na sociedade. Cuantitativamente, só temos 2000 socios.

Logo temos varias iniciativas, como o premio Biblos, que xa vai pola terceira edición. Unha relación cada vez maior con Portugal, onde imos publicar a novela “Os peregrinos sen fe” do autor portugués Sérgio Luís Carvalho o mesmo tempo que en Portugal. Iria López Teijeiro [gañadora do primeiro premio Biblos] tamén acaba de publicar en Portugal “Meniña de cristal”.

Temos a colección Mandaio, cunha obra publicada aí que gañou este ano un premio dos Escritores Galegos [“Medidas preventivas”, de Gustavo Pernas].

Biblos ten uns 2000 socios. O Círculo de Lectores preto de 18000 só en Galicia. ¿Non interesa a lectura ou o libro en galego?

O Círculo ten catro páxinas de libro en galego, o que tamén está moi ben. Moita xente subscrita ó Círculo compra libro en galego, e compra bastante.

¿Cal sería un numero de socios aceptábel?

Cando saímos pensabamos na cifra de dez mil, non falando en termos de que fora rentabel ou non, cantos máis socios tes máis se complica a cousa. O que si tes son máis oportunidades para facer outras cousas. Nuns cantos anos, e facendo as cousas ben e a modo, sería desexábel chegar á cifra dos 10000 socios.

¿Ata que países chega Biblos?

Biblos chega dende Xapón ata Brasil ou Estados Unidos (onde os socios non son galegos). Por Europa a diante temos socios en Italia, Reino Unido, Irlanda, ... e fora de Galicia e dentro de España por sitios onde hai galegos: Barcelona, Salamanca, Pais Vasco, ...

Está a piques de rematar o 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia. ¿Como surxe este premio?

Na maioría dos premios –nos que estiven como xurado- vías moitas veces que hai novelas nas que dis: -Que magoa, se tivese outro final ou non decaese aquí no medio ou que nalgunha fase non funcione ben.

Nós pensamos en facer este premio que é a medias un premio e un máster cun especialista.

Alo menos é un premio atípico, agora non me ven a cabeza outra convocatoria onde os participantes teñen que presentar un proxecto de novela, en vez da novela en si.

En realidade dámoslle a oportunidade a varios proxectos tódolos anos, e a todos os que se presentan intentamos que o maior numero deles teñan a oportunidade de ser finalistas e intentar unha primeira redacción do proxecto. Logo o que presente maiores aptitudes terá a oportunidade de rematalo.

Na edición do ano pasado presentáronse moi poucos proxectos, ¿Para este ano mellorou a cousa?

Este ano peor, só tres.

O gañador da anterior edición foi Alberto Ramos, un rapaz de vinte anos.

Si. No premio do ano pasado, unha das cousas que valorou o xurado para premialo é que participara o primeiro ano con outro proxecto e xa daquela quedara finalista.

É un rapaz que en dous anos escribira dous proxectos, ten vontade, e eu penso que Alberto pode chegar a ser un escritor.

Promoción da lectura en aeroportos e trens. ¿Novas iniciativas de Biblos?

O que estivemos facendo no ultimo trimestre foi algunhas cousas que nos pediron. Fixemos un libro moi bonito de homenaxe a Bonifacio Barrero, que lle fixo o Concello de Ferrol, un par de libros infantís, producimos uns relatos para a Consellería de Cultura e Renfe e o Biblos Difusión.

O último libro da colección Mandaio é ‘Os peregrino sen fe’ unha traducción do portugués de Alva Martínez Teixeiro

Neste caso é unha adaptación, basicamente ortográfica.

Biblos leva publicado teatro, ensaio, narrativa, traduccións, poesía, literatura infantil, … ¿Qué criterios estanse a seguir para a publicación dun libro en Biblos?

En principio que teña calidade, que a colección teña variedade, porque como é un agasallo ós socios e estes teñen gustos lectores do máis diversos. Agora imos publicar un de Arcadio López Casanova.

¿De que autor lle gustaría que o seu próximo libro saíse en Biblos?

Non sei. Depende máis da obra que do nome do autor.


Tucho Calvo, opinións dispersas


Nesta sociedade de redes p2p, con intercambio de música, vídeos, libros, …. Agora tamén co polémico canon de lectura. E por outra parte os colectivos que piden o acceso libre e gratuíto á cultura. ¿Cómo poden convivir o acceso libre á cultura e a industria cultural?

Supoño que con dificultade e buscando cada un o seu sitio, como aconteceu sempre historicamente con todo. O libro ten que buscar o seu sitio e o seu cliente. O difícil é na sociedade galega, que somos poucos.

¿O futuro da literatura está no libro electrónico?

Estou convencidísimo que o formato clásico do libro non vai desaparecer. Non sei cantas cousas vai ter que compartir co libro electrónico pero sempre vai estar aí.

Non haberá tanto libro impreso de referencia, porque a rede permíteche actualizar o libro practicamente tódolos días e o libro queda vello, a enciclopedia queda vella, probablemente para iso non sirva o libro impreso. Pero para creación si.

Está claro que hai que darlle un xiro ó Día das Letras Galegas. ¿Que sería necesario para potenciar este día?

Preferiblemente que non fose festivo e que se traballase doutro modo. Pero tampouco hai que obsesionarse co Día das Letras Galegas, que ten na sociedade unha presencia que foi medrando aínda que agora estancouse algo. A cousa é que o Día das Letras Galegas sexa e funcione todo o ano.

Cidade da Cultura… ¿Potenciará a cultura galega e a cultura en Galicia ou potenciará a débeda dos galegos?

A débeda dos galegos seguro. A cultura en Galicia está por ver.

O que está claro é que non se sabe o que se vai potenciar.

E xa para rematar, e coas eleccións á volta da esquina. Vostede que viviu na súa pel a emigración. ¿Como ve o voto emigrante?

Eu penso que o voto emigrante é un auténtico despropósito. Que un señor que nin coñece Galicia poida determinar quen vai ser o alcalde na miña aldea peréceme un disparate. O emigrante de primeira xeración pode ter un aquel, pero o neto dun emigrante igual tería lóxica que votase nas xerais, pero non nas locais.

 

 

AXENDA

Maio 2012
L M M X V S D
30 1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31 1 2 3