De Actualidade... Soños de circo


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia OkinaUn dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 

 

 

Joxan Ormazabal

 

Unha viaxe en tren cara o circo para mergullar ao lector nunha dormevela entre o real e o onírico. Qué pretendía encerrar neste álbum ilustrado? Cómo nace a idea de escribir Soños de circo?

Eu viaxo moito en tren, e será por iso que nunha ocasión veume esa idea á cabeza: 'Qué fan unha avoa e a súa neta unha tarde na estación? Cara onde se dirixen?' Velaí o xermolo do conto. De tódolos xeitos non ten máis misterio a cousa. A miña pretensión era escribir un texto que fora do gusto dos cativos e axeitado para ilustralo como álbum.

 

Principia a historia coa emoción de asistir ao marabilloso mundo do circo e continúa cunha dobre viaxe: por unha banda o real e por outra a dos soños, que é onde a historia cobra verdadeira importancia. É tan importante, como destacou o xurado do ‘II Premio Etxepare’, a imaxinación como antesala da vida real?

A vida real moitas veces non ten antesala, porque o ritmo que levamos é vertixinoso. Pero sempre é bo despregar a nosa imaxinación e xogar a construír novos mundos que voan ao redor da realidade.

 

A rapaza enfróntase aos seus pesadelos e entón aparece a figura da avoa para lle dar seguridade e confianza, a avoa serve de guía para fuxir dese mal soño.

Si. A nena vive unha experiencia agradable vendo o circo de nubes, pero agora séntese soíña e iso dálle medo, prodúcelle vertixe. É unha metáfora da soidade da vida reflectida nos soños.

 

'Ela durmira, pero non soñara coma min’ di a nena referíndose a súa avoa. Esvaécese cos anos esa capacidade infantil de soñar, de imaxinar?

Eu diría que si. Nese sentido a diferenza entre a avoa e a súa neta é moi clara: a nena activa a súa imaxinación e logra ver, en soños, o circo por dúas veces; e a avoa non fixo máis que durmir durante as dúas horas que pasou no tren.

É precisamente nese derradeiro paragrafo onde a narración cobra todo o seu sentido, porque é alí onde queda patente a capacidade imaxinativa da cativa.

 

Este é o seu primeiro traballo de colaboración cunha das ilustradoras máis emerxentes de Euskadi. Cómo foi ese traballo conxunto con Iraia Okina?

Primeiro pasei o texto de Soños de circo a Iraia por se lle gustaba e vía posibilidades de ilustralo como álbum. Iraia gustou da idea e comezou a traballar, foi mostrándome as ilustracións e eu fun animándoa para que continuara co camiño emprendido, porque me parecían unhas ilustracións preciosas.

 

Vostede, que foi mestre durante moitos anos, en contacto cos máis pequenos, cómo ve a relación entre nenos e libros? E co libro en éuscaro?

Deixei moitos anos atrás a docencia, pero desde a editorial onde traballo dáme a impresión de que cada vez custa máis traballo introducir aos nenos nun mundo tan interesante como é o da lectura. Existen outros centros de interese, e supoño que ocorrerá o mesmo tanto co libro en éuscaro como co castelán, o galego ou co catalán.

 

En que momento se atopa a publicación de álbums infantís e de literatura infantil e xuvenil en éuscaro?

A publicación de álbums infantís en éuscaro é algo prohibitivo, economicamente inviábel, tendo en conta os custos de publicación e o número de lectores. Por iso é que sempre temos que publicar en coedición con algunha outra editorial, neste caso con Faktoría K de Libros. As editoriais en castelán supoño que terán máis posibilidades de publicación, aínda que en castelán tamén se ven moitas traducións.

 

  

Iraia Okina

 

Soños de circo é o seu primeiro traballo de colaboración con Joxan Ormazábal. Cómo resultou a experiencia de traballar con un dos principais escritores de literatura infantil e xuvenil de Euskadi?

Eu estaba moi ilusionada de poder traballar con Joxan, e cando el me contou o argumento de Soños de circo pareceume estupendo, polo que cando el rematou de escribilo comecei eu coas ilustracións.

O primeiro paso -agora que estou comezando- foi experimentar a partires de ideas e conceptos. Atopar os materiais e os procesos que funcionasen foi a parte da viaxe máis solitaria. A partires de aí houbo un intercambio de ideas con Joxan. Eu enviáballe as imaxes e el me daba a súa opinión.

 

Qué técnicas empregou para ilustrar este álbum? Son as que utiliza vostede habitualmente ou foron adaptadas especialmente para 'Soños de circo'?

En cada un dos traballos que vou desenvolvendo atopo materiais e técnicas con máis ou menos potencial artístico, pero sempre buscando unha linguaxe visual propia. En Soños de circo utilicei por vez primeira a técnica do collage, xa que ofrece moitas posibilidades combinando diferentes cores e texturas.

 

O onírico cobra gran importancia en Soños de circo. Cómo foi o reto de ilustrar ese mundo de soños, eses soños arroupados por nubes?

A miña intención era levar ao lector dunha escena a outra mediante ambientes diferentes. Hai dúas escenas principais: a realidade e o mundo de soños, que segundo o estado da nena mudan as cores. Tiven que facer moitas probas para conseguir o ambiente dese circo de nubes.

 

Como é o proceso de se enfrontar a un texto, especialmente cando este está dirixido a un público infantil?

A verdade é que non me sinto especialmente condicionada polo tipo de público ao que van dirixidas as ilustracións cando utilizo unha linguaxe visual. Sempre procuro, como obxectivo final, que tanto o autor como o público queden contentos e sorprendidos co resultado.

 

Desde o ano 2006 se dedica só a ilustrar álbum infantil. É o terreo no que se atopa máis cómoda para expresarse?

Tanto o meu traballo persoal como o profesional están intimamente relacionados, xa que recibo encargas como consecuencia do que eu fago por iniciativa propia.

A ilustración valórase pouco, a medio camiño entre a arte e o deseño, pero sen embargo o desexo de comunicar, de crear imaxes e de comprobar que estas funcionan sobre o papel, ver aos nenos e ás nenas lendo o libro para o que creei as ilustracións é un pracer que paga a pena.

Pero como non existe a forma de garantir unha longa vida profesional a idea é combinar ámbalas dúas cousas.

 

Desde o punto de vista dunha ilustradora, en qué momento se atopa o álbum ilustrado en Euskadi?

No mundo editorial, o sector que mostrou un maior interese polo traballo dos ilustradores é o mundo dos libros infantís. Artisticamente falando son as encargas máis gratificantes, pero o álbum infantil require unha inversión económica máis grande e a seguridade de recuperar gastos e obter rendibilidade económica é menor.

É por todo iso polo que as editoriais non soen arriscarse e normalmente o que se publica son traducións.

 

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...