De Actualidade... Sol de Inverno


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

Sol de InvernoResistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 

Baixo unha prosa luminosa e de alto contido poético narra o periplo vital de Inverno: unha historia moi dura de mortes e desterros. É premeditado, á hora de escribir, ese contraste entre a luz da súa escrita e a escuridade da trama en Sol de Inverno?

A nivel persoal me seducen as historias que son moi tráxicas, esas que poñen en evidencia ao ser humano. Por outra banda, creo que estamos expostos a unha banalización da linguaxe provocado polos medios de comunicación. Escoitamos todos os días historias terribles de asasinatos e mortes relatadas con toda a tranquilidade do mundo, con palabras que parece que restan valor ao contido da noticia. O ser humano, ante iso, crea unhas barreiras que impiden achegarnos ao horror dos feitos.

Eu busco, mediante a linguaxe, romper esas barreiras, coller desprecavido ao lector, que baixe as súas defensas e lle chegue esa mensaxe fronte determinados temas. Dous exemplos moi claros de iso son os casos de Fiz e de Silvia.

 

Recrea en Antes, a aldea natal de Inverno, un mundo onde se mesturan precipicios, gabeeiros, supersticións,... Como foi a recreación de todo ese micromundo que acompañará a Inverno ao longo de toda a súa vida?

Antes comparte paisaxes, aínda que non sexa dun lugar concreto, coa zona de Valdoviño, de Cedeira, da Serra da Capelada, dos aguillóns do Ortegal... que son os meus lugares propios. Un mundo que dun ou doutro xeito sempre acaba entrando na miña literatura.

Ao longo da novela os lugares físicos son recoñecibles, velaí están Barcelona, Bordeaux, La Habana, París... O único lugar que non ten unha xeografía concreta, que non podes localizar nun mapa é Antes. E para min como escritora é un aspecto moi interesante porque me permite imaxinar, xogar a crear un lugar como é Antes.

 

Dedica o libro á escritora Silvia Mistral quen, cambiando de lugares, tamén foi obrigada a vivir nun continuo exilio: Barcelona, Francia e México. Sería este libro, dalgún xeito, unha homenaxe a todos aqueles que por mor da violencia tiveron que se exiliar, fuxir dos desastres da guerra?

Ao escribir esta novela, e a pesares de intentar relatar a historia de Inverno, é certo que encarno no libro varias cousas máis. Por exemplo, nalgunhas pasaxes do periplo que segue Inverno, como no caso da viaxe a bordo do Ipanema, nese barco van Silvia Mistral, vai Elixio Rodríguez, e outros miles máis que foron obrigados a deixar atrás a súa vida, a súa casa e marchar dos seus lugares.

Deste xeito Sol de Inverno serve, en certa medida, de homenaxe a todos os forzados a fuxir e, aínda que eu non queira contar aquí as súas historias, van explicitamente na historia de Inverno.

 

Toda a novela está escrita en segunda persoa, polo que o lector actúa un pouco de voyeur dos avatares da vida de Inverno. Que supuxo, a nivel emocional, narrar máis de cincocentas páxinas nesa segunda persoa?

Eu dediquei, tanto para esta como para calquera das outras novelas miñas, moito tempo á escrita. Unha das cousas que busco é sorprenderme a min mesma. Todos os meus libros anteriores sempre foron escritos en terceira persoa, nunca escribín en primeira e con Sol de Inverno quixen probar a facela en segunda. Ao principio foi un pouco duro, pensaba que non a daría rematada deste xeito, pero foi unha experiencia moi bonita, gustoume moito facelo así.

De tódolos xeitos hai algún truco. Nalgunhas pasaxes cambio a voz do narrador. Por exemplo, cando Luzdivina fala de seguido, faino en terceira. Iso xa me serve un pouco como alivio á hora de escribir.

 

Novela longa. Aparecen e desaparecen os personaxes. A trama salta dun lugar a outro. Á hora de escribir, segue un guión moi estruturado?

Sorprendinme moito escribindo este libro. De primeiras eu tiña os meus esquemas da trama da historia, os seus personaxes, pero estes ían cambiando sobre a marcha. Por poñer un exemplo: Inverno non ía chegar ata Barcelona. A idea inicial era partir cara Francia desde o Cantábrico; por outra banda como realmente tivo que realizar tanta e tanta xente. Pero mentres escribía a novela coincidiu que visitei unha exposición no Museo de Arte Contemporánea de Barcelona sobre os bombardeos da cidade durante a Guerra Civil e os refuxios onde se gorecía a xente. Quedei marabillada con todo iso e cambiei o barco de rumbo. De chegar ao Cantábrico atracou en Barcelona.

Eu planifico as historias, pero as veces tes que rachar con iso, hai que deixar falar aos teus personaxes, escoitalos e que che digan eles a ti o rumbo a seguir.

 

En Antes Inverno atopa o primeiro amor e por vez primeira vese cara a cara coa morte. Reproduce en Antes esa especie de paraíso perdido, aínda que neste caso máis que perdido sería un paraíso estragado polo comezo da Guerra Civil e a posterior fuxida ata Barcelona.

Para Inverno a traxedia, a perda do paraíso non coincide co comezo do estoupido da Guerra Civil, senón que ven de días antes. O horror chega directamente coa morte de Fiz. Velaí é cando principia a súa loita interior. Fíxeno a mantenta para demostrar que hai conflitos que comezan antes, contendas persoais que non ten nada que ver coas grandes guerras. A batalla interna de Inverno comeza xusto nese momento.

 

Chegamos a unha Barcelona de resistencia republicana que vive baixo os bombardeos dos pipistrelli italianos. Inverno arrincada dos brazos de Antes e da súa infancia. En Barcelona atopamos a intelectuais galegos como no caso de Féliz Muriel (Rafael Dieste) entre outros personaxes históricos. Atopamos un contraste entre o que é ficción e o que é historia, que se entrecruzan na novela.

Quixen homenaxear a propósito a Nova Galiza e a toda a xente que estaba arredor dela. A todas esas persoas que vían como se lles escapaba todo máis aínda así seguían loitando polos seus ideais, sen deixarse vencer, traballando con moitísima ilusión.

O xogo que eu quería facer ao mesturar realidade e ficción vai ligado aos personaxes que aparecen na novela. Evidentemente, todo o contexto de Barcelona é certo: as horas dos bombardeos se respectan, os refuxios tamén... pero xogo coa recreación de personaxes, como no caso de Mercé, a avoa de Silvia. Mercè é, en realidade, Mercè Rodoreda, a quen quixen homenaxear persoalmente deste xeito.

En certa maneira é unha homenaxe a moitas das persoas que viviron e que eu recreo a través da ficción. As veces, a nivel emocional, é máis doado facer sentir ao lector e á xente que non viviu eses terribles momentos apegarse a algo contando unha historia, xa que non é o mesmo ler datos que ver narrados eses sucesos.

 

Francia e os campos de concentración. Homes esfameados e mulleres dispersadas polas aldeas. A dignidade humana perde o seu sentido nesta etapa.

O período francés eu procurei respectalo moito e facerlle unha homenaxe, estilisticamente incluso, a todos eses diarios escritos que nos chegaron a nós escritos polas persoas que estaban alí nese momento e a todo o relativo á época.

Houbo nesa pasaxe da novela unha das partes que máis me gustou escribir: o momento en que Inverno viaxa coa súa familia no camión procedente de Barcelona cara Francia e está comendo do bote de leite condensado. Inverno, que se cre tan digna, tan boa persoa, ten un momento de vulnerabilidade e non é capaz de compartir ese bote cos demais nenos que viaxan no camión. É un momento de total derrota individual, pero derrota non no senso de perder a guerra ou de ser vencidos, senón de non sucumbir por sobrevivir. Esa é a sensación que quixen reproducir na súa estadía en Francia.

Todo iso sucedeu de verdade e son aspectos da historia que non se contan, pero que si sabemos grazas aos diarios de toda esa xente.

 

Viaxe no Ipanema e chegada a La Habana. Reencontro de Inverno coas súas raíces e coa emigración. Qué importancia ten Cuba dentro do imaxinario individual e persoal de Rosa Aneiros?

A chegada a La Habana por parte de inmigrantes galegos está moi documentada. Para Inverno o acceso a esa cidade significa recuperar a súa familia e desquitarse en parte de toda a amargura que levaba consigo mesma.

A min persoalmente apetecíame recrear La Habana porque Cuba está moi vencellada a miña infancia a través das historias que me contaba o meu padriño, que estivera alí moitos anos. Eu, a través das súas historias, sentía auténtica fascinación pola cidade, polos seus tranvías, os seus coches... Daquela La Habana era unha cidade moi puxante, podías facer moitísimas cousas que na Galicia de preguerra era imposible.

 

En La Habana Inverno coñece a súa bisavoa Luzdivina, filla dos cimarróns que se enfrontaron aos escravistas. En certa medida Luzdivina representa a memoria dos cubanos.

Luzdivina é un personaxe de realismo máxico absoluto. É unha persoa que fala en terceira persoa e garda na súa memoria acontecementos que ocorreron no século XV ata a actualidade.

Ela é a memoria viva das fillas de Diego Grillo, o que en certa medida é tamén unha homenaxe á oralidade e á memoria de Cuba.

 

Un dos personaxes que máis peso ten na novela é Alfredo, o pai de Inverno. Un home que comeza cunha vida tranquila como médico e alcalde de Antes que por mor dos seus ideais loita e participa directamente dos acontecementos máis importantes dos últimos sesenta anos do século XX. Sen embargo, sempre queda nel o desacougo, a impotencia.

Para min Alfredo encarna a busca dos ideais levado ao estremo. Inverno nun momento di que o seu pai se converteu nun mercenario dos seus propios ideais. Unha persoa que necesita estar no cumio da historia, presenciar e participar de todos os acontecementos históricos. Inverno e o pai son dous personaxes que fían a historia de diferente xeito. Mentres que el quere estar presente en todas as frontes e participar ela, que ten os seus mesmos ideais e pelexa polo mesmo, e que traballa tanto como el, faino doutro xeito diferente.

 

Premio de novela, premio xuvenil e este ano e autora para primeiros lectores. Móvese ben polos estremos da literatura?

Cada historia necesita ser contada dun xeito diferente. Cada historia, no momento en que sabes a quen vai ser dirixida busco a maneira de contala. Se me movo ben ou mal non o sei, pero o que busco é contala de diferentes perspectivas porque son públicos distintos.

Aínda que a nivel estilístico eu estea sempre detrás si procuro enfocalo e que se visualice de forma diferente: Ás de bolboreta (Xerais) é diferente, Veu visitarme o mar (Xerais) é diferente, Resistencia (Xerais) é diferente, Os ourizos cachos e o gran río gris (Galaxia) é diferente... O que estou pendente sempre é que non se me esqueza para quen estou contando esa historia. 

 

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...