De Actualidade... Raiolas no faiado


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 

 

Ao comezo de Raiolas no faiado vostede inclúe unha cita de Frank McCourt onde o escritor de Nova Iorque afirma: “se deixades que  [os vosos avós e avoas] morran sen coñecer as súas historias, sodes uns criminais”. Qué tomou desa memoria dos devanceiros para confeccionar todo ese universo trasdomontán que atopamos en Raiolas no faiado?

O universo trasdomontán xa estaba aquí moito antes de que eu comezase a escribir e antes de que eu nacera.

A frase que cito de Frank McCourt encerra a verdade de que non escoitamos aos vellos. A cultura galega, que é unha cultura milenaria e que está moi enraizada, estamos deixándoa de lado, estamos facendo que se converta en algo de museo. Hoxe, quen quere ver a alma tradicional, a etnografía, a antropoloxía, a cultura material e inmaterial de Galicia ten que ir a un museo agás algún evento que poida organizar unha entidade oficial ou unha asociación de veciños, por poñer un caso, pero que sempre vai ser unha cousa puntual. O resto queda como unha cultura de museo. E eu creo que aínda temos a oportunidade de recuperar moito desa cultura.

O que me chamou a atención da frase de Frank McCourt é que non escoitamos aos nosos avós e as nosas avoas e toda esa inmensa cantidade de cultura que nos poden transmitir, que é sobre todo cultura nosa, esa cultura dos nosos devanceiros que está aí e que moitas veces os maiores devecen por contarnos. Cada vez máis as novas xeracións non escoitan as historias ben porque non queren ou ben porque non lles interesan, aínda sendo eles mesmos participantes dese mundo.

Este libro é precisamente tributario a todas esas historias dos vellos.

 

Mentres que Chano Piñeiro retratou Trasdomonte cinematograficamente, vostede fíxoo literariamente, tanto en Raiolas como en Memoria de Trasdomonte (Editorial Fervenza)

Chano retratou ese mundo non só cinematograficamente senón tamén literariamente. El non publicou nunca un libro de relatos, unha novela ou poesía, pero si escribía no Faro de Vigo unha columna chamada Conversas co vento. Eses artigos foron máis tarde recompilados nun libro do mesmo título* onde se recolle a produción xornalística que Chano fixo a finais dos 80 e comezo dos 90.

Nesa columna Chano retrataba a  persoeiros saídos da cultura tradicional. A moitos deles coñecémolos os dous, como por exemplo a Paco Farria, coprotagonista en Mamasunción, aínda que el moito mellor ca min xa que Chano me sacaba nove anos.

Eu lembro a Paco Farria, tamén á Mamasunción auténtica que lle inspirou a el, que se chamaba María Rosa da Regueira e a outros tipos do noso vivir cotián de Terra de Montes, da zona de Forcarei, de todo ese entorno… onde, como en todas as comarcas e en todas as aldeas, hai xente que destaca pola súa sabedoría e que é capaz de transmitila, compartila, entreter á veciñanza coas súas historias. Un deses foi Paco Farria.

Ámbolos dous compartimos esa visión dos personaxes tradicionais que, por dicilo dalgún xeito, chamaban a atención sobre o resto da xente e pasaron á memoria colectiva e ao imaxinario popular. Tanto Chano coma min recuperámolos e retratámolos para Trasdomonte, que é un trasunto literario e cinematográfico da Terra de Montes.

 

* Conversas co vento, publicado en 1994 por ABA Edicións

 

Estes relatos procedentes da tradición oral están destinados e expandirse do mesmo xeito?

Si, esa é a miña intención. Eu cando atrapo unha lenda, unha historia ou un sucedido que pasou intento recrealo, enriquecelo… ao meu xeito. Non sei se o consigo porque teño detrás moitos anos de lectura dunha tradición que vai desde os relatos de Fole a Dieste chegando a Cunqueiro, que é o cumio.

Eu son un debedor dos clásicos, das lecturas de todos eses autores que recrearon o imaxinario, a cultura popular e a tradición oral. Eu intento escribir os meus relatos dese xeito aínda que evidentemente hai unha distancia, non son nin serei nunca Cunqueiro, pero gustaríame que a xente me recordase como un discípulo de Fole, aínda que fose como un mal discípulo. Fole non tiña a riqueza lingüística nin a cultura que tiña Cunqueiro, pero recreando as tradicións da xente seguramente era máis acertado que o propio Cunqueiro, que marchaba por outros derroteiros e máis que recrear creaba. Ánxel Fole ten un valor extraordinario como recompilador desa cultura tradicional.

 

Poderíase considerar Raiolas no faiado como un libro conceptual sobre a morte tendo en conta que esta aparece, directa ou indirectamente, na maior parte dos relatos?

A morte ten moito de romántico e a min atráeme ese tema. Tamén é, xunto ao amor, un dos grandes temas da literatura. Hai certos temas tópicos na literatura e se deixan caer de seu. A literatura está feita por persoas e ás persoas preocúpanos a morte.

En concreto, eu destacaría Terra de Montes dentro de Galicia como a cerna da cultura galega nese sentido. Representa un pouco esas terras do interior de Lugo que recreou Ánxel Fole ou o Courel de Novoneyra. Sen querer desprezar a cultura do mar creo que onde máis se representan os mitos populares é na montaña, na fraga, nesas zonas que como aquí hai alternancia de vales e montañas, de bosques, de escuridade… esas cousas que antes contábannos os avós e as avoas, a morte está moi presente no noso imaxinario. De feito creo que era Marcial Gondar quen dicía que en Galicia o máis importante era a casa e a morte. Emigrantes que levan moitísimos anos fora de Galicia desexaban vir morrer aquí. Sobre eses dous eixos xira a vida.

Logo está unha xeración, dos que agora teñen de sesenta anos adiante, que foron inculturados nunha cosmovisión da morte. Nos setenta aínda se escoitaban historias da Santa Compaña e aínda hoxe hai xente viva que di saber que prenda vai levar alguén no seu funeral ou que soñou que nunha semana vai morrer un veciño. Iso óelo aínda hoxe.

O tema da morte pode interesarnos máis ou menos, pero sen dúbida é unha parte moi fonda da nosa cultura.

 

Tamén consegues unha simbiose entre morte e humor.

Iso é o que dicía antes. Hai persoas que levan o tema da morte con maior prestanza ou con máis elegancia que outra máis aprehensiva.

Hai xente que o toma con moito humor. Ante un tema tan serio como é o da morte buscamos unha válvula de escape, e ese escape é a retranca. Un exemplo, nesta zona, nos velorios tradicionais, cando se velaba ao morto acabábase sempre contando chistes, facendo alusións sexuais, etcétera. Creo que a finalidade era demostrarse a si mesmos que seguían vivos. É unha cousa que había que combatelo, esa penetración na nada da materia que é a morte.

Daquela os veciños eran moi solidarios co tema da morte, non che deixaban traballar nada, as mulleres das casas veciñas facían a comida e incluso che sacaban as vacas da corte para que a familia se dedicase só a chorar ao morto. Dentro desa solidariedade existía a compensación de sentirnos vivos, e iso manifestábase co humor, a retranca, a ironía…

 

Atopamos en Raiolas no faiado moita filosofía e saber popular, chegando a unha alegoría do rural. A vida na cidade está destruíndo todo este coñecemento? Habería que dignificar esa vida no rural fronte a vida na cidade?.

A vida na cidade ten as súas propias riquezas, evidentemente. Pero en Galicia é moi diferente a vida na cidade da vida que se está a perder nas aldeas. Eu non digo que unha sexa mellor ca outra, pero teño para min que os depositarios da cultura milenaria, desa tradición nosa da que falaba antes é o rural. Nunha cidade poderemos ver un museo etnográfico, pero é unha cultura que está morta, iso está ben para que os pais leven aos meniños ver como se facían as cousas antes. A pouca cultura viva que queda, case irrecuperable está no rural.

E agora que se fala tanto da perda do galego, en Forcarei hai cincuenta anos e en plena ditadura era practicamente imposible escoitar unha palabra en castelán, mentres que se ías a Vigo, a Coruña, a Lugo… o raro era oír falar galego. Quero dicir con isto que o rural axudou a preservar o noso idioma, aquí aínda temos o orgullo de falarmos galego. Eu cando vou traballar e estou todo o día en contacto coa xente sempre escoito falar en galego. Tamén nas cidades escoitase falar máis galego que hai cincuenta anos, por exemplo. Cústame crer que o galego vaia desaparecer aínda que non teño elementos de xuízo para dicir que si ou que non. Eu no tema do galego son moi optimista aínda que é certo que non se coida todo o que se debería coidar, como o ensino en galego ou o tratamento que lle dan a maioría dos medios de comunicación. Se en corenta anos de ditadura, onde te multaban por falar galego, non foron quen de rematar con el supoño que agora non caeremos nese erro.

 

Aínda que os relatos que conforman Raiolas no faiado son un conxunto en si mesmo, atopamos contos longos premiados en varios certames, xunto a outras historias, microrrelatos, aforismos... Isto é algo intencionado ou gusta de innovar, afondar en novas estruturas e formatos?

Iso responde a un fío común, todos os personaxes saíron ou están en Trasdomonte, nese trasunto da Terra de Montes.

Aínda que non busco un determinado formato o certo é que onde me sinto máis cómodo é no microrrelato, onde tes que decantar, envorcar, sintetizalo todo.

Mentres que hai xente a quen lle custa moito facer a síntese dunha historia e necesitan desenvolverse en moitas páxinas para contar algo eu prefiro, como dicía Francisco Umbral, o pracer da páxina, que nunha páxina ou mesmo nun parágrafo poidas tirar unha historia, poder aproveitar algo… gozar da escrita nun só parágrafo.

Por iso gústame o formato de relato e incluso de microrrelato. Tamén porque a min cústame menos sintetizar, ser menos pródigo en páxinas que recrear moita materia da historia.

 

No libro aparecen moitos xogos de palabras, como no capítulo O ordinal ou a multitude de palíndromos que aparecen ao longo do libro.

Os palíndromos son para min unha obsesión, incluso cando vou pola rúa vou lendo os letreiros e carteis do revés por se atopo un palíndromo. Sempre gustei do lado lúdico da linguaxe e aínda máis despois de ler a autores suramericanos como Monterroso ou Cabrera Infante.

Aprecio eses escritores que, como Francisco Umbral, se recrean na linguaxe. O mesmo che contan un soterramento que unha partida de parchís pero sempre o fan dun xeito precioso, onde quizais o contido non sexa o máis importante, pero a forma engaiólate. Por exemplo, Cabrera Infante é un escritor que che enchoupa de literatura.

A min gústame mellorar os meus libros coa linguaxe e de aí a aparición dos palíndromos e toda esa riqueza que me gusta explorar e explotar.

 

Soños, só somos os soños podería ser o seu relato máis persoal e sentido?

Podería ser, porque nese relato non bebín de ningunha tradición. O personaxe de Bieito inventeino, non o saquei doutros como por exemplo de Paco Farria ou doutra xente que si existiu. Aquí ao mellor si que deixo moitas cuestións e moitas admiracións persoais. Un retrato onde eu como autor me espido máis.

De tódolos xeitos Soños, só somos os soños é un relato que reescribo* -xa o indico no limiar- porque a primeira vez que o escribín cometín un erro do que logo me corrixiu Carme Hermida, unha filóloga tamén de Forcarei. Eu falaba da existencia de palindromeiros en tódalas linguas, agás no galego. Carme díxome que non era certo que non había senón que Gonzalo Navaza tiña incluso un libro enteiro de palíndromos, A torre da derrotA**. Na reescritura do relato en Raiolas quixen emendar ese erro.

 

* A primeira versión está publicada en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza)

** A torre da derrotA, publicado por Xerais en 1992

 

Nalgúns momentos tamén fai referencia á Guerra Civil, como no relato que da título ao libro. Cómo se viviu a Guerra Civil en Terra de Montes? Deu moitas historias para contar, aínda que fosen terroríficas?

Esta non foi unha zona de moita represión, aínda que algo si houbo, como por exemplo en Cerdedo, estudado entre outros por Dionisio Pereira. Como digo, non houbo moita represión, aquí a xente tivo que se amoldar ao que había para non complicarse aínda máis a vida.

En Raiolas a Guerra Civil é o tema fundamental do relato e tamén aparece noutros aínda que sexa de xeito circunstancial xa que é un tema que queda sempre na memoria.

Tamén aparecen personaxes que si existiron, como o crego de Raiolas no faiado, que librou de morrer a algunha xente en Presqueiras, a súa parroquia ou o personaxe de A maldade.

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...