De Actualidade... Palabras para un baleiro


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Palabras para un baleiro' de Baldo RamosPalabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 

 

En Palabras para un baleiro mantén un diálogo co poema nun exercicio metapoético, pero tamén dirixe o seu discurso cara a súa filla. Únese dalgún xeito a simultaneidade do nacemento literario do poema co nacemento da túa primeira filla?

Eu empecei a escribir Palabras para un baleiro dous días despois de que nacera a miña filla, e no libro envorco esa dobre experiencia: dar a vida a unha criatura e outra experiencia máis literaria, máis metaliteraria, se se quere dicir así.

 

Qué supón dentro do seu discurso poético estas Palabras para un baleiro?

Con este libro tiven a conciencia de que o camiño poético que viña transitando nos últimos anos era un camiño que non podía dar máis de si.

Sinalaba un crítico sobre un libro meu anterior que el non sabía ata onde podía chegar eu escribindo porque non se podía chegar máis alá coas palabras. Daba a sensación de que o poema acoutábase en si mesmo e non tiña moita máis capacidade de desprazamento.

Neste libro, que rematei de escribilo en seis meses, fun mesturando o relato de ser pai co relato desa experiencia lindeira. Atoparme coa incapacidade, coa impotencia, de non saber ou poder dicir máis. De non ser capaz de levar a linguaxe máis ao extremo.

 

Baleirar o baleiro/ é aceptar/ o espazo concibido/como negación do discurso

Sempre intenta levar as palabras un pouco máis alá. Como comentaba vostede na resposta anterior, de levar a palabra ao extremo.

Eu considero que na poesía os escritores debemos forzar a linguaxe ao límite e intentar dicir o máximo posible co menor número de elementos. Chega o momento en que para min o poema convértese en algo transparente, e que detrás da transparencia non hai máis que baleiro. E detrás de todos estes textos hai un baleiro cara o que xa non se pode seguir avanzando e por iso, cando rematei este libro, en xaneiro do 2009, decidín non escribir máis nada porque tras ese baleiro o que compre é retroceder, reorientar o camiño. No libro hai esa mestura co relato de ser pai coa tensión literaria dos límites da poesía, ata onde se pode chegar coa palabra...

 

Mestura aquí o rol de poeta que da vida á poesía e o rol da poesía que da vida ao poeta. Ata onde o poeta e ata onde o poema?

Escribo dende os dezaoito anos e para min a escrita é unha experiencia case diaria. Non concibo a miña vida sen escribir. Alá polo ano 88 perdín un avó moi querido e tiven a necesidade de escribir para comunicar un sentimento que daquela me afogaba. Dende entón escribo practicamente a diario, como se tivese a necesidade de contarme a min mesmo as experiencias do día a día. Para min a literatura e a vida son dúas cousas indisociables. Penso que o camiño da vida á literatura e da literatura á vida é un camiño circular que se está constantemente retroalimentando o un do outro.

 

En Palabras para un baleiro está moi presente o medo a esquecer. Por veces parece que se aferra ao pasado e a vellas pantasmas para manterse / mantelos vivos. A fixación por ese pasado pode ser causante do medo ao porvir, ao que está por chegar?

No momento en que un se converte en pai –e supoño que isto lle pasará a outros pais- facemos un retroceso ao pasado e un entende mellor aos seus pais ou aos seus avós. Imaxínase como era el de neno. Entón, no momento en que eu me converto en pai, o que procuro é recuperar as miñas raíces. E intento recobrar dalgún xeito a miña orixe: esa Celanova que se está a quedar despoboada. A miña aldea materna é hoxe unha ruína, incluíndo a nosa casa matriz. Cando empezo a escribir este libro atópome coas miñas raíces, coas palabras dos meus avós e as leccións dos antergos. No libro fúndese pasado co futuro. E cando un revive o pasado é posible que haxa un medo a afrontar o futuro. Latexan aquí a partes iguais a esperanza da memoria co medo ao futuro.

 

A filosofía oriental considera a sunyata como unha especie de baleiro, un lugar onde a nada axuda a atoparse a un mesmo. Nembargantes neste traballo enche o baleiro de vida, e todo o que esta conleva: a dor, a ausencia, ... pero tamén a alegría de concibir un fillo.

Non me sinto herdeiro da cultura oriental aínda que o baleiro e o silencio axudan a atoparme a min mesmo. De todos os xeitos eu non considero o baleiro ou o silencio como algo negativo. O baleiro é un acubillo, un lugar onde poder refuxiarse. Facer que nas palabras entre o baleiro -algo parecido ao que intentaba obrar Chillida coa súa escultura- significa que as palabras son lugares habitables. Conseguir que dentro do poema haxa baleiro significa que ese baleiro é un lugar de acubillo para o lector.

 

Todo o que nace vive para morrer é unha das máximas da vida. Outra das obsesións que aparecen en Palabras para un baleiro é o da perdurabilidade.

Esa é unha obsesión que creo que temos todos. Eu dende logo. A sensación de conter a hemorraxia do tempo.

Tradicionalmente dise, aínda que eu a considere unha idea moi simple, que o artista pode evadirse da fugacidade do tempo creando cousas eternas. Son conceptos abstractos que non me acaban de convencer aínda que en verdade, cando escribes ou pintas ou desenvolves algún tipo traballo artístico, tes a sensación de que o tempo para; contense a fugacidade do tempo e sentimos, a partires desa contención, en que non todo está perdido. Para min escribir é confiar nun reencontro co que somos, de onde vimos.

Teño dito nalgunha outra entrevista que para min este libro é un descenso á orixe, non só ao pasado senón máis exactamente ao lugar onde se cruzan todos os camiños: pasado, futuro e presente. Nese cruce é onde o escritor sente que o tempo se frea. Denomínoo nalgúns textos como beleza, un lugar onde confías as cousas e onde atopas a satisfacción, ben nun trazo na pintura, na poesía cun verso.

 

Qué importancia dá ao movemento dos poemas? Por veces, o poema parece moverse dentro do libro, de cobrar vida de seu.

Que a palabra contida na páxina sexa capaz de propiciar en quen le unha sensación óptica ou intelectual de mobilidade é un bo síntoma. Eu penso que a maneira de conseguir ese efecto posiblemente sexa cun emprego do ritmo moi traballado.

Pilar Pallarés, membro do xurado que me outorgou o premio, destacou que Palabras para un baleiro era un libro con moito ritmo, con moita música. Creo que é un libro que segue un pouco a música desta experiencia vital de ser pai, pero tamén a práctica literaria de enfrontarse todos os días coa palabra nun efecto de vaivén, de ir e vir.

 

Dentro do claustrofóbico que pode ser por veces o poemario, desa sensación perenne de condena, cales son os elementos aos que se aferra a súa poesía para sobrevivir?

Nunha primeira lectura si que pode dar esa sensación de escuridade, de que nace dunha experiencia negativa. Pero por outra banda, lido en conxunto, creo que é un libro cheo de luz, rebordante de transparencia.

Os textos contan experiencias vitais vividas por todos, como é a vertixe polo paso do tempo, a vellez, o desencanto ao ver que os paraísos que habitaches desapareceron, o desexo de quer volver aos lugares orixinais,...

Gamoneda dicía nunha ocasión que a poesía debe de ser contraditoria. A contradición como motor da poesía. Entón si que hai algo negativo, pero tamén está satisfacción de ver nacer e de ser pai. Creo que en Palabras para un baleiro luces e sombras están compensadas.

 

Contra o final do libro escribe: este libro pecha unha porta. Cicatriza con Palabras para un baleiro unha ferida aberta na poética de Baldo Ramos? Cara onde irá a poesía de Baldo Ramos a partires de agora?

Un poeta arxentino chamado Roberto Juarroz, ao que admiro moito, publicou un total de catorce libros na súa vida e titulounos todos do mesmo xeito. O primeiro era Poesía vertical I e o último Poesía vertical XIV. Eu concibo o poema como unha estrutura vertical. A verticalidade da miña poética é o que me levou precisamente a este abismo, no que considero que non podo ir máis alá.

No caso de que volva a escribir de novo teño moi claro que a formulación de partida será horizontal, en lugar de vertical. Concibir os libros dunha maneira totalmente distinta, dun xeito máis narrativo, máis lineal... Presinto que o vindeiro libro, se chego a escribilo, nacerá con esa perspectiva.

 

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...