De Actualidade... O fulgor e as tebras


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo AbalA II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

Francisco Xavier Redondo Abal nos ofrece en O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (Laiovento) un esclarecedor e aterrador estudo sobre un soño e a súa posterior aniquilación a mans da barbarie. Velaquí a historia do que puido e non chegou a ser.  

 

 

 

Presentas n’O fulgor e as tebras unha investigación sobre as bibliotecas de Galicia nun período moi determinado de tempo, o que vai desde a constitución da II República ata o levantamento militar. ¿Qué foi o que o levou a tratar este tema?

Orixinariamente O fulgor e as tebras naceu por unha curiosidade persoal. Decateime de que non se publicara nada sobre as bibliotecas galegas durante a II República e partindo dese punto comecei a investigar. Nun principio non me imaxinaba que esa inquedanza persoal finalizaría na publicación deste libro.

 

¿Existe moita documentación sobre a creación de bibliotecas nesta etapa histórica?

A documentación deste libro procede de moitas fontes, como do Arquivo de Reino de Galiza, do Histórico Provincial de Pontevedra, da Universidade, ... pero principalmente do Arquivo Xeral da Administración, sito en Alcalá de Henares, no cal atopei a maior parte da información. A partires de toda esa documentación xa puiden diferenciar as dúas parte que compoñen o libro: o fulgor da etapa republicana e as tebras tras o levantamento fascista.

 

Comentabas o devezo por coñecer o que pasara coas bibliotecas en Galicia antes e despois do golpe militar do 36. ¿Cómo estruturaches, ou máis ben como definiches os diferentes contidos de fulgor e de tebras?

A miña primeira intención foi investigar onde estaban localizadas as bibliotecas e cales eran os obxectivos que pretendían acadar as autoridades republicanas coa elaboración dese mapa bibliotecario que se creou tanto no Estado español como en Galiza.

O primeiro obxectivo deste libro vai por aí. Tras as eleccións do 12 de abril, as forzas republicanas decatáronse de que gañaran nas cidades pero non no medio rural. Eles consideraron que no rural asentábase a meirande parte da poboación que non sabía nin ler nin escribir. Era polo tanto necesario, para asentar un Estado republicano e democrático, instruír a esa poboación. Por outra banda os dirixentes republicanos procedían da Institución Libre de Ensinanza, participaban da idea dunha sociedade instruída para situar ao país no século XX. Velaí tes a xente como Domingo Barnés, a Machado, a Cossío... e tantos outros dedicados a impulsar o acceso á cultura sen ningún tipo de aspecto discriminatorio. Todos eles o fixeron por convicción propia.

Habería que trasladarnos mentalmente aos anos trinta para ver a situación. A II República promoveu unha reacción contra o réxime anterior de Primo de Rivera, desenvolveuse unha especie de revolución pacífica. Para esa revolución necesitaban contar co apoio dunha masa popular, dun pobo que estivera instruído con capacidade de pensamento propio para non volver a caer nunha ditadura como a anterior.

 

¿Qué papel xogaron as bibliotecas dentro desa revolución cultural?

Precisamente unha cousa moi salientable das autoridades republicanas era a importancia outorgada á creación de bibliotecas e á lectura, moito máis que a dedicada á formación de mestres ou ao levantamento de novas escolas. Os investimentos en bibliotecas, libros e formación de bibliotecarios foron bestiais. En moi pouco tempo executaron centos de bibliotecas, principalmente en lugares illados ou mal comunicados, polo que moita xente con dificultades de relación con outros lugares de repente tiñan a súa propia biblioteca na aldea.

 

A comezos dos anos 30 o analfabetismo superaba o 40 %. Indicas en O fulgor e as tebras unha relación das bibliotecas situadas en Liceos, Ateneos, Sociedades, Confrarías de Pescadores... Organizacións e asociacións localizadas tanto en cidades como en vilas do rural. ¿Cal era o perfil do usuario desas bibliotecas?

Iso é moi complicado de saber, pero se partimos que sindicatos, partidos políticos e outras organizacións de clase instauraron desde comezos de século aulas nocturnas para os traballadores xa nos podemos facer unha idea dos seus perfís.

Todas esas organizacións tiñan moi presente que a autoinstrución, a autoeducación, era moi importante para a liberación da clase proletaria. Para iso as bibliotecas son ferramentas fundamentais. Polo tanto comezan a meter libros nas súas bibliotecas.

Porén estas bibliotecas non eran pechadas, estaban abertas a toda a poboación. Quen quixera podía levar un libro. Eran, por vez primeira, bibliotecas non elitistas, non discriminatorias e non eruditas. Os seus fondos estaban actualizados con literatura moderna, dicionarios, enciclopedias... e de acceso libre.

 

As bibliotecas populares creadas polas Misións Pedagóxicas durante a II República constituíron un novo modelo bibliotecario -que seguramente estaría vixente de continuar hoxe- abrindo as bibliotecas localizadas nas escolas a toda a poboación. Sen embargo, esta medida tivo o rexeitamento nalgúns lugares da propia poboación ou por parte dos poderes públicos.

En Galiza o caciquismo perviviu durante moito tempo, incluso despois do cambio de réxime. As formas e as mentalidades non cambian dun día para outro...

Vicens de la Llave, inspector bibliotecario profesional e membro do corpo facultativo de bibliotecarios dicía, cando visitaba algúns dos lugares onde se instaurou unha biblioteca, que mentres nalgúns sitios funcionaban moi ben, había outros onde os propios poderes locais poñían moitas trabas para o seu bo funcionamento, chegando incluso ao rexeitamento da propia poboación.

Hai que ter en conta que non é chegar, construír unha biblioteca e enviar un lote de libros onde antes non había. Todo ese proceso require unha continuidade: difundir a cultura, traballar coa xente, animalos á lectura... De la Llave laiábase de que había poderes caciquís (ao igual que algunhas clases militares, xerárquicas, relixiosas...) que non vían cos bos ollos a difusión do libro e da lectura. É algo normal de entender porque ía en contra dos seus propios intereses de clase de toda a vida.

 

Un claro exemplo do retraso educativo e cultural do rural na Galicia daquela época ven manifestado polo investimento, por parte dun feixe de emigrantes concienciados do valor da cultura para o progreso, en escolas e bibliotecas.

Esa xente unha vez que emigran e se asentan en América crean sociedades segundo a súa procedencia; velaí están as agrupacións de emigrantes de Muros, de Silleda e tantas outras. Unha cousa a destacar é que todas esas remesas de cartos que enviaban aos seus lugares de orixe para a creación das chamadas escolas de emigrantes facíano non tanto para evitar a emigración, senón para que a xente das súas aldeas, no caso de que tivesen que emigrar, fixérano con cultura e non ocuparan, cando marcharan, os postos de traballo máis baixos.

Un feito moi interesante é que moitas desas escolas foron creadas novas e todas elas parten, como epicentro do edificio, da biblioteca. Logo xa veñen as aulas, os comedores, pode que ata un museo, un dispensario ou habitacións, pero sempre está a biblioteca como centro. Esas masas de emigrantes saídas de Galiza, que ven mundo e outras culturas, que cambian a súa forma de pensar e o formato visual, saben que o ensino é fundamental. De aí a creación de escolas, uns centros que serán republicanos, laicos e moi avanzados pedagoxicamente.

As bibliotecas creadas cos cartos da emigración incorporaban aos seus fondos bibliografía do lugar onde estaban asentados os emigrantes. Por exemplo, sociedades asentadas en Bos Aires mandaban xornais de Bos Aires, libros sobre o sitio,... A propia Biblioteca América da Universidade de Santiago naceu un pouco en paralelismo con esta historia: Indianos galegos con moitos cartos que se dedican a enviar libros, revistas, xornais, fondos bibliográficos latinoamericanos á Universidade para que a xente de aquí puidera lelos.

Posteriormente ao golpe de estado estas bibliotecas serán destruídas salvo unha católica en Loño, no concello de Vila de Cruces, que era de confesión católica. Toda unha catástrofe tendo en conta que poderían ser entre trescentas e catrocentas aquí en Galiza.

 

Indicas no libro unha relación dos libros enviados polas Misións Pedagóxicas ás bibliotecas. Eran dous lotes: o ‘España’ e o ‘Enciclopédico’. ¿Pero con qué libros en galego contaban os fondos bibliotecarios?

Aínda que tanto as Misións Pedagóxicas como a JIAL procuraron respectar o entorno comarcal e as diferentes literaturas, non atopei ningún título en galego nos fondos enviados. Seguramente en Cataluña si que houbera algún título en catalán. De tódolos xeitos imaxínate nos anos 30, era un momento con moito traballo por facer, seguramente as Misións Pedagóxicas preferiron mandar catro enciclopedias que enviar Cantares galegos, por poñer un exemplo.

 

¿Cal era a situación das bibliotecas galegas respecto a outras do Estado?

Antes do ano 31 as bibliotecas públicas do Estado español, tanto en Galiza como en Madrid ou en Murcia ou Andalucía, a parte de ser moi escasas, eran bibliotecas pequenas, eruditas, completamente elitistas e discriminatorias. Non todo o mundo tiña acceso a elas. A parte eran bibliotecas moi atrasadas, bibliográficamente falando; con fondos que na meirande parte deles trataban temas relixiosos e escritos en latín. Apenas existía literatura moderna ou literatura europea. Autores como Blasco Ibañez, Valle-Inclán, Azorín ou Unamuno estaban vetados nas bibliotecas.

Naquel tempo tampouco existía unha política bibliotecaria estatal, non existía o préstamo,... era un panorama desolador.

Resumindo, eran bibliotecas que non realizaban cometido algún. Aínda que fosen bibliotecas públicas non o eran na concepción que temos agora delas.

 

Chegamos ás tebras e á depuración de bibliotecas e fondos documentais perigosos para a nova moral establecida. ¿Supuxo a nivel educativo e cultural un retroceso ao nivel prerepublicano?

Si, claro. Foi un retroceso decimonónico tanto a nivel bibliotecario como no resto das facetas. Os golpistas trataron de acabar con toda clase de crítica, de razoamento, de pensamento libre... Buscaron descabezar todo movemento asociativo, de masas. Volver aos tempos escuros. Foi unha desfeita que seguimos pagando hoxe en día.

En Galiza foi principiar desde cero, cortouse o acceso á cultura en xeral. Freouse todo o avance cultural que as autoridades republicanas introduciron na poboación: creación de escolas, o acceso ás bibliotecas en igualdade... Todo isto caeu dun día para outro. Racharon, en definitiva, con todas as ferramentas que permitiran á sociedade pensar en liberdade.

Enrique Suñer, vicepresidente da Comisión de Cultura e Ensinanza franquista, dicía que no Ministerio de Instrución Pública había que entrar a sangue e lume. Para os golpistas ese era o peor Ministerio, non o de Gobernación ou o de Guerra. A educación era a culpable de todos os males que estaban asolando o país. Suñer escribiu todo isto nun libro.

 

O levantamento militar asañouse principalmente coas bibliotecas, a súa perda levou á conseguinte perda de coñecemento e á desaparición de xoias bibliográficas, moitas delas xa practicamente irrecuperables.

A biblioteca do Centro de Estudos Sociais Germinal foi un dos exemplos máis claros do que fixeron os golpistas contra as bibliotecas. Germinal era unha especie de Ateneo libertario que contaba cunha biblioteca de oito mil volumes, a máis grande de acceso público de toda Galiza. A biblioteca de Germinal foi queimada enteira.

Sen embargo, o que procuro explicar neste libro é que as queimas -que se produciron en moitos lugares como en Ferrol, na Coruña, en Viveiro, etc.- foron actos moi puntuais. Realmente o que se fixo foi incautar, roubar e espoliar. Tiñan por obxectivo entrar nas bibliotecas e decidir o que se podía ler e o que non; e podes imaxinar que foi o que decidiron que se podía ler: a vida de Santa Tareixa de Xesús, outro sobre os Reis Católicos, etc... O demais retirábano.

Pero volvamos a situarnos no ano 1937 e imaxinar o descontrol que podería haber. Moitos dos libros non aptos para a lectura destruíanse pero a maioría foron roubados indo parar ás casas particulares. Eu teño atopado en librarías de vello libros daqueles anos co selo do sindicato ou de particulares que eu sei que foron represaliados.

Outras das bibliotecas máis coñecidas que foi espoliada foi a de Casares Quiroga. Nunha ocasión un paisano da Coruña contoume que el vira, de neno, como da casa de Casares Quiroga saían falanxistas con caixas cheas de libros e como as repartían entre eles.

Esa represión cultural foi moi pensada: iso hai que retiralo, isto hai que perseguilo... e a historia di que por desgraza tiveron moito éxito.

 

Sinálanse como perdas fundamentais por simboloxía e por volume as bibliotecas de Casares Quiroga ou a do Germinal. Sen embargo é posible que a efectos prácticos a perda sexa maior naquelas aldeas e lugares que por vez primeira tiveron, durante a II República, acceso aos libros.

O que fixeron coas bibliotecas tanto das Misións Pedagóxicas como da JIAL, ao igual que con outras como as bibliotecas de Universidades, a biblioteca do Seminario de Estudos Galegos... foi revisar dun en un os fondos que as compuñan e apartáronse as obras que non conviña ler segundo os novos criterios establecidos.

A destrución de Germinal foi unha salvaxada xa que nela atopábanse obras que non había en calquera outro lugar do país; pero esas pequenas bibliotecas creadas durante a II República eran culturalmente o porvir de Galiza, freouse o seu progreso a nivel cultural e a nivel educativo.

Cando máis tarde o novo réxime creou as Comisións depuradoras de bibliotecas a verdade é que en Galiza tiveron máis ben pouco que depurar...

 

¿Qué quedou do mundo bibliotecario galego tras ese período de tebras?

Toda esa fase de persecución castrou xeracións enteiras. Galiza sumiuse nunha escuridade total e saír de aí é moi complicado. A República comezou a traballar crendo firmemente no dereito dos cidadáns a ter acceso á cultura e ás bibliotecas. Eran os cimentos dunha sociedade máis plural e máis libre, pero non houbo tempo, apenas cinco ou seis anos.

Trala Guerra Civil as bibliotecas galegas quedaron mesmamente que todo o demais, feito anacos e sen futuro algún. As bibliotecas pasaron a depender do Servizo Nacional do Libro e Bibliotecas, integrado posteriormente no Ministerio de Educación Nacional. Aos poucos comezaron a traballar, pero o concepto de biblioteca tal e como se entendía na II República desapareceu totalmente. Hai que ter en conta a idea e a imaxe que tiñan eles do libro. O acceso á cultura era un aspecto que máis ben importaba pouco. Entre as desfeitas que fixeron, as limitacións que impuxeron e a súa mentalidade ultracatólica predominante creouse un baleiro total, tanto en Galiza como no resto do Estado español. Sen dúbida a cultura e a educación foi a derradeira das súas prioridades. 

 

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...