Libros para ler, libros para agasallar
|
Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz. Reencontrámonos coa obra de Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado co día das Letras Galegas. Foi ano de aniversarios, como os vinte e cinco anos do Xerais de Novela, os dez anos de Kalandraka, o vinte e cinco aniversario da fundación da AGE, outros vinte e cinco do Consello da Cultura Galega e do Galeusca, o centenario do pasamento de Curros Enríquez e do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle. O libro galego viaxou ata a Feira do Libro da Habana, ata Frankfurt, ata Guadalajara, a Uruguay, a Bolonia. Instauráronse os Premios Nacionais da Cultura Galega co merecido recoñecemento a Méndez Ferrín. Disfrutamos coas novas entregas de Inma López Silva, de Manuel Rivas, de Suso de Toro, de Xosé Carlos Caneiro, de Rafa Villar, de María do Cebreiro, de María Lado, de Luís G. Tosar, de Marcos S. Calveiro, de Xosé Vázquez Pintor, de Bieito Iglesias, de Carlos Penela, de Miguel-Anxo Murado, de Bernardino Graña, de Chus Pato, dos Xerais; gozamos coas traducións ao galego de Monzó e de Auster, ou de clásicos como as achegas de Faktoría K ou de Rinoceronte... alguén pode dar máis? Desexámosvos unhas boas festas e que o 2009 chegue cheo de bos libros e mellores lecturas!!!
|
Infantil
|
|
A caricia da bolboreta / Christian Voltz [Trad. de Emma Lázare Rodríguez] Kalandraka. 12 €
Dime, avó, onde está a avoa? Iso, meu neniño... Hai quen di que está baixo a terra, cos vermes e coas miñocas... Mira ti! Co medo que lle daban a ela os bichos! Outros pensan que está alá arriba. Voando entre as nubes... Cos seus oitenta e cinco quilos! Ho! Ho! Ho! Pero, eu ben sei... que non está tan lonxe!
A eterna pregunta que todos nos facemos nos primeiros anos da infancia, sobre a onde van as persoas cando morren, é o tema central deste álbum. Pero esta obra é especial, non só pola ternura que transmite a historia, senón tamén pola orixinalidade da súa proposta estética, elaborada cunha técnica mixta a base de collage e figuras en relevo elaboradas con materiais de metal, madeira e tea. Avó e neto comparten o seu tempo no xardín, o espazo preferido da avoa da familia e onde a lembran. Christian Voltz logra o xeito de plasmar a súa presenza: con trazos de valor etéreo e tamén mediante o símbolo material dunha bolboreta, que lles acompaña, lles axuda a realizar as tarefas cotiás e, sobre todo, lles protexe... Un libro que transmite elegancia e delicadeza pola maneira coa que explica un tema tan sensible, pola súa normalidade, pola sinxeleza coa que aborda algo tan real como a vida mesma. Cunha gran beleza estética e unha pincelada de humor, “A caricia da bolboreta” contribúe á aceptación da morte e da ausencia de quen nos deixa, pero que permanece para sempre no noso corazón.
|
|
|
Cerca / Natalia Colombo [Trad. de Manuela Rodríguez] Kalandraka. 12 €
A ilustradora e deseñadora arxentina Natalia Colombo gañou o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago e a editorial Kalandraka, coa obra titulada “Cerca”. Considerado polo xurado como un “perfecto álbum ilustrado”, “Cerca” é unha fábula sobre a incomunicación, unha reflexión poética e profunda sobre as relacións interpersonais e o individualismo, sobre os desexos e as emocións. Dende o punto de vista literario destaca pola súa sinxeleza narrativa e a engranaxe interna do relato, que plasma o paralelismo entre as accións dos protagonistas: un pato e un coello que viven pechados na súa soidade; nese sentido, a obra invita ao lector a non darlles as costas aos demais, “privándose da posibilidade de compartir os momentos máis simples e felices da vida”, como explica a propia autora. A nivel estético, Natalia Colombo mestura diversas técnicas, dende a pintura con acrílicos ata o collage, ademais de deseñar unha tipografía propia. Tamén emprega diversos recursos visuais que lle permiten xogar cos conceptos de movemento e simetría, sen esquecer a combinación de cores, texturas e materiais, que lle imprimen estilo e carácter propio á obra no seu conxunto.
|
|
|
Circo Rigatoni / Pinto & Chinto Everest Galicia. 8,50 €
Baixo a carpa do Rigatoni, coincidiu, nun glorioso e feliz momento da historia do circo, unha pléiade de artistas que se erixiron na flor e nata do que se deu en denominar maior espectáculo do mundo. Polas páxinas deste libro, transita -estrafalario grupo- unha gavela de personaxes a cuxa innegable valía profesional vai ligada unha peripecia vital con matices surrealistas, conformando un relato biográfico sen parangón na súa clase. Un ton humorístico -sutil ás veces, desbordante outras- percorre estes contos que nos achegan uns homes e mulleres de circo que conseguen, parafraseando o vello dito circense, o máis divertido aínda. A falta de documentos fotográficos, os personaxes son recreados nunhas suxestivas ilustracións que nos dan unha idea cabal do que debeu ser a súa apariencia física.
|
|
|
Conta as estrelas / Lois Lowry [Trad. de Montserrat Bascoy Lamelas] Planeta & Oxford. ¿? €
A Annamarie, unha nena de dez anos, protagoniza unha historia conmovedora que amosa as privacións, os sufrimentos e as resistencias da población danesa fronte as forzas da ocupación alemana durante a segunda Guerra Mundial. Coraxe, valentía, esforzo, sacrificio e cooperación serán as claves para vencer ó inimigo e desarmar a súa intolerancia e os seus prexuicios, nun relato onde a pelexa a favor da vida e contra a inxusticia esperta a solidariedade do lector.
|
|
|
Contos en cantos / Almudena Janeiro OQO. 20 €
Este libro-CD-DVD é un diálogo a tres bandas entre as artes plásticas, música e a literatura, partindo dunha selección de contos de distintas culturas, tanto de creación como tradicionais, e a través de diferentes estilos musicais como a popular portuguesa, bossa nova (Brasil), sirtaki (Grecia), tango (Arxentina), rock & roll, soul, gospel ou cantos africanos. Deste xeito, créase por primeira vez un fondo musical galego que pretende achegar aos máis pequenos a outras culturas a través da nosa, valorando e compartindo un patrimonio musical diverso como fonte de enriquecemento e gozo. Ademais do CD e o soporte libro (con imaxes dos contos de orixe e as letras das cancións), música, literatura e artes plásticas relaciónanse nun material visual e sonoro (Karaoke) que abre un campo de traballo a nivel lingüístico musical e emocional. Os 13 temas que presenta o CD ofrecen amplas posibilidades para facer xogos, dramatizacións ou danzas simples para nenos con idades de Infantil e Primaria. As cancións están interpretadas pola voz solista de Almudena Janeiro, acompañada por guitarras, percusión, frauta, tambores, congas e outros instrumentos máis accesíbeis como cascabeis, claves, pao de choiva, chocas... axustándose no ritmo á procedencia das historias. Os distintos graos de dificultade favorecen a atención a discriminación auditiva e a memoria en diferentes idades.
|
|
|
Das novas cousas de Ramón Lamote / Paco Martín Galaxia. 11 €
"No que se volve dar noticia, despois de moito tempo, da vida e milagres de Ramón Lamote..." Xa coñeces a Ramón Lamote Miñato. Agora, o señor Lamote está xubilado e leva unha vida tranquila e repousada. Pero iso non significa que non lle sigan sucedendo cousas das que paga a pena ter noticia. Máis de vinte anos despois da publicación de Das cousas de Ramón Lamote, seguimos a pasalo ben, a rir e a pensar co señor Lamote, un pouco máis vello pero coa ollada e o corazón de sempre.
|
|
|
Estás na Lúa / Carmen Montalbán (Textos) e Pilar Millán (Ilustracións) [Trad. de Laura Almazán] Kalandraka. 15 €
Baraka é unha nena de doce anos que vive nunha tenda do deserto coa súa nai, as súas tías e a súa avoa Bahía. A enfermidade do Alzheimer comeza a arrincarlle a esta última as súas lembranzas. Ese terrible mal simboliza tamén o esquecemento que se cerne como unha ameaza sobre o seu pobo: expulsados hai máis de 30 anos do Sahara Occidental, habitan na inhóspita Hamada arxelina e só os anciáns sinten o baleiro que deixa o desterro da súa patria e o desarraigo; os novos coñécena de oídas porque endexamais a pisaron. Bahía légalle á súa neta unha herdanza inmaterial de valor incalculable: a súa memoria, un elemento que actúa como fío argumental do relato, ao que se engaden outros aspectos, como a importancia da transmisión oral da cultura, as relacións familiares, a amizade, ou o contraste entre a vida precaria nos campamentos de refuxiados e as comodidades do mundo desenvolvido. Carmen Montalbán plasma nesta historia a fonda impresión da súa estanza en Tinduf, a fascinación pola paisaxe do deserto, a hospitalidade da súa xente. O resultado, unha obra comprometida no fondo, sensible na forma, didáctica no seu percorrido literario polo mundo, tenra polo vínculo creado entre neta e avoa; un libro que entra polos sentidos, como o té: suave, amargo e doce, como o amor, a vida e a morte. As acuarelas de Pilar Millón aportan calidez e colorido, transpórtannos ao reino da area, aos seus espazos e costumes; mais tamén ao mundo das emocións, os soños e os símbolos evocadores, como a Lúa.
|
|
|
As fábulas de Leonardo da Vinci / Leonardo da Vinci (Textos) e Rossana Casano (Ilustracións) Cumio. 15 €
“Unha folla de papel, que se encontraba sobre un escritorio xunto con
outras follas iguais ca ela, atopouse un bo día toda chea de signos.
Unha pluma, mollada de tinta negrísima, trazará sobre a folla de papel
unha morea de debuxos e palabras…
Xa non es unha folla de papel, desde agora serás unha mensaxe, e
ademais custodiarás o pensamento do home.”
|
|
|
Fume / Antón Fortes (Textos) e Joanna Concejo (Ilustracións)Miguelanxo Prado OQO. 20 €
Tanto como os campos de concentración -co que implican de fame, frío, enfermidade, violencia e morte-, interesa aquí un deses mundos persoais e familiares que o nazismo destruíu, e que é do pouco que ten cor fronte ao gris ferinte e o silencio. Separación, soidade e saudade están omnipresentes; a lembranza axuda a fuxir do illamento e o desarraigo, e dá paso -no inhóspito do campo (lager)- ao amor, a amizade e a solidariedade: á humanidade, a fin de contas. Se toda violencia está inxustificada, a que remata coa inocencia aínda máis; contra dela, no proceso de maduración do protagonista, asistimos a un compromiso ata a fusión con Vadío (único personaxe con nome e etnia), que representa o recoñecemento no outro na catarse final. O protagonista anónimo de Fume descobre a realidade, pero críbaa coa memoria dun pasado mellor. O espertar magóao e lévao a unha aprendizaxe rápida: a dureza e dificultade da situación, e o instinto de supervivencia obrígano a ser un neno responsábel. A inocencia, máis que a impotencia, marca o desenlace. Os inocentes non sobreviven, dicía Primo Levi; é o prezo por ver a luz: a man de Vadío borrando para sempre o medo e escribindo con fume unha palabra máxica sobre o ceo de Polonia. Unha conmovedora historia de Antón Fortes cunhas intensas imaxes da polaca Joanna Concejo, de gran sensibilidade e fermosura, pese a reflectir a realidade do protagonista, que se fai máis dura ao enfrontala recorrentemente con lembranzas da vida de onde foi e foron todos arrincados.
|
|
|
A lenda do rei Lobo / Xavier Estévez (Textos) e Andrea López (Ilustracións) Tambre. 7,90 €
Berto é un rapaz normal. Gústalle ler, xogar, andar en bici e ruar pola cidade correndo detrás do seu can Teo. Cando a súa clase vai visitar unha exposición de dinosauros ao Museo de Historia empeza para el unha gran aventura. O roubo dun óso de dinosauro levará a Berto a enfrontarse a grandes perigos, a coñecer novos amigos e a mesturarse nunha historia que comezou na Idade Media. Enfróntate con el ao misterio do rei Lobo.
|
|
|
PalAbrAs brAncAs / Elvira Riveiro Tobio Xerais. 9 €
O poemario PalAbrAs brAncAs de Elvira Riveiro Tobio foi a obra finalista do Premio Merlín de literatura infantil 2007. O texto, construído só coa vocal “a”, está ilustrado por Fino Lorenzo. Unha proposta lmoi novidosa que amplía o horizonte da poesía infantil en galego
|
|
|
O Pirata Pata de Lata / Xosé Manuel González 'Oli' (Textos) e Ramón Trigo (Ilustracións) Kalandraka. 13 €
Chegan novas de que "O pirata pata de lata" deixa o seu retiro e volve á carga con enerxías renovadas, tratando de incordiar a cantos atope ao seu paso, sexan de carne e óso, ou simples espíritos. Porque o ancho mar xa non é o que era e a este bucaneiro revoltoso resúltalle cada vez máis complicado dar cun contrincante á altura das boas pelexas de antano, sable en ristre. Os soños resultan ser o mellar refuxio onde dar renda salta ás súas ansias belicosas: durmir "a pata de lata" solta proporciónalle momentos de gloria, imaxinando múltiples batallas nas que, curiosamente, el sempre resulta vencedor. Un relato para primeiros lectores, divertido e inxenioso. Os seus versos evocan un mundo mítico e transportan o lector aos escenarios ande transcorren as rimas de Espronceda ou as aventuras de A illa do tesouro de Stevenson. As ilustracións, que mesturan a técnica do collage con materiais como tinta e acuarela, contribúen a crear esa atmosfera intrépida e exótica.
|
|
|
Turandot / Joan de Déu Prats (Adaptación) e Pep Monsterrat (Ilustracións) Kalandraka. 22 €
Drama lírico de Giacomo Puccini (Lucca, 1858 - Bruxelas, 1924) Era unha hora incerta. A hora na que o sol xa se ocultara tras o horizonte pero aínda non asomara a lúa. Durante aquel intre de tempo irreal, numerosas sombras, coma chamas negras, aproximábanse á ampla praza onde se achaba o palacio imperial. Os fachos que rodeaban aquel gran recinto iluminaban coa súa feble luz todas esas sombras: o pobo de Pequín, que se amoreaba para presenciar un macabro espectáculo... o espectáculo dunha execución.
|
|
|
Un segredo do bosque / Javier Sobrino (Textos) e Elena Odriozola (Ilustracións) OQO. 11,90 €
Desde que o coñeceu, Esquío non o podía quitar da cabeza. Cando pensaba nel, escurecíaselle a vista, íaselle a voz, o estómago poñíaselle como unha pedra, e é que... esquío estaba namorada! O seu segredo percorreu todos os recunchos do bosque. Moitos opinaban que era unha tolería, pero cando chegou o outono... Javier Sobrino preséntanos unha entrañable e asombrosa historia de amor na que se insinúa que as diferenzas non constitúen unha dificultade para as relacións. Utilizando os animáis do bosque como recurso para conectar co lector máis novo, "Un segredo do bosque" utiliza unha linguaxe universal, a do afecto, para falarlle aos máis pequenos do amor e de como asumir os sentimentos. Elena Odriozola, galardoada por "A princesa que bocexaba a todas horas" co 2° Premio ao Libro Mellor Ilustrado, ofrécenos unha nova mostra dun estilo de ilustración de gran poder evocador, sutil e delicado que conecta á perfección coa poética do texto. Un álbum sen idade para falar e falarnos de amor.
|
|
|
Unha chea de familias / Xosé Antón Neira Cruz (Textos) e Rodrigo Chao (Ilustracións) Galaxia. 18 €
Un autor consolidado no panorama da literatura infantil galega e un novo ilustrador de calidade incuestionable xunguen esforzos a prol desta obra que vai dar que pensar. Mariña pregúntase cántos tipos distintos de familias pode haber. De feito, a familia de Mariña é diferente. Na familia de Mariña non hai mamá. Seu pai vaina acompañar nunha curiosa excursión polo edificio no que viven na procura de tipos de familias. A conclusión á que van chegar é que efectivamente hai unha chea de familias. En tempos de redefinición da estrutura familiar, coa aparición de novas formas de convivencia, novas formas de parella, novas maneira de ser pai ou nai, os lectores e as lectoras máis novas tamén necesitan entender que as fronteiras da familia son amplas e están abertas. Velaquí unha das funcións que vén a cumprir este álbum ilustrado no que unha historia atraente e actual se xungue cunha estética desde o punto de vista do tratamento da imaxe que chama poderosamente a atención.
|
|
|
A volta ao mundo en 80 contos / Saviour Pirotta (Textos) e Richard Johnson (Ilustracións) Baía Edicións. 24,90 €
Sabías por que os hawaianos honran o bufo? Coñeces a historia de Liu, un mozo chinés e a princesa dragoa? Esta e outras historias deste libro conforman unha marabillosa viaxe polos contos tradicionais de 80 culturas diferentes.
|
|
|
Xenaro e o misterio da mochila verde / Mar Guerra (Textos) e Fernando Llorente (Ilustracións) Xerais. 12,50 €
A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música...; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como “un trhiller psicolóxico” que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.
|
|
Xuvenil
|
|
|
|
Bícame profe 2 / Kazuma Kodaka [Trad. de María do Carme Pampín Otero] Cumio. 8,90 €
Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando, nun xogo dOs alumnos do Instituto Jyogaoka realizan unha viaxe de vacacións a Hawai, onde Atsushi-kun compartirá cuarto co seu antigo veciño e amigo Maachan, irmán do seu gran amor Masayoshi.
|
|
|
A cabeza de Medusa / Marilar Aleixandre Xerais. 12,50 €
OUnha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido. Narrada en terceira persoa, A Cabeza de Medusa, a novela de Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2008, conxuga a descrición, a narración e o diálogo, así como o xénero xornalístico, para conseguir, en palabras do xurado, “unha prosa áxil e dinámica que avanza con maxistral fluidez dende o comezo en que se coñece o acontecemento que desata a trama, ata a última páxina en que se resolve”. A amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña son temas abordados nesta magnífica novela con valentía, claridade e tenrura.
|
|
|
Fuxida cara ao sur / Juan Madrid Rodeira. 9 €
O hotel Riverside Palace de Salobreña, un antigo palacete inspirado na Alhambra de Granada, aínda se ergue fronte ao mar. No seu xardín traseiro hai unha pequena tumba, sempre cuberta de flores. Se se lles pregunta aos empregados do hotel, calquera deles pode contar esta incrible historia que sucedeu non hai moito tempo...
|
|
|
Irmandiños. A Revolta / V.V.A.A. Difusora de Letras, Artes e Ideas. 25 €
Irmandiños. A Revolta é un libro dividido en dúas partes ben diferenciadas e complementares: o manual do xogador e a crónica fotográfica da edición de 2007 do xogo de rol con maior número de participantes do mundo. O manual de instrucións divídese en seis capítulos: Crónicas do reino de Galiza, Clases sociais, Argumento do xogo, Estrutura e funcionamento dos exércitos, Regras do xogo e Armas. A crónica fotográfica deixa constancia de tres dias de convivio e devertimento dos case mil participantes na edición de 2007. O colorido dos participantes e o seu atrezzo así como o realismo das accións fican retratadas na reportaxe total de Nacho Gómez e Xan Muras. O asesoramento histórico correu pola conta de Anselmo López Carreira; os textos do xogo son responsabilidade de Xurxo Iglesias Riveiro, Jacobo Otero Romaní e 13Negativo; as ilustracións das personaxes son da autoría de Idoia de Luxán Vázquez e as fotografías de Xan G. Muras e Nacho Gómez, todo baixo a dirección artística de Adriana Pérez.
|
|
|
Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man / Sérgio Klein [Trad. de Mercedes Pacheco Vázquez] Xerais. 12 €
Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora. Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia. Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.
|
|
|
A revolución dos globos / Alfonso Álvarez Cáccamo Galaxia. 13 €
Dentro deste libro latexa a vida. Tamén latexa esoutra forma de vida que é o recordo. Lembrar é unha das experiencias máis humanas que existen, sobre todo lembrar aquilo que un nunca viviu, como acontece con Gurzonia, un país que non existe, mais existe porque se alicerza na creatividade do mundo infantil. Con estes bimbios está construído este artefacto literario que é algo máis ca unha novela. Presente e pasado, realidade e ficción, lembranza e invención se mesturan maxistralmente coa presenza constante dun sutil humorismo.
|
|
|
Un casoiro ben mal amañado / Bali Rai [Trad. de Ramón Porto Prado e Belén Souto García] Sotelo Blanco. 12 €
Historia de alienación e identidade, Un casoiro ben mal amañado narra as peripecias vitais dun adolescentes punxabi, Manny, que se debate entre manter as relacións familiares e vivir a súa propia vida. A mañá do seu casamento, que asemade é a mañá do seu dezasete aniversario, Manny pasa revista á súa vida para se decatar de que os seus valores persoais non son os mesmos que os valores da comunidade punxabi onde vive. Manny non ten nada en común con seus irmáns, que viven na ignorancia doutros mundos posibles, nin con seus pais, que viven na somnolencia que lles producen os litros de alcol que inxire cada día, no caso do pai, ou esa non rebelión contra o sistema establecido, no caso da nai. Así, ao se decatar de que a única opción para amañar as relacións coa familia é aceptar o casamento amañado con só dezasete anos, Manny decide afrontar a súa propia vida e tomar unha decisión difícil de xeito valente. Escrita en primeira persoa, Un casoiro ben mal amañado narra de xeito cru e realista o intento de sobrevivir de moitas comunidades de inmigrantes en espazos culturais alleos e as contradicións que se xestan nas segundas xeracións no seo desas comunidades.
|
|
Para todas as idades
|
|
|
|
O libro das viaxes imaxinarias / Xabier P. Docampo (Textos) e Xosé Cobas (Ilustracións) Xerais. 20 €
O libro das viaxes imaxinarias, escrito por Xabier P. DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas, contén a transcrición de dous cadernos de viaxe carentes de data e de calquera información que permita coñecer a localización dos lugares visitados ou a identidade do seu autor. Cadernos nos que se recollen dous tipos de textos: descrición das cidades e reinos visitados e apuntamentos e debuxos que tomou o Viaxeiro, xunto con algún textos reflexivos máis íntimos. “Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retornará á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato.” “Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto. Así comeza este libro inusualmente fermoso de formato esvelto, que nos propón, coma fixera Calvino, unha viaxe por lugares imaxinarios, na que acompañaremos ao Viaxeiro percorrendo cidades, camiños, montañas e coñecendo as súas xentes. Cadernos de viaxe evocadores e poéticos que nos propoñen, tamén, unha viaxe ao interior de nós mesmos, que nos trasladan a mundos imaxinados reais e fantasiosos, uns relatos que nos invitan a gozar do pracer da lectura.
|
Libros para ler, libros para agasallar. Adultos >>
E non deixes de visitar a Biblioteca Máxica>>