Libros para ler, libros para agasallar
|
Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz. Reencontrámonos coa obra de Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado co día das Letras Galegas. Foi ano de aniversarios, como os vinte e cinco anos do Xerais de Novela, os dez anos de Kalandraka, o vinte e cinco aniversario da fundación da AGE, outros vinte e cinco do Consello da Cultura Galega e do Galeusca, o centenario do pasamento de Curros Enríquez e do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle. O libro galego viaxou ata a Feira do Libro da Habana, ata Frankfurt, ata Guadalajara, a Uruguay, a Bolonia. Instauráronse os Premios Nacionais da Cultura Galega co merecido recoñecemento a Méndez Ferrín. Disfrutamos coas novas entregas de Inma López Silva, de Manuel Rivas, de Suso de Toro, de Xosé Carlos Caneiro, de Rafa Villar, de María do Cebreiro, de María Lado, de Luís G. Tosar, de Marcos S. Calveiro, de Xosé Vázquez Pintor, de Bieito Iglesias, de Carlos Penela, de Miguel-Anxo Murado, de Bernardino Graña, de Chus Pato, dos Xerais; gozamos coas traducións ao galego de Monzó e de Auster, ou de clásicos como as achegas de Faktoría K ou de Rinoceronte... alguén pode dar máis? Desexámosvos unhas boas festas e que o 2009 chegue cheo de bos libros e mellores lecturas!!!
|
|
|
Amor amén / Iolanda Zúñiga Xerais. 12,50 €
Na ruindade a pé do asfalto, na vida deshabitada a pé da rúa, pálpase o medo á soidade, ao abandono, ao engano. Cando fracasa o entendemento, o odio prende nos fentos secos da rutina e medra un desamor incendiario, abafante, verdugo. Amor amén, o primeiro poemario de Iolanda Zúñiga, a autora de Vidas post-it, é un monologo fragmentado, un berro que fala das lesions multiples, dos golpes amargos, das fracturas a peito aberto, que se enquistan provocando adiccion. Amor amén é unha ofrenda arida aos desamores idiotas, torpes, suicidas, que fecundan as nosas biografias fabricando, do futuro, desencanto.
|
|
|
Celso Emilio Ferreiro. Unha fotobiografía sonora / Celso Emilio Ferreiro, Ramón Nicolás, Xurxo Souto, Mónica Rodríguez Vázquez Ouvirmos. 40 €
A Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro é un novidoso volume que nos aproxima a unha das voces líricas máis importantes da nosa literatura, que alimentou coa súa palabra varias xeracións de músicos e poetas. Fotobiografía: a literatura para ollar. Isabel Ferreiro Loredo introduce, en representación da Fundación Celso Emilio Ferreiro, a selección fotográfica de Carlos Díaz comentada por Ramón Nicolás. Máis dun cento de fotografías, coas que se achega un poema e un breve estudo por década, introdúcennos no universo literario e persoal de Celso Emilio Ferreiro. Rexistros Sonoros: a literatura para escoitar. Acompañan esta selección fotográfica dous CD’s. Un deles, analizado tamén por Ramón Nicolás, recolle a voz do autor recitando os seus textos. O outro ofrece unha selección das cancións compostas cos seus poemas por artistas de renome como Suso Vaamonde, María Manuela, Los Tamara ou Fuxan os Ventos. Xurxo Souto Eiroa, músico e director de programación da Radio Galega, é quen documenta e guía a escoita deste último CD.
|
|
|
Ciclo de Xúpiter / Millán Picouto Linteo. 30 €
Nume da cidade e das asambleas populares, patrón do Estado e gran potencia tutelar do Imperio, Xúpiter preside o ciclo central do poeta, ocupado con momentos e figuras principais do poder político da antigüedades clásica, que aquí se desenvolve con exhuberancia transitando por vastos escenarios viventes. Contén: Péricles e Aspasia (traxedia), Vercinxetórix, príncipe da Galia (traxedia), Xulio César (traxedia), Zenobia, raíña de Palmira (traxedia) e Lánser e Íngrid (comedia).
|
|
|
A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo / Xosé María Álvarez Blázquez Xerais. 30 €
Esta edición d’ A cidade e os días, publicada por Xerais en colaboración co concello de Vigo, rescata para a lingua galega o calendario histórico de Vigo, desenvolto por Xosé María Álvarez Blázquez ao longo de 1959 nas páxinas de Faro de Vigo e publicado, logo, en formato de libro por Ediciones Monterrei en 1960. Unha obra monumental, na que Xosé María ofrece un impresionante fresco histórico de Vigo, desde o burgo de pescadores da Idade Media que foi, pasando polo carácter de porto corsario que abrigou no século XVIII, ao empuxe da abella ribeira que a convertiu na cidade portuaria e industrial de hoxe. Tras a súa primeira publicación, hai case cincuenta anos, A cidade e os días –a pesar de que moitos dos datos e informacións, afortunadamente, foron superados pola actual historiografía viguesa– non perdeu un ápice do seu interese xa que constitúe moito máis ca un libro de historia. A cidade e os días é unha apaixonada biografía literaria da cidade de Vigo e da súa contorna, escrita cunha prosa maxistral e un alento narrativo moi notable. Eis nese carácter profundamente literario onde reside a importancia e a beleza deste grande relato colectivo, que dificilmente vai quedar obsoleto.
|
|
|
A conxura dos necios / John Kennedy Toole [Trad. de Eva Almazán] Faktoría K. 22 €
“A conxura dos necios”, galardoada co Premio Pulitzer de ficción en 1981, é unha das novelas póstumas de John Kennedy Toole. O seu título procede dunha cita do clásico Jonathan Swift: Cando no mundo aparece unverdadeiro xenio, podémolo recoñecer por este signo: que os necios se conxuran todos contra el, da súa obra “Pensamentos sobre diversas materias, tanto morais como amena”. Ignatius Reilly é un rapaz incomprendido, de personalidade enrevesada e atormentado por atopar un traballo que lle permita pagar unha débeda. O protagonista é unha representación grotesca do heroe moderno: intelectual e lacazán, de aspecto excéntrico e desaseado, de conduta maniática e crenzas absurdas e anticuadas. Un gordinflón hipocondríaco que provoca ao mesmo tempo a risa e a mágoa. Vive anoxado coa sociedade que o rodea e trata de cambiar un mundo que non comprende, malia que lle tocou vivir nel, polo que actúa como un novo Quixote, para poder sobrevivir. Canda el, a novela presenta un elenco de personaxes excelentemente construidos, dando como resultado unha traxicomedia disparatada, ácida e intelixente, que contén unha crítica mordaz e demoledora contra a decadente clase media norteamericana, cuestionando de cheo os sistemas económico, relixioso e social do país.
|
|
|
Corpo de mar / Chelo Suárez Espiral Maior. 15 €
Corpo de mar, título sobre as diferentes formas do amor, é o primeiro libro de poemas de Chelo Suárez que ve a luz, na colección de Espiral Marior. Chelo Suárez naceu e reside na Coruña. Poeta e narradora, publica as novelas Flor de xiz (2003) e A venus de cristal (2008), esta última finalista do Premio Xerais de Novela. No ano 2008 obtén coa obra Os milagres de Cristamar o premio de literatura erótica Narrativas Quentes convocado por Edicións Positivas e é asidua colaboradora en revistas literarias e diversos medios de comunicación, entre eles Radio Oleiros, onde ten levado a cabo unha serie de contos dramatizados.
|
|
|
Cuarto de outono / María do Cebreiro Sotelo Blanco. 16 €
O sexto libro de poemas de María do Cebreiro ve a luz na renovada colección Edoy Leliadoura de Sotelo Blanco. Continúa a poeta o andar que trazaba na obra anterior, Os hemisferios (2006), inserindo diálogo, ensaio e pensamento.
|
|
|
Daniel e a Porta do Ceo / Xabier Iglesias Biblos. 14 €
A nova novela de Xabier Iglesias, Daniel e a Porta do Ceo está ambientada na Galicia do século XII, no ano en que Mateu remata a Porta da Gloria, e narra as aventuras dun frade bieito decidido a pescudar o misterio da súa orixe. Con este fin, deixa a súa casa en Leire e chega a Compostela onde busca a protección do abade Bernaldo. Pero será Mateu, o Mestre canteiro da catedral, quen acabará convertido no seu valedor. Xabier Iglesias preséntanos no seu novo traballo a Daniel como mestura de determinación e inxenuidade, de valor e inconsciencia, como alguén que arriscará a súa vida e a dos que o arrodean intentando descifrar o significado do símbolo que o acompaña desde o seu nacemento e que agora, inscrito na pedra da catedral, adquire unha nova dimensión. No transcurso da pescuda, Daniel terá que relacionarse coas persoas que moven na sombra os destinos de Compostela: frades, canteiros, herexes priscilianistas e mesmo o arcebispo Pedro de Deza, e, sen pretendelo, acabará convertido en catalizador da traxedia, mais da xustiza tamén. Daniel e a Porta do Ceo é unha novela de aventuras onde a formidable presenza da Compostela medieval, as manifestacións relixiosas, o devezo de poder, a venganza e o amor forman o marco e os sentimentos que motivan a narración e provocan a transformación final de Daniel, levado polas circunstancias, incapaz de dominar o presente.
|
|
|
De Profundis / Miguelanxo Prado El Patito Editorial. 13 €
Érase unha vez unha casa no medio do Mar. A casa tiña unha torre que miraba ao Poñente, unha escalinata que se adentrana nas augas, e unha árbore, polo Levante, que floreaba de marzo a abril. Alí vivían, namorados, unha muller que tocaba o violonchelo e un pintor engaiolado polo Mar e as súas criaturas, polos segredos que gardan as súas profundidades, os seres marabillosos que el imaxinaba que as poboaban e polas costas de terras afastadas no cabo do mundo, ás que as súas augas podían conducir se se sabía encontrar o rumbo.
|
|
|
Estúrdiga materia / Luís González Tosar Galaxia. 22 €
A Fotobiografía Sonora de Celso Emilio Ferreiro é un novidoso volume que nos aproxima a unha das vUn novo poemario de Luís González Tosar, con limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e ilustracións de Manuel Quintana Martelo. [...] escribo a eito, en remuíño, sobre Luís González Tosar, que é un poeta que traspasa, con esta súa Estúrdiga materia, a plenitude e a madurez. Fágoo desde o punto de vista daquel que o viu nacer como escritor, que o viu medrar e se converter no home grande que é. Isto quere decer que, mais ca nunca na miña vida, estou a producir un texto discursivo no que experimento o certo da velleza. De por parte, escríboo na Underwood que mercara meu pai en 1919 e na que el lle facía as crónicas de Vilanova dos Infantes á Zarpa de Blanco Torres e don Basilio. E todo canxa ben porque o Tempo nos leva coma o río de Díaz Castro, todo en lapas... Diciamos plenitude, sabedoría, cume: este libro de Luís González Tosar arrastra por popa toda a literatura galega e parte da feita noutras linguas que o autor frecuenta. Nesta tradición e diálogo de culturas Estúrdiga materia é unha lección maxistral que ha perdurar alén da nosa morte. (Do limiar de Estúrdiga materia, Xosé Luís Méndez Ferrín).
|
|
|
Festina lente / Marcos S. Calveiro Xerais. 16,50 €
Devagar, un carro baixa chirlando polo Preguntoiro ateigado de libros prohibidos e expurgados polo Santo Oficio. Estamos en Compostela no ano do Noso Señor de 1627 e este é o colofón do códice que, caderniño a caderniño, o encadernador Ambrosio Cavaleiro coseu na soidade do seu obradoiro da rúa da Armada dende que era un aprendiz canda o seu mestre. As campás, tristeiras, repenican a defunto, o vento zoa nas rúas e esparexe o capítulos todos da súa existencia. As páxinas de pergamiño, como faíscas, danzan sobre os tellados e os campanarios furtando á voraz desmemoria as lembranzas fuxidías, os acenos, mecos e rostros dunha vida. O coñecemento, como a pedra gravada polos arxinas a cicel e maceta dende a noite dos tempos, permanece no alento dunha idade incerta asolagada polo silandeiro andazo da intolerancia. Festina lente é a primeira novela para público adulto de Marcos S. Calveiro, unha das maiores descubertas da narrativa galega recente. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, escrita con enorme alento e prosa inusualmente depurada, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia.
|
|
|
Fin de século en Palestina / Miguel Anxo Murado Galaxia. 18,50 €
En 1998 o escritor Miguel Anxo Murado foi a Palestina enviado polas Nacións Unidas. Permanecería alí cinco anos nos que viviu toda clase de situacións dramáticas e cómicas: desde representar a Palestina nunha feira internacional de turismo a presenciar atentados e bombardeos pasando por ser o portavoz oficial durante a visita do Papa. Fin de século en Palestina é o relato autobiográfico daquela experiencia persoal na paz e na guerra, un relato auténtico, tenro, en parte tráxico e mesmo ás veces humorístico da vida nun país cheo de cor e de violencia.
|
|
|
Os Grouchos / Manuel O'Rivas Xerais. 17 €
Este libro convoca a unha odisea librepensadora, a unha ecoloxía da liberdade, que ten como porto de partida a Galicia de hoxe, entendida como un local universal, o país portátil, unha identidade sen paredes. Os Grouchos son un urdido de literatura e heterodoxia. Unha denuncia contra os vellos e novos muros de silencio, mais tamén unha viaxe á procura das “faíscas da esperanza” das que falou Walter Benjamín. Manuel O´Rivas reivindica, na modernidade, a ollada do “home rebelde” de Camus. E na tradición lendaria, o espírito dos trasnos “meniñeiros”, os seres invisíbeis que transmiten a herdanza do saber rir. O resultado é un libro que morde contra a estupidez, como pedía Kafka, e que abre os cadeados coa chave do humor. Ler Os Grouchos? O autor cita un proverbio popular: “Quen lle teña medo ao mar que non embarque!”.
|
|
|
As mellores intencións / Begoña Paz Xerais. 15,25 €
As vidas de Gabriel e Lis encóntranse en Aldara, a cativa a quen el quere salvar, a quen ela só sabe odiar. Amor e odio, verdade e mentira son os alicerces duns personaxes que se debaten entre a decepción pola vida que lles tocou en sorte e a esperanza de que, por unha vez, todo poida ira a mellor. As mellores intencións é unha historia de amores obsesivos, os que senten Gabriel por Aldara, a cativa pola súa nai, Lis polo “miñoca”. Un conto cruel cunha rapariga enfeitizada, unha cinsenta ferida e ferinte e un narrador que agocha, baixo a máscara da pasividade, unha cerna escura e implacable.
|
|
|
Os milagres de Cristamar / Chelo Suárez Positivas. 12 €
Os milagres de Cristamar, cunha escrita que te enreda e te secuestra, que non te deixa e te reconcilia coa literatura, é a novela gañadora da IV edición do premio Narrativas Quentes. Nesta novela, ambientada canda o famoso terremoto de Lisboa, e tan intensa como curta, hai prostitutas, monxas, hermafroditas e castratos, mariñeiros... É tamén Os milagres de Cristamar unha homenaxe á Coruña, cidade sempre vencellada ao cristal e ao mar, Cristamar.
|
|
|
Nove / María Lado Fervenza. 10 €
Gústame novembro. Gústame este mes de novembro que tes agora nas túas mans. Aprétao forte e ignórao e devolverache o golpe, seguro. Apréciao e descubrirache a sensación que rexe nesa rexión mínima que é novembro. Todos nós vivimos algunha época nesa illa onde o mar desexa a carne e non saímos ben parados. Habitamos algunha vez rodeados deses homes abocados ao seu propio destino... mulleres que saben o que é meter as mans no abismo... onde as mareas entran directamente no peito e te fan tolear... onde os faros non marcan o camiño coa súa luz nocturna. Saír non é doado e ás veces penso que o mellor é ficar nas súas tripas. Nas tripas de novembro. Que novembro doe é unha cousa que nos fai saber María dende a primeira letras deste golpe. Doe como unha traxedia de todos os días. Do e aínda así gozamos das súas rochas aguantando a forza do mar como un pulso eterno. O pulso que habita novembro. Nove pulsos sobre o que nos queda de aquí ao final da tormenta. (Do limiar de Nove, Suso Bahamonde)
|
|
|
Obra dramática / Francisco Taxes Xerais. 22 €
"Escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita'', como o describiu Manuel Rivas en 1978, o escritor e guionista de cine Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940-2003) apostou nos seus textos por un teatro popular, comprometido e divertido, contribuíndo deste xeito a converter a arte de Talía nunha ferramenta fundamental na loita a prol da recuperación e a normalización da cultura e a lingua galegas. Este volume, que recolle a súa produción dramática ao completo, inclúe dúas obras inéditas, Caderno de bitácora –representada polo CDG en 1985– e a persoal e transgresora Elas (1997). Na introdución, preparada por Xurxo Taxes Díaz, dáse conta da andaina vital e artística dun dramaturgo que soubo, sen prescindir da defensa dun teatro de diálogos áxiles e aparencia sinxela e natural, afondar nos grandes temas da condición humana, como a morte, a violencia, o poder ou o sexo. Un libro clave para a recuperación dun dramaturgo clave no devir do teatro galego da segunda metade do século XX.
|
|
|
Outra Galiza / Suso de Toro Xerais. 17 €
As páxinas d’ Outra Galiza, escritas dende 2003 á primavera de 2008, naceron do diálogo do escritor Suso de Toro co seu país, nuns anos de tránsito, de cambio social e político nos que houbo momentos de grande conflitividade e dureza, nun tempo aberto no que apareceu a expectativa de que a sociedade galega abrollase máis anovada. Textos críticos e autocríticos, escritos coa convicción de que as palabras contribúen a cambiar o estado das cousas e ganduxados coa intención explícita de ir ofrecendo un programa para un novo galeguismo e tecer unha Galiza da cidadanía. Un libro de intervención onde latexa no fondo un optimismo razoable e a confianza na nosa sociedade e nas posibilidades deste tempo novo.
|
|
|
Para dicir abril / Xosé Vázquez Pintor Sotelo Blanco. 15 €
Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando, nun xogo de intertextualidades, o que é a súa vida, marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia ata o momento presente. Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminosa e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora algunha das vetas máis escuras do ser humano, a soidade, os grandes traumas, a dor en estado lacerante, para deixar constancia da catástrofe emocional que supón enfrontarse a vivencias límite. Solidez, coherencia e complexidade formal conforman este universo rico que se rexe polas leis da simultaneidade perfecta de planos espazo-temporais, pola evocación de poemas que, coma ecos, reinventan a memoria devastadora que nos dá a medida da concepción de que todo é cíclico, illa, fulgor do instante. O libro, que pode ser lido como un longo poema en prosa, como as páxinas dun diario íntimo ou como uns delicados apuntamentos que convidan á reflexión, foi definido polo xurado do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007 como “Unha novela innovadora cunha gran carga poética na que abundan as figuras literarias. Sorprende o xogo temporal, a presenza do mundo dos sentidos e o achegamento a un tipo de sexualidade minoritaria” Velaí o testemuño dunha biografía insubornable.
|
|
|
Pequenos infinitos / Carmen Pereiras Difusora de Letras, Artes e Ideas. 15 €
Os infinitos privados escollen as deshoras coa lexítima intención de recrearse na anchura da soidade, pero cada intento é certamente unha paranza sospeitosa. Un abranguer nimbos dificilísimos que subtraídos do encadre rematan, coma o chocolate, quecendo nos dedos.
Por vontade, decidín –hai moitos anos- ir e vir sen dar explicacións nin sequera para desfacer equívocos. Algún silencio costoume unha derrota; daquela, os silencios e as derrotas eran cousas diferentes. Cando intuín o desengano, non tiven que esperar moito. Compareceu indolente e exacto, e nun lugar inapropiado, recoñecémonos. Dende entón, perdémolo todo. Menos as noites. Carmen Pereiras
|
|
|
Por unha Galiza liberada e novos ensaios / Xosé Manuel Beiras Espiral Maior. 20 €
Por unha Galiza liberada e novos ensaios recupera unha obra, xa clásica, publicada no ano 1984, Por unha Galicia liberada. Ensaios en Economía e Política, mais a presente edición, rigorosamente actualizada, incorpora 7 novos ensaios, entre os que salientan os títulos "Nación, Estado e cidadanía", "Permanencia e cambio estrutural na mundialización", "Universidade e economía na Galiza contemporánea", "Economía galega e autonomía política" e "Encol da Cidade da Cultura". Unha nova obra, en definitiva, que permite descubrir o Beiras máis lúcido e incisivo, fondamente actual nas súas reflexións, e sempre dono dun estilo e dun discurso de alta calidade conceptual e literaria.
|
|
|
Migracións / Rafa Villar Espiral Maior. 14 €
Rafa Villar (Cee, 1968) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC e dende o ano 1995 traballa no Departamento de Normalización Lingüística da CIG. Promotor xunto con outros poetas do Batallón Literario da Costa da Morte e da colección de poesía Letras de Cal, nos últimos anos participou activamente no movemento social Nunca Máis, do que foi un dos seus voceiros públicos. Como poeta está en posesión, entre outros, dos premios Fermín Bouza Brey, Cómaros Verdes, Concello de Carral e Eusebio Lorenzo Baleirón. Coa presente obra, Migracións, obtivo o XXIV Premio de Poesía Cidade de Ourense.
|
|
|
Un home na escuridade / Paul Auster [Trad. de Eva Almazán] Galaxia. 17 €
A nova novela de Paul Auster enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea cunha trama que conxuga a historia de August Brill, un crítico literario retirado que padece insomnio, coa duns Estados Unidos sumidos nunha nova guerra civil. August Brill recupérase dun accidente de coche. Deitado na cama, cóntase a si mesmo historias para tentar escorrentar lembranzas desagradables: a recente morte da súa muller, o arrepiante asasinato do mozo da súa neta. Aos seus setenta e dous anos, este crítico literario retirado imaxina un mundo sen guerra no Iraq e coas Torres Xemelgas en pé, mentres, como consecuencia das eleccións do ano 2000, algúns estados dos EUA comezan unha guerra entre si.
|
|
|
A vida nova de Madame Bovary / Xosé Carlos Caneiro Galaxia. 31 €
A literatura como realidade que xorde da mesma literatura é a certeza da que parte a nova novela de Xosé Carlos Caneiro. A vida nova de Madame Bovary conta a historia de Hermelinda que, enganada polo seu marido, abandona a vida familiar pretérita para se refuxiar nunha peculiar casa de hóspedes chamada O Gatopardo. Lugar de encontro de perdedores, ilusos e namorados, de alí vai abrollar o intenso aluvión de historias que asolaga a novela. Un festín esperpéntico, unha obra narrativa que desmitifica o fracaso ao tempo que ergue un poderoso mundo ficcional, cheo de paixón literaria, pulo vital, humor e sensibilidade.
|
|
|
O xardín das pedras flotantes / Manuel Lourenzo González Xerais. 22,50 €
O xardín das pedras flotantes, a obra de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXV Premio Xerais de Novela, é o relato dun amor extraordinario de dous adolescentes, Simón e Anabel, marcado por unha historia xenealóxica, que arrinca desde a Idade Media e nos conduce até a actualidade. Unha historia fermosa gobernada por unha gran imaxinación e ateigada de riquísimas crónicas que acaban encaixando na engranaxe da novela coa precisión da maquinaria dun reloxo. Botando man de elementos da literatura fantástica ou da traxedia e sen esquecer nunca un sutil e estimulante sentido do humor, esta novela podente homenaxea esa literatura que viaxa de Lovecraft a Poe, e adobíase, desde as roupas da contemporaneidade, cos intensos sentimentos humanos que o amor provoca nos comportamentos dos personaxes. Desde o discurso memorialístico inicial, que o personaxe realiza e que preside toda a narración –orixinándose moito antes da súa propia infancia– até o desenlace final, o lector non perde de vista en ningún momento que a historia de Simón e Anabel é o auténtico motor que tece o entramado singular desta novela entretida, viva, vizosa e sedutora.
|
>> Libros para ler, libros para agasallar. Infantil e xuvenil
>> E non deixes de visitar o Andel de Novidades