De Actualidade... Os instrumentos musicais na tradición galega


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero AriasFaltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 

 

 

Botando unha primeira ollada a este inconmensurable Os instrumentos musicais na tradición galega o lector pode contemplar ducias de instrumentos musicais, fotografías, imaxes... Cal foi todo o traballo desenvolto para dar ao prelo esta obra enciclopédica?

Foron máis de dezaseis anos de traballo percorrendo aldeas e falando con músicos e músicas de Galicia, coñecendo cales eran os instrumentos musicais que se utilizaban no país durante o século XX. Un labor de campo recollendo datos, fotografando e gravando a xente tocando os seus instrumentos para finalizar cunha fase de laboratorio lendo libros sobre instrumentos doutros países, estudando a súa xenealoxía coa fin de pescudar a historia deses instrumentos e escribila para Galicia, a través do seu desenvolvemento, cando chegou aquí e como evolucionou dentro do país.

O que o lector atopará neste libro será fundamentalmente todo iso sinalado: a historia dos instrumentos, os seus usos tradicionais, quen e cando se usaban, como se tocaban, o proceso de construción... Todo o que se pode contar dos instrumentos, chegando incluso a unha exploración a nivel cognitivo sobre o significado dos instrumentos musicais para os galegos, que sería o mesmo que explicar o alcance da música para un galego ou a súa representación dentro dun sistema musical, que iso varía moito de cultura a cultura. En todos eses sentidos sinalados descríbense un total de 140 instrumentos.

 

Cando se decata vostede de que todo o investigado, todo ese labor de campo recompilado pedía estar presente nun libro destas características? Principiou con esa idea ou este proxecto tomou forma tras ver todo o material reunido?

Eu coñecía dende hai tempo un libro de Ernesto Veiga de Oliveira titulado Os instrumentos musicais populares portugueses*. Cando principiei este traballo, cando comecei a percorrer as aldeas buscando información, xa tiña en mente a idea de plasmar para Galicia o mesmo labor que fixera de Oliveira en Portugal: encher ese baleiro existente na nosa cultura. Entón podemos dicir que fun coa idea de facer este traballo dende o comezo, pero ben, ao principio eu o que facía era colleitar datos, sen saber como remataría, xa que editar un libro destas características non é nada doado. Finalmente caín do Proxecto Ronsel e decidiron que era interesante publicar este libro. 

 

* Ver referencia aquí

 

Falaba antes da exploración cognitiva. Qué representa a utilización dun instrumento en concreto e a música interpretada na alma do galego e de Galicia?

Para un galego, nun sistema de cultura tradicional, a música era moi importante. A música ten unha utilidade biolóxica –demostrada- que é a creación de grupo. A música é un dos soportes fundamentais para soster grupos sociais, tribais, por dicilo dalgún xeito. A música achega un vencello de creación social.

Para un galego significaba precisamente iso: un mecanismo para manter unidas as aldeas, as parroquias e a súas estruturas sociais. Antano en todas as aldeas organizábanse xuntanzas para tocar e bailar. Xerábase cohesión de grupo, de colaboración. Iso hoxe en día non existe, porque nestes tempos a sociedade non fai música, só a escoita.

Os galegos entendiamos a música como unha forma de indivisión. Ao igual que colaboraban tocando música xuntos axudaban indo sachar as patacas, na busca de leña ao monte, etc. Ese é o sentimento do galego cara a música, que por outra banda é un sentimento universal, non exclusivamente propio dos galegos.

 

Cómo é a relación do galego coa paisaxe visto dende un aspecto puramente musical? Vemos a utilización como instrumentos musicais de elementos da natureza como follas, cunchas, noces, etc... e de aparellos de traballo como ciceis ou ferramentas de labranza.

Da natureza obtíñanse moitos dos instrumentos musicais que utilizaban os nenos. É unha relación estreita: os nenos xa tiñan unha forte vinculación coa natureza e iso afianzábase aínda máis cando obtiñan materiais útiles dela para facer melodías directamente das herbas, dos árbores, do río... Son dúas cousas que van xunguidas.

 

A miña sogra morreu onte/ enterreina no palleiro/ os seus xenros a rezar/ i eu a tocar o pandeiro

A tradición oral tamén ten moi presente os instrumentos, tal e como reflicten os numerosos versos e coplas que recolle vostede neste libro.

As coplas galegas son satíricas, moi sexuais e evidentemente tamén aparecen os instrumentos musicais nelas. Musicalmente falando Galicia é un pobo moi rico e é normal que nas coplas aparezan os instrumentos musicais, abofé. Nas coplas falábase de todo, eu revisei unhas 25.000 ou 30.000 e recuperei algunhas delas para o libro.

 

O capítulo máis extenso do libro está dedicado aos instrumentos aerófonos e dentro dese grupo á gaita. Poderíase dicir que é o instrumento máis representativo dos utilizados no país?

No libro demostro que si. A gaita é o prototipo cognitivo de instrumento musical de Galicia. Cando unha persoa avalía se un útil é ou non é un instrumento musical, cando ti preguntas a un paisano: ‘Isto é un instrumento musical?’, aínda que el non o saiba, está facendo unha comparación inconsciente respecto á gaita de fol. A gaita de fol é o prototipo de instrumento musical, coas características de seu. É un arquetipo. Noutras culturas é outro instrumento, pero aquí éo a gaita de fol. É a cima da cadea, todos os instrumentos se comparan con ela. É dicir, a gaita de fol é a que fai a música perfecta, completa. Ela soa fai música, ela soa é un instrumento musical. Ten unha serie de marcadores cognitivos que a converten nun modelo. A gaita é o rei dos instrumentos galegos.

 

Houbo variación histórica nos instrumentos tradicionais ao longo dos séculos? Nalgunhas imaxes e fotografías que se amosan en Os instrumentos musicais na tradición galega correspondentes a gravados, elementos decorativos de hai séculos vemos que os instrumentos son os mesmos ou con moi poucas variacións respecto hoxe en día.

En Galicia ocorre unha cousa curiosa e moi estraña de atopar noutras culturas, que é a mantenza de todos ou case todos os instrumentos que se tocaron dende o paleolítico. As voadeiras, os fungos, determinados tipos de frautas... usadas polos nenos galegos empregábanse xa daquela. Todo isto está documentado nas escavacións arqueolóxicas de hai vinte mil anos do paleolítico superior. O marco cambiou, por suposto, pénsase que no paleolítico eran instrumentos rituais manexados por adultos, pero se conservou en mans de nenos como xoguetes ou como divertimentos.

En Galicia utilízanse instrumentos que se empregaron ao longo de toda historia no noso territorio: temos estratos que pertencen ao paleolítico, ao neolítico, moitos instrumentos das mulleres, medievais como a gaita de fol ou os rabeis, temos instrumentos renacentistas como o violín, etc. En resumo, todos os estratos están aquí, están en uso ou estivérono ata hai trinta ou corenta anos. O instrumentario galego é como unha fiestra ao pasado.

 

En qué medida se relacionan os instrumentos musicais galegos con outros da tradición musical europea?

Son análogos. Os instrumentos que che comentaba antes procedentes do paleolítico aparecen en Galicia e noutras partes do mundo. Son instrumentos que pertencen a un estrato histórico moi antigo que posteriormente evolucionan no tempo afianzándose en cada cultura e manifestando unhas particularidades propias. Segundo foi avanzando o tempo algúns deles se asentaron, velaí como un instrumento medieval como é a gaita de fol se toca en toda Europa. O que pasa é que cada país ten a súa particularidade e sinais de identidade propias, non é igual unha gaita aquí que unha gaita en Rusia, pero seguen sendo gaitas. Cada cultura dota dunha particularidade propia aos seus instrumentos.

 

Hai algún instrumento tradicional que sexa puramente galego?

Hai moi pouquiños. Poderíache dicir o charrasco ou a requinta, por exemplo, que son moi difíciles de relacionar con outros. Pero en verdade hai moi poucos que sexan exclusivos doutras culturas.

Logo está, como che dicía antes, que un instrumento aquí non é igual que en Francia, por exemplo, xa que cada cultura outorga a cada instrumento unha personalidade propia.

 

Dedica o último capítulos aos grupos musicais, que antigamente eran os verdadeiros animadores das festas de vilas e aldeas.

Os conxuntos musicais cumprían a mesma finalidade, a comezos do século pasado, ca que teñen hoxe en día as discotecas ou as salas de concertos. Era a música no máis alto nivel.

Nese capítulo tamén fago mencións aos grupos de mulleres, que cantaban nas ruadas ou nos fiadeiros, e cumprían unha función social: o de aportar música á comunidade, como dicía antes. 

Contratábanse a grupos de gaiteiros, que amenizaban as festas, pero había que pagalos e polo xeral non eran baratos. Logo había outras agrupacións musicais como os cegos que eran, digamos, os substitutos dos xornais e medios de comunicación de agora.

 

As imaxes de Xosé Ramón Marín Martínez engaden un valor especial aos textos.

Moncho Marín é un namorado da nosa cultura e apréciase nas súas excepcionais ilustracións. El tamén é músico e une no libro tres aspectos fundamentais: o amor pola tradición, unha visión clara do que son os instrumentos musicais e unha calidade excepcional no desenvolvemento das ilustracións. Creo que Moncho é o mellor deseñador etnográfico que temos hoxe en Galicia. As súas ilustracións dan moita vida ao texto e aportan cousas por enriba das fotografías.

 

Queda pechado ou terá unha continuidade este Os instrumentos musicais na tradición galega? Haberá unha continuación segundo vaian aparecendo novos instrumentos?

En breve sairá unha segunda edición do libro un pouco ampliada, con algunhas cousas novas. .

 

 

 

 

 

 

Máis...

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...