De Actualidade... Festina lente


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Festina lente' de Marcos S. CalveiroFestina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...

 

 

 

A partires da portada e do título de Festina lente, tomados ambos do lema e logo do impresor Aldo Manucio, o lector xa se pode facer unha idea do que vai atopar no libro.

Esta novela trata de imprentas, de libros e tamén reflexa o proceso de creación do libro, festina lente, ese bule amodo. A súa primeira versión fíxena moi rápido e un amigo recomendoume ese bule amodo para darlle outra volta máis ao libro. O libro polo tanto ten esa dupla significativa: o proceso na escrita que lle din e por outra parte ten esa referencia á tipografía e a referencia que poñía Manucio aos libros. O título púxeno ao final, barallei uns cantos e quedei con este.

 

Intrigas, libros prohibidos, Santo Oficio... de primeiras quen se achegue a Festina lente podería pensar que ten todos os ingredientes dun “best seller”.

Todo iso é un pouco circunstancial. O que conto na novela, sobre o cal documenteime moito, son historias reais. Aparecen os gremios que daquela eran moi naturais, coas súas institucións, normas, regulamentos…

As loitas de poder en calquera sociedade ou ambiente pechado como era a Compostela daquel momento estaban á orde do día. Sobre os personaxes, agás o protagonista e un par deles máis que son invención o resto son personaxes reais que nalgún momento existiron, non con esas características que eu lles atribúo, pero aí estaban.

Na primeira versión a intriga non aparecía, apareceu logo como fío conductor e para que non quedase a cousa nunha historia demasiado erudita cos libros, as tipografías, os impresores… que por outra parte é un tema que a min me fascina.

 

O libro xira desde a nenez ata a morte de Ambrosio Cavaleiro, posiblemente o personaxe máis complexo da túa carreira literaria: homosexual, renega de vivir en sociedade, mantense pechado no seu mundo de libros e no traballo de encadernador en Compostela... Foiche moi complicado artellar ou definir a identidade de Ambrosio?

En Festina lente eu quería contar a historia dun rapaz que chega a Compostela, que se converte nun aprendiz de encadernador e conta a súa existencia, ao que logo, pouco a pouco, vou engadindo máis historias.

Recoñezo que cando comezo un libro non fago ningún esquema previo sobre a historia e os seus personaxes. A personalidade de Ambrosio está forxada pola historia e os feitos que lle van sucedendo. Non penso desde o comezo que vai ser homosexual, misántropo, que odia a todo o mundo e que vai soltando mucazos polas rúas de Compostela. A medida que vai medrando a historia vaime xurdindo esa idea. Ambrosio ten unha parte de Quixote, tolea no seu mundo de libros, vive alleo á realidade e non sabe moi ben o mundo que o arrodea. Pero na novela hai momentos nos que ten que decidir e toma decisións importantes.

 

Na novela utilizas unha linguaxe da época, con moitos termos cultos e palabras caídas en desuso. A maiores aparecen frases no verbo dos arxinas ou latín dos canteiros. Como foi a confección de todo ese corpus?

É unha necesidade da propia historia. Eu como escritor teño que coidar das miñas ferramentas, que son as palabras. Logo temos unha lingua que ao mellor na fala cotiá está esmorecendo pola influencia do castelán ou porque xa non son necesarias utilizalas e caen en desuso. Cando falo de canteiros ou dunha persoa que no século XVII traballa nas cousas propias do seu oficio, que ten un nome determinado, evidentemente ese nome teño que empregalo. Logo está o sorprendente que é que os canteiros usasen unha linguaxe propia como era o verbo dos arxinas.

 

En Festina Lente mesturas a trama con pasaxes descritivos, sobre todo da Compostela de finais do XVI e comezos do XVII que é o período onde se desenvolve a historia. Foi doado recrear esa Compostela?

Lin moito e tampouco é que sexa unha época difícil de imaxinar. Compostela era practicamente o que é agora o casco vello, máis reducido incluso; unha cidade onde se se pechaban todas as súas portas quedaba totalmente illada. As rúas aínda non estaban lousadas como hoxe en día. Imaxínate, vacas e demais animais andando polas rúas enlamadas, a xente botando fora as súas necesidades, cun clima chuvioso, peregrinos entrando e saíndo, a insalubridade e a falta de hixiene… todo iso é fácil de evidenciar.

 

Cando un lector se enfronta a unha novela histórica sempre existe a dúbida sobre que é real e que é inventado.

O que tes que reflectir é verosimilitude a todo o que contas. Eu non fago un manual de historia, eu documéntome e creo unha historia de ficción, é pura literatura. O importante é que sexa verosímil e coherente. Escribo para o lector, non para un catedrático de historia.

 

Unha historia engaiolante de escasas trescentas páxinas. Non cres que podería alongarse noutras trescentas páxinas máis sen perder un ápice de interese?

Na primeira versión o libro tiña menos páxinas e nunha posterior chegou a ter cincocentas, pero logo tes que facer un pouco labor de peneira senón queres que poda chegar a ser aburrido nalgúns momentos, ou que algúns dos capítulos non teñan o mesmo nivel ou que decaia a trama nalgún momento. Foi un proceso tan arduo en todos estes anos onde houbo cousas que botei, outras que introducín, personaxes que desapareceron… que chegou un momento no que preferín pechala antes de que acabase comigo.

De todos os xeitos, para min, que veño da literatura infantil e xuvenil, é toda unha fazaña chegar a este número de páxinas.

 

Hai un par de anos houbo un boom de novelas sobre a Guerra Civil mentres que no último ano apareceron publicadas varias novelas sobre a Galicia do século XVI como As palabras da néboa (Galaxia) de Francisco Castro, O frío azul (Sotelo Blanco) de Ramón Caride ou María das Batallas (Galaxia) de Alfredo Conde. Atraíache esta época ou a historia xa naceu neste período?

Eu quería falar nesta novela de libros, de imprentas,… e esta era a época que a historia precisaba, que é cando comeza a haber en Galicia un labor de imprenta estable fora dos típicos impresores transhumantes que chegaban de Castela para facer encargos procedentes da universidade ou dun cabido catedralicio. Por exemplo, en Compostela estaba a imprenta dos Paz que facían traballos a cotío. Por todo isto escollín este momento, pola situación dos impresores en Galicia.

 

Con Festina lente achégaste por vez primeira á narrativa para adultos. En que mudou a túa escrita neste libro comparándoa cos anteriores?

Cando eu teño unha historia tiro con ela cara adiante. Este é o meu primeiro libro para artellar unha novela, nace antes que calquera dos outros libros que teño publicado. Sen embargo, aquí hai moito do que aprendín escribindo para rapaces: o proceso de edición, corrección,… En todos eses libros para Tambre aprendín moitas das cousas que logo utilicei aquí.

Ás veces penso que quizais, cando escribín aquela primeira versión de hai tres anos, non foi para adiante porque non era o escritor formado con eses libros de literatura xuvenil.

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.