De Actualidade... Facendo historia con memoria


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández PrietoO catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

 

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 

 

 

A modo de prefacio sinala que Este libro trata do noso pasado máis incómodo. Dende o primeiro artigo datado en febreiro do 2002 ata hoxe sucedéronse intentos gobernativos de recuperación do pasado recente con leis e proxectos tanto a nivel galego como estatal. Visto agora: Foi positivo todo ese traballo de recuperación? Queda aínda moito por recuperar da historia deses anos escuros?

O meu balance é positivo. Deuse un impulso que non se dera nunca antes e sen ese pulo e sen outras accións como a Declaración do Ano da Memoria por parte do goberno galego, ou a organización de diferentes propostas de investigación, sería moi difícil desenvolver todo o que se fixo e acadar os resultados que se obtiveron.

Dende Galicia marcouse un camiño que dende outros sitios están seguindo. Como exemplo, o outro día uns compañeiros vascos puxéronse en contacto connosco solicitando información sobre o realizado aquí. No conxunto do Estado tamén se podería dicir que se fixeron cousas neste sentido. Houbo unha vaga que primeiramente é sociolóxica, logo lexislativa e logo política, e nestes momentos a maiores tamén o é xudicial, aínda que os resultados sexan distintos segundo o poder do que falemos, como podemos comprobar.

 

A Lei da Memoria Histórica foi impulsada en boa parte pola forza exercida por unha serie de movementos sociais. Sen embargo, podemos comprobar como outra grande parte da sociedade vive de costas a todo ese pasado, ben por descoñecemento ou ben por desidia, como reflicte vostede neste libro sinalando a multitude de símbolos fascistas que aínda poboan as nosas cidades e vilas.

Para min a Lei da Memoria Histórica é unha lei mala e reflicte en si mesma o problema que temos. Cunha boa lei non estaría pasando todo o tema de Garzón, por exemplo. O que debería facer esa Lei é anular os xuízos do franquismo. Unha Lei non pode determinar en qué consiste a historia e a da Memoria Histórica nace precisamente -que é o que me interesa destacar- dunha sociedade pola que pasaron vinte e cinco anos de democracia.

Hoxe en día moitos netos queren saber que é o que pasou cos seus avós. E cando un busca coñecemento sobre o que lles pasou atópase coa Europa de entreguerras, descobre o fascismo e comproba que dous anos antes da Kristallnacht aquí sacaron á xente das súas casas e matáronas. Nós somos a xeración que se educou despois dos xuízos de Núremberg e tras a declaración dos Dereitos Humanos; pero todo iso se concreta no Estado español despois do ano 1975. Tras vinte e cinco anos de democracia pasan cousas. Hai unha nova sensibilidade social que reclama que os símbolos da democracia e do presente, que os lugares da memoria estean acordes con eses valores actuais. E reclama saber que pasou hai setenta anos.

Na década dos 90, coa caída do Apartheid, co derrubo do muro de Berlín, perséguense a ditadores sudamericáns, etc. Todo iso estaba ocorrendo polo mundo adiante e aquí fíxose a pregunta: E nós que?

Logo está o xogo político e no Estado español faise moita política coa Memoria e moi pouca política da Memoria...

 

Cal é a obriga moral ou profesional dos historiadores para mostrar á sociedade todo o que ocorreu nese tempo? Vostede deixa entrever en Facendo historia con memoria que o que se coñece dese período, polo menos ata hai uns anos, é unha historia feita máis por políticos ca realizada por historiadores.

O que máis falla fai dese período é coñecemento historiográfico. Entre outras razóns porque é un período aberto. Hai que ter presente que estamos falando da Guerra Civil, onde houberon dous bandos. Se temos en contra outras nacións como os Estados Unidos, Finlandia ou Irlanda, por exemplo, comprobamos que un estado se crea sempre tras unha guerra civil. O Estado español necesitou catro: tres carlistas máis a Guerra civil, e aínda así non sabemos se está acabado de fraguar.

Na Guerra civil española hai moito franquismo, hai moito antifranquismo, e hai pouca historiografía. O que ten que facer o historiador é indagar, coñecer. Nós estamos lendo agora os sumarios dos procesos militares, hai que lelos para saber o que pasou realmente. Durante o franquismo utilizouse a lei no uso máis perverso do mesmo e todos os mecanismos administrativos para xustificar o asasinato de miles de persoas. E iso no proceso da Transición non se tocou.

Como moi ben dixo Torcuato Fernández Miranda*, durante o proceso de Transición había que pasar da Lei á Lei, e nesa lei seguimos, nunha continuidade legal. Para saber o que pasou hai que ler os procesos do franquismo, non se pode dicir que a fulano matárono, sen máis. Temos os procesos, está a memoria das persoas, conservamos a historia oral, conservamos a documentación privada, posúemos as cartas, temos ao noso dispor os rexistros civís,... Existe un conxunto de información heteroxénea que contrastada e comprobada permítenos achegarnos á descrición máis verosímil posible do que puido ocorrer.

Pero en Historia -ao igual que en calquera outra ciencia- o importante é o tema que escolles. Hai que preguntarse por qué despois de tanto tempo non se podía acceder a esa documentación e dende que se pode estudar para qué se utiliza. Cando empezamos a estudar isto hai quince anos localizamos moita información do Sindicato vertical da provincia de Pontevedra. Foi queimada. Iso para min é unha metáfora do que estamos falando. Unha sociedade que ten un galpón cheo de documentos, que nos chegaron intactos ata o ano 2002 e a pesar de que nós interesámonos por esa información, un funcionario decide botar ao lixo todos eses papeis. Unha sociedade que fai iso defínese por si mesma. Pero é a mesma sociedade que ten toda a documentación dos seus pazos cheos de goteiras e gasta millóns de euros noutros tipos de restauracións.

 

*Torcuato Fernández Miranda (1915-1980), Político considerado o ideólogo da Transición española. Tras a morte de Carrero Blanco ocupou a Presidencia do Estado español de forma interina.

 

Define a Transición como unha etapa de esquecemento onde o que se procura é ‘non remover o pasado’. Qué intereses houbo para converter o pasado republicano nese machadiano ‘lugar donde habita el olvido’? Vostede sinala neste libro que a democracia actual é debedora dese período republicano, da democracia republicana.

É certo. O único pasado democrático que tivemos na nosa historia é a democracia republicana.

Non houbo intereses, o que pasou é que a xente quería esquecer. Esqueceuse porque o franquismo estivo corenta anos afirmando que se podería repetir, especialmente no período que vai do ano 62 ao 75. Dino o franquismo e a xente sabíao... e finalmente pasou co intento de golpe de estado de Tejero no ano 81.

A xente quería esquecer. No Estado español houbo moita fame tras o golpe de estado e viviuse a posguerra máis longa de Europa, onde as cartillas de racionamento duraron dende o 36 ata o 53. Non había aceite, non había azucre, nin fariña, nin gasolina. Non había nada. A xente quere arrecantar iso e o Réxime, que non é parvo, axúdalles a esquecer. Despois xa hai Seiscentos, hai lavadoras, quentadores, hai casas... e hai un interese na xente en converterse en novos ricos ou polo menos en clase media. Iso é o que se coñece como franquismo sociolóxico. O Réxime procura que a xente non mire cara atrás e a xente non quere facelo.

Repítoo: Non é que haxa unha conxura, é o conxunto da sociedade quen non quere lembrar. É máis, como moi di Santos Juliá*, todo o que sabemos sobre as fosas está en Interviú. Dos mapas do ano 43, que son os que se utilizaban cando eu cheguei á Facultade, aí aparece: campo de concentración de Oia, campo de concentración de Camposancos, etc... Están nun momento onde había un servizo de información de campos de concentración. Hoxe en día non nos interesa saber iso, coñecer iso. A sociedade quere mirar cara adiante.

Nós o que nos propuxemos aquí é facer historia, con memoria e coa memoria. E iso é o que estamos facendo.

 

*Santos Juliá Díaz (Ferrol, 1940). Historiador e autor de numerosos traballos sobre historia política e social española do século XX.

 

Galicia foi ignorada no proceso de Transición. Esquecéronse de Antón Alonso Ríos e Valentín Paz Andrade non tivo a presenza que si tivo Tarradellas en Catalunya, por exemplo. Gañou ou perdeu Galicia co Estatuto de 1981 respecto ao de 1936?

Hai que ter moi presente que se Galicia tivo un Estatuto no 81 porque o tivo no 36. Galicia segue vivindo das rendas de aquela. Nós somos herdeiros dun pasado e nin sequera sabemos o que significa.

Mentres que o franquismo saínte controlaba o sistema político galego -por iso non facía falta traer a Alonso Ríos- non ocorrera o mesmo no caso catalán. Adolfo Suárez non necesitaba a Alonso Ríos pero si a Tarradellas. Debemos entendelo no seu contexto: Catalunya no ano 77 foi o país de Europa occidental, despois de Italia, onde máis votos acadou o Partido Comunista. A forza do catalanismo renovado era brutal e a solución que se lle buscou foi traer a Tarradellas.

Mentres que pasaba iso con Catalunya aquí en Galicia non se contou con Alonso Ríos nin con ninguén do Consello de Galiza. As súas consecuencias foron terribles: rachouse definitivamente con América, e non precisamente só co galeguismo.

 

Os ataques contra o xuíz Garzón no Estado español ou con Dionisio Pereira aquí en Galicia responden ao feito de que o período de transición aínda non rematou?

Non. Eu creo que responde a que hai algo que se tiña que ter feito e que aínda non se fixo: anular os xuízos executados no franquismo. Ánxel Casal, o Almirante de Ferrol, Súarez Ferrín, o Alcalde de Vigo, o Capitán Xeneral de Galicia, Lorca, Miguel Hernández, etc etc. seguen mortos legalmente. A nosa conciencia non pode admitir iso. Garzón investigouno a través da Audiencia Nacional, tanto isto como as vulneracións de dereitos humanos e xenocidios en todo o mundo. E nós nos preguntábamos... e por qué non o fai aquí? Eu estou seguro de que el sabía por qué non se facía...

 

Nos últimos anos xurdiu unha vaga de revisionistas como Pío Moa ou César Vidal aos que vostede critica por facer esa reconstrución histórica do pasado. Habería que facer, como dicía xa Uxío Novoneyra no ano 66, unha ‘folga xeral contra da Historia’?

Nin Pío Moa nin toda esa xente son revisionistas. Creo que é un erro denominalos así. Os revisionistas somos nós. Revisionistas son os alemáns que van contra a doutrina fundadora do antifascismo tras o remate da segunda guerra mundial, contra os que gañaron a Guerra.

No Estado español é diferente porque os vencedores foron eles. Os que ti denominas ‘revisionistas’ expoñen o mesmo que sempre manifestou Franco. Pío Moa asevera agora o mesmo que mencionaba Joaquín Arrarás* na súa Historia de la cruzada española. E de Arrarás pasamos entre outros a Ricardo de la Cierva nos anos 60, contratado por Manuel Fraga para facer unha nova vitoria da Guerra Civil adaptada aos vinte e cinco anos de paz e á época de desenvolvemento. Pío Moa e compañía recollen eses postulados e os adaptan a hoxe. E se les a Fernando García de Cortázar é máis do mesmo. A maioría das versións canónicas din unha cousa moi parecida ás que expresa Pío Moa.

Sen embargo, os historiadores convencionais non. Non manteñen esa posición, evidentemente. Pero insisto, ao final o que hai é franquismo e antifranquismo. Eu aposto polo revisionismo. Hai que revisar todo o sucedido nese período. Necesitamos enfrontarmos, falando de dereitos humanos, a todo por igual. Do mesmo xeito que se fala de Auschwitz hai que facelo sobre as fosas de Catín. E inescusable é abordar por igual a praza de touros de Badajoz como de Paracuellos de Jarama. Investigalo todo, como fan os cataláns.

 

*Joaquín Arrarás Iribarren (Pamplona, 1898-Madrid, 1975). Xornalista e escritor considerado un dos principais cronistas do réxime franquista.

 

Duns anos para acá a Guerra Civil e a Transición está sendo utilizado para ambientar numerosas novelas. Como ve dende o punto de vista de historiador este feito?

Creo que é moi interesante porque a literatura permite unhas liberdades creativas que non son posibles dentro do labor rigoroso do historiador. En todo caso, a literatura é un reflexo do que está a pensar a sociedade. Como explico no libro, a literatura responde á imaxe social que hai do pasado.

Moitos literatos de hoxe en día pregúntanse: se miro cara atrás, que é o que fixeron a miña familia durante a Guerra Civil? Basicamente o que se fixo ata o de agora é centrarnos nos que morreron, pero creo que dentro de pouco xurdirán as voces dos que mataron.

 

Coordina o proxecto interuniversitario Nomes e voces. En que momento se atopa este proxecto?

Ese programa, que xa leva andado quince anos, viuse reforzado na lexislatura anterior tras un convenio coa Consellería de Educación, co cal déronse pasos de xigante na investigación. Os novos xestores da Xunta deixaron de apoiar globalmente o proxecto e vanse centrar só nunha parte.

 

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena

 

- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...