De Actualidade... A batalla do paraíso triste


 

                       

                        

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

 

'A batalla do paraíso triste' de Xosé Ramón Pena- Poida que teña vostede razón, señor Pimenta. Non obstante, para ser un paraíso... semella que se tratase dun paraíso triste.

 

Xosé Ramón Pena convídanos a viaxar á Lisboa de 1940. Unha Lisboa que vive baixo a bota do salazarismo. Unha cidade niño de espías. A Lisboa dos teatros e das intrigas políticas que observa como media Europa sofre os estragos da Segunda Gran Guerra. Nese escenario o escritor betanceiro mergulla ao lector nunha apaixonada historia de amor e traizón, de política e de espionaxe. Calquera cousa é boa para acadar o obxectivo final da liberdade...

 

 

 

 

Cando tanto se fala no Estado Español sobre a recuperación da memoria histórica e a aparición nas librarías de decenas de libros ambientados na Guerra Civil chega vostede cunha novela sobre os anos escuros da ditadura salazarista en Portugal, máis en concreto en Lisboa.

Por unha banda a miña relación con Lisboa ven de moi vello. En 1974, cando tiña dezaoito anos, eu estaba en Lisboa, non exactamente o 25 de abril, pero si vivín aqueles acontecementos en primeira persoa. Estudei tamén na Universidade de Lisboa a pasei longas estancias nesa cidade. Desde aquela xa xurdiu o meu interese por Portugal, pola súa cultura, a súa literatura, música, etc.

Por outra banda eu son moi afeccionado á historia, leo case tantos libros de historia como doutro xénero, especialmente da época que vai desde os anos 30, os comezos da Guerra Mundial, que debeu ser o último período onde a xente loitaba por uns ideais que poderíamos chamar románticos, como por exemplo na Guerra Civil Española. Tamén me interesa todo o proceso dos fascismos que se instalan na Europa da época.

A partires de aí tiña xa un mundo que me interesaba e a comezos dos anos 80 pensei en facer algo sobre o movemento dos camisas azuis, sobre a posición de Portugal durante a II Guerra Mundial, sobre Lisboa como centro de espionaxe e Lisboa como trampolín para marchar cara América, pero non tiña unha idea concreta. Non sabía se quería facer unha novela, un ensaio, un estudo historicopolítico ou que. Ademais, daquela non existía en Portugal moito material de doado acceso que explicara o que ocorrera nese período. De feito, hoxe en día, é un tema bastante descoñecido.

Con A batalla do paraíso triste sucedeu que un tempo despois volvín ler algunhas cousas sobre eses anos e renaceu o meu interese por ese período histórico. Na cabeza xa tiña un relato curto coa relación de amor/desamor entre Freitas e Catarina; dous personaxes que non ían ser nin portugueses nin a trama se situaba nun lugar concreto. E enligando unha cousa coa outra decateime que podería tirar de aí unha historia de ficción situada nesa época.

 

Nunha enquisa celebrada no 2007 pola RTP sobre quen era o personaxe más importante da historia portuguesa foi elixido, co máis do 40 % dos votos, Salazar. Como é a relación do portugués co seu pasado? É nostálxico ese pobo do Estado Novo?

Esa enquisa non tivo moita importancia en Portugal. Ademais habería que comprobar canta xente participou realmente ou que audiencia tivo ese programa. Como dato curioso, en segundo lugar quedou Álvaro Cunhal* e de terceiro Arístides de Sousa**. Quero dicir, nesa enquisa votáronse aos extremos dun arco político.

En relación co seu pasado eu creo que os portugueses deberían de facer unha revisión histórica xa que hai moitas cousas que non coñecen.

En Portugal, por exemplo, nestes momentos non hai partido político algún que se reclame herdeiro de Salazar ao igual que en España hai xente que non se avergonza, ou que se declara abertamente a favor do franquismo ou dunha parte do franquismo. Hai millóns de españois que din que o franquismo tivo unha parte negativa ou unha parte dura pero logo pensan que foi unha etapa onde viviron relativamente ben. Iso ten unha tradición política en España que é negativa. En Alemaña ou en Italia non hai monumentos a Hitler ou a Mussolini mentres que aquí hai que ver o que custa quitar unha estatua de Franco!

Como dicía antes, en Portugal ninguén, politicamente, se declara herdeiro de Salazar. Os partidos de dereitas portugueses non son salazaristas. Salazar foi un personaxe que quedou atrás na historia e ninguén pretende nin quere reclamar iso. É como se a xente pensase “Salazar foi malo, foi unha mala ditadura, pero xa pasou e quedou atrás” e non se preocupan realmente de coñecer que foi o que sucedeu. Persoalmente non creo que a opinión pública portuguesa sexa consciente de todo o que aconteceu nin que se estude sobre iso. Hai bos traballos académicos e libros desa época, pero se me preguntas a nivel global, ao meu xuízo creo que hai bastante descoñecemento. De feito, os meus amigos portugueses me recoñecen que realmente Portugal necesita un proceso de recuperación histórica.

 

* Álvaro Cunhal (1913-2005) Secretario do Partido Comunista Portugués entre 1961 e 1992.

** Arístides de Sousa (1885-1954). Cónsul portugués que liberou de morrer a mans dos nazis a milleiros de xudeos.

 

Tras Fado de princesa (Galaxia) -a súa anterior entrega-, volve á narrativa cunha novela, desas que poderíamos chamar clásicas do século XX, onde se unen acción, intriga, femme fatale...

Ben. É certo que se diferenza A batalla do paraíso triste de Fado de princesa en todo iso que comentas: hai unha trama, unha intriga, dous personaxes que se contraponen… que son aspectos que non había en Fado de princesa. Pero se te fixas, a utilización do punto de vista, no xeito de narrar, hai unha continuidade, non só coa anterior novela, senón en toda a miña obra. Unha continuidade e unha evolución. Visto desde unha perspectiva técnicoestilista non creo que haxa unha ruptura tan forte. Pero esa é a miña opinión, terán que ser os lectores e os críticos quen opinen.

 

Introduce no libro dúas voces narrativas que conxugan ficción e investigación. Por unha banda está Fernando Pena Freitas, unha voz que conta a historia desde a vivencia persoal e por outra a do historiador, que o fai desde o perspectivismo que ofrece a Historia.

Para min o fundamental á hora de comezar a escribir un novo libro é establecer o punto de vista. Isto é, como podo ou vou contar a historia, desde que perspectiva.

Daquela eu quixen escribir unha historia verosímil, e para poder contar determinados episodios tiña que botar man dun segundo narrador, xa que Freitas non podía asistir el mesmo a todo o que conta. A partires de aí é cando xurde a figura do narrador. Un narrador que, nunha primeira versión da novela, participaba minimamente. Nas seguintes foi adquirindo maior dimensión, foi pedíndome máis importancia na historia.

Eu necesitaba desa conxunción de voces para obter o resultado final do libro. Se nun comezo Freitas ocupaba o noventa por cento, na versión definitiva hai un certo equilibrio entre Freitas e o historiador. Esas dúas voces permitíronme introducir matices que creo que fornecen un segundo punto de vista e axuda a crear esa verosimilitude ao relato.

 

O  Maior Pimenta, nalgún pasaxe da novela, bota en cara a Freitas o seu nihilismo, a súa descrenza de todo. Para el un aspecto moito peor que se fose anarquista ou comunista.

Aínda que Freitas e Pimenta sexan personaxes ficticios, están baseados, non en persoas concretas, pero si en estereotipos sociais. Procurei en Pimenta personificar dalgunha maneira ao Salazarismo sociolóxico. Representar na súa figura a un fascista que, aínda que non sexa un fascista que guste dos uniformes nin teña unha visión revolucionaria da vida, sexa un individuo, ao igual que tantos outros, que nun momento determinado sexan amantes do orde. Individuos para quen o importante é manter o mundo tal e como o coñecen, un mundo no que se senten cómodos. Uns individuos que cando se senten ameazados, cando a súa ideoloxía, os seus valores ou os seus privilexios -que son as cousas que máis lle preocupan a Pimenta- se ven atacados, abrazan unha liña dura que lles protexan. Por esa razón Pimenta é un salazarista fervente. Pimenta non é un fascista ideolóxico, pero pensa que Salazar é a persoa que mellor lle vai manter nese estado de cousas: orde, propiedade, etc. Pimenta quere que Portugal sexa un país presentable, o que el chama a orde natural da vida.

Cando Pimenta, que entende o anarquismo ou o comunismo como unha orde contraria á que el defende, atopase cun tipo como Freitas que non ten un imago mundi senón que vai confrontando o que pensa coa realidade, o cal vai transformando o seu pensamento, esa idea de andar sempre camiñando pola corda frouxa. Iso deprímeo, non lle gusta. Todo iso é o que Pimenta lle recrimina a Freitas.

Pimenta está seguro de que se Freitas fose un comunista ou un anarquista sabería como tratalo: enviaríao a un campo de concentración ou a Tafarral. Pero Freitas é un inimigo que se lle escapa e é o que Pimenta lle reprocha: por qué sendo militar non fai carreira no exército, por qué non casa e ten fillos, por qué anda coa putanga esa de Catarina… Son cousas totalmente insoportable para ese tipo de xente.

 

Situaba a xénese de A batalla do paraíso triste a comezos dos 80. Cómo foi o proceso e a culminación da novela?

Cómo comentaba anteriormente, tiña por unha banda a historia de Freitas con Catarina e por outra o meu interese por este período histórico e a intención de facer algunha cousa con ese material. Partindo desa base, esta foi a novela que máis rápido escribín, tardei só catro ou cinco meses cando con outras estiven traballando moito máis tempo. Para min foi unha sorpresa empregar tan pouco tempo cando normalmente dedico entre un ano e ano e medio. E iso que moitos dos diálogos tiven que refacelos xa que me saíron de primeiras en portugués.

 

Se finalmente tradúcese A batalla do paraíso triste ao portugués. Como cre que se tomará o libro alén do Miño? Non é agradable que a xente de fora furgue nas feridas de cada un.

A min gustaríame moito que se traducise este libro ao portugués. Cando algúns amigos portugueses leron o libro e comentáronme que lles gustara, eu sentinme moi satisfeito.

Algo xa se está a facer para publicalo en Portugal e teño moita curiosidade por ver como funcionaría nese mercado, aínda que sexan dúas cousas que se escapen das miñas mans.

Qué senten mal algunhas cousas? É inevitable que chegue un portugués e che diga: “Oiga, quén é vostede para vir aquí a largar de nós, e ademais isto non foi así porque foi deste xeito…”. Se se traduce A batalla do paraíso triste supoño que algunha xente sentirase ofendida e outra á que lle gustará lela. O importante para min é iso: que guste ou que non guste.

 

Tras o proceso de recompilación de datos para o libro, qué atopou da historia de Portugal que non coñecera?

Especialmente o que máis me chamou a atención foi ese intento da invasión de Galicia por parte de Rolão Preto que aparece no libro.

O que non conto na novela é que Rolão Preto tivo que se exiliar en España unha tempada en casa de José Antonio Primo de Rivera.

A cuestión da anexión de Galicia figura en varias fontes, como no recente libro de José Freire Antunes* titulado Os espanhois e Portugal (Oficina do livro); onde o historiador portugués indica que durante a Guerra Civil Rolão Preto propuxo a Salazar a invasión de Galicia. Tamén existen documentos dun xeneral chamado Vascos Lourenço onde, nun estudo para o Estado Maior propón aproveitar a contenda española para facer esa anexión de Galicia. Vascos Lourenço tamén informa que falou sobre este tema con dous deputados galegos, dos que non puiden atopar por ningures os seus nomes. Pois realmente houbo ese estudo encargado polo propio Salazar, quen finalmente o descartou.

Tamén chamoume a atención os plans e contraplans de España para invadir Portugal, os de Alemaña para ocupar Asiria, etc.

Pero para nós o máis interesante é ese proxecto de Rolão Preto para a anexação da Galiza. Se calquera busca en internet ou no youtube anexação da Galiza, ou integrismo lusitano vai atopar cousas sobre iso.

 

* José Freire Antunes, político adxunto do primeiro ministro Aníbal Cavaco Silva entre 1988 e 1993. Autor de mais de vinte libros sobre a história e as relacións externas de Portugal.

 

 

 

Máis...

 

 'Os instrumentos musicais na tradición galega' de Pablo Carpintero Arias

 

 

Faltaríanos adxectivos para cualificar a obra que Pablo Carpintero nos amosa en Os instrumentos musicais na tradición galega, copublicado pola editorial ourensá Difusora e o Proxecto Ronsel. Un traballo enciclopédico para coñecer a historia dos instrumentos e a relación do galego con eles e coa música.

Dende o pínfano ao rabel, pasando polo sistro á corna, ata chegar ao instrumento por antonomasia de toda a familia que compoñe o instrumentario autóctono, a gaita de fol, Carpintero analiza cada instrumento para ofrecer ao lector toda a información que se pode procurar sobre os mesmos, dende como se construían, como e onde se tocaban... chegando a apaixoar ao receptor, quen chega a escoitar eses sons que durante tantos séculos puxo banda sonora á vida do país.

 

 

 'A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia' de Xavier Castro

 

 

Internarnos no mundo do viño en Galicia é coñecérmonos mellor. A nosa historia e o noso súor sempre tivo unha relación moi fonda coa terra que habitamos e os froitos que dela se nos ofrece agarimosamente. Entre eles sobresae a uva, a vide, o viño. Xa nolo advirte Xavier Castro nesta publicación, A rosa do viño (Galaxia), o viño é o sangue da terra.

A rosa viño. Cultura do viño en Galicia é un traballo exhaustivo que percorre a historia recente do viño e a súa relación co pobo. Xavier Castro amósanos como se bebía, os lugares de consumo, a súa virtude como musa de versos e palabras, porque se a poesía é a alma da literatura, non é menos certo que o viño éo da gastronomía. Gocemos, pois, deste imprescindible libro acompañado dun bo caldo do país.

 

 

 'O esconxurador' de Xesús Manuel Marcos

 

 

Xesús Manuel Marcos volve sorprender ao lector coa súa última novela. O esconxurador, publicada por Galaxia, é unha historia que recende a maxia e a historias lendarias contadas ao carón da lareira. O escritor de Seoane do Courel recupera do imaxinario ancestral a mouras, trasgos e bruxas para conxugar todo ese acervo popular coa cotidaniedade dando como resultado unha alquimia perfecta, (re)creando unha nova paisaxe.

Cunha linguaxe dunha gran riqueza e unha prosa que chanta ao lector no sofá, énos practicamente imposible despegar a atención dos sucesos que acontecen a Rentar e ao seu pai, o esconxurador, sentindo un fondo pesar ao non saber dos novos acontecementos que lles poidan suceder, deixando un pouso de mágoa no ar por non saber de máis historias do esconxurador e da súa filla. Unha magnífica novela que sen dúbida agradará a un amplo abano de lectores.

 

 

 'Facendo historia con memoria' de Lourenzo Fernández Prieto

 

 

O catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago Lourenzo Fernández Prieto recompila en Facendo historia con memoria (tresCtres editores), amais doutros documentos, os artigos xornalísticos publicados en La Voz de Galicia dende o 2002 ata o 2008. Pequenas pílulas que nos axudan a comprender o esquecido, o que non se quere rememorar, pero que está aí. Vivímolo e sufrímolo.

Dun xeito sinxelo e didáctico, Fernández Prieto amósanos o noso pasado 'máis incómodo' . Para coñecer, para reflexionar e especialmente para non esquecer. Para facer historia, para manter viva a memoria.

 

 

 

 'Palabras para un baleiro' de Baldo Ramos

 

 

Palabras para un baleiro (Espiral Maior) de Baldo Ramos, XI Premio Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria, proponnos unha dobre experiencia: o relato de ser pai e unha viaxe polos vértices da poesía.

Pecha o poeta de Celanova un ciclo iniciado con Raizames. Palabras para un baleiro é poesía, pero tamén é música. Como se dun lenzo se tratara o lector ve como Baldo Ramos debuxa o poema. Mergúllanos no baleiro, na claridade, no silencio. Reflexionamos coas súas palabras. Atopámonos nos límites da poesía e nela converxemos co poeta. Sentímolo como se fóramos nos mesmos. Velaquí un magnífico e fermoso traballo.

 

 

 

 Os mellores libros do 2009

 

Os lectores e lectoras de Fervenzas Literarias escollen as súas preferencias literarias do 2009. Cos seus votos elaboramos unha listaxe que abrangue o mellor acontecido no pasado ano nun total de vinte categorías. Accede aquí para ver cales son os mellores libros do 2009. 

 

 'Sol de Inverno' de Rosa Aneiros

 

Resistencia ou Veu visitarme o mar, por destacar duas das obras de Rosa Aneiros, están marcadas a ferro literario na memoria das letras galegas. Unha memoria que co paso do tempo tamén lembrará este Sol de Inverno, último Premio Xerais de Novela.

Nesta novela Rosa Aneiros e Inverno enchoupanos cunha historia que podería ser a de moitos tantos. Unha viaxe a través da deformidade e do horror no ser humano se pode chegar a converter, á vez que unha fermosa historia de loita pola vida e a dignidade. Por outra banda a escritora de Valdoviño convídanos a gozar da poética da súa escrita, confirmándose como unha das voces máis importantes da actualidade literaria. Un goce que levará ao lector polos vieiros da súa prosa e dunha historia difícil de esquecer.

 

 

 'Un gran soño' de Felipe Ugalde

 

O II Premio Internacional Compostela para albumes ilustrados lévanos a eses versos de Konstantinos Kavafis que nos convidaban a gozar da viaxe. O mexicano Felipe Ugalde móstranos en Un gran soño precisamente iso, deleitémonos coa aprendizaxe e quizais, ao final do camiño, consigamos converternos en estrelas.

Imaxes dunha gran forza xunto ao microrrelato que da pe a Un gran soño cativaron ao xurado deste certame que leva todos os visos de se converter nun clásico das letras infantís. A viaxe dun pequecho crocodilo dende que nace ata que se converte nunha constelación xunta neste álbum dous continentes, dúas galaxias cunha mesma fin. Un álbum ilustrado moi atractivo tanto para os mais cativos como para adultos que nos deixa diferentes lecturas, dispares conclusións, distintas interpretacións pero o mesmo goce ao traspasar a derradeira páxina.

 

 

 'O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza da II República e a súa destrución durante a Guerra Civil' de Francisco Xavier Redondo Abal

 

A II República supuxo un claro avance tanto a nivel educativo como cultural. A creación de bibliotecas para ofrecer un espazo de coñecemento para os cidadáns converteuse nunha das prioridades do novo réxime democrático. En Galicia creáronse máis de catrocentas pequenas bibliotecas que constituíron un innovador modelo de acceso á lectura e un novo concepto de biblioteca. Se ata entón estas eran centros elitistas e meros depósitos de libros, na II República abríronse a toda a poboación nunha moderna concepción de espazo común. O estoupido da Guerra Civil acabou co sono dunha sociedade instruída e con pensamento propio. A eliminación das escolas e das bibliotecas sumiu a Galicia e ao resto do Estado español nun período de tebras e de retroceso cultural do que aínda nos estamos repoñendo.

 

 'Retorno a Natura' de Xosé Manuel Lobato

 

Nos últimos trinta anos Galicia ven padecendo un ataque continuo sobre un dos seus sinais de identidade: o entorno natural. A proliferación de canteiras, centrais eléctricas, piscifactorías... asemade as continuas catástrofes marítimas que veñen deturpando un entorno que se resente e berra en prol dunha paralización desas embestidas.

Xosé Manuel Lobato preséntanos en Retorno a Natura (Alvarellos) as crónicas dunhas viaxes ao corazón do terror. Unha chamada á concienciación ecolóxica, a salvagardar unha das manifestacións máis ricas do noso Patrimonio.

 

 'Sete casas en Francia' de Bernardo Atxaga

 

Bernardo Atxaga ven de desprenderse de Obaba e da un xiro radical a súa traxectoria literaria con Sete casas en Francia (Faktoría K). A colonización belga do Congo convértese nun inferno no posto militar de Yangambi. O tedio, a soidade, a envexa e o delirio da cobiza por parte dos soldados mestúrase coas sucesivas violacións, asasinatos e a espoliación dos recursos naturais aos congoleños.

Atxaga, coa súa prosa suave, case poética, demóstranos en Sete casas en Francia que segue a ser grande, moi grande.

 

 'Soños de circo' de Joxan Ormazábal e Iraia Okina

 

Un dos escritores en éuscaro máis importantes e unha nova ilustradora que pasa de promesa a realidade únense para convidarnos a unha viaxe onde o onírico e o real conxuganse dando como resultado Soños de circo (Faktoría K de Libros), un fermoso álbum ilustrado cunha capacidade de evocación que chega por igual a cativos e a adultos.

Soños de circo, o primeiro traballo conxunto do escritor Joxan Ormazabal coa ilustradora Iraia Okina foi premiado no 2008 coa II Etxepare Beka de albums ilustrados en éuscaro, e chega agora ás librarías galegas nunha coidada edición da man de Faktoría K de Libros.

 

 Os mellores libros do 2008

 

Coa finalidade de coñecer cales foron os mellores libros, autores, ilustradores, editoriais, ... do 2008 solicitámosvos durante o último mes votar polas vosas preferencias literarias do ano que deixamos atrás.

Desde Fervenzas Literarias queremos agradecervos a todos e a todas que participarades nesta consulta popular.

E agora... os resultados!!!.

 

 Libros para ler, Libros para agasallar

 

Chegados a estas datas navideñas, no limiar dun novo ano, volvemos a vista atrás e repasamos o que nos deparou este 2008 de sabor agridoce onde a negra sombra vestiu de loito as letras galegas. Ao longo do ano foron deixándonos Luís Obelleiro, Constantino García González, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Xan Bouzada, Xesús R. Jarés, Anxo Rei Ballesteros, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Ramiro Fonte e Camilo Gonsar. A lembranza, os libros e as lecturas que nos legaron sobrevivirán por sempre. Literariamente falando, este ano confirmouse a calidade e o recoñecemento das letras galegas. Se o pasado ano foi premiado Rubén Ruibal, este ano tocoulle a quenda a Justo G. Beramendi e a Agustín Fernández Paz [...]

 

 'Cerca' de Natalia Colombo

 

Natalia Colombo voou desde Arxentina ata Galicia e demostronuos o Cerca que estamos. Gañadora do I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados a escritora e ilustradora porteña cóntanos unha historia sobre a incomunicación e a soidade, o cerca que estamos pero sen embargo o lonxe que nos atopamos ás veces.

Cerca (Kalandraka) é un álbum de 36 páxinas pero ao pechalo a historia e as posibles situacións continúan e ramifícanse na imaxinación de todos os lectores..

 

 'Raiolas no faiado' de Francisco Rozados

 

Para a nosa fortuna Trasdomonte non desapareceu con Chano Piñeiro. As súas xentes aínda teñen moito que contar e os seus currunchos albergan alegrías e temores desexando saír á luz. Francisco Rozados “Rochi” é testemuña neste Raiolas no faiado (Sotelo Blanco) de todas esas historias e sitúalas nese trasunto de Terra de Montes que no seu día brotou do maxín do gran cineasta de Forcarei.

En Raiolas no faiado Francisco Rozados bebe a partes iguais de Fole e de Cunqueiro para continuar o camiño iniciado en Memoria de Trasdomonte (Edicións Fervenza) e converterse a día de hoxe nun dos mellores escritores que recrea o imaxinario popular.

 

 Lecturas no verán

 

Na praia, na montaña, no parque, no bosque, no río, na piscina, no sofá, na aldea, no estranxeiro, debaixo dunha árbore, no céspede, no Festival de Ortigueira, con música, en bikini, de noite, na cafetería, en Lugo, á sombra ou ao sol, na rúa, en Chantada, na casa, relaxado... O tempo estival é ideal para gozar de boas lecturas durante o período vacacional. Ao longo dos últimos seis meses amosámosvos no Andel e na Biblioteca Máxica algunhas das novidades máis interesantes coas que nos agasallaron @s nos@s autor@s neste tempo. Engadimos tamén outros libros de indubidable interese para acompañar estas datas de descanso. Agardamos que as gocedes!!!!!!.

 

 'Festina lente' de Marcos S. Calveiro

 

Festina lente (Xerais), a primeira novela longa de Marcos S. Calveiro, está destinada a convertirse nun dos éxitos literarios do ano. O escritor radicado en Vigo convídanos a coñecer a Compostela do século XV a través da figura de Ambrosio Cavaleiro, un rapaz que chega como aprendiz de encadernador á capital dun Reino de Galicia dominado polo Santo Oficio, unha cidade convertida no centro da fé cristiá cun submundo onde circulan libros prohibidos, asasinatos, linguas perdidas e a busca do misterioso códice dos lavancos.

A vida de Ambrosio Cavaleiro vai transcurrindo ao ritmo que marca o traballo no seu obradoiro da Rúa da Armada e ese misterioso códice que custodian as súas paredes...