índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                 

                        

 

Reseñas


 

 

 

A casa da paixón

A casa da paixón / Nélida Piñón [trad. Marga do Val]

Editorial Galaxia

 

«Novela de formación, de transición da adolescencia á idade adulta a través dos ritos de iniciación sexual, é tamén A casa da paixón unha viaxe cara ao recoñecemento dunha conciencia liberada e dun corpo feminino que procura o goce»

«Toda a novela son palabras evocadoras da beleza do paraíso da adolescencia, do ambiente dunha natureza esplendorosa,»

 

 

Visto en: Faro da Cultura | Laura Caveiro

 

As horas de María

As horas de María / Paco Souto

Espiral Maior

 

«Paco elabora un retrato preciso que parte dos detalles máis pequenos e cotiás para achegarnos non só a historia da ‘María dos mil anos’, como o poeta a chama, senón tamén un anaco da nosa historia máis recente»

«A través de pequenos poemas que nos envolven co seu ritmo e as súas imaxes certeiras [Paco Souto] constrúe este relato marcado a un tempo polo íntimo e polo social»

 

Visto en: Sonotone | María de Mallou

 

O cristal da sede

O cristal da sede / Henrique Rabuñal

Espiral Maior

 

«Este novo libro recolle os seus poemarios anteriores, Poemas da luz e da locura (1992) e O tempo demorado nos marmelos (2000) e inclúe ademais outros poemas inéditos ou dispersos nalgúns casos»

«[O autor] resume en catro palabras, Amor, Morte, Nación, Palabra, o esencial do seu producir poético. Eu, por tentalo, póñolle á súa travesía poética dúas palabras-barco: sentimento e compromiso»

 

 

Visto en: La Voz de Galicia | Miguel Sande

 

Palabras contadas

Palabras contadas / Camilo Franco

Xerais de Galicia

 

«Non falta tampouco nestes microrrelatos a desmitificación de tópicos culturais como o teatro de vangarda ou a procura do tempo perdido a partir da célebre madalena de Proust e a espera de Godot. Este ton desmitificador e unha miga dadaísta é nota recorrente nos novos narradores galegos, cansos de tanta transcendencia cultural como vivimos dende os tempos do progresismo tardofranquista»

«O novelista trata con total desinhibición temas como a cultura, o sexo, a muller, incluso ás veces caendo en expresións que poden parecer machistas ou politicamente incorrectas, mesmo recreacións de chistes ou lendas urbanas que a algúns que se moven no ámbito do politicamente correcto poden parecerlles mal»

«Estamos, posiblemente, ante unha nova xeración de novelistas e un cambio na narrativa galega, que opta polo urbano e inmediato e considera esgotado o tema da memoria e do rural-urbano da xeración anterior. En certo xeito, lémbranos a renovación da Nova Narrativa Galega dos cincuenta»

Visto en: Cartafol de Libros | Manuel Rodríguez Alonso

 

República y republicanos en Galicia

República y republicanos en Galicia / VV. AA.

Ateneo Republicano de Galicia

 

«[A obra] mostra aos primeiros republicanos galegos integrados nas ringleiras do liberalismo progresista, primeiro, e do partido demócrata, despois, nos difíciles tempos de Fernando VII e Isabel II, e que se manifestaron con forza no Sexenio Revolucionario, momento no que se proclama a Iª República,da que as figuras máis senlleiras foron Eduardo Chao ou José Sánchez Villamarín»

«Mostra os vínculos que existiron entre o republicanismo e o galeguismo, tanto o provincialista dos primeiros tempos como o rexionalista, federalista ou nacionalista de momentos posteriores»

«Antón Costa Rico estuda o papel da escola e da educación durante a IIª República, mostrando a importancia que para os republicanos tivo sempre a conquista da fraternidade e do pan por medio da instrución; María Carmen Pérez Pais, analiza a evolución da prensa galega durante a II República e María Luisa Julia Pazos Pazos reflexiona sobre o exilio dos republicanos galegos en México»

 

Visto en: Faro da Cultura | Alfredo Iglesias

 

Limpeza de sangue

Limpeza de sangue / Rubén Ruibal

Xerais de Galicia

 

«Cuns personaxes ben deseñados e unha excelente caracterización lingüística dos diálogos, “Limpeza de sangue” discorre axilmente conducindo o lector de maneira hábil nun mundo no que os acontecementos dan paso aos sentimentos, obrigándoo a unha reflexión irónica sobre o mundo a través de toques de humor que descargan a tensión e relativizan os toques demasiado filosóficos»

«As acoutacións en “Limpeza de sangue” constitúen, dun xeito ou doutro, un discurso paralelo que non só sitúa, senón que tamén relata, xulga e comenta ao estilo dun narrador omnisciente que amplía enormemente os significados da obra»

«Roberto [Vidal Bolaño] semella mestre en moitos aspectos desta obra, fundamentalmente na literariedade das acoutacións e na estrutura secuencial, pero tamén é verdade que Ruibal ten luz propia e amósase orixinal nun texto dramático cuxa gran virtude é saber oscilar entre a literatura, o teatro e mesmo o cine»

Visto en: Lg3 | Inma López Silva

 

Obra galega

Obra Galega / Xosé Otero Espasandín

Xunta de Galicia

 

«Para reparar as numerosas lagoas de corte biográfico e, sobre todo, para permitir o acceso á súa obra en lingua galega até o de agora dispersa en abondosos medios, chega agora, nunha seria e cumprida edición de María Cuquejo, que contou coa colaboración de X.G. Ferreiro Fente, este volume titulado con precisión e cautela Obra galega»

«A recuperación desta figura e mais da súa obra en lingua galega só podemos saudala como unha iniciativa plausible, xusta e a todas luces necesaria»

 

Visto en: Faro da Cultura | Ramón Nicolás

 

O club da calceta

O club da calceta / María Reimóndez

Xerais de Galicia

 

«Para narrar de e sobre mulleres recorre Reimóndez ao espazo circular que se establece ao redor dunha asociación na que van caendo (por azar ou por impulso) co fin de aprender a calcetar. Iníciase así un vínculo indestructible de amizade entre seres que nada teñen que ver entre si, pero que en conxunto saberán darse o calor suficiente para superar a parálese que individualmente sofren todas elas»

«Aínda que as historias se presentan por independiente, a autora gusta do pluriperspectivismo, de maneira que o lector pode ir vendo a través de cada unha delas como son as demais. Un enfoque orixinal que permite adiantar características das protagonistas así como parte da súa historia»

Visto en: La Voz de Galicia | Sandra Faginas

 

Este camino que fixemos xuntos

Este camino que fixemos xuntos / Antía Cal

Editorial Galaxia

 

«Nunha primeira persoa de ton confesional, áxil e ameno coma moi poucos, Antía Cal (A Habana, 1923), mergúllanos aos lectores na máis pura expresión literaria das memorias, turrando, con xenerosidade, do seu acontecer persoal, que se vai confundindo cun fresco da Galiza do século XX: a emigración galega en Cuba a través dos seus ollos de nena, o seu retorno á casa familiar de Muras, en Lugo, a Guerra Civil, a lembranza dos amigos…»

«Antía Cal, [...] convirte aos dezaseis capítulos das súas memorias en partes da alma do mellor dos relatos posibles»

 

Visto en: Faro da Cultura | Laura Caveiro

 

Casa pechada

Casa Pechada / Luz Pichel

Sociedad de Cultura Valle-Inclán

 

«Calquera poemario corre o risco de naufragar no tópico da vida rural idealizada ou dunha infancia feliz nun marco bucólico. Luz Pichel tenta esquivar estes perigos cunha visión complexa e por veces desacougante que nos anticipa no “Poema prólogo”, onde aparece a imaxe terríbel do “gato / que coñece os abismos” e que “mira para a casa que fora do seu dono / e laia coma un cadelo adoecido”»

«“Casa pechada” é unha viaxe (de partida, mais tamén de regreso) á orixe, onde a protagonista consegue ir apartándolle ao lugares comúns do xénero. A voz da memoria desvíase a cada pouco do seu camiño para explorar os escenarios do medo, da violencia, da submisión ou da morte: “A poesía é un fouciño que desbrava unha ribada e atopa a camisa dunha cobra”, lemos no final dunha lapela ben pouco prescindíbel»

Visto en: Lg3 | María Xesús Nogueira

 

Letras de cal

Letras de Cal na produción poética galego dos 90/ Miguel Louzao

Edicións Laiovento

 

«O presente ensaio, aínda afastándose bastante dunha situación así, analiza unha parte moi recente do noso devir literario»

«Cun traballo intenso e admirábel Louzao pasa revista [...] a todo o panorama do sistema literario galego anterior e contemporáneo á existencia de Letras de Cal»

«Louzao actúa cunha grande independencia nas súas análises e atrévese a colocar a interesante cuestión de se existiu realmente unha creba xeracional entre a chamada poesía dos 80 e a dos 90 ou se sinxelamente nos atopamos con dous grupos sucesivos cronoloxicamente con tomas de posición diferentes»

 

Visto en: Cartafol de Libros | Mario Regueira