índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

 

                 

                        

 

Reseñas


 

 

 

A illa dos cangrexos violinistas

A illa dos cangrexos violinistas / Xavier Queipo (Textos) e Jesús Cisneros (Ilustracións)

OQO

 

«Xavier Queipo [...] asoma á literatura infantil ilustrada con este fermoso conto nacido da súa contrastada habelencia literaria aquí acompañada do seu coñecemento científico.»

«Escrito na clave das lendas tradicionais de mundos aparentemente afastados do noso [...], cóntanos a historia da illa dos cangrexos que fan azul unha illa do Caribe que non atoparemos nos mapas, seguramente, pola súa particularidade de se poder desprazar polo mar. Nese lugar, Moi, única habitante de idade infantil, entretense ollando o mundo que a arrodea. Observando as cousas e escoitando as persoas maiores, Moi aprehende e fai seu ese mundo en que se desenvolve a súa vida.»

«As ilustracións [...] do aragonés Jesús Cisneros [...] encontra aquí unha expresividade poética que se acopla á perfección cun texto construído co coidado do bo poeta que é Xavier Queipo.»

  

Visto en: Protexta | Xabier P. DoCampo

 

Branco

Branco / Manuel Darriba

Galaxia

 

«Branco, ultima novela de Manuel Darriba [...] preséntase como unha obra breve. Son 96 páxinas nas que se conta o reencontro de dous militares que gardan vellos rancores, en capítulos que van desde a brevidade á extrema brevidade, e por extrema brevidade entendemos aqueles que teñen como extensión unha páxina ou aínda algo menos»

«Branco é título explicábel pola concepción do vixiado como obxectivo, e, sobre todo título que hai que ter moi en conta cando se remate de ler o discurso porque prolonga a acción e aclara e certifica a intención da visita que o vixiante fai ao vixiado. Merece ser salientado este uso do título porque crea imaxe dun falso círculo, falso porque convida a imaxinar o que non se conta.»

«O lector entra na historia pola boca pequena do funil, si, inclusive pode non abandonala, mais nada diso evita esa sensación de frialdade narrativa que se xunta á escasa atención á sentimentalidade das personaxes, co perigo que isto representa. Curiosamente a sensación que queda é a dun experimento narrativo no ar.»

  

Visto en: A Nosa Terra | X.M. Eyré

 

«O azar está presente en Branco dende o título, no que colle unha lectura cagiana cos seguintes argumentos: o propio significado da palabra –léase silencio–, o peso da elipse, o casual do reencontro no presente dos protagonistas no que se basea a trama da novela e a concepción circular do tempo na estrutura da obra, disposta paralelamente en breves capítulos que se titulan, en secuencia de dous en dous, polos días da semana.»

«En Branco acábase de depurar un estilo que debe render contas ao ámbito anglosaxón –dende Faulkner ata Richard Ford– e ao centroeuropeo –Bodor ou Kertész–. O resultado é unha narración seca e directa pero viva, capaz de caracterizar fondamente as súas personaxes con poucos elementos camuflados na propia acción e que non renuncia a certo sentido do humor arraián coa ironía»

«Darriba debuxa en Branco unha tanxente nese límite que pincha silenciosamente no real. A súa postura de escritor revélase así fondamente progresista na relación co seu tempo, unha alternativa revolucionaria aos relatos de barbarie que, ora baixo o manto posmoderno, ora baixo o clasicista, nos rodean.»

  

Visto en: Protexta | X. Carlos Hidalgo

 

Entre papoulas

Entre papoulas / María Canosa (Textos) e Marta Rivera Ferner (Ilustracións)

Everest

 

«María Canosa[...] escolle o reino vexetal para espallar a súa particular visión do mundo, axudado, iso si, por animais que teñen a capacidade de desprazarse, elevándose ás alturas e descendendo en acrobáticos movementos.»

«O texto [...] resulta de doada recepción para os primeiros lectores e en cada páxina as estruturas en forma de frase, oración simple ou sinxelas compostas paracen sentenciar e encher de contido unha historia que pretende ser un canto ao medio natural e que enxalza valores como a solidariedade e a harmonía, indispensables na procura da felicidade, estado ao que semellan tender a totalidade dos seres vivos.»

«[...] o libro convértese nun bo material didáctico-pedagóxico do que botar man se queremos amosarlles aos cativos as excelencias dun comportamento axeitado, a idoneidade de vivir en harmonía, o beneficioso que é ser sensibles ou as vantaxes de disfrutar das cousas pequenas para descubrir o segredo da verdadeira felicidade.»

  

Visto en: Faro da Cultura | María Navarro

 

Olga e o dinosaurio

Olga e o dinosaurio / Breogán Riveiro

Galaxia

 

«En Olga e o dinosauro [...] volve destacar a habilidade do autor para o humor nun relato no que, malia a súa brevidade, nada sobra nin falta.»

«O humor reside fundamentalmente na relación que manteñen os dous personaxes principais, unha relación na que ambos aprenden cousas un do outro e, sobre todo, dialogan e debaten sobre as continuas descontextualizacións, dúbidas e cuestionamentos do dinosauro, expresados sempre a través dunha chuvia imparable de preguntas.»

«un relato áxil, sinxelo e lúdico moi recomendable, ateigado de claves literarias que remiten a outros textos e, sobre todo, que divirte e garante sorrisos e mesmo gargalladas nalgunhas pasaxes, se cadra tamén accesible para lectores e lectoras de menor idade dos que recomenda a editorial.»

  

Visto en: Lg3 | Isabel Soto

 

Liquidación por reformas

Liquidación por reformas / Francisco Sobral

Cardeñoso

 

«Desde o seu mesmo inicio, a novela anuncia acción trepidante. Unha acción que se vai abrindo, pouco a pouco, nun abano que ameaza ser de proporcións inimaxinábeis.»

«a estratexia narrativa basea todos os seus esforzos en que o lector non despegue o libro das mans. Para iso, dispóñense engados moi do gusto do best-seller actual [...] e, sobre todo, a homenaxe a As mil e unha noites [...], contos que son do mellor da novela e encerran unha intencionalidade temática moi estudada e gradada, e aliás convidan o lector a adiantarse ao propio narrador na análise da situación, cousa que lle senta moi ben ao texto e se agradece na lectura dunha trama de difusa ubicación temporal (entre o presente e o futuro) e tamén espacial (inspirada na Ría de Vigo, preferentemente).»

«Do conflito forman parte a corrupción, a trata de brancas, o tráfico con órganos humanos etc.»

  

Visto en: A Nosa Terra | X.M. Eyré

 

Sempre quixen bailar un tango

Sempre quixen bailar un tango / Teresa González Costa

Xerais

 

«Xerais edita Sempre quixen bailar un tango, XVII Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais en 2008, un texto sobre a ambición desmedida e a paixón polas aparencias, sobre a vellez, a enfermidade, sobre os soños irrealizables e a comunicación imposible.»

«Teresa González Costa demostra un manexo áxil e intelixente do diálogo teatral pensado por e para a súa actualización sobre os escenarios. Sempre quixen bailar un tango articúlase con base no discurso verbal dos personaxes, e especializa as accións físicas que propón nunha única tarefa, a de subliñar o automatismo dos corpos.»

«Existencias no baleiro, palabras do baleiro. Neste contexto, será que aínda é posible bailar ese tango?»

  

Visto en: Protexta | Andrea Álvarez Pino

 

Álvaro Cunqueio. Fotobiografía sonora

Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora / Álvaro Cunqueiro ; Rexina Vega ; César Morán

Ouvirmos

 

«Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora gozou do acerto editor de encargar a dous especialistas na obra do mindoniense, Rexina Vega e César Morán, a elaboración dos textos e comentarios que acompañan as gravacións e instantáneas do volume. O resultado é un audiolibro impecable,no que se recollen preto de cento cincuenta ilustracións con fotografías de e ao autor, reprodución de manuscritos, carnés e outros efectos persoais e aínda de moitas das cubertas dos seus libros traducidas a diversas linguas»

«Nunha conxunción máis que proveitosa,dos textos que acompañan a fotobiografía encargouse Rexina Vega, nun discurso que amosa o seu fondo coñecemento do personaxe e, o que é aínda máis de agradecer, o seu talento para transmitir con lamio narrativo e capacidade de engaiolar ao lector o fondo, complexo e poliédrico universo cunqueiriano.»

«[...] para todos [os] amantes da boa literatura, esta publicación terá de ser tamén bocatto que non deberían deixar senprobar. E é que Cunqueiro volve porque recorda e se recorda, resucitando unha e mil primaveras máis.»

  

Visto en: Faro da Cultura | Armando Requeixo

 

a dama da luz

A dama da luz / Agustín Fernández Paz (Textos) e Jorge Magutis (Ilustracións)

Xerais

 

«[Agustín Fernández Paz] fai súa a historia introducindo constantes da súa produción, coma tal, a exploración dos difusos camiños que confunden os límites entre a realidade e a fantasía, a posibilidade dunha lectura en clave simbólica, a intensificación do misterio arredor dunha casa abandonada, a aparición de seres que fan nacer o terror ou o final aberto que instala a dúbida.»

«Trátase dunha narración apta para todos os públicos na que a intriga está presente dende as páxinas iniciais: ese segredo do avó de Marta explicará por que no aire flota algo novo e hai un brillo especial no rostro e nas olladas das persoas, tal e como percibe a rapaza.»

«Acompañan o engado da historia unhas ilustracións figurativas de grande expresividade e precisión pictórica, que reproducen personaxes e obxectos e coidan os detalles do escenario, retratando con realismo o Vigo do pasado. Outras imaxes, tal como esixe o nivel textual, recrean a dimensión fantástica e amosan a galería de criaturas máxicas.»

  

Visto en: Protexta | Isabel Soto

 

«A beleza que presaxian as tapas d’A dama da luz faise patente no momento que comezamos a súa lectura e pasamos a visualizar a fermosura das súas detallistas ilustracións e a deleitármonos coa súa prosa; ambas as dúas compoñentes imprescindibles»

«Represéntanse [...] dous mundos, o noso, o da realidade, e un marabilloso. Contrarios mais perfectamente conxugados e recoñecibles»

«Unha historia redonda, simbólica, de suxerente escrita e lectura amena»

  

Visto en: Faro da Cultura | Paula Fernández

 

Os once

Os once / Pierre Michon [Trad. de Mª Dolores Torres París]

Galaxia

 

«Os once é, sobre todo, un cadro. A obra mestra do pintor François-Elie Corentin: o retrato –hoxe no Louvre– dos once membros do Comité de Saúde Pública, os responsábeis da instauración do Terror entre 1793 e 1794. E Pierre Michon, que xa lles adicara textos apaixonantes a outros pintores –Van Gogh, Watteau, Piero della Francesca– enfróntase neste relato, a través da biografía de Corentin, a un tema maior: o encontro entre arte e política.»

«A grandeza desta fabulación radica na demostración de que existe un xeito distinto de abordar o político dende a literatura, ligando o histórico, o simbólico e o humano»

«Ningún verdadeiro amante da literatura debería deixar de ler este fascinante libro»

  

Visto en: A Nosa Terra | Manuel Xestoso

 

Unha historia que non vou contar

Unha historia que non vou contar / Cid Cabido

Xerais

 

«Unha historia que non vou contar, que non é certamente unha historia de colmos nin de evidencias primarias ou seres marxinais e surrealistas, senón unha verdadeira trama, unha diexese,malia o que di o título, pero cunha forma interna rachadora e experimental en boa medida. Por iso, os receptores deben de ser fieis ao pacto narrativo co autor para a cabal comprensión desta obra,entremedias entre o xénero detectivesco e a novela negra,pero que se permite os luxos dunha construción literaria que pon en cuestión osmesmos lindes da ficción.»

«CidCabido dispón da rara habilidade de suturar no desenvolvemento dunha intriga que sen dúbida tira do lector,materiais moi diversos: narracións puramente ficcionais xunto con outros que están antes ou despois dos lindes da ficción:relatos de feitos reais, testemuñas, conversas,noticias dos xornais, pequenos esbozos gráficos emesmo reflexións sobre o propio acto creativo. Metaficción en definitiva.»

«Un rexistro coloquial baseado na oralidade é unha vez máis o instrumental deste provocador iconoclasta das nosas letras,dono dun territorio literario persoal, rico e moi especial.»

  

Visto en: Faro da Cultura | Francisco Martínez Bouzas

 

«[...] o fío argumental de maior peso nestas páxinas abofé que se conta, mais dunha maneira diferente, tanto porque talvez poida xa ser coñecido polo lector –o asasinato dun coñecido industrial conserveiro vigués ao inicio da década dos setenta en Vigo, unha sorte de crime pseudo-pasional– como porque a focalización do interese se despraza cara ao ámbito sociolóxico daquela época e ao propio proceso de pescuda  sobre o acontecemento, facendo abstracción, todo hai que dicilo, das peripecias e do labirinto persoal do narrador-protagonista-escritor, nesta ocasión fortemente abeirado a un imaxinario cinematográfico, e que entendo máis como «marca da casa» que outra cousa.»

«na novela descóbrense, e póñense enriba da mesa, boa parte das engrenaxes da ficción construída a partir do que ofrece a historia, neste caso recente, ou a propia memoria, seguindo o fío do que Truman Capote denominou «non-fiction-novel», e que mesmo aparece citado nesta proposta»

«esta historia “non contada” resulta operativa, ademais, para reflexionar sobre tres elementos: redimensiona as posibilidades que certa práctica do xornalismo, entendido como forza motriz para acadar conclusións, pode ofrecer en ocasións como esta; fainos ver o peso da ficción na perspectiva cotiá que todos temos sobre os acontecementos e, finalmente, amosa o funcionamento da memoria, precisa ou imprecisa, particular e colectiva.»

  

Visto en: La Voz de Galicia (16-01-2010) | Ramón Nicolás

 

«Esta é, pois, a historia: cómo se pode chegar a facer unha novela e por qué se acaba por non facela.»

«A reconstrución deste suceso implica un interesante labor de documentación sobre a sociedade viguesa da posguerra, especialmente a chamada “boa sociedade”, os seus hábitos, lugares de reunión e debilidades, nun período que abrangue desde os anos 40 aos anos 70.»

«Novela minimalista que [...] non renuncia a dotarse dun fío de unión que dea coherencia a cada unha das escenas que se presentan e mesmo de profundidade psicolóxica ao narrador-autor-protagonista, quen remata a novela confesando que o proceso de aprendizaxe que supuxo chegar ata alí obrígao a renunciar a facer calquera tipo de valoración moral sobre o comportamento dos demais.»

  

Visto en: Lg3 | Anxos García Fonte

 

 

 

 

  

Reseñas Anteriores >>