Rapaces


Os rapaces aprenden a coidar a natureza con Claudia

 

Ven coidar a nosa natureza con Claudia(05-06-2008) A Fundación Sotelo Blanco acolleu está mañá a presentación da campaña Ven coidar a nosa natureza con Claudia, un proxecto de concienciación entre os máis pequenos sobre a importancia de coidar e preservar o medio ambiente.

 

Durante tres sábados, entre o 7 e o 21 de xuño de 2008, este proxecto didáctico, organizado pola Fundación Sotelo Blanco, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e Area Central, buscará promover entre os máis pequenos a necesidade de coidar e respetar o medio natural a través dun programa de teatro, contacontos e outras animacións baseados no libro do autor X. H. Rivadulla Corcón O sorriso de Claudia, de Sotelo Blanco Edicións. Estas actividades desenvolveranse en Area Central a partir das 19.00 h. durante tres sábados, desde o 7 ata o 21 de xuño, nos que varios animadores profesionais interactuarán cos nenos e nenas de idades comprendidas entre os catro e os doce anos para que, dun xeito divertido, poidan entender a través das diferentes historias representadas nas sesións a realidade do noso medio natural e a importancia de valoralo e preservalo.

 

Calendario de accións previstas

 

7 de xuño, ás 19.00 h.: Inauguración en Area Central da campaña Ven coidar a nosa natureza con Claudia. Sesión de contacontos do libro O sorriso de Claudia do autor X. H. Rivadulla Corcón e obradoiros sobre a conservación da natureza.

 

14 de xuño, ás 19.00 h.: Sesión de contacontos do libro O sorriso de Claudia do autor X. H. Rivadulla Corcón e obradoiros sobre os espazos protexidos e parques naturais.

 

21 de xuño, ás 19.00 h.: Sesión de contacontos do libro O sorriso de Claudia do autor X. H. Rivadulla Corcón e obradoiros sobre as especies animais protexidas.

 

 

A historia do Rainbow Warrior contada aos nenos

 

A historia do Rainbow Warrior(04-06-2008) Greenpeace e Kalandraka celebran o Día Mundial do Medio Ambiente coa edición de A historia do Rainbow Warrior, un álbum para o público infantil escrito e ilustrado por Rocío Martínez.

 

O libro conta as orixes do mítico buque que comezou en 1978 a surcar as augas de todo o mundo para denunciar as agresións ao medio ambiente. O seu labor, truncado sete anos despois a causa dunha sabotaxe na que perdeu a vida o fotógrafo Fernando Pereira, contribuiu a que moitos países adoptaran medidas para protexer o planeta. Os indios Cree auguraban un tempo no que homes e mulleres de todas as razas e pobos se unirían “como guerreiros do arco da vella para loitar contra a destrucción da Terra”; o barco actual mantén ese espírito comprometido e tenaz contra a caza indiscriminada de baleas e focas, a contaminación provocada polos residuos tóxicos e radiactivos, as explotacións petrolíferas e de gas, o uso de redes mortíferas para especies mariñas indefensas, e outras causas ambientaies.

 

Greenpeace certificou que a obra cumpre cos requisitos do proxecto “Libro Amigo dos Bosques”. Este proxecto promove a conservación e o uso sostible dos bosques, en especial dos "bosques primarios", os últimos bosques virxes do planeta.

 

 

Espazos lectores. Ler en común. Clubs de lectura

 

Xornadas de animación lectora(03-06-2008) Espazos lectores. Ler en común. Os clubs de lectura é o epígrafe que presenta as xornadas, organizadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia dirixidas a bibliotecarios, docentes, encargados de bibliotecas e interesados en xeral, nelas analizarase a eficacia dos clubs de lectura e doutras experiencias lectoras en comunidade, mesmo na rede.

 

Todos os relatores das xornadas desenvolven unha actividade profesional afín ao labor de animación á lectura, polo que falarán dende a experiencia. Abrirá o debate a intervención de Geneviève Patte, asesora de entidades dedicadas á promoción da lectura por todo o mundo e colaboradora da UNESCO, o IBBY e a IFLA. Deseguido desenvolverase a mesa redonda Os clubs de lectura, perspectivas diversas.

 

O sábado terán lugar os relatorios Do excepticismo á satisfacción: a posta en marcha dun club de lectura escolar, Comunidade de leitores: a leitura como espaço de descoberta e partilha, A animación á lectura na web social, Lecturas en galego no eido urbano, rural e virtual: a experiencia dos clubs de lectura de Pontevedra e Facer lectores e lectoras no ámbito familiar.

 

Todas as actividades desenvolveranse os días 13 e 14 de xuño na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. 

 

[Máis información e inscricións]

 

Espazo Lectura celebra este lúns a última sesión do Contomar deste curso

 

Última sesión do Contomar(25-05-2008) Este próximo luns, 26 de maio, ás 18.00 h., vaise celebrar na Biblioteca Municipal de Gondomar a última sesión do Contomar deste curso. O programa semanal de contacontos que promove Espazo Lectura despídese así nesta súa terceira tempada cunha sesión na que celebraremos o cumprecontos dos oito nenos e nenas do Contomar que fan anos durante o verán; contaremos a historia As dentaduras de Paco Palma e agasallaremos os nenos socios do Contomar cun diploma de asistencia.

 

O Contomar botou a andar no mes de febreiro do 2006 e mantívose activo até a actualidade, dando lugar ao nacemento da asociación de fomento da lectura Espazo Lectura que puxo en marcha nestes últimos meses novas propostas de dinamización como o club de lectura compartida Lendo contigo ou a campaña Bookcrossing no Val Miñor. Neste último curso contáronse case 200 contos nas 30 sesións celebradas, ás que asistiron unha media de 35 nenos e nenas por sesión, cun total de 70 nenos que se fixeron socios da actividade.

 

Tamén se celebraron Sesións Especiais con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.). Estas Sesións realizáronse sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a promoción da lectura.

 

Con esta actividade Espazo Lectura pretende ofrecer en Gondomar un lugar estable de encontro cos libros e a lectura no que as familias teñen un papel fundamental. Pretende ademais dinamizar a Biblioteca Municipal e convertela nun referente habitual para os nenos e nenas e para as familias, nun esforzo por consolidar os hábitos lectores e culturais.

 

 

O Gran libro dos retratos de animais, Mellor Álbum Ilustrado na 27ª edición dos Premios Andersen-Il mondo dell'infanzia 2008

 

Gran libro dos retratos de animais(25-05-2008) O Gran libro dos retratos de animais, publicado en Galicia por OQO Editora e en Italia por Logos, foi premiado na 27ª edición dos Premio Andersen-Il mondo dell'infanzia 2008, tamén coñecidos como os Oscar italianos na categoría de Mellor Álbum Ilustrado.

 

O Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, proponnos un xogo entre a fantasía e a realidade, unha particular galería na que os animais ocupan un protagonismo na arte ata o de agora descoñecido.

 

Esta obra xa foi merecedora do Premio ao Libro Mellor Editado e o Honour Mention na Feira do Libro de Bologna. 

 

 

Discurso do oso achega aos máis novos a narrativa de Julio Cortazar

 

Discurso do oso(15-05-2008) Kalandraka Editora celebra o Día das Letras Galegas e a semana na que se inscribe esta data co lanzamento da primeira tradución ao galego de Julio Cortázar para público infantil. Discurso do oso, con ilustracións de Emilio Urberuaga e publicado tamén en portugués, é un relato que pertence ao libro Historias de cronopios y de famas, onde o autor arxentino reúne unha serie de relatos imposibles, co humor surrealista que caracteriza o seu estilo narrativo.

 

Discurso do oso é unha obra que reflexiona sobre a estraña e solitaria vida dos seres humanos e que permite achegarlles aos lectores máis novos a obra dun dos grandes escritores da literatura universal, aderezada neste caso cunha proposta estética da que destaca a súa riqueza cromática.

 

 

O neno que aprendeu a voar obtén unha mención especial na 12ª edición do Premio Nacional de Ilustración de Portugal

 

O neno que aprendeu a voar(13-05-2008) O neno que aprendeu a voar, ilustrado por José Miguel Ribeiro sobre textos de Alexandre Honrado, obtivo unha mención especial na 12ª edición do Premio Nacional de Ilustración en Portugal. A obra, publicada en galego e castelán por Kalandraka a partir da versión orixinal editada en portugués por Dom Quixote, destaca por "un desafiante xogo de perspectivas e unha secuenciación narrativa ben lograda", segundo o xurado, que tamén valorou desta obra "a suxestión dunha multiplicidade de sentidos, algúns deles nacidos dunha especial volumetría". Así, o ilustrador "recorre, con eficacia, a unha técnica menos habitual no panorama editorial portugués, potenciando as lecturas plurais".

 

José Miguel Ribeiro (Amadora, 1966) compón unha proposta estética de estilo cinematográfico e chea de colorido, a base de figuras en miniatura feitas á man e dispostas nun estudo para a súa reprodución. Dende o punto de vista narrativo, o texto de Alexandre Honrado é unha metáfora poética na que voar é unha invitación a viaxar coa imaxinación; o autor tamén trata dun xeito sutil e delicado o baleiro que deixa a ausencia dos seres queridos...

 

Á 12ª edición do Premio Nacional de Ilustración de Portugal presentáronse 130 candidaturas, que reuniron a 81 ilustradores, publicados por 33 editoriais. O xurado estaba formado por Dora Batalim, profesora de Literatura Infantil e Xuvenil na Escola Superior de Educadores de Infancia Maria Ulrich de Lisboa; Sara Reis Silva, docente da Universidade de Minho e representante da IBBY; e María Carlos Loureiro, Directora de Servizos do Libro, en representación da Dirección Xeral do Libro e das Bibliotecas.

 

 

Un millón e medio de euros para mellorar as bibliotecas escolares

 

Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios (08-05-2008) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investirá preto de un millón e medio de euros no Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios para o curso 2008/2009. Con este plan preténdese incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar mediante a organización, actualización e dinamización da biblioteca de centro, o fomento da lectura ou a contribución deste recurso á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro.

Poderán participar nesta convocatoria os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación que resultaron integrados neste programa en convocatorias anteriores, así como os centros que desexen optar á súa inclusión no Plan de mellora. Para o curso 2008/09 vanse seleccionar 70 novos proxectos.

 

[Ver convocatoria no DOGA]

 

IV Premios Literarios Frei Martín Sarmiento

 

IV Premio Literario Frei Martín Sarmiento(28-04-2008) O 30 de abril entregaranse no recinto feiral de FEXDEGA en Vilagarcía de Arousa os IV premios literarios Frei Martín Sarmiento, un evento organizado polos equipos de Normalización Lingüística da Federación Española de Relixiosos da Ensinanza en Galicia, e cun xurado formado por máis de 5000 alumnos de 32 colexios da FERE.

 

O certame está dividido en catro categorías: 1ª categoría (alumnos de 1º e 2º de primaria), 2ª categoría (3º a 5º de primaria), 3ª categoría (6º de primaria a 2º de ESO) e 4ª categoría (3º de ESO a Bacharelato). Para participar, cada un dos alumnos tivo que ler un mínimo de tres libros na súa categoría correspondente.

 

Os gañadores de cada unha dos apartados foron:

 

Primeira Categoría: Poemas para pintar (Sotelo Blanco Edicións) de Concha Blanco.

Segunda Categoría: Dez piratas (Obradoiro) de Gloria Sánchez.

Terceira Categoría: Zoa e Azor (Tambre) de An Alfaya.

Cuarta Categoría: Ollos de auga (Galaxia) de Domingo Villar.

 

 

Kalandraka comprométese coa Delegación da Xunta en Arxentina a fomentar a presenza do libro galego nese país

 

Reunión de Xosé Ballesteros con María Xosé Porteiro(23-04-2008) Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, aproveitou a presenza da editorial pontevedresa na Feira Internacional do Libro de Bos Aires para manter unha entrevista coa delegada da Xunta na cidade bonaerense, María Xosé Porteiro, coa que se comprometeu a desenvolver accións encamiñadas a que o libro galego incremente a súa presenza en Arxentina. “Nun país onde a colonia galega ten tanta importancia, cómpre que as novidades editoriais poidan estar permanentemente á disposición dos cidadáns”, sinalou Xosé Ballesteros durante o encontro que mantiveron na sé da institución. Como medida inmediata, Kalandraka fará unha doazón de libros que a Delegación da Xunta en Arxentina repartirá entre os usuarios de diversas institucións educativas e centros sanitarios vinculados á colectividade galega.

 

O director de Kalandraka tamén recibiu na Feira do Libro de Bos Aires á ilustradora bonaerense Natalia Colombo, gañadora do I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados con Cerca, que verá a luz a finais deste ano e publicarase nas cinco linguas da Península Ibérica.

 

 

RECOMÉNDAO

Os Bolechas fan pis

Os bolechas fan pis

por Mar Rego López, desde Loiba (Ortigueira)

 

 

RECURSOS

 

Autores galegos

 

 

LIGAZÓNS

 

O rincón da fantasía

 

 

 

 

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

A historia do Rainbow Warrior

 

A historia do Rainbow Wairror

 

 

Infantil

 

O tempo do revés

 

O tempo do revés

 

 

Xuvenil

 

Bícame, profe

 

Bícame, profe

 

 

 

 

 

Prelectores

 

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns