Rapaces
| » Todo listo para que arranque unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra » Nuria Díaz Bervide faise co 'Pura e Dora Vázquez' de Ilustración » O traballo de David Pintor, seleccionado para a Mostra de Ilustradores de Boloña » Reeditase nun só volume os vinte primeiros números da revista Galimatías
|
|
|
Todo listo para que arranque unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, explicou durante a rolda de prensa de presentación do Salón do Libro, que este ano o programa tenta plasmar todos os aspectos da cidade: a proximidade e distancia, os misterios que esconde, os veciños, o interés que temos de relacionarnos coa persoa do lado. "Todas estas dimensións están presentes no Salón, que é un espazo de convivencia que nos tentamos que sexa como o salón da nosa casa", comentou Dopico.
A programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil diríxese a toda a familia e ten como obxectivo que todos os nenos, as nenas, pais e nais poidan divertirse e descubrir xuntos o mundo dos libros, como se estivesen no salón da súa propia casa. As actividades previstas para todos os públicos inclúen espectáculos, música, conferencias e outros actos, ademais de exposicións, varios obradoiros de animación á lectura e outros relacionados coa literatura e o teatro infantís e xuvenís, que se combinarán con eventos en colaboración cos centros escolares. Tamén haberá exposicións sobre a homenaxe a Agustín Fernández Paz e O libro das viaxes imaxinarias, de Xabier P. do Campo.
Nesta edición de 2010, o Salón do Libro recoñece a traxectoria literaria de Agustín Fernández Paz cunha homenaxe no Pazo da Cultura o sábado 13 de marzo de 2010 ás 13.00 horas. Ademais, tamén se desenvolverán actividades en diferentes espazos da cidade, como na Biblioteca Pública de Pontevedra, Casa das Campás, na Galería Sargadelos e a sede pontevedresa de Caixa Galicia.
|
Nuria Díaz Bervide faise co 'Pura e Dora Vázquez' de Ilustración
O xurado desta edición estivo integrado por Xoán Babarro González, autor do texto gañador e sobre o que deben xirar as ilustracións; Ana Malingre, responsable de Publicacións da Deputación; Alejadro González Caporale, deseñador gráfico e artista, e Modesta Solano, profesora de pintura da Escola de Artes e Oficios da Deputación. Presidíu o xurado e deputado de Cultura, José Luis Valladares, e como secretario oficióu o director do Centro Cultural, Francisco González. Este xurado acordou por unanimidade outorgar o premio como gañadora a Díaz Bervide por se tratar dun "traballo altamente elaborado, cunha liña plástica e argumental claramente definida e constante", do que gostaron os membros do xurado.
O texto gañador fora o escrito por Xoán Babarro, titulado Palabra era un universo paralelo. Agora a Deputación de Ourense, como entidade organizadora do certame, procederá á edición íntegra desta publicación, que se empregará nunha campaña de animación á lectura.
|
O traballo de David Pintor, seleccionado para a Mostra de Ilustradores de Boloña
Pintor é un dos 87 ilustradoes seleccionados e único galego entre as máis de 2000 propostas recibidas por parte da organización. David Pintor presentou para a mostra cinco ilustracións do seu recente libro Ciudades de papel (El Patito Editorial).
A Mostra de Ilustradores proporciona unha visión internacional das tendencias máis anovadoras na ilustración para o público infantil. Desde 1967 é un escaparate único e unha oportunidade para que os ilustradores de todo o mundo desenvolvan o seu talento aos ollos dos axentes comerciais máis importantes. Desta será a segunda ocasión, sendo a anterior en 2007, en que o traballo de David Pintor se mostre en Boloña.
|
Reeditase nun só volume os vinte primeiros números da revista Galimatías
A revista Galimatías naceu en abril de 2009 cun claro obxectivo: achegar historietas en lingua galega a todos os rapaces e rapazas. Ata o mes pasado publicáronse un total de vinte números, que se distribuíron gratuitamente a través de El Correo Gallego e El Mundo Galicia, cunha periodicidade quincenal. Durante estes vinte números publicáronse un total de 253 páxinas de cómic dalgúns dos mellores debuxantes de Galicia, como Fran Bueno, Enma Ríos, Ramón Marcos, Álex Cal ou Macaco. Entre as series que conforman a revista Galimatías están Amor inmortal, que se ofreceu en primicia na revista. Por outra banda, Hexed. A marca de Lucifer e mais Vento do norte chegaron directamente de Estados Unidos. Outras das series da revista son Terragótica, Silvana. A filla do explorador e Os Fdez. no corazón da noite, que se crearon para a publicación. O recentemente falecido Alfons Figueras foi a única colaboración nacional, que publicou cinco contraportadas das súas Historias extraordinarias.
Xunto coa revista Galimatías púxose en marcha o día 1 de abril a web www.ouniversodegalimatias.com, que vén de recibir o Premio Eganet á mellor web de comunicación 2009. Trátase dun espazo complementario da revista, no que as series e todo o universo Galimatías está reflectido e ampliado. Na web pódense atopar distintos contidos relacionados co mundo da banda deseñada en lingua galega, a animación ou a música en galego. Así mesmo, tamén hai espazos para ler entrevistas cos autores das series, para a aprendizaxe de técnicas para debuxar cómic, concursos e mesmo encontros dixitais cos debuxantes. |
|
RECURSOS
|
|
LIGAZÓNS
|
|
MESES ANTERIORES
|
| BIBLIOTECA MÁXICA |
|
Prelectores |
|
Os catro amigos |
|
Infantil
|
|
Lu e Go pola muralla |
|
Xuvenil
|
|
O segredo de Marco Polo
|