Rapaces
| » Unha exposición amosa o protagonismo de Compostela na literatura infantil e xuvenil » Comeza a X Campaña de Animación á Lectura organizada pola Concellería de Educación de Santiago e Kalandraka » Inaugurada en Compostela a exposición Mundos da historia-Historias do mundo » A libraría viguesa Libros para soñar celebra o seu décimo aniversario » Pep Bruno e Mariona Casaba obteñen o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado » Gañadores do concurso-exposición Letras Galegas 2010 » David Pintor ilustra a versión coreana do clásico de Saint-Exupéry O Principiño » Área Central acolle un ano máis a Feira do Libro Infantil e Xuvenil Galego
|
|
|
Unha exposición amosa o protagonismo de Compostela na literatura infantil e xuvenil
Santiago, cidade ilustrada pretende amosar o protagonismo que a cidade de Compostela foi adquirindo na literatura infantil e xuvenil e a historieta ao longo dos últimos anos. A exposición recolle unha ampla selección de debuxos orixinais que ilustran diferentes libros de literatura infantil e xuvenil destes últimos anos, no que se intenta amosar como Santiago segue a ser obxecto da interpretación dos artistas, pero interactuando con dúas formas narrativas de actualidade: a literatura infantil e xuvenil e a historieta.
Con este proxecto, Compostela aunará as dúas acepcións que abranguen o termo ilustración: por unha parte a de inspiradora e modelo de imaxes iconográficas, de ilustracións; por outra, a de xeradora de cultura, de ser en si mesma culta, ilustrada.
Os mellores ilustradores galegos están representados nesta mostra. Entre eles, Miguel Anxo Prado, Xaquín Marín, Manuel Uhía, Fernando Iglesias, David Pintor, Fran Bueno, Pepe Carreiro ou Fausto. A estes sumaranse outros artistas españois e estranxeiros, entre eles, David Roach ou Mike Deodato. Como moitos deles ilustran obras literarias, a listaxe de artistas verase incrementada coa de escritores e guionistas creadores de texto.
A mostra, comisariada por Gemma Sesar e Fausto Isorna, estará aberta ao público ata o 30 de maio.
|
Comeza a X Campaña de Animación á Lectura organizada pola Concellería de Educación de Santiago e Kalandraka
Co lema Un gran soño, que non só é o título da obra galardoada co II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, senón tamén a expresión do camiño percorrido nestas dez edicións, a Campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades gratuitas para escolares, educadores, bibliotecarios e promotores da lectura, público familiar e, por primeira vez, prelectores e futuros creadores artísticos.
O obxectivo da campaña que principiou onte e que chegará a máis de 5.000 escolares de Santiago e da bisbarra, é achegalos á lectura nun clima motivador e creativo, inculcarlles o aprecio polas producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural nun contexto crítico e selectivo, e promover a tradición e a expresión oral da lingua.
|
Inaugurada en Compostela a exposición Mundos da historia-Historias do mundo
Esta exposición pretende, a través de 22 paneis, ser unha mostra histórica dalgúns dos momentos máis significativos da nosa literatura infantil-xuvenil, estruturando eses anos (de 1960 a 2010) en catro etapas e homenaxeando a libros representativos de cada unha delas. Ao tempo que se pon de relevo a importancia de determinados textos literarios, sublíñase a transcendencia que acadou o traballo creativo dos nosos ilustradores, ademais de facer notar a importante dimensión internacional da nosa produción literaria e a industria editorial, en forma de presentación das versións a moi variadas linguas.
Na presentación o Director Xeral de Promoción Francisco López-Barxas destacou a calidade da exposición e valorou a achega de Xosé Neira Vilas a través da súa obra mestra Memorias dun neno labrego e situouno como un fito sen precedentes para o libro galego. xa que, daquela, "significaba un espertar moi alentador, pola calidade do texto e pola gran personalidade que demostraba, porque o galego, como lingua literaria, ocupaba un novo espazo, que lle pertencera sempre".
|
A libraría viguesa Libros para soñar celebra o seu décimo aniversario
Un 23 de abril do ano 2000 Libros para soñar abriu as súas portas na rúa Triunfo do Casco Vello vigués e dende entón ofrecen unha variada e completa oferta especializada aos lectores, cos títulos máis relevantes no ámbito da literatura infantil e xuvenil, ademais de ofrecer unha programación continua de actividades de animación á lectura.
|
Pep Bruno e Mariona Casaba obteñen o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado
A obra de Pep Bruno e Mariona Casaba conta a historia dunha familia que adora o circo "e iso dálle cor á súa vida", segundo o seu autor. As ilustracións, realizadas con técnica mixta, destacan polo seu colorido e forza expresiva. En conxunto, é un álbum que o xurado definiu como "imaxinativo, orixinal e moderno".
O galardón conleva a publicación do libro en galego, castelán, catalán, euskera e portugués a maiores da dotación económica. Ademais do álbum gañador, o xurado tamén apreciou a valía de Manual del buen paseante. Descripción en veinte minutos, de Raimon Juventeny Corberó e Bailar en las nubes, de Vanina Soledad Starkoff, que quedaron como finalistas.
A este III Premio Internacional Compostela presentáronse un total de 519 traballos procedentes de 22 países. O xurado estaba formado pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o tradutor e experto en literatura infantil e xuvenil Xabier Senín; os ilustradores Gusti e David Pintor; Manuela Rodríguez en representación de Kalandraka; o xefe do Departamento de Educación, José Manuel Rodríguez-Abella, e Beatriz Varela, como secretaria técnica.
O fallo do III Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados marca o inicio da X Campaña de Animación á Lectura que organizan a Concellería de Educación e Kalandraka, en colaboración coa Galería Sargadelos. Co lema "Un gran soño", a campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades dirixidas a pre-lectores, escolares, educadores, bibliotecarios e promotores de lectura, público familiar e, por primeira vez, futuros creadores artísticos.
|
Gañadores do concurso-exposición Letras Galegas 2010
Este concurso está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os dous traballos premiados serán imprimidos e distribuídos en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.
|
David Pintor ilustra a versión coreana do clásico de Saint-Exupéry O Principiño
Para a elaboración das ilustracións, o debuxante coruñés desbota as imaxes preconcibidas que o lector ten do libro de Saint-Exupéry e leva a caracterización dos personaxes a ese terréo tan persoal e propio que ven desenvolvendo nos últimos anos con cada nova entrega.
|
Área Central acolle un ano máis a Feira do Libro Infantil e Xuvenil Galego
Deste xeito, ao longo destes tres días as persoas que se acheguen as rúas do complexo comercial poderán visitar os postos de venda de libros pertencentes as tres editoriais colaboradoras, ademais de participar polas tardes nas actividades dirixidas aos máis novos da casa. Esta actividade enmárcase dentro das actividades vinculadas ao Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil celebrado o pasado 2 de abril.
|
|
RECURSOS
|
|
LIGAZÓNS
|
|
MESES ANTERIORES
|
| BIBLIOTECA MÁXICA |
|
Prelectores |
|
Matías, un pito de campionato |
|
Infantil
|
|
Alicia no País das Marabillas |
|
Xuvenil
|
|
Mamed Casanova, o fillo da furia
|