Rapaces
| » Palabras para un verán no Verbum vigués » Érase o que era, sesións infantís estivais de contacontos en Laracha » contoQontigo achegará aos concellos lucenses o pracer pola lectura » A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Bocaberta de dinamización de uso do galego
|
|
|
Palabras para un verán no Verbum vigués
A programación de Palabras para un verán, como se denomina a programación, "quere ofrecer un abano de actividades para todos os públicos, tanto familiar, como adultos ou para rapaces e rapazas", declarou o concelleiro de Cultura Xesús López. Así, baixo o epígrafe Palabras para gozar, ata o 12 de xullo, a sala de exposicións temporais acollerá a mostra Antón Alonso Ríos, siñor Afranio, baseada no libro O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte ( A Nosa Terra). Amais, entre os días 15 de xullo e 30 de agosto, o Verbum acollerá a mostra 10 anos de BD galega, que amosará unha escolma dos traballos máis significativos do cómic galego dende o seu despunte a finais dos anos noventa ata a actualidade.
O título Palabras para sentir, que agrupa unha das convocatorias clásicas dos veráns no Verbum, como é Mércores no solpor, une música a danza, a poesía e a performance, terá lugar os días 8,15, 22 e 29 de xullo e 5, 12 e 19 de agosto ás 20.30 h. na terraza do museo. As artistas que participarán nas citas deste verán son María do Carme Krukenberg, Suxeitos, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Raquel González, Marta Larralde, María Lado, Lucía Aldao, Wöyza, Iolanda Zuñiga, El Puto Coke e Gazz Funkdation e Rosa Cedrón. Neste marco de Palabras para sentir tamén terán lugar as actuacións das corais os venres, sábados e domingos do 3 de xullo ao 2 agosto; o concerto de Vargas Trío o 28 de xullo, no que presentarán o traballo de investigación entre a relación entre a música galega e a cubana, e performance A Palabra Motora o 23 de agosto.
Campamentos de verán de martes a venres dirixidos a rapaces e rapazas de 5 a 12 anos centrarán as Palabras para entreter, baseadas en animación á lectura.
Palabras para ver, pola súa banda, inclúen o ciclo de curtametraxes "Cinemas Dixitais", que se proxectará no salón de actos os martes e xoves de xullo e agosto; nesta proposta se poderán ver as mellores curtametraxes galegas agrupadas por distintas temáticas.
Finalmente, o 21 de agosto unha proxección na fachada do museo pechará a programación do Verbum.
|
Érase o que era, sesións infantís estivais de contacontos en Laracha
Programa Érase que se era: - 3 de xullo: A sombra de Laura - 7 de xullo: Nun porto de mar - 10 de xullo: Os ourizos cachos e o gran río gris. - 14 de xullo: Un frasco de caramelos - 21 de xullo: Xogando ás adiviñas - 24 de xullo: Do A ao Z de Cristovo Colón - 28 de xullo: ¡Ola, son a Lúa! - 31 de xullo: Xaime e as landras - 4 de agosto: Tanta miga e a súa barriga - 7 de agosto: Dulcinea, a nena cabaleira - 11 de agosto: Rufino e as súas rufinadas - 14 de agosto: Mister Corvo - 18 de agosto: O sultán e os ratos - 21 de agosto: O segredo do rei Curro - 25 de agosto: Dez piratas - 28 de agosto: As minas do rei Chamg Pi Ñong
Este servizo é totalmente gratuíto e non é preciso reservar praza previamente. Os pais con nenos de entre 3 e 12 anos poden deixalos neste lugar o tempo que estimen conveniente (uns minutos ou as catro horas do servizo), onde estarán atendidos por profesores especializados en educación infantil.
|
contoQontigo achegará aos concellos lucenses o pracer pola lectura
ContoQontigo é unha campaña que traballa o conto como unha achega á interculturalidade e á creación artística para desenvolver o espírito crítico nos nenos e nenas e ofrecer os medios para aprender novas formas de mirar. A Vicepresidencia Primeira da Deputación pretende así que todos os rapaces e rapazas que vivan en calquera concello de Lugo, por pequeno que sexa, poidan ter acceso ás mesmas actividades das que gozan os que viven nas vilas e cidades.
Na anterior edición participaron nas actividades de ContoQontigo máis de 600 cativos de 15 concellos do rural lucense. Neste ano serán máis de 800 os que gozen da experiencia especial de viaxar polo continente africano da man do álbum Chocolata.
Nesta historia, creada pola autora Marisa Núñez (galardoada co Premio Internacional Espace Enfants 2007), unha hipopótama decide saír da súa lagoa e vivir novas experiencias na cidade, nunha viaxe na que aprenderá a valorar o seu contorno. ContoQontigo desenvólvese nunha carpa iglú que se instala nos centros escolares. Alí, Raquel Méndez e Eva Vila levan a cabo unha innovadora actividade na que os pequenos e pequenas participan dunha maneira interactiva na historia: proban o doce máxico que lles fai entrar no conto; xogan coas imaxes a reinventar a historia; e póñenlle a banda sonora á narración. Esta experiencia creativa permítelles aos formadores traballar coa lectura dunha maneira lúdica.
As sesións teñen unha duración de 50 minutos e están destinadas a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de Educación Primaria cun máximo 15 rapaces por sesión. A Área de Cultura da Deputación está a dotar a tódolos centros participantes cun lote de libros co obxectivo de traballar o álbum ilustrado antes e despois do desenvolvemento da campaña.
|
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Bocaberta de dinamización de uso do galego
Está previsto que participen este ano en Bocaberta arredor de medio millón de nenos de entre 3 e 18 anos de idade de 286 concello. As iniciativas que conforman Bocaberta están elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos. Os libros son unha parte da xénese do proxecto, que ten a oralidade como eixo fundamental. Desde Política Lingüística preténdese poñer en valor o poder da palabra a través da riqueza da nosa tradición oral, por iso algunhas das actividades de Bocaberta promoven a lingua galega mediante a recuperación dos contos populares e as músicas tradicionais.
Esta campaña tamén fai unha especial aposta polos espectáculos teatrais, onde ocupan un lugar destacado as representacións con monicreques. Contacontos baseados en coleccións infantís e na tradición oral galega, exposicións, talleres, montaxes audiovisuais, emisións radiofónicas, proxeccións de películas ou obradoiros de diversas temáticas, que van desde a ilustración, ata a música ou a creación literaria, son outras das actividades que forman parte do programa Bocaberta.
O orzamento para as actividades que conforman Bocaberta duplicouse respecto ao ano anterior, co compromiso das editoriais para implicarse aínda máis e aumentar en forte medida as diferentes actividades a realizar. Con este programa, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén a confirmar o compromiso adquirido para fomentar o galego entre as franxas máis novas que é onde se xoga o futuro da lingua.
|
|
RECURSOS
|
|
LIGAZÓNS
|
|
MESES ANTERIORES
|
| BIBLIOTECA MÁXICA |
|
Prelectores |
|
Os catro amigos |
|
Infantil
|
|
Lu e Go pola muralla |
|
Xuvenil
|
|
O segredo de Marco Polo
|