Rapaces


» David Pintor, gañador da VI Edición do "Pura e Dora Vázquez" de Ilustración

» X Salón do Libro de Pontevedra abrirá as súas portas ente o 1 de febreiro e o 15 de marzo

» A libraría Libros para Soñar convoca un curso de contacontos na cidade olívica

» O oso e o corvo de OQO Editora e ilustrado por André da Loba, gañador do Premio de Ilustración 2008 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

David Pintor, gañador da VI Edición do "Pura e Dora Vázquez" de Ilustración

 

David Pintor(26-01-2009) O debuxante e ilustrador David Pintor foi escollido, por unanimidade do xurado, entre os 22 traballos presentados á VI Edición do Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vazquez “ na modalidade de ilustración, promovido pola Deputación Ourense.

 

O xurado estivo integrado por Eva Torres, directora do Museo Municipal; Omar Pérez, deseñador da imprenta da deputación; María Puertas, pintora e gañadora dunha das edicións do premio; e Concha Blanco, escritora e a autora do texto Encontros ás agachadas, gañador na modalidade de narración e sobre o que tiñan que presentarse as ilustracións.

 

Nas ilustracións presentadas ao concurso, David Pintor buscou captar o espírito do lugar onde transcorre a historia: Lires. O aire, o mar, o vento e a luz da costa da morte e de lugares tan singulares e máxicos como a praia de Nemiña.

 

A Deputación procederá agora á edición conxunta dos traballos premiados (narración e ilustración) e desenvolverá unha campaña de promoción á lectura entre os máis novos coa distribucíón gratuíta deste libro en bibliotecas e centros educativos a mediados de 2009.

 

Co Premio "Pura e Dora Vázquez", David Pintor continúa obtendo o recoñecemento polo traballo gráfico que ven desenvolvendo desde hai máis de quince anos. O pasado ano xa foi galardoado co premio Haxtur ao humor e premiado no VIII Concurso de humor gráfico de Barakaldo, así como seleccionado na Mostra Internacional de Ilustradores Infantís "Sueños en Papel" en México. Recentemente ven de publicar, xunto ao seu inseparable Carlos López Novas minimaladas (Xerais), continuación do Premio Merlín do 2007.

 

 

X Salón do Libro de Pontevedra abrirá as súas portas ente o 1 de febreiro e o 15 de marzo

 

X Salón do Libro de Pontevedra(23-01-2009) O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, do 1 de febreiro ao 15 de marzo, unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

 

Exposicións, conferencias, actividades concertadas, concertos e literatura, moita literatura enriquecen o programa desta X edición que terá ao Amor como o tema que centra esta convocatoria.

 

Portugal e a súa literatura será o país convidado nesta décima edición, na cal o poeta e escritor João Pedro Mésseder impartirá a conferencia Com muitas palavras rima a palavra e a exposición conxunta ILUSTRAÇÕES.PT, promovida pola Direcção Geral do Livro e das Bibliotecas, que cun total de 117 ilustracións que proporcionan ao visitante unha magnífica visión da creatividade e riqueza da ilustración para a infancia portuguesa contemporánea con ilustracións de João Caetano, Bernardo Carvalho, Alain Corbel, André Letria, Teresa Lima,...

 

Nun dos actos máis emotivos que se desenvolverán ao longo do Salón será sen dúbida cando o sábado 7 de febreiro se homenaxee a Fina Casalderrey, unha das figuras máis importantes da literatura infantil e xuvenil galega. Ese acto contará coa intervención do tamén recoñecido escritor Antonio García Teijeiro.

 

Amais de todas as actividades centradas nos máis pequenos non se pode esquecer a importancia que os adultos e o profesorado teñen para contribuír a xerar o hábito lector entre os máis pequenos. Para eles están dirixidas unha serie de actividade como conferencias, animación á lectura, obradoiros,...

 

[Programa da X Edición do Salón do Libro de Pontevedra]

[Web do Salón do Libro de Pontevedra]

 

A libraría Libros para Soñar convoca un curso de contacontos na cidade olívica

 

Curso contacontos(23-01-2009) A libraría Libros para Soñar organiza o Curso de Contacontos Cantos contos contas ti? Recursos para animar a ler aos máis pequenos que se celebrará en catro sesións entre os días 31 de xaneiro e 7 de febreiro. O curso contará cun total de 20 horas lectivas.

 

A formación de contacontos será impartido por especialistas en animación á lectura da editorial Kalandraka e está especialmente dirixido a docentes e profesionais relacionados co ensino, animadores de tempo libre, libreiros, bibliotecarios e persoas en xeral, interesadas na narración oral como estratexia para animar a ler, como medio de expresión dirixido ao público infantil.

 

Os obxectivos do curso, que se impartirá na sala de actos de Libros para Soñar, é descubrir novas estratexias para animar a ler aos rapaces dende cero a dez anos, recoñecendo o material literario máis axeitado para cada idade. Os asistentes tamén se iniciarán na arte de contar contos, como fonte inesgotable de posibilidades para animar a ler. Outro dos aspectos relevantes do programa é a posibilidade de analizar distintos proxectos de animación á lectura que se están a desenvolver en bibliotecas, librarías, colexios e concellos próximos. Os contidos do curso iniciaranse a partir das fontes da tradición oral. Ademais de abordar a orixe dos contos e de estudar aos principais recompiladores de contos ao longo da Historia, tamén se repasará a tipoloxía deste xénero literario: contos de costumes, de animais e contos marabillosos.

 

No que respecta á metodoloxía para contar, distinguiranse os elementos que interveñen nesta arte, como a memoria, a voz, as mans, a expresión do rostro e a importancia do espazo e os elementos complementarios que axudan á narración. Os asistentes tamén recibirán unha bibliografía e información sobre proxectos interesantes de animación á lectura.

O prazo de inscrición para o curso -que ten un custo de 60 euros por persoa- xa está aberto na Libraría LIBROS PARA SOÑAR (R/ Triunfo, 1) de Vigo, en horario comercial.

[Máis información] 

 

O oso e o corvo de OQO Editora e ilustrado por André da Loba, gañador do Premio de Ilustración 2008

 

O oso e o corvo(21-01-2009) O oso e o corvo, ilustrado polo portugués André da Loba, e editado por OQO Editora ven de gañar o Premio de Ilustración 2008 do certame Visual de Diseño de Libros outorgado pola prestixiosa revista de deseño Visual.

 

Esta non é a primeira vez que o Premio Visual de Diseño de Libros distingue obras de OQO Editora. Na edición de 2007 a calidade do Gran Libro dos Retratos de Animais, O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira, Titiritesa, Sígueme e Mariluz Avestruz foi destacada cos seus respectivos diplomas.

 

Co máximo galardón na edición de 2008 na categoría de Ilustración ao O oso e o corvo, ponse en valor a orixinal proposta plástica que deseñou o ilustrador André da Loba para o texto da autora alemá, Monika Klose.

 

O oso e o corvo, editado tamén en castelán e que en marzo tamén estará dispoñible en portugués, inglés e francés, é unha divertida historia sobre soños, lealdades e acordos incumpridos. Mais incide nunha mensaxe clara: en cada un de nós hai cousas de valor, só cómpre mirar no noso interior, valorarmos as nosas capacidades e nunca deixar de soñar, porque quen sabe se un día.

 

[Premios Visual de Deseño de Libros. Finalistas do 2008]

 

 

RECURSOS

 

Galeteca

 

 

LIGAZÓNS

 

Biblioafonso

 

 

 

MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

Os catro amigos

 

Os catro amigos

 

 

Infantil

 

Lu e Go pola muralla

 

Lu e Go pola muralla

 

 

Xuvenil

 

O segredo de Marco Polo

 

O segredo de Marco Polo

 

 

 

 

Prelectores

 

¿Quen me quere adoptar?

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns