Rapaces


» Política lingüística convoca un concurso sobre a obra, língua e época de Uxío Novoneyra

» Tres escritores galegos optan ao Premio Memorial Astrid Lindgren

» Presentouse esta mañá a 32ª edición do IBBY que se celebrará o vindeiro ano en Santiago de Compostela

» Nova xornada do clube de lectura Tendendo Redes a través de O libro das viaxes imaxinarias

» Santiago de Compostela acolle unha nova edición do curso 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas', este ano centrado na poesía infantil do século XXI

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Política Lingüística convoca un concurso sobre a obra, lingua e época de Uxío Novoneyra

 

Exposición Día das Letras Galegas 2010(30-09-2009) A Secretaría Xeral de Política Lingüística, con motivo do Día das Letras Galegas, convoca un concurso destinado a centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado en 2010, Uxío Novoneyra, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que este viviu.

 

Entre os obxectivos deste concurso está o de potenciar o estudo da obra e da época de Uxío Novoneyra e propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica, fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas na dignificación e normalización da lingua galega ou a de enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para outros centros.

 

[Máis información]

 

Tres escritores galegos optan ao Premio Memorial Astrid Lindgren

 

Tres galegos optan ao Premio Astrid Lindgren(22-09-2009) Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Juan Farias son os tres escritores galegos que optan ao Premio Memorial Astrid Lindgren, que convoca o goberno sueco en homenaxe á famosa autora de Pippi Meias Longas e, xunto ao Premio Hans Christian Andersen (considerado o premio Nobel da literatura infantil), o máis prestixioso do mundo. Este premio pretende recoñecer anualmente o labor dun autor de literatura infantil e xuvenil, un ilustrador, narrador oral ou a un promotor da lectura.

 

Os candidatos son nominados por expertos de diferentes países e o premio é o de maior contía económica do mundo en LIX (case medio millón de euros). O gañador darase coñecer o 24 de marzo do 2010 en Vimmerby, Suecia, lugar de nacemento de Astrid Lindgren.

 

O Premio Memorial Astrid Lindgren concedeuse por vez primeira no ano 2003 e foi acadado en edicións anteriores por Maurice Sendak e Christine Nöstlinger (2003), Lygia Bojunga (2004), Ryôji Arai e Philip Pullman (2005), Katherine Paterson (2006), Banco del Libro de Venezuela (2007), Sonya Hartnett (2008) e Tamer Institue (2009).

 

 

Presentouse esta mañá a 32ª edición do IBBY que se celebrará o vindeiro ano en Santiago de Compostela

 

Presentación do Congreso do IBBY 2010 en Santiago de Compostela(09-09-2009) O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela; o comisario da 32ª edición do Congreso da International Board on Books for Young People, Xosé Antonio Neira Cruz; e a presidenta da Organización Española para o Libro Infantil, María Jesús Gil Iglesias, presentaron esta mañá a edición do Congreso de IBBY que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 8 e o 12 de setembro do vindeiro ano e estará englobado no Centro Internacional da Diversidade Cultural, con sede na Cidade da Cultura.

 

Segundo declarou na rolda de prensa Roberto Varela, o evento contribuirá a potenciar a imaxe de Galicia e a súa expansión cun acto de cobertura mundial e servirá para presentar ante os maiores especialistas do libro e da lectura "a capacidade, vigor, calidade e proxección da nosa literatura infantil e xuvenil". Respecto á decisión de IBBY de emprazar o seu congreso na cidade de Santiago, rexeitando outras candidaturas como París ou Amsterdam, Roberto Varela non ocultou a súa ledicia e agradecemento, e apuntou que "moi poucas cidades do mundo tiveron a honra de ser capitais mundiais da literatura grazas á organización dun congreso de IBBY". O congreso de IBBY, que terá lugar nun ano vista, coincidirá co Xacobeo 2010. Deste xeito, Galicia e a Cidade da Cultura converteranse coa suma de todos estes factores, "nun altofalante sen precedentes sobre as moitas formas e distintos soportes a través dos cales entender a cultura, a literatura, a arte e a creatividade en todo o mundo" facéndose cun "lugar de indiscutible presenza no mapa da literatura mundial".

 

Baixo o lema para 2010 "A forza das minorías", a 32º entrega do Congreso de IBBY, chega a Santiago de Compostela tras navegar durante 50 anos polo mundo adiante coa súa mensaxe de promoción e apoio da lectura como bandeira. Comprometido na responsabilidade de IBBY por loitar en pro da diversidade e da pluralidade e en busca dunha conciencia de globalidade, o Congreso busca nesta ocasión tenderlle unha man ás minorías, para axudar aos que non poden falar e dar acubillo aos que non teñen voz. Utilizando as ferramentas máis antigas de cantas existen: a comunicación e a palabra, preténdese pór en valor o feito de que as persoas pertencentes a calquera tipo de minoría, teñen o dereito e o deber de protexer e conservar a súa cultura, relixión, forma de entender o libro e a lectura e empregar a súa lingua.

 

 

Nova xornada do clube de lectura Tendendo Redes a través de O libro das viaxes imaxinarias

 

Gálix. Tendendo Redes(08-09-2009) Tras o parón veraniego volve o clube de lectura de Gálix Tendendo Redes cunha actividade moi especial. O sábado 26 de setembro terá lugar a xornada literaria Por mares de tintas e cantos de sereas da man do escritor Xabier P. Docampo e do ilustrador Xosé Cobas, autores do exitoso O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).

 

A actividade desenvolverase en Baiona e na goleta Nauja, fondeada habitualmente na baía de Baiona. Colaboran as persoas que están detrás do Instituto de Estudos Miñoranos. Unha das voces máis activas desta asociación cultural, Xosé Lois Vilar, guiará aos asistentes pola zona histórica da vila de Baiona e tamén ao longo da travesía ata as illas Cíes. Xabier P. Docampo introducirá aos lectores na narrativa de tradición oral e á narrativa de viaxes mentres que Xosé Cobas explicará o proceso de ilustración de O libro das viaxes imaxinarias.

 

A xornada, que inclúe viaxe en goleta, explicacións, talleres e comida picnic ten un prezo de 44 euros. Os interesados en asistir deberán facer o ingreso na conta 2091 0342 20 3000067911 Caixa Galicia, Urbana 5, Santiago de Compostela antes do luns 21 de setembro.

 

[Programa]

 

 

Santiago de Compostela acolle unha nova edición do curso 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas', este ano centrado na poesía infantil do século XXI

 

Antonio García Teijeiro(06-09-2009) A Biblioteca da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela acolle unha nova edición do curso 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora' que organizan a Rede temática de Literatura infantil e xuvenil da Universidade de Santiago coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) contando co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística. Nesta sétima edición o curso abordará a poesía infantil no século XXI. 

 

O curso 'As literaturas infantís e ibéricas' durará dende o luns 7 ata o xoves 10 de setembro e contará con ilustres representantes das diferentes literaturas do Estado e Portugal. A inauguración terá lugar ás 9.00 h. e nela participan o director do Departamento de Filoloxía Galega, o presidente da AELG, a directora do curso e o director da Biblioteca da Fundación. Deseguido presentarase un informe sobre docencia e investigación na literatura infantil e xuvenil. A sesión da mañá completarase cun taller de poesía a cargo do escritor Antonio García Teijeiro, que xunto con Ana María Fernández participará nun encontro literario cos asistentes. O mesmo día á tarde, a partir das 16.30 h., terá lugar un recital poético musical de autores do marco ibérico, para rematar ás 19.00 h. cun encontro co poeta vasco Juan Kruz Igerabide e o portugués Joao Pedro Mésseder.

 

No marco deste curso terán lugar, ademais dos encontros e recitais, mesas e coloquios sobre a produción poética e a súa investigación, experiencias, talleres de regueifas, de poesía, de plástica, etc. Entre estas actividades tamén se atopa a presentación, o xoves ás 12.00 h., do monográfico A poesía infantil no século XXI (2000-2008), que se publica co apoio da Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais de Galicia.

 

En paralelo ao curso, os días 8 e 9 reunirase no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP), a Rede Temática de Investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIJMI) que coordina a profesora Blanca-Ana Roig, directora do proxecto ‘Informes de Literatura’ que anualmente dá noticia da produción e recepción de e sobre literatura galega, incluída a infantil e xuvenil.

 

 

RECURSOS

 

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

 

 

LIGAZÓNS

 

A Profa

 

 

 

MESES ANTERIORES

 

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

A voda do galo Pinto

 

A voda do Galo Pinto

 

 

Infantil

 

Do A ao Z con... Uxío Novoneyra

 

Do A ao Z con... Uxío Novoneyra

 

 

Xuvenil

 

Vento do norte

 

Vento do Norte

 

 

 

 

Prelectores

 

¿Quen me quere adoptar?

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns