Rapaces


» O Auditorio de Vilagarcía recrea o máxico mundo de Libri Terrae, a Terra dos Libros

» Libros para Soñar celebra o seu oitavo aniversario

» OQO Editora e o Concello de Lugo animan o mes do libro con programas de animación á lectura para os máis novos

» A AELG, co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude, promove obradoiros de creación literaria en centros de ensino

» O mexicano Felipe Ugarte, gañador do II Premio Internacional 'Compostela' para álbums ilustrados

 

 

 

 

 

 

 

 

O Auditorio de Vilagarcía recrea o máxico mundo de Libri Terrae, a Terra dos Libros

 

O Lectoriño(28-04-2009) Vilagarcía de Arousa acolle do 27 ao 30 de abril, no Auditorio Municipal, a duodécima edición do Lectoriño, a feira do libro infantil e xuvenil.

 

O Auditorio de Vilagarcía converterase nestes días na Libri Terrae, a terra dos libros, un país poboado por seres máxicos que animarán aos cativos a entrar no mundo dos libros dun xeito dinámico e divertido, xogando e potenciando a imaxinación e a creatividade. Para a ocasión, a Sala de Conferencias do Auditorio decorarase de xeito que se recree os diferentes lugares dese país máxico que é a terra dos libros. Con decorados e paneis nos que se presentan as personaxes que habitan esta terra, como o rei Biblos, o principiño Lectoriño, Cansino o Malvado, o Seños Alfabeto, o neno ebook..., onde os cativos correrán diversas aventuras entrando nas historias que se contan nos libros coas rutas que se organizarán cada día.

 

Para a realización das sesións baseadas nese mundo máxico e nas aventuras que se viven nel, os monitores que acompañarán ós grupos de nenos durante toda a experiencia, farán con eles xogos de presentación e actividades de relaxación que lles permitan participar de xeito divertido e coa concentración necesaria nesta sorprendente experiencia que ten como obxectivo achegar ós máis pequenos aos libros e á literatura, animalos a que lean e a que descubran toda a fantasía que se pode atopar neles.

 

Independentemente das sesións do Libri Terrae, o Lectoriño contará coa tradicional exposición de libros. Na zona da cafetería do Auditorio instalaranse as casetas das editoriais que colaboran co Lectoriño e que porán a disposición dos visitantes as súas últimas novidades literarias en obras para nenos e mozos, así como outras coleccións destinadas a este público. Tamén disporá dunha caseta de exposición a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, que cada ano aporta obras dos seus fondos infantís e xuvenís ó Lectoriño.

 

A mostra complétase cunha sala de lectura na que os nenos disporán de colchóns, mesas, pufs e sofás para poder ver, ler e manexar comodamente os libros que se expoñen na mostra. O programa inclúe ademais obradoiros, contacontos e actuacións musicais.

 

O Lectoriño pecharase con aire festivo. Será o xoves ás 20.00 h. cun gran espectáculo teatral e musical de “Os Balloucas”.

 

A entrada a todas estas actividades do Lectoriño, organizadas pola Concellería de Xuventude e Solidariedade, é libre e de balde.

 

[Programa do Lectoriño 2009]  

 

Libros para Soñar celebra o seu oitavo aniversario

 

Oitavo aniversario da libraría viguesa Libros para Soñar(21-04-2009) A libraría viguesa Libros para Soñar celebrará este venres o seu oitavo aniversario.

 

Ao longo destes anos Libros para Soñar converteuse nun espazo de referencia na promoción da literatura infantil e xuvenil. Ademais das actividades de contacontos, semanais e de balde, a sala acolle periodicamente exposicións, encontros de autores e ilustradores, cursos de formación para mestres, bibliotecarios, animadores socio-culturais, pais e nais, e obradoiros de plástica creativa para os cativos. Tamén destacan, pola súa elevada demanda, as sesións de contos para bebés que se imparten cada quince días.

 

Numerosos colectivos achegaronse ata Llibros para Soñar para tomar parte das numerosas actividades desenvolvidas e relacionadas coa lectura, destaca neste último ano a presenza da Fundación Meniños, a Fundación Secretariado Xitano, a Escola Municipal de Música, o bombeiro José Villar ou o grupo MamaCabra coa profesora Susa Herrera.

 

Para os vindeiros meses programouse un curso de contacontos co narrador Tim Bowley, autor de obras como Xaime e as landras (Kalandraka) ou Amelia quere un can (Kalandraka).

 

E como nun aniversario non poden faltar os agasallos, a sesión de animación á lectura programada para este venres, que comezará ás 18.30 h., xirará sobre o libro de Marta Azcona e Rosa Osuna Un agasallo diferente (Kalandraka).

 

OQO Editora e o Concello de Lugo animan o mes do libro con programas de animación á lectura para os máis novos

 

Contarte(13-04-2009) A Concellería de Educación de Lugo e a editorial OQO organizan do 14 ao 28 de abril a segunda edición de Contarte, Quincena da arte e da literatura infantil e xuvenil, unha selección de libros cos que traballar a literatura infantil e a arte.

 

Para esta edición contarase como referencia o Gran libro dos retratos de animais e O día en que a mamá se lle puxo a casa de teteira -ámbolos dous editados por OQO- sobre os que se organizarán obradoiros para escolares de 1º a 6º de primaria. Estas actividades contarán, a maiores, coa presenza o día 30 de abril do ilustrador do Gran libro dos retratos de animais, Svjetlan Junakovic, que estará no IES San Xillao para realizar un obradoiro cos alumnos e alumnas do Bacharelato de Artes e da Escola Ramón Falcón”.

 

Outras actividades que se levarán a cabo durante o mes de abril como animación á lectura será a exposición Caderno do animalista (OQO) de Maurizio A. C. Quarello e Antón Fortes que se poderá visitar no Centro Social Uxío Novoneyra (R/ Quiroga Ballesteros s/n) do 13 ao 26 de abril.

 

Como complemento a todas esas actividades, darán comezo unha serie de talleres como a Actividade de Teatro que terá lugar do 21 ao 25 de abril no salón de actos do Centro Social de Fingoi orientados a rapaces de 2º e 3º de Educación Infantil.

 

 

A AELG, co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude, promove obradoiros de creación literaria en centros de ensino

 

Obradoiros de creación literaria(05-04-2009) A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) promove obradoiros de creación literaria en lingua galega, destinados ao ensino obrigatorio e post-obrigatorio non universitario, impartidos por escritores/as socios desta entidade nos centros de ensino do país, até o mes de xuño.

 

Coa celebración dos obradoiros, financiados pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a AELG propón un novo achegamento á educación literaria, que pon o acento na adquisición de hábitos lectores, na utilización de novos criterios para a selección de obras de lectura e no goce do texto durante a infancia e a adolescencia como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo.

 

Desde a AELG sinalan que os obradoiros de literatura, o contacto cos escritores e escritoras, o uso da biblioteca e as diversas actividades de animación á lectura deben servir para crear hábitos lectores, eliminar prexuízos contra os libros e melloraren a competencia lectora da nosa mocidade. Polo tanto, a educación literaria debe animar aos adolescentes non só a leren textos literarios e reflexionaren sobre eles, senón tamén a escribilos mediante a manipulación de formas lingüísticas e mediante a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar a través do xogo e a descuberta da nos apropia creatividade.

 

Os obradoiros, que estarán a cargo de escritores como Carme Kruckenberg, Afonso Becerra, Isidro Novo, Antonio Reigosa, Carlos Negro, Estíbaliz Espinosa, Rivadulla Corcón e Raúl Dans, entre outros, terán lugar nos seguintes centros e concellos:

 

CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP de San Vicente de Trasmañó (Redondela), CEIP Carlos Casares (Nigrán), IES Agra de Raíces (Cee), CEIP Nº 2 (Tui), IES Pontepedriña (Santiago), CEIP de Sobrada (Tomiño), CEIP de Arzúa, CEIP Xermade, CEIP Anexa (Lugo), CPI San Tomé do Carballo (Taboada), CEIP San Benito de Lérez (Pontevedra), CEIP O Salvador (A Pastoriza), CEIP Ana Mª Diéguez (Rianxo), CEIP Santiago Apóstolo (Mugardos), IES Félix Muriel (Rianxo), CEIP de Louro (Muros), IES Audiovisual Bouzas (Vigo), CEIP de Laredo (Redondela), IES Fernando Esquío (Neda), CEIP Alexandre Bóveda (Redondela) e CEP de Cespón (Boiro).

 

O mexicano Felipe Ugarte, gañador do II Premio Internacional 'Compostela' para álbums ilustrados

 

II Premio Internacional 'Compostela' para álbums ilustrados(02-04-2009) "Un proxecto sintético e rico en elementos, que desenvolve moi ben e gradúa de principio a fin o concepto do tempo”. Deste xeito definiu o xurado do II Premio Internacional 'Compostela' a obra do mexicano Felipe Ugarte para declarar Sueños de grandeza como álbum ilustrado gañador do certame convocado pola editorial Kalandraka e o Concello de Santiago.

 

O xurado, formado para esta edición pola editora Esther Tusquets; o artista galego Xosé Cobas; o ilustrador portugués Luis Mendonça; a profesora e especialista en Literatura Infantil, Manuela Rodríguez; a concelleira de Educación do Concello de Santiago, Guadalupe Rodríguez; o xefe do departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé Manuel Rodríguez-Abella; e Beatriz Varela en calidade de secretaria do tribunal, destacou da obra gañadora a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. O xurado tamén distinguiu o proxecto finalista, Dialogando con un papel en blanco, do italiano Tomasso Nava e Las llevadoras, da arxentina Cecilia Afonso, que recibiu unha mención especial.

 

Felipe Ugalde (Cidade de México, 1962) dedícase desde hai 20 anos á ilustración de libros infantís, así como libros de texto e material didáctico. Ten impartido Obradoiros de Ilustración para profesionais e para rapaces e participa coa súa obra en múltiples exposicións tanto en México como no estranxeiro. Da súa obra destaca o manexo intenso da cor e a plasticidade das súas figuras.

 

Sueños de grandeza será publicado pola editorial Kalandraka nas cinco linguas peninsulares a finais de ano.

 

A esta segunda edición do Premio Internacional Compostela, convocado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka, presentáronse 280 traballos de 22 países: 182 procedentes de España, 19 de Arxentina, 18 dende Portugal, 13 de Italia, e en menor medida México, Brasil, Francia, Alemaña, Chile, Colombia, Croacia, Dinamarca, Eslovenia, Estonia, Israel, Líbano, Polonia, Reino Unido, Suíza, Turquía, Uruguai e Venezuela. 

 

 

RECURSOS

 

Galeteca

 

 

LIGAZÓNS

 

Biblioafonso

 

 

 

MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

Os catro amigos

 

Os catro amigos

 

 

Infantil

 

Lu e Go pola muralla

 

Lu e Go pola muralla

 

 

Xuvenil

 

O segredo de Marco Polo

 

O segredo de Marco Polo

 

 

 

 

Prelectores

 

¿Quen me quere adoptar?

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns