Rapaces
| » Política lingüística e oito editoriais levan a máis de 70 concellos un completo programa de animación literaria e lingüística » O canto dos peixes de Marcos S. Calveiro, obra gañadora do XXIV Premio O Barco de Vapor » Preguntas que poñen os pelos de punta » Exposicións, contacontos e títeres no mes de setembro na Biblioteca "Ánxel Casal" de Compostela » A Biblioteca da Fundación Caixa Galicia acolle un curso sobre a Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil |
|
|
Política lingüística e oito editoriais levan a máis de 70 concellos un completo programa de animación literaria e lingüística
O programa é moi variado, con oito propostas diferentes, e inclúe lectura, música, contacontos, teatro, xogos, pintura e outras actividades destinadas a impulsar o uso do galego entre os máis novos. Está destinado a unha franxa de idade entre os 4 e os 18 anos, polo que abrangue distintas intervencións en función da idade e prevé a participación de preto de 50.000 rapaces.
A través de acordos coas editoriais A Nosa Terra, Baía, Galaxia, Kalandraka, Oqo, Rodeira, Sotelo Blanco e Xerais, preténdese favorecer o uso da lingua galega na franxa de idade máis nova, da que depende, en boa parte, o futuro do galego.
Marisol López, definiu o programa como “unha das actuacións máis ambiciosas na dinamización infantil levada a cabo desde a Administración, e coa participación activa das editoriais galegas” e concluíu asegurando que con este programa “chegamos a un sector da poboación no que “formaremos futuros lectores, que serán futuros falantes”.
Programas:
Cantar e contar
A iniciativa de Kalandraka Editora artéllase arredor de dous eixes: a tradición e a oralidade. Dirixida a rapaces e rapazas de 4 a 11 anos, achegará sesións de contos e música, obradoiros de escrita creativa, un espazo de lectura e unha exposición de ilustracións e elementos orixinais. Estará presente en catro concellos galegos; as actividades prolongaranse en cada un deles ao longo de 15 días, e a primeira experiencia desenvolverase na Granxa de Briz, en Marín.
Contos en cantos
A editorial Oqo deseñou esta actividade para promover o uso do galego a partir do libro e da lectura, a música e o audiovisual. Contos, cancións karaoke e videoclips musicais son o soporte da actividade, que se vai desenvolver, a partir do 22 de setembro en Vigo, Ribadavia, Ourense, Vilalba, Gondomar Cambre e Santiago. En cada cidade permanecerá cinco días, con obradoiros, exposicións, concertos e agasallos.
Contos para falar
O proxecto da Editorial Rodeira diríxese aos tramos de idades de 3 a 8 anos e de 9 a 12, e inclúe contos e actividades adaptadas a cada grupo. Haberá arredor de 70 encontros nos meses de outubro e novembro, nos que pretenden achegarse a uns 6.000 rapaces e rapazas e tamén aos pais e nais dos máis pequenos.
Flis-fli-ris-flás
A Editorial Galaxia porá en marcha unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar a través dunha representación teatral axeitada á idade dos cativos de entre 6 e 7 anos de idade. Ademais da posta en escena de Flis-fli-ris-flás, o proxecto prevé a entrega, a todo o alumnado galego do primeiro ciclo de primaria, dun conto baseado na obra, cunha serie de propostas lúdicas para ofrecerlles aos pais e cun CD interactivo con recursos de apoio e actividades. Galaxia vai levar a iniciativa a 47 concellos, nos que se representarán 75 funcións.
Graffiti e letras
Rapaces de 12 a 14 anos son os destinatarios da actividade proposta por Edicións A Nosa Terra, que pretende dinamizar o uso do galego nesta etapa de idade desde unha perspectiva creativa, así como asociar o uso do galego coa modernidade, a cultura urbana e as expresións artísticas máis actuais, actividades de interese para esta franxa da poboación. En obradoiros duns 50 minutos de duración, os asistentes recibirán nocións básicas sobre os signos, as letras e a súa evolución e despois practicarán a técnica do graffiti da man do ilustrador Anxo Fariña.
Queremos saber
A Coruña acollerá a actividade promovida por Baía Edicións. Será todos os venres e sábados a partir do 4 de outubro e ata o 22 de novembro, no centro comercial El Puerto. A campaña, que inclúe obradoiros e sesións de contacontos, diríxese a nenos e nenas maiores de catro anos.
Tardes coas aventuras de Paco Peco Pequeneiro
Este proxecto didáctico iniciarase o 10 de outubro e desenvolverase en Compostela, no Centro Comercial Área Central. Está destinado a nenos de entre 4 e 8 anos e consiste en sesións de contacontos e obradoiros baseados na colección infantil Paco Peco Pequeneiro, de Sotelo Blanco Edicións. Cada sesión terá unha duración de dúas horas e ademais dos contos haberá obradoiros creativos con materiais de refugallo.
Voces á orella
Xerais pon en marcha unha campaña consistente na realización de tres espectáculos de animación lingüística dirixidos á infancia e á mocidade. Remoldiño vai á feira da compañía Casahamlet, e dirixida a nenos de entre 3 e 8 anos, Os soños na gaiola, a cargo da compañía Trinke Trinke, para nenos de 9 a 14 anos; e O club da calceta, de Teatro do Morcego, para mozos e mozas ata 18 anos son as tres montaxes que se van representar en 24 vilas galegas a partir de outubro. Preténdese chegar a arredor de 4.700 alumnos e alumnas.
O orzamento total deste programa é de 621.000 euros. Todas as actividades serán de balde e desenvolveranse tanto en horario escolar, en sesións concertadas cos centros de ensino, como durante as fins de semana, orientadas ás familias.
|
O canto dos peixes de Marcos S. Calveiro, obra gañadora do XXIV Premio O Barco de Vapor
A Fundación SM, que convoca este galardón desde 1984, busca potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil escritas en galego, que fomente o gusto pola lectura, e transmita uns valores humanos, sociais e culturais ou relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno.
O xurado, formado por Xavier Senín, Manuel Figueiras, especialista en Literatura Infantil e Xuvenil, e Isabel Soto, crítica literaria e tradutora, sinalou que a novela gañadora “é unha escritura de gran valor literario cun léxico moi rico sobre o mar”.
“A través de numerosas referencias literarias reivindica a importancia do mar para a sociedade galega que, en ocasións, deulle as costas” segundo figura na acta do xurado.
O autor explica que “esta é unha novela contemporánea que relata a amizade entre un vello mariño e un neno marxinal. É unha historia con matices fantásticos e cunha trama simbólica acerca dun mar que morreu. Eles intentarán descubrir o conxuro que poida poñer fin a esta maldición”.
Marcos S. Calveiro debutou no 2005 con Sari, soñador de mares (Tambre), que posteriormente foi traducida ao catalán; un ano despois o seu poemario Cartas do terceiro día (Espiral Maior) acada o Premio de Poesía Concello de Carral e nese mesmo ano regresa á literatura infantil co sorprendente Rinocerontes e quimeras (Tambre) antes de conseguir o Ala Delta de literatura infantil con O carteiro de Bagdad (Tambre), obra traducida ao castelán. Este ano ven de publicar a súa primeira novela longa Festina Lente en Xerais.
Unha vez pechada esta 24ª edición, ponse marcha a 25ª, correspondente ao ano 2009, cuxo prazo de admisión de orixinais pecharase o día 15 de xaneiro de 2009. A este premio poden presentarse todos os autores que o desexen, sempre que as obras que presenten se axusten ao concepto comunmente aceptado de novela, e estean escritas en galego, sexan orixinais, inéditas e non fosen premiadas en ningún outro concurso, nin correspondan a autores falecidos con anterioridade ao anuncio desta convocatoria. Así mesmo deberán adaptarse ao resto de requisitos descritos nas bases do Premio, que poderán atoparse na sección Premios da web do Grupo SM.
|
Preguntas que poñen os pelos de punta
As explicacións acompáñanse de anécdotas e datos curiosos que, xunto coas ilustracións de Javier Basile, conseguirán atrapar a atención de tódolos lectores. Os tres títulos que forman esta colección chegan a Cumio despois de seren recoñecidos con numerosos premios a nivel internacional. Son libros recomendados para nenos de tódalas idades e, como as propias autoras sinalan, tamén «para pais e mestres en apuros».
Na web de Ediciós do Cumio pode atoparse un adianto dos tres volumes: Sobre a auga e o lume, Sobre a Terra e o Sol e Sobre a luz e as cores.
|
Exposicións, contacontos e títeres no mes de setembro na Biblioteca "Ánxel Casal" de Compostela
As actividades da Biblioteca Pública comezaron o 2 de setembro, coa inauguración da exposición Latitude 43°33'N, que ha ocupar a entrada do centro até finais de mes. A mostra, do trío de fotógrafos formado por Pol Cobas, Miguel Harguindey e Esteban Leyton, refírese no seu título ao val de Ribeira no que se coñeceron.
O 15 de setembro enceta unha nova mostra, desta volta destinada a público infantil, titulada Graeslinjú, un país máxico onde viven os grandes escritores da literatura infantil e xuvenil. Así os visitantes poderán coñecer as súas vidas, historias e os grandes personaxes a través dun percorrido cheo de fantasía, misterio e imaxinación.
Como é habitual desde a apertura da biblioteca, os títeres tamén terán un oco na programación cultural da Biblioteca Ánxel Casal. O 20 de setembro a compañía Seisdedos e a súa O galo quirico e os seus amigos farán as delicias dos máis pequenos. Na obra, Anxo García utiliza marionetas tradicionais nun teatriño de cartón creados e dirixidos por el propio para contar o conto tradicional do galo quirico segundo a versión publicada por Bernardino Graña.
Asemade, o mes de setembro na Ánxel Casal complétase con actividades de animación á lectura dirixidas aos máis pequenos da casa. Varios contacontos pasarán polo centro: Sherezade ofrece o seu Contos do mundo e a compañía Encontros coa fantasía achegará contos de temática diversa que converten aos nenos en protagonistas de cada unha das historias para que as interioricen e desenvolvan a súa fantasía.
Outra habitual do centro, Marisa Irimia, especializada en contar historias destinadas a un público infantil, ofrecerá o seu Sopa de contos da avoa. O público adulto tamén terá unha cita na Biblioteca, con Fátima Fernández, que contará aos historias da tradición popular galega.
Un obradoiro de banda deseñada e actividades de animación á lectura para nenos e nenas de o a 4 anos, a cargo da Asociación Andaina, completan a oferta da Biblioteca Ánxel Casal para este mes de setembro.
|
A Biblioteca da Fundación Caixa Galicia acolle un curso sobre a Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil
O presente curso, que comeza hoxe e se prolongará atá o xoves 11 de setembro ten como finalidade formar e informar o alumnado participante dunha temática, as Literaturas Infantís e Xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos, xeralmente excluída dos planos de estudo das licenciaturas e diplomaturas e, con todo, dunha transcendencia fundamental en ámbitos básicos como a formación lectora e a expresión escrita no mundo das tecnoloxías da información e comunicación (TIC). Tenta analizar estas literaturas dende un enfoque comparativo para dar a coñecer que axentes literarios se presentan máis débiles en cada ámbito lingüístico.
Ao longo destes días pasarán polo curso escritores e editores como Agustín Fernández Paz, Xavier Senín, Manuel Bragado ou Aurora Marco.
|
|
RECURSOS
|
|
LIGAZÓNS
|
|
MESES ANTERIORES
|
| BIBLIOTECA MÁXICA |
|
Prelectores |
|
Os catro amigos |
|
Infantil
|
|
Lu e Go pola muralla |
|
Xuvenil
|
|
O segredo de Marco Polo
|