Rapaces


» Galaxia e a Filharmonía de Galicia musican contos clásicos

» A peripecia de Roi, de Carlos López, obra gañadora da VII edición do Premio "Raíña Lupa"

» Os María Moliner 2008 recoñecen o traballo de animación á lectura desenvolvido pola Biblioteca de Ortigueira

» Agustín Fernández Paz é o novo Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

» Polo correo do vento achega aos primeiros lectores a natureza e o hábitat galego

» Educar para ler. Programa da galería Sargadelos de Ferrol de animación á lectura

» Natalia Colombo recibe o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

» Regresa o Contomar este luns con Ratos de biblioteca

» 1,2,3 Imos ler. Contacontos en Laracha 

 

 

 

Galaxia e a Filharmonía de Galicia musican contos clásicos

 

Musicontos(29-10-2008) A Filharmonía de Galicia e Editorial Galaxia preparan conxuntamente a edición de tres contos clásicos rescritos por Xosé Antón Neira Cruz e acompañados pola música da orquestra dirixida por Maximino Zumalave.

 

No marco das sesións didácticas da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia, realizarase a gravación da música que acompañará á próxima edición de O prodixio dos zapatos de cristal, adaptación en galego do conto da Cinsenta. A orquestra gravará a Abertura e varias pasaxes orquestrais de La Cenerentola, obra composta por Rossini sobre o conto de Perrault. A gravación, en vivo, contará coa voz da soprano Amil e a narración da cantante e actriz de dobraxe Teresa Santamaría.  

 

Este traballo enmárcase no proxecto Musicontos, novo proxecto da Editorial Galaxia, no que participa o Consorcio de Santiago, polo que tres contos clásicos -A Cinsenta, Os tres porquiños e A sereíña- son “reinventados” con textos do escritor Xosé A. Neira Cruz, acompañados pola música da Filharmonía e ilustracións de Rodrigo Chao, Federico Fernández e Enjamio, respectivamente. A música, tirada de composicións clásicas, refúndese e así adquire unha nova dimensión ao soar asociada a un novo texto. Esta nova ollada, diferente aos contos de sempre, fai fincapé nos grandes temas infantís pero agora partindo de novas situacións tiradas da cotianidade. O traballo é froito da estreita colaboración entre o escritor Xosé Antón Neira Cruz e o director Maximino Zumalave. Os libros editaranse en formato álbum, acompañados dun CD, e estarán á venda o vindeiro mes de novembro.

 

 

A peripecia de Roi, de Carlos López, obra gañadora da VII edición do Premio "Raíña Lupa"

 

Premio Raíña Lupa 2008(28-10-2008) A obra A peripecia de Roi, da metade do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto, Carlos López Gómez, foi seleccionada como gañadora da VII edición do premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Raíña Lupa", convocado pola Deputación da Coruña.

 

Ao certame presentáronse 31 orixinais e o xurado estivo integrado nesta ocasión pola poeta Yolanda Castaño, o director da Biblioteca "Nova 33" da Fundación Caixa Galicia, Pedro Lucas; o escritor e tradutor Ignacio Chao; o profesor e crítico literario Ramón Nicolás e o gañador da última edición do "Raíña Lupa", o escritor ferrolán Antonio Yáñez. O comisario do certame foi o escritor Xavier Docampo.

 

A poeta Yolanda Castaño, que actuou como voceira do xurado, definiu A peripecia de Roi como "unha aventura chea de fantasía, inzada de humor próximo ao absurdo e ao surrealismo, que vai  conectar cos gustos dos máis cativos" e gabou a traxectoria do autor "que está dando pasos moi afianzados na súa carreira".

 

Carlos López Gómez, xunto a David Pintor, ten publicado as súas viñetas diarias en El Correo Gallego, O Correo Galego e nos xornais do Grupo Voz (La Voz de Galicia, Diario de León, Diario 16 e La Voz de Baleares). Pinto & Chinto espuxeron o seu traballo na Bienal da Caricatura de Ourense, O Sapoconcho do Museo do Humor de Fene, en Verín, en Lisboa, en Oeiras; recibiron en 2007 o premio Curuxa Gráfica, que concede o Museo do Humor de Fene; e publicaron diversos libros para nenos: Suca (Everest), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (Combel), Historia de Román, o bombeiro (Everest), O pequeno da familia fantasma (Sotelo Blanco), premio Frei Martín Sarmiento 2007. Ademais, no eido da banda deseñada crearon o personaxe Tito Longueirón, que apareceu semanalmente nas páxinas da revista Golfiño, historietas que foron recollidas en 2005 nun volume publicado por Edicións BD Banda. Carlos López publicou, ademais, o poemario Espello sen fondo (Espiral Maior) e o pasado ano obtivo o premio Merlín 2007 pola súa obra Minimaladas publicado por Xerais.

 

En anteriores edicións, o premio Raíña Lupa foi gañado por Agustín Fernández Paz por Cos pés no aire (Xerais), Mario Pereira por Velaí vai o verme (Galaxia), Antonio Reigosa por Resalgario en Trasgalicia (Xerais), Xosé A. Neira Cruz por O armiño dorme (Galaxia), Breogán Riveiro por Tonecho de Rebordechao (Galaxia) e Antonio Yáñez por Viaxe a Libunca (Galaxia).

  

Os María Moliner 2008 recoñecen o traballo de animación á lectura desenvolvido pola Biblioteca de Ortigueira

 

Biblioteca de Ortigueira(26-10-2008) O Ministerio de Cultura concedeu os premios María Moliner 2008 de animación á lectura, que este ano cumpre a súa XI Edición, a Ortigueira, na modalidade de animación á lectura en concellos cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes co proxecto presentado "Na biblioteca". O fallo coincidiu coa celebración o pasado venres do Día da Biblioteca, e a entrega fíxose no concello ortegán.

 

Do proxecto presentado destacouse a variedade e continuidade das actividades de promoción á lectura destinada á poboación escolar da localidade. Cabe recordar que "Na biblioteca..." aposta pola realización de ciclos de actividades semanais diversas, orientadas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, que cambian de temática cada mes.

 

Este premio ven a recoñecer o traballo que María Xosé e Mónica, as dúas bibliotecarias da Biblioteca "Juan Fernández Latorre" de Ortigueira veñen desenvolvendo nos últimos anos. Tras tres convocatorias obtendo "mencións especias" en recoñecemento á calidade con outros tantos programas, a biblioteca municipal ven de conseguir neste 2008 a máxima distinción.

 

Pola súa banda, os proxectos presentados polas bibliotecas municipais de Oleiros, Cambre, Sada e Porriño foron recoñecidos con mencións especiais.

 

 

Agustín Fernández Paz é o novo Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

 

Agustín Fernández Paz, Premio Nacional Literatura Infantil(23-10-2008) O mestre e pedagogo Agustín Fernández Paz ven de ser recoñecido hoxe co Premio Nacional de Literatura  Infantil e Xuvenil, concedido polo Ministerio de Cultura, pola súa obra O único que queda é o amor (Xerais en  galego, Anaya en castelán e Nelson de Matos en portugués).

 

Este premio distingue o mellor libro de literatura infantil ou xuvenil publicado ao longo de 2007 en cualquera das linguas oficiais do Estado español.

 

O director xeneral do Libro, Rogelio Blanco, presidiu o xurado, do que tambén formaron parte Mónica Fernández, Margarita Salas, Manuel González, Xavier Etxaniz, Emili Teixidor,  Cristina Minguillón, Remedios Morales, Marta Rivera, Rosario  González, María Penéndez, e os dous últimos autores galardoados, Fernando Marías e Jordi Sierra i Fabra.

 

En O único que queda é o amor, Agustín Fernández Paz tece unha trama sobre o amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Este obra xa mereceu o recoñecemento da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Mellor libro infantil e xuvenil do 2007) e do Premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil.

  

Polo correo do vento achega aos primeiros lectores a natureza e o hábitat galego

 

Polo correo do vento(22-10-2008) Polo correo do vento é a nova colección de libros infantís de Xerais destinada aos primeiros lectores. Preparada por Enrique Mauricio Iglesias (Mau) e polo ilustrador Carlos Álvarez Taboada (Pin), cada libro está concibido para iniciar aos lectores no coñecemento da natureza galega e doutros temas relacionados coa cultura de noso, ademais de facer moito fincapé na onomástica galega.

 

Deste xeito, Mariquiña, a carteira andoriña, está protagonizado polos paxaros máis habituais da natureza galega (a andoriña, a gaivota, o paporroibo, a pomba, o corvo mariño), abordándose, ademais, a cuestión do paraentesco e o coñecemento das cidades galegas e dos nosos espazos naturais. Hugo, o carteiro teixugo, está protagonizado por algúns dos mamíferos da nosa fauna (o teixugo, a toupiña, o xabaril, o furón, a raposa…), presentando os diversos oficios tradicionais e algúns espazos paisaxísticos da Galicia interior (Ancares, Fragas do Eume…) e Xelo, o carteiro xurelo, está protagonizado por algunhas das nosas especies máis emblemáticas da nosa fauna mariña (o polbo, o linguado, o rodaballo, o peixe sapo, a sardiña…), presentando diversos obxectos de uso cotián e algúns dos espazos naturais protexidos da nosa beiramar (as dunas de Corrubedo, a praia das Catedrais, a Lanzada, a praia de Carnota…

 

Cada un dos volumes complétase cun epílogo, «¿Qué aprendiches?», con actividades lúdicas que pretenden facilitar o labor dos pais ou dos mestres á hora de traballar a comprensión do texto, ademais dunha páxina dedicada a colorear os animais protagonistas de cada un dos volumes.

 

Educar para ler. Programa da galería Sargadelos de Ferrol de animación á lectura

 

Educar para ler(14-10-2008) A Galería Sargadelos de Ferrol organiza para o curso 2008/2009 o programa de animación á lectura Educar para ler. A campaña, dirixida principalmente para todos os nenos e nenas de Ferrolterra de entre 0 e 8 anos.

 

As actividades de animación desenvolveránse o primeiro sábado de cada vez e haberá duas quendas de 25 participantes máximo: de 11.00 h. a 12.00 h. e de 12.00 h. a 13.00 h. dependendo da idade dos cativos.

 

As actividades a realizar serán exclusivamente en galega e estarán abertas ás opinións dos pais e nais dos pequenos. O prazo de inscrición, de carácter gratuíto, remata o mércores 22 de outubro.

 

A participación nesta actividade dará dereito a posuír un carné de lector, expedido pola Galería Sargadelos Ferrol, que entre outras vantaxes ofreceralle un 5% de desconto ao mercar libros ao titular do mesmo.

 

A Galería Sargadelos de Ferrol está situada na Rúa Rubalcava 30-32

 

 

[Folla de inscrición]

  

Natalia Colombo recibe o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

 

Natalia Colombo(04-10-2008) A autora e ilustradora arxentina Natalia Colombo recolleu de mans do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que ten unha dotación económica de 12.000 euros. A obra galardoada, titulada Cerca, está editada por Kalandraka, que fixo unha tiraxe global de 20.000 exemplares en sete linguas: galego e castelán, con 4.000 e 6.000 unidades respectivamente, máis catalán, euskera, portugués, inglés e italiano, ademais dunha versión en castelán para América Latina que se distribuirá a través do seu selo mexicano Libros para Soñar.

 

Na súa intervención, a autora referiuse ao premio recibido como “un soño inesperado” e, a propósito da súa obra, explicou que é unha fábula sobre a incomunicación que invita “a abrirse ao mundo, coñecer as demais persoas e socializarse”. Os protagonistas de Cerca son un pato e un coello “que viven pechados na súa soidade, privándose de compartir os momentos máis felices e simples da vida”. A nivel estético, Natalia Colombo mesturou diversas técnicas, dende a pintura con acrílicos ata o collage, ademais de deseñar unha tipografía propia. Tamén empregou recursos visuais que xogan cos conceptos de movemento e simetría.

 

Cerca foi escollido polo xurado entre os máis de 300 traballos procedentes de numerosos países que se presentaron á primeira edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, convocado pola Concellaría de Educación de Santiago e a editorial Kalandraka. Ambas entidades colaboran dende hai nove anos nunha Campaña de Animación á Lectura que se leva a cabo no mes de abril e na que participan milleiros de escolares da bisbarra compostelana.

 

O director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, calificou Cerca como un traballo “excelente, fermoso e emotivo”. Ademais deste título, a editorial tamén vai publicar outras sete obras presentadas ao certame, o que Ballesteros considerou un sinal de “calidade” desta convocatoria.

 

A obra galardoada co I Premio Compostela vaise expór este mes nos stands que Kalandraka vai ocupar na Feira Internacional do Libro ‘Liber’ que se celebrará en Barcelona do día 8 ao 10, e na 60º Feira do Libro de Frankfurt, en Alemaña, do día 15 ao 19.

 

Regresa o Contomar este luns con Ratos de biblioteca

 

Regresa o Contomar(03-10-2008) O espectáculo Ratos de biblioteca, da compañía teatral coruñesa Trinke Trinke, é o elixido por Espazo Lectura para a inauguración da nova tempada do Contomar o próximo día 6 de outubro, ás 18.00 h., na Biblioteca Municipal de Gondomar.

 

Trátase dun espectáculo de animación á lectura que se desenvolve como unha obra de teatro, moi divertida e cómica, na que diferentes membros dunha familia de ratos de biblioteca contan contos e recitan poemas, cancións e adiviñas. Con este espectáculo Espazo Lectura retoma as sesións semanais de contacontos para nenos e nenas de máis de tres anos que se celebrarán todos os luns, ás 18.00 h., na Biblioteca Municipal de Gondomar.

 

O Contomar, que botou a andar no mes de febreiro de 2006, inicia así unha nova tempada na que, ademais de manter as actividades de anos anteriores (contacontos, poemas, cancións, carnés con estrelas semanais, cumprecontos, etc.), introduciranse como novidade a presenza de dúas mascotas, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, que cada semana lles traerán aos nenos e nenas contos, agasallos e outras sorpresas.

 

Arredor do programa de fomento da lectura Contomar foron xurdindo outras actividades de dinamización lectora como o club de lectura compartida Lendo contigo, para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos, a sesión de lecturas Dar de ler coma quen dá de beber, a campaña Bookcrossing no Val Miñor ou a Noite na biblioteca, promovidas todas elas pola asociación Espazo Lectura.

  

1,2,3 Imos ler. Contacontos en Laracha

 

Rato Tom e Rata Tomasa(02-10-2008) A aula lúdica municipal, servizo gratuíto que o Concello de Laracha oferta ás familias que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade, presentou o seu programa de inverno que comeza a desenvolverse a partir do 3 de outubro coa chegada do novo curso escolar, ata finais deste ano 2008. Todos os venres entre as 18.00 h. e as 19.30 h. hase desenvolver unha sesión de contacontos coa celebración dun novo programa 1, 2, 3 Imos Ler, que será moi similar ao que se levou a cabo durante os meses de verán. En primeiro lugar lerase aos nenos un conto e, posteriormente, realizarase unha actividade relacionada co texto.

 

Deste xeito a programación do contacontos 1, 2, 3 Imos Ler ten as seguintes datas e títulos:

 

- 3 de outubro: “Rato Tom e Rata Tomasa”

- 10 de outubro: “Lobo feroz”

- 17 de outubro: “Pedra, Pan e Palla”

- 24 de outubro: “Bola de manteiga”

- 31 de outubro: “O galo Quirico”

- 7 de Novembro: “A casa da Mosca Chosca”

- 14 de Novembro: “O coelliño branco”

- 21 de Novembro: “La gallinita roja”

- 28 de Novembro: “As fabas máxicas”

- 5 de Decembro: “O flautista de Hamelín”

- 12 de Decembro: “Tento e mailo Nadal”

- 19 de Decembro: “El tren de la Navidad”

- 26 de Decembro: “La canción del Pastorcillo”

 

A aula lúdica municipal de Laracha está situada no edificio de Servizos Múltiples da capital municipal e está aberta de luns a venres, entre as 16.00 e as 20.00 horas.

 

 

RECURSOS

 

Galeteca

 

 

LIGAZÓNS

 

Biblioafonso

 

 

 

MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

Os catro amigos

 

Os catro amigos

 

 

Infantil

 

Lu e Go pola muralla

 

Lu e Go pola muralla

 

 

Xuvenil

 

O segredo de Marco Polo

 

O segredo de Marco Polo

 

 

 

 

Prelectores

 

¿Quen me quere adoptar?

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns