Rapaces


» Aberto o prazo do II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados

» O Xacobeo, coa colaboración de OQO Editora, promoven unha serie sobre os contos do Camiño de Santiago

» Kiko da Silva celebra cunha retrospectiva os seus dez primeiros anos no mundo da ilustración infantil

» Bernardino Graña volve á literatura dramática gañando o Estornela de Teatro para Nenos

» A exposición OQO. Novas formas de mirar o álbum ilustrado nos achega a visión da ilustración como obxecto artístico

 

 

 

 

Aberto o prazo do II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados

 

II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados(17-12-2008) Tras o éxito da primeira edición do Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados, convocado pola editorial Kalandraka e o Departamento de Educación do Concello de Santiago, ábrese o prazo para o envío de orixinais da segunda edición do premio, que rematará o 28 de febreiro do 2009. O nome do gañador, ao igual que na pasada edición, farase público o 2 de abril, data que conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

 

Á primeira edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados concorreron un total de 335 orixinais procedentes de diferentes países. O álbum Cerca, da escritora e ilustradora arxentina Natalia Colombo, foi a obra elixida polo xurado, por ser considerado un "perfecto álbum ilustrado".

 

[Bases do II Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados]

 

O Xacobeo, coa colaboración de OQO Editora, promoven unha serie sobre os contos do Camiño de Santiago

 

Os contos do Camiño(16-12-2008) As historias procedentes de diferentes pobos e culturas coas que os camiñantes que percorrían o Camiño de Santiago animaban a súa andaina acaban de converterse nunha serie de animación audiovisual, Os contos do Camiño que, da man da S.A. de Xestión do Plan do Xacobeo, en colaboración con OQO Editora, busca popularizar entre os máis cativos as diferentes rutas xacobeas como camiños de interculturalidade, uns camiños onde ao longo dos séculos converxeron contos de todo o mundo traídos polos viaxeiros e viaxeiras, que portaban co seu camiñar lingua, palabras e a cultura dos seus respectivos lugares de orixe. Isto serviu non só para enriquecer o patrimonio oral galego, senón tamén para espallalo, coas historias que se levaron con eles.

 

A serie, que xa conta con 4 capítulos rematados, chegará ás 26 gravacións e pretende que os máis cativos coñezan os camiños de Santiago espertando a súa curiosidade a partir de historias vividas e contadas.

 

A serie encádrase no proxecto “Contos do Camiño”, que inclúe sesións de contacontos, plástica e audiovisual para nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria en centros educativos das localidades polas que pasan as distintas rutas xacobeas e busca implicar no coñecemento do Camiño a toda a comunidade escolar, dende os nenos ao profesorado pasando por nais e pais; por iso o material literario, plástico e audiovisual pode incorporarse aos currículos das escolas.

 

O Conselleiro de Industria Fernando Blanco indicou onte durante a presentación que esta actividade de promoción tamén se está a levar fóra do país, tal e como xa aconteceu na Expo de Zaragoza celebrada este verán. De igual xeito, os Contos do Camiño vanse levar en 2009 e 2010 a Óbidos, Lisboa e Évora, en Portugal; e a Bordeaux e Aquitania, en Francia. Así mesmo, a serie de animación terá presenza no Instituto Cervantes de Madrid o primeiro trimestre do vindeiro ano e no mes de abril protagonizará as actividades de animación do departamento de pedagoxía do museo Thyssen Bornemisza, tamén en Madrid. O investimento que se está a realizar por parte do departamento autonómico ascende a 600.000 euros. 

 

 

Kiko da Silva celebra cunha retrospectiva os seus dez primeiros anos no mundo da ilustración infantil

 

Arte de libro(11-12-2008) Pasou xa unha década desde que Kiko da Silva ilustrou para María Dolores Rial Fernández O cumpreanos do rei Pericón (Ir Indo). Aquela primeira achega ao mundo da literatura infantil tivo a súa continuidade en máis dunha ducia de traballos para diversos autores e editoriais que confiaron na arte de Kiko da Silva como o acompañamento ideal para eses textos. Velaí quedan os seus traballos xunto a Xosé Neira Cruz, Eva Mejuto, Rivadulla Corcón, Paco López Barxas ou Chema Heras.

 

Para celebrar ese décimo aniversario inaugura o venres 12 de decembro ás 20.00 h. a exposición 'Arte de Libro', unha selección das súas mellores ilustracións de libros realizados dende o ano 1998 ata hoxe. Na exposición mostrarase as ilustracións rematadas e algunhas das maquetas tridimensionais que o autor realiza para fotografalas e dar vida aos relatos para os cativos.

 

A Galería Chroma, situada na Avenida da Florida, 34 de Vigo, acollerá dita exposición ata o 23 de xaneiro.

 

Bernardino Graña volve á literatura dramática gañando o Estornela de Teatro para Nenos

 

Bernardino Graña gaña o Premio Estornela de Teatro infantil(04-12-2008) O xurado da quinta edición do Premio Estornela de Teatro para Nenos, reunido o pasado 1 de decembro, acordou por unanimidade conceder o premio á obra presentada baixo o título Larpancia saborosa do lobo e a raposa, cuxa autoría correspondeu ao escritor e poeta Bernardino Graña.

 

O xurado, que nesta edición estivo composto por Xosé Neira Vilas, Valentín García Gómez, Xoán Andrés Fernández Castro e Luis Reimóndez Fernández, quixo destacar desta obra que se trata dunha “farsa de monifates nun lance”, unha fábula versificada para ser representada con monifates, marionetas ou actores. Exemplifica de xeito humorístico o mundo dos contrastes, o do reino animal fronte ao dos humanos, a inxenuidade fronte á ambición e a cobiza. Todo elo nun marco natural e campestre, que se ve enxalzado no verso, na busca dun ambiente bucólico, no que a lingua xoga un papel moi importante á hora de facer próximo o texto e mesmo recrear expresións e léxico propios do galego máis patrimonial, posto ao alcance de todos os nenos e nenas.

 

O Premio Estornela de Teatro para Nenos, que convoca bianualmente a Fundación Neira Vilas, nace coa idea de fomentar a faceta de creación dun teatro infantil para ser lido e representado en galego dentro da nosa poboación en idade escolar, para complementar e reforzar os contidos escolares. Ademais do premio económico, a obra gañadora será publicada por Edicións do Castro. Este premio xa foi concedido, en edicións anteriores, a Manuel Lourenzo por Música da noite,  a Heidi Kühn-Bode por Os mundiños, de xeito compartido no 2004 a Xosé Agrelo por O ensaio, Ana María Gallego por O porco que perdera a cabeza e a Fran Peleteiro por Xoguetes. Na última edición, celebrada no 2006, foi para Antonio Cordero por O filibustero do mar da Marola. 

 

A exposición OQO. Novas formas de mirar o álbum ilustrado nos achega a visión da ilustración como obxecto artístico

 

Exposición OQO no Museo de Lugo(02-12-2008) O Museo de Lugo acolle, ata o vindeiro 19 de decembro, a exposición OQO. Novas formas de mirar o álbum ilustrado. Unha exposición onde se mostra o álbum ilustrado non só como compañeiro inseparable do texto, senón como obxecto artístico.

 

Achegarse ao Álbum Ilustrado supón enfrontarnos a unha marea de títulos que expoñen abertamente o diálogo texto-imaxe e a creadores plásticos que se presentan a un público -sobre todo infantil- capaz de gozar dese produto artístico e afondar perceptivamente nel. Os artistas da ilustración exprésanse con liberdade de formas, cores, técnicas… coas que constrúen mundos fantásticos. Estas creacións chaman a atención dun espectador condicionado por unha contemplación posmoderna que o obriga a buscar un novo xeito de mirar, a activar a sensibilidade para dialogar nunha perspectiva diferente… Resulta estimulante coñecer estas propostas contemporáneas de expresión plástica e gozar delas independentemente da nosa idade. Estas novas formas artísticas obrigan a crear un novo concepto expositivo onde a solución pasa por indagar no libro como obxecto, nos seus contidos formais, estéticos, literarios… Propoñer unha “performance” que permita ver, tocar, ler e dialogar coa obra e co seu soporte. O Álbum Ilustrado convértese, nesta mostra, en obxecto artístico pleno, en diálogo cun contexto tridimensional capaz de combinar novas formas de expresión artística.

 

 

 

RECURSOS

 

Galeteca

 

 

LIGAZÓNS

 

Biblioafonso

 

 

 

MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

BIBLIOTECA  MÁXICA

 

Prelectores

Os catro amigos

 

Os catro amigos

 

 

Infantil

 

Lu e Go pola muralla

 

Lu e Go pola muralla

 

 

Xuvenil

 

O segredo de Marco Polo

 

O segredo de Marco Polo

 

 

 

 

Prelectores

 

¿Quen me quere adoptar?

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns