Biblioteca máxica


 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                                                                                                                                           

Ninguén nace antetempo...

Palabras envelenadas

Sopa de xarope de amora

Taller de corazóns

Os catro amigos

As espiñas do porco espiño

Lu e Go pola muralla

O segredo de Marco Polo

¿E ti que farías por min?

 

 

Prelectores

As espiñas do porco espiño

As espiñas do porco espiño

Abraham Carreiro (Textos e Ilustracións)

A Nosa Terra

30 p. ; 9 €

 

Conto popular dos indios chipewa, do Canadá, protagonizado por un porco espiño sen espiñas, un oso, un lobo, un reno, unha curuxa, un raposo e un esquío. Farto de escapar dos ataques do oso e máis do lobo, o porco espiño, que era moi atrevido, argalla unha idea xunto cos seus amigos para poderse zafar deles.

 

 

 

 

¿E ti que farías por min?

¿E ti qué farías por min?

Fina Casalderrey (Textos) e Manuel Uhía (Ilustracións)

Xerais

40 p. ; 10 €

 

Malta e Marqués viven na rúa. Cada vez cústalles máis atopar comida; hoxe só queda por buscar no vertedoiro. Marqués non se atreve a merterse no lixo, pero faille promesas a Malta: Se fose bolboreta regalaríache… Se fose xílgaro contaríache… Se fose lúa… E Malta, ¿que fai por Marqués?

 

  

Os catro amigos

Os catro amigos

J. e W. Grimm (Textos) e Gabriel Pacheco (Ilustracións) [Adaptación de Marc Taeger e Xosé Ballesteros]

Kalandraka

36 p. ; 13 €

 

Un burro, un can, un gato e un galo son os protagonistas deste relato dos irmáns Grimm que anima a non decaer malia as dificultades, porque sempre haberá oportunidades para saír adiante. Partindo de que ninguén é imprescindible, este conto destaca que todos somos útiles para desempeñar unha función na vida. Tamén suxire que a unión fai a forza, cando os animais logran espantar os malfeitores que atopan nunha casa do bosque. “Os catro amigos”, tamén coñecido como os músicos de Bremen, é o conto máis significativo desta cidade, afamada polo seu carácter liberal, acolledor e aberto. Dende 1953 unha estatua a carón da Casa do Concello enxalza a figura deste singular cuarteto. 

 

 

 

Infantil

Taller de corazóns

Taller de corazóns

Arturo Abad (Textos) e Gabriel Pacheco (Ilustracións) [Trad. de Marisa Núñez]

OQO

32 p. ; 14 €

Taller de corazóns recrea unha artesanía marabillosa na que non se arranxan zapatos, nin paraugas, nin se restauran mobles ou se zurcen descosidos pantalóns. Matías, o protagonista, repara —co mesmo mimo e coidado que pon todo artesán— corazóns danados.

O seu traballo nada ten que ver co dun cardiólogo nin o seu taller cun quirófano. Cunha estufa de leña quenta corazóns xeados; con agullas de prata cose corazóns rotos; e cunhas pinzas de esquecemento axusta a hora de corazóns que atrasan para que non se poñan tristes coas lembranzas do pasado.

Para os ‘males do corazón’ recórrese, convencionalmente, ao efecto mitigador do paso do tempo. Con todo, Artuto Abad fainos soñar —no seu primeiro conto editado— coa posibilidade de que os danos emocionais poidan ter tan sinxelo remedio, como unha dobra descosida ou un tacón roto.

No entanto, non hai frialdade no traballo do protagonista nin na narración do autor, cargada de tenrura, consciente do simbolismo afectivo e sentimental atribuído universalmente a este órgano. Imposible tampouco non se conmover co segredo de Matías, que nos revela a xenerosidade sen límite e capacidade de sacrificio do que ama verdadeiramente.

 

 

Sopa de xarope de amora

Sopa de xarope de amora

Xosé A. Neira Cruz (Textos) e Marta Álvarez Miguéns (Ilustracións)

Xerais

88 p. ; 13,50 €

 

Sopa de xarope de amora é, segundo o ditame do xurado, "unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmosfera que estimula a imaxinación". A "crítica social" supón"o trasfondo que está ao longo de toda a obra". A peza conta a historia do doutor Amorodo, un científico ao servizo das casas reais que recibe encargos estrafalarios e está namorado de dona Chismunda. "Son reinos diminutos, que lle darán ao doutor ultimatos para que consiga casar as súas fillas, ou senón decláranlle a guerra... O título vén da sopa que fai a súa ama de chaves, e el tenta descubrir cal é a receita..."

 

IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil

 

 

Lu e Go pola muralla

Lu e Go pola muralla

Antonio Reigosa

Obradoiro

144 p. ; 8 €

 

Nunca antes un paseo polo adarve da muralla romana de Lugo resultara tan accidentado. Un gato e un rato, Lu e Go, un negro e outro branco, comezan unha aventura cando escoitan unhas palabras de Álvaro Cunqueiro que sospeitan da existencia dun fabuloso tesouro na cidade. Unha viaxe instintiva, divertida, iniciática, circular, onírica...

 

 

 

 

 

Xuvenil

Palabras envelenadas

Palabras envelenadas

Maite Carranza [Trad. de Ricardo Fernández Sabín]

Rodeira

261 p. ; 9,60

 

¿Que pasou con Bárbara Molina? Nunca se encontrou o seu corpo nin se conseguiron probas para deter ningún culpable. Unha chamada a un móbil pon patas arriba o destino de moitas persoas: o dun policía a piques de se xubilar, o dunha nai que perdeu a esperanza de atopar a súa filla desaparecida, o dunha rapaza que traizoou a súa mellor amiga.

 

Palabras envelenadas é unha crónica dun día trepidante, vivido contra o reloxo e protagonizado por tres persoas próximas a Bárbara Molina, desaparecida misteriosa e violentamente cando tiña quince anos. Un enigma que, despois de catro anos sen se resolver, vaise ver sacudido por novas claves. Ás veces, a verdade permanece oculta na escuridade e só se ilumina ao abrir unha xanela. Unha historia de mentiras, segredos, enganos e falsas aparencias que pon o dedo na chaga sobre mitos incuestionables.

 

Un relato arrepiante que disecciona a hipocrisía da sociedade española moderna. Unha denuncia valente dos abusos sexuais infantís, as súas devastadoras consecuencias e a súa invisibilidade neste mundo benpensante noso.

 

 

Ninguén nace antetempo...

Ninguén nace antetempo...

David D. Vázquez Álvarez

Baía

344 p. ; 13,90 €

 

O rol da muller sempre foi o mesmo. A loita pola súa condición de igual aos homes comezou coa humanidade mesma. Non resulta unha reivindicación dos tempos actuais, senón que é máis ben unha pelexa que empeza nos albores da prehistoria.

 

Zor e Mae, unha parella de rapaces, descobren que existe algo máis que violencia no acto de apareamento, na submisión amosada polas femias do clan.

 

Danse conta ao mesmo tempo de que as frecuentes malleiras que as femias reciben non teñen razón de ser.

 

Xuntos experimentan unha morea de sensacións descoñecidas. Intúen a existencia dun novo sentimento que ninguén aceptará. As súas ideas resultan inadecuadas e ameazantes para os machos do grupo que mesmo rematan por condenalos ao desterro, ante a crenza de que estaban posuídos polos malos espíritos. 

 

O segredo de Marco Polo

O segredo de Marco Polo

Francisco Castro

Galaxia

208 p. ; 9,50 €

 

Nesta nova novela, publicada na colección Costa Oeste de Galaxia, o autor viaxa á Venecia do século XIII para construír unha historia de amor entre un xove soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que ten anulada a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada por este a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa, xa que logo é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que, xa contra o final da súa vida, vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura.

 

Polo medio, un enigma, un segredo como suxire o título, que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.

 

 

 

E moitos moitos máis ...