Biblioteca máxica


 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                                                                                                                                           

Pingueiras e tarteiras

Os de arriba e os de abaixo

Grisela

Makinaria

Cocorico

Kali

A herdanza do marqués

Dunha vez era... unha montaña

O peto de cartón. Conversas literarias cun vello mestre

 

 

Prelectores

Os de arriba e os de abaixo

Os de arriba e os de abaixo

Paloma Valdivia (Textos e ilustracións) [Trad. de Manuela Rodríguez]

Kalandraka

36 p. ; 13 €

 

Este álbum destaca pola sinxeleza e orixinalidade da súa proposta narrativa e estética. Parte da concepción do mundo ao revés, dunha especie de reflexo da realidade nunha dimensión paralela.

 

Lonxe de imaxinar que practican estilos de vida diferentes ou antagónicos, o plantexamento consiste en que son mundos que conviven, comparten costumes e se complementan, coa única diferenza de que os acontecementos transcorren en planos opostos... que se se dobran, poden atoparse e coincidir. Un álbum para ler do dereito ou do revés, a gusto do lector; ideal para compartir a dúas bandas.

 

As ilustracións preséntannos unha peculiar veciñanza, con personaxes de formas básicas, esceas simétricas, cores suaves e cálidas.

 

Cocorico

Cocorico

Marisa Núñez (Textos) e Helga Bansch (Ilustracións)

OQO

36 p. ; 11,90 €

 

Cocorico é un poliño que vive feliz coa súa nai. Un día que Mamá Galiña vai facer biscoito, o pitiño ofrécese a ir pola leña para acender o forno. Cando está en plena faena, aparece un gato enorme e malvado que o quere devorar. De milagre, Cocorico salva a vida porque lle promete que lle dará a metade da merenda. Mais, unha vez pasado o perigo, o lambón de Cocorico esquece o trato e come o biscoito enteiro. A mamá anóxase: vai vir gato pelado e vaite comer dun bocado! Nisto escoitan un ruído na porta: É gato pelado reclamando a súa metade de biscoito…

 

Cocorico constitúe unha adaptación libre dun conto tradicional birmano co que os máis pequenos aprenden a compartir, a cumprir as promesas e a escoitar os consellos daqueles que saben máis.

 

O pitiño provoca a furia do Gato ao non lle deixar ren da merenda, porén, coa axuda da comprensiva Mamá Galiña, sempre protectora co seu pequeno, este acabará por aprender a lección.

 

  

Grisela

Grisela

Anke de Vries (Textos) e Willemien Wim (Illustracións) [Trad. de Arianne Faber e Pilar Martínez]

Faktoría K

32 p. ; 13 €

 

Un día, Grisela atopouse moi triste, tan triste coma o seu pelame gris.

«Teño que facer algo», pensou.

Colleu un bote de pintura vermella e dixo:

-Se me pinto dunha cor alegre, seguro que me poño contenta.

 

...Probou con todas as cores, pero Grisela non se sentía mellor pintándose de ningún xeito: nen de vermello, nen de verde, nen de amarelo, nen a raias, nen de flores porque os demais animais facían burla dela. Entón meteuse na auga...

 

Un relato sinxelo sobre a importancia de ser un mesmo, que se complementa con imaxes xoguetonas, que resaltan sobre fondos limpos, recurtando as figuras. A composición visual combina a cor con aplicacións de lapis e papel, a modo de collage.

 

 

Infantil

Dunha vez era... unha montaña

Dunha vez era... unha montaña

Ánxeles Ferrer (Textos e ilustracións)

Everest Galicia

48 p. ; 6,75 €

 

Llum é o fogar de moitos animais e de moitas plantas. Nunha das súas abas acubilla unha pequena vila á que lle gusta agarimar e protexer. Pero un día esperta a cobiza dos seus habitantes e a montaña, ao ver o regueiro de destrución que os homes deixan ao seu redor, acaba por se converter en terra queimada. Moi lonxe de alí, unha nena soñará con Llum e conseguirá reanimar o seu maltratado corazón de cinza.

 

 

Pingueiras e tarteiras

Pingueiras e tarteiras

Teresa González Costas (Textos) e Rodrigo Chao Blanco (Ilustracións)

Xerais

80 p. ; 13,50 €

 

No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña Otilia ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chegan pola porta os catro membros do Circo do Paraugas: Chapeu Torto, o director-capitán; Culleriña, a funambulista-tripulante; Pelo Teso, o mimo-tripulante e Zapatóns, o pallaso-tripulante. Na sala do Castelo Grisallo, onde todos os días eran iguais, os membros do Circo do Paragugas coas súas brincadeira e xogos rematarán co soberano aburrimento. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendorosa- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.

 

Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa, a peza gañadora do IIIº Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi definida no ditame do xurado como unha "apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos”. Unha obra que recorre a xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida gris dun castelo.

 

Kali

Kali

Amparo Gómez Cuerpo

Ir Indo

64 p. ; 10 €

 

Nunha mestura fantástica de mito e realidade desenvólvese esta historia chea de misterio e intriga. Nela cóntase o que lle pasou a Kali, unha nena xitana. A partir da vida dos seus antepasados móstranse os costumes deste pobo desde a súa aparición na Europa do século XV ata os nosos días.

 

 

 

 

Xuvenil

Makinaria

Makinaria

Carlos Negro

Xerais

80 p. ; 10,45 €

 

Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.

 

 

 

O peto de cartón. Conversas literarias cun vello mestre

O peto de cartón. Conversas cun vello mestre

Manuel Mariño del Río

Toxosoutos

104 p. ; 7 €

 

O Peto de cartón. Conversas literarias cun vello mestre traza unha historia da lingua e da literatura galega a través dos diálogos entre Xacobe, un mozo de catorce anos, e un mestre xa xubilado.

 

O relato, ambientado na vila de Porto do Son, fornécese, ademais, dun trasfondo mariñeiro no que o mar, a vida e a morte están presentes nos cantís do tempo.

 

 

 

 

A herdanza do marqués

A herdanza do marqués

Conchi Regueiro (Textos) e Noemí López (Ilustracións)

Baía

296 p. ; 13 €

 

Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan.

 

Xandra ben coñece eses enigmas: forma parte deles, tan ao seu pesar. Esa ancestral maldición dos Corredores da que nin ela nin a súa familia conseguen fuxir e que tanto lle complica a vida.

 

A herdanza do marqués é a historia da súa amizade, das sombras ameazantes que espreitan, da vella historia da casa Ervedelo e da aínda máis antiga dos Negro e o Marqués de Vilacardoso, da calor abafante, das lendas sinistras e das ofertas temibles. Coidas que serás capaz de pasar as súas páxinas sen ter arrepíos?

 

Escrita en primeira persoa por cada unha das protagonistas desta intrigante historia, mostra dous vehículos distintos e, á par complementarios, de narrar: o tradicional, en que Xandra nos fai partícipe das súas preocupacións e vivencias directamente, e o propio das charlas pola Internet, en que Zoila non se dirixe directamente ao lector, senón aos seus amigos da cidade. Pode verse, tamén, como un xogo de irmandade entre o rural e o urbano, entre a modernidade e a tradición, entre o pasado e o presente, posto ao servizo da resolución dun enigma que condiciona os dous mundos. 

 

 

 

E moitos moitos máis ...