Biblioteca máxica


 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

                                                                                                                                           

A volta ao mundo en 80 días

A historia do Rainbow Warrior

O tesouro de Saída

Aloumiños

Bícame profe

Estás na lúa

Unha chea de familias

A noite das mudanzas

O tempo do revés

 

 

Prelectores

Aloumiños

Aloumiños

Antonio García Teijeiro (Textos) e RuAn (Ilustracións)

Galaxia

32 p. ; 6,50 €

 

Libro de poemas para os máis pequenos.

 

Poemas cheos de música, todos eles, dalgunha maneira e como recolle o título, verdadeiros aloumiños, caricias de poesía e versos. Un libro que quere demostrar o gozosa que pode ser a poesía cando é contada/cantada como o fai o autor destes beixos en xeito de palabras.

 

 

 

A noite das mudanzas

A noite das mudanzas

Pep Bruno (Texto) e Lucie Müllerová (Ilustracións)

OQO Editora

40 p. ; 11,90 €

 

Granxeiro Leiro daba voltas e máis voltas na cama, pero non podía durmir: esquecera tomar o seu vaso de leite! Ergueuse con idea de ir muxir a vaca, pero aquela era a noite das mudanzas e, cando chegou á corte, atopou...

 

Nos máis pequenos existe unha curiosidade innata polos animais e as súas características. Isto sumado ao pensamento animista, que fai que, por simple analoxía, os cativos atribúan aos animais a capacidade de pensar, actuar ou falar como os humanos, dá lugar a que os contos de animais satisfagan o imaxinario infantil.

 

Este álbum permitirá aos máis pequenos o achegamento aos animais da granxa dunha maneira distinta e divertida. Cunha proposta de texto sinxela pero lúdica e imaxinativa, o álbum apóiase na complicidade da imaxe e na súa intensidade narrativa para provocar nos lectores a curiosidade, a sorpresa e, finalmente, o sorriso. Un libro para adiviñar o que vai pasar, para recordar o que hai detrás de cada páxina, e para descubrir até onde pode chegar a imaxinación exaltada dos animais nunha noite de mudanzas.

 

A ilustradora checa Lucie Müllerová crea simpáticos personaxes co seu orixinal e particular imaxinario creativo, dando aos animais do conto unha personalidade propia, reforzando o sentido humorístico do texto.

 

A historia do Rainbow Warrior

A historia do Rainbow Warrior

Rocío Martínez (Textos e Ilustracións) [Trad. de Laura Almazán]

Kalandraka

36 p. ; 15 €

 

Dúas baleas nadaban nun mar xeado. A máis pequena lacazaneaba. Non quería facer unha viaxe que con toda seguridade sería longa. A máis grande empurrábaa suavemente e cantáballe unha historia: «Hai anos, cando os homes comezaron a construir barcos de corazón mecánico, un día crearon o primeiro para protexer a nosa especie...»

 

En 1978 un barco coas cores do arco da vella comezou a sucar os mares e océanos do planeta para denunciar ante a humanidade a caza indiscriminada de baleas e focas, a contaminación provocada polos residuos tóxicos e radiactivos, as explotacións petrolíferas e de gas, o uso de redes mortíferas para especies mariñas indefensas...

 

A autora e ilustradora Rocío Martínez ideou este libro a partir da recreación dunha escena familiar: o ecoloxista Alberto de la Fuente Galeano contáballe á súa filla a historia do buque, que debe o seu nome a unha profecía dos indios Cree: "Chegará un tempo no que os paxaros caerán do ceo, os animais dos bosques morrerán, o mar ennegrecerá e os ríos correrán envelenados. Nese tempo, homes de todas a razas e poblos uniranse como guerreiros do arco da vella para loitar contra a destrucción da Terra".

 

Greenpeace aprobou a realización da obra e certificou que cumpre cos requisitos do proxecto "Libro Amigo dos Bosques", porque na súa elaboración utilizouse papel fabricado a partir de madeira procedente de plantacións ambientalmente sostibles.

 

Dende o punto de vista estético, Rocío Martínez amosa con este traballo unha evolución cualitativa na súa traxectoria artística, con imaxes de moita plasticidade, cun manexo elegante da cor e unha gran delicadeza de trazos.

 

 

Infantil

Unha chea de familias

Unha chea de familias

Xosé Antonio Neira Cruz (Textos) e Rodrigo Chao (Ilustracións)

Galaxia

44 p. ; 18 €

 

Un autor consolidado no panorama da literatura infantil galega e un novo ilustrador de calidade incuestionable xunguen esforzos a prol desta obra que vai dar que pensar.

 

Mariña pregúntase cántos tipos distintos de familias pode haber. De feito, a familia de Mariña é diferente. Na familia de Mariña non hai mamá. Seu pai vaina acompañar nunha curiosa excursión polo edificio no que viven na procura de tipos de familias. A conclusión á que van chegar é que efectivamente hai unha chea de familias.

 

En tempos de redefinición da estrutura familiar, coa aparición de novas formas de convivencia, novas formas de parella, novas maneira de ser pai ou nai, os lectores e as lectoras máis novas tamén necesitan entender que as fronteiras da familia son amplas e están abertas. Velaquí unha das funcións que vén a cumprir este álbum ilustrado no que unha historia atraente e actual se xungue cunha estética desde o punto de vista do tratamento da imaxe que chama poderosamente a atención.

 

Estás na lúa

Estás na Lúa

Carmen Montalbán (Textos) e Pilar Millán (Ilustracións) [Trad. de Laura Almazán]

Kalandraka

112 p. ; 15 €

 

A túa avoa perdeu a cabeza -díxome aquel día a tía Fatma, cando volvín da escola. Á vez que poñía as sandalias, sacudiu o meu coxín e achegoume o prato. Logo saiu. Daba uns pasos tan rápidos, que a area que levantaba do deserto comezou a flotar na miña sopa e a pegarse entre os meus dentes.

Porque, como é natural, eu tiña a boca aberta. Quería pedirlle á tía Fatma que repetira en hassania, o noso idioma, iso de que a avoa perdera a cabeza. Tía Fatma a penas sabía español. Era raro que non se trabucara. Diría «cabeza» onde tenía que dicir «teteira», por exemplo.

 

Baraka é unha nena de doce anos que vive nunha tenda do deserto coa súa nai, as súas tías e a súa avoa Bahía. A enfermidade do Alzheimer comeza a arrincarlle a esta última as súas lembranzas. Ese terrible mal simboliza tamén o esquecemento que se cerne como unha ameaza sobre o seu pobo: expulsados hai máis de 30 anos do Sahara Occidental, habitan na inhóspita Hamada arxelina e só os anciáns sinten o baleiro que deixa o desterro da súa patria e o desarraigo; os novos coñécena de oídas porque endexamais a pisaron.

 

Bahía légalle á súa neta unha herdanza inmaterial de valor incalculable: a súa memoria, un elemento que actúa como fío argumental do relato, ao que se engaden outros aspectos, como a importancia da transmisión oral da cultura, as relacións familiares, a amizade, ou o contraste entre a vida precaria nos campamentos de refuxiados e as comodidades do mundo desenvolvido.

 

Carmen Montalbán plasma nesta historia a fonda impresión da súa estanza en Tinduf, a fascinación pola paisaxe do deserto, a hospitalidade da súa xente. O resultado, unha obra comprometida no fondo, sensible na forma, didáctica no seu percorrido literario polo mundo, tenra polo vínculo creado entre neta e avoa; un libro que entra polos sentidos, como o té: suave, amargo e doce, como o amor, a vida e a morte.

 

As acuarelas de Pilar Millón aportan calidez e colorido, transpórtannos ao reino da area, aos seus espazos e costumes; mais tamén ao mundo das emocións, os soños e os símbolos evocadores, como a Lúa. .

 

 

O tempo do revés

O tempo do revés

María Solar (Textos) e Xosé Tomás (Ilustracións)

Baía Edicións

56 p. ; 12 €

 

"Ana, estás aí? Son Aldara, a nena galega. Estás aí, Ana?" Aldara fixo unha amiga na Arxentina pola internet e quedou con ela para chatear ao día seguinte ás sete da tarde. Ana non apareceu.

 

Que misterio! Pero hai unha explicación, todo ten que ver con que a Terra é redonda. Se aínda non o entendes, vas ter que ler esta aventura de Aldara.

 

Inclúe divertidos proxectos!.

 

 

Xuvenil

A volta ao mundo en 80 días

A volta ao mundo en 80 días

Jules Verne

Xerais

368 p. ; 12,50 €

 

Phileas Fogg, un frío gentleman inglés, acompañado de Passepartout, enfróntase coa aposta de que será capaz de dar a volta ao mundo en 80 días. Para demostralo, Fogg xoga 20.000 libras (a metade da fortuna que posúe). Uns días antes da súa partida, en Londres ocorre un roubo nun banco e o detective Fix sospeita de Fogg pola cantidade de diñeiro que leva enriba e pola repentina saída de Inglaterra. Esta viaxe realízase engaiolando o lector co engado de lle procurar resposta a unha pregunta dobre: ¿Estarán de volta dentro do tempo establecido? ¿Será Mr. Fogg o ladrón, tal e como pensa Fix?

 

 

O tesouro de Saída

O tesouro de Saída

Eva Peydró [Trad. de Inma Seage Freire]

Planeta & Oxford

200 p. ; ¿? €

 

Queres adiviñar que teñen en común o mar Caribe e o deserto do Sahara? Pronto saberás que todo o mundo pode agochar, descubrir e compartir un tesouro de valor tan incalculable coma a amizade, a solidariedade e sobre todo a vida. Entre piratas desapiadados, oasis e camelos, con Fernando e Saida, has atopar o teu tesouro.

 

 

Bícame, profe

Bícame profe

Kazuma Kodaka [María do Carme Pampín Otero]

Ediciós do Cumio

200 p. ; 8,90 €

 

Atsushi-kun está namorado do su antigo veciño e amigo Maachan, e trata de matricularse no Instituto Jyogaoka para poder estar preto del nos próximos tres anos.

 

 

 

 

 

E moitos moitos máis ...