|
Participarán
Xoán
Abelleira, Rosa Aneiros, Yolanda Castaño,
Lupe Gómez, Manuel Rivas, Cesáreo
Sánchez Iglesias e Xavier Seoane, acompañados
pola música de Berrogüeto
Poetas
galegos homenaxean a John Berger nun acto poético-musical
(29-Xuño-2010)
O
edificio do cárcere provincial da Coruña
acollerá mañá mércores
unha homenaxe poético-musical ao escritor
londinense John Berger.
Terra
Berger
é unha iniciativa na que a poesía e
a música
se converten en protagonistas. Unha homenaxe a un
escritor que na súa traxectoria fixo visíbeis aos oprimidos, excluídos
da sociedade, puxo voz a unha persoa privada de liberdade polas súas
ideas, recollendo os seus sentimentos máis íntimos na longa reclusión, e a
súa vez o dolor da persoa amada que vive o da a da coa sa presenza
invisible. Neste acto os poemas de John Berger
serán recitados polas voces de Xoán Abelleira, Rosa Aneiros,
Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Manuel
Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias e
Xavier Seoane, e estarán acompañados
pola música en directo de Berrogüeto.
O acto dará comezo ás 20.30 h. A entrada será de balde recollendo a
invitación previamente no propio cárcere en horario de 11.00
h. a
14.00 h. e de 18.00 h. a 21.00 h.
|
|
|
|
A
gañadora coñecerase na vindeira primaveira
Sol
de Inverno, de Rosa Aneiros, é unha das
cinco novelas finalistas do Premio Casino de Santiago
(29-Xuño-2010)
Sol
de Inverno (Xerais), a novela gañadora
do Premio Xerais do 2009, é unha das cinco
obras finalistas do premio de novela europea Casino
de Santiago, que este ano chega a súa oitava
edición.
O
traballo de Rosa Aneiros competirá coas novelas:
La puerta de los infiernos (Salamandra)
de Laurent Gaudé, A muller do mediodía
(Sotelo Blanco) de Julia Frank, Otras islas (RBA)
de Manuel de Lope e La extraña desaparición de Elmex Lennox (Salamandra)
de Maggie O’ Farrell.
A
novela gañadora coñecerase na vindeira
primaveira. As obras finalistas estarán expostas
no Corte Inglés, principal patrocinador do
evento. O resultado das votacións seran porcentuais
en tres grupos: votos depositados no Casino de Santiago
ou no Corte Inglés, votos dos socios do Casino
de Santiago e votos de representantes de institucións
de Santiago de Compostela.
Este
premio foi acadado en edicións anteriores
por escritores de grande sona internacional, como
Ian Mc Ewan por Expiación (Anagrama),
Simonetta Agnelo por A Mennulara (Galaxia),
Anna Gavalda con Xuntos e mais nada (Galaxia),
Kazuo Ishiguro con Nunca me abandones (Galaxia),
Zadie Smith por Sobre a beleza (Galaxia),
Sarah Waters por A rolda nocturna (Galaxia)
e Sandro Veronesi por Caos calmo (Anagrama),
na última edición.
|
|
|
|
1958-1996
Lois
Pereiro, homenaxe das Letras Galegas no 2011
(28-Xuño-2010)
O
Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión
ordinaria o pasado día 26 de xuño,
acordou dedicar o Día das Letras Galegas
de 2011 ao monfortino Lois Pereiro (1958-1996).
Lois Pereiro naceu en Monforte de
Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid onde cursou
estudos de Políticas, que logo abandonou polos idiomas e a informática.
Na cidade madrileña fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e
Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro
números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do
escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas
para unha loia (1996), libro no que se inclúe o ensaio "Modesta
proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica
historia universal da infamia", que fora dado a coñecer ese mesmo ano
nas páxinas da revista Luzes de Galiza.
De regreso ao país, onde compaxinou
profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, figurou nas
antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e
desamor (1984) e De amor e desamor II (1985),
compilacións nas que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo
Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio
Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias, mais
que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas
deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista.
Sempre reticente á difusión
individual do seu traballo, foi non obstante colaborador de non poucas
empresas de fasquía renovadora, de aí a participación en consellos de
redacción e mailos artigos, poemas e relatos espallados por La Naval,
Trilateral, Das Capital ou Luzes
de Galiza, onde viron a luz -amais do ensaio xa citado- os oitos
primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do
paradiso. Nesta mesma liña actuou como letrista con Radio Océano e
redactou guión televisivos.
En vida, Pereiro só publicou dúas
obras, Poemas 1981/1991 (Positivas, 1992), na que segundo consta na contracapa se recollen
"tódolos poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta"; e Poesía última de amor e enfermidade (Positivas, 1995), duros e espidos poemarios nos que se fan
patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura
xermánica e certos trazos da contracultura.
Lois Pereiro demorado e morno na
publicación dos seus artigos cultivou desde os inicios unha imaxe e unha
estética que logo fixeron del un autor de culto. Cartografou coma
ningúen o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o
individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo
centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente,
mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso
reflexivo, acuciante e non retardario.
A morte sobreviríalle na cidade da
Coruña no ano 1996.
Esta enerxía
xa non vai ter fin,
non foi creada nin
destruída.
Irá ocupando
diferentes vidas,
transformándose
en emocións alleas
tatuadas noutros
corpos paralelos,
en simultáneas
procesións
sen pausa.
[Poesía última
de amor e enfermidade, Positivas]
|
|
|
|
En
defensa do Poleiro
Os
escritores únense para salvar o Mosteiro
de Celanova
(25-Xuño-2010)
A
Plataforma en Defensa do uso público do Mosteiro
de Celanova organiza mañá sábado
unha xornada reivindicativa para evitar que o Instituto e o Centro de Servizos Sociais sexan desaloxados do Mosteiro.
No
programa de actividades, que comezará ás
17.30 h., presentarase o libro En defensa do
poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova,
publicado pola editorial Toxosoutos, e que representa
o veredicto unánime de moitos escritores
galegos en contra da tentativa de privatizar a parte
do mosteiro de Celanova que ocupa o instituto,
un ben que é patrimonio de todos e que está
destinado ao seu mellor uso, a formación
pública. É a voz clara da cultura
contra os escuros intereses especuladores. As contribucións
literarias dos máis de sesenta autores que
conforman esta publicación, son totalmente
inéditas. En defensa do poleiro podemos
atopar escritos de autores como Darío Xohán
Cabana, Anxo Angueira, Xosé Vázquez
Pintor, Bieito Iglesias, Francisco Castro, Olga
Patiño, Marilar Aleixandre ou Xosé
Neira Vilas.
A
xornada continuará ás 18.30 h. coa
presentación do vídeo promocional do
IES de Celanova O
IESplicable,
dirixido por Bruno Nieto e rematará ás
19.00 h. cunha manifestación que transcorrerá
pola rúas da vila, e a lectura dun Manifesto
na praza Maior ao remate da mesma.
[Presentación
de En
defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos
en Celanova]
|
|
|
|
Este
ano chega a súa XXXVI edición
O
certame de narracións breves 'Modesto R.
Figueiredo' celebrarase por vez primeira en Vilagarcía
(25-Xuño-2010)
Vilagarcía
de Arousa será por vez primeira a sede
do Certame Galego de Narracións Breves
“Modesto Rodríguez Figueiredo” que
no 2010 acada a súa trixésimo sexta
edición. O premio literario, que hoxe
se presenta na capital arousán, está
organizado pola Fundación do Padroado
Pedrón de Ouro.
[Bases
do XXXVI Certame 'Modesto R. Figueiredo]
|
|
|
|
Festa
literaria
Xosé
Ramón Barreiro recibirá este domingo
o Premio Trasalba 2010
(25-Xuño-2010)
O
escritor, historiador e expresidente da Real Academia
Galega Xosé Ramón Barreiro recibirá
este domingo, na Fundación Otero Pedrayo,
o premio Trasalba 2010. Este premio, de carácter
honorífico, recompensa o labor cultural e galeguista de distintos persoeiros.
Os
actos programados para esta Festa Literaria principiarán
en Trasalba, concello de Amoeiro, ás 9.30
h. con dianas e alboradas. Unha hora máis
tarde o párroco de Santa Uxía de Mandía
(Ferrol) Xoaquín Campo Freire ofrecerá
unha misa en memoria de Ramón Otero Pedrayo.
Previo ao acto central da entrega a Xosé
Ramón Barreiro do premio Trasalba 2010, con
laudatio de Xosé Luís Méndez
Ferrín, presentarase o libro Poesía,
de Ramón Otero Pedrayo, en edición
de Xesús Alonso Montero, publicado por Editorial
Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo.
[Programa
de actos da entrega do Premio Trasalba 2010]
|
|
|
|
Nesta
edición, que organiza bianualmente a Deputación
da Coruña, presentáronse 78 obras
Manuel
Darriba logra o González Garcés de
Poesía
(23-Xuño-2010)
A obra Os indios deixaron os verdes prados, do
escritor e xornalista Manuel Darriba foi elixida
gañadora do XV premio de poesía “Miguel González Garcés”, convocado pola
Deputación da Coruña.
A concesión do xurado, formado
nesta edición por Manuel Álvarez Torneiro, Xosé Mª
Álvarez Cáccamo, Xavier Lama, Ánxeles Penas e Henrique Rabuñal,
decidiu por unanimidade
seleccionar a obra do xornalista sarriano de entre as 78 obras presentadas.
O comisario do certame Xavier Seoane
destacou de Os indios deixaron os verdes prados o seu “rico mundo sensorial” , así como “a captación da cotianidade con metáforas visionarias e
irracionais”. Segundo Seoane, trátase dun libro “denso e orixinal”,
que amosa “madurez e forza expresiva”, cunha elevada perfección formal,
plasmada en versos libres, e tendente ao sintético, “con poemas breves e
concisos, de elevada concentración”.
Os
premios en poesía non son nada novos para
Manuel Darriba, quen xa gañara o premio Espiral
Maior por Vostede non sabe con quen está
a falar no ano 2005. En narrativa foi merecedor
do Lueiro Rey pola novela curta Velada do billarista.
O seu traballo máis recente é Branco,
publicado o pasado ano pola editorial Galaxia.
|
|
|
|
Nas
modalidades de lingua castelá e lingua estranxeira,
as obras gañadoras foron
El país
de la canela (Norma) de William Ospina
e El día antes
de la felicidad (Siruela) de Erri de
Luca
Areaquente,
de An Alfaya, gaña o premio San Clemente
(23-Xuño-2010)
An
Alfaya e a súa novela Areaquente (Sotelo
Blanco) foi premiada polos alumnos dos cinco centros
de educación secundaria que este ano formaron
parte do xurado da XVI edición dos premios
San Clemente na modalidade de novela galega.
Estes
premios, organizado polo IES Rosalía de Castro
de Santiago de Compostela, ten a particularidade
de estar composto por un xurado formado por
alumnos de institutos das catro provincias galegas,
un por cada provincia e o IES Rosalía de
Castro como entidade organizadora. Este ano os centros
participantes foron o IES
Xulián Magariños de Negreira, o IES
de Allariz, o IES do Castro de Vigo e o IES
Perdouro de Burela.
Areaquente
competía con outras dúas novelas,
A praia dos afogados (Galaxia) de Domingo
Villar e O Cabo do Mundo (Xerais) de Xavier
Quiroga. Nas outras dúas modalidades, novela
en castelán e novela estranxeira, as obras
gañadores foron El país
de la canela (Norma) de William Ospina e El día antes
de la felicidad (Siruela) do italiano Erri de
Luca, respectivamente.
|
|
|
|
Os
días 18 e 19 de xuño na Praza de Arriba
Arranca
a II Festa do Libro e da Lectura no Grove
(18-Xuño-2010)
A
Praza de Arriba de O Grove acolle esta fin de semana
a II Festa do libro e da lectura, que acollerá
multitude de actividades como presentacións de libros, sinaturas,
homenaxes a escritoras
premiadas, música de cantautor, proxeccións, danza, recitais.
música, teatro e un encontro con autores e
autoras da comarca. Esta II Festa está organizada pola Concelleria de Cultura en colaboración coa Agrupación de Libreiros do
Grove (Besada, As Cortiñas e Papiro) e o IES As Bizocas.
[Programación
da II Festa do Libro e da Lectura]
|
|
|
|
Lilainas
constitúe unha homenaxe as mulleres de Sanxenxo
A
libraría Nós publica un novo libro
sobre Sanxenxo
(18-Xuño-2010)
A
libraría Nós de Sanxenxo, rexentada
polo expresidente da Federación de Libreiros
de Galicia e actual tesoureiro da mesma, Xaime Corral,
ven de editar un novo título dentro da súa
colección de publicacións dedicadas
a Sanxenxo.
Lilainas,
do escritor local Antonio Castro Martínez,
é un libro de relatos que, partindo do Sanxenxo
da infancia sito na lembranza, constitúe
unha homenaxe as mulleres de Sanxenxo, coñecidas
baixo o xentilicio de "lilainas".
Lilainas
ven a sumarse á activa acción cultural
da libraría Nós, onde, amais de convocar
anualmente o premio de investigación Luis Cuadrado,
ten publicados os libros El vuelo de la gaviota,
de Carlos Quintiá; Luz, viento, arena
y mar (Sanxenxo en siete cuentos) de Antonio
Castro Martínez e Pasaxes na memoria.
Historia e testimonios dos represaliados políticos
do concello de Sanxenxo (1936-1950) de Mª
Elisa Franco Torres.
|
|
|
|
O
venres 18 de xuño ás 22.30 h.
Ourense
celebra o Festival músico-literario EBA 5.0
(18-Xuño-2010)
A
Praza Maior de Ourense acollerá esta noite
o festival EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco
Amor 50 anos despois de A esmorga, un espectáculo músico-literario coa actuación da Banda Municipal de Ourense,
a Banda Ourensóns, Burgas Beat, Gomes Mouro, Guezos, Magritte, María do
Ceo, O Sonoro Maxín, Os Perqtores, Sólidos Galicianos e a animación dos
cabezudos de A Esmorga. O festival repousará sobre unha fabulación de
Fernando Dacosta, Josito Porto e Suso Díaz, de Sarabela Teatro.
O
espectáculo dará comezo ás
22.30 h.
|
|
|
|
Impulsada
pola Fundación Manuel María de Estudos
Galegos, conta co apoio da Área de Cultura
da Deputación de Lugo
Todo
listo para a Casa Museo Manuel María
(18-Xuño-2010)
Este
mércores presentouse no salón de actos da Deputación de Lugo o proxecto
que está a desenvolver a Fundación Manuel María de Estudos Galegos,
impulsado co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, para
converter a casa natal do escritor chairego en Casa Museo do Escritor.
No acto de presentación estiveron xunto ao vicepresidente da Deputación
Antón Bao, Saleta Goy, viúva de Manuel María e
presidenta da Fundación, Alberte Ansede, Secretario da Fundación,
Severino Rodríguez, alcalde de Monforte de Lemos e Xan Casabella e Xosé
Díaz Vieites, responsábeis técnicos do proxecto. Do mesmo xeito, tamén
participou o escritor Camilo Gómez Torres para falar na presentación do
libro inédito de Manuel María, recentemente publicado, Cecais hai unha
luz.
Actualmente, a casa natal de Manuel María constitúe a vivenda habitual
do seu irmán Xosé María, a súa dona Xosefa e o fillo destes Xosé Antón,
cos que a Fundación Manuel María acaba de chegar a un
principio de acordo que deberá posibilitar a construción dunha nova
vivenda para eles e o futuro acondicionamento para museo da casa natal
do poeta, coñecida como Casa de Hortas.
Dito inmoble está situado no mesmo centro de Outeiro de Rei e foi
construído no ano 1891 polos avós de Manuel María. É unha típica casa de
labregos acomodados cunha fermosa finca de máis de 2.000 metros
cadrados.
A realización do proxecto suporá a restauración dunha vivenda que é
prototipo da casa chairega, unha destacada mostra do rico patrimonio
artístico-cultural da Chaira luguesa. Nela preténdese dar acollida ao
interesantísimo legado de Manuel María que contén elementos culturais,
artísticos e académicos de alto valor. Alí preténdese ubicar a
importante biblioteca do escritor, unha das mellores coleccións
particulares do libro galego, así como o seu significado fondo
artísticos que contén obras de Castelao, Urbano Lugrís, Carlos Maside,
Laxeiro, Luís Seoane, Sucasas, Alfonso Abelenda, Manuel Torres, Blas
Lourés, Raimundo Patiño, Xavier Pousa, Argüelles, Balboa, Díaz Pardo,
Castro Gil... Son tamén numerosos e interesantes os documentos
manuscritos, videográficos, fotográficos, etc., tanto de Manuel María
como doutras figuras relevantes da época, que se reunirían nesta
institución.
A maiores do apoio da Área de Cultura da Deputación, que amparou desde
un inicio o proxecto da casa museo de Manuel María, con esta finalidade a
Fundación Manuel María está a recibir apoios por parte de diferentes
institucións públicas, empresas privadas e de particulares, como o
Concello de Monforte e a Deputación da Coruña, cidades ás que Manuel
María estivo moi vinculado na súa madurez e nos últimos anos da súa
vida, respectivamente. Estes apoios posibilitáronlle á Fundación dar o
primeiro paso de compromiso de adquisición da casa do escritor. Mais,
dada a envergadura do proxecto no seu conxunto, a Fundación Manuel María
de Estudos Galegos está dando a coñecer o proxecto en distintas cidades
e vilas do país para así canalizar as colaboracións dos particulares
mediante a achega de todo tipo de obxectos que teñan a ver con Manuel
María (cartas, tarxetas, fotos, postais, vídeos, conferencias…) e mesmo
de achegas económicas para a realización da iniciativa..
|
|
|
|
Gallego
Jorreto foi fundador do Museo do Pobo Galego
A
Fundación Curros Enríquez entrega
o seu premio annual 'Celanova, Casa dos Poetas'
ao escultor Manuel Gallego Jorreto
(18-Xuño-2010)
A
Fundación Curros Enríquez fixo entrega
do seu premio annual 'Celanova, Casa dos Poetas'
ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Este premio
pretende homenaxear un galego que ó longo da súa vida
se teña significado pola defensa dos valores culturais de
Galicia
no máis amplo sentido da palabra.
Manuel
Gallego Jorreto, natural do Carballiño, é
licenciado en Arquitectura pola Universidade Politécnica de Madrid. Foi membro fundador do Museo do Pobo Galego en 1976, e así mesmo, membro do Seminario de Estudos Galegos
no ano 1980 e da Fundación
Luis Seoane en
1996.
O
premio 'Celanova, Casa dos Poetas' ven entregándose
dende o ano 1985 e non ten dotación económico.
O galardoado recibe unha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano,
que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola
outra cinco “C” concéntricas que simbolizan a letra
pola que comenzan os elementos identificativos deste premio
“Casa,
Curros, Celanova, Castor e Celso”. En anos anteriores dito premio
entregouse a personaxes da cultura galega tan importantes
como Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Méndez
Ferrín, Carvalho Calero, Laxeiro, Carlos
Velo, Carlos Casares, Díaz Pardo ou á
Real Academia Galega, homenaxeada na pasada edición.
|
|
|
|
A
AELG organiza un cortsexo cívivo ata Santiago
rememoriando o traslado dos restos mortais da poeta
galega
Lembrando
a derradeira viaxe de Rosalía de Castro a
Compostela
(18-Xuño-2010)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai
celebrar o vindeiro 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do
traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, que tivo lugar o 25 de maio
de 1891. O cortexo cívico conta co apoio e
colaboración de diversos colectivos, como as asociacións culturais O Galo,
Medulio, Auriense, Maio Longo, Solfa e a asociación cultural de Meira, e
fundacións como Manuel María e Bautista Álvarez, entre outras organizacións
culturais que se irán sumando ao longo destas semanas.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de
Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 16.30 h., para facer o traxecto
Padrón-Compostela. Previamente, haberá unha concentración na colexiata de Santa
María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo
Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía
de Castro. Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando
a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a
Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres
poemas de Cantares Gallegos (“A gaita
gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”), para continuar
pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros
poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha
audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións do
diversos grupos musicais e artistas participantes, para rematar o acto coa
lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se
cumpren 125 anos da súa morte.
|
|
|
|
O
xurado salientou da obra gañadora a mistura
de clasicismo e imaxes innovadoras
O
caboverdiano José Luís Tavarés
faise co premio de poesía 'Cidade de Ourense'
(14-Xuño-2010)
O
poeta caboverdiano José Luís Tavarés
foi elixido gañador do XXV Premio de Poesía
'Cidade de Ourense', polo traballo presentado co lema: As irrevogábeis trevas de Baldick
Lizandro.
O
xurado, que estivo composto por
Antonio Pires Cabral, como representantes do Grémio Literário-Vilarense;
Teresa Devesa, profesora de
lingua e literatura galega; Román Raña, gañador da XXV edición;
Rafa
Villar, gañador da XXIV edición; Miguel Anxo Fernán Vello, como
representante da editorial Espiral Maior; e actuando como secretaria a técnica
de Normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia sendo a Presidenta do Xurado a
Concelleira de Cultura Isabel Pérez González, sen voz nin voto,
destacou a calidade dos corenta traballos presentados
a esta edición do certame.
O xurado ensalzou da obra que “é un discurso ben construído en poemas longos
cunha linguaxe coidada onde se combinan o clasicismo con imaxes innovadoras
cheas de riscos eficazmente resoltos”.
|
|
|
|
Do
7 ao 9 de xullo
A
UNED-A Coruña organiza un curso de verán
sobre Torrente Ballester e Carvalho Calero
(14-Xuño-2010)
O
Concello de Ferrol e o Centro Asociado da
UNED en A Coruña conmemoran
o centenario do nacemento de Torrente Ballester
e Carvalho Calero cun Curso de Verán sobre
a súa vida e obra, que se desenvolverá
do 7 ao 9 de xullo na Aula
Universitaria de Ferrol, baixo a dirección de Jose Antonio Ponte Far. Este
curso leva o título de Torrente Ballester e
Carvalho Calero: dous ferroláns ante a literatura.
O curso Torrente Ballester e Carvalho Calero: dous ferroláns ante a
literatura será inagurado o 7 de xullo, ás 16.00 h., na sede da UNED
e contará co director do Centro Gallego de Arte de la Imagen, Guillermo
Esgrigas Rodríguez, quen impartirá unha sesión sobre fotografías,
documentación fílmica, revistas, artigos, conferencias e actos públicos
de Torrente Ballester e Carvalho Calero. A continuación, o catedrático
de Literatura da Universidade de Santiago Luis Iglesias Feijóo e gran
especialista na figura de Torrente abordará a súa faceta de novelista.
Na xornada do día 8 contarase como poñentes estrela con dúas das fillas
dos ilustres ferroláns: Marisa Torrente Malvido e Victoria Carballo
Calero (esta última é profesora da Universidade de Vigo), que
participarán nunha mesa redonda que levará por título Los dos
escritores: vecindad, relación personal en el Ferrol anterior a la
Guerra y después.
Torrente, o articulista e ensaista,
Torrente e o cine, Carvalho, o narrador e poeta ou unha mesa redonda
sobre Carvalho, o profesor e lingüista completarán o programa nesta
xornada coas intervencións de profesores e catedráticos das
Universidades de Santiago e A Coruña ou mesmo de Lisboa. Finalmente, na
xornada do día 9, abordarase o teatro de Torrente Ballester e a
importancia de Torrente e Carvalho Calero nas literaturas galega e
castelán. O curso rematará coa presentación do libro La boda de Chon
Recalde, a penúltima obra publicada por Torrente Ballester.
|
|
|
|
Cea
no 221b de Baker Street
Xesús
Fraga participa nunha nova sesión de 'O sabor
das letras'
(14-Xuño-2010)
O
escritor e xornalista Xesús Fraga será
o convidado de luxo da quinta sesión de “O sabor das letras”,
que se celebrará este xoves 17 de xuño
ás 20.30 h. no restaurante do museo MARCO.
Esta actividade forma parte do programa que desenvolve
o Café Voltaire da Fundación Carlos
Casares, que ten como obxectivo establecer un espazo de diálogo entre a literatura e a gastronomía.
Nesta ocasión, a data con Xesús
Fraga terá o suxestivo título
de Cea no 221b de
Baker Street.
O prazo de reserva xa está aberto, e as prazas son
limitadas. Para reservar debe realizarse unha petición na Agrupación de
Amigos do MARCO por escrito (amigos.marco@marcovigo.com) ou
por teléfono (986113900 -ext. 402). Poden retirarse as entradas do
despacho de billetes do MARCO ata dous días antes do acto. O prezo
é de 5 € para socios da Fundación
Casares ou da Asociación de Amigos do MARCO
e de 7 € para o resto do público.
|
|
|
|
Premios
Xerais 2010
Iolanda
Zúñiga e Teresa González Costa
coróanse en San Simón
(13-Xuño-2010)
Un
ano máis a illa de San Simón acolleu
a gala dos premios Xerais. A velada principiou
coas palabras de Fina Casalderrey, quen actuou como
mantedora literaria, lendo o discurso titulado Chove
prata en San Simón, no que abordou
a importancia da literatura infantil en Galicia e ás achegas que para o
seu desenvolvemento supuxeron tanto o Premio Merlín como a colección
Merlín de Xerais, tras máis de douscentos títulos editados.
Tras
a súa intervención o momento máis
agardado da noite: coñecer os nomes dos gañadores
e as obras premiadas.
O xurado da 27ª edición do
Premio Xerais de Novela, formado por Comba
Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da
Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do
libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso
(secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen
voto, entre as trinta e oito participantes acordou declarar finalistas
as obras presentadas baixo os lemas Fría e negra, Hovercraft
e O avesso do avesso. Despois da súa última
deliberación, acordou por unanimidade declarar como
gañadora a presentada baixo o lema O avesso do avesso que,
despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título
Periferia.
O xurado do Premio Xerais de novela 2010 no ditame que elaborou sobre
Periferia
sinalou que «partir dun argumento moi sinxelo e
botando man dun sutil fío narrativo, o autor ou autora deste texto creou
un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que
se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo
cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser
unha novela.». Segundo a autora, Periferia foi concibido coma un texto contra a soberbia, contra
a estupidez, contra a ignorancia. Contra a ridiculez do ser humano, que
ten a certeza de sentirse o centro do universo. É un texto a favor da
tolerancia, aberto ao diálogo, sen fronteiras. Pola súa banda, o xurado da 25ª edición
do Premio Merlín de literatura infantil, formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo
Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio
Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio
Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en
representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas
obras participantes, declarou finalistas as presentadas
baixo os lemas: Canis lupus, Celerifera, Cincocentos trinta
e tres e Sete pétalos.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar
como gañadora a presentada baixo o lema Celerífera,
que, despois de aberta a plica, resultou ser de Teresa González Costa e corresponde ao título
A filla do ladrón de bicicletas.
O
xurado subliñou que A filla do ladrón
de bicicletas contén un certo histrionismo calculado nas situacións que
se producen. Estas son extraordinarias, ou sexa, fóra do ordinario e
divirten e mesmo provocan o lector ou lectora que non quedan impasibles
endexamais. Teresa González Costa comentou, ao recibir o premio, que «as bicicletas sempre foron moi importantes na miña vida, nesta obra
co personaxe de Celerífera quixen facerlle unha homenaxe as bicicletas».
|
|
|
|
www.cruzandolibros.es
O
programa Cruzandolibros fomentará
o hábito de lectura a través dos centros
de información ás mulleres de Galicia
(13-Xuño-2010)
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e a secretaria
xeral da Igualdade, Marta González asinaron a semana pasada o acordo de colaboración para o desenvolvemento do
programa Cruzandolibros, co obxectivo de fomentar o hábito da lectura e
intercambio de libros entre as persoas interesadas no marco das
actividades contempladas no Ano do Libro e da Lectura. Ao acto tamén
asistiu o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco
López e representantes dos concellos nos que desenvolverá o programa na
súa primeira fase, Arteixo, Padrón, Vilalba, Carballiño, Lalín, Ribeira,
Monforte, Verín, Vilagarcía e Ponteareas.
A iniciativa Cruzandolibros
pretende que a xente
continúe desenvolvendo as súas competencias lectoras e propoñer á
lectura como actividade recreativa e alternativa para o tempo de lecer.
Este proxecto xorde co propósito de integrar a
lectura, a reflexión e o lecer en distintos Centros de Información ás
Mulleres de toda Galicia.
O
programa Cruzandolibros desenvolverase a través de centros de
información ás mulleres dos concellos participantes, mediante a creación
de puntos de encontro denominados CruzandolibrosCIM. Estes puntos
habilitarán un espazo, dentro das dependencias dos centros de
información ás mulleres, a dispor das persoas usuarias do programa que
permita o normal desenvolvemento do proceso de intercambio dos fondos
bibliográficos. As persoas interesadas recollerán os libros nas
dependencias dos Centros de Información ás Mulleres para seres mais
tarde devoltos aos puntos de entrega, ou en calquera outro espazo.
Cruzandolibros contará cunha páxina web, creada pola Secretaría Xeral da
Igualdade (www.cruzandolibros.es), na que os usuarios poderán
introducir o número de identificación do seu libro, e así poder seguir o
seu itinerario, deixar unha pequena nota ou comentario acerca das súas
consideracións derivadas da lectura do libro e da súa participación no
programa, así como as súas suxestións e comentarios.
A
Consellería de Cultura e Turismo dotará aos centros de fondos
bibliográficos e fomentará o a participación cidadá e a creación de
grupos de lectura animando ao intercambio de libros entre as persoas
participantes. Pola súa banda, a Secretaría Xeral da Igualdade
coordinará a colaboración dos CIM dos concellos e dotará dos materiais
necesarios aos CruzandolibrosCIM. Os CIMs facilitarán asemade
información sobre o programa e os lectores e lectoras poderán tamén
propoñer a incorporación e novas obras ao programa.
|
|
|
|
En
marzo xa gañara o Narrativas Quentes de Positivas
Eva
Moreda gaña o Terra de Melide cunha obra
sobre a inmigración galega en Londres
(08-Xuño-2010)
A
escritora vegadense Eva Moreda é a gañadora
da novena edición do
Certame de Creación Literaria Terra de Melide.
Moreda, quen en marzo gañara o Narrativas
Quentes, presentou ao concurso melidense a obra
A
veiga é como un tempo distinto.
O
xurado, formado por Santiago Jaureguizar, Mercedes Queixas, Manuel Bragado,
Noelia e Xoaquín Vázquez, destacou da obra gañadora “a súa literatura
moderna, narrada con frescura e cun pulo narrativo
merecedor de ser recoñecida como a mellor das vinte e cinco obras presentadas ao certame”.
O fío argumental
desta novela traza un percorrido pola inmigración galega en Londres nos anos 60 e 70, contada, segundo o xurado, “cunha
visión innovadora”. Eva Moreda verá recoñecido o seu traballo coa
publicación da obra na Editorial Xerais, amais da cantidade económica
estipulada nas bases do concurso.
O
Concello de Melide tamén convocara o Certame de Investigación Terra de
Melide, pero nesta ocasión, coma na última edición, o xurado declarou o
premio deserto.
|
|
|
|
O
libro de artista como colector de ideas
O
Verbum acolle unha exposición que convida
á reflexión sobre os límites
do libro
(08-Xuño-2010)
O Verbum.
Casa das Palabras de Vigo acolle o vindeiro venres
11 de xuño a exposición O libro
de artista como colector de ideas.
Co
obxectivo de amosar unha ampla visión sobre
as diferentes posibilidades e formatos que pode
tomar o libro, cuestiónase qué é
como obxecto, cal é a idea que temos os lectores
e os artistas dun libro.
A
mostra, comisariada por Paula Mariño, convida
ao visitante a unha viaxe polos vértices
da lectura e do libro a través dos libros
de artista que acollerá a exposición,
que contará con orixinais de Berta Cáccamo,
Baldo Ramos, Xosé Albeos ou de Eduardo Valiña,
entre outros.
A
mostra estará aberta dende o 11 de xuño
ata o 29 de agosto no Verbum. Casa das Palabras
de Vigo con entrada de balde.
|
|
|
|
Contos
coas mans abertas
A
Tropa de Trapo convídanos á reflexión
a través dos contos
(07-Xuño-2010)
Esta fin de semana principiou
na vila ourensá de Ramirás a xira Contos
coas mans abertas, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e
Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización.
Trátase
dun espectáculo músico-teatral creado expresamente para esta campaña pola
compañía compostelá A Tropa de Trapo, quen percorrerá ata finais de ano un
total de vinte concellos asociados á entidade municipalista galega.
Canda Ramirás, son Arteixo, Porto do Son, Xove, Ferrol, Sada, Cambre,
Salceda de Caselas, A Estrada, Culleredo, Ames, Nigrán, Mos, Verín,
Cangas, Carballo, Burela, Abegondo, O Valadouro e Poio os lugares
seleccionados para acoller as representacións.
A proposta, dirixida a público adolescente e
adulto, baséase en contos narrados a dúas voces onde a música en
directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra, a
kalimba, o goni ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en
historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos
sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen
caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, Contos coas
mans abertas é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de
pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar o mundo e
entendelo mellor.
Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros
sandinistas, vacas, inmigrantes do Magreb ou unha tribo de bosquimanos
son algúns dos protagonistas das historias contadas por Marta Ortiz e
Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa
inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Dende
entón levan percorrido toda Galicia e outros lugares da xeografía
ibérica facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus
diferentes espectáculos.
[Programación
de Contos
coas mans abertas]
|
|
|
|
Os
gañadores daranse coñecer o sábado
12 de xuño
Xa
se coñecen os finalistas dos premios Xerais
2010
(07-Xuño-2010)
O xurado
dos premios Xerais de novela e do Merlín
de literatura infantil reuniuse o pasado
venres 4 de xuño deu a coñecer os
finalistas de cada unha das categorías.
o xurado da XXVII edición do
Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e no que participaron
trinta e oito obras, formado por Comba
Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da
Universidade de Vigo e blogueiro),
Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira
(xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do
xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou
declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas Fría e negra,
Hovercraft e O avesso do avesso.
Pola súa banda, o xurado da XXV edición do
Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que
participan trinta e dúas obras, formado por An
Alfaya (Premio
Merlín, 1997), Jacobo
Fernández Serrano (Premio
Merlín, 2009), Antonio
García Teijeiro (Premio
Merlín, 1996), Mar
Guerra (Premio
Merlín, 2008), Gloria
Sánchez (Premio
Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado),
en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como
finalistas as obras presentadas baixo os lemas Canis lupus, Cincocentos
trinta e tres e Sete pétalos.
O fallo de cada un dos premios darase a coñecer
no serán do sábado, 12 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de
San Simón e no que a escritora Fina
Casalderrey actuará como mantedora literaria. Como en edicións
anteriores o acto será transmitido en directo por internet por Blogaliza.tv.
|
|
|
|
A
obra está dirixida polo editor e tradutir
Jonathan Dune
Preséntase
unha antoloxía que peneira oito séculos
de literatura galega
(07-Xuño-2010)
A
Consellería de Cultura e Turismo e as editoriais
Xerais e Galaxia veñen de presentar Anthology of galician literature. Antoloxía da literatura galega
(1196-1981), un proxecto en edición bilingüe (inglés-galego) de
Jonathan Dunne. Esta antoloxía recolle literatura de tradición oral, literatura dramática, ensaio, poesía e
narrativa de ficción que
servirá de carta de presentación da literatura galega diante do mundo
anglosaxón.
O
volume reúne 55 textos de 40 autores das letras galegas, dende a
cantiga medieval de Mendinho, universalmente coñecida, ata os textos das
xeracións inmediatamente anteriores á reinstauración da democracia en
España: Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Uxío
Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, etc.
Esta escolma vai precedida dunha introdución, elaborada polo propio
Jonathan Dunne, na que se informa moi sinteticamente da historia desta
literatura, así como se amosan os criterios de edición organizados por
épocas e representativos dos diferentes xéneros literarios. Tamén se
inclúe ao importante equipo de tradutores, 55 profesores, críticos e
académicos de proxección internacional, que realizaron a selección dos
textos.
|
|
|
|
O
Irmandino publicouse en dúas etapas dende
1934 ata 1936 e de 1958 ao ano 1961
O
CIRP recupera a cabeceira da Irmandade Galeguista
de Uruguai
(03-Xuño-2010)
O
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación
en Humanidades ven desenvolvendo, nos últimos
anos e baixo a dirección de Luís Alonso
Girgado, a recuperación de cabeceiras históricas
da emigración galega en América. Tras
rescatar e presentar en facsímil revistas
como Cristal, Saudade ou Mundo Gallego, agora o
CIRP ven de presentar un CD onde se recolle a publicación
do Órgano da Irmandade Galeguista do Uruguai,O
Irmandino, editado en dúas etapas diferentes
dende outubro de 1934 a xaneiro de 1936 e
dende xuño de 1958 ata o mes de xuño
de 1961, nesta segunda etapa dirixida por
Xosé L. Villaverde e M. Vázquez Valiño.
O Irmandino comeza a publicarse en outubro de 1934
como órgano de expresión da
Irmandade Galeguista do Uruguai. Terá
dúas épocas: a primeira conta cun
total de seis números; a segunda abarca do ano 1958 ao 1961 cunha tiraxe de catro
números. A extensión destes é de catro páxinas cada un, exceptuando o número 5
que, con motivo do Día de Galicia, ten oito.
O Irmandino será de carácter político
e vencellado ao Partido Galeguista (PG), reivindica
a identidade de Galicia como entidade
diferenciada do resto do Estado español. Ao comezo da segunda etapa,
tras a Guerra Civil, O Irmandino ten un marcado
carácter continuísta e retoma a loita polos dereitos de Galicia.
|
|
|
|
O
poeta e xornalista ven de publicar unha antoloxía
poética da súa obra
César
Antonio Molina recibe a Medalla Castelao 2010
(03-Xuño-2010)
O
Goberno de Galicia aprobou hoxe no Consello da Xunta
o decreto polo que se conceden as Medallas Castelao
do 2010 coa
cal o Goberno distingue aqueles galegos e galegas
autores dunha obra merecente do recoñecemento
do seu pobo no eido artístico, literario
ou de calquera outra faceta da actividade humana.
Entre
os merecedores da Medalla deste ano está
o poeta, xornalista e exministro de Cultura César
Antonio Molina, quen ven de publicar El
rimor del tiempo,
unha antoloxía poética da súa
obra.
O
resto dos distinguidos coas Medallas Castelao son
o
pintor e escultor Antón Lamazares, a matrona
Rosalina Celada, a cantante Luz Casal e a traballadora
da Administración pública Prudencia
Santasmarinas Raposo.
|
|
|
|
A
Escritora na súa Terra, este sábado
5 de xuño en Santiago de Compostela
Marilar
Aleixandre recibirá o sábado unha
homenaxe na súa Terra
(03-Xuño-2010)
Marilar
Aleixandre será homenaxeada pola Asociación
de Escritores en Lingua Galega (AELG) na XVI edición
da iniciativa A Escritora na súa Terra.
A decisión da dita homenaxe,
considerada como unha celebración na que a terra
de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita
cultural, foi tomada por unanimidade da asemblea de socios e socias da AELG.
Tratase
dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade
literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos
como a entrega do galardón Letra E
de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista
galego/a), a plantación dunha árbore
simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a
colocación dun monolito conmemorativo
ou a inauguración dun espazo público
co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.
A
homenaxe A Escritora na súa Terra desenvolverase
en Santiago de Compostela este sábado 5 de
xuño. En anteriores edicións foron
homenaxeados, entre outros, Antón Avilés
de Taramancos, Agustín Fernández Paz,
Bernardino Graña, Manuel Lourenzo ou Luz
Pozo Garza.
[Programa
de Actos]
|
|
|
|
III
Bienal do Pen Clube
Libera
a palabra! unirá os mundos literarios
hispanoamericanos e lusófonos
(01-Xuño-2010)
Mañá
comeza en Santiago de Compostela a III
Bienal do PEN Clube que reunirá na capital galega a escritores de Galicia,
España e de América Latina. Baixo
o lema Libera a palabra!
ao
longo de cinco días Compostela será
un punto de encontro e de debate.
Libera a palabra!
permitirá
aos escritores procedentes das dúas beiras
do Atlántico contrastar opinións na
busca de camiños abertos e plurais no
ámbito literario, neste caso, Iberoamérica.
Co
obxectivo de que a literatura galega serva de ese
punto de encontro entre dúas grandes áreas
lingüísticas e literarias, a hispanoamericana
e a lusófona. Neste encontro participarán
poetas, novelistas, ensaístas, dramaturgos,
xornalistas, críticos... como Arcadio López-Casanova,
Luís Sepúlveda, Anxos Sumai, Lauren Mendinueta
ou Carmen Boullosa.
[Programa
da III Bienal do Pen Clube - Libera a palabra!]
|
|
|
|
Pola
obra Costa Necrópole
Mariña
Pérez Rei gaña o IX Certame Literario
Antón Avilés de Taramancos
(01-Xuño-2010)
Costa
Necrópole, de Mariña Pérez
Rei, foia obra seleccionada polo xurado do Certame
Literario de Relato de Aventuras 'Antón Avilés
de Taramancos' para ser a obra gañadora da
súa novena edición.
O
concurso está convocado polo Concello de
Noia e organizado pola Casa da Gramática
do IES Virxe do Mar coa colaboración da Deputación
da Coruña.
En
Costa Necrópole a autora amaiense relata
a historia dun rapaz de África que busca unha nova
vida en Europa.
|
|
|
|
Sete
palabras, de Suso de Toro, leva o premio no
apartado de creación literaria
A
Fundación Premios da Crítica entrega
os seus galardóns do 2010
(01-Xuño-2010)
O
Padroado da Fundación Premios da Crítica,
reunida a pasada fin de semana en Mondariz-Balneario,
deu coñecer os premiados da edición
do 2010 dos Premios da Crítica de Galicia.
No
apartado de creación literaria o premio foi
para a última novela de Suso de Toro, Sete
palabras, publicado por edicións Xerais de
Galicia.
O
traballo de Manuel Forcadela A mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro,
editado
por Galaxia, foi a obra premiada na sección
de Ensaio e Pensamento. Outro título de Galaxia,
Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo,
de Manuel Barros, foi premiada en Investigación.
Enrique Acuña, director literario de A Nosa
Terra, levou o galardón de Ciencias e Artes
da Representación mentres que a Colección Ars Gallaeciae Musicae,
da editorial Dos Acordes, fíxose co premio
da Crítica Galicia no bloque de Música.
Pola súa banda, a Casa das Ciencias da Coruña
gañou o premio destinado a Iniciativas Culturais.
No transcurso da gala, declarouse
coa distinción de Galego egrexio, que
sobresae o labor dunha personalidade caracterizada
por manter ao longo da súa vida un firme compromiso coa cultura galega
ao maxistrado focense Xosé Barreiro Prado.
Estes
premios da Crítica Galicia convócanse
anualmente dende o ano 1978. Inicialmente foron
convocados polo Círculo
Orensán Vigués, ata que no ano 1992 faise cargo deles a Fundación Premios da Crítica Galicia
.
|
|
|
|