MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Un dos puntos fortes do Ano será a celebración do Congreso do IBBY no mes de setembro

Múltiples e variadas propostas para celebrar o Ano do Libro e da Lectura

 

(31-Xaneiro-2010)

 

Ano do Libro e da Lectura 2010 A Consellería de Cultura e Turismo ten previsto destinar para diferentes accións relacionadas coa celebración do 2010 como Ano do Libro e da Lectura preto de tres millóns de euros. A través do conxunto de actuacións do Ano do Libro e da Lectura 2010 preténdese realizar unha acción de maior proxección que ofreza unha forte presenza do libro na sociedade galega.

O desenvolvemento das actividades previstas, repartidas en distintas epígrafes, teñen como obxecto cubrir as distintas canles e fórmulas nas que o libro chega ao público, ampliando así a súa visibilidade, tanto no propio país como nos diferentes ámbitos de cultura. O programa de actividades, aínda aberto a novas achegas e iniciativas, incluirá actuacións nos seguintes eidos: animación cultural, congresos e conmemoracións, promoción e difusión do libro, fomento da lectura e da escrita e xestión do libro e bibliotecas.

Os actos do Ano do Libro e da Lectura iniciáronse con Libros sobre Rodas, unha campaña de fomento da lectura na que un autobús equipado para labores de animación esta a percorrer vilas das catro provincias galegas. Ademais de transportar libros, conta cun grupo de actores que desenvolven actividades, coa participación do público, para incentivar o interese lector dos visitantes, dun xeito lúdico e amable e agasallar aos cidadáns cun libro sobre a historia galega e universal do propio libro. Nesta liña de promoción tamén se engloba Camiños de amor e lúa, trinta espectáculos de poesía e música que achegarán a voz dos autores e autoras a trinta concellos polos que transcorren os nove Camiños que levan a Santiago entre maio e xuño deste ano.

O Ano do Libro e a Lectura de Galicia vai ter unha incidencia especial nos espazos públicos de vilas e cidades de Galicia aproveitando as datas conmemorativas dos aniversarios de Rosalía de Castro, Luís Seoane ou o Día Internacional do libro e o Día das Letras Galegas.

Exposicións e congresos ocuparán igualmente un lugar importante dentro do Ano do Libro e da Lectura, a maior parte relacionadas cos congresos, centenarios e homenaxes, as mais destacadas serán a de Torrente Ballester, Luís Seoane e Uxío Novoneyra. Entre estes actos sitúase Scriptorium, unha exposición centrada na palabra escrita e o libro medieval, que se desenvolverá con obradoiros para nenos.

Asemade, celebraranse congresos de moita relevancia como I Encontro Internacional sobre Literatura de Viaxes, que será en Santiago de Compostela na última quincena de xuño; o Congreso Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil IBBY, que se celebrará tamén en Santiago de Compostela do 8 ao 12 de setembro; a Semana Auria de Novela Histórica, en Ourense, que incluirá actividades como conferencias, exposicións, mesas redondas, etc., no último trimestre do ano; ou o congreso sobre a figura homenaxeada co Día das Letras Galegas, Uxío Novoneyra, organizado no Consello da Cultura Galega en colaboración coa Real Academia Galega.

 

Arriba

 

Polo recoñecemento da cultura galega

Apoio da AELG e Gálix ao manifesto asinado hai uns días polos once escritores galegos galardoados co Premio Nacional

 

(31-Xaneiro-2010)

 

Comunicado conxunto da AELG e GÁLIX OA Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) asinan conxuntamente o seguinte manifesto:

 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, agrupada na actualidade entorno a un colectivo de 381 autoras e autores, representantes da creación literaria en lingua galega, expresa o seu apoio aos once escritores galardoados no seu día co Premio Nacional, nas modalidades de narrativa, teatro, ensaio, tradución e literatura infantil e xuvenil, e comparte o seu reclamo da necesaria valoración responsábel e obxectiva para a cultura galega, pensada e (re)creada en galego, entendéndoa sempre integrada nun escenario permeábel e aberto ao mundo desde a procura da necesaria reatroalimentación que comeza polo coñecemento, apreciación e dignificación do propio.

A concesión dos Premios Nacionais aos escritores e á escritora en lingua galega asinantes, por parte do Ministerio de Cultura do Estado español, desde o ano 1985, ratifica a capacidade de os nosos creadores e creadoras seren autores dunha creación literaria exportábel alén das nosas fronteiras que nos enche de orgullo e admiración, e que só require destinatarios e receptores con vontade de se aproximar a ela e interpretala como un legado senlleiro dentro doutros parámetros globais.

Coñecer e recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos e acreditar definitivamente na capacidade, valía e potencial enriquecedor da súa divulgación, materia pendente aínda de abranguer cun proxecto contundente e de futuro.

 

 

 

Arriba

 

Presentarase o catálogo da obra de Castelao, coordinado por Miguel Anxo Seixas

Rianxo homenaxea un ano máis a Castelao

 

(28-Xaneiro-2010)

 

Conmemoración do 124 Aniversario do Nacemento de Castelao en Rianxo O Concello de Rianxo conmemora un ano máis o nacemento dun dos seus veciños máis ilustres: Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

Os actos darán comezo este venres ás doce da mañá coa presentación do catálogo da obra de Castelao, no que participarán o coordinador do proxecto, Miguel Anxo Seixas Seoane; Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao; o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro; e o Conselleiro de Cultura Roberto Varela. Ao remate da presentación a comitiva desprazarase ata o busto de Castelao, no paseo da Riveira, onde se realizará unha ofrenda floral.

Ás oito do serán, continuando cos actos, presentarase a nova publicación de Suso de Toro Sete palabras (Xerais), que contará coa participación de Xosé Ricardo Losada, Secretario de Barbantia; Xosé Luis Axeitos, Secretario da Real Academia Galega; Manuel Bragado, director de Edicións Xerais; Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo; e o autor do libro.

Xunto o concello de Rianxo, colaboran na organización do Aniversario de Castelao a Fundación Castelao, Edicións Xerais, a Asociación Cultural Barbantia e o xornal La Voz de Galicia.

[Descargar o programa de actos]

 

 

Arriba

 

A AGPI nega que avaliara o contido da orde cando dende a Consellería se manifestou un consenso co sector da ilustración

A AGPI maniféstase contra a convocatoria de axudas á creación de Banda Deseñada da Xunta de Galicia

 

(28-Xaneiro-2010)

 

Asociación Galega de Profesionais da Ilustración O pasado 19 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia publicaba a orde das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a creación de banda deseñada galega durante o ano 2010. A Consellería de Cultura e Turismo facía público a anuncio de consenso cos diferentes colectivos profesionais de ilustradores de Galicia para a elaboración da anterior orde.

Agora, é a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) quen se desmarca e contradice á Consellería sobre dito consenso. Santy Gutiérrez, presidente da AGPI, fai público o seguinte manifesto, que reproducimos por completo de seguido:

Perante a polémica suscitada pola publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria de axudas para a creación de banda deseñada, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración quere manifestar que non avala dita convocatoria. Aínda que formamos parte, xunto con outros colectivos, da comisión que puxo en marcha a iniciativa e estivo a disposición da Administración naquelas cuestións que lle foron suscitadas no decurso do proceso de tramitación de ditas axudas, o documento final non responde ao que esta asociación propuxera ante a administración; e dado que AGPI nin tivo acceso ao texto completo da orde antes da súa publicación, nin participou na redacción das mesmas, en ningún caso podería avalar oficialmente o contido da orde.

As bases finais redactadas polo gabinete da consellería de Cultura e publicadas no DOGA non son o que nós esperabamos, polo que estamos sensiblemente decepcionados. A AGPI polo tanto, como colectivo, participa da inquietude dos seus membros, que se resume fundamentalmente nos seguintes puntos:

A esixencia de titulacións: o quid da cuestión, e ao noso entender o que fai que este sexa o punto máis polémico da orde. Non é so que dende a administración se requiran unhas determinadas titulación aos creadores de BD, senón que este será un criterio imprescindible para a consecución das axudas, e non un mais dos baremos de puntuación para o acceso a unha bolsa. Este requisito invalida á meirande parte dos creadores de BD galegos, e polo tanto ao seren excluinte non poden ser aceptadas coma axudas válidas para o sector.

Xustificación de gastos: a petición de xustificar os cartos recibidos trasforman a idea inicial de ofrecer bolsas á creación dun proxecto a convertilas en subvencións á edición dese proxecto.

Outros puntos discutibles son a precariedade nos plazos nos que deben ser presentados os materiais.

Proximamente celebraremos unha reunión de directiva e outra reunión cos responsables da dirección xeral da Xunta na que debatiremos este asunto, e con posterioridade a esas reunións a AGPI fará unha análise mais polo miudo do sucedido.

Santy Gutiérrez,

Presidente da AGPI

[Sobre a convocatoria de axudas á creación da BD na web da AGPI]

 

 

 

Arriba

 

Do 1 ao 3 de febreiro

Rosa Aneiros, Rosa Regás e Luísa Castro nos XX 'Encontros Literarios' do Liceo de Ourense

 

(27-Xaneiro-2010)

 

XX Encontros literarios 'Escritura e compromiso' O Liceo de Ourense acolle a vindeira semana a vixésima edición dos 'Encontros literarios', que este ano, baixo o lema de 'Escritura e compromiso', terá como convidadas a Rosa Aneiros, Rosa Regás e Luísa Castro.

O luns 1 de febreiro Rosa Aneiros falará sobre Literatura e compromiso: Palabra dada, palabra recibida. O martes tomará a palabra a escritora e ex-directora da Biblioteca Nacional de España Rosa Regás, a súa conferencia-coloquio xirará en torno a Lectura e creación. Pechará estes XX Encontros Literarios a focega Luísa Castro coa intervención titulada As verdades da Escritura. Será o mércores 3 de febreiro.

Estes Encontros están organizados pola Sección da Literatura do Liceo de Ourense e da Vicerrectoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

[Programa dos XX 'Encontros Literarios']

 

 

Arriba

 

Este libro é froito de dezaseis anos de traballo

Pablo Carpintero recompila nun volume os intrumentos musicias e tradicionais galegos

 

(27-Xaneiro-2010)

 

Os instrumentos musicais na tradición galega Hoxe presentouse na Universidade de Santiago o volume Os instrumentos musicais na tradición galega (Difusora) de Pablo Carpintero Arias e ilustrado por Xosé Ramón Marín Martínez.

Os instrumentos musicais na tradición galega recolle ata un total de 144 destes instrumentos que soaron e aínda soan espallados pola xeografía galega. Vinchas, lapeta, cantagalos, ferreñas, rabel, rin-ran, palleta, dolio, xipro, requinta, chirimía...son algúns destes instrumentos que Pablo Carpinteiro recompilou ao longo dos últimos dezaseis anos de investigación, cun extenso traballo de campo realizado por toda Galicia e o norte de Portugal, estendéndose ademais a áreas de lingua e cultura galegas como a zona do Eo-Navia, O Bierzo, As Portelas de Zamora e San Martín de Trebello (Cáceres).

Desenvolvido ao abeiro do Proxecto universitario galego Ronsel para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, este volume recompila os instrumentos musicais empregados en Galicia, estruturados inicialmente segundo a clasificación de Hornbostel e Sachs en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos. Pero o estudo fai tamén unha lectura desde dentro: que é a música para un galego e onde e como a situamos nós mesmos. Por iso, ademais de describir a súa forma, a maneira en que se constrúen e onde e como se conseguían explícase tamén como, onde, para que e por quen se tocan, o que dá conta en ocasións das filiacións sexuais, gremiais ou de idade dentro do sistema cultural tradicional galego.

Na presentación participaron, xunto co autor, a vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo; o seu homólogo da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o vicerreitor de Relacións Institucionais de Vigo, Iván Area; e Xavier Paz, director da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.

 

 

Arriba

 

Os Editores Galegos sinalan o recoñecemento internacional ao traballo editorial galego

A AGE reproba as palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo

 

(27-Xaneiro-2010)

 

Asociación Galega de Editores A Asociación Galega de Editores (AGE) responde ao Conselleiro de Cultura e súmase as críticas que once escritores galardoados co Premio Nacional lanzaron ao titular da Consellería de Cultura e Turismo.

A AGE quere subliñar que o sector editorial galego non é dependente das axudas públicas, e é un sector saneado, crucial para o desenvolvemento cultural do país, e capaz, como vén demostrando desde hai bastantes anos.

Asímesmo destacan que as manifestacións culturais galegas no exterior son cada vez máis visibles e valoradas, e boa proba dese recoñecemento internacional  son os premios e mencións ás obras producidas polos editores galegos.

Dende a AGE solicitan ao Conselleiro que recapacite sobre as súas recentes declaracións, a retractarse, a que procure o consenso co sector, desde o coñecemento real dos seus problemas e necesidades, e a que asuma, como corresponde ao máximo responsable da política cultural dun país, que declaracións deste tipo poden danar gravemente a imaxe pública da industria editorial galega, que non merece ser tratada dun xeito desleal.

[Comunicado íntegro da Asociación Galega de Editores]

 

 

Arriba

 

O sábado 30 de xaneiro

Vila de Cruces homenaxea a Anisia Miranda

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Lembranza e homenaxe a Anisia Miranda O sábado 30 de xaneiro o Auditorio Municipal 'Xosé Casal' de Vila de Cruces acollerá un acto en Lembranza e Homenaxe da escritora Anisia Miranda Fernández, finada no pasado mes de novembro.

Neste acto, que será aberto a todo o público, intervirán persoas e institucións relacionadas coa vida e a obra de Anisia Miranda, e coa Fundación Xosé Neira Vilas, da que era vicepresidenta. Así mesmo, presentarase e distribuirase o libro Homenaxe a Anisia Miranda, coeditado pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural), o Concello de Vila de Cruces e a Fundación Xosé Neira Vilas.

Entre os asistentes confirmados ao acto de lembranza e homenaxe, que dará comezo ás 20.00 h., están Luís Reimóndez, Secretario da Fundación Neira Vilas; Marica Campo, poeta e narradora; Víctor Freixanes, director de Galaxia; Francisco López-Barxas, Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; e Jesús Otero, Alcalde de Vila de Cruces. Pechará o acto o home de Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas. O tenor Cesáreo Torres e o coro Voces da Terra de Vila de Cruces porán a nota musical.

[Acto en Lembranza e Homenaxe a Anisia Miranda Fernández]

 

 

Arriba

 

Será o 5 de febreiro en, entre outros lugares, as principais vilas galegas, Madrid, Barcelona, New York, Bruxelas, Nablús...

Preséntase simultáneamente en todo o mundo 55 mentiras sobre a lingua galega, publicado por Prolingua e Laiovento

 

(26-Xaneiro-2010)

 

55 mentiras sobre a lingua galega O próximo venres 5 de febreiro presentarase simultáneamente en decenas de lugares do mundo o libro titulado 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, e editado por Prolingua e edicións Laiovento.

55 mentiras sobre a lingua galega pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

Entre os diversos lugares do país onde se presentará esta publicación, mostrarase noutros puntos do Estado español como Ponferrada, Madrid, Barcelona, Gasteiz e Trintxerpe, e no estranxeiro: Tübingen, Buenos Aires, Lisboa, Tel Aviv, New York, Bethelem, Nablús, París, Saraievo, Londres, Bruxelas e Copenhague.

 

 

Arriba

 

A carta está asinada por Alfredo Conse, Paco Martín, Antón Santamarina, Xabier P. Docampo, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Manuel Lourenzo, Suso de Toro, Rubén Ruibal, Agustín Fernández Paz e Xusto Beramendi

Escritores galardoados co Premio Nacional de Literatura solicitan a dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo Once escritores galegos, todos eles premiados co Premio Nacional, solicitan a dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo Roberto Varela.

Carta tomada da web axendaaelg.blogaliza.org:

O señor conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia vén de facer pública, e non por primeira vez, unha análise da cultura galega temeraria e negativa. Antes xa nos ten ofrecido a súa opinión de que “a cultura galega limita”, unha descualificación da nosa mesma identidade colectiva. Deberemos deixar de ter cultura propia, deixar de sermos galegos para non estar “limitados”? Como pode protexer e traballar a prol da nosa cultura quen se expresa con ese fondo complexo de inferioridade identitario? Non pode. Agora precisou máis o diagnóstico, a cultura galega está “ensimesmada e acomplexada”, expresión claramente ofensiva para os creadores e xestores da cultura de Galicia. Pero que, ademais, indica un descoñecemento claro do estado da nosa cultura, tanto no que atinxe ás obras como ao tecido industrial que as sustenta.

Os abaixo asinantes, autores de obras escritas todas elas en lingua galega que foron merecedoras do premio nacional de literatura nas súas distintas modalidades (narrativa, literatura dramática, literatura infantil e xuvenil, tradución e ensaio), consideramos que isto, coma as outras moitas distincións e consideracións que as obras da nosa cultura veñen tendo en toda España e  fóra das fronteiras do Estado, negan a insultante e despectiva cualificación do señor Conselleiro.

Estamos verdadeiramente asombrados e fartos de que o conselleiro de cultura do goberno galego desprece sistematicamente a cultura galega, como un auténtico “bombeiro pirómano”.

Consecuentemente, para que desapareza esta pasmosa anomalía, pedimos a dimisión ou cesamento inmediato de don Roberto Varela como Conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, dado que o seu escaso coñecemento e falta de consideración cara a cultura galega veñen evidenciar a nula idoneidade para o posto que ocupa. El ha ser máis feliz lonxe de todos nós, “limitados”, “ensimesmados” e “acomplexados”, e todos nós recuperaremos unha situación que teña un mínimo de cordura.

Alfredo Conde (Premio Nacional de Narrativa, 1985)

Paco Martín (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1985)

Antón Santamarina (Premio Nacional de Traducción, 1988)

Xabier P. DoCampo (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1995)

Manuel Rivas (Premio Nacional de Narrativa, 1996)

Fina Casalderrey (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 1996)

Manuel Lourenzo (Premio Nacional de Literatura Dramática, 1997)

Suso de Toro (Premio Nacional de Narrativa, 2003)

Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007)

Agustín Fernández Paz (Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, 2008)

Xusto Beramendi (Premio Nacional de Ensayo, 2008).

 

 

Arriba

 

Esta actividade enmárcase no Ano do Libro e da Lectura

Cultura e Turismo presenta a iniciativa Libros sobre rodas, que percorrerá 14 vilas do país

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Libros sobre rodas. Fotografía: Xoán Crespo O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, presentaron hoxe en rolda de prensa na Biblioteca Anxel Casal a iniciativa Libros sobre rodas, dentro dos actos do Ano do Libro e da Lectura. O conselleiro identificou o evento, como o primeiro dunha programación “variada, equilibrada e plural” que representará a “meirande oportunidade para divulgar a nosa literatura”.

Para o conselleiro “o libro galego é un medio estratéxico para mostrar a nosa identidade e promover a nosa lingua, un instrumento útil tanto para a expresión da nosa creatividade literaria como para a visibilización da nosa cultura”. O esforzo da Consellería situarase na busca da concorrencia de todas as circunstancias necesarias para acadar a “viabilidade deste sector que resulta, sen dúbida, estratéxico tanto no eido social como no cultural”.

A iniciativa “Libros sobre rodas” porá en marcha un autobús promocional que nunha primeira xira partindo dende Santiago, percorrerá 14 vilas galegas. Este autobús está equipado para labores de dinamización cultural e contará cun equipo de animadores, que realizarán actuacións promocionais na rúa, baseadas no obxecto da campaña. Amais, distribuirá gratuitamente máis de 4000 exemplares do volume A grande aventura do libro, centrado na historia da edición da obra impresa, cunha atención especial ao libro galego.

Nun primeiro circuíto, o autobús percorrerá un total de 14 vilas, logo de cubrir unha distancia que roldará os 1000 km consonte o calendario fixado e que abrangue as catro provincias galegas: 25 de xaneiro en Santiago de Compostela; 26 en Lalín, 27 en O Saviñao, 28 en Sarria, 29 en Viana do Bolo, 30 en Celanova, 31 en Ribadavia, 1 de febreiro en Verín, 2 en Ponteareas, 3 en Vilagarcía, 4 en A Pobra do Caramiñal, 5 en Betanzos, 6 en Narón, 7 en Vilalba e rematará en Ribadeo o 8 de febreiro.

O espectáculo central buscará estimular a curiosidade ou o interese do público, como base para acceder a novas dimensións de pracer pola lectura. Con este fin, o público accederá ao autobús por un espazo simbolicamente escuro, canto á estrutura, para acceder, a través del, á beleza e á luminosidade do coñecemento. Como remate, os visitantes reciben o agasallo dun volume A grande aventura do libro, onde encontrarán as orixes e a evolución do libro como instrumento básico da cultura ao longo da historia, exposto dun xeito ameno e sinxelo.

Esta actividade enmárcase no conxunto que levará a cabo a Consellería durante o Ano do Libro e da Lectura, onde está previsto realizar máis de trinta espectáculos, no que se unirán a música e a poesía, para achegar a voz das creadoras e dos creadores deste xénero literario a concellos dos nove camiños de peregrinación que conflúen en Compostela.

 

 

Arriba

 

Para os vindeiros catro anos

Xosé Luís Méndez Ferrín é nomeado novo Presidente da Real Academia Galega

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega O que era un segredo a voces confirmouse o pasado sábado na coruñesa Rúa Tabernas. O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín foi nomeado novo presidente da Real Academia Galega en substitución do salinte Xosé Luís Barreiro Fernández tralo correspondente plenario da Real Academia Galega celebrado en sesión extraordinaria.

O equipo directivo que acompañará Méndez Ferrín estará conformado por Xosé Luís Axeitos como Secretario, Francisco Fernández-Rei como Vicesecretario, Manuel González González será o novo Tesoureiro e Euloxio Rodríguez Ruibal actuará como Arquiveiro/Bibliotecario.

 

 

Arriba

 

O fallo darase a coñecer o 12 de xuño

Xerais convoca unha nova edición dos Premios de novela e de Literatura infantil

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Premios Xerais 2010 A editorial Xerais convoca unha nova edición dos seus premios anuais de novela e de literatura infantil correspondentes ao ano 2010.

O Premio Xerais de novela, que alcanza con esta a súa 27ª edición, está dotado con 25.000 euros, mentres que a 25ª edición do premio Merlín de literatura infantil, con 10.000 euros.

O prazo de presentación de orixinais de ámbolos dous premios remata o 12 de abril. A entrega de premios fallaranse na Festa Xerais o sábado, 12 de xuño de 2010.

 

[Bases do 27º Premio Xerais de Novela]

[Bases do 25º Premio Merlín de literatura infantil]

 

 

Arriba

 

A primeira data será en Ferrol o 21 de abril

A Federación de Libreiros de Galicia e a Consellería de Cultura e Turismo organizan a celebración de dez feiras do libro

 

(25-Xaneiro-2010)

 

Feiras do Libro 2010 Dez Feiras do Libro percorrerán Galicia de abril a agosto de 2010. A Federación  de Libreiros de Galicia elixiu, en asemblea, as seguintes datas e localidades para desenvolver estes eventos:

Ferrol (Cantón de Molins) do 21 ao 25 de abril.

Santiago de Compostela (Paseo Central da Alameda) do 1 ao 9 de maio.

Lugo (Praza Maior) do 15 ao 23 de maio.

Ourense (Rúa do Paseo) do 29 de maio ao 6 de xuño.

Vigo (Praza de Compostela) do 2 ao 11 de xullo.

Cangas (Alameda de Soage) do 21 ao 25 de xullo.

A Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) do 1 ao 10 de agosto.

Viveiro (Xardíns de Noriega Varela) do 13 ao 16 de agosto.

Foz (Praza do Conde de Fontao) do 19 ao 22 de agosto.

Monforte (Rúa Cardeal) do 25 ao 28 de agosto.

 

Como novidade, a consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura saca por primeira vez a concurso público a organización dos actos das feiras do libro de Galicia 2010 por un importe de 260.000 euros.

 

 

Arriba

 

Iniciáranse contacto con todas as institucións que teñan competencias no ámbito cultural

A Deputación da Lugo quere converter a casa natal de Manuel María nun museo dedicado á súa vida e obra

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Creación do Museo Manuel María O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, informou que a Área de Cultura que dirixe dentro da Deputación está dando os primeiros pasos para que a casa natal do poeta de Outeiro de Rei, Manuel María, acolla un museo dedicado á súa obra e á súa vida, que sirva para recoñecer e poñer en valor o legado dun dos escritores lugueses máis importantes na historia da literatura galega.

Antón Bao anunciou que, pola transcendencia desta iniciativa en todo o ámbito do país, perséguese a implicación de todas as institucións que teñen competencias en materia cultural e daqueloutras que tiveron relación directa coa vida do poeta. Neste camiño, explicouse que “hai uns días enviouse unha carta á Consellería de Cultura e ás outras tres Deputacións galegas, pola súa responsabilidade en materia cultural, e a aquelas institucións que tiveron relación directa e persoal con Manuel María, como é, por suposto o Concello de Outeiro de Rei, o Concello de Monforte de Lemos, o Concello da Coruña e o Concello de Lugo”. Do mesmo xeito, anunciouse o comezo dunha “rolda de contactos con institucións para cooperar no proxecto cunha entrevista co vicepresidente da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, mentres se agarda a resposta doutras institucións para avanzar nesta iniciativa, que cremos de interese cultural para Lugo e o conxunto do País.

Os inicios desta solicitude xurdiu por parte da Fundación Manuel María no pasado mes de decembro durante os actos de homenaxe ao escritor con motivo do seu 5º cabodano. Dende a Deputación de Lugo optan por manter o legado e a memoria do poeta Manuel María e, de xeito máis específico e inmediato, dispoñer dese espazo físico onde se dea acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais e calquera outro feito que garde relación co poeta, de xeito que sirva, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa figura e a súa obra ao pobo galego.

 

 

Arriba

 

Como froito desta unión, fórmase unha das editoriais máis potentes do país

Fusiónanse os selos editoriais Kalandraka e Faktoría K

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Kalandraka e Faktoría K únense As editoriais Kalandraka Editora e Faktoría K de Libro veñen de formalizar a súa fusión, converténdose nunha soa empresa e formando unha das editoras máis importantes de Galicia, tanto polo seu capital social como polo seu fondo bibliográfico.

Con este acordo, Faktoría K intégrase na estrutura de Kalandraka, se ben ambos selos van seguir mantendo cadansúa liña editorial e a súa identidade propia, en espazos compartidos pero diferenciados. Un dos motivos que impulsa esta fusión é a integración no accionariado de Kalandraka dos seus traballadores, que xa eran socios de Faktoría K.

Con esta fusión Kalandraka dótase así dun maior reforzo a nivel corporativo, que redundará nunha mellor efectividade da súa organización interna. O ano 2010 é o elixido para a unificación dos dous selos, que comparten unha filosofía empresarial orientada á calidade das súas respectivas edicións, a nivel estético, literario, de deseño e de produción. O vindeiro 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, Kalandraka cumprirá 12 anos de traxectoria.

Tanto Kalandraka como Faktoría tamén comparten a convocatoria de senllos concursos internacionais de creación: Kalandraka organiza anualmente o Premio Compostela de Álbum Ilustrado en colaboración co Departamento de Educación do Concello de Santiago e Faktoría K promove o Premio ‘Ciudad de Orihuela’ de Poesía Infantil coa Concellería de Educación desa cidade.

 

 

Arriba

 

O proxecto tratáse dun novo impulso á innovación social da eurorrexión

O Centro de Estudos Eurorrexionais presentou en Porto o proxecto Ciencia e cultura compartida. Lecturas na Eurorrexión

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Lecturas na Eurorrexión O Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), formado polas universidades galegas e do Norte de Portugal, presentou o pasado venres en Porto o seu novo proxecto: Ciencia e cultura compartida. Lecturas na Eurorrexión, que contou coa colaboración da Universidade do porto, do Clube Literario do Porto e o Agrupamento de Escolas de Agrela e Vale do Leça.

Para o CEER o desenvolvemento de sinerxías entre os actores sociais da Eurorrexión  é unha necesidade e por iso considera imprescindible implementar accións que  faciliten o coñecemento mutuo. Neste sentido o director do CEER, Carlos Ferrás,  profesor de Xeografía da USC, ten manifestado en multitude de ocasións que 'é  precido crear unha masa crítica, que impulse unha verdadeira cooperación  transfronteiriza, tanto no ámbito cultural, como no científico'.

Na xuntanza debatiuse como o Club de Lectura Virtual Eurorrexional pode constiuirse como ferramenta de apoio ao profesorado e de achegamento e colaboración entre centros de secundaria galegos e portugueses, asi mesmo realizouse un almorzo de traballo e análise de novas vías de colaboración entre centros de secundaria galegos e portugueses, no campos das letras e das ciencias.

O proxecto de Cultura e ciencias compartidas trátase dun novo impulso á innovación  social, e nace debido ao impacto que tivo o Club de Lectura virtual Eurorrexional,  plataforma electrónica que en menos dun ano xa se constituíu como unha potente  ferramenta educativa. Dende o CEER desexan impulsar o coñecemento de escritores  galegos e portugueses, o intercambio de rapaces de educación secundaria, o  fomento da lectura, a creación de e-contidos relacionados coa ciencia e a cultura e  o impulso a creación dunha revista divulgadora da ciencia.

[Web do CEER]

 

 

Arriba

 

O acto de entrega será o sábado 30 de xaneiro

O profesor Xesús Alonso Montero, galardoado co Facho de Ouro

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Xesús Alonso Montero recibirá o Facho de Ouro A Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho acordou outorgar O Facho de Ouro ao profesor e home de ben, D. Xesús Alonso Montero, como testemuña e recoñecemento a súa longa traxectoria na defensa da dignidade e da cultura de Galicia.

O acto de entrega celebrarase o sábado 30 de xaneiro e ao acto cívico se lle acompañará unha cea-homenaxe no Hotel Riazor da Coruña.

Estes premios veñen entregándose dende o 2006, e na primeira edición fíxoselle entrega do mesmo a Isaac Díaz Pardo. Tras el recibírono Avelino Pousa Antelo (2007), Francisco Fernández del Riego (2008) e Xosé Neira Vilas no pasado ano.

Pódese facer a reserva para a cea no 981.269.663 (tardes) ou por correo electrónico a lobezan@yahoo.es. O prezo é de 30 €.

 

 

 

Arriba

 

Destinaranse un total de 30.000 euros

Cultura e Turismo promoverá a creación de historias longas de banda deseñada galega

 

(20-Xaneiro-2010)

 

A Consellería de Cultura e Turismo promociona a banda deseñada A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura fomentará a creación de obras extensas de banda deseñada galega coa finalidade de favorecer a edición de historias longas de cómic.

O organismo dirixido por Francisco López-Barxas destinará un total de 30.000 euros para o desenvolvemento deste tipo de proxectos. A redacción do proceso polo cal se destinarán estas axudas foi elaborado conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo e unha representación do sector.

Os interesados en se acoller a estas axudas ten un prazo dun mes para presentar os seus proxectos.

[Orde no DOGA 19/01/2010]

 

 

 

Arriba

 

Do 9 ao 12 de febreiro. Inscrición de balde

Marina Mayoral impartirá en febreiro un obradoiro de escritura narrativa

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Marina Mayoral A escritora Marina Mayoral impartirá un obradoiro de escritura narrativa na Biblioteca Nodal 'Miguel González Garcés' da Coruña que consistirá nunha parte teórica e outra práctica onde se afondarán temas como a voz do narrador, o público ou o espazo narrativo.

O obradoiro desenvolverase entre os días 9 e 12 de febreiro no horario de 10.00 h. a 13.00 h. e de 17.00 h. a 19.00 h. A inscrición, xa aberta, é de balde baixo rigorosa orde de petición.

Para inscribirse ou para recibir máis información os interesados poden facelo nos teléfonos 981170218 e 981170219 ou por correo electrónico no enderezo bppmgonzalezgarces@xunta.es.

 

 

Arriba

 

Monte Louro, de Luís Rei Núñez, mellor libro de narrativa do 2009 segundo os lectores

Publicamos os resultados da enquisa 'Os mellores libros do 2009'

 

(20-Xaneiro-2010)

 

Os mellores libros do 2009 segundo os lectores de Fervenzas Literarias Tras case un mes recibindo as vosas votacións, o pasado luns publicamos os resultados, os vosos resultados, indicando cales foron os mellores libros publicados ao longo do 2009.

Un ano máis, dende Fervenzas Literarias queremos agradecervos sinceramente o voso interese e esperamos contar para o vindeiro ano coa vosa opinión para elixir os Mellores libros do 2010.

E agora... os resultados:

Mellor libro narrativa para adultos: Monte Louro (Xerais) de Luís Rei Núñez.

Mellor libro de poesía para adultos: Deter o día cunha flor (Baía) de Luz Pozo Garza.

Mellor libro de ensaio para adultos: Memorias dun ninguén (Galaxia) de Carlos Mella.

Mellor libro de literatura dramática: Valentino Rufini e Akil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can) (Baía) de Roberto Salgueiro.

Mellor libro para adultos traducido ao galego: Sete casas en Francia (Faktoría K) de Bernardo Atxaga.

Mellor libro xuvenil: Ás de bolboreta (Xerais) de Rosa Aneiros.

Mellor libro infantil: Chamádeme Simbad (Galaxia) de Francisco Castro.

Mellor libro LIX traducido ao galego: O derradeiro irmán (Xerais) de Natacha Appanah.

Autor/a do ano: Domingo Villar.

Ilustrador/a do ano: David Pintor.

Mellor portada adultos: Sol de inverno (Xerais).

Mellor portada xuvenil/infantil: A dama da luz (Xerais)

Mellor editorial: Xerais

Mellor crítico/a literario: Ramón Nicolás

Mellor iniciativa literaria: AchegArte

O mellor acontecido no 2009: Manuel Rivas ingresa na RAG

O peor acontecido no 2009: A política lingüística da Xunta

Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña)

Mellor medio de comunicación: Diario Cultural (Radio Galega)

Mellor blog: Brétemas

 

A gañadora do lote de libros cedido pola Federación de Libreiros de Galicia e sorteado entre todas as enquisas recibidas foi para Cristina Martínez, de Santiago de Compostela.

 

[O mellor do 2009. Todos os resultados]

 

 

Arriba

 

O xurado destacou da obra gañadora a súa riqueza léxica na configuraciónn dunha nova perspectiva da poesía paisaxística

Lucía Novas gaña con Neve o XIII Premio de poesía Johán Carballeira

 

(14-Xaneiro-2010)

 

Lucía Novas A poeta Lucía Novas é a gañadora do XIII de poesía Johán Carballeira, que convoca anualmente pola Concellería de Cultura do Concello de Bueu.

O xurado, composto polos escritores Mario Regueira, Helena de Carlos e Rosa Enríquez, decidiu por unanimidade declarar como gañador do premio a obra presentada como Neve, da bueueira Lucía Novas. O xurado apreciou, segundo consta na acta levantada aos efectos, a capacidade da autora para crear unha obra orixinal a partir de técnicas compositivas clásicas (acumulación, ausencia de verbos...) e a súa riqueza léxica na configuración dunha nova perspectiva da poesía paisaxística.

O premio conleva, amais da correspondente dotación económica, a publicación da obra.

Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, Lucía Novas comeza a gañar os primeiros premios literarios durante a adolescencia (Minerva de poesía 1996, 1997) e o seu primeiro libro Epiderme de estío (Espiral Maior) ve a luz no 2001 grazas ó Certame Concello de Carral. Novas participou en diversos volumes colectivos así como nas antoloxías Das sonorosas cordas (Eneida) e Poetízate. Antoloxía da poesía galega (Xerais).

 

 

Arriba

 

Francisco Leiro ilustra esta gran obra da cultura xacobea

Presentación da edición galega do Codex Calixtinus

 

(12-Xaneiro-2010)

 

Presentación da tradución ao galego do Codex Calixtinus Onte presentouse a tradución do latín ao galego do Códice Calixtino. Esta obra, conservada na súa versión orixinal na Catedral de Santiago de Compostela, é segundo Ignacio Santos, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo "a obra histórica de referencia para entender o desenvolvemento as orixes da cultura xacobea". A edición que agora se presenta en galego incorpora ilustracións do artista Francisco Leiro.

O Codex Calixtinus é o título que se lle dá ao manuscrito máis antigo, o da Catedral de Santiago, por aparecer nel o papa Calixto II, gran benfeitor do santuario de Compostela, como autor e promotor. Está dividido en cinco libros e una serie de apéndices de extensión e contidos moi diferentes sempre dedicados á exaltación do universo xacobeo.

O Códice Calixtino está composto por cinco libros que teñen unha temática aparentemente moi distinta, pero un obxectivo único: enxalzar ao Apóstolo Santiago. O Libro I é unha antoloxía de textos litúrxicos para as celebracións de Santiago: homilías tomadas de Padres da Igrexa e aplicadas ao Apóstolo, himnos e misas. Este é con moita diferenza o libro máis extenso, pois abrangue máis folios el só ca todos os outros xuntos. O Libro II conta en 22 capítulos outros tantos milagres, acadados en diversos lugares pola intercesión de Santiago, chamado por iso Liber de Miraculis. O Libro III ten como tema relevante a translación do corpo do Apóstolo a Galicia, contada en cada un dos dous primeiros capítulos de maneira distinta. Asemade, tamén inténtase xustificar as celebracións das festas de Santiago ou se narran as virtudes do son das buguinas que os peregrinos adoitaban levar de Santiago á súa terra. É o máis curto dos cinco que compoñen o Códice. O IV Libro, coñecido como Pseudo-Turpín ou Historia de Turpín, conta como se apareceu Santiago a Carlomagno mostrándolle o camiño das estrelas que debía seguir e inclúese o relato épico de Roncesvales. O último capítulo é unha carta atribuída ao papa Calixto confirmando a autoridade do libro. O V Libro é o máis traducido nos últimos tempos por estar considerado como unha Guía do Peregrino polo Camiño francés a Compostela. Nárranse como son as xornadas do Camiño, as poboacións por onde pasa, as súas calidades e as das súas xentes, os ríos saudables e daniños e os santuarios que deben visitarse. Tamén dedica os tres últimos capítulos a describir a cidade de Santiago, as igrexas, as portas da cidade e da catedral, o número dos seus cóengos, a non sempre xusta distribución súa das ofrendas e como deben ser recibidos os peregrinos.

Onte inaugurouse tamén, na compostelá Casa da Parra, a mostra Francisco Leiro. Celebrando o Calixtino, que estará exposta ata o 28 de febreiro e onde se exhiben as creacións que Francisco Leiro ideou para esta nova edición do Códice Calixtino.

 

 

Arriba

 

Presentación de Tic-Tac (Kalandraka) ma Biblioteca Municipal de Gondomar

Espazo Lectura arrinca o novo ano cunha ampla programación

 

(11-Xaneiro-2010)

 

Nova tempada Espazo Lectura Tras o parón das vacacións de Nadal, a asociación de Gondomar Espazo Lectura volve cunha tempada chea de actividades centradas no libro e na lectura.

O luns 11 de xaneiro, dentro das sesións do Contomar para nenos e nenas de máis de 3 anos, presentarase o libro-disco Tic-Tac (Kalandraka) de Pablo Díaz e Marc Taeger. O Contomar realizarase todos os luns ás 18.00 h. na Biblioteca Municipal de Gondomar. Os máis pequenos teñen outra data coas sesións de dinamización lectora para nenos e nenas de máis de tres anos na Casa de Lectura. Todos os mércores, ás 18.30 h.

Mañá martes os lectores teñen unha cita co club de lectura Sete vidas na biblioteca municipal de Gondomar. Será ás 20.00 h. e esta primeira sesión do ano será con O bosque dos raposos aforcados (Rinoceronte) de Arto Paasilina. O 19 de xaneiro celebrarase o club de Lecturas debuxadas para os afeccionados á banda deseñada co cómic Tamara Drewe, de Posy Simmonds.

Rematará este mes cunha sesión do club de lectura compartida Lendo contigo, para pais e nais e para nenos e nenas, o sábado 30 ás 12.00 h. na Biblioteca Municipal de Gondomar. O libro proposto para esta sesión será Valados (Xerais) de Agustín Fernández Paz.

[Web de Espazo Lectura]

 

 

Arriba

 

O acto, organizado por Implicadas/os no desenvolvemento, terá lugar no 10 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela

Implícate 2010: unha velada músical, poética e teatral

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Implícate 2010 Implicadas/os no Desenvolvemento organiza para o vindeiro 10 de xaneiro a gala Implícate 2010 no Teatro principal de Santiago de Compostela, na que será unha noite para a música e a palabra solidaria.

O acto, dirixido por Yolanda Castaño e Luís Tosar, contará con Carmen Rey e banda, Susana Seivane e Narf no apartado musical, con Pisando ovos en danza, cos poetas Antón Reixa, Ana Romaní, María Xosé Queizán e Lino Braxe, e no apartado de teatro con Cándido Pazó e Patricia de Lorenzo.

No transcurso de Implícate 2010 farase entrega do premio Implicada do Ano á xornalista Amelia García Hervella.

As entradas ten un custo de 12 € a xeral e de 8 € para o estudantado. Poderanse adquirir na taquilla Caixa Galicia, ben na Internet ou por teléfono no 902 43 44 43, onde tamén está dispoñible unha fila cero (entradas a 5 €).

 

 

Arriba

 

O acto de entrega será o 29 de xaneiro na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela

Manuel Rivas recibe o premio Portapaz do Seminario Galego de Educación para a Paz

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Manuel Rivas, premio Portapaz A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz decidíu conceder os seus Premios Portapaz que entrega anualmente a persoas e/ou entidades que destaquen na defensa e promoción dos valores cívicos e democráticos, dos dereitos humanos e da Cultura da Paz, ó escritor galego, Manolo Rivas, ó fotoxornalista Gervasio Sanchez, e á xornalista arxentina Karen Maron.

 O Acto de entrega será o vindeiro día 29 de Xaneiro, víspera do Día Escolar pola Paz, aniversario da morte de Gandhi, na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. Posteriormente haberá unha Cea de Homenaxe cos galardoados nun coñecido Restaurante de Compostela.

Ademais realizará o seu tradicional acto conmemorativo na Horta da Paz da Casa de Rosalía de Castro en Padrón, o mesmo día 29, ás 11.30 h., con nenos e nenas da comarca padronesa.

 

 

Arriba

 

Seleccionan o mellor do ano en teatro, poesía, narrativa, ensaio e literatura infantil e xuvenil

Os críticos de culturagalega.org elixen os mellores libros do 2009

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Os mellores de 2009 de Lg3 Os críticos do Soportal de Literatura Galega Lg3 do Consello da Cultura Galega elixen os seus libros favoritos do 2009 que ven de rematar.

En literatura dramática, Inma López Silva destaca a Obra dramática completa de Sarah Kane, publicado por Galaxia, Sempre quixen bailar un tango (Xerais) de Teresa González Costa e Manual de práctica teatral feminista (Galaxia) de Elaine Aston.

Gustavo Hervella selecciona, entre os textos ensaísticos publicados o pasado ano, As razóns do galego (Galaxia) de Henrique Monteagudo, Catro historias de emigrantes (Galaxia) de Manuel Losa e Facendo historia con memoria (3c3) Lourenzo Fernández Prieto.Sen saír do ensaio, Montse Pena destaca Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia 1961-1984 (Galaxia) mentres que Anxos García Fonte e Xurxo Ayán seleccionan As novelas da memoria (Galaxia), de John Thompson, á quen este último engade Hugo Pratt. O desexo de ser inútil (Galaxia).

En poesía Lorena Domínguez Mallo subliña o traballo de Raida Rodríguez editado por Estaleiro Editora Máquina de guerra. Outro dos destacados por Domínguez Mallo é O pouso do fume (Espiral Maior) de Dores Tembrás. Pola súa banda, María Xesús Nogueira queda con Secesión (Galaxia) de Chus Pato e Deconstruçom (Espiral Maior) de Susana Sánchez Aríns e.Montse Pena selecciona como o mellor en poesía A desaparición da neve (Alfaguara) de Manuel Rivas.

En Narrativa a aposta de Isabel Soto é Monte Louro (Xerais) de Luís Rei Núñez. O museo da inocencia (Galaxia) de Orhan Pamuk e Monbars o exterminador (Xerais) de Hixinio Puentes son as seleccións de Anxos García Fonte. María Xesús Nogueira aposta por A perspectiva desde a porta (Positivas) de Patricia A. Janeiro e Xurxo Ayán por A praia dos afogados (Galaxia) de Domingo Villar.

En Literatura Infantil e Xuvenil Isabel Soto selecciona dous libros: Lúa do Senegal (Xerais) de Agustín Fernández Paz e Mil cousas poden pasar. Libro I (Xerais) de Jacobo Fernández Serrano. Montse Pena destaca Ás de bolboreta (Xerais) de Rosa Aneiros e Lorena Domínguez Mallo Un bico de amor e de vida (Galaxia) de Xosé A. Neira Cruz.

[Os mellores do 2009 para Culturagalega.org]

 

 

Arriba

 

O proxecto está impulsado por Continental Producciónes e Costa Oeste

A obra de Miguelanxo Prado, en cómic dixital

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Presentación do iMotion Cómic A Universidade de Santiago de Compostela acolleu o pasado 29 de decembro a primeira banda deseñada interactiva creada en España para o iPhone e o iPod Touch, o iMotion Cómic, quie suporá un innovador formato de cómic dixital que incorpora animacións, opcións de idioma, banda sonora, efectos especiais e todos os recursos necesarios para facer evolucionar a banda deseñada tradicional a un novo formato multimedia. Este formato en breve será distribuído a máis de 70 países a través da plataforma AppStore.

O primeiro dos cómics que se distribuirán será Quotidianía Delirante, no que se adaptan tres das máis de 40 historias que compoñen a popular obra do artista galego Miguelanxo Prado.

O proxecto, impulsado por Continental Producciones e Costa Oeste, terá máis de 50 millóns de usuarios potenciais.

 

 

Arriba

 

As bibliotecas incorporarán aos seus catálogos recursos 2.0

Cultura e Tursimo senta as bases para o futuro das bibliotecas galegas

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Borrador Lei Bibliotecas 2010 O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu a primeira reunión do novo Consello de Bibliotecas de Galicia. En dita sesión quedou definida a composición deste organismo coa incorporación dos novos vogais designados polo Parlamento e polo Consello da Cultura Galega. En concreto, a Comisión Cuarta de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia designou a María Antonia Pérez Rodríguez, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Gerardo Marraud González e Carmen Varela Prado. Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega nomeou a Helena Villar Janeiro.

Nesta primeira reunión presentouse o borrador da nova lei de bibliotecas que a Consellería de Cultura e Turismo prevé aprobar a finais de 2010. Ábrese agora un prazo de 3 meses para que os membros do Consello de Bibliotecas de Galicia realicen as súas aportacións. O novo marco lexislativo adecuarase ás necesidades da biblioteca pública e procurará garantir á sociedade servizos bibliotecarios de calidade. Segundo o informe presentado, os cambios producidos nas bibliotecas nos últimos 20 anos fan que a vixente lei de 1989 quede superada pola nova realidade bibliotecaria. Establécese como prioridade impulsar un novo marco legal que articule o sistema bibliotecario galego e que supoña un cambio significativo sobre a lei actual. Na reunión detallouse asemade o informe de actuacións referidas a 2009, no que destaca o incremento xeralizado nos préstamos nas bibliotecas nodais de Galicia. Polo que respecta á promoción do libro e da lectura, rexistrouse un aumento no número actos e solicitudes enmarcados dentro do programa “Letras Vivas”. De forma detallada, no apartado de animación á lectura pasouse dun total de 46 solicitudes e 260 actos en 2008 a 136 solicitudes e 555 actos en 2009. No que se refire ao apartado de creación, o incremento supuxo pasar de 32 solicitudes e 85 actos en 2008 a 130 solicitudes e 323 actos en 2009.

Entre as directrices analizadas para 2010, contémplase a coordinación da Rede de Bibliotecas Públicas e potenciar o seu desenvolvemento. Neste apartado, abordarase a elaboración e publicación anual do censo e do Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia como instrumento de traballo para coñecer a realidade da rede e as necesidades de Lectura Pública antes de actuar de maneira planificada e operativa.

Respecto ás novas tecnoloxías, desenvolverase a informatización das bibliotecas e a implantación da web 2.0 de cara a contar cun novo software adecuado ás novas demandas e posibilidades. O obxectivo é situar ás bibliotecas públicas galegas como mediadora cualificada entre o usuario e ás súas necesidades informativas, educativas, de formación e de ocio. Doutra banda, potenciarase a formación inicial e permanente do persoal bibliotecario dos centros da rede a través da programación de cursos e a convocatoria anual de bolsas de formación en biblioteconomía.

Para o ano 2010 o Sistema de Bibliotecas buscará integrarse no proxecto global do Ano do Libro e da Lectura cunha participación activa no mesmo e se impulsarán programas de actividades culturais e de animación á lectura. Co fin de potenciar as bibliotecas como centros de acceso á cultura manterase o programa “Letras vivas”, iniciativa dirixida a propiciar que as bibliotecas públicas integradas na rede conten cunha programación de actividades estables en prol do fomento da lectura e promoción dos creadores. Do mesmo xeito, desenvolveranse clubs de lectura e outras actividades como exposicións, presentación de libros, proxeccións ou ciclos de conferencias.

Outras das liñas estratéxicas será o impulso para a actualización e renovación das coleccións cun programa de axudas para a adquisición de fondos bibliográficos. Neste sentido, prevese asemade a distribución dos libros adquiridos no programa de promoción do libro en galego co fin de reforzar a presenza da produción editorial galega nas bibliotecas da rede. Entre os eixes de actuación, englóbanse a dotación de lotes básicas e fundamentais ás bibliotecas de nova creación e a mellora das coleccións, incrementando a diversidade de recursos en todo tipo de soportes (incluído os virtuais).

A Consellería de Cultura e Turismo prevé a inauguración en 2010 do novo edificio da Biblioteca de Galicia. Entre os seus obxectivos está o de facilitar o acceso dos usuarios aos fondos para dar un efectivo soporte documental e a unificación das distintas bases de datos do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia.

Nesta liña de traballo, contémplase a implantación dun sistema de xestión bibliotecario a través dun programa informático único de xeito que a información necesaria para a investigación sobre a cultura e a ciencia galega estea ao alcance dos investigadores, dos cidadáns galegos e de todo aquel que teña interese neste ámbito, de maneira organizada, consciente, efectiva e cun entorno amigable que simplifique e facilite o acceso aos recursos. Un portal web para xerar a Biblioteca de Galicia Virtual servirá para mellorar a visibilidade deste centro bibliotecario.

A Consellería promoverá o papel da Biblioteca de Galicia para colaborar no avance global dos servizos bibliotecarios en Galicia e a participación a nivel estatal en proxectos e iniciativas que atinxan ao sector das bibliotecas e dos servizos de información para aportar o seu traballo e a proxectos en común e dar a coñecer a nosa realidade en todos os ámbitos.

Como remate, a Consellería de Cultura e Turismo velará asemade pola mellora das infraestruturas, equipamentos, persoal e servizos aos usuarios das Bibliotecas Nodais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

 

 

Arriba

 

Volcou ao galego por vez primeira o teatro de Shakespeare

Finou o mestre de tradutores Fernando Pérez-Barreiro Nolla

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Fernando Pérez-Barreiro O pasado 4 de xaneiro finou na localidade inglesa de Lancaster o tradutor e escritor galego Fernando Pérez-Barreiro Nolla.

Fillo do escritor e avogado viveirense Fernando Pérez Barreiro, licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Sumouse ao ambiente galeguista da capital galega, e grazas a estas relacións consegue un posto de traballo na emisión en galego da radio da BBC británica, onde compartirá espazo con Plácido Castro. Múdase entón a Londres en 1963 e alí traballará para os servizos exteriores da BBC ata 1969.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla foi Xefe dos Servizos de Tradución da Organización Internacional do Café (Londres) e profesor de tradución nas Universidades de Westminster e Thames Valley. Membro do Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), actuou como correspondente da Real Academia Galega. No ano 2005 recibiu o Pedrón de Honra e o pasado ano foi condecorado coa Medalla Castelao.

Dentro do seu labor como tradutor publica en 1972 a primeira tradución dunha obra de teatro de Shakespeare ao galego: Macbeth, na editorial Galaxia. En 1982 publica as primeiras traducións directas do chinés ao galego en Flores e leña (Panorama e antoloxía de narracións chinesas contemporáneas) (Galaxia). Tres anos despois recibe o Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís do Ministerio de Cultura pola tradución ao galego que fixo coa súa dona Teresa Barro, de Alicia no País das Marabillas (Xerais) de Lewis Carroll, que terá a súa prolongación ese mesmo ano con Alicia do outro lado do espello (Xerais). En 2005 publica na Biblioteca Virtual (Bivir) un Breviario do pensamento clásico chinés, con traducións de textos filosóficos chineses dende as orixes ata o neoconfucianismo. Gaña con esa tradución o Premio Plácido Castro, ex aequo con Iolanda Galanes. Fernando Pérez-Barreiro é coautor do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia.

 

 

Arriba

 

O estudo analiza o territorio polo que pasa o Camiño desde unha visión histórica e antropolóxica

Manuel Vilar Álvarez recibe o Premio de Investigación Rutas Xacobeas por un traballo sobre o Camiño de Fisterra

 

(07-Xaneiro-2010)

 

Faro de Fisterra A Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos entregou o Premio de Investigación Rutas Xacobeas a Manuel Vilar Álvarez, natural de Muxía (A Coruña), por un traballo sobre o Camiño de Fisterra.

O traballo de investigación, O Camiño á fin da terra, trátase dun proxecto de aproximación ao territorio polo que transcorre a prolongación do Camiño de Santiago cara ás terras de Fisterra e Muxía. Está estruturado en sete capítulos, onde se analiza e estuda o territorio polo que pasa o Camiño desde unha visión histórica e antropolóxica, utilizando fontes documentais escritas, pero tamén fontes orais.

Segundo o autor, co estudo sobre o camiño e o territorio pódese contribuír a un mellor aproveitamento dos recursos da zona que poderán redundan en beneficio dos seus habitantes e nunha mellor calidade de vida dos mesmo. “O camiño pode axudar a buscar un valor engadido ao patrimonio cultural, un valor de rendibilidade económica asociada a novas formas de lecer e de turismo, pero tamén un valor social que poida dar saída a problemas actuais, polo tanto un valor de harmonizador social” –indicou Vilar Álvarez. Así, o premiado explicou que nesta liña enténdese o camiño como un ente capaz de dar respostas a novas formas de turismo, de mobilidade propias da sociedade posmoderna e pode funcionar non como un recurso turístico máis, senón como un recurso especial que permita xerar novas políticas de desenvolvemento no rural baseadas, entre outras, no patrimonio e na paisaxe.

O presidente da Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos indicou durante o acto de entrega que a convocatoria do premio de investigación é un importante vehículo de publicidade para os Camiños de Santiago, que lle dá “continuidade e promoción máis alá dun Ano Santo”. Asorey describiu este traballo como unha “guía de ruta do Camiño de Fisterra”, que conseguiu alzarse co premio entre outras dúas propostas de estudo.

O xurado do Premio estivo integrado polo presidente da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, Jesús Asorey; o decano de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Monterroso; o profesor de Historia Contemporánea da Universidad de León, Gustavo Puente; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Pontevedra, Charo Lorenzo; e o secretario xeral da Cámara de Comercio de León, Antonio M. Díaz.

 

 

Arriba

 

» Múltiples e variadas propostas para celebrar o Ano do Libro e da Lectura

» Apoio da AELG e Gálix ao manifesto asinado hai uns días polos once  escritores galegos galardoados co Premio Nacional

» Rianxo homenaxea un ano máis a Castelao

» A AGPI maniféstase contra a convocatoria de axudas á creación de Banda Deseñada da Xunta de Galicia

» Rosa Aneiros, Rosa Regás e Luísa Castro nos XX 'Encontros Literarios' do  Liceo de Ourense

» Pablo Carpintero recompila nun volume os intrumentos musicias e  tradicionais galegos

» A AGE reproba as palabras do Conselleiro de Cultura e Turismo

» Vila de Cruces homenaxea a Anisia Miranda

» Preséntase simultáneamente en todo o mundo 55 mentiras sobre a lingua  galega, publicado por Prolingua e Laiovento

» Escritores galardoados co Premio Nacional de Literatura solicitan a  dimisión do Conselleiro de Cultura e Turismo

» Cultura e Turismo presenta a iniciativa Libros sobre rodas, que percorrerá  14 vilas do país

» Xosé Luís Méndez Ferrín é nomeado novo Presidente da Real Academia  Galega

» Xerais convoca unha nova edición dos Premios de novela e de Literatura  infantil

» A Federación de Libreiros de Galicia e a Consellería de Cultura e Turismo  organizan a celebración de dez feiras do libro

» A Deputación da Lugo quere converter a casa natal de Manuel María nun  museo dedicado á súa vida e obra

» Fusiónanse os selos editoriais Kalandraka e Faktoría K

» O Centro de Estudos Eurorrexionais presentou en Porto o proxecto Ciencia  e cultura compartida. Lecturas na Eurorrexión

» O profesor Xesús Alonso Montero, galardoado co Facho de Ouro

» Cultura e Turismo promoverá a creación de historias longas de banda  deseñada galega

» Marina Mayoral impartirá en febreiro un obradoiro de escritura narrativa

» Publicamos os resultados da enquisa 'Os mellores libros do 2009'

» Lucía Novas gaña con Neve o XIII Premio de poesía Johán Carballeira

» Presentación da edición galega do Codex Calixtinus

» Espazo Lectura arrinca o novo ano cunha ampla programación

» Implícate 2010: unha velada músical, poética e teatral

» Manuel Rivas recibe o premio Portapaz do Seminario Galego de Educación  para a Paz

» Os críticos de culturagalega.org elixen os mellores libros do 2009

» A obra de Miguelanxo Prado, en cómic dixital

» Cultura e Tursimo senta as bases para o futuro das bibliotecas galegas

» Finou o mestre de tradutores Fernando Pérez-Barreiro Nolla

» Manuel Vilar Álvarez recibe o Premio de Investigación Rutas Xacobeas por  un traballo sobre o Camiño de Fisterra

 

Novas Xaneiro 2010