HEMEROTECA

 

Setembro 2010

Agosto 2010

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

A obra gañadora publicarase en Espiral Maior

Fernández Naval gaña o X premio de poesia 'Fiz Vergara Vilariño'

 

(28-Marzo-2010)

 

Francisco X. Fernández Naval gaña a X Edición do premio de poesía 'Fiz Vergara Vilariño' O xurado do X Premio de Poesía 'Fiz Vergara Viñariño', que convocan conxuntamente a Asociación Cultural Ergueitos e o Concello de Sarria deciciu outorgar por unanimidade o premio desta edición a Francisco X. Fernández Naval pola súa obra Bater de sombras.

O xurado, reunido este sábado na casa do concello de Sarria, estivo formado por Olla Cociña, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán-Vello, e con voz e sen voto Xermán Arias e María Casar. A maiores da dotación económica establecida nas bases, a obra gañadora publicarase na editorial Espiral Maior.

 

 

Arriba

 

As obras gañadoras e a finalista serán publicadas en libro pola editorial Xerais

Indoor, de Vanesa Martínez Soutelo e O vento da illa, de Begoña García Ferreira, obras gañadoras do IV Premio 'Diario Cultural' de Teatro Radiofónico

 

(28-Marzo-2010)

 

IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico O xurado do IV Premio 'Diario Cultural' de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgarlle o galardón desta edición á obra Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo. O xurado subliñou "a escrita contemporánea da obra gañadora así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese". O premio da audiencia foi para O vento da illa, de Begoña García Ferreira.

A autora de Indoor, Vanesa Martínez Sotelo, é actriz e dramaturga.Traballou en diferentes compañías teatrais como a Aula de Teatro da Universidade de Santiago, na compañía francesa Amphi-Théâtre, Teatro no Aramio e, na actualidade, Inversa Teatro na que prepara a estrea da obra Expostas da que é co-autora. Membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro, actualmente combina o seu traballo como actriz cos estudos de dirección de escena na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

A gañadora do premio da audiencia, Begoña García Ferreira, estudou Xeografía e Historia e na actualidade amplía estudos en arqueoloxía na República Checa. Traballa en Praga como profesora de español. Participou en varias obras de teatro universitario e foi compoñente da compañía profesional Cachuzo Teatro. Recibiu no ano 2008 o II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pola obra O mal da vaca e en 2009 o Premio Barriga Verde pola obra Bon appétit.

As tres obras finalistas -Indoor, de Vanesa M. Sotelo; O vento da illa, de Begoña García Ferreira e Nunca me esquecerei de ti de David Rodríguez Rodríguez publicaranse nun libro-cd, editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no seo dunha nova edición do Espazo Radioescénico, que este ano se desenvolverá no Teatro Principal de Ourense.

O xurado estivo composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do 'Diario Cultural' da Radio Galega; Ruben Ruibal, dramaturgo e co-autor da obra gañadora na anterior edición; María Paredes, coordinadora de programación da AGADIC e Camilo Franco, crítico teatral.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego co patrocinio da AGADIC, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.

 

Arriba

 

Auga e luz poderase visitar do 8 ao 23 de abril na Estrada e do 27 de abril ao 7 de maio en Neda

A Estrada acolle unha mostra-homenaxe á escritora e pintora Betty Millarengo

 

(25-Marzo-2010)

 

Auga e Luz. Homenaxe a Betty Millarengo Os Concellos da Estrada e de Neda organizan conxuntamente unha mostra-homenaxe á escritora e pintora Betty Millarengo, finada o pasado mes de xaneiro en Pontevedra.

A homenaxe principiará o 8 de abril ás 20.00 h. cunha misa na igrexa de San Paio da Estrada. De seguido, a Sala Caixanova de dita vila acollerá unha lectura dos poemas e de textos narrativos da autora nedense.

A exposición de homenaxe a Betty Millarengo mostrará unha selección dos seus cadros escollidos por Paulo Porta, pintor e fillo da homenaxeada. Neste acto estarán presentes familiares, compañeiros de profesión, e xente da arte e da cultura, ademais de representantes políticos locais e do concello de Neda. A exposición estará aberta ao público na Estrada desde o 8 ao 23 de abril na Estrada e do 27 de abril ao 7 de maio en Neda.

Betty Millarengo gañou no 2003 o Esquío de Poesía con Sin verte, dedicado á lembranza  do seu home, Antonio Porta de la Encina. Un ano depois gañaba os Florais de  Cedeira, e foi tamén finalista do Premio Planeta.

 

 

Arriba

 

Os días 9 e 10 de abril e Santiago de Compostela

A AS-PG e CIG-Ensino organizan as XX Xornadas de lingua e literatura

 

(25-Marzo-2010)

 

XX Xornadas de Lingua e Literatura As Xornadas de Lingua e Literatura, que organizan anualmente a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a CIG-Ensino, chegan neste 2010 á súa XX edición. Terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da USC en Santiago de Compostela os días 9 e 10 de abril.

Entre os obxectivos destas XX xornadas están o estudar difentes aspectos relacionados coa lingua e literatura galega e o de fornecer materiais e recursos para a impartición da lingua e a literatura no ensino, mediante seminarios de sociolingüística, TIC, literatura, lingua, etc., así como o de actualizar os coñecementos de lingua e literatura galegas mediante a exposición dos estudos máis recentes realizados sobre esta materia.

Algúns dos ponentes que participarán nestas xornadas atopamos a Carme Blanco e Lois Diéguez, que falarán de Uxío Novoneyra; Francisco Rodríguez, que pronunciará unha charla sobre Rosalía de Castro; ou a Rafa Villar e a Agustín Fernández Paz, que falarán da súa obra, entre outros moitos máis.

O prazo para apuntarse a estas xornadas comeza o día 26 de marzo e remata o 8 de abril. O formulario de inscrición estará dispoñible na web da AS-PG.

[Programa das XX Xornadas de lingua e literatura]

 

Arriba

 

O venres 26 de marzo no hotel Araguaney de Santiago de Compostela

O Grupo Correo Gallego organiza un debate sobre o presente e o futuro do libro galego

 

(25-Marzo-2010)

 

Grupo Correo Gallego O Grupo Correo Gallego organiza mañá venres no hotel Araguaney de Santiago de Compostela un debate titulado Presente e futuro do Libro Galego, no marco do ciclo de foros que organiza o Grupo Correo Galego.

Esta xornada contará coa asistencia do Conselleiro de Cultura Roberto Varela; do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez; e do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo.

Ao longo da mañá desenvolveranse dúas mesas redondas, a primeira delas, O sector editorial en Galicia, contará coas intervencións de Fran Alonso, Carlos Mella, Xurxo Patiño e Olegario Sotelo Blanco. Na segunda mesa redonda, denominada Innovación e novas tecnoloxías no libro galego, contarase coas intervencións de Jacobo Bermejo, Juan L. Blanco Valdés, Manuel Bragado, Manuel Gago e de Carlos Lema.

[Programa de Presente e futuro do Libro Galego]

 

 

Arriba

 

O acto desenvolverase hoxe co gallo do Día Institucional da UNED

Xesús Alonso Montero, Doutor Honoris Causa da UNED

 

(23-Marzo-2010)

 

Xesús Alonso Montero O profesor e escritor Xesús Alonso Montero será investido hoxe en Madrid como Doutor Honoris Causa da UNED. O acto está enmarcado dentro das actividades que se desenvolverán co gallo do Día Institucional de la UNED.

Con Alonso Montero tamén serán unxidos co grao de Honoris Causa Humberto López Morales, secretario xeral da Asociación de Academias da Lingua Española; Antoni Mª Badia i Margarit, membro da Real Academia de Boas Letras de Barcelona; e Jean Haritschelhar Duharte, director del Museo Basco de Bayona e Académico de Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Basca).

Algunhas das obras dos investidos, e outras moitas de autores que publican en éuscaro, catalán, galego e castelán forman parte dunha exposición que pode visitarse no vestíbulo da biblioteca Central da UNED.

 

Arriba

 

A exposición está baseada na publicación de Ouvirmos Álvaro Cunqueiro. Unha fotobiografía sonora

O Verbum de Vigo acolle unha mostra sobre Álvaro Cunqueiro

 

(23-Marzo-2010)

 

Exposición sobre Álvaro Cunqueiro no Verbum. Casa das Palabras Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora, de Rexina Vega e César Morán e publicada o pasado ano por Ouvirmos serve como punto de partida á exposición que se inaugurará este xoves 25 de marzo no Verbum. Casa das Palabras de Vigo.

Nesta exposición o visitante poderá atopar, dun xeito innovador e íntimo, unha aproximación a toda a creación literaria do xenial mindoniense. A exposición mestura a literatura coa música, a imaxe e incluso a historia. Os textos da mostra corren a cargo de Rexina Vega. Ademais a exposición acompañarase de obxectos persoais do poeta cedidos pola propia familia e que axudarán a comprender mellor o universo creativo de Cunqueiro.

A exposición, de carácter gratuíto, poderase visitar ata o 17 de maio.

 

 

Arriba

 

Oito libros galegos editados no 2009 recibiron diplomas acreditativos dos premios

Libros galegos nos VII premios Visual de deseño de libros

 

(23-Marzo-2010)

 

VII Premios Visual de deseño de libros AVisual, revista de deseño, creatividade gráfica e comunicación ven de facer públicos os galardoados da sétima edición dos premios Visual de Deseño de libros.

Obras editadas en Galicia no pasado ano foron destacadas entre as mencións que se ofreceron:

Diploma deseño de cuberta: Alfredo debuxa o camiño (Museo das Peregrinacións).

Diploma deseño de cuberta: Moa. I Mostra de artesanía de Galicia (Fundación Galega de Artesanía).

Diploma catálogo/libro de arte: Jannis Kounelis (Fundación Caixa Galicia).

Diploma libro infantil: A guerra dos números (OQO), Cantas pingas na cidade (OQO) e O león Kandinga (Kalandraka).

Diploma libro ilustración: O home de auga (Kalandraka) e Fume (OQO).

Selección deseño de libro: Gabriela Mistral. Selección poética (Faktoría K).

Selección deseño de cuberta: Gabriela Mistral. Selección poética (Faktoría K) e O león Kandinga (Kalandraka).

Selección catálogo/libro de arte: Paul Strand. En el principio fue Manhattan (Fundación Pedro Barrié de la Maza).

Selección libro infantil: A nube de Martín (Kalandraka), Os sete cabritos (OQO), Picurruchos (OQO) e Os de arriba e os de abaixo (Kalandraka).

Selección libros de ilustración: Gabriela Mistral. Selección poética (Faktoría K), A nube de Martín (Kalandraka), Mago goma (Kalandraka), Os de arriba e os de abaixo (Kalandraka), Cantas pingas na cidade (OQO), A grande viaxe (OQO) e Furacán (Kalandraka).

 

 

Arriba

 

Do 25 de marzo ao 20 de maio

Johan Vicente Viqueira centra as I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo

 

(22-Marzo-2010)

 

I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo O vindeiro xoves 25 de marzo arrancan as I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo.

Organizadas pola Comisión Xestora da Fundación Johan Vicente Viqueira, estarán centradas na figura do escritor e filósofo bergondés a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 1974.

Estas primeiras xornadas, que se desenvolverán no Centro Cultural da Senra (Bergondo) todos os xoves dende o 25 de marzo ata o 20 de maio, inauguraranse coa conferencia titulada "Vida e obra de Johan Vicente Viqueira" a cargo do profesor e historiador Xesús Torres Regueiro. Ao longo destes dous meses pasarán por Bergondo expertos como Nel Rodríguez Rial, Ramón Mariño Ferro, Marcial Gondar Portasany, Ramón Regueira Varela, María Xosé Agra Romero, Xosé Luis Barreiro Barreiro ou Sabela Rivas Barrós.

[Programa das I Xornadas de Pensamento Galego de Bergondo]

 

 

Arriba

 

Os acordos permitirán o desenvolvemento de actividades conxuntas

Cultura asina diferentes convenios de colaboración coas fundacións Carlos Casares e Otero Pedrayo

 

(21-Marzo-2010)

 

A Consellería de Cultura e Turismo asina convenios de colaboración coa Fundación Carlos Casares e a Fundación Otero Pedrayo A Consellería de Cultura e Turismo ven de asinar nos últimos días diferentes convenios de colaboración coas Fundacións Carlos Casares e Otero Pedrayo.

O conselleiro Roberto Varela e a presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg Casares, asinaron un convenio de colaboración para a realización dun programa conxunto de encontros, xornadas e ciclos de conferencias con motivo do Ano do Libro e da Lectura. Con este obxectivo, en 2010 a Consellería de Cultura destinará a cantidade de 50.000 euros á Fundación Carlos Casares para posibilitar a organización e o desenvolvemento das actividades previstas.

Dentro do programa de encontros, xornadas e ciclos de conferencias previsto englóbanse as seguintes iniciativas: VII Diálogos Literarios de Mariñán, VII Curso de Comunicación Audiovisual, VII encontros de Mondariz-Balneario, II Xornadas Luces e Sombras do Pensamento Ilustrado en España e Coloquios e Conversas do café Voltaire.

Pola súa banda, Roberto Varela, e o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes, asinaron un convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura e Turismo destinará 36.000 euros para o financiamento das actividades da Fundación Otero Pedrayo no seu labor de divulgación da obra e da figura do escritor ourensán.

En virtude do acordo de colaboración, desenvolverase un programa conxunto de promoción do legado e da memoria de Ramón Otero Pedrayo que contempla a organización da Festa Literaria de Trasalba, na que se renderá homenaxe a esta figura sobranceira da cultura galega e que dará lugar a publicación dun Libro Homenaxe. Do mesmo xeito, posibilitarase a edición de diversas creacións arredor da obra do autor, que consistirán ben na recuperación dalgún texto histórico, estudo ou ensaio sobre a súa obra.

Mediante este convenio de colaboración contemplase a actualización e mantemento da nova páxina web da Fundación Otero Pedrayo, con atención especial á obra do escritor e con información específica da cultura galega.

Dende a Fundación Otero Pedrayo márcase como obxectivo central o mantemento e promoción da memoria colectiva sobre Ramón Otero Pedrayo a través da custodia da súa Casa-Museo de Trasalba.

 

 

Arriba

 

VII Certame de Poesía "Aurelio Aguirre" e IX Certame de Relato Curto "José Saramago"

Alberte Momán e Diego Giráldez gañan os certames de poesía e de relato curto organizados polo concello de Santiago de Compostela

 

(21-Marzo-2010)

 

Alberte Momán gaña o Certame de Poesía 'Aurelio Aguirre' e Diego Giráldez o de Relato Curto 'José Saramago' Alberte Momán e Diego Giráldez son os gañadores do Certames de Poesía 'Aurelio Aguirre' e do Certame de Relato Curto 'José Saramago' respectivamente.

O xurado do VII Certame de Poesía "Aurelio Aguirre" valorou de Sermos un, de Alberte Momán, a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social.

Un cometa para unha despedida, relato gañador do IX Certame de Relato Curto "José Saramago", de Diego Giráldez, foi premiado polo xurado pola solidez da linguaxe; unha tensión ben dosificada durante todo o relato, a intriga e o misterio que envolve o argumento até o derradeiro parágrafo, e a descrición precisa das personaxes.

Os Certames de poesía e de relato curto son organizados anualmente pola concellaría de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago de Compostela.

 

 

Arriba

 

A inauguración terá lugar o xoves 18 de marzo cun percorrido polas obras realizadas nestes últimos oito meses por trece artístas plásticos

Remata o Roteiro Fiz Vergara Vilariño

 

(17-Marzo-2010)

 

Inauguración do Roteiro Fiz Vergara Vilariño O Roteiro literario-artístico pola Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño rematou cos últimos retoques da obra realizada por Violeta Bernardo. Tras máis de oito meses de traballo, trece artistas foron acompañando coas súas obras os versos deixados polo poeta samoense.

A iniciativa, organizada conxuntamente pola Asociación Cultural Ergueitos de Sarria e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, recrean artística e literariamente os lugares que marcaron a vida e a obra de Vergara Vilariño. Así, a obra de Caixigueiro álzase ao carón do Pozo do Monteiro, á beira do río Lóuzara; Primitivo Lareu chantou a súa muller-unicornio en Aira Padrón; ou a Musa para Fiz, de Miguel Macía que, dende o alto de Santalla, olla cara a casa natal do poeta. Así ata contemplar as trece obras realizadas por Jesús Otero-Yglesias, Buciños, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Fernando Yáñez, Mónica Alonso, Paco Poy, Eduardo Valiña, Paco Pestana e Manuel Caamaño.

Este Roteiro Literario-Artístico Fiz Vergara Vilariño converte a Lóuzara nun marabilloso espazo onde as palabras do Fiz, aloumiñadas polas intervencións deses artistas plásticos, se debullan en simbiose cunha natureza esplendorosa. A inauguración de dito roteiro terá lugar este xoves 18 de marzo a partires das 17.00 h. en Aira Padrón, dende onde se iniciará un percorrido por esa Lóuzara artística e literaria.

 

 

Arriba

 

A nova editora presentará mañá os tres primeiros libros

2.0 Editora: Papel ou e-ink?

 

(17-Marzo-2010)

 

2.0 Editora Xurde no panorama editorial galego unha nova editora, trátase de 2.0 Editora e nace coa vontade de ofrecer ao público produtos textuais en formatos accesibles para ebooks e móbiles, e sempre adaptados tanto ao concepto de páxina tradicional como aos novos conceptos de páxina dixital e as súas diferentes necesidades, ben sexa en producións de tinta impresa, tinta dixital, tinta electrónica ou textos para o oído (podcasting).

2.0 Editora inicia a súa andaina con tres liñas de traballo: Mundos, unha colección de narrativa de ficción social por recoñecidos autores nacionais e estranxeiros; Folcsonomías, onde o lector atopará obras de referencia e consulta, e a súa aplicación na sociedade do coñecemento; e a Colección de textos dixitais, que aglutinará obras creadas en formatos dixitais e para lectores en formatos dixitais.

A presentación oficial de 2.0 Editora terá lugar mañá na libraría Couceiro de Santiago de Compostela a partires das 20.00 h. Presentaranse tamén neste acto os dous  primeiros títulos da colección de narrativa Mundos: Guía do autoestopista galáctico, do inglés Douglas Adams, e Sen novas de Gurb de Eduardo Mendoza; así como o libro que abre a colección de ensaios sobre comunicación Folcsonomías: Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río.

 

 

Arriba

 

"Un libro excepcional escrito por un escritor excepcional"

Éxito de críticas da edición inglesa de Os libros arden mal

 

(16-Marzo-2010)

 

Books burn badly Tras a visita realizada por Manuel Rivas a Londres hai uns días, na que Rivas estivo presentando a tradución ao inglés da súa novela Os libros arden mal (Books burn badly, tradución feita por Jonathan Dune e publicada por Random House), agora comezan agromar as primeiras críticas cara a novela, e como xa ocorrera en Galicia, en España e en Francia, son inmellorables.

'Un libro excepcional escrito por un autor excepcional', escribe Amanda Hopkinson no The Independent. Tampouco queda atrás a valoración feita por Tom Adair e que se pode ler aquí: News.scotmans.com.

 

 

 

Arriba

 

"O meu traballo pretende denunciar que se lles trate a estas mulleres como enfermas mentais"

Iria Presedo gaña o I Premio de Ensaio Xohana Torres cun traballo sobre a transexualidade

 

(11-Marzo-2010)

 

Iria Presedo gaña o I Premio de Ensaio Xohana Torres O estudo titulado Transféminas ou como deconstruír o corpo co martelo, de Iria Presedo Martínez fíxose co I Premio de Ensaio Xohana Torres. O nome da gañadora deuse a coñecer nun acto celebrado en Raxoi con motivo do Día Internacional da Muller.

A concelleira de Igualdade, Mar Martín, foi a encargada de dar a coñecer o nome da gañadora. Iria Presedo destacou que escolleu este tema da transexualidade por ser un tema "pouco tratado". Abordouno dende o punto de vista da psiquiatría e da "asociación que se fai neste campo aos trastornos da identidade de xénero". O seu traballo pretende denunciar que "se lles trate a estas mulleres como enfermas mentais".

A entrega deste Premio Xohana Torres é o primeiro dos actos organizados polo Concello con motivo do Día Internacional da Muller. O acto central celebrarase hoxe no Hostal dos Reis Católicos ás 20.00 h. Será unha homenaxe a oito mulleres que destacan en diversos ámbitos da sociedade.

 

 

Arriba

 

Cadernos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Documentos inéditos de Uxío Novoneyra no último Caderno Ramón Piñeiro dedicado ao poeta do Courel

 

(09-Marzo-2010)

 

Cadernos Ramón Piñeiro. Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999) O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dedica o número XIV dos seus Cadernos Ramón Piñeiro á figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Uxío Novoneyra.

Baixo a dirección de Luís Alonso Girgado, Alexandra Cillero e Élida Abal, e a edición a cargo de Iris e Luís Cochón, o Caderno percorre a vida e obra de Uxío Novoneyra a través dunha serie de apartados que van debullando a cualidade artística e vital do autor d'Os Eidos.

Unha ampla e completa crono-bio-bibliografía serve ao lector para ter unha visión do momento e dos feitos que foron marcando a vida de Novoneyra. Outro dos apartados do Caderno é a referencia aos poemas que Novoneyra foi publicando ao longo da súa vida en medios de comunicación. A parte central do volume, e a máis interesante, recupera e por vez primeira saca á luz a produción en prosa e en verso de lecturas, recitais, pregóns, etc. que Novoneyra foi elaborando e lendo en todos eses anos, prácticamente todos eles inéditos.

Un quinto apartado céntrase no epistolario que Uxío Novoneyra mantivo con persoeiros como Carlos Maside, J.A. Valente ou Celestino Fernández del Vega. Contra o final do Caderno os editores da obra ofrécenos unha serie de Mecanoscritos e caligrafías poéticas. Unha autopoética e documentos sobre a estancia de Novoneyra no Instituto Lucus Augusti pechan este caderno esencial sobre Uxío Novoneyra.

 

 

Arriba

 

Dentro das actividades previstas por Cultura está a creación dun portal do cómic galego na Biblioteca Dixital de Galicia

Unha mostra coa mellor banda deseñada do país percorrerá 23 concellos no 2010

 

(09-Marzo-2010)

 

Miña Terra Galega A mellor banda deseñada galega achegarase ao longo do 2010 ata 23 concellos do país. Esta iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura e Turismo, itinerará en Galicia polas catro provincias e servirá asemade para amosar o traballo creativo dos 16 autores galegos máis representativos no Salón do Cómic de Navarra, do 5 ao 14 de abril.

A mostra está composta por unha escolma que amosará o traballo recollido en Viñetas descubertas-Certames galegos 2000-2008 e Miña Terra Galega. Esta exposición itinerante poderá visitarse ata o 15 e marzo no centro social de Boiro para dirixirse posteriormente aos concellos de Ribadumia, O Rosal, Outes, Carballo, Ordes, Santiago, Laracha, Valdoviño, Cervo, Viveiro, Foz, Guitiriz, As Pontes, Palas de Reis, Betanzos, Melide e Cea. En cada localidade, as exposicións permanecerán abertas ao público durante 15 días. Deste xeito completarase a itinerancia iniciada en 2009, no que esta escolma da banda deseñada galega viaxou aos concellos de Taboada, Arzúa, Quiroga, Chantada, A Teixeira, Vilar de Barrio, Bóveda, Verín, Monforte e Celanova.

Esta actividade da Consellería de Cultura enmárcase dentro das actividades previstas para impulsar o sactor da banda deseñada galega, para o que se destinarán preto de 600.000 euros neste 2010. Entre as iniciativas está a posta en marcha dun portal de cómic galego dentro da Biblioteca Dixital da Biblioteca de Galicia.

 

 

Arriba

 

O premio da modalidade de creación literaria quedou deserto

Carlos Pazos gaña o XVII Premio Carvalho Calero de Ensaio

 

(09-Marzo-2010)

 

XVII Certame Carvalho Calero de Ensaio O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, e a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, entregaron no Concello de Ferrol o XVII Premio Carvalho Calero -organizado conxuntamente coa Sociedade Cultural Medulio- que contempla dúas modalidades: Creación literaria (narración curta) e Ensaio. Un prestixioso galardón que leva o nome do ilustre autor e investigador ferrolán que realizou unha importante achega á cultura do país e de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento.

Así, na reunión do xurado celebrada o pasado mes de xaneiro, este acordaba por unanimidade deixar deserto o galardón no apartado de Narrativa, mentres que no de Ensaio decidiuse outorgar o premio a Carlos Pazos Justo, profesor da Sección de Estudos Españois e Hispanoamericanos da Universidade do Minho (Portugal), persoa formada na universidade galega e que na actualidade forma parte do sistema universitario portugués. A súa obra Trajectória de Alfredo Guisado e a súa relaçao coa Galiza 1910-1921 foi a elixida polo xurado por diversos motivos. Entre eles, o interese pola necesaria recuperación histórica dun escritor galego-portugués ou portugués-galego pertencente ao grupo Orpheu xunto con Pessoa ou Sá Caneiro, que ten escritos sobre a realidade galega.

O premiado recibirá un premio en metálico e a súa obra será publicada polo Concello de Ferrol, tal e como se aprobara nas bases do certame, o único que conserva unha liberdade lingüística que sobrepasa as fronteiras do país, tal e como subliñan desde Medulio. De feito, os traballos presentados ao certame literario-lingüístico, que deben estar escritos en lingua galega, admiten a liberdade normativa.

O xurado desta edición estivo presidido pola concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales; o asesor cultural Roberto Taboada Fernández, o escritor ferrolán e profesor de Lingua Galega e Literatura e gañador da XVI edición do Carvalho Calero na modalidade de narración curta do ano 2007 Henrique Dacosta; a escritora María Reimóndez, finalista no ano 2005 do Premio Merlín e do Premio Xerais e integrante do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo; e a mestra e escritora Marica Campo. Tamén formaron parte deste xurado Manuel Rei Romeu, profesor de Lingua e Literatura no Ensino Secundario que ten escritos diferentes ensaios sobre personaxes, acontecementos e obras da literatura galega; e Benigno Fernández Salgado, profesor de Lingua e Comunicación na Facultade de Comunicación de Pontevedra, autor tamén de diversos estudos e investigacións e do Diccionario elemental galego-inglés/inglés-galego. Como secretaria do xurado actuou a poetisa ferrolá Iolanda Gomis Parada.

 

 

Arriba

 

Ambas as dúas institucións traballarán de forma conxunta para recibir partidas orzamentarias do Estado español

Cultura aumentará a partida orzamentaria da Real Academia Galega para a mellora das súas instalacións

 

(09-Marzo-2010)

 

Financiación Real Academia Galega A Consellería de Cultura e Turismo aumentará os orzamentos destinados á Real Academia Galega nun 22,44 %. Nesta liña de traballo, a Cultura asumirá o financiamento da reparación da cuberta do edificio da Real Academia Galega en A Coruña, valorada en 45.000 euros. As obras de reparación, comezarán unha vez sexa entregado na Consellería o proxecto de rehabilitación da cuberta que nos últimos días viuse afectado por varias tellas avariadas e pezas de uralita polas que se producían filtracións de auga.

Outro dos puntos tratados por Academia e Consellería dirixiuse cara unha posible mellora do sistema de percepción de ingresos a través do Estado. O conselleiro de Cultura e Turismo comprometeuse a traballar conxuntamente coa Academia para modificar un sistema no que a Real Academia Galega sae perxudicada na comparación coas contías destinadas polo Ministerio de Educación a outras Academias do Estado como o Institut d'Estudis Catalans ou a Euskaltzandia. Estas institucións contan con partidas nominativas nos orzamentos do Estado, ao contrario que a RAG.

 

 

Arriba

 

Por mor da censura, o escitor ourensán tivo que modificar algúns pasaxes da novela

Galaxia publicará este ano a versión orixinal formulada por Blanco Amor para A esmorga

 

(07-Marzo-2010)

 

Eduardo Blanco Amor Xosé Manuel Dasilva, da Universidade de Vigo, no seu estudo "As vicisitudes editoriais d'A esmorga" publiado no número 184 da revista Grial demostra que a versión que se coñece hoxe en día da novela de Eduardo Blanco Amor está a ser publicada de forma incompleta, como consecuencia da prohibición que impuxo no seu momento a censura franquista, que considerou que A esmorga empregaba un "lenguaje soez" e obrigou para a súa publicación que se eliminasen algunhas pasaxes consideradas ofensivas para a Garda Civil. Blanco Amor substituíu axiña esas pasaxes prohibidas por outras menos problemáticas.

A esmorga, que en principio íase publicar por vez primeira en Galicia baixo o carimbo de Edicións Castrelos, publicouse finalmente en Galaxia no ano 1970, cos cambios introducidos polo autor ourensán por imperativo da censura. A editorial Galaxia recuperaría anos máis tarde o auténtico final da novela, prohibido polo réxime franquista, onde se indica ambiguamente que Cibrán, o protagonista, morre da navallada que el mesmo se inflixiu ou dos golpes que lle propina a Garda Civil.

Logo de exhumar o expediente de censura d'A esmorga, do que Galaxia non tiña coñecemento, Xosé Manuel Dasilva comproba no seu artigo que faltan aínda algúns fragmentos por restaurar, localizados todos eles no capítulo V, os cales teñen unha importancia decisiva para o tráxico desenlace da obra. Galaxia vai lanzar proximamente unha edición da novela na que aparecerán incorporados tales fragmentos, respectando así a voz orixinal de Blanco Amor na famosa novela.

 

 

Arriba

 

En terceiro lugar quedou un proxecto presentado pola Biblioteca Municipal da Illa de Arousa.

Un proxecto de dinamización lectora promovido por Espazo Lectura obtén o segundo premio de Dinamización Sociocultural Everest

 

(03-Marzo-2010)

 

Premio de Dinamización Sociocultural Everest O proxecto de dinamización lectora da asociación Espazo Lectura e o proxecto 'Escolle os teus pratos favoritos, O relax da lectura e O salón do cómic' da Biblioteca Municipal da Illa de Arousa foron recoñecidos co segundo e terceiro premio respectivamente na primeira convocatoria do Premio de Dinamización Sociocultural Everest. No primeiro posto quedou o proxecto '25 años a la Luna de Mislata', desenvolvido pola Biblioteca Pública Municipal de Mislata (Valencia).

O labor desenvolvido polos proxectos tanto de Espazo Lectura como da Biblioteca Municipal da Illa de Arousa foron seleccionados entre os numerosos e importantes proxectos de institucións, bibliotecas e asociacións de todo o Estado. O premio está dotado con 3.000 euros en dotación bibliográfica e equipamento bibliotecario para o segundo premio e con 1.500 para o terceiro. Tamén suporá a presentación e divulgación do proxecto en León durante o próximo mes de xuño. A entrega dos premios realizarase en Galicia nos vindeiros días.

 

 

Arriba

 

Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, fixo publico o anuncio no transcurso da presentación do último número da revista Grial

Ignacio Vilar dirixirá a adaptación cinematográfica de A esmorga

 

(03-Marzo-2010)

 

A Esmorga A revista Grial dedica o seu número 184 aos cincuenta anos da publicación de A esmorga de Eduardo Blanco Amor, considerada por moitos críticos como a mellor novela da historia de Galicia.

Onte, no transcurso da presentación de Grial no Centro Cultural da Deputación de Ourense, o Director Xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, anunciou que o director valdeorrés Ignacio Vilar levará ao cine a versión cinematográfica de A Esmorga. No proxecto tamén están involucrados a editorial Galaxia, Merlín Produccións e a Deputación de Ourense.

Esta sería a segunda adaptación da obra de Blanco Amor levada á grande pantalla. Gonzalo Suárez dirixiu en 1977 o filme titulado A parranda, que contou coa colaboración do propio Eduardo Blanco Amor na elaboración do guión. Entre o elenco de protagonistas estaban José Sacristán, Fernando Fernán Gómez ou Charo López.

 

 

Arriba

 

Con esta iniciativa o concello muxián quere destacar cada mes o labor dunha muller nos difernetes ámbitos

María Lado protagoniza o mes de marzo na Galería Mulleres da Bibioteca da Muller de Muxía

 

(03-Marzo-2010)

 

María Lado na Galería Mulleres do Concello de Muxía O mes de marzo é o mes da poeta María Lado na Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Con Galería Mulleres o concello muxián quere destacar cada mes o labor dunha muller no eido das artes, as letras, a ciencia, etc. Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para acceder á súa obra. Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á disposición do usuario/a na sección Biblioteca da Muller da Biblioteca Municipal de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á mesma.

Estas Galerías de Mulleres mensuais nacen co obxectivo de visibilizar a aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes , das ciencias .ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada. Igualmente serve como difusión do servizo da Biblioteca da Muller, que conta actualmente con 440 títulos no seu catálogo. Esta Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller .así haberá obras sobre feminismo, obras sobre filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía, novela.. escritas por mulleres ou que aborden todos estes temas dende unha perspectiva de xénero.

 

 

Arriba

 

Publicarase no vindeiro mes de maio

Organoloxías, de Eva Moreda, premiada co V Premio Narrativas Quentes

 

(03-Marzo-2010)

 

Eva Moreda Seis profesoras de música pechadas por erro no conservatorio onde traballan é o argumento utilizado por Eva Moreda en Organoloxías e que ven de ser premiado co V Premio Narrativas Quentes para textos de temática erótica.

Eva Moreda sumáse á listaxe de galardoados deste premio bianual convocado pola editorial compostelá Positivas entre os que se atopan Manuel Lourenzo González (2002), Alberte Momán (2004) e Chelo Suárez (2008). Na terceira edición o premio quedou deserto.

A escritora nada na Veiga (Asturias) é licenciada en Filoloxía Clásica e Musicoloxía, con estudios de posgrao en Xornalismo. Traballou nos eidos da comunicación, a tradución e a docencia. Actualmente prepara a súa tese de doutoramento en Historia da Música na Universidade de Londres. Moreda publicou o pasado ano en Biblos O país das bestas, e anteriormente as novelas Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (Fundación Caixa Galicia), Mitología contemporánea (Fundación Caixa Galicia), Veas verdes e catro contos máis (Casa da Xuventude de Ourense) e O demo e o profundo mar azul (Positivas) 2002. Organoloxías sairá publicada no mes de maio.

 

 

Arriba

 

Enciclopedia de fantasía popular de Galicia

Galicia Encantada celebra o seu quinto aniversario

 

(03-Marzo-2010)

 

Galicia Encantada O web Galicia Encantada cumpre hoxe o seu quinto aniversario. Ao longo deste tempo, esta enciclopedia interactiva de fantasía popular de Galicia, dirixida polo escritor e especialista en literatura oral Antonio Reigosa, foi recompilando o ancestral saber popular do noso país.

Lendas, mitoloxías, monstros, seres míticos... que moraron e que habitan no imaxinario popular poboan os contidos deste web, ofrecendo ao lector e ao visitante unha referencia indispensable de boa parte do acervo popular galego.

 

 

Arriba

 

O 'Julio Camba' foi para a manchega Ángela Vallvey

Alberto Pena gaña o Premio de Xornalismo 'Francisco Fernández del Riego'

 

(03-Marzo-2010)

 

Premios de xornalismo 'Francisco Fernández del Riego' e 'Julio Camba' de Caixanova Caixanova recoñeceu cos seus Premios de Xornalismo 'Francisco Fernández del Riego' e 'Julio Camba' a Alberto Pena e Ángela Vallvey, respectivamente.

Alberto Pena foi galardoado co 'Francisco Fernández del Riego' para artigos xornalísticos publicados en galego polo seu traballo no Diario de Pontevedra titulado Cousas da lingua, aparecido o 29 de decembro do 2009. Pola súa banda, Ángela Vallvey foi premiada co 'Julio Camba' para textos en castelán pola columna La soledad, inserida no xornal La Razón o 26 de novembro do 2009.

O xurado desta edición estivo formado por Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes, Manuel Fernández Areal e Carlos Valle Pérez.

 

 

Arriba

 

» Fernández Naval gaña o X premio de poesia 'Fiz Vergara Vilariño'

» Indoor, de Vanesa Martínez Soutelo e O vento da illa, de Begoña García  Ferreira, obras gañadoras do IV Premio 'Diario Cultural' de Teatro  Radiofónico

» A Estrada acolle unha mostra-homenaxe á escritora e pintora Betty  Millarengo

» A AS-PG e CIG-Ensino organizan as XX Xornadas de lingua e literatura

» O Grupo Correo Gallego organiza un debate sobre o presente e o futuro do libro galego

» Xesús Alonso Montero, Doutor Honoris Causa da UNED

» O Verbum de Vigo acolle unha mostra sobre Álvaro Cunqueiro

» Libros galegos nos VII premios Visual de deseño de libros

» Johan Vicente Viqueira centra as I Xornadas de Pensamento Galego de  Bergondo

» Cultura asina diferentes convenios de colaboración coas fundacións Carlos  Casares e Otero Pedrayo

» Alberte Momán e Diego Giráldez gañan os certames de poesía e de relato  curto organizados polo concello de Santiago de Compostela

» Remata o Roteiro Fiz Vergara Vilariño

» 2.0 Editora: Papel ou e-ink?

» Éxito de críticas da edición inglesa de Os libros arden mal

» Iria Presedo gaña o I Premio de Ensaio Xohana Torres cun traballo sobre a  transexualidade

» Documentos inéditos de Uxío Novoneyra no último Caderno Ramón Piñeiro  dedicado ao poeta do Courel

» Unha mostra coa mellor banda deseñada do país percorrerá 23 concellos  no 2010

» Carlos Pazos gaña o XVII Premio Carvalho Calero de Ensaio

» Cultura aumentará a partida orzamentaria da Real Academia Galega para a  mellora das súas instalacións

» Galaxia publicará este ano a versión orixinal formulada por Blanco Amor  para A esmorga

» Un proxecto de dinamización lectora promovido por Espazo Lectura obtén  o segundo premio de Dinamización Sociocultural Everest

» Ignacio Vilar dirixirá a adaptación cinematográfica de A esmorga

» María Lado protagoniza o mes de marzo na Galería Mulleres da Bibioteca  da Muller de Muxía

» Organoloxías, de Eva Moreda, premiada co V Premio Narrativas Quentes

» Galicia Encantada celebra o seu quinto aniversario

» Alberto Pena gaña o Premio de Xornalismo 'Francisco Fernández del Riego'

 

Novas Marzo 2010