|
Afonda
sobre a Rosalía defensora da lingua e do
pobo galego
María
Pilar García Negro gaña o premio 'Vicente
Risco' de Ciencias Sociais cun traballo sobre Rosalía
de Castro
(28-Febreiro-2010)
A
escritora, sociolingüista e profesora María
Pilar García Negro é a gañadora
do XV Premio 'Vicente Risco' de Ciencias Sociais
polo seu ensaio O clamor da rebeldía.
O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea,
simultáneo ao nacemento da conciencia de
xénero: análise e interpretación
de textos rosalianos. Neste traballo, García
Negro reflexiona
con gran madurez sobre a figura de Rosalía non
só como fundadora da literatura galega contemporánea senón tamén como membro dun
colectivo que, nunha situación totalmente adversa e de xeral desprestixio de
Galicia e dos galegos, soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade das
galegas e galegos como pobo.
O xurado
desta XV edición do premio 'Vicente Risco'
estivo
composto por Fernando Acuña Castroviejo
(en representación do Concello de Castro
Caldelas), Teresa Devesa Graña (en
representación do Concello de Allariz), Luís
Martínez-Risco Daviña (en representación
da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández
Rei (en representación da Fundación
Sotelo Blanco) e Xosé María Eguileta
Franco (en representación da Fundación
Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco).
Coa asignación económica establecida
nas bases do concurso, María Pilar García
Negro verá publicado o seu traballo
na editorial Sotelo Blanco.
|
|
|
|
Do
2 ao 5 de marzo en Santiago de Compostela
Estaleiro
e Corsarias organizan as I Xornadas Galegas de Edición
Independente
(28-Febreiro-2010)
Do
2 ao 5 de marzo terá lugar na Biblioteca
Nodal 'Ánxel Casal' de Santiago de Compostela
as I Xornadas Galegas da Edición Independente
organizadas por Estaleiro Editora e Corsarias.
As
entidades organizadoras das xornadas pretenden crear
un espazo anual en que os axentes da edición
independente galega poidan reflexionar sobre o estado
do sector, sobre as súas estruturas e sobre
as súas dinámicas de funcionamento.
O evento será, para lograr estes obxectivos,
un lugar de encontro entre editoras independentes,
asociacións culturais con produción
editorial, escritores e consumidores. No evento,
os diferentes axentes da edición independente
galega poderán participar en mesas de debate,
conferencias e presentacións de materiais
con outros editores de Portugal, Euskadi e Madrid.
Ao
longo destes catro días das Xornadas organizaranse
palestras, mesas redondas e presentacións
divididas en dúas sesións por día.
[Programa
das I
Xornadas Galegas de Edición Independente]
|
|
|
|
Asinarase
o 8 de marzo o acordo para situar esta biblioteca
na Cidade da Cultura
Creación
da Biblioteca Concepción Arenal de Estudos
das Mulleres
(28-Febreiro-2010)
O
vindeiro 8 de marzo conmemórase o Día
Internacional da Muller. Nesa data a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura
asinarán un acordo para a creación, na Cidade da Cultura, da Biblioteca
Concepción Arenal de Estudos das Mulleres, biblioteca que recompilará o
importante fondo bibliográfico e documental que en materia de estudos
das mulleres se ten agrupado durante case vinte anos de políticas de
igualdade en Galicia.
|
|
|
|
Por
un traballo sobre a fonética e o léxico
do galego empregado en Zolle (Guntín)
Vázquez
Somoza recibe o premio do III Certame de Investigación
Condado de Pallarés
(28-Febreiro-2010)
O filólogo guntinés Xosé Luís Vázquez Somoza
recibiu o pasado venres no concello de Taboada o
primeiro premio correspondente ao III Certame de Investigación Condado de Pallares
polo seu traballo sobre a fonética e o léxico do galego que
se emprega en Zolle, a súa parroquia natal, pero engadindo ademais ao
devandito estudo un enfoque antropolóxico. Polo seu premio, amais da
dotación económica, Vázquez
Somoza verá publicada a súa obra nunha tiraxe de
1000 exemplares que editará a Área de Cultura da Deputación de
Lugo a través do
seu servizo de publicacións.
O xurado do Condado de Pallares de Investigación que outorgou o premio
a Xosé Luís Vázquez Somoza estivo formado por: Carlos Baliñas Pérez,
profesor da facultade de Humanidades de Lugo; María Xesús Nogueira
Pereira, profesora do mesmo centro; Jaime Delgado Gómez, licenciado en
Arqueoloxía; e María Socorro Castro Suárez, en representación da
entidade organizadora, a asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de
Pallares.
Esta é a III edición do Certame de Investigación Condado de Pallares,
un premio aberto a obras sobre lingüística, historia, arte,
arqueoloxía, etnografía e folclore no antigo condado de Pallares, que
estaría formado polos actuais concellos de Guntín, Portomarín, Taboada,
Chantada e Carballedo.
|
|
|
|
Durante
o acto de entrega rememoráronse algunhas
das afinidades entre o escritor de Vila de Cruces
e o pintor de lalinense
Neira
Vilas recibe o Premio Laxeiro 2010
(23-Febreiro-2010)
Xosé
Neira Vilas recibiu hoxe de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela,
o Premio Laxeiro 2010. Roberto Varela gabou a carreira
do galardoado, afirmando que "é un dos grandes nomes da nosa cultura
e un referente literario, intelectual e,
sobre todo, humano".
Esta
sétima edición do premio ten como
obxectivo reivindicar a obra e a memoria de Laxeiro
a través de persoeiros fundamentais da cultura
e das artes galegas.
No
transcurso da entrega do premio, resaltáronse
as afinidades entre o
premiado neste 2010, Xosé Neira Vilas e José Otero Abeledo, máis
coñecido como Laxeiro, "por compartir o don extraordinario de
repropoñer en formas aparentemente simples, inmediatamente
comunicativas, toda unha tradición cultural" así como posuír "a
cualidade rara e preciosa, de creadores verdadeira e sentidamente
populares". Lembrouse igualmente como se coñeceron Neira Vilas e
Laxeiro, fai case sesenta anos, na biblioteca do Centro Galego de
Bos Aires.
|
|
|
|
Cúmprense
173 anos do nacemento da poeta máis importante
das letras galegas
A
AELG organiza unha lectura simultánea no
aniversario de Rosalía de Castro
(23-Febreiro-2010)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG) conmemorará mañá mércores
o 173º aniversario do nacemento de Rosalía
de Castro cunha lectura pública simultánea
en diferentes cidades do país.
Horarios e cidades onde se lerá o manifesto:
A
Coruña. Ás 18.00 h. no monumento a Curros Enríquez.
Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.
Lugo.
Ás 18.00 h. na Rúa
Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu
Rosalía de Castro entre 1864 e 1868. Hai unha placa indicativa.
Santiago
de Compostela. Ás 17.30 h. onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura
da Alameda.
Vigo.
Ás 19.00 h. no nº 12 da Rúa Real, onde a tipografía de Juan Compañel.
Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Vigo.
Ferrol.
Ás 18.00 h. na Praza do Himno Galego.
Pontevedra.
Ás 18.00 h. na estatua de Castelao, onda o Museo de Pontevedra.
|
|
|
|
Os
gañadores daranse a coñecer no transcurso
da Cea das Letras o 17 de abril
Os
escritores galegos elixen os finalistas dos Premios
AELG 2010
(19-Febreiro-2010)
Os
membros da Asociación de Escritores en Lingua
Galega (AELG) deron a coñecer hoxe os finalistas
dos Premios AELG, uns galardóns concedidos por escritores/as para escritores/as.
Da
conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG,
elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos
mencionados, sobre a que os socios e socias emitirán de novo o seu voto nunha
segunda quenda para elixir as obras gañadoras destes Premios AELG 2010.
Os
finalistas aos Premios AELG 2010 son:
Narrativa: Monte
Louro
(Xerais) de Luís Rei Núñez, O
Cabo do Mundo (Xerais)
de Xabier Quiroga e Unha
historia que non vou contar (Xerais)
de Cid Cabido.
Poesía: Deter
o día cunha flor (Baía) de Luz Pozo Garza e O
pouso do fume (Espiral
Maior) de Dores Tembrás.
Nota: Na sección de poesía O
paraíso das sombras (Biblos) de Cesáreo Sánchez Iglesias,
resultando elixido finalista, foi retirado a petición do autor na súa condición
de presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade
organizadora dos Premios.
Teatro: Delimvois
(Xerais)
de Rubén Ruibal, Medea
dos fuxidos e outras pezas (Biblos) de Manuel Lourenzo e Sempre
quixen bailar un tango
(Xerais) de Teresa González Costa.
Ensaio: A
mecánica da maxia. Ficción e ideoloxía en Álvaro Cunqueiro
(Galaxia)
de Manuel Forcadela, As
razóns do galego. Apelo á cidadanía (Galaxia) de Henrique Monteagudo,
Cartas
de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)
de Xesús Alonso Montero e Soñadores
e Familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro (3c3
editores)
de María Xesús Nogueira.
Literatura Infanto-xuvenil
(AELG-Gálix): Ás
de bolboreta (Xerais) de Rosa Aneiros, Lúa
do Senegal (Xerais) de Agustín Fernández Paz,
O
Brindo de Ouro II. A táboa da Hospitalidade (Xerais) de Xesús Manuel
Marcos e Valados
(Xerais)
de Agustín Fernández Paz.
Tradución: Flanagan.
Flash-Back (Xerais) de Jaume Ribera e Andreu Martín, en tradución de
Isabel Soto; O
museo da inocencia (Galaxia) de Orhan Pamuk, en tradución de
Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos; Obra
dramática completa (Galaxia) de Sarah Kane, en tradución de
Manuel F. Vieites; e Residente
privilexiada (Trifolium) de María Casares, en tradución de Ana Belén Martínez
Delgado.
Blogs Literarios: A
canción do náufrago (http://franciscocastro.blogaliza.org),
de Francisco Castro; As
uvas na solaina (http://asuvasnasolaina.blogspot.com), de Marcos Valcarcel;
Axenda
Cultural da AELG (http://axendaaelg.blogaliza.org),
de Algueirada (Acción cultural na
rede); Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org),
de Manuel Bragado; Cabaret
Voltaire (http://cabaretvoltaire.canalblog.com), de Jaureguizar;
e O
levantador de minas (http://olevantadordeminas.blogaliza.org),
de Alfredo Ferreiro.
Mellor traxectoria xornalística
(AELG-Colexio de Xornalistas): Belén
Regueira, Ana
Romaní, Xosé
Manuel Pereiro, Bieito
Iglesias, Manuel
Rivas, Fran
P. Lorenzo, Lino
Braxe e Anxo
Tarrío.
Os
gañadores de cada unha das seccións
darase a coñecer o vindeiro 17 de
abril en Santiago de Compostela no transcurso da Cea das Letras, na cal galardoarase
ao escritor arxentino Juan Gelman co premio de 'Escritor
Galego Universal'.
|
|
|
|
Recitais,
actuacións, instalacións e un curso
de poesía en Valadares
Esta
fin de semana... sopa de alg-as
(18-Febreiro-2010)
A
Asociación Cultural alg-a, comunidade de
arte e acción libre, ten programado para
esta fin de semana unha serie de actividades adicadas
á poesía.
A
poeta ceense María Lado impartirá
un obradoiro de poesía mañá
venres de 18.00 h. a 20.00 h. e o sábado
de 11.00 h. a 13.00 h. no Centro Cultural de Valadares
(Vigo). Os interesados en asistir poden chamar ao
número de teléfono 687052901
ou escribindo un mail a mig@alg-a.org.
O
resto de actividades programadas por alg-a desenvolveránse
o sábado 20 de febreiro a partires das 17.30
h. coas accións, lecturas e actuacións
de: o colectivo A porta verde do sétimo andar,
Elvira Riveiro, Silvia Penas, Ledicia Costas, Mr Caracter acústico,
Leo y Arremecaghona e AID. Deixarase o micro aberto
para espontáneos que queiran recitar os seus
poemas ou as súas lecturas.
A
xornada rematará coa poesía visual a cargo de Ellas (Antía Sánchez + Lucía Romaní),
a acción instalación "escritos de vento" por nelaque
e a videoinstalación "autopoema colectivo" por Mig.
|
|
|
|
Realizará
un investimento para os próximos dous anos
de 300.000 euros
Cultura
e Turismo promove a creación de grandes proxectos
editoriais
(16-Febreiro-2010)
A
Consellería de Cultura e Turismo, a través
da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura,
promoverá durante os anos 2010 e 2011 a promoción, produción e
edición dos grandes
proxectos editoriais.
Para
a realización destes proxectos a Consellería
investirá un total de 300.000 euros,
distribuídos en dúas anualidades de 150.000 euros cada unha para os
anos 2010 e 2011.
Nestes grandes proxectos estaría incluída toda planificación ou plan de
realización que procure a excelencia, tanto polo que respecta á
presentación formal, xa sexa polos contidos, cando precisen unha
atención e unha disposición de medios especialmente custosa para as
editoriais que os afronten, ou se plasmen en obras de importancia para
o crecemento intelectual de Galicia, e de difícil comercialización no
mercado xeral.
|
|
|
|
Do
21 ao 23 de abril
Pessoa
protagonizará as VIII Xornadas Literarias
de Neda
(14-Febreiro-2010)
O
escritor portugués Fernando Pessoa centrará
as VIII Xornadas Literarias de Neda que organiza
este concello coa Universidade da Coruña.
Ao longo de tres días, expertos na obra de
Pessoa debullarán a vida e a obra deste portugués
universal.
As
VIII Xornadas Literarias principiarán o 21
de abril na Facultade de Humanidades
da UDC ás 20.00 h.
coas intervencións do Decano Manuel Recuero e do Alcalde de Neda Ignacio Cabezón.
De seguido, o profesor Fernando Manuel Cabral Martins, da Universidade Nova de Lisboa, pronunciará
a conferencia: Pessoa sem máscaras.
Ao
día seguinte, a Casa da Cultura de Neda
acollerá unha Mesa-coloquio
con alumnos
e alumnas do
IES “Fernando Esquío”, baixo a dirección da profesora Mª Dolores París
Fraga titulada Vida e obra de Pessoa. Tras a mesma, o profesor Fernando Cabral Martíns
e Elías Torres, da USC departirán
sobre : Pessoa: vale a pena viver!(A paixao pola vida
na obra do poeta, a ànsia de viver plenamente).
O
venres
23 de abril rematarán estas Xornadas Literarias na Casa da Cultura de Neda
con unha mesa-coloquio
onde, baixo o epígrafe de Pessoa e o
cinema, contará coa intervención na mesma de José Manuel Sande, membro
do CGAI, Carlos Quiroga, profesor
na Universidade de Santiago; e Carlos G. Figueiras, Licenciado en
Filoloxía Galego-Portuguesa.
Ao remate de cada día haberá actividades
culturais relacionadas: cine, música, mostra bibliográfica, etc.
A inscrición ás xornadas é
de balde, os interesados deben dirixirse á
Casa da Cultura de Neda (Avda. de Algeciras, 61),
no teléfono 981390233 ou a través
do correo electrónico
cultura@neda.dicoruna.es.
|
|
|
|
Participarán
José Luís Peixoto, Miguel Anxo Fernán-Vello,
Luís Alberto de Cuenca, Luísa Castro,
Kirme Uribe e María Lado
O
23 de febreiro arranca a segunda edición
do ciclo Poetas di(n)versos
(14-Febreiro-2010)
A
Concellería da Coruña, dirixida por
María Xosé Bravo, acompañada
pola poeta Yolanda Castaño, presesentaron
o segundo ciclo de Poetas Di(n)versos.
Se
na primeira edición Luís Eduardo Aute,
Luís García Montero e Joan Margarit
uniron os seus versos aos de Lucía Aldao,
Luz Pozo e Garza e Xosé María Álvarez
Cáccamo, respectivamente, nesta edición
o portugués José Luis Peixoto
e Miguel Anxo Fernán-Vello, Luis Alberto de Cuenca e Luísa Castro,
e Kirmen Uribe e María Lado compartirán
escenario e versos nunha serie de recitais que comezarán
o 23 de febreiro na Casa da Cultura Salvador de
Madariaga da Coruña.
O
recital de Luís Alberto de Cuenca e Luísa
Castro está programado para o 16 de marzo
e o de Kirme Uribe e María Lado para o 20
de abril.
|
|
|
|
A
praia dos afogados, O Cabo do Mundo e Areaquente
compiten pola mellor novela en galego
Xa
se coñecen os finalistas do XVI Premio 'Arcebispo
de San Clemente'
(10-Febreiro-2010)
Hoxe
déronse a coñecer os finalistas das
tres categorías do XVI Premio 'Arcebispo
Juan de San Clemente' que convoca anualmente o IES
Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
En
literatura galega os tres finalistas son A praia
dos afogados (Galaxia) de Domingo Villar, O
cabo do mundo (Xerais) de Xabier Quiroga e Arequente
(Sotelo Blanco) de An Alfaya.
En
castellano os finalistas son La noche de los
vientos (Seix Barral) de Antonio Muñoz
Molina, Puente del Alma (Galaxia Gutenberg)
de Julián Ríos e El país
de la canela (Norma) de William Ospina.
Na
categoría de novela estranxeira os finalistas
desta edición son Algo que contarte
(Anagrama) de Hanif Kureishi, El día antes
de la felicidad (Siruela) de Erri de Luca e
Minuto de silencio (Maeva) de Siegfrid Lenz.
Este premio ten a
particularidade de que son os propios alumnos de secundaria os que len
e escollen as obras gañadoras do galardón. Participan como xurado
un instituto por cada unha das provincias galegas
máis o Rosalía de Castro de Santiago,
como centro organizador. O premio para cada unha
das diferentes categorías está dotado con 3.000 euros.
|
|
|
|
Gravación
de poemas de uxío Novoneyra
A
AS-PG convoca o concurso Curtas para Rosalía
(10-Febreiro-2010)
A Asociación
Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ven de convocar
o concurso Curtas para Rosalía, co
obxectivo de achegar e mostrar ao público
calquera aspecto da vida ou da obra de Rosalía
de Castro, así como para demostrar a vixencia
e a actualidade da súa obra.
Para
a celebración do devandito concurso, a AS-PG
preparou un espazo na súa web onde se publicarán
os títulos e a ficha técnica das curtas
admitidas a concurso. Así mesmo, serán
publicadas as obras finalistas en cada categoría.
As
bases do concurso establecen dous premios: un premio
de dous mil euros á mellor curtametraxe máis
un diploma conmemorativo e un premio de mil euros
máis diploma ás obras cuxos realizadores/as
ou directores/as sexan menores de 30 anos.
Gravación
de poemas de Uxío Novoneyra
Por
outra banda, e para conmemorar o Día das
Letras Galegas a Uxío Novoneyra neste 2010,
a AS-PG levará a cabo un casting a través da
web para seleccionar unha voz masculina e unha voz feminina que
participen na gravación dun DVD que sobre Uxío Novoneyra a entidade
está a elaborar. Os interesados en participar deberán gravar en
formato mp3 dous poemas do libro Os Eidos
que enviarán á AS-PG a través
do seguinte formulario: http://www.as-pg.com/Podcast/ShowRecommendationForm.do. Os envíos haberán de se facer antes do día 22 de febreiro de 2010.
[Descargar
as bases do concurso]
|
|
|
|
Cantares
de Manuela de Barro, Cerdedo na obra do Padre
Sarmiento, Carta arqueolóxica do concello
de Cerdedo e Cerdedo in th Voyager I
Cerdedo
é un mundo da mán de Morgante
(05-Febreiro-2010)
Edicións
Morgante lanza dunha tacada catro títulos da serie Cerdedo in the Voyager, da
autoría de Calros Solla. Deste xeito, o autor pontevedrés recolle e centraliza
nesta colección de Morgante diversos traballos inspirados no patrimonio cultural
do concello de Cerdedo, e que van dende o ensaio e a recolleita de cantigas á
creación poética.
Os
catro libros publicados son: Cantares de
Manuela de Barro, onde Calros Solla recolle a transcrición das cantigas
que Manuela de Barro cantaba desde a súa
nenez, con dous novos cantos
de reis a maiores da primeira edición. En Cerdedo na obra do Padre Sarmento o autor achega unha cumprida restra de
pasaxes da obra édita de Sarmento, nas cales o relixioso amentaba con
oufanía o lar cerdedense. A Carta arqueolóxica do concello de
Cerdedo ceiba do esquecemento cento vinte e cinco xacementos
prehistóricos localizados no concello de Cerdedo. Todos os xacementos
inventariados foron gravemente alterados ou mesmo destruídos. O carto
título é unha nova edición
de Cerdedo in the Voyager I. Qui sumus?, Unde venimus?, Quo imus? Son, todas tres, as preguntas
transcendentais que estruturan o poemario. Cada unha destas cuestións é tratada
de diferentes xeitos polo poeta que non atopa respostas e que se abandona á
desesperanza. Cerdedo, Galicia queren ser dignificados dende e para o universo,
buscándolle a finalidade do ser a unha entidade étnica ben determinada, pero non
apreciada polos propios.
|
|
|
|
Premios,
conferencias, encontros, roteiros... serán
algunhas das actividades programadas pola asociación
de escritores
A
AELG presenta o seu programa de actividades para
este 2010
(05-Febreiro-2010)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG), na súa Asemblea
Anual de Socios e Socias, celebrada o pasado 23 de xaneiro no Museo do Pobo Galego,
acordou, entre outras cuestións, o programa de actividades para 2010, do que
cómpre salientar:
A concesión do premio “Bós e xenerosos” ao Colectivo de
Concellos organizadores do Premio Blanco Amor de Narrativa., e da Letra “E”,
“Escritora na súa Terra”, a Marilar Aleixandre.
Entrega do galardón “Escritor Galego Universal” ao arxentino
Juan Gelman na Cea das Letras, acontecemento literario onde se entregarán os
Premios AELG XXX Aniversario. O premio para institucións irá para o Salón do
Libro de Pontevedra. Este acto será ademais a oportunidade para exteriorizar a
celebración do XXX aniversario da AELG, e homenaxear a todos os membros das
respectivas directivas que a asociación tivo ao longo da súa historia.
Celebrarase tamén o ciclo de conferencias “III Encontro
Cidade da Coruña”, a “II Xornada da Crítica”, o “IV Encontro de Escritores/as
Novos/as”, a I “Xornada de Literatura e Ensino” e a “III Xornada de Literatura
de Tradición Oral”.
Participará igualmente na edición do Galeusca, que
organiza este ano a AELG na Coruña.
“A escrita do conto popular” é o título dun congreso que se
celebrará en colaboración coa USC, e levará a cabo un Roteiro Novoneyra, no que
colabora a Deputación de Lugo, e o ciclo “Escritores na Universidade”,
organizado coa UDC e o Concello da Coruña.
Editaranse as actas da II Xornada de Literatura de
Tradición Oral, e se lle dará continuidade a gravación en vídeo dos socios/as
da AELG e do proceso de dixitalización para o Centro de Documentación da web da
asociación, así como da apertura dunha sección na web coa historia da AELG a
través dos informes de prensa.
Está prevista a celebración de 2 Polafías na Coruña, 2 en
Lugo, 1 en Pontevedra e 1 en Ourense, así como a colaboración coa Concellería
de Cultura de Compostela para a elaboración de 4 roteiros literarios na cidade.
Finalmente, a AELG organizará un Cortexo Cívico
conmemorativo do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro, desde Padrón
ao Panteón de Galegos Ilustres.
|
|
|
|
A
exposición estará aberte dende o 4
ata o 27 de febreiro
O
grupo Brais Pinto na Casa Museo Casares Quiroga
da Coruña
(05-Febreiro-2010)
No
ano 1958 un grupo de intelectuais e escritores
galegos, de ideoloxía de esquerda e nacionalistas, fundou o grupo Brais
Pinto en Madrid. Integraban este grupo Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, César Arias, Herminio Barreiro e Xosé Ramón Fernández-Oxea ("Ben-Cho-Shey").
O nome propúxono Fernández Ferreiro
a partires da historia dun afiador das súas terras
de Nogueira de Ramuín que percorreu o mundo e foi atropelado por un tranvía en
Madrid. Este grupo mantivo unha intensa actividade
cultural chegando a crear unha editorial.
Case
cincuenta anos despois, a Casa Museo Casares Quiroga
acolle unha exposición sobre este grupo.
Segundo a Concelleira de Cultura da Coruña,
María Xosé Bravo, esta mostra pretende
destacar a importancia do grupo
Brais Pinto dentro da evolución do galeguismo cultural e
político,presentar un panorama de recoñecemento dos grupos
nacionalistas galegos, mostralo como contribución á renovación
literaria galega, trazar perfís dos integrantes, adaptar a mostra aos
deseños curriculares dos distintos ciclos escolares e ofrecela como
actividade complementaria dentro do aula.
A mostra divídese
en tres apartados: no primeiro deles preténdese
contextualizar ao grupo dentro dunha xeografía e unha época política e social. Para iso presentamos
unha descrición dos feitos políticos, sociais e culturais destacables
nacionais e internacionais. Unha segunda parte incide
na orixe, o por que do seu nome, quen o integra, as súas dúas etapas,
onde se reunían, que lugares frecuentaban, que actividades
desenvolvían, que publicacións editaban. Por
último, unha terceira parte céntrase
nas obras recoñecidas e emblemáticas que xorden nas dúas épocas nas que se
divide o grupo e as aportacións á cultura galega (Escola da Tebra, Nova Narrativa, expresionismo, informalismo) e a súa
situación dentro da evolución do nacionalismo galego.
A
mostra estará aberta ao público dende
o 4 de febreiro ata o 27 de febreiro.
|
|
|
|
Once
artistas participan nesta exposición
O
Verbum de Vigo acolle unha exposición que
pescuda na obra e figura de Cabanillas a través
da fotografía
(05-Febreiro-2010)
O
Verbum. Casa das Palabras de Vigo acolle a exposición
Unha viaxe con Ramón Cabanillas a
través da Fotografía.
Co gallo da celebración no 2009 do Ano Cabanillas
o Verbum quere programar con esta
exposición unha visión íntima e persoal sobre o traballo do
autor, que achegara ao Ramón Cabanillas máis íntimo a través da escolma de trinta e tres
traballos realizados por once fotógrafos galegos actuais baseados na
obra de Cabanillas, presente tamén na exposición.
Os artistas seleccionados
para a exposición son: Iñaki Abella, Quico Álvarez, Eduardo Apariz, Luís Barreiro, Mónica Irago,
Martina Miser, Emilio Moldes, José Luiz Oubiña, Carlos Puga, Xaquín
Rosales e Mónica Vila; quenes realizaron un labor de introspección e
afondamento na lírica do poeta do Salnés, sendo esta exposición o
resultado fotográfico dese traballo de creación libre, íntimo e persoal.
Na mostra o visitante pode contemplar as instantáneas que foron inspiradas e guiadas pola obra do poeta que, xunto
cun pequeno texto dos autores explicando o seu traballo, acompaña estas imaxes.
A mostra Unha viaxe con Ramón Cabanillas a
través da Fotografía está organizada pola asociación Candea (Asociación de ensinantes do Salnés) e dirixida e
comisariada por Fotoxoguete.
|
|
|
|
O
6 de febreiro no Círculo de Belas Artes
A
canción da auga, música e poesía
en Lugo
(05-Febreiro-2010)
A
música de F. Mompou, de R. Schumann ou de
C. Debussy unirase ao versos de Ramón Cabanillas,
de Federico García Lorca ou de Paul Verlaine
no recital poético-musical titulado A
canción da auga que se celebrará
mañá sábado no Salón
Rexio do Círculo de Belas Artes de Lugo ás
19.00 h.
Xunto
ao piano de Alexis Delgado e a voz da soprano de
Laura F. Alcalde, recitarán os versos Joaquín Araujo, Manolo Rivas, Miguel Mato, Tonina Gay, Lois Diéguez,
Isidro Novo, Lino Braxe, Matesa Bourio, Carlos Boves e Xosé Saqués.
[Descargar
o programa]
|
|
|
|
Repartiranse
cartaces e trípticos dos gañadores
As
obras gañadoras da V Noite da Edición
de Galicia 2009 promociónanse nas principais
librarías do país
(05-Febreiro-2010)
Tras
os premios entregados no pasado mes de decembro
durante a V Noite da Edición de Galicia 2009
organizado pola Asociación Galega de Editores
(AGE), dende esta semana as principais librarías de
Galicia amosarán no seu escaparate e nos mostradores os cartaces e
dípticos editados pola AGE para promocionar as obras gañadoras
de ditos premios.
Os traballos gañadores, nas
súas diversas categorías, foron: Sidecar (Galaxia) de Alberto
Lema, Premio Ánxel Casal ao libro de ficción;
Cartas de republicanos galegos condenados a morte
(Xerais) de Xesús Alonso Montero, Premio
Ánxel Casal ao libro de non ficción;
Ciclo de Xúpiter
(Linteo) de Millán Picouto, Premio Ánxel
Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano;
A araña e máis eu (Kalandraka)
de Fran Alonso, Premio Neira Vilas ao mellor libro
infantil e xuvenil; a tradución dos Contos Completos de Edgar Allan Poe, I e II (Galaxia)
por Eva Almazán, Premio Lois Tobío
ao tradutor do ano 2009; A grande viaxe (OQO)
de Gabriel Pacheco, Premio Isaac Díaz Pardo
ao ilustrador do ano 2009; e o Premio Rosalía
de Castro á iniciativa editorial do ano 2009
para as Fotobiografías sonoras
da
editorial Ouvirmos.
|
|
|
|
O
Museo ampliará os seus fondos sobre o monxe
beneditino con este manuscrito
Presentado
no Museo de Pontevedra un manuscrito autógrafo
e inédito do Padre Sarmiento
(05-Febreiro-2010)
O Museo de Pontevedra
acolleu a pasado luns a presentación dun manuscrito
autógrafo inédito do Padre Sarmiento datado no século XVIII. O manuscrito é autógrafo, orixinal e inédito. Está encadernado en
pergamiño (30 x 21 cm.) e composto por 28 follas numeradas polo anverso
e o reverso, o que fai un total de 56 páxinas. En canto ó contido, este
alberga, dun lado unha reseña do libro titulado “Libro Bezerro” do
monasterio benedictino de Celanova (Ourense), que ocupa as páxinas de 1
á 3 e está firmada o 1 de xaneiro de 1752; doutro lado, unhas
reflexións críticas sobre a obra “Celanova Ilustrada” ou “Anales de San
Rosendo”, da autoría de Frei Benito de la Cueva, prior de aquel
cenobio, texto, neste caso, sen data, tal vez por non haber completado
Sarmiento os seus comentarios, feito relativamente habitual na súa
maneira de investigar e escribir (páxinas 5-56).
Este documento ten un gran interese para o Museo de Pontevedra, xa que este
é a institución galega que posúe o máis rico conxunto de materiais
(documentais, bibliográficos, artísticos e persoais) relacionados coa
figura do insigne monxe beneditino.
|
|
|
|
O
vento da illa, Nunca me esquecerei de ti
e Indoor optan os premios do xurado e do
públicoa
Xa
se coñecen os finalistas do IV Premio 'Diario
Cultural' de Teatro Radiofónico
(05-Febreiro-2010)
As obras presentadas baixo os lemas
O
vento da illa,
Nunca
me esquecerei de ti
e Indoor
foron seleccionadas como finalistas do IV Premio 'Diario Cultural' de
Teatro Radiofónico, organizado polo programa Diario Cultural da Radio
Galega e o Centro Dramatico Galego (CDG), co patrocinio da AGADIC (Axencia
Galega das Industrias Culturais).
O xurado
desta edición está integrado por Rubén Ruibal, Ánxeles Cuña, María Paredes,
Camilo Franco e pola directora do programa Ana Romaní. A directora da
compañía Sarabela Teatro Ánxeles Cuña dirixirá a adaptación radiofónica das obras finalistas,
que serán agora dramatizadas por un equipo de actores e actrices
coordinado polo CDG e emitidas ao longo do mes de marzo na Radio
Galega. Trala sua emisión daranse a coñecer o Premio do Xurado dotado
con 3.000 euros e o Premio da Audiencia dotado con 3.000 euros. Os tres textos
finalistas serán editados nun CD-Libro.
Este
premio 'Diario Cultural' de Teatro Radiofónico
vense desenvolvendo dende a ano 2007 e foron gañadores
nas pasadas edicións David Rodríguez
(2007) por O Bambam (premios do xurado e do público);
Begoña García (2008) por O mal da vaca (premio do xurado) e
Lois Pérez por Saltimbanqui (premio do público);
e Rubén Ruibal e César Candelas por Peter Buckley (premios do xurado e do público).
|
|
|
|