|
Sustitúe
a Antonio Gil Merino, falecido en outubro do pasado
ano
Henrique
Monteagudo entra na Real Academia Galega
(30-Abril-2010)
O Plenario da Real
Academia Galega, reunido hoxe en sesión ordinaria,
acordou nomear académico electo a Henrique Monteagudo para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento no
pasado mes de outubro do académico
numerario Antonio Gil Merino.
Nado
en Muros en 1959, Henrique Monteagudo é profesor
de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de
Compostela. Dende o ano 2000 é secretario do Consello da Cultura Galega,
onde coordina a súa Sección de Lingua.
Actual co-director da revista Grial, pertence ao
seu consello de redacción desde 1988.
Monteagudo
é autor dunha extensa obra centrada principalmente
no ensaio e na investigación do eido sociolingüístico
e foi recoñecido cos premios Losada Diéguez
de Investigación no ano 2000 e co Premio
da Crítica de Galicia en 2009 pola súa
obra etras primeiras. O Foral de Caldelas. A emerxencia da escrita en
galego e os primordios da lírica trobadoresca
(Fundación Barrié de la Maza). A súa
publicación máis recente é
As razóns do galego. Apelo á cidadanía,
publicado por Galaxia.
|
|
|
|
O
dia 1 comeza a 29ª edición da Feira
do Libro de Santiago de Compostela
Un
maio de letras para a cidade de Compostela
(29-Abril-2010)
Santiago
de Compostela acollerá este mes de maio un
completo programa de actividades que xirarán
en torno ao mundo das letras e dos libros.
O
sábado 1 princiapiará a 29ª edición
da Feira do Libro, que ata o domingo 9 estará
localizada no parque da Alameda. Este ano contará
como novidade cun stand monográfico con títulos
de ámbito local e na cal os visitantes que
se acheguen terán ao seu dispor ata sesenta
referencias de todos os xéneros. Esta iniciativo
partiu do grupo de traballo Editores de Compostela,
fundado polas editoriais compostelás Sotelo
Blanco, Positivas e Alvarellos.
Pola
súa banda, o concello compostelán
promove diferentes actividades no programa Maio
das Letras, que inclúe recitais de poesía, obradoiros, festas, probas lúdicas e unha exposición.
As actividades deste Maio das Letras arrincan o luns 3 de maio coa
tradicional Correlingua, a carreira escolar pola lingua. O percorrido iniciarase ás 11:30 h. na praza do Obradoiro,
para volver pouco despois ao mesmo lugar.
Os recitais de poesía serán parte fundamental da programación.
Un total de 24 poetas confirmaron a súa participación
nos diferentes recitais que se desenvolverán
no Pub As
dúas, o venres 7 de maio; o venres 21 no Café Bar A Conga; e o venres 28, no Café Casino.
Comezarán todos ás 22.00 h.
Dende o Concello de Santiago preparouse tamén un obradoiro de animación á lectura denominado Libri
Terrae, que se impartirá en varios escenarios: o mércores 19 no
CSC das Fontiñas (9.00 h. e 11.30 h.); o xoves 20 na Biblioteca Ánxel
Casal (9.00 h. e 11.30 h.); o venres 21 na Casa das Asociacións (9.00
h. e
11.30 h.); o luns 24 na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (9.30 h. e
12:30 h.); e o martes 25 no Centro Social Caixanova (9.00 h. e 11.30
h.).
O acto central desta programación terá lugar o propio Día das Letras
Galegas, o 17 de maio. Na rúa de Uxío Novoneyra, no barrio de
Conxo,
celebrarase a partir das 12.00 h. a Festa das Letras, con actuacións
musicais, reparto de libros, e lectura de textos. Nesta mesma xornada festiva haberá unha solta de 100 libros de cómic en
parques da cidade. Reproducirase así o fenómeno do bookcrossing,
a práctica de deixar libros en lugares públicos para que os recollan
outros lectores, que logo farán o mesmo. A xornada pecharase cun recital
de poesía no Jazz Club Dadó-Dadá, ás 22.00 h.
A
banda deseñada tamén terá protagonismo cun obradoiro e cunha exposición.
O debuxante Primitivo Marcos impartirá un obradoiro sobre banda deseñada o mércores
19, ás 19.00 h. na Casa das Asociacións. Ao día seguinte, no mesmo
escenario e á mesma hora, encargarase da sesión Álex Cal. Nas mesmas
instalacións de Cornes permanecerá do 18 de amio ao 2 de xuño a
exposición Universo Galimatías, o cómic galego.
[Programa
da 29ª edición da Feira do Libro de
Santiago de Compostela]
|
|
|
|
Polas
súas obras A praia dos afogados (Galaxia)
e Os instrumentos musicais na tradición
galega (Difusora)
Domingo
Villar e Pablo Carpintero, premiados cos Losada
Diéguez
(27-Abril-2010)
A
praia dos afogados (Galaxia) de Domingo Villar
e Os instrumentos musicais na tradición
galega (Difusora) de Pablo Carpintero foron
galardoados co XXV Premio Losada Diéguez
de creación e investigación e ensaio,
respectivamente.
O
premio, concedido polos concello de Boborás
e Carballiño, contou cun xurado formado por
un representante da Real Academia
Galega, Consello da Cultura Galega, Museo do Pobo Galego, Deputación Provincial
de Ourense, alcalde do Concello de Carballiño, Cátedra de Lingua e Literatura
Galega da Universidade de Santiago e as Universidades de Vigo e da Coruña.
|
|
|
|
Será
o domingo 9 de maio
O
web www.uxionovoneyra.com
organiza unha xornada de evocación e homenaxe
a Uxío Novoneyra no seu espazo natural
(25-Abril-2010)
O
web www.uxionovoneyra.com
loitou moito coa finalidade de acadar para o poeta
do Courel o Día das Letras Galegas. Milleiros
de apoios sumáronse a esta iniciativa e este
2010 dedicarase literariamente á figura de
Novoneyra.
Agora,
dende o mesmo espazo, organízase unha xornada
de homenaxe a Uxío Novoneyra previa aos actos
oficiais que se desenvolverán o vindeiro
17 de maio. Será o domingo 9 de maio cun
completo programa de actividades.
Os
actos principiarán ás 11.00 h. na
Ferrería de Seoane, onde se estacionarán
os autos. De seguido, camiñada dende a Ferrería
con destino a Parada, lugar natal de Uxío
Novoneyra. No percorrido, que durará aproximadamente
dúas horas, faranse paradas para recitar
poemas de Novoneyra. Este acto será aberto
ao público.
Ás
13.00 h. comezará a homenaxe, xunto a casa
natal do poeta, na cal evocarase a Uxío Novoneyra
e ao seu espazo natural, o Courel. No transcurso
deste acto intervirán músicos e cantautores.
Dende a organización comunican que todos
aqueles que desexen participar neste acto central
deben comunicalo á organización a
través do correo uxionovoneyra@gmail.com.
Como
punto e seguido ata o día 17 de maio pecharase
esta xornada sobre as 15.00 h. cunha ofrenda floral
diante da casa de Uxío Novoneyra, que fará
un grupo de escolares do Courel.
|
|
|
|
Levará
por título Baixo a sombra das pedras flotantes
A
Fundación Arte y Derecho axuda á creación
dunha novela gráfica de Kiko da Silva
(25-Abril-2010)
A
novela gráfica Baixo a sombra das pedras
flotantes sobre a que está a traballar
o ilustrador Kiko da Silva acadou unha das axudas
promovidas pola Fundación Arte y Derecho
co fin de financiar proxectos creativos de autores
que se expresan a través da creación
visual. Ao mesmo, presentáronse un total
de 684 proxectos.
Baixo
a sombra das pedras flotantes será publicada
contra fin de ano por Xerais en galego e por Norma
en castelán.
[Máis
información na web da Fundación Arte
y Derecho]
|
|
|
|
Estará
dirixido polo escritor Francisco Castro
Caixanova
organiza en Compostela un obradoiro literario
(25-Abril-2010)
Baixo
o lema Gústache escribir? O pracer de
crear textos Caixanova organiza en Santiago
de Compostela un obradoiro de creación literaria
impartido polo escritor Francisco Castro.
O
obxectivo deste obradoiro literario é afondar
no exercicio das técnicas literarias para
descubrir como perfeccionar a escrita de relatos.
As aulas terán lugar os días 3, 10, 24 e 31 de maio, entre as 19.00
h. e
as 21.00 h. As persoas interesadas en asistir ao curso poden formalizar a matrícula
no web www.caixanova.es e no teléfono 902
504 500.
|
|
|
|
Intervirán
X. Carlos
Hidalgo, José Manuel Sande, Leo i Arremecághona,
Gonzalo Hermo, Paula Pérez, Rubem Centeno
e David Castro
A
galería Sargadelos da Coruña acolle
un novo ciclo de escrita(s)
(20-Abril-2010)
X.
Carlos Hidalgo, José Manuel Sande, Leo i
Arremecághona, Gonzalo Hermo, Paula Pérez,
Rubem Centeno e David Castro son os participantes
dunha nova edición de escrita(s), organizado
polo poeta e director da galería Sargadelos
da Coruña Claudio Pato.
Neste
ciclo de intervencións o obxectivo márcase
en afondar nas relacións que se dan na producción de textos,
facendo especial fincapé en como todas estas marcas e liñas de forza sempre heteroxéneas
chegan no trato co outro.
As
conferencias desenvolveranse entre os días
23 de abril e o 17 de xuño ás 20.00
h. na Galería Sargadelos da Coruña
con entrada de balde.
Programa
23 de abril. X.Carlos Hidalgo:
Visita ao Panteón Tipográfico.
29.de
abril. José Manuel Sande: A viaxe do
comediante.
6
de maio. Leo Arremecághona: Pan! Pan!! Punk!!!
20
de maio. Gonzalo Hermo: Palabras que mancan: sensibilidade
masoquista e poesía-Outra.
3
de xuño. Paula Perez: Sete horas antes.
10
de xuño. Ruben Centeno: Rostos do desejo
em guerra: umha leitura política e bastarda de Jean Genet.
17
de xuño. David Castro: Obradoiro obxetor.
[Descargar
o programa de escrita(s)]
|
|
|
|
A
reeleción foi por unanimidade do Plenario
Ramón
Villares renovará o seu mandato durante catro
anos ao fronte do Consello da Cultura Galega
(20-Abril-2010)
O Plenario do Consello da Cultura Galega reelixiu na
sesión celebrada hoxe á tarde por
unanimidade a Ramón Villares como presidente da
institución para un segundo mandato, que se prolongará do 2010
ata o 2014.
O trámite seguinte, se así o considera o Parlamento de Galicia, será a
comparencia de Ramón Villares na Cámara, posibilidade contemplada no
Regulamento do Consello da Cultura Galega como expresión de boas prácticas institucionais.
Deseguido producirase o nomeamento oficial no Consello da Xunta de
Galicia, a proposta do Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela,
vocal do Plenario e que estivo presente na votación celebrada esta
tarde.
O
reelixido presidente Ramón Villares quixo
recoñecer o traballo
desenvolvido desde o 2006 pola Comisión Executiva, que permitiu executar o noventa por cento do orzamento previsto. Villares
aludiu
igualmente os obxectivos de seguir facendo do Consello un laboratorio de ideas,
amais das súas funcións asesoras e consultivas, e de continuar
traballando a prol dunha maior proxección exterior da cultura galega.
|
|
|
|
Terá
lugar entre os días 21 e 25 de abril
Ferrol
acolle a primeira feira do libro do ano
(19-Abril-2010)
Ferrol
inaugura o calendario das Feiras do Libro que percorrerán
a xeografía galega nos videiros meses.
Concertos
didácticos, presentación e sinaturas de libros, sesións de contacontos,
unha maratón de lectura, exposicións, charlas-coloquios, conversas con
escritores, obradoiros de elaboración de libretas e marcapáxinas, xogos
populares ou actividades dirixidas a centros de ensino, entidades e
público en xeral serán algunhas das propostas que os lectores
atoparán entre os días 21 ao 25 de abril en varios escenarios da cidade
como o Cantón
de Molíns, o Centro Cultural Carvalho Calero, a Biblioteca Municipal da
Praza de España e o Teatro Jofre.
Como é habitual, acudirán a Ferrol durante a
celebración deste evento recoñecidos escritores para a tradicional
sinatura de libros. Entre eles, a ex directora da Biblioteca Nacional e
escritora Rosa Regás, Premio Nadal 1994 e Premio Planeta 2001, o
escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, os profesores
José Antonio Ponte Far ou Xosé Manuel Suárez, sen esquecer
a representación local, como Vicente Araguas (pregoeiro
da edición deste ano), Rosa Aneiros, Jorge Llorca ou Antón
Cortizas.
A
Feira do Libro deste ano terá unha mención
moi especial, xa que estará adicada ao escritor
ferrolán universal Juan Farias.
[Programa
da 21º Feira do Libro de Ferrol]
|
|
|
|
O
mítico Café Tortoni acollerá
un faladoiro cos lectores galegos
O
libro galego desembarca un ano máis na Feira
do Libro de Bos Aires
(19-Abril-2010)
O
libro galego estará un ano máis na
Feira Internacional do Libro
de Bos Aires, un dos eventos editoriais máis importantes de
Latinoamérica.
Galicia terá unha presenza destacada na Feira coa participación
de 21 editoriais pertencentes á Asociación Galega de Editores (AGE) que expoñen
o mellor da súa produción nun stand compartido co Centro Galego de Bos Aires. O expositor conta co patrocinio da Dirección Xeral de
Promoción e Difusión da Cultura, da Consellería de Cultura
e Turismo.
A
presenza editorial acompañarase de diversas actividades nas que tomará parte a representación galega.
O día 22 será á inauguración oficial da Feira e o día 23, festividade do Día do
Libro, o stand galego acollerá a sinatura de libros por parte dos escritores
Benigno Campos, autor de A cociña dos
Larpeiros (Galaxia), e Xosé Carlos Caneiro, autor, entre outras moitas
obras, de Un xogo de apócrifos (Xerais). Tamén colaborará nas activiades culturais a escritora María do
Cebreiro Rábade. Outro
dos momentos máis intensos da axenda cultural será o faladoiro cos lectores
galegos da capital arxentina que terá lugar o día 24 no emblemático Café
Tortoni, en cuxas vitrinas poden verse textos e obras de autores galegos. Nesta
actividade participará tamén a xornalista galego-arxentina Débora Campos.
|
|
|
|
Organizado
polo MACUF terá lugar do 28 de abril ao 22
de xuño
Maestr@s
de papel para coñecer o lado oculto da creación
literaria
(19-Abril-2010)
O
Museo de Arte Contemporánea (MACUF) da Coruña
organiza o ciclo de conferencias Maestr@s de
papel, que se desenvolverán no museo
coruñés dende o 28 de abril ata o
22 de xuño.
Este ciclo pretende converterse
nunha ponte de papel entre escritores e escritoras do panorama literario español
e galego actual e os seus lectores. Os asistentes poderán coñecer
de primeira man as
reflexións e descobrir as mensaxes ocultas e os segredos dos seus
libros.
Programación
Mércores 28 de abril, 20:00 h. José María Merino: A alquimia
literaria
Xoves 13 de maio, 20:00 h. Marcos Calveiro e Luís Rei Núñez: A imaxe
reinventada.
Xoves 10 de xuño, 20:00 h. Fina Casalderrey, An Alfaya e Rosa Aneiros:
Literatura con voz feminina: ¿unha escritura de rebelión no panorama do
século XXI?
Martes 22 de xuño, 20:00 h. Luís Mateo Díez: Os fíos condutores da ficción: o
azar, a memoria e o esquecemento.
A
entrada para as conferencias é de balde ata
completar o aforo.
|
|
|
|
Unha
historia que non vou contar, Deter o día
cunha flor, Cartas de republicanos galegos
condenados a morte (1936-1948), Delimvois,
Lúa do Senegal, O museo da inocencia,
Manuel Rivas, Brétemas e Juan Gelman foron
os premiados
Entrega
de premios na Cea das Letras 2010
(19-Abril-2010)
O
sábado celebrouse a tradicional Cea das Letras
da Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG), unha data de convivencia onde se entregan
os premios á mellor
obra publicada no 2009 nas modalidades de: ensaio, literatura infantil e
xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog
literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da cultura
galega. Os premiados saen das votacións realizadas
polos propios socios da AELG.
Premiados
Narrativa:
Unha
historia que non vou contar (Xerais) de Xosé Cid Cabido.
Poesía:
Deter
o día cunha flor (Baía) de Luz Pozo.
Ensaio: Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)
de Xesús Alonso Montero.
Teatro: Delimvois (Xerais/IGAEM)
de Rubén Ruibal.
Literatura
Infantil e Xuvenil: Luz do
Senegal (Xerais) de Agustín
Fernández Paz (Premio en colaboración con Gálix).
Tradución: Bartug Aykam e María Alonso
Seisdedos, pola tradución da obra O
museo da inocencia(Galaxia) de Orham
Pamuk.
Mellor traxectoria
xornalística: Manuel Rivas (Premio en colabración
co Colexio
de Xornalistas).
Blog
Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas.
Institucións:
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Escritor
Galego Universal: Juan Gelman.
|
|
|
|
O
crítico e escritor Xosé Manuel Eyré
represento á crítica galega no acto
celebrado en Barcelona
O
cabo do Mundo e Deter o día cunha
flor, galardoados co Premio da Crítica
(19-Abril-2010)
Esta
fin de semana coñecéronse en Barcelona
os gañadores dos Premios da Crítica
Española, concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios, que cada
ano salientan os mellores títulos de poesía e narrativa en cada unha das
linguas do estado español.
O
representante da crítica galega, Xosé
Manuel Eyré, fixo público que os premiados eran O cabo do mundo
(Galaxia) de Xabier
Quiroga, en narrativa, e Deter o día cunha flor
(Baía), de Luz Pozo
Garza, en poesía.
Da
novela de Xabier Quiroga destacouse que "combina a extracción de personaxes da Historia da vida cotidá nun pobo
do sur da provincia de Lugo (Escairón), coa doación a esa mesma
Historia de personaxes que son logradas creacións literarias. De forma e
maneira que ambas (extracción e doación) encaixan á perfección no
puzzle, ese enorme puzzle que construímos, con toda a vontade e
dignidade de que somos capaces, todos os que non queremos que sexan
esquecidas tantas traxedias como o Alzamento militar franquista de 1936
provocou e que algúns pretenden desactualizar interesadamente".
Pola súa banda, na notificación do
premio, subliñouse que Deter
o día cunha flor
"presenta un diálogo artístico entre a poesía de Luz
Pozo Garza e os grabados de José Valentín Díaz, diálogo harmonizado
polo deseño de Xosé Tomás. Un intenso ton de misticismo sincretista
abre o poemario coa serie “Aleph”, en complicidade intertextual cos
autores admirados, de Borges a Dante; e péchao tamén con ese clima a
serie “Carta de Beatrice Vía-Láctea” . Unha vez máis, o libro envíase
como ofrenda ao amigo/amado ausente, Eduardo Moreiras (“Lotus no
corazón”), por quen cobra sentido o desenvolvemento lírico do motivo
tomado dunha poeta chinesa do s.XI que se lamentaba de que a beleza
dunha flor recén nacida no ía poder reter o tempo de amor nun instante
de eternidade (“Li Yian pide deter o día”)".
O
resto dos premiados
En lingua castelá, José María Pozuelo
Ybanco, anunciou que os galardóns correspondían a El viajero del
siglo, de Andrés Neuman , en narrativa, e a Fämulo en
poesía, poemario do autor Francisco Javier Lerín.
Javier Rojo comunicou que en lingua
vasca correspondían a Autokarabana, de Fermín Etxegoien, en
narrativa, e a Eroriaren logica, de Juanra Madariaga, en
poesía.
Pola súa banda Álex Broch fixo públicos
os correspondentes á lingua catalá, que recaeron en Contes Russos,
de Francesc Serés, en narrativa, e a L´ombra dels dies vermells,
de Carles Miralles, na modalidade de poesía.
|
|
|
|
Do
27 de abril ao 6 de maio en Santiago de Compostela
Un
curso analizará a cultura contemporánea
galega
(19-Abril-2010)
Entre
os días 27 de Abril e 6 de Maio terá
lugar en Santiago de Compostela o Curso de Cultura
Contemporánea Galega (CCCG), organizado pola
Associaçom Galega da Língua (AGAL)
e a Cátedra UNESCO de Cultura Luso-Brasileira
da USC co apoio da Deputación da Coruña,
do Concello de Santiago de Compostela e das Faculdades
de Filoloxía e Ciencias da Comunicación
da USC.
O
obxectivo do curso é establecer un espazo
de reflexión académica e profesional
interdisciplinar sobre a actualidade dunha cultura
galega desacralizada e viva, definitoria de como
nos vemos os galegos e da imaxe que de nós
internacionalizamos.
Os
profesores da USC Carlos Quiroga, Elias Torres,
Ramom Flores das Seixas e José Pereira Fariña
e o director de UNINOVA Gustavo Marcos serán
os encargados da parte teórica do curso,
que se divide nas sesións: Culturas Tradicionais,
Culturas de Élite, Culturas de Masas, Culturas
Empresariais e Culturas Libres.
Estas
conferencias, veranse complementadas cun ciclo de
mesas redondas en que participarán 20 representantes
do tecido cultural galego nas súas dimensións
empresarial e asociativa.
As
aulas presenciais do curso celebraranse no Auditorio
de Galicia e nas Faculdades de Filoloxía
e Xornalismo e complementaranse cun foro virtual
de debate on-line. A matrícula, que poderá
realizarse ata o próximo dia 26, garante
un certificado de 30 horas e un crédito da
Universidade de Santiago.
[Máis
información]
|
|
|
|
O
Padroado da Fundación Pedrón de Ouro
destacou a traxectoria de Fermín Bouza Álvarez
para outorgarlle o Pedrón de Honra
Camilo Nogueira, premiado co Pedrón de Ouro
2010
(19-Abril-2010)
O
Padroado da Fundación Pedrón de Ouro
ven de facer público os nomes dos galardoados
co Pedrón de Ouro 2010 e o Pedrón
de Honra.
O
político, economista e escritor Camilo Nogueira
foi recoñecido co Pedrón de Ouro pola
súa traxectoria en prol da cultura nacional.
Pola
súa banda, o sociólogo e escritor
Fermin Bouza Álvarez foi recoñecido
co Pedrón de Honra pola súa traxectoria e pola súa
defensa irredutíbel da lingua galega desde
todas as tribunas públicas nas que participa.
O Pedrón de Ouro recoñece a personalidade ou entidade viva e residente
en Galicia que máis destaque na defensa e na promoción das diversas
facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha
vida. Pola súa banda, o Pedrón de Honra distingue unha personalidade ou
entidade viva, galega ou non, residente fóra de Galicia, que máis
destaque coas súas achegas ao engrandecemento de Galicia e a súa
cultura.
|
|
|
|
A
AGE mantivo os primeiros contactos con empresas
do sector para a posta en marcha da Escola 2.0
Cara
unha plataforma para o libro dixital
(15-Abril-2010)
A Asociación Galega de Editores (AGE) vén de
asentar os alicerces para o desenvolvemento da nova plataforma de contidos para
o libro dixital. Foi no transcurso dunha xornada de traballo celebrada nas
instalacións da editorial Sotelo Blanco na que representantes da Asociación, co
seu presidente Alfonso García Sanmartín,
á fronte, puideron coñecer as propostas de traballo de varias empresas do
ámbito das TIC de Galicia.
Un dos proxectos presentados foi o do Cluster
galego das TIC que supón unha plataforma de distribución de contidos na que se
contemplan dous portais diferenciados: un para o libro xeneralista, e outro
para o libro electrónico de materiais educativos. É precisamente neste segundo
eido no que a AGE pretende avanzar na elaboración de contidos dixitais que
posibiliten a posta en marcha da Escola 2.0 incluída no Plan Abalar da
Consellería de Educación para o vindeiro curso 2010-2011. Ademais, a plataforma
tecnolóxica tamén contempla a inclusión de tendas en liña tanto para os
libreiros como para os editores, así como ferramentas de redes sociais e de
formación. Outra das vantaxes desta nova tecnoloxía é a posibilidade que ofrece
de almacenamento de tódolos contidos e o control dos mesmos por parte dos
usuarios da plataforma. A proposta do Cluster, presentada polo profesor da
Facultade de Telecomunicacións do Campus de vigo, José Carlos López Ardao,
contempla un proxecto nunha fase bastante avanzada que se desenvolvería en
diversas fases.
Na rolda de contactos de onte, os membros da
AGE tamén puideron coñecer as propostas das Universidades da Coruña e de Vigo,
que puxeron sobre a mesa as diversas posibilidades de colaboración no proxecto
cos recursos que se poidan establecer. Concretamente, por parte da Universidade
da Coruña estiveron representantes da empresa Galebook, xestada no viveiro
empresarial da institución académica; mentres que pola Universidade olívica
estivo o profesor José Luís Martínez Orge.
Asemade, na xornada de traballo de onte tamén
presentaron as súas ofertas e posibilidades de colaboración as empresas
Grammata, Imaxin Software e Netex Knowledge Factory. Nos vindeiros meses, a AGE
asinará acordos de colaboración coas empresas das TIC galegas coa fin de
axilizar o traballo de constitución da plataforma tecnolóxica para o libro do
futuro.
|
|
|
|
O
galardón entrégase ininterrompidamente
dende o ano 1083
A
Fundación Otero Pedrayo distingue co premio
Trasalba 2010 a Xosé Ramón Barreiro
(14-Abril-2010)
A executiva da Fundación Otero Pedrayo determinou por unanimidade
conceder o Premio Trasalba 2010 ao historiador e académico Xosé Ramón
Barreiro Fernández, presidente ata hai pouco da Real Academia Galega.
O
premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que
anualmente se celebra na casa grande de Cimadevila, en Trasalba, no
derradeiro domingo do mes de xuño.
Este recoñecemento ten que ver coa súa traxectoria ao servizo da cultura
galega, na liña histórica de continuidade que representa a memoria de Otero
Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como
intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da
historiografía galega.
Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936) é unha das figuras
sobranceiras da historiografía galega contemporánea. Licenciouse e
doutorouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. En
1974 obtivo a licenciatura en Filosofía e Letras, con premio
extraordinario, e doutorouse en Historia pola Universidade de Santiago
de Compostela coa tese O campesiño galego no século XIX: economía e
sociedade. Foi catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na
mesma universidade, onde desempeñou as funcións de decano da Facultade
de Xeografía e Historia. Desde o 20 de decembro de 2001 ata o 23 de
xaneiro de 2010 foi presidente da Real Academia Galega, substituíndo a
Francisco Fernández del Riego. A súa obra histórica repártese en numerosos libros e estudos.
Os seus traballos de investigación céntranse sobre todo na historia
contemporánea de Galicia, entre outros ‘O movemento obreiro en Galicia’
(1990) ou os seus catro volumes sobre os séculos XIX e XX. A súa
última publicación é a Historia
Social da Guerra da Independencia en Galicia.
O Premio Trasalba é un galardón anual e de carácter honorífico,
que recompensa o labor cultural e galeguista de distintos persoeiros
vivos (ou recentisimamente falecidos). O Premio Trasalba entrégase ininterrompidamente dende 1983.
Entre os premiados están, entre outros: Xosé Manuel Beiras Torrado,
Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Méndez Ferrín,
Isaac Díaz Pardo, Xosé Filgueira Valverde,
Lois Tobío Fernández, Valentín Paz-Andrade,
Antón Fraguas Fraguas,
Isidro Parga Pondal
ou Xaquín Lorenzo
Fernández.
|
|
|
|
O
22 de abril no Salón Teatro de Santiago de
Compostela
A
lectura e a danza, conferencia organizada polo
Centro Coreográfico Galego
(14-Abril-2010)
Organizada polo Centro Coreográfico Galego (CCG), a conferencia
impartida por María Dolores Fojón Polanco
A
lectura e a danza
pretende
achegar unha visión da danza a través da literatura e preséntase como
xeito de unir as celebracións este mes do Día Internacional do Libro
(23 de abril) e do Día Internacional da Danza (29 de abril).
Á conferencia, que
terá lugar o día 22 de abril ás
19.30 h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela
con entrada de balde ata completar a capacidade do teatro,
seguirá un coloquio cos asistentes no que tamén participará a profesora
do CCG Pilar Peña.
Fojón Polanco
defenderá a necesidade de abordar conxuntamente danza e
literatura, a través dun repaso ameno polos pensadores e escritores que,
ao longo dos séculos, deixaron a súa reflexión sobre a actividade
creativa e, concretamente, a coreográfica: Platón , Aristóteles ,
Cicerón , Rousseau , Kant , Schiller , Schopenhauer , Nietzsche ,
Wittgenstein , Leonardo da Vinci , Shakespeare , Descartes, Molière ,
Stendhal , T . Gautier, Tolstoi... Realizará tamén un breve percorrido
pola historia da danza en Grecia, Roma, Idade Media, Renacemento e
Idade Moderna, Romanticismo, Academicismo, Danza Moderna Americana e
Danza Moderna Europea. A chamada "literatura bailada" será outro dos
aspectos que trasladará ao público, desde a traxedia grega até Lewis
Carrol e os nosos contemporáneos, pasando por Shakespeare e Cervantes.
|
|
|
|
O
Servizo de Publicacións da USC e Alvarellos
Editora sacan novos títulos sobre o autor
homenaxeado no Día das Letras Galegas
Aparecen
novas publicacións sobre Uxío Novoneyra
(14-Abril-2010)
Un
dos aspectos máis interesantes da celebración
do Día das Letras Galegas, amais de conmemorar
a figura dun autor de recoñecido prestixio
e traxectoria literaria -e aínda que as veces
esquecido- é a aparición de xoias
de incalculable valor sobre o homenaxeado que noutros
contextos sería moi difícil que viran
a luz.
Se
hai unhas semanas anunciabamos a publicación do
magnífico volume publicado polo Centro Ramón
Piñeiro dentro dos seus Cadernos, agora saen
do prelo sendas publicacións baixo o carimbo
do Servizo de Publicacións da Universidade
de Santiago e de Alvarellos Editora.
Uxío Novoneyra. Día das Letras Galegas 2010
é a publicación en facsímile, por vez primeira, do manuscrito autógrafo que
Uxío Novoneyra compuxo entre 1952 e 1954 do seu poemario Os Eidos,
publicado por Galaxia en 1955. No libro o poeta do Courel converte cada composición “nun auténtico e fermoso caligrama”
que os editores da USC trataron “coa maior delicadeza para conseguir
unha representación fiel nos máis mínimos detalles do orixinal, un
humilde bloc dos que correntemente se mercan nas tendas de papelarías”.
Tal
e como se recolle na introdución da obra, o manuscrito contén a base e
fundamento primordial do que había ser todo un ciclo poético que o
propio poeta comezaría a pechar coa edición de Os eidos. Libro do
Courel, onde reúne os poemas d’Os eidos (1955) e d’Os eidos-2 (1974).
O libro complétase cun conxunto de estudos de diversos profesores do
Departamento de Filoloxía Galega da USC, entre os que se atopan Xesús Alonso
Montero, José L. Forneiro, Blanca Roig, e Mª Xesús Nogueira e Carme
Silva.
Pola
súa banda, Alvarellos Editora incorpora a
súa colección Rescate Tempo de
elexía nunha edición bilingüe
galego-castelán que retoma o espírito
da primeira publicación desta obra (Madrid,
1966), con tradución ao castelán do
propio Uxío Novoneyra e ampliada con respecto
a aquela primeira versión. Esta obra incorpora
un CD que recolle o recital inédito e íntegro
(de 25 minutos de duración) que Uxío
Novoneyra ofreceu en Lugo, no salón de actos
do Instituto Lucus Augusti, en 1982. Nese recital,
que comeza polo Poema dos Caneiros e conclúe
coa Letanía de Galicia incluíu
33 poemas, entre eles, a maior parte das súas
elexías. Este documento sonoro foi gravado
directamente por Henrique Alvarellos, director desta
editorial (daquela estudante de primeiro de bacharelato
nese centro educativo), e conservado todos estes
anos no seu formato orixinal en casete. Agora, debidamente
dixitalizado e remasterizado, preséntase
cunha moi boa calidade de son.
|
|
|
|
O
primeiro libro que se comentará será
Se o vello Simbad volvese ás illas
de Álvaro Cunqueiro
Novo
clube de lectura na Nodal de Coruña dirixido
por Fernández Naval
(14-Abril-2010)
Os
afeccionados á lectura teñen unha
data todos os xoves na biblioteca nodal 'Miguel
González Garcés' da Coruña
no clube de lectura en galego recen creado.
O
clube reunirase todos os xoves de 19.00 h. a 20.30
h. e estará dirixido polo escritor Francisco
X. Fernández Naval. O público de destino
do clube son os lectores adultos e o xénero
a tratar nas reunións será a narrativa.
De feito, o primeiro libro a comentar será
Se o vello Simbad volvese ás illas
de Álvaro Cunqueiro.
Os
interesados en asistir e participar deben apuntarse
na Sala de Consulta da propia Biblioteca ou ben
no teléfono 981 170218 de 8.30 h. a 15.00
h.
|
|
|
|
Unha
vez finalizado o proceso, os fondos serán
publicamente accesibles a través da internet
A
Fundación Penzol e a Consellería de
Cultura asinan un convenio de colaboración
para a difusión dos fondos da Fundación
(14-Abril-2010)
O
Vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso
Zulueta, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron
onte un convenio de
colaboración entre as dúas entidades para a conservación e difusión do
seu fondo bibliográfico e documental cifrado en 41.609 exemplares. Ambas
entidades promoven deste xeito accións dirixidas á recuperación,
conservación, acceso e estudo, e difusión á sociedade do patrimonio
documental e bibliográfico da Fundación Penzol a través da conversión a
formato dixital dos fondos identificados no convenio asinado hoxe.
A
encargada de sufragar os gastos económicos
será a Fundación Cidade da
Cultura de Galicia, quen achegará unha partida económica de 92.780 euros para
sufragar os gastos da dixitalización e creación de metadatos dos fondos
bibliográficos (libros, folletos, e publicacións periódicas) e
documentais (de orixe pública, semipública ou privada, así como
especiais e coleccións variadas) conservados no arquivo e na biblioteca
da Fundación Penzol. Unha vez dixitalizados, os resultados do proceso
poranse a disposición de ambas as dúas fundacións, e serán incluídos
pola Fundación Cidade da Cultura nos fondos dixitais da Biblioteca de
Galicia, para a súa utilización e difusión pública, de xeito que permita
a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da comunicación.
A totalidade dos fondos da colección Penzol caracterízanse
todos por ter como denominador común temas ou asuntos referidos a
Galicia. Hoxe en día as coleccións están formadas por uns 38.500 títulos
de monografías impresas datadas desde o século XV, 106 títulos de
libros manuscritos, aproximadamente un milleiro de diplomas en pergameo,
44 documentos de cartografía histórica, 589 unidades de instalación de
documentos do arquivo (93,78 m.l.) e uns 2.370 títulos de publicacións
periódicas desde o século XIX.
|
|
|
|
O
ciclo de conferencias está organizado pola
Concellería de Cultura da Coruña e
a AELG
Literatura
e viaxe teñen unha cita na Coruña
(12-Abril-2010)
O
Pazo de María Pita na Coruña acolleu
esta mañá a presentación do
programa de conferencias que terá lugar dentro do Atopo Cidade da Coruña
que este ano chega á súa terceira edición baixo a lema Literatura e
viaxe e que organiza a Concellería de Cultura da Coruña en colaboración coa Asociación de Escritores en
Lingua Galega (AELG).
Na rolda de prensa, a Concelleira de Cultura destacou a grandísima
calidade dos cinco escritores que se achegarán a nosa cidade para
mostrar as diferentes afeccións que podemos descubrir na palabra viaxe.
O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega,
Cesáreo Sánchez Iglesias sinalou a importante actividade
literaria da cidade de Coruña presente na súa historia pero tamén na
actualidade que se reflicte en actividades como este ciclo de
conferencias que "logrará cumprir un soño como é poder contar con
escritores de recoñecido prestixio internacional neste III Atopo Cidade
da Coruña".
A primeira das conferencias terá lugar o vindeiro luns
19 de abril co
poeta arxentino Juan Gelmán, Premio Nacional de Poesía en
1997 e Premio Cervantes de
Literatura no 2007.
A seguinte cita literaria será o
28 de abril e nesta
ocasión o encontro será con Miguel Anxo Murado, autor
galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática e
que cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e máis a
Segunda Intifada Palestina. É autor dos volumes Fin de século en Palestina
(Galaxia), A segunda
Intifada (Ediciones del Oriente y el Mediterráneo) ou Ruído, Relatos de guerra
(Galaxia).
Xa no mes de maio continuará este III Atopo Cidade da Coruña cunha
cita o 5 de maio coa poetísa
Hélia Correia,
escritora lisboeta recoñecida como unha das revelacións da novelística
portuguesa da xeración dos 80 e 90, a pesar da súa obra narrativa estar
sempre impregnada de discurso poético.
O
11 de maio o encontro será o escritor, tradutor e
editor arxentino, Alberto Manguel. Coautor do
Dicionario de lugares imaxinarios, un catálogo de terras de fantasía,
illas, cidades e outros lugares que só existen na literatura reflexionou
por escrito sobre a importancia do lector e o seu propio acto de ler,
desde a perspectiva deste de converterse en destino e orixe de toda a
creación literaria, á vez que acredita en que ler non será só no futuro
un acto de rebeldía, senón un acto de supervivencia.
A última das citas deste Atopo Cidade da Coruña terá lugar o
19 de maio con Xabier
P. Docampo , escritor
chairego, autor dunha prolífica obra narrativa pensada para o lectorado
máis nova, galardoado con múltiples premios e recoñecementos literarios
nacionais e internacionais, como o Premio Nacional de Literatura
Infantil e Xuvenil en 1995.
Todas as citas terá lugar na Real Academia Galega ás 20.00 h. A
entrada será gratuíta até completar aforo.
|
|
|
|
Autor
coñecido no relato curto, gaña o prestixioso
premio coa súa primeira novela longa
Iván
García Campos faise co XVIII premio de novela
Blanco Amor
(12-Abril-2010)
O
coruñés Iván García
Campos é o gañador do XVIII premio
de novela longa Blanco Amor pola obra O imposible
de desatar.
O
xurado, formado por Bieito Iglesias, María
Xesús Nogueira, Teresa Bermúdez, Carlos
Figueiras e Xesús Constela, inclináronse
pola obra de García Puentes de entre as 23
obras presentadas, destacando a súa "óptica vangardista"
e a súa "aposta innovadora e arriscada para
reflectir as sombras existentes nas relacións humanas".
Para
Iván García Campos O
imposible de desatar
é a súa primeira novela longa, pero
xa acadara varios galardóns na narración
ou relato breve, como a 34ª edición do Premio Nacional de Narracións Curtas Modesto Rodríguez
Figueiredo, Os Viadutos no 2007, o Ánxel Fole de relato curto no 2006,
o Manuel Orestes ou o Cidade de Ourense no 2004.
O
Premio de novela longa Blanco Amor ten a particularidade
de ser organizada conxuntamente por 52 concellos
galegos, recaendo a organización cada ano
en un deles. Este ano o concello organizador foi
Poio.
|
|
|
|
O
obxectivo e a realización de actividades
relacionadas coa obra de escritores galegos
Cultura
colaborará este ano coas Fundacións
Valle-Inclán e a Torrente Ballester
(12-Abril-2010)
A
Consellería de Cultura e Turismo ven de asinar
cadanseu acordo de colaboración coas Fundacións
Gonzalo Torrente Ballester e Valle-Inclán.
Convenio
coa Fundación Valle-Inclán
Tanto
a Fundación Valle-Inclán, dirixida
por Xerardo Fernández Albor, como a Consellería dirixida
por Roberto Varela, consideran
esencial o establecemento de accións conxuntas que permitan desenvolver
un programa conxunto para a realización de distintas actividades
relacionadas coa obra de escritores galegos de recoñecido prestixio. Así preténdese impulsar o
coñecemento da obra literaria de Valle Inclán, unha das grandes figuras
da cultura galega de todos os tempos.
Dentro destas actividades atópanse a edición da revista Bradomín, unha
publicación periódica de interese valleinclano, a publicación dun libro
relacionado coa bibliografía de Valle Inclán, o congreso valleinclano e
actuacións da Escola de Teatro Valle Innova para a posta en marcha de
obras valleinclanistas expandindo a obra por todos os concellos das
catro provincias de Galicia. Segundo o convenio, vixente ata o 15 de
decembro de 2010, para a realización conxunta destas actividades, a
Consellería comprométese a achegar á Fundación Valle Inclán a cantidade
de 25.000 euros.
Convenio
coa Fundación Torrente Ballester
Pola
súa banda, o director-xerente
da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Fernández-Cid, e
o Conselleiro de Cultura asinaron un convenio de colaboración para a realización de diversas
actividades culturais durante o presente ano. En virtude deste acordo, a
Consellería realiza unha achega de 50.000 euros á
Fundación para a organización de actos relacionados
co centenario do nacemento do escritor, como son unha serie de ciclos de conferencias, visitas,
xornadas e traducións de relatos do autor. O programa de actividades
aspira a abarcar a case totalidade das facetas do prolífico autor, aínda
que principalmente céntrase na súa labor literaria.
No marco deste programa tamén se inclúe o obxectivo de dinamizar a
biblioteca persoal de Torrente Ballester, así como o coñecemento e a
divulgación entre os escolares da vida e obra do escritor ferrolán, cuxo
legado se atopa na sede da Fundación en Santiago de Compostela.
Asemade, neste ámbito traballarase para achegar aos escolares o mundo da
literatura como enriquecemento cultural e pracer persoal.
|
|
|
|
No
cincuenta aniversario de Memorias dun neno labrego
A
Aula da Uned de Lalín acollerá un
curso sobre Neira Vilas
(12-Abril-2010)
Do
26 ao 28 de abril a Aula da Uned de Lalín
acollerá o curso Xosé
Neira Vilas, da Galicia de Balbino á Galicia
de hoxe,
dirixido pola profesora Pilar González Yanci.
Este curso realízase en conmemoración dos 50 anos da obra considerada
como iniciadora da literatura infantil e xuvenil galega, Memorias dun
neno labrego, redactada no segundo semestre de 1960 e publicada en 1961.
Ao
longo dos tres días de duración do
curso analizarase polo miúdo a vida e obra
de Xosé Neira Vilas, prestando especial atención
á que posiblemente sexa a súa obra
máis coñecida: Memorias dun neno labrego,
e estudaranse as mudanzas que sufriu a Galicia dos
últimos cincuenta anos, onde se terá
un especial achegamento á Galicia rural e
á Galicia emigrante. Entre os poñentes
e profesores que participarán no curso están
Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso
Montero, Dolores Vilavedra e Victorino Pérez
Prieto, entre outros.
Para
pechar o curso, na última xornada os alumnos
visitarán a Fundación Xosé
Neira Vilas no concello de Vila de Cruces, onde
serán recibidos polo propio Neira Vilas.
|
|
|
|
Sarria
acolleu a entrega dos XIX premios Irmandade do Libro
A
praia dos afogados de Domingo Vilar, mellor
libro do 2009 para os libreiros
(11-Abril-2010)
Onte
coñecéronse na localidade lucense
de Sarria os gañadores da XIX edición
dos premios Irmandade do Libro, a cita annual co
que a Federación de Libreiros de Galicia
pretende recoñecer a actividade literaria
do pasado ano.
Se
hai uns días coñecíamos a nova
da entrega do premio ao mellor autor do pasado ano
á poeta ribadense Luz Pozo Garza, o sábado
coñecéronse os premiados nas diferentes
categorías:
Mellor
libro do 2009: A praia dos afogados (Galaxia)
de Domingo Villar.
Mellor
obra editorial: Colección contemporánea
de Rinoceronte Editora.
Mellor
libraría: Porta da Vila de Viveiro.
Mellor
centro de ensino: CEIP San Martiño de Salcedo
(Pontevedra).
Mellor institución: Asociación Cultural
Monte Branco de Ponteceso.
Fomento á lectura: Espazo Lectura de Gondomar.
Os premios non teñen dotación económica
agás en centros de ensino e fomento á
lectura, que recibirán un cheque de 2.000
euros en libros. Os gañadores recibirán
unha escultura do artista Ismael López.
|
|
|
|
Do
14 ao 17 de abril
Ferrol
acolle un ano máis a Semana de Poesía
Salvaxe
(08-Abril-2010)
A
vindeira semana arranca en Ferrol a III Semana de
Poesía Salvaxe. Ao longo de catro días
algúns dos puntos máis significativos
da cidade encheranse de versos e poesía.
A
III Semana de Poesía Salvaxe principiará
o mércores 14 de abril no Cantón de
Molíns coa participación de Víctor
M. Díez, Guillermo Ferrández e Karlotti.
Xa á noite, o pub Os Cazadores acollerá
os poemas visuais desde Lisboa de Tiago Gomes.
O
xoves 15 a poeta cospeitense Emma Couceiro estará
recitando os seus poemas no Mercado da Magdalena,
para deixar paso a lecturas, performances e música
por diversas rúas ferrolás. No serán
o barrio do Inferniño será escenario
dun espectáculo simbiótico entre verso
e música. Este segunda xornada rematará
ás 22.00 h. no pub El Bata coa participación
de Madammecell.
A
poesía no mercado de Recemil abrirá
á terceira xornada da Semana de Poesía
Salvaxe de Ferrol cos versos de María Couceiro.
Ás 13.00 h. Antonio Gómez estará
"poñendo patas arriba a desorde"
na Praza de España. Pola tarde, a poeta cacereña
Ada Salas achegarase ata Caranza para demostrar
por qué está considerada como unha
das voces máis importantes na poesía
castelá. Para poñer punto e seguido,
Javier Semprún achegará ao público
O corvo de Edgar Allan Poe. Será ás
22.00 h. na capela do Torrente Ballester.
Como
remate a esta Semana, o bar Os Cazadores servirá
como escenario do poeta visual e artista experimental
Antonio Gómez. Será ás 13.30
h. do sábado. O punto e seguido ata a edición
do vindeiro ano estará na Capela do Torrente
Ballester coa música de 3 Gatos Swing.
[Programa
da III Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol]
|
|
|
|
O
sábado 10 de abril celebrarase a XIX edición
dos premios Irmandade do Libro
Luz
Pozo será galardoada co premio ao mellor
autor/a polos libreiros galegos
(08-Abril-2010)
A
ribadense Luz Pozo Garza será unha das protagonistas
da XIX edición dos premios anuais
Irmandade do Libro que se celebrará o vindeiro sábado 10 de abril
en Sarria. A poeta e académica da Real Academia
Galega recibirá o premio na
modalidade de Autor/Autora, en tanto que nas restantes a decisión está
pendente da última reunión do xurado.
O programa
dos XIX premios Irmandade do Libro principiará ás cinco da tarde cunha visita guiada á ruta turística Fiz
Vergara Vilariño; ás sete e media haberá unha actuación aberta ao
público na Casa dá Cultura, a cargo do cómico Avelino González, que
ofrecerá un monólogo, e de Yolanda Castaño, cunha lectura poética, e
Branca Novoneira, que presentará o seu espectáculo de danza.
Ás nove e media
será ofrecida unha recepción e un cóctel no Hotel Alfonso IX.
Pasadas as
dez haberá unha cea, durante a cal o presidente da federación, Xurxo
Patiño, homenaxeará ao desaparecido Víctor López Villarabid
entregándolle unha placa á súa viúva, Rocío Rodríguez. Ás once e dez da
noite está prevista a apertura dun acto cultural a cargo do escritor e
académico Darío Xohán Cabana. Seguidamente será lida a acta do xurado e
entregados os premios aos gañadores, que tamén intervirán, así como os
representantes das institucións. A despedida será ás 12.00 horas a cargo
de Rodríguez Barrio.
Ademais da citada Luz Pozo, serán
entregados premios nas modalidades de centros de ensino, institucións,
fomento da lectura, obra editorial do 2009, libro do ano e libraría do
ano.
|
|
|
|
Ágora,
os libros nas prazas
No
Día do Libro, as prazas das capitais galegas
serán de papel
(08-Abril-2010)
A
artista uruguaia Luz Darriba e a Fundación
Cultural Cumulum cubrirán o 23 de abril cun
tapiz de libros as prazas do Obradoiro (Santiago
de Compostela), María Pita (A Coruña).
Praza Maior de Lugo, Praza Maior de Pontevedra e
a Praza Maior de Ourense. Ágora, os libros
nas prazas enmárcase dentro do Ano do
Libro e da Lectura en Galicia.
Esta
acción ten por obxectivo poñer o libro
e a lectura en valor mediante un modo visual e ao
alcance de todas as persoas. Para este proxecto
Cumulum xuntará máis de 150.000 libros.
A artista Luz Darriba xa foi quen, hai dez anos,
de cubrir con máis de 600.000 libros a muralla
de Lugo.
Para
levar a cabo este proxecto contouse coa colaboración
de asociacións, editoriais, librarías,
bibliotecas, etc... Unha vez sexan desinstalados
estes tapices de libros, os exemplares serán
entregados a persoas ou institucións que
os necesiten.
|
|
|
|
A
concellería de Cultura da cidade herculina
propón un magnífico abano de posibilidades
para achegar a lectura á cidadanía
A
Coruña, máis que nunca, é unha
cidade que le
(06-Abril-2010)
A
Coruña 2010, A cidade da que le é
a nova campaña de animación lectora
posta en marcha pola concellería de Cultura
da Coruña e que arranca neste mes de abril
e continuará ao longo de todo o ano.
A
programación para o mes de abril principiará
ps días 9 e 10 de abril no Teatro Rosalía
de Castro coa representación da multipremiada
representación de teatro A Esmorga. Sarabela
Teatro é a encargada de levar ás táboas
o clásico de Eduardo Blanco Amor.
O
12 de abril comeza o concurso Biblio-clip, consistente
na realización de curtas (dun
máximo de 35 segundos) inspirados nas bibliotecas e na lectura.
O
Teatro Rosalía de Castro acollerá
p 15 de abril, ás 20.30 h. e con entrada
de balde, o espectáculo Canto de permanencia,
unha homenaxe a Uxío Novoneyra a través
de música, audiovisuais e poesía a
cargo de Uxía Senlle.
Do
21 ao 25 de abril terá lugar, nos Xardíns
de Méndez Núñez, a Festa do
Libro. Nesta Festa do Libro dos Xardíns de Méndez Núnez tamén estarán
“bibliotecarios/as-mediadores-especialistas” para “receitar” e
“recomendar” libros que se poden atopar nas bibliotecas e nas casetas da
“festa-feira”.
Para
o 26 o alumnado da Escola de Imaxe e Son da Coruña
estrea o audiovisual Herdanzas, baseado n'A Esmorga
de Blanco Amor.
A Biblioteca do Consulado
abre as súas portas cunha visita ao mes
(2º xoves de cada mes, ás 18:00h) desde abril para amosar á cidadanía a
biblioteca pública máis antiga do estado e os seus fondos.
Os
coruñes e visitantes poderán pasear
coa literatura seguindo os pasos das figuras literarias
de Méndez Núñez, Rosalía
de Castro na Coruña e Jenaro Marinhas del
Valle.
Para
levar a cabo toda esta programación, a concellería
de Cultura conta coa colaboración e apoio de
entidades e persoas da vida cultural de cidade: Bibliotecas
públicas, Asociación de Libreiros, RAG, Universidade da Coruña, AELG,
AS-PG, ACAB, Fundación Manuel María, clubs de lectura, escritores e
escritoras…
[A
Coruña 2010, A cidade que le]
|
|
|
|
Os
días 8, 9 e 10 de abril
Coruña
acolle as I Jornadas de Cultura, Língua e
Ensino
(06-Abril-2010)
A
Associaçom Galega da Lingua (AGAL), coa colaboración
da Universidade da Coruña, organiza as I
Jornadas de Cultura, Lingua e Ensino que se desenvolverá
na Facultade de Ciencias da Educación entre
os días 8 e 10 de abril.
Ao
longo destes tres días formularase a través
de conferencias e relatorios a situación
e realidade nos ámbitos educativos, lingüísticos
e culturais de Galicia.
Intervirán
nestas I Jornadas Narciso
de Gabriel, Bernardo
Penabade, Elias
Torres, João
Aveledo, Carlos
Garrido, Filipe
PresasMaurício
Castro e Pablo Gamallo.
O
prazo de inscrición remata mañá.
Para os socios da AGAL a inscrición é
de balde e de 30 € para os non socios. Despois da participación do persoal nas xornadas, será entregado Diploma
do Departamento de Didácticas Específicas por 16 horas.
[Blog
das I Jornadas de Cultura, Língua e Ensino]
|
|
|
|
Na
Biblioteca da Muller do Concello de Muxía
A
Galería Mulleres dedica o mes de abril á
poeta e narradora Francisca Herrera
(06-Abril-2010)
A
Galería de Mulleres da Biblioteca da Muller
do Concello de Muxía dedica á poeta
e narradora Francisca Herrera Garrido (A Coruña,
1869-1950) este mes de abril.
Coa
Galería de Mulleres destácase
cada mes o labor
dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia,
... Cada mes estará dedicado a unha muller e repartiranse carteis nos
que apareza esa muller e indicacións para informarse sobre ela ou para
acceder á súa obra.
Con cada muller destacada indicarase que libro ou libros están á
disposición do usuario/a na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía, escritos por esta muller ou que fagan referencia á
mesma.
[Textos
de Francisca Herrera]
|
|
|
|
Uxío
Novoneyra no Courel pódese atopar en culturagalega.org
Un
roteiro permítenos coñecer o Courel
de Uxío Novoneyra
(06-Abril-2010)
Se
anteriormente foron Rosalía de Castro, Curros
Enríquez e Eduardo Pondal, agora Uxío
Novoneyra ten o seu propio roteiro grazas ao soportal
culturagalega.org.
O roteiro Uxío Novoneyra levará
ao visitante a coñecer a Serra do Courel a través de
diversos espazos biográficos e literarios do poeta. O percorrido
transcorre polo seu concello natal, Folgoso, achegándose ata Pedrafita
do Cebreiro, berce da súa familia materna. Aldeas, castros, montes,
soutos, covas ou minas amósannos un contorno privilexiado que nos darán
unha clara visión sobre o que foi a vida e a obra dun dos grandes bardos
do século XX. En conxunto, unha serie de elementos paisaxísticos, patrimoniais,
etnográficos, naturais e arqueolóxicos combínanse neste itinerario, que
está pensado fara facer nunha fin de semana.
O
roteiro pódese descargar no Google Earth
ou no GPS. Este roteiro Uxío Novoneyra foi
realizado pola empresa Etnoga e contou coa colaboración
da familia de Uxío Novoneyra.
[Roteiro
Uxío Novoneyra no Courel]
|
|
|
|