|
A
nova coñeceuse na Asemblea Xeral celebrada
o pasado 21 de xuño en Marsella
A
AELG entra a formar parte da Confederación
de Escritores Europeos-Federación de Asociacións
Europeas de Escritores
(30-Xuño-2009)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ven de
ser confirmada como membro da EWC-FAEE A.I.S.B.L. (Confederación de Escritores
Europeos – Federación de Asociacións Europeas de Escritores), na Asemblea Xeral
que tivo lugar o pasado 21 de xuño de 2009 en Marsella.
Xunto coa Asociación de Escritores en Lingua Galega,
ingresaron na EWC-FAEE A.I.S.B.L. a Asociación Europea de Escritores Die KOGGE
e. V. de Alemaña; a Asociación de Escritores Daneses, de Dinamarca; a Unión de
Escritores Bielorrusos, de Bielorrusia; a Asociación de Escritores Eslovenos,
de Eslovenia, e a Academia da Lingua Maltesa, de Malta.
Esta
Federación agrupa 63 asociacións de
escritores de máis de trinta países
europeos, representando a máis de sesenta
mil autores e tradutores. O EWC defende a diversidade
de literaturas e o recoñecemento do papel
dos escritores e escritoras dentro da cultura europea.
Do mesmo modo, avoga pola necesidade común
de salvagardar os dereitos dos creadores, tanto
morais como económicos, na era dixital.
|
|
|
|
Bernardino
Graña entrerá como Académico
Electo na Real Academia Galega
O
poeta do Courel Uxío Novoneyra centrará
o Día das Letras Galegas do 2010
(30-Xuño-2009)
O
plenario da Real Academia Galega reunido o pasado
sábado na súa sede da rúa Tabernas
decidiu homenaxear no 2010 co Día das Letras
Galegas ao poeta do Courel Uxío Novoneyra.
O
mesmo día acordouse o ingreso na Real Academia
Galega como Académico Electo do poeta de
Cangas do Morrazo Bernardino Graña.
Uxío
Novoneyra
Uxío Novoneyra
naceu o día 19 de xaneiro de 1930 en Parada do Courel no seo dunha
familia labrega. Sendo estudante de bacharelato en Lugo coñeceu a
Manuel María e ambos frecuentaron o trato de intelectuais da xeración
anterior, como Luís Pimentel, Anxel Fole, Celestino Fernández de la Vega
e Ramón Piñeiro.
Con
19 anos Uxío trasladouse a Madrid onde se matriculou na Facultade de
Filosofía e Letras e regresou en 1951 para facer o servizo militar.
Entre
1953 e 1962 volve vivir no Courel obrigado por unha pleuresía que o
tivo á morte. Nesta prolongada reclusión coñecerá a María Mariño e o
seu marido Roberto Pose. Este encontro entre o mozo poeta e María
Mariño dará lugar a unha das máis frutíferas relacións literarias de
Galicia.
En
1962 Uxío traballou en Madrid facendo programas de radio e televisión e
participando nalgunha das actividades do grupo Brais Pinto ata o seu
regreso a Parada en 1966 reclamado polos seus pais, xa vellos e
enfermos. En 1973 casou con Elba Rei, coa que tivo tres fillos,
residían entre o Courel e Lugo para instalárense definitivamente en
Santiago en 1983. En 1982 Novoneyra fora elixido Presidente da
Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou ata a súa
morte, ocorrida o 30 de outubro de 1999.
Novoneyra
foi un poeta de entrega total, cunha obra en constante refacción, en
continua forxa. Mais non por isto foi un poeta de minorías xa que
sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo. Algúns
dos seus poemas extensos, como Vietnam Canto ou Letanía de Galicia estiveron presentes en cancións e recitacións desde a súa creación en 1968.
Entre os seus libros destacan Os Eidos (Galaxia), con prólogo de Ramón Piñeiro, Os Eidos-2 (Galaxia), ilustrado por Laxeiro, ao que lle dedica un extenso poema, Poemas caligráficos
(Brais Pinto), que recolle poemas publicados con
anterioridade pero artisticamente mostrados a través da caligrafía do
autor.
En Muller para lonxe
(Deputación de Lugo) reúne algúns poemas de
amor xa publicados e outros inéditos, ilustrados con debuxos de Carlos
Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio R. Fer. O poemario Tempo de elexía (Vía Láctea) recolle esencialmente Elexías do Courel
(Rialp) pero sen a tradución ao castelán que incluía a
edición castelá. Os dous últimos poemarios de Uxío Novoneyra serán Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (Espiral Maior) e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules de Ediciones).
Alén
da súa incursión na narrativa para nenos, temos que sinalar a oralidade
da súa poesía, que adquiría matices especiais cando o mesmo poeta
recitaba os seus propios versos. Unha proba máis do seu enraizamento co
pobo e coa poesía popular.
Bernardino
Graña
Bernardino Graña Villar naceu en Cangas do Morrazo
en 1932. O seu pai, mestre republicano que perdeu a súa praza unha vez
comezada a guerra e que tivo que sobrevivir grazas ás academias que
rexentou en Ribadavia e en Cangas, foi o seu mellor mestre e introduciuno no gusto pola literatura, a arte, a historia e as materias relativas ás humanidades en xeral, polo que desde ben mozo tivo unha preparación importante.
Esta
preparación levouno a ser poeta precoz. Estando no Instituto Santa
Irene de Vigo coñeceu a Faustino Rei Romero e a través del contactou
con Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e outros e comezou a
publicar na revista viguesa Alba.
Despois
da facer o bacharelato comeza a súa carreira universitaria na
Universidade de Santiago de Compostela no curso 1953-1954 e ao pouco de
chegar sae gañador nas Festas Minervais con poemas en
galego e castelán. Comeza a relacionarse con ilustres galeguistas como
Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Participou
como articulista en La Noche, tarefa que seguiu despois no Faro de Vigo. Debido a problemas con certos profesores, abandonou os estudos en Compostela e comezounos de novo en Salamanca.
Nesta cidade a súa actividade cultural e antifranquista foi maior. Alí formou parte do grupo poético La Marabunta, publicou na revista Clavero, así como noutras moitas revistas como Ixbiliah, Ágora e Dabo.
Despois trasladouse a Madrid para estudar a especialidade de Filoloxía Románica.
Madrid foi unha das etapas máis importantes de Bernardino. Alí formou parte do Grupo Brais Pinto e publicou o seu primeiro poemario (Poema do home que quixo vivir) en 1958,
adscrito na tendencia poética que se deu en chamar "Escola da Tebra",
claramente influenciada polo existencialismo, tan presente naqueles
anos. En Brais Pinto desenvolveu xuntamente cos outros
compañeiros numerosas actividades a prol do país máis alá da editorial
que levaba o mesmo nome.
Rematada a carreira, aparece en Lugo, no Colexio Fingoi,
onde se beneficia dunha bolsa para recompilar e estudar os contos de
tradición popular da provincia de Lugo, baixo a supervisión de Carballo
Calero, reunidos no libro Contos populares da provincia de Lugo (Vigo, Galaxia, 1963). Tamén recompilou moito léxico da zona do Morrazo para o Suplemento do Diccionario de Eladio Rodríguez.
Neste tempo publica 20 mil pesos crime (1962) e Profecía do mar (1966),
gaña por oposición unha praza de catedrático de Instituto e pasa varios
anos primeiro en Reus e despois en Zaragoza ata volver a Galicia e
xubilarse como catedrático na súa vila natal de Cangas en 1991. Desde
entón publicou moitos libros e realizou moitas actividades. Destacamos
entre elas a súa presenza na Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi presidente en dúas ocasións e da que recibiu unha homenaxe no ano 1995, e tamén a concesión do Pedrón de Ouro.
Bernardino
Graña é un autor cunha personalidade moi forte e cunha concepción da
literatura moi clara e foi quen de escribir obras importantes en todos
os xéneros literarios, incluído o xornalismo. Home intelectualmente
inquedo, non se axustou a modas literarias pasaxeiras. Mentres en
Galicia moitos autores estaban escribindo poesía social nos anos
setenta, el xa se adiantara lanzando no ano 1966 o seu Profecía do mar,
alfaia poética que se converteu no seu momento nunha icona literaria do
país, e fronte a outras correntes da narrativa galega, publica Fins do mundo en 1974. Alén diso, foi un dos primeiros en preocuparse por un teatro moderno e de calidade con 20 mil pesos crime (1962), primeira obra de tema policial e con influencias dos grandes autores europeos do século XX.
Mención
especial merécea a súa dedicación á literatura infantil, con numerosas
contribucións moi aprezadas polos rapaces, como os inesquecibles O león e o paxaro rebelde (1969) ou O Gaiteiro e o rato Pérez (1994). Tamén foi pioneiro no teatro destinado a esta clase de público co seu Sinfarainín contra don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) (1979).
A súa última novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2006), foi Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa, na
cal, fronte ás novelas sensacionalistas sobre a vida de Xesús, presenta
unha novela histórica amplamente documentada e que supera en calidade
literaria a moitas obras publicadas con esta temática.
Bernardino
Graña sempre estivo comprometido con Galicia e coa súa lingua e polo
súa produción literaria ocupa un posto destacado na literatura do noso
país. Nestes momentos en Cangas do Morrazo estase procedendo á creación
dunha Fundación na súa honra.
*
Informacións biográficas tomadas da web da Real Academia
Galega
[Páxina
web dedicada a Uxío Novoneyra]
[Páxina
web dedicada a Bernardino Graña]
|
|
|
|
Entre
os premios recoñecerase o libro mellor editado
O
Clúster do Produto Gráfico e do Libro
Galego pon en marcha a I Edición do Premio
Produto Gráfico Galego
(25-Xuño-2009)
O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego presentou onte
en Santiago a primeira edición dos premios Produto Gráfico Galego,
iniciativa que pretende poñer en valor o traballo dos profesionais e
empresas de Galicia que destaquen pola súa innovación e creatividade no
eido da produción gráfica.
Esta convocatoria establece catro modalidades de premios,
entre a que se atopa o premio ao mellor libro editado.
O resto dos premios son ao Deseño Innovación,
ao Produto Gráfico Publicitario e o Premio Novos
Talentos.
O Premio Libro Editado recoñecerá o traballo máis
talentoso neste ámbito, que teña que ver cos libros impresos e
encadernados en Galicia e que reúnan os criterios de creatividade e
innovación no tocante a encadernación, ilustración ou fotografía.
O Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego pon en marcha
esta I Edición do Premio Produto Gráfico
Galego co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Obra Social Caixa Galicia.
|
|
|
|
Os
días 2 e 4 de xullo
O
club de lectura Gáliz Tendendo Redes organiza
un roteiro pola Compostela de Festina lente
(25-Xuño-2009)
O club
de lectura Gálix Tendendo Redes remata a
primeira parte do seu programa cunha dobre sesión
sobre a exitosa novela Festina
Lente (Xerais).
O xoves 2 de xullo, de 17.00 h.
a 19.00 h. no Consello da Cultua Galega, desenvolverase
unha lectura compartida sobre o libro de Marcos
S. Calveiro e se fará un achegamento á
novela histórica. Ese mesmo día o doutor Carlos Sastre, experto en iconografías
medievais, renacentistas, modernas e contemporáneas establecerá as claves entre
arte e literatura ao longo da Historia.
A segunda parte terá lugar
o sábado 4 de xullo ás 11.30 h. cunha
xuntanza no Café Literarios na Praza das
Quintana, desde onde partirá a visita polo
Santiago do século XVI da man so profesor
e decano da Facultade de Xeografía e Historia
Manuel Monterroso. Ás 14.00 h. xantarase
no Restaurante Bonaval (interesados en inscribirse
dirixirse a: galix@galix.org,
anxelagracian@hotmail.com
ou tuiverde@hotmail.com).
Tras repoñer forzas, os asistentes, dirixidos
por Augusto Guedes, membro de Amigos do Románico,
visitarán a Catedral. De seguido participarase
nunha actividade de Bookcrossing, patrocinada por
Edicións Xerais de Galicia, na que se deixarán en variados escenarios da zona
vella de Santiago de Compostela exemplares desta obra e doutras tanto dos
autores escollidos este ano no club de lectura Tendendo Redes como doutros pertencentes á
literatura xuvenil galega.
Rematarase o día e
a xornada co recital poético "Canteiro en Compostela", no cal moitas das nosas poetas e moitos dos
nosos poetas labrarán con palabras a beleza da cidade pedra. Confirmaron
a súa asistencia a este recital: Manolo Rivas,
Ana María Fernández, Antón
L. Dobao, Cesáreo Sánchez Iglesias,
Elvira Ribeiro, Estevo Creus, Fran Alonso, Gloria
Sánchez, Helena Villar (que dará voz
tamén a Rosalía de Castro), Marica
Campo (que dará voz tamén a un poema
inédito de Manuel María), Marilar
Aleixandre, Marcos Calveiro, Miro Villar, Paulino
Vázquez, Rafa Villar, Rosa Enríquez,
Xoán Babarro, Xosé A. Neira Cruz,
Xosé María Álvarez Cácamo,
Xosé Luis Méndez Ferrín, (que
non estará de viva voz pero si coa súa
palabra), e Ánxela Gracián, así
como alumn@s do club Gálix Tendendo Redes,
da AdR e espontáne@s.
[Descargar
o programa]
|
|
|
|
Dientes
de leche de Ignacio Martínez Pisón
e El chino de Henning Mankel, gañadores
nas categorías de castelán e en lingua
estranxeira, respectivamente
Inma
López Silva gaña o Arcebispo Juan
de San Clemente con Memoria de cidades sen luz
(22-Xuño-2009)
Tras
coñecer ás obra finalistas no mes
de marzo, hoxe déronse a coñecer aos
gañadores dos XV Premios Literarios Arcebispo
Juan de San Clemente.
Na
modalidade de literatura galega a gañadora
foi Inma López Silva por Memoria de cidades
sen luz (Galaxia). A novela de López
Silva impúxose ás outras dúas
finalistas: Conexión Tubinga (Xerais) de Alberto
Canal, e O xardín das pedras flotantes
(Xerais) de Manuel Lourenzo González.
En
lingua castelá e lingua estranxeira as obras
gañadoras son Dientes de leche (Seix Barral) de Ignacio Martínez Pisón
e Henning Mankel pola novela El chino (Tusquets),
respectivamente.
Nesta
edición o xurado estivo composto polos alumnos
e alumnas dos institutos de ensino secundario Arcebispo Juan de San Clemente
de Santiago de Compostela, como organizador; o Xesús Ferro Couselo de Ourense, o
María
Soliño de Cangas (Pontevedra) o Poeta Díaz Castro de Guitiriz
(Lugo) e o Nº 1 de Ribeira (A Coruña).
A
entrega de premios realizarase no mes de marzo de
vindeiro ano no transcurso dunha cea onde os gañadores
compartirán espazo cos rapaces membros do
xurado.
|
|
|
|
O
actor Santi Prego será o contacontos á
luz do lume purificador
Espazo
Lectura prepara para San Xoán a fogueira
dos versos, onde o lume e os libros xuntaranse nunha
noite máxica
(22-Xuño-2009)
Mañá
martes, noite de San Xoán, Espazo Lectura celebrará esta
noite máxica na recén inaugurada
Casa da Lectura. Será unha velada na que se xuntará poesía, lume e contos: a
fogueira dos versos.
Esta sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio
García Teijeiro, comezará con música a partir das 22.30
h. e continuará logo,
contra as doce da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume. Esta
noite de San Xoán de lume e libros
rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que deleitará a
todos os asistentes coas súas historias á luz da pequena fogueira.
Esta fogueira literaria na Casa da Lectura,
situada en Nogueira-Donas (Gondomar) conta coa
colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser
participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e
poemas para ler.
|
|
|
|
Hixinio
Puentes gañou o Premio Vicente Risco de Creación
Literaria e Román raña fíxose
co Cidade de Ourense de poesía
Xornada
de premios literarios en Ourense
(22-Xuño-2009)
Esta
fin de semana fallaronse en ourense o X Premio Vicente
Risco de Creación Literaria e o XXV Premio
de poesía Cidade de Ourense, dos que saíron
gañadores Hixinio Puentes e Román
Raña, respectivamente.
O
Premio Vicente Risco de creación literaria,
que convocan conxuntamente a Fundación Risco
e o Concello de Ourense, foi a parar a mans de Hixinio
Puentes pola novela histórica A do vinteún,
un xénero que tan ben manexa o escritor mañonés.
A do vinteún será publicada,
como en edicións anteriores, pola editorial
Sotelo Blanco.
O
sábado tamén se coñeceu ao
gañador da XXV edición do Premio de
poesía Cidade de Ourense para obras presentadas
en galego ou en portugués. Desta volta o
gañador foi Román Raña, autor
de longa traxectoria e recoñecido prestixio.
A obra gañadora será publicada por
Espiral Maior.
|
|
|
|
O
domingo 21 en Castro de Rei e o sábado 27
en Abadín
Dedícase
a Aquilino Iglesia Alvariño o IX Congreso
Cultura Terra Cha
(20-Xuño-2009)
Co
gallo do centenario do poeta chairego Aquilino Iglesia
Alvariño (1909-1961) dedícase a súa
figura o IX Congreso Cultura Terra Cha que se celebrará
os días 21 e 27 de xuño en Castro
de Rei e en Seivane-Vilarente (Abadín), respectivamente.
Este Congreso está convocado pola Fundación
Manuel María coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüistica
da Xunta de Galicia.
Porgrama
de actividades
Domingo, día 21 de Xuño do 2009
17.00
h. en Castro de Rei (na rúa e no teleclub)
Inaguración das rúas: Aquilin Iglesia Alvariño e Emilio Sinde Nieto.
Intervencións de:Juan José Díaz Valiño, Alcalde;
Mario Saavedra, Concelleiro de Cultura; Conferencias de Ricardo Polín, investigador da literatura chairega:
"Non me esquezo de vos" e "A identidade chairega na poesía de Iglesia Alvariño.
20.00
h. en Muimenta (na Casa da Cultura)
Conferencia
de Félix Villares, profesor do seminario
de Mondoñedo: "Aproximación a Aquilino Iglesia Alvariño"
Recital da súa poesía.
Intervención musical de Mini e Mero
Sábado, día 27 de xuño do 2009
16.30
h. en Seivane-Vilarente (Abadín)
Ofrenda floral na casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño.
17.00
h. na Igrexa Parroquial
Conferencia
de Manolo Regal: "Aquilino Iglesia Alvariño:
4 estampas rurais"
|
|
|
|
Este
Rexistro permitirá regular a organización
e funcionamento das librarías galegas
Aprobado
o Decreto para a creación do Rexistro Administrativo
de Librarías de Galicia
(20-Xuño-2009)
O
Consello da Xunta reunido o pasado xoves aprobou
o Decreto para a creación do Rexistro Administrativo
de Librarías de Galicia.
Este
Rexistro permitirá regular a súa organización
e funcionamento. Para a aprobación deste
rexistro telemático foron necesarios os informes
favorables do Consello Consultivo de Galicia, da
Asesoría Xurídica Xeral e da Dirección
Xeral do Servizo Galego de Igualdade.
O
Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia
terá carácter obrigatorio para os
efectos administrativos de todos os establecementos
abertos ao público nos cales se vendan libros,
tal como establece a Lei 17/2006, do 27 de decembro,
do libro e da lectura de Galicia. A inscrición
no rexistro, de carácter público e
único, será unha condición
necesaria para acceder ás axudas e subvencións
da Consellería de Cultura e Turismo.
Con
este novo decreto búscase renovar, ordenar
e dar unha utilidade real o Rexistro Administrativo
de Librarías. A Dirección Xeral de
Promoción e Difusión da Cultura facilitaralles
aos interesados o acceso ao contido do rexistro
informático para funcionar como un medio
de consulta áxil e eficaz.
|
|
|
|
O
xurado destacou da obra que se trata "dunha
crítica dos valores que últimamente
se empregan como produto comercial"
Santiago
Cortegoso gaña a XIV edición do premio
"Rafael Dieste" de teatro
(17-Xuño-2009)
O actor pontevedrés Santiago
Cortegoso Calvar, coa obra 0,7 % Molotov, foi o gañador da XIV
edición do premio de teatro “Rafael Dieste”, instituído pola Deputación
da Coruña. Esta edición contou coa concorrencia de 36 obras orixinais.
O premio foi dado a coñecer esta
mañá, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación,
Salvador Fernández Moreda, nun acto que contou coa asistencia da
deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño, do
comisario do certame, Antonio Simón, e dos membros do xurado Manuel
Areoso, Elina Luaces, Alejandro Piñeiro, José Enrique Rivadulla e
Teresa Moure, como gañadora da última edición.
o voceiro do
xurado, Manuel Areoso cualificou o texto
gañador como unha “interesante reflexión, cunha estrutura moi contemporánea,
que é tamén unha crítica de valores que utimamente se empregan como
produto comercial, como a solidariedade ou a caridade”. 0,7
% Molotov
desenvólvese entorno a dúas personaxes “construídas sobre tópicos como
a biodiversidade ou o emprego de enerxías renovables, pero cada tópico
que engaden á súa personalidade é un paso máis cara a
despersonalización”. O
xurado destacou que a
obra emprega “unha linguaxe sucinta, pero de alto nivel poético e
dramático”, e critica “unha solidariedade tópica para conciencias ben
instaladas nunha hipotética sociedade do benestar”."
Amais do premio en metálico,
a obra gañadora inclúe
tamén a edición e posta en escena da peza teatral, que percorrerá
varios concellos da provincia coruñesa.
|
|
|
|
A
homenaxe coincidiría co centenario do seu
nacimento
Responsables
de cultura de seis cidades galegas asinan un documento
para propoñer a Carvalho Calero para o Día
das Letras Galegas
(17-Xuño-2009)
Representantes das concellarías de Cultura das cidades de Santiago de
Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo reuníronse
hoxe no compostelán Pazo de Raxoi para propoñer
a candidatura de Ricardo Carvalho
Calero como homenaxeado na celebración do Día das Letras Galegas do ano
2010.
No
documento asinado recóllese a necesidade
de homenaxear a un persoeiro quen "quen, cunha das máis completas e extensas
traxectorias vitais en defensa da cultura galega, se converteu nunha das
figuras fundamenais no campo da literatura e da lingua". así como
a súa importancia como poeta e "referente e modelo para a xeración de poetas dos 80".
Pola súa banda, a concelleira compostelá de Cultura, Socorro García Conde
indicou que "a homenaxe sería
especialmente acaída no ano 2010, ao cumprirse o centenario do seu
nacemento".
O documento asinado polas concellarías das cidades de Santiago de
Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo será remitido
de inmediato á Real Academia Galega que está próxima a decidir a
identidade do homenaxeado no Día das Letras de 2010.
[Descargar
o documento]
|
|
|
|
Artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: "A
programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua
galega"
A
AELG, a AGE e a Federación de Libreiros de
Galicia asinan un manifesto contra a supresión
do Servizo de Cultura da Televisión de Galicia
(17-Xuño-2009)
Reproducimos
o manifesto asinado pola Asociación de Escritores
en Lingua Galega, a Asociación Galega de
Editores e a Federación de Libreiros de Galicia
sobre a supresión do Servizo de Cultura da
Televisión de Galicia:
"Queremos manifestar a nosa fonda preocupación pola
decisión tomada pola nova directiva da CRTVG segundo a cal fica suprimido o
Servizo de Cultura, creado en 2005. A inmediata suspensión do único programa da
televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura
do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de
visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da
produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas.
Esta primeira toma de decisión con respecto ao
programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao
futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas.
Lamentamos profundamente a celeridade e
contundencia do actual goberno galego en executar as medidas máis
involucionistas posíbeis a respecto do noso idioma, arroupadas pola
hostilidade, o estatismo e a inacción promovidos por outras áreas, como é a de
Educación, promotora da inmediata derrogación do decreto 124/07, a de
Presidencia, coa modificación do artigo 35 da Lei da función pública que
elimina a obriga de realizar en galego como mínimo unha proba nos procesos
selectivos de acceso á Administración autonómica.
Lembramos a este respecto as obrigas contraídas
pola CRTVG en aplicación do artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: "A
programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua
galega"."
|
|
|
|
Na
XV edición da homenaxe O Escritor na súa
Terra
Agustín
Fernández Paz recibe este sábado a
'Letra E' da Asociación de Escritores en
Lingua Galega
(16-Xuño-2009)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG) organiza este sábado en Vilalba unha
homenaxe ao escritor Agustín Fernández
Paz.
A homenaxe O Escritor na súa Terra
chega este ano a súa
XV edición recaeu no escritor da Terra Chá por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias.
Esta
iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da AELG, e tense
constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra
de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental nesta cita
cultural.
Os
actos darán comezo ás 12.00 h. no
parque Agustín Fernández Paz de Vilalba,
onde terá lugar a plantación
dunha bidueira (árbore simbólica elixida polo escritor) e o descubrimento do Monólito
Escultórico. Intervirán, amais do homenaxeado, Cesáreo
Sánchez Iglesias, presidente da AELG e Mercedes
Queixas, secretaria xeral da AELG.
A
comitiva desprazarase posteriormente ata o Centro
Cultural e Recreativo de Vilalba, onde terá
lugar o acto de entrega da 'Letra E' da Asociación
e dunha peza escultórica do artista Silveiro
Rivas. Contarase coas intervencións de Gerardo
Criado, Alcalde de Vilalba; Mercedes
Queixas, secretaria xeral da AELG; Cesáreo
Sánchez Iglesias, presidente da AELG; e de Manuel
Bragado, director de Xerais, que pronunciará a Laudatio.
Ás
14.30 h. haberá un xantar de confraternidade
aberto a todos os interesados en asistir no Parador
de Turismo de Vilalba.
Agustín
Fernández Paz Pintor recibirá este galardón que
xa foi entregado con anterioridade a Antón Avilés de Taramancos (1995,
Taramancos), Bernardino Graña (1996, Cangas do Morrazo), Manuel María (1997,
Outeiro de Rei), María Xosé Queizán (1998, Vigo), Xosé Neira Vilas (1999, Gres-Vila
de Cruces), Uxío Novoneyra (2000, Parada do Courel, póstumo), Luz Pozo Garza (2001,
Ribadeo), Xosé Chao Rego (2002, Vilalba), Xosé Fernández Ferreiro (2003, Nogueira
de Ramuín), Salvador García Bodaño (2004, Teis-Vigo), Pura e Dora Vázquez (2005,
Ourense), María do Carme Kruckenberg (2006, Vigo), Manuel Lourenzo (2007, O Valadouro)
e Xosé Vázquez Pintor (2008, Melide).
|
|
|
|
O
recoñecido galeguista recolle hoxe a Medalla
no Salón de Actos da Real Academia
A
Real Academia Galega de Belas Artes nomea a Isaac
Díaz Pardo Académico Honorario
(16-Xuño-2009)
O
intelectual e artista galeguista Isaac Díaz
Pardo recibe hoxe a Medalla da Real
Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora
do Rosario pola que se nomea Académico Honorario
de dita entidade.
A Academia Galega de
Belas tivo en conta para esta concesión os seus numerosos méritos que o
fan merecedor desta distinción. Á súa condición de destacado
representante da arte galega como ilustre pintor e ceramista, únese a
súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século na nova etapa
da restauración da Cerámica de Sargadelos, á que Díaz Pardo, ademáis
dunha empresa, concibe como centro de investigación, tecnoloxía, deseño
e difusión da arte e da cultura de Galicia; creador e impulsor das
Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia, das Edicións
do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario
de Estudios Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeolóxico de Laxe,
e do Instituto Galego de Información, entre outros.
|
|
|
|
Este
sábado a partir das 19.30 h.
O
concello de Moaña inaugura dúas rúas
en homenaxe a Manuel María e a Bernardino
Graña
(16-Xuño-2009)
Este sábado 20
de xuño, celebrarase na urbanización do Rosal,
en Moaña, a inauguración-homenaxe das
rúas adicadas a Bernardino Graña e Manuel María.
O
programa de actividades principiará ás
19.30 h. na rúa Bernardino Graña coa
interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.
Posteriormente intervirán o Alcalde de
Moaña e membros da Asociación de Escritores en Lingua
Galega. Posteriormente o homenaxeado Bernardino Graña descubrirá
unha placa homenaxe.
A
comitiva desprazarase posteriormente ata o Paseo do Poeta Manuel
María onde ás 20.00 h., Saleta -viúva do poeta da Terra Cha- descubrirá
a placa co
nome de Manuel María. Tras a descuberta haberá un recital de poemas coa intervención
de: Heitor Mera, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Lucía Novas, Xosé
Daniel Costas e Celso Parada, e a interpretación do Himno
Galego.
Os
actos de homenaxe aos poetas Manuel María
e Bernardino Graña rematarán ás
20.30 h. cun Acto Musical no salón de actos do I.E.S. As
Barxas, que contará coas initervencións da Banda e Coral Solfa (Santiago de Compostela)
e do cantautor Tino Baz.
|
|
|
|
Este
galardón concédeo a Xunta de Galicia
a aqueles autores que salientaron na cultura e na
identidade de Galicia como pobo
Marcos
Valcárcel, Luciano García Alén
e Fernando Pérez-Barreiro Noia recibirán
a Medalla Castelao 2009
(11-Xuño-2009)
O
Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto
polo que se concede a Medalla Castelao 2009 -coa
cal a Administración distingue aqueles galegos
e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento
do seu pobo no eido artístico, literario
ou de calquera outra faceta da actividade humana-
ao investigador, erudito e divulgador da cultura
galega Marcos Valcárcel; ao médico
e etnógrafo Luciano García Alén;
e ao tradutor Fernando Pérez-Barreiro Noia.
Outros galardoados son a investigadora Tarsy Carballas
Fernández e o doutor e internista Fernando
Diz-Lois Martínez.
Os
premiados:
Marcos
Valcárcel López
Doutor
en Xeografía e Historia e catedrático
de Lingua e Literatura galegas no ensino secundario,
Marcos Valcárcel conta cunha longa traxectoria
como investigador, erudito e divulgador da cultura
de Galicia, facianas ás cales engade a súa
traxectoria como dinamizador cultural, xornalista
de opinión, ensinante e estudioso da historia
cultural, literaria e política de Ourense.
Autor de numerosas publicacións e cun constante
labor xornalístico durante máis de
trinta anos no campo do columnismo de opinión,
puxo en marcha un dos blogs de máis prestixio
do país, cuxa capacidade de convocatoria
o converteu nun dos lugares da internet máis
activos de Galicia. Recoñécese, deste
xeito, toda unha vida dedicada á cultura,
ao coñecemento e a súa transmisión
á sociedade cun talante aberto, dialogante,
galeguista, cívico e, en definitiva, universal.
Luciano
García Alén
Médico
e etnógrafo, foi fundador e primeiro presidente
do Club Nacionalista Alén Nós e patrono
fundador do Museo do Pobo Galego. Con Filgueira
Valverde e o seu irmán Alfredo García
Alén participou nos anos 50 a 70 na organización
e desenvolvemento do Museo de Pontevedra. Dentro
da súa actividade a prol da cultura galega
resaltan os seus traballos e investigacións
sobre a olaría popular, sendo o principal
artífice de que se conserve unha importante
documentación escrita e gráfica de
recipientes que, doutro xeito, terían desaparecido
sen deixar pegada. Este importante labor continúa
ata día de hoxe.
Fernando
Pérez-Barreiro Noia
Tradutor
do inglés e chinés, o seu labor profesional
levouno a exercer cargos de relevo en organismos
e institucións de alto nivel mundial como
membro dos equipos dos servizos exteriores da BBC
en Londres, profesor en prestixiosas universidades
inglesas ou xefe dos Servizos de Tradución
da Organización Internacional do Café.
Autor da primeira tradución dunha obra teatral
de Shakespeare para o galego e das primeiras traducións
directas do chinés para o galego, o seu labor
a prol da internacionalización da cultura
galega a través da palabra e do fluxo intelectual
conéctanos coas sociedades de maior peso
específico no mundo contemporáneo.
A
Medalla Castelao foi creada en 1984 para conmemorar
o retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel
Rodríguez Castelao, o 28 de xuño dese
ano. O decreto de creación deste galardón
sinala que a perfección, o simbolismo ou
a transcendencia das obras e do labor dos premiados
con este recoñecemento debe ser o froito
da entrega dunha vida, e o reflexo dun traballo
conscientemente realizado con entrega e con fe na
cultura, na historia e no ser dun pobo. A Medalla
Castelao creouse para que sirva de exemplo a obra
daqueles galegos que deben ser guía para
futuras xeracións que queiran seguir engrandecendo
a realidade de Galicia.
|
|
|
|
Deste
xeito a AELG súmase a outros colectivos que
xa asinaron o Documento
A
AELG maniféstase en favor do Documento para
a defensa do galego no ensino
(11-Xuño-2009)
Perante
as medidas involucionistas do actual goberno da Xunta de Galiza, cara á
lingua galega, idioma propio do noso país, creado senlleiramente pola
sociedade galega ao longo da súa xa milenaria historia,
que está a materializarse, por unha banda, na anulación de dereitos
legais de recoñecemento administrativo da súa competencia e uso e, por
outra, na forzada eliminación da súa aprendizaxe dentro do ámbito
educativo, a Asociaicón de Escritores en Lingua Galega (AELG) quere adherirse ao documento presentado e ratificado
por colectivos sociais, profesionais e sindicais.
Subscribimos os puntos deste pronunciamento na medida en que, desde a
autoridade educativa e no exercicio das súas competencias e
responsabilidades gobernativas, é preciso asegurar a competencia en
lingua galega dos nenos e nenas desde a escola, como garante do
desenvolvemento das habilidades lingüísticas que doten a infancia e a
mocidade das destrezas básicas: comprender, falar, ler e escribir.
Porque só desde o coñecemento amplo e sen prexuízos é posíbel entender
un mundo habitado e pensado desde a biodiversidade real, lingüística e
cultural, que debe medrar necesariamente desde o manexo das claves do
respecto interpersoal.
A
AELG convida aos escritores e escritoras a divulgar e facer pública a
súa adhesión persoal a este pronunciamento colectivo nos diversos foros
de comunicación en que como tal participa.
Documento en defensa do galego no ensino:
As
organizacións abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de
Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos
centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á
comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes
cuestións:
1.
Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente
de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e
sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de
carácter persoal.
2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega,
aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con
representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un
punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo.
O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento
Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por
varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma
pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.
3.O
obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas
sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode
conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa
enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se
garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois
esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente
ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a
enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas,
poidan ser impartidas en galego.
4.
Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a
opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e
Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en
galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e
como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
5.
Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de
incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes
a que expresamos a continuación:
-
Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
-
Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do
galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que
emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento
Galego.
-
Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.
A
Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e
Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega),
CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora
de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Ferrolterra,
Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística,
Coordindora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de
Compostela, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as
traballadores/as do Ensino de Galicia).
|
|
|
|
O
evento está organizado pola asociación
cultura MariñaPatrimonio e a Área
de Cultura da Deputación de Lugo
A
Mariña lucense acolle un ciclo sobre a literatura
oral nos meses de xuño e xullo
(10-Xuño-2009)
Durante os meses de xuño e
xullo as localidades de Viveiro, Ribadeo, Foz e
Alfoz acollerán as actividades propostas
para o ciclo O Patrimonio Inmaterial: A
Literatura Oral que organiza a asociación cultural MariñaPatrimonio en
colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo.
O presidente de MariñaPatrimonio, José Luis Rodríguez
Guerreiro, detallou na presentación do ciclo os contidos das catro conferencias. O venres 12 de
maio, o Salón de Actos do Conservatorio Profesional de Música de
Viveiro acollerá, ás 20.00 h., a primeira das conferencias titulada
A literatura oral na canción galega da man de Baldomero Igrexas
(Mero) e Xosé Luis Rivas (Mini). O 19 e 26 de maio, á mesma hora, a
Casa das Letras de Ribadeo e a Libraría Bahía de Foz acollerán os
relatorios Guía da narrativa oral e Mitos e monstros da Mariña de
Xosé Miranda e Antonio Reigosa, respectivamente. A última das xornadas
terá lugar o venres 10 de xullo no Salón de Actos do Castelo do Castro
de Alfoz grazas á participación no ciclo de Isaac Ferreira, Manuel
Lourenzo e Xesús Pisón coa súa disertación titulada Polo país do
Valadouro: xigantes, mouras, ninfas, demos e santos.
Pola
súa banda, o responsible de cultura da Deputación
de Lugo Antonio Veiga,
destacou a importancia “de manter vivo este
patrimonio inmaterial que forma parte da historia da literatura e da
oralidade galega”. Vinculada á literatura oral está a lingua galega e a
música tradicional de Lugo e, concretamente, da comarca da Mariña.
O nacionalista Antonio Veiga destacou o labor ao que contribúe
a asociación MariñaPatrimonio
poñendo ao dispor da sociedade un “anaco da historia da literatura oral
desta zona”.
[Descargar
o programa]
|
|
|
|
Nunha
soa semana depositáronse 28 volumes aportados
polos socios da biblioteca, moitos deles novidades
editoriais
Intersocios,
un novidoso sistema de préstamo de libros
entre os usuarios da biblioteca de Lalín
(10-Xuño-2009)
A
Biblioteca Municipal 'Varela Jacome' de Lalín
iniciou a semana pasada un novidoso sistema de préstamos
de libros. A través deste sistema, os socios
da biblioteca poden deixar os seus libros en calidade de préstamo para ampliar os fondos bibliográficos
do
centro, que á súa vez permitirá
a outros socios poder levalos en préstamo.
Esta
orixinal medida -que se manterá ata o mes
de setembro-, rexistrou nesta primeira semana de
funcionamento unha moi boa acollida por parte dos
usuarios. Ata o de agora, un total de 28 volumes ocupan xa os
andeis adicados aos libros aportados polos usuarios
acollidos a este “Intersocios”, moitos deles son novidades editoriais.
Dende
o concello de Lalín valórase "positivamente o
número de socios que se adscribiron a este programa na primeira semana
de funcionamento que permitirá aumentar o fondo de publicacións da
biblioteca municipal”. O seu concelleiro de Educación, Gómez Estévez, lembrou que “os interesados en
participar neste sistema de préstamo de libros deberán dirixirse a
biblioteca municipal para depositar as súas publicacións para
compartilas con outros usuarios”. Entre as publicacións que poden
acollerse a estes sistema figuran tamén as de carácter infantil.
|
|
|
|
O
sábado 13 de xuño
O
concello do Valadouro nomeará fillo predilecto
da vila ao dramaturgo Manuel Lourenzo
(09-Xuño-2009)
O Concello do Valadouro nomeará
este sábado 13 de xuño ao dramaturgo
Manuel Lourenzo como fillo predilecto da vila luguesa.
Manuel Lourenzo, nado na parroquia
de Ferreira do Valadouro en 1945, montou xunto con Francisco Pillado) o Grupo de Teatro O Facho
en 1965. En 1978, funda
de novo con Francisco Pillado a Escola Dramática Galega
e desde o ano 98 rexenta con Santiago Fernández
a escola teatral Casahamlet. Como autor recibe en 1997 o Premio Nacional de Literatura Dramática, por Veladas indecentes
(Laiovento),
premio ao que habería que sumar o Premio de Teatro Rafael Dieste,
o Premio Abrente ou o premio á mellor dirección
no Festival Interncional de Teatro de Ribadavia,
entre outros moitos. O pasado ano foi galardoado
co Premio Nacional das Artes Escénicas.
Os actos darán
comezo ás 20.00 h. coa entrega oficial a
Manuel Lourenzo do título de Fillo Predilecto
de O Valadouro no Salón de Plenos do concello.
Ás
21.00 h. representarase a obra A sensación
de Camelot do propio Manuel Lourenzo a cargo
do grupo teatral Raiolas.
|
|
|
|
A
revista Amencer dedica ao poeta abadinense
un número monográfico
O
Seminario de Mondoñedo lembra a Aquilino
Iglesias Alvariño no seu Centenario
(09-Xuño-2009)
O
Seminario de Mondoñedo acollerá este mércores un
acto de celebración do Centenenario Aquilino Iglesias
Alvariño, un dos máis importantes representantes da
Escola Poética do Seminario de Mondoñedo e a que for a
homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 1986.
Para a
celebración do Centenario, a publicación diocesana do
Seminario de Mondoñedo Amencer, que elaboran os alumnos
e os profesores do Seminario, prepararon un número monográfico
dedicado a Aquilino Iglesias Alvariño.
O acto
comezará ás 20.00 h. na aula
"Losada Quiroga" do Real Seminario Conciliar de Santa
Catalina de Mondoñedo e intervirán o director de
Amencer, Francisco Rivas López; D. Félix
Villares Mouteira, reponsable da publicación, será o
encargado de presentar o monográfico dedicado á memoria
de Aquilino Iglesia. Intervirán tamén Ramón
Loureiro, xornalista; Orlando González, Alcalde de Mondoñedo;
e Antonio Veiga, Delegado Provincial de Cultura. O grupo "Aires
do Padornelo" ofrecerá unha actuación musical.
Antes
do acto de homenaxe a Aquilino Iglesias Alvariño, ás
19.00 h., presentarase o libro Príncipes de Bretaña,
Estrelas de Compostela (Biblos), ilustrado por Gonzalo Pernas e
escrito por Ramón Loureiro.
|
|
|
|
Haberá
presentacións de libros, actuacións
usicais e de danza, sinatura de libros...
O
Grove convoca esta fin de semana a I Festa das Letras
e do Libro
(09-Xuño-2009)
A Praza de Arriba do Grove acollerá
este venres e sábado a primeira Festa das
Letras e do Libro, despois de suspenderse por mor
da chuvia e das malas condicións atmosféricas
o pasado mes de maio.
O acto está convocado pola
Concellería de Cultura coa colaboración
da Agrupación de Libreiros do Grove e conta
coa participación do Coro Infantil de San Martiño,
a Coral Polifónica da
Confraría San Martiño, a Asociación de música e danza tradicional
Paradanda Mecos, o Grupo de Teatro Enxebre e Nós e Vós Teatro da
Asociación Cultural Roza do Pedrol.
Programa
de actividades
Venres,
12 de xuño
20.00 h. Presentación do libro Mecas. A memoria das mulleres.
Conducen o acto Patricia Arias, coordinadora da edición e Antón Mascato, concelleiro de Cultura.
20.20 h. Actuación de Clara Pino. Presentación do disco Mai, do grupo Covalblú.
20.30 h. Intervención da Directora do IES As Bizocas.
20.35 h. Lecturas de fragmentos dos textos por parte dos alumnos e alumnas
20.50 h. Actuación musical de Clara Pino, do grupo Covalblú.
21.15 h. Intervención dunha das avoas, en representación das restantes.
21.30 h. Intervención do Alcalde do Grove, por parte dos alumnos e alumnas ás súas avoas.
Sábado,
13 de xuño
18.00 h. Apertura dos postos de libros. Inauguración da exposición Libros coma mazáns
19.30 h. Actuación do Coro Infantil da Coral San Martiño.
19.45 h. Homenaxe a Teresa González Costa, gañadora dos Premios Álvaro Cunqueiro
Manoel María de textos teatrais. Presentación dos seus libros Sempre quixen bailar un tango e Tarteiras e pingueiras, de Edicións Xerais de Galicia.
Participan: Manuel Bragado, editor, e Teresa González Costa, autora.
Lectura dramatizada de textos das obras presentadas, polo grupos de teatro Roza do Pedrol e Enxebre.
20.30 h. Actuación da Coral Polifónica da Confraría San Martiño, dirixido por Josefa
Dorado.
21.00 h. Presentación do libro Cien de ellas, de Rubén Luengo y Miguel del Corral.
Intervén: Miguel Muñiz, Enrique, editor de Todogrove e Rubén Luengo, autor.
Lectura de poemas da antoloxía.
21.30 h. . Actuación do grupo de Música e Danza Tradicional Paradanda Mecos.
|
|
|
|
O
sábado 13 de xuño en Cuntis
A
asociación O Fervedoiro de Cuntis homenaxea
a figura de Xohán Xesús González
(09-Xuño-2009)
A Asociación
O Fervedoiro de Cuntis desenvolverá o
vindeiro 13 de xuño unha serie de actos en homenaxe ao escritor cuntiense Xohán Xesús González.
Esta actividade encádrase no labor da recuperación
histórica deste personaxe por parte d'O Fervedoiro,
como figurar unha rúa compostelá e
outra no Baño (Cuntis) co nome do insigne
cuntiense, así como unha proposta á
Real Academia Galega para homenaxear cun Día das Letras Galegas
a Xohán Xesús González.
Os
actos de homenaxe principiarán ás
12.00 h., cando se inaugurará na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis
a mostra biográfica Xohán Xesús
González: Porta dun futuro proletario.
Esta exposición –que percorre a vida, obra literaria e política, labor
sindical e activismo cultural do escritor de Sebil– será
itinerante por distintos lugares de Galicia. Participan nestes actos o escritor
Xosé Vázquez Pintor, Uxío Breogán Diéguez Cequiel,
Director do Centro de Documentación Alexandre Bóveda,
e un membro da Comissom da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel (Compostela).
De
seguido os asistentes desprazaranse ata o cemiterio parroquial de Sta. María
de Cequeril (Cuntis), onde se ofrecerá unha ofrenda floral e un
breve recital poético ao pé da campa sepulcral de Xohán
Xesús González.
Todos
os asistentes poderán apuntarse a un xantar en homenaxe a
Xohán Xesús González. As persoas que
queiran asistir deberán contactar coa asociación O Fervedoiro no teléfono 678178973 ou ben
no seguinte enderezo electrónico: ofervedoiro@hotmail.com
Xohán
Xesús González (Sebil-Cuntis 1895, Boisaca-Compostela 1936)
desenvolveu o seu labor como escritor, xornalista, avogado, político
e canteiro. Estudou maxisterio en Santiago de Compostela,
onde traballou como redactor en El Compostelano.
En Compostela entrou en contacto con outros
estudantes galeguistas como Luís Seoane ou Ánxel Fole. En 1936 participa na fundación da Asociación de Escritores de Galicia.
Ó estoupar a Guerra Civil
púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade
republicana. O 21 de xullo foi detido polos militares e fusilado o
12 de setembro de 1936, nas tapias do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.
Como
escritor Xohán Xesús González
cultivou a poesía (Agarimos. Versos da y-alma),
a narrativa (Ana María,
A filla da patrona,
Teresiña Novás,
A modelo de Paco Asorey),
o ensaio (En pé campesiños,
Hacia una morfología de la vida gallega,
Regionalismo, nacionalismo, separatismo)
e o teatro (Carmiña,
Felisa, Los estudiantes).
|
|
|
|
Mil
cousas poden pasar, Ás de bolboreta
e Sol de Inverno, obras gañadoras
Rosa
Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, gañadores
dos premios Xerais 2009
(07-Xuño-2009)
A illa de San Simón volveu convocar no día de onte á
maxia das palabras, á letra escrita, aos libros. Os premios Xerais.
Por vez primeira, e para sorpresa de todos os asistentes,
unha mesma persoa gañou dous dos tres premios nunha mesma edición. O
xurado deu coñecer primeiramente o premio Merlín a Jacobo Fernández Serrano, a
quen xa coñecíamos polos seus traballos como ilustrador e de banda deseñada
como As aventuras de Cacauequi (El Patito) ou Os amigos de Archimboldo Roque
(Faktoría K). Posteriormente, a escritora e xornalista de Valdoviño Rosa
Aneiros levantouse en dúas ocasións sucesivas para recoller os premios
Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil e o Xerais de novela.
Tras as palabras de benvida de Celia Torres, directora de
promoción e coordinadora dos Premios, actuou como mantedor literario Agustín
Fernández Paz, quen nun emotivo discurso loou a vontade de escribir ("pois
a fame de historias é unha característica universal inscrita no ADN da
humanidade") e o feito de o facer en galego ("Un dos trazos máis
significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os XIV membros
da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa
vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das
culturas: a lúcida conciencia de que só se pode ser universal desde as propias
raíces).
Premio
Merlín de literatura infantil
O xurado da XXIV edición do Premio Merlín
de literatura infantil formado por Rosana Estévez
(contacontos e membro de Espazo Lectura), Santiago Gutiérrez (ilustrador),
Mercedes Pacheco (tradutora), Mª Xesús Pereiro (escritora infantil e
profesora), Xan Guillén Vázquez (profesor e coordinador do Premio
Literario Frei Martín Sarmiento) e Helena Pérez Fernández, secretaria do
xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como obra
gañadora Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano, presentada baixo
o lema Papude.
O xurado destacou da obra a desbordante imaxinación da que fai gala o
autor, polo novidoso do argumento, pola solidez dun mundo que se constrúe con
cada frase, polo orixinal da estrutura, polo arriscado de levar o absurdo ao
estremo, polo metafórico de moitas paisaxes argumentais, polo inédita e variada
galería de personaxes que viven na cidade de Nil, unha cidade onde todo é
posible, onde o excepcional é o cotián, onde o surrealismo é o normal, e onde o
absurdo convértese no lóxico.
Premio Fundación Caixa Galicia de literatura
xuvenil
O xurado da IV edición do Premio Fundación
Caixa Galicia de literatura xuvenil, formado por
Verónica Rego (en representación da Fundación Caixagalicia), Mónica Góñez
(profesora e escritora), Pilar Ponte Patiño (profesora), Alba González Méndez
(estudante de 4ª da ESO, IES Os Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa
(estudante de 4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa,
secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou
declarar como gañadora a obra Ás de bolboreta, de Rosa Aneiros.
O xurado definiu Ás de bolboreta como un relato onde aparecen historias
humanas, diferentes, que no seu conxunto forman unha radiografía urbana e
actual, globalizada, interconectada e diversa. Ás de bolboreta presenta unha
estrutura dividida en varios capítulos onde cada parte está conectada con todas
as demais e onde de forma sucesiva aparecen temas como o terrorismo, a
intolerancia, a soidade ou a violencia contra as mulleres. Rosa Aneiros combina
ao longo da historia diálogos áxiles e frescos. Trátase dun conto triste e entenrecedor
ao mesmo tempo.
Premio Xerais de Novela
O xurado da XXVI edición do Premio Xerais de
Novela, formado por Ana Bande Bande
(bibliotecaria), César Lorenzo Gil (xornalista), Paz Raña Lama (profesora),
Sonia Díaz (xornalista), Bieito Legaspi (profesor e membro de Espazo Lectura) e
Fran Alonso, secretario do xurado en representación de Xerais, con voz e sen
voto, acordou declarar gañadora a obra Sol de Inverno de Rosa Aneiros,
presentada baixo o lema O retorno das aves.
O xurado salientou sobre Sol de Inverno que estamos ante unha longa novela
que emociona, comprometida, densa. A autora debuxa o periplo vital de Inverno, unha
fascinante personaxe que dende os trece anos se move baixo o motor da paixón. Unha
historia que nace na aldea de Antes e continúa por Barcelona, Francia, México, La Habana, pola revolución
castrista e polo maio parisino do 68. Unha novela de profunda introspección,
tanto dos protagonistas como dos ambientes. Rosa Aneiros constrúe un mundo simbólico,
máxico e riquísimo en referentes. Un río de historias que non deixa indiferente.
Unha novela que engaiola dende a primeira páxina.
Rematou o acto de
entrega de premios Manuel Bragado, director de Xerais, que en primeira
instancia lembrou as cifras de títulos editados por Xerais ao longo destes
trinta anos. Expresou a enorme preocupación existente polo momento en que pasa
a lingua galega e os ataques irresponsables que sufre, sen precedente ata o de
agora e que pode resultar fatal. Como director de Xerais, reafirmou o
compromiso e a insistencia de editar en galego.
Manuel Bragado
anunciou, para antes de que remate este ano, a posta en marcha da Biblioteca
Dixital Xerais, que acollerá desde contidos educativos dixitais para todas
as idades ata textos literarios, recuperando incluso algúns títulos actualmente
descatalogados, dispoñibles en aparellos electrónicos como los e-books.
O director de Xerais
rematou a súa intervención lembrando as figuras de Suso Jarés e de Ramiro
Fonte, que faleceron o pasado ano.
|
|
|
|
Carlos
L. Bernárdez pronunciará unha conferencia
sobre a vida e obra de Cabanillas e a praza
do Concello acollerá un recital poético
O
Concello de Moaña homenaxea con dous actos
ao poeta Ramón Cabanillas no 50º aniversario
da súa morte
(05-Xuño-2009)
O Concello de Moaña en colaboración coas Asociacións de veciños Praia-Seara
e Moaña Centro, xunto cos Colectivos A Irmandade d´O Pontillón, Lonxa Literaria,
Biblioteca Pública Municipal e a Asociación de Mulleres de Moaña organizan dúas
actividades para conmemorar a quen fora secretario do concello de Moaña, o poeta
galeguista Ramón Cabanillas no 50 Aniversario da súa morte.
Todas estas Asociacións
e Colectivos centráronse na necesidade de honrar ao poeta, a quen se
lle concedeu xa comezada a democracia unha das rúas principais de Moaña.
As actividades darán
comezo hoxe venres cunha conferencia sobre a vida e
obra do poeta, será ás 20.30 h. no salón de plenos do Concello de Moaña a cargo de Carlos L.
Bernárdez.
O sábado ás 22.00
h. no parque do concello de Moaña, celebrarase un recital
poético centrado na obra do poeta neste espazo singular.
|
|
|
|
IV
Encontro coa arte. Do 5 ao 7 de xuño
33
artistas lembran a Celso Emilio Ferreiro en Brión
(05-Xuño-2009)
A
Concellería de Cultura e Xuventude do Concello
de Brión dedica ao poeta Celso Emilio Ferreiro
unha nova edición de Encontro coa Arte.
Brión
acollerá desde o
venres 5 de xuño ata o domingo 7 unha reunión
interdisciplinar onde 33 pintores, escritores e
fotógrafos tratarán a figura
e o legado do poeta de Celanova.
Estes
xa tradicionais Encontros coa arte chegan
este ano a súa carta edición, tras
os anteriores homenaxes a Rosalía de Castro,
Álvaro Cunqueiro e Blanco Amor no 2008.
Programa
Venres,
5 de xuño
16.30
h. Primeiro día de Pintura do Natural no
Río Pego. Obradoiro de Arte no Parque Infantil
Río Pego, dirixido a nenos/as de Educación
Infantil e Primaria.
Sábado,
6 de xuño
10.00
h. Segundo día de Pintura do Natural, no
entorno da Igrexa parroquial de Os Anxeles.
16.00
h. Segundo día de Pintura do Natural no entorno
da Igrexa parroquial de San Fins de Brión.
21:00
h. Tempo de Música e Poesía “Homenaxe
a Celso Emilio Ferreiro” con : Carlos Pereira, Eva
Veiga, María Manuela, Miguel Anxo Fernán-Vello,
Pablo Bouza, Xulio L. Valcárcel e Xurxo Varela.
Domingo,
7 de xuño
Encontro
con artistas no stan da Feira de Saldos en Montebalado.
Artistas
participantes neste IV Encontro coa Arte: Alfonso
Costa, Alfredo Erias, Ángeles Jorreto, Beatriz
Ansede, Carlos Pereira, Chelo Rodríguez,
Enrique Ochotorena, Eva Veiga, J. Cabello Ruíz,
J. Daniel Buján, J. Francisco Escudero, Jano
Muñoz, Laureano Vidal, Luís Ocaña,
Luís Romero, Manuel Gandullo, Manuel Suárez,
Manuela Vázquez, María Manuela, María
Xesús Díaz, Miguel Anxo Fernán-Vello,
Nito Pereiro, Pablo Bouza, Pedro Bueno, Rafa Arroyo,
Ramón Astray, Ricardo Rilo, Sonia Omil, Tino
Poza, Victor Rey, X. Vázquez Castro, Xosé
Vizoso e Xulio López Valcárcel.
[Ver
o programa do IV
Encontro coa Arte. Lembrando a Celso Emilio Ferreiro]
|
|
|
|
A
AGE denuncia que dende a Deputación de Pontevedra
non se deu explicación algunha
A
Deputación de Pontevedra desbota unilateralmente
un convenio de máis de vinte anos coa Asociación
Galega de Editores
(02-Xuño-2009)
A Asociación Galega de Editores (AGE)
ven de anunciar publicamente a súa enorme preocupación ante a actitude da Deputación
de Pontevedra, que este ano rompeu por sorpresa e de forma unilateral o
Convenio Editorial que ambas entidades mantiñan desde hai 20 anos.
A AGE quere
manifestar a o seu desgusto e sorpresa ante este feito, que se produce sen que
os editores recibisen ningún tipo de comunicación previa nin explicación, e convida a Deputación de
Pontevedra a restablecer un acordo beneficioso para a cultura e o libro galego.
Malia este
abandono do Convenio, a Comisión Técnica xa realizara todas as xestións
oportunas no pasado mes de novembro de 2008, deixando todo listo para que a
Deputación de Pontevedra puidese executar o convenio e realizar a compra de
libros, destinados a dotar as bibliotecas da provincia.
A AGE móstrase
alarmada de que a Deputación de Pontevedra rompa unilateralmente un convenio
con máis de vinte anos de vixencia precisamente nun momento difícil para os
libros en lingua galega e moi especialmente nun momento en que a crise está a
afectar ao sector do libro e da industria editorial, agravada xa pola
gratuidade dos libros de texto, e que agora se ve moi dificultada pola falta de
apoio á lingua galega. Neste sentido, a
actitude da Deputación de Pontevedra significa un paso atrás moi importante no
apoio á cultura que se fai en Galicia e en galego e, moi especialmente, ao
libro galego e á industria que representa.
Por outra
banda, a AGE considera que non parece acertado que a Deputación ignore o
convenio sen ningún tipo de explicacións precisamente nun momento en que a
crise económica global ameaza gravemente o sector.
A AGE considera
que é precisamente nestes días cando as institucións públicas, como a
Deputación Provincial de Pontevedra, máis deben amosar o seu apoio na defensa
dos valores do libro galego e da lectura, reforzando o seu compromiso coa nosa
cultura e coas empresas e nas iniciativas que apostas por eles.
A AGE, que non recibiu ningún tipo de explicacións oficiais ao respecto, pregúntase
os motivos polos que Deputación de Pontevedra non executa o tradicional
convenio neste 2008. Ante a enorme preocupación existente,
e o estado de incerteza e inquedanza que predomina entre as editoriais
galegas, a directiva da Asociación Galega de Editores solicita o
restablecemento do convenio para desbotar definitivamente a alarma social que
todo isto pode xerar no ámbito da cultura galega.
|
|
|
|
As
outras dúas obras finalistas foron Así
nacen as baleas de Anxos Sumai e Made in
Galiza de Sechu Sende
Case
perfecto, de Marina Mayoral, gañadora
do Premio Frei Martín Sarmiento 2009
(02-Xuño-2009)
O
colexio Salesianos de Ourense acolleu o venres 29
de maio o acto do fallo do premio Frei Martín
Sarmiento na súa categoría para adultos.
Estes premios, organizados polos equipos de Normalización lingüística da FERE,
chegan este ano a súa quinta edición,
e conta por vez primeira cunha categoría
de libros para adultos.
Case
perfecto (Xerais) de Marina Mayoral, foi a obra
seleccionada como gañadora. A obra da escritora
mindoniense impúxose aos outros dous finalistas:
Así nacen as baleas (Galaxia) de Anxos
Sumai e Made in Galiza (Galaxia) de Sechu
Sende.
[Ver
o resto de premiados dos Premios Frei Martín
Sarmiento]
|
|
|
|
O
fallo definitivo será o sábado 6 de
xuño na Illa de San Simón
Finalistas
dos Premios Xerais 2009
(02-Xuño-2009)
Tras
a súa primeira sesión de deliberación, celebrada o pasado
venres no castelo de Soutomaior, os
xurados dos Premios Xerais 2009 declararon as obras finalistas nas tres
modalidades que concorren á edición deste ano.
O xurado da
26ª edición do Premio Xerais de Novela,
formado
pola bibliotecaria Ana Bande, os xornalistas César Lorenzo Gil e Sonia
Díaz e os profesores
Paz Raña Lama e Bieito Legaspi, máis Fran Alonso como secretario do
xurado en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou
declarar finalistas, entre as 45 participantes, as obras presentadas baixo os lemas A soidade dos
leóns, Dinara, Limiar da conciencia e O retorno das aves.
O xurado da
4ª edición do Premio Fundación
Caixa Galicia de Literatura Xuvenil,
formado pola representante da Fundación Caixa Galicia Verónica Rego,
as profesoras Mónica Góñez e
Pilar Ponte Patiño, Alba González Méndez (estudante de 4ª da ESO, IES Os
Rosais de Vigo), Amanda Bouzada Novoa (estudante de 4º da ESO do IES Os
Rosais de Vigo) e Xosé Manuel Moó Pedrosa, secretario do xurado, en
representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como
finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Ás de bolboreta,
Dragal e Quiromántico.
O xurado da
24ª edición do Premio Merlín
de literatura infantil,
formado por Rosana Estévez,
contacontos e membro de Espazo
Lectura; o ilustrador Santiago Gutiérrez; Mercedes Pacheco
, tradutora; Mª Xesús Pereiro, escritora infantil e profesora; Xan
Guillén Vázquez, profesor e coordinador do Premio Literario Frei Martín
Sarmiento; e Helena Pérez Fernández, secretaria do xurado, en
representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como
finalistas as obras presentadas baixo os lemas: Papude, Secundario
e Septempunctata.
Os tres xurados determinarán as obras
gañadoras, nunha vindeira reunión, a celebrar o sábado 6 de xuño,
xusto antes do fallo dos premios que, como nos últimos
anos, vense realizando na illa de San Simón.
|
|
|
|
Na
súa visita ao stand promocional de Galicia
no Salò, o conselleiro Roberto Varela anunciou
a creación de cinco bolsas para a elaboración
de banda deseñada
Remata
o Saló Internacional del Cómic de
Barcelona con dous premios para As serpes cegas,
publicado por BD Banda
(02-Xuño-2009)
Onte
clausurouse o 27º Salón Internacional
del Còmic de Barcelona, nunha edición
na que a banda deseñada galega foi país
convidado.
Entre
os galardóns ás mellores obras publicadas
no 2008 o colectivo galego BD Banda, editora do
cómic As serpes cegas, foi unha das
grandes triunfadoras con dous premios: á
Mellor Obra do 2008 e Mellor Guión a Felipe
Hernández Cava. Sen premio quedaron
o resto de finalistas galegas, que nesta edición
optaban aos seguintes premios: Jacobo
Fernández Serrano na categoría do Premio 'Josep Toutain' ao autor
revelación do 2008, David Rubín por Cuaderno de tormentas (Planeta
DeAgostini Cómics) na categoría de Mellor debuxo e o fanzine BD Banda na categoría
de Mellor revista sobre banda deseñada.
Pola
súa banda, o Consellería de Cultura
e Turismo Roberto Varela anunciou, durante a súa
visita ao stand promocional de Galicia no Salón do Cómic de
Barcelona, que neste mesmo ano
se aprobarán un total de cinco bolsas destinadas aos ilustradores galegos. As bolsas terán por obxecto a elaboración de
bandas deseñadas extensas que presenten historias orixinais e inéditas
redactadas en galego.
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Alfonso
Álvarez Cáccamo e Carlos L. Bernárdez na Lareira Literaria
de xuño
(02-Xuño-2009)
Na
Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza
dos escritores Alfonso Álvarez Cáccamo
e Carlos L. Bernárdez.
Nado
no seo dunha familia de intelectuais, Alfonso Álvarez
Cáccamo publicou a pasado ano, co gallo do
Día das Letras Galegas dedicado ao seu pai,
Xosé María Álvarez Blázquez,
o ensaio X. M. Álvarez Blázquez, 1915-1985: unha fotobiografía
(Xerais). Outra das súas achegas literarias recentes
é a novela xuvenil A revolución dos globos (Galaxia),
de grande éxito entre público e crítica.
Entre os seus novos proxectos atopamos a publicación
do seu segundo poemario,
Sebes contra o vento que publicará en breve
Espiral Maior. Outro
dos traballos nos que anda mergullado é a escrita
dunha novela policial,
na cal aínda está deseñando as liñas
argumentais. Fora do literario, Alfonso Álvarez Cáccamo
ven de rematar a elaboración do guión
dunha longametraxe que versa sobre a odisea, fuxindo das gadoupas da morte, do deputado Antón Alonso Ríos.
O filme será dirixido por Antón Dobao,
que xa levara á pantalla grande a súa
novela Bosque de levas.
O
profesor e experto en arte Carlos L. Bernárdez,
autor dunha extensa obra sobre grandes clásicos
da nosa literatura e da historia artística
galega, o escritor vigués está a traballar
nun ensaio sobre a pintora Maruja Mallo, situándoa no contexto da arte do seu tempo en Europa e América. Trátase
este dun
traballo aínda en período de elaboración, que pretende comparar a arte da
pintora con artistas internacionais, valorando as súas achegas á arte,
especialmente nas décadas dos vinte, trinta e corenta. E dentro de pouco
poderemos ver nas librarías do país,
publicado por Xerais, a edición crítica de Samos,
o derradeiro libro de Ramón Cabanillas. Neste novo
traballo, Carlos L. Bernárdez
sitúa a obra do
cambadés no
contexto histórico e cultural da Galiza da posguerra, analizando o estilo do
autor e situando a obra na evolución persoal e biográfica.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|