|
Do
10 ao 16 de xullo
Posy
Simmons, André Juillard e Vittorio Giardino
será as estrelas da X edición de Viñetas
desde o Atlántico
(31-Xullo-2009)
A concelleira de Cultura
da Coruña, María Xosé Bravo, presentou o
pasado mércores o Salón
Internacional do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico, que se
desenvolverá entre os días 10 e 16 de agosto. Esta edición,
que alcanza a número doce, repasará a historia do cómic-book americano coa presenza
de singulares autores como a inglesa Posy Simmonds, o francés André
Juillard ou o italiano Vittorio Giardino.
Ademais, esta décimo segunda edición de Viñetas contará con outro prato
forte, a presenza dun teórico do cómic, o americano Scott McCloud, un
dos expertos máis reputados con ampla bibliografía sobre o proceso
creativo neste xénero.
Completan o cadro de invitados os españois Pasqual Ferry, un dos
debuxantes máis internacionais, habitual colaborador nas
editoriais Marvel e DC, José Fonollosa -que mostrará no Aquarium os
orixinais da súa obra A viaxe de Darwin- e Enrique V. Vegas, o pai
dos cabezóns que fan as delicias dos máis pequenos.
As salas de Viñetas tamén terán cabida para dous galegos que triunfan
na actualidade no mundo da banda deseñada no mercado americano: Emma
Ríos e Alex Cal que estarán cos seus seguidores no marco deste Salón do
Cómic.
No capítulo de invitados, ademais, Viñetas desde o Atlántico contará
coa presenza de Paco Roca, o autor do premiado Arrugas que o pasado
ano non puido acudir á súa cita neste Salón en cuxo marco se expoñían
os orixinais do citado álbum que se achega con formas exquisitas á dura
realidade do alzheimer.
Unha das
exposicións centrais desta edición
de Viñetas desde o Atlántico, comisariada por Jaume Vaquer, será
a consistente nunha mostra procedente dun coleccionista persoal que permite
repasar exhaustivamente a historia do cómic-book americano máis
tradicional e clásico, percorrendo para iso catro décadas, dende os
gloriosos 50 ata principios dos 90. Trátase sen dúbida da mellor
colección sobre cómic americano que chega ao noso país por primeira
vez. Viñetas, ademais, quixo dar unha lectura especial a esta mostra,
convidando a vela dende a perspectiva dos seus guionistas. Deste xeito, entre as pezas expostas, poderanse ver traballos da editorial EC,
DC, obra da etapa de Stan Lee en Marvel, os 80's cos guionistas
británicos, cun apartado gráfico a cargo de nomes como Jack Kirby, Jack
Davis, Wally Wood, Steve Ditko, Jim Aparo, Neal Adams, Dave Gibbons,
Mazzucchelli, Mignola, e moitos máis.
Pola
súa banda, o Paseo de Coches dos Xardíns de Méndez Núñez volve ser o espazo de
referencia das editoriais. Decenas de casetas poñerán á venda as
últimas novidades editoriais nun recinto ao que se accederá a través
dunha enorme arcada vestida con xigantescas lonas ilustradas. Nesta
ocasión, ademais, a feira contará cunha carpa na que os editores
poderán realizar presentacións das últimas publicacións e organizar
encontros cos seus autores.
Os espazos expositivos do salón serán, como en anteriores edicións, o
Kiosco Alfonso, a Sala Municipal de Palexco, a Sala de exposicións da
Biblioteca Salvador de Madariaga, en Durán Loriga, o Palacio de María
Pita e o Aquarium.
[Viñetas
desde o Atlántico]
|
|
|
|
A
mostra aberta na Fundación Torrente Ballester
prorroga a súa estancia en Compostela antes
de viaxar a Ferrol e a Madrid. O traballo de David
Pintor competirá na X Bienal Clermont-Ferrand
Éxito
total da exposición Ciudades de papel
cos orixinais de David Pintor
(31-Xullo-2009)
O
éxito do público asistente á
exposición dos orixinais do libro Ciudades
de papel (El Patito) do ilustrador David Pintor
obrigou á Fundación Torrente Ballester
a prorrogala ata o vindeiro 22 de agosto. Ciudades
de papel recolle quince das trinta e seis ilustracións
que compoñen o libro, e inaugurouse na Fundación
sita na compostelá Rúa do Vilar o
pasado 6 de xuño. Os debuxos que compoñen
tanto a mostra como o libro están chegando
aos máis remotos lugares do mundo, como a
Estados Unidos, Xapón ou Austria, dende onde
se recibiron peticións á editorial
por algunhas das láminas orixinais que a
propia editorial sacou á venda no mes de
maio.
Tras
pechar a súa estadía en Compostela,
a exposición Ciudades de papel percorrerá
a xeografía estatal chegando a Ferrol o 22
de agosto e a Madrid o 18 de setembro.
O éxito de Ciudades
de Papel traspasou as nosas fronteiras e David
Pintor participará na X Bienal de Clermont-Ferrand,
un dos certames máis importantes do mundo
en canto a libros de viaxes. David Pintor concursará
na categoría IN na que se recoñece os traballos máis innovadores e
orixinais.
|
|
|
|
Tratarase
da biblioteca pública teolóxica máis
importante de Galicia
O
Pai Isorna cede a súa biblioteca persoal
ao concello de Valga
(31-Xullo-2009)
O
Auditorio Municipal de Valga acollerá dentro duns meses unha das
primeiras bibliotecas teolóxicas públicas de Galicia, que se constituirá
cos miles e miles de libros, enciclopedias, vídeos, revistas… doadas o
Concello de Valga polo Pai Isorna. Trátase dunha biblioteca con máis de sete mil volumes procedentes
da biblioteca privada do franciscano e que pasaron a integrarse
no patrimonio público valgués.
A
biblioteca está composta na súa maioría, de obras relacionadas coa relixión, a teoloxía
e la filosofía, polo que o municipio valgués contará cunha das primeiras
bibliotecas públicas de toda Galicia especializada en teoloxía, xa que
a maioría das que existen pertencen a entidades relacionadas coa
Igrexa. A nova biblioteca de Valga emprazarase na planta superior do
Auditorio e estará dirixida, fundamentalmente, a investigadores,
estudantes universitarios e outras persoas interesadas neste ámbito.
Para organizar
os máis de 7.000 volumes legados polo el Pai Isorna, o Concello de Valga conta
coa colaboración do Servizo de Publicacións da Deputación de
Pontevedra, que desprazou a Valga a unha experta para iniciar a
clasificación das obras. Posteriormente, procederase ao seu selado e
á súa catalogación.
Entre un gran
número de revistas relixiosas, tamén se entremezclan bastantes obras da
literatura galega, outras relacionadas con arte especialmente sobre
mosteiros e catedrais , así como publicacións centradas na época do
franquismo e no golpe de estado do 23-F. Destaca
particularmente unha colección de vídeos coas misas que o Pai Isorna
oficiou en galego e foron retransmitidas pola TVG. Tamén, tres grandes
libros titulados Atlas-guía das misións españolas en América, que son
dos exemplares máis valiosos de toda a colección.
A Corporación
valguesa aceptou por
unanimidade no Pleno o legado do Pai Isorna e tamén o de Clemente Matos, un
valgués que actualmente reside en Pontevedra e que tamén doou ao
Concello mil volumes da súa propiedade para incrementar os fondos da
biblioteca de Pontevalga. “Ámbalas dúas coleccións teñen valor e
agradecémosllo especialmente porque para eles tamén terán unha
importancia especial”, comenta o alcalde, José María Bello Maneiro.
|
|
|
|
Este
proxecto ten "vocación e perdurabilidade
no tempo", segundo o Conselleiro de Cultura
Roberto Varela
A
Biblioteca de Galicia acollerá o maior centro
de documentación do mundo sobre cultura Xacobea
(29-Xullo-2009)
A
reunión mantida onte Roberto Varela, Conselleiro
de Cultura e Turismo, co Comité Internacional de
Expertos do Camiño deu como resultado o anuncio da creación dun centro onde se
recompile o saber sobre o culto e a cultura xacobea e se investigue
sobre a temática compostelá. Toda a bibliografía formará parte da
Biblioteca da Cidade da Cultura.
Tras
a reunión, acordouse pór en funcionamento un centro de investigacións
sobre o culto e a cultura xacobeas que terá a súa sede en Compostela e
que aglutinará o saber e a bibliografía existente sobre este eido. Para
crear este centro é importante ter en conta a utilización das novas
tecnoloxías da información e da comunicación de xeito que os fondos
existentes nel poidan ser consultados dende calquera lugar do mundo.
Todos estes proxectos, tal e como destacou o conselleiro, nacen con
"vocación de perdurabilidade no tempo", isto é, malia que teñen o
Xacobeo 2010 como punto de orixe non son efímeros senón que se
constitúen para permanecer en funcionamento.
O obxectivo do centro é potenciar a investigación e recompilar nun
único punto de referencia todas as publicacións e artigos que teñan
vinculación co fenómeno xacobeo e mais co Camiño de Santiago. A
intención da consellería é que a Cidade da Cultura acolla o centro na
súa biblioteca e que se creen outros proxectos de investigación a
partir da súa constitución como pode ser unha base de datos de
iconografía xacobea on-line. Así mesmo, o Comité de Expertos
encargarase de exercer de Consello de Redacción da revista de
investigación de primeiro nivel, Ad Limina, cuxo número cero sairá á
luz en 2010.
|
|
|
|
Os
días 1 e 2 de agosto
Melide
acolle esta fin de semana a súa II Feira
do Libro no Camiño
(29-Xullo-2009)
Esta
fin de semana terá lugar en Melide a II Feira
do Libro no Camiño, que contará con
once expositores que mostrarán a actualidade
literaria galega. Alén dos expositores, a Feira do Libro de Melide tamén terá
obradoiros, literatura especializada, sinaturas
de libros, etc.
Ao
longo de dous días, pasarán polo Cantón
de San Roque autores como Concha Blanco, Santiago
Jaureguizar, Inma López Silva, Carlos Parrado,
Heidi
Kühn-Bode, Juan Carballo, Xosé Vázquez Pintor, entre outros
moitos.
Durante
a xornada do sábado darase a coñecer
o gañador do
II Concurso de Artes Plásticas Concello de
Melide.
[Descargar
o programa da Feira do Libro no Camiño de
Melide]
|
|
|
|
O
acto enmárcase no 50 aniversario do pasamento
do poeta
Inaugurase
mañá a exposición Ramón
Cabanillas. A roseira dos recordos
(27-Xullo-2009)
Dentro
dos actos dedicados polo concello de Cambados a
Ramón Cabanillas no
50 aniversario do pasamento do poeta nado na aldea
de Fefiñáns inaugurase mañá
a exposición Ramón Cabanillas.
A roseira dos recordos.
Esta
exposición acompaña a Cabanillas pola
“roseira dos recordos”. Está feita coas memorias
líricas do propio poeta, coas lembranzas
dalgúns amigos, coas pegadas de non poucos
documentos e coas principais imaxes que ilustraron
o seu vivir. Quen percorra con ollos atentos os
dez paneis que compoñen a mostra terá
ocasión de comprobar que a cómica
autobiografía cabanillana non pasa diso:
unha chanza. Porque Cabanillas tivo unha vida longa,
axitada e itinerante: viviu en Cambados, Santiago
de Compostela, Cuba, O Porriño, Madrid, Mondariz,
Silleda, Moaña, Dozón… Traballou nos
máis diversos mesteres, volvendo iteradamente
á súa condición de funcionario
local e non deixando nunca a poesía. Vestiu
frac para grandes ocasións, acompañou
en paseos e cafés a primeiros ministros e
altos dignitarios e tamén, mil veces, pasou
penalidades: “Toda a miña vida é unha
traxedia”, afirmaba nas horas de desespero. En resumo,
Cabanillas foi un poeta, un gran poeta, pero tamén
un home de vida aventureira e bohemia, “un dandy
perdido na bohemia”, dicía Vicente Risco,
alguén de quen debemos coñecer algo
máis que o tempo polo que pasou o xarampón.
Esta mostra permanecerá aberta ata o 30 de
outubro.
Os
actos de presentación darán comezo
ás 20.00 h. e contará coa presentación
do libro biográfico Ramón
Cabanillas. Crónica de desterros e saudades
(Galaxia) de Luís Rei. Abrirá e pechará
o acto a soprano Andrea Búa Aguín.
Xunto
a esta exposición
tamén se pode contemplar a inaugurada o pasado
23 de xullo Cabanillas e os artistas do seu tempo
no Museo do Pazo de Torrado.
Esta mostra permanecerá aberta ao público
ata o 20 de setembro e está composta por obras orixinais de Castelao, Lloréns, Asorey, Seoane,
Narciso Pérez, Colmeiro, Isaac Díaz Pardo, Antonio Palacios, Uxio
Souto...
[Descargar
o tríptico da exposición Ramón
Cabanillas. A roseira dos recordos]
|
|
|
|
A
poeta avireinse está considerada como unha
das poetas modernas máis importantes de Portugal
Rosa
Alice Branco gaña a XVII edición do
premio de poesía Espiral Maior
(27-Xullo-2009)
A
poeta e ensaísta Rosa Alice Branco foi declarada
gañadora o pasado venres do XVII premio de
poesía Espiral Maior, convocado pola editorial
cullerdense e o Ámbito Cultural de El Corte
Inglés.
O
xurado, formado por Xavier Rodríguez Baixeiras,
Xosé María Álvarez Cáccamo
e o editor Miguel Anxo Fernán Vello, salientou
de entre case duascentas obras O gado do Senhor
e destacou o seu discurso irónico e crítico
sobre os textos bíblicos e a Providencia.
Rosa
Alice Branco naceu en Gafanha
da Nazaré, Aveiro en 1950 e é considerada unha
das poetisas máis grandes do panorama literario
portugués. Na actualidade é profesora de Psicoloxía da
Percepción na Escola Superior de Artes e Design (ESAD)
e traballa como Investigadora en Comunicación e Arte
na Universidade de Aveiro. En Espiral Maior xa publicou
a edición bilingüe Horizonte pegado
à pele.
O
premio supón, amais da dotación económica,
unha das máis importantes do Estado para
premios de poesía, a publicación da
obra gañadora cunha tiraxe de dous mil exemplares.
|
|
|
|
Os
días 24 e 25 de xullo no campus universitario
de Santiago de Compostela
Arranca
a Festigal09. Un mundo de tendencias e diversidade
(24-Xullo-2009)
Outro
ano máis o campus universitario de Santiago
de Compostela acollerá unha nova edición
do Festigal,
un dos maiores escaparates culturais do país
que ten como protagonistas a música, as letras,
o audiovisual e as novas tendencias. O festival,
organizado pola Fundación Galiza Sempre e
Galiza Nova, terá lugar os días 24
e 25 de xullo.
O
Festigal está concibido como un escaparate cultural, onde a cultura galega e a
internacional (tradicionalmente cunha especial atención aos países da
lusofonía), manteñen un frutífero diálogo.
Ao
longo destes dous días o Festigal acollerá
presentacións de libros, conferencias, mesas
redondas ou recitais de poesía entre
outros moitos actos. Estarán presentes librarías
como a Andel de Vigo ou A palavra perduda e a libraría
Pedreira de Santiago de Compostela. Tamén
contarase coa participación de editoriais
como A Nosa Terra, OQO ou Galaxia.
En base a anos anteriores, está previsto que pasen
preto de vinte mil persoas ao
longo dos dous días que dura o Festigal. Na organización participarán
200 persoas, contando os voluntarios. O Festigal contará con 40 postos
de artesanía e tendas, 6 exposicións e 15 postos de xantar e bares.
O recinto, que ocupará un total de 20.000 metros cadrados, contará con
zona de acampamento, na que se instalarán, en torno a 160 tendas. Para
a promoción do Festigal 2009, editaranse 20.000 programas, 15.000
cartaces e 50.000 folletos.
[Máis
información na páxina web Festigal09]
[Descargar
o programa Festigal09]
|
|
|
|
Esta
iniciativa busca a implicación dos diferentes
sectores do libro e involucrar esta iniciativa dentro
das diferentes actividades que se desenvolverán
dentro do Ano Xacobeo
Apróbase
a declaración do 2010 como Ano do Libro e
da Lectura de Galicia
(24-Xullo-2009)
O
Consello da Xunta celebrado onte aprobou a declaración
do 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia.
O obxectivo da declaración é o de mobilizar a todas as organizacións
galegas, o sector do libro, os representantes editoriais e demais
axentes implicados a favor do fomento da lectura. A Consellería de
Cultura e Turismo vinculará os plans de actuación e as medidas de
promoción do libro coa celebración do Ano Xacobeo.
A finalidade deste proxecto é impulsar o Ano do Libro e da Lectura de
Galicia a través da celebración do Xacobeo 2010. Para elo, as
institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as
asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia
dedicarán unha parte da súa actividade a pór de relevo esta
manifestación contribuíndo ao recoñecemento do libro como instrumento
para a promoción e a divulgación da cultura e da lingua de Galicia.
Desde
a Consellería de Cultura e Turismo apóstase por utilizar unha ferramenta
tan importante como é a Lei do Libro e da Lectura e de Galicia (Lei
17/2006, do 27 de decembro) e traballar nas obrigas que esta lei
recolle. Entre elas, confíaselle a Administración as tarefas de
planificación, información e coordinación arredor do libro e da lectura
co fin de favorecer a sociedade galega. Ademais, tamén recoñécese o
caracter estratéxico e prioritario do sector do libro como instrumento
para a expresión do dereito á creación, a promoción e á divulgación da
cultura, da historia e da lingua de Galicia. Para elo, elaboraranse e
aprobaranse plans e programas de ecuación de promoción do libro e de
fomento da lectura.
|
|
|
|
O
24 de xullo a Asociación de Escritores lerá
un manifesto diante a estatua de Rosalía
na Alameda de Santiago
A
AELG presenta dúas novas seccións
na súa páxina web: a Fototeca e as
Polafías
(20-Xullo-2009)
A
páxina web da Asociación de Escritores en
Lingua Galega (AELG) ven de presentar dúas
novas seccións no seu espazo virtual: a Fototeca
e as Polafías.
A
Fototeca nace polo obxectivo de dar visibilización á imaxe do
escritor/a. Nesta sección a Aelg inclúe as fotos que constan nos seus
arquivos, tanto as remitidas polos socios/as como as que a propia Asociación
vai acumulando no seu arquivo. A idea é facer un lugar ao que remitir a quen necesite
unha foto con boa calidade para a súa impresión (xornalistas, entidades
organizadoras de eventos, editoriais…). Con esta iniciativa, a Aelg pon a disposición da sociedade
estes contidos, que suman un total de 505 arquivos gráficos de 238 socios/as da
Aelg. O material fotográfico é de uso libre sempre que se cite a autoría.
A Fototeca da Aelg irase acrecentando grazas as sesións
fotográficas e de vídeo que a Asociación desenvolve co financiamento da
Deputación da Coruña.
Pola súa banda, as
Polafías, coordinadas polo vogal de Literatura de Tradición
Oral, Antonio Reigosa, consiste nunha colección de vídeos sobre
reunións ou veladas de carácter
festivo con contidos literarios e musicais, cuxo obxectivo primordial é
o
de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral,
literario e musical, galego. Todos os vídeos incluídos nesta sección
levan unha descrición que os insire no corpus da
literatura de tradición oral, constituíndo unha moi importante base de datos.
Con
estas novas achegas a web da AELG gaña en
valor converténdose nun lugar de referencia
para todos aqueles interesados en coñecer
os nosos escritores e as súa produción
literaria.
Comunicado
da AELG na véspera do Día da Patria
Galega
Ante a creba do proceso de restitución á normalidade do
noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do
Estatuto que lle dá sentido, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, tras pulsar
o sentir dos seus asociados, promoveu a creación do comunicado que se xunta,
que será lido en acto público o vindeiro 24 de xullo, ás 17.00 h., diante da
estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.
A Aelg prega encarecidamente a asistencia a este acto co
que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores e escritoras
asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida desde o
Rexurdimento, e que traballan e loitan diariamente por normalizar e engrandecer
un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio
tamén da humanidade.
[Manifesto
AELG na véspera do Día da Patria Galega]
|
|
|
|
Tusitala
gaña a segunda edición do do concurso
de microrrelatos eróticas convocado por Vieiros
...
e ferveu a rede cos plátanos da señora
Consuelo!
(20-Xullo-2009)
O
suxestivo que pode ser un quilo de plátanos
é a base do microrrelato enviado por Tusitala
para conseguir o premio da II edición do
concurso de textos eróticos curtos Ferve
a Rede, convocado por Vieiros en colaboración
coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O xurado, formado por Francisco Macías, Xosé Antonio Perozo e Xosé Luís Martínez Pereiro
salientou, como podemos ler en Vieiros, "o dominio da lingua oral que se recoñecía no relato e tamén o valor de
presentar sen tabús e con atrevemento e picardía a sexualidade nas
persoas de máis anos".
O
microrrelato gañador leva como premio unha
viaxe e estadía de tres noite a Bruxas (Bélxica)
para dúas persoas nun céntrico hotel
de catro estrelas, gozando do seu 'paquete romántico'.
[Máis
información e para ler o relato gañador
en Vieiros]
[Ferve
a Rede '09]
|
|
|
|
A
novela xira en torno a un desfalco bancario na década
dos 80
Xosé
Monteagudo, gañador da XXI edición
do García Barros pola súa novela Un
tipo listo
(16-Xullo-2009)
O escritor
morañés Xosé
Monteagudo Folgar foi declarado, por fallo unánime do
xurado, gañador da XXI Edición do Premio Manuel García Barros, polo seu
traballo presentado baixo o título de Un tipo listo.
Os
membros do xurado, formado nesta edición por Inma Otero Varela, Armando Requeixo, Luís Alonso Girgado, Carlos
Lema, en representación de Editorial Galaxia, e por Valentín García Gómez
como
secretario do xurado, destacaron a orixinalidade da trama da novela, dentro
do universo da literatura en galego, xa que xira en torno a un desfalco
bancario na década dos 80. O fallo considera que se trata dunha peza de
calidade e moi cohesionada, cun ritmo de lectura rápido e sen caídas, e
con personaxes de gran autenticidade.
A
obra ten trazas de crónica familiar e social, ao tempo que propón unha
reflexión de alcance ético. Trátase dunha novela para un público lector
moi amplo.
Un
tipo listo trátase
da terceira novela de Xosé
Monteagudo, quen xa resultara gañador no 2002 do premio Blanco Amor coa
súa primeira novela, As voces da noticia (Galaxia). O seu último
libro publicado é Esta historia (Galaxia),
do 2006.
Como gañador do certame Manuel García Barros, a súa obra será publicada pola editorial Galaxia.
|
|
|
|
Do
20 ao 26 de xullo
Comeza
a conta atrás para o 13º Salón
do Cómic de Cangas
(16-Xullo-2009)
O concelleiro de Xuventude e Voluntariado do Concello de Cangas, Óscar Graña, presentou
esta mañá na Casa
da Xuventude a 13ª edición do Salón do Cómic de Cangas, no
que participarán artistas de recoñecido prestixio como Diego Olmos,
Montse Martín, Alberto Guitián ou
Gabor...
Unha
das citas clásicas da banda deseñada
galega dará comezo o vindeiro luns 20 de
no Auditorio Municipal e permancerá aberta
ata o 26 de xullo. Ao longo de sete días
os asistentes poderán participar en obradoiros
de cómic e caricaturas, presentacións
de cómics, sinaturas, asistir a proxeccións,
exposicións, etc.
Entre
os actos previstos está a entrega a Susana
Broullón o premio do 11º Certame de Cómic de Cangas pola
obra Rec.
[Programa
do 13º Salón do Cómic de Cangas]
|
|
|
|
Dende
a Consellería anunciouse a celebración
dun acto homenaxe a Blanco Amor no trixésimo
aniversario do seu pasamento e a subvención
para a edición da obra completa do poeta
Xosé Carlos Gómez Alfaro
O
PEN Clube Galicia e a Consellería de Cultura
e Turismo colaborarán na celebración
da bienal literaria 'Pedra de palabra'
(13-Xullo-2009)
Tras
a reunión mantida hoxe entre o PEN Clube
Galicia, o conselleiro de Cultura Roberto Varela manifestou
o seu compromiso para colaborar na
celebración da bienal literaria 'Pedra de palabra' que se celebrará
en Santiago de Compostela no mes de outubro de 2010.
Este evento, organizado polo PEN Clube Galicia confirmouse o apoio
institucional ao evento literario que na
súa terceira edición estará dedicado a Iberoamérica. Ámbalas
dúas partes traballarán
conxuntamente para que a literatura galega serva de ponte entre o mundo
hispánico e o lusófono.
Dende
o PEN Clube confíase en contar coa presenza de destacadas figuras das letras
iberoamericanas como convidados co obxectivo de abrir a literatura
galega ás letras hispánicas e lusistas. Nas
anteriores edicións de Pedra de palabra, dedicadas a Europa e a
Africa-Asia, estiveron en Galicia autores como Ernesto Sábato,
Álvaro Mutis ou Isabel Allende. Nesta ocasión contarase coa escritora
brasileira, de orixe galego, Nélida Piñol como embaixadora da
literatura galega.
Entre outros proxectos para os próximos meses, Roberto Varela destacou a
organización dun acto homenaxe con motivo do XXX aniversario da morte
de Eduardo Blanco Amor, que se conmemora o 1 de decembro. Asemade, a
Consellería apoiará a publicación de dous tomos,
dentro da colección Arte de trobar coa obra completa do escritor Xosé
Carlos Gómez Alfaro, o poeta do Ribeiro falecido hai un ano. O legado
foi recollido polo profesor Román Raña e a súa presentación farase en
setembro no marco da vendimia cun acto literario en Ventosela, a súa
localidade natal.
|
|
|
|
A
obra, títulada provisionalmente Relato
dun estalido xordo, publicarase a finais de
ano en galego e en castelán
Pablo
García Martínez, gañador do
V Premio Biblos-Pazos de Galicia
(13-Xullo-2009)
A
noite do venres tivo lugar, na Casa Grande do Bachao
de Santiago de Compostela, a entrega do V Premio
Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos.
Desta
o premio recaeu no mozo de Arzua Pablo García
Martínez, xornalista de 24 anos e redactor
de Vieiros. Con Pablo García foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre
O xurado, formado por Manuel Rivas, Jesús Flores, Berta Dávila e Tucho Calvo,
considerou que o proxecto de Pablo García Martínez,
co título provisional de Relato dun estalido xordo, é "potencialmente moi
interesante e que o traballo realizado sobre o texto inicial anuncia
unha novela que será quen de reflectir o mundo dos adolescentes dunha
pequena vila do interior de Galicia. Un lugar que ben pode ser un
trasunto da Arzúa natal do autor".
O premio consiste nunha escultura de Luís Loureira titulada
A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes
de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela baixo a
tutela de Manuel Rivas e a edición da obra en galego e castelán antes
de rematar o ano.
|
|
|
|
Do
10 ao 13 de xullo
A
Piloña dedica a Rosalía de Castro
a súa 9ª Forxa Literaria
(10-Xullo-2009)
Hoxe
comeza a 9ª Forxa Literaria. Encontros culturais
no rural na Fundación Casa Museo "A
Solaina de Piloño" no Concello de Vila
de Cruces. Esta edición está dedicada
á figura de Rosalía de Castro.
Estas
Forxas Literarias, impulsadas polo artista Paco
Lareo, son de carácter bianual e serven como
punto de reunión e de intercambio entre artistas
e público.
O
programa que comeza hoxe prolongarase ata o domingo
12 de xullo e principiará ás 18.00
h. coa descuberta do busto de Rosalía de
Castro. De seguido haberá unha charla-coloquio sobre a vida e obra de Rosalia,
na que se contará coa intervención
de Ana
Blanco Gomez, Vicepresidencia da Fundación Rosalía de Castro; e
de Maite
Piñeiro, Xerente da Fundación. Rematará o día cun
recital de poemas de Rosalía por parte de
nenos e de nenas e Regueifas a cargo de Pinto de
Herbón e de Luís o Caruncho.
Neta
primeira xornada inaugurarase unha exposición
fotográfica coa obra de Paco Penas.
O
sábado 11, a partires das 18.00 h., presentarase
o libro Alexandre Bóveda na demanda de restauración
(Laiovento) de David
Otero. Este acto contará coas intervencións de Xosé Vázquez Pintor, Avelino Pousa Antelo
e de Xoán
Fernández Avella, amais de gozar coa música de Mini e Mero.
Rematará
esta 9ª Forxa o domingo cunha lembranza ao
dramaturgo Manuel Varela Buxán, onde intervirán Xosé Vazquez Pintor, Carlos Loureiro e Daniel González Alén.
Antes da clausura Orlando Jorge Figueiredo, José Jerónimo
Ferreira e Ulises Figueredo do Grupo poético de Aveiro mais Iria Pedreira
Anido ofrecerán aos asistentes un recital poético musical.
Nesta
edición o Seminario Estudios de Deza e Celso Fernández Sanmartín
recibirán cadansúa medalla que lles
acredita como Amigos de A Solaina.
|
|
|
|
Do
11 ao 16 de agosto. Contarase coa presenza dos escritores
ceenses José Manuel Oter Lastres, Miro Villar,
María Canosa e de Luís Lamela
Cee
presenta o programa da súa Feira do Libro
(10-Xullo-2009)
A
Delegación de Educación, Cultura e Xuventude do Concello de Cee
ven de presentar o programa Verán Cultural
09 coas diferentes actividades que le levarán
a cabo no concello situado no corazón da
Costa da Morte.
Dentro
da programación presentada destaca a tradicional
Feira do Libro de Cee que terá lugar do 11
ao 16 de agosto. Na edición deste ano contarase
coa presenza de escritores e escritoras ceenses
que presentarán e asinarán os seus
novos traballos.
Entre
os participantes están José Manuel
Oter Lastres, que ademais de pronunciar o pregón
inaugural da Feira presentará o seu libro
La niña de gris (MR Ediciones); tamén
fará acto de presenza Miro Villar, que presentará
o seu recente ensaio Antón Zapata García,
biografía dun poeta emigrado ao servizo da
II República, publicado por Laiovento.
Pola súa banda, María Canosa presentará
o libro de relatos Faíscas (Galaxia)
e Luís Lamela o seu Escapado. Do monte
do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón
(Xerais).
[Verán
Cultural 09 de Cee]
|
|
|
|
Tras
a xuntanza confirmou a inauguración da Biblioteca
de Galicia no ano 2010
Roberto
Varela reúnese cos representantes de ANABAD
Galicia
(10-Xullo-2009)
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o director
xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez,
mantiveron onte unha xuntanza con representantes da asociación de bibliotecarios e
arquiveiros ANABAD Galicia aos que comunicaron as liñas de traballo da
Consellería para conseguir un sistema de bibliotecas “moderno e
integrado”.
Roberto
Varela anunciou no transcurso da reunión
a presentación en
2010 dunha nova Lei de Bibliotecas na que se está a traballar na súa
fase de borrador, coa finalidade de adecuar o marco normativo vixente
desde 1989 ás novas necesidades do sector. Tras a reunión, Roberto Varela asegurou que a Consellería de Cultura
e Turismo manterá un “diálogo permanente con todos os profesionais,
especialmente das bibliotecas públicas” para a elaboración dun Plan de
Bibliotecas para esta lexislatura. Neste eido, estudaranse as propostas
presentadas de cara a deseñar unha “modernización eficaz” dos modelos
de xestión, mantendo, e incrementando no posible, as liñas de axudas ás
bibliotecas públicas.
Respecto á Biblioteca de Galicia, o conselleiro Roberto Varela
confirmou a súa inauguración en 2010, coincidindo co Ano da Lectura,
concibíndoa como “un proxecto para todos os galegos”. O plan para esta
biblioteca ten como obxectivo “recoller e difundir a nosa cultura en
calquera soporte” no que será prioritario o servizo á rede de
bibliotecas públicas.
|
|
|
|
A
literatura acapara unha importante parte do programa
do Congreso que se celebrará dos días
13 ao 17 de xullo
Compostela
acolle a vindeira semana o IX Congreso Internacional
da AIEG
(09-Xullo-2009)
Santiago
de Compostela acollerá do 13 ao 17 de xullo
o IX Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG).
Estes congresos, que se ven celebrando dende o ano
1985, reune a estudosas e estudosos de diversas disciplinas e que se ocupan da realidade galega ou da súa relación coa globalización
e da presenza da cultura galega no mundo, especialmente no ámbito académico.
Este
IX Congreso congregará a especialistas de todo o mundo e de todas as áreas do saber,
a debateren a situación do Dereito, da Economía, Política, Tecnoloxía
da información, Tradución, Historia, Literatura e Lingüística galegas
na era globalizada.
Por
suposto, a literatura terá unha enorme importancia
no desenvolvemento dos cinco días do Congreso,
cun amplo abano de actividades como mesas redondas,
conferencias e relatorios.
[Programa
do IX Congreso Internacional da AIEG]
|
|
|
|
O
conselleiro de Cultura e Turismo e o conselleiro
de Educación tomaron posesión dos
seus cargos como vogais da Fundación en representación
da Xunta de Galicia
A
Real Academia Galega, galardoada co XXV Premio 'Celanova,
Casa dos Poetas'
(08-Xullo-2009)
A Fundación Curros Enríquez de
Celanova concedeu no día de onte o XXV Premio
'Celanova, Casa dos Poetas' á Real Academia Galega.
A
Fundación fixo pública esta decisión
de entre todas as propostas pola 'impagable contribución á preservación do idioma dende
o pasado século' e os seus 'evidentes méritos'.
Tamén agradeceuse a colaboración da
Real Academia Galega polos actos levados a cabo
dende a institución no centenario da morte
de Curros celebrada o pasado ano.
O
Premio 'Celanova, Casa dos Poetas' vense celebrando
dende o ano 1985 en colaboración co Concello
de Celanova e xurde co gallo de lembrar cada ano a Manuel
Curros Enríquez e a Celso Emilio Ferreiro, dúas das máximas
figuras literarias da Galicia do século XIX e XX e dous dos
máximos expoñentes da poesía civil a partir do
Rexurdimento, nados, ámbolos dous, na popular “Calle Arriba” de
Celanova. Con este galardón, a Fundación pretende homenaxear un galego que ó longo da súa vida
se teña significado pola defensa dos valores culturais de Galicia
no máis amplo sentido da palabra.
O
premio, sen dotación económica, consiste
nunha medalla de prata, obra do escultor Acisclo Manzano,
que reproduce por unha cara a casa de Curros Enríquez, e pola
outra cinco “C” concéntricas que simbolizan a letra
pola que comezan os elementos identificativos deste premio “Casa,
Curros, Celanova, Castor e Celso”. O nome de Castor refírese
a Castor Elices, poeta romántico contemporáneo de Curros,
que tamén naceu en Celanova. O galardoado recibe tamén unha placa de prata na que se recolle
un resumo da acta do acordo, co fin de dar fe da concesión do
premio.
No acto de entrega, o premiado asina sempre no libro de honra do premio,
acostumando a deixar unha frase para o recordo.
A entrega do premio farase na Casa de Curros, en Celanova, o
domingo 6 de setembro. ás 11.30 horas.
Na
mesma sesión o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e o conselleiro
de Educación Xesús Vázquez tomaron
posesión dos seus cargos como vogais da Fundación en representación da Xunta de
Galicia.
Roberto
Varela, que ostenta o cargo de vicepresidente do Padroado, mostrou a
súa intención de colaborar activamente coa Fundación e coas actividades
que esta fomenta. Neste eido, os representantes de cultura e educación
destacaron o importante papel da Fundación na promoción e difusión da
figura de Manuel Curros Enríquez e outros poetas e escritores
vinculados a Celanova. Roberto Varela fixo fincapé na
transcendencia das actuacións e das iniciativas promovidas pola
Fundación como organizadora e colaboradora de actos culturais,
turísticos e sociais. Entre as actividades destacadas están a xestión
da Casa-Museo, o Premio 'Celanova casa dos poetas', a 'Ruta
Currosiana', itinerario de sendeirismo que transcorre polas antigas
vías romanas dos arredores desta vila ourensá; ou a posta en marcha de
seminarios, recitais poéticos e conferencias relacionadas co mundo da
literatura.
|
|
|
|
Quérese
agradecer deste xeito o patrocinio ininterrompido
de Ediciós do Castro
Gallaecia
homenaxea a Isaac Díaz Pardo no seu número
28
(08-Xullo-2009)
A
revista Gallaecia, editada polo Departamento de Historia I da USC
ven de elaborar no seu último número, o 28,
un monográfico en homenaxe a
Isaac Díaz Pardo. Quérese así agradecer o patrocinio ininterrompido de
Ediciós do Castro, personalizado na figura do intelectual galeguista,
da publicación que naceu en 1975 por iniciativa do profesor Vázquez
Varela.
O número que homenaxea a Díaz Pardo recolle nas súas páxinas doce
artigos resultado das investigacións levadas a cabo por membros do
Departamento de Historia I da USC. Dende os xacementos paleolíticos de
Monforte de Lemos, Triacastela ou Becerreá ata o Agro da Nogueira de
Melide ou a arte atlántica do Crastoeiro, pasando polos petróglifos no
contorno da área arqueolóxica de Tourón. Outros traballos
expoñen os criterios para o estudo dos materiais, a evolución
arquitectónica dun castelo baixomedieval, a fundación da cidade de
Oviedo, a ocupación romana do xacemento de Castelo de Chás e as lousas
do Castro de Formigueiros. Completan o número
diferentes colaboracións sobre as representacións de armas no interior de Galicia,
as implicacións metalúrxicas das marcas de corte na transición Bronce
Final/Ferro no interior da Península, unha revisión tipolóxica das
fíbulas de longo travesaño, bronces votivos sacrificiais, o exercitus hispanicus ante a encrucillada do III, a prospección de xacementos tardoantigos e altomedievais e o tamiz de Frege.
A
revista Gallaecia afronta unha nova etapa
cun novo formato e un consello de redacción e comité científico
máis amplos para dar continuidade a un proxecto que o converte nunha
das revistas de arqueoloxía e das ciencias da antigüidade con máis anos
de España, ademais das máis regulares con 27 números en 33 anos.
Gallaecia ten contribuído, segundo
os seus responsables, a “preservar e coñecer
a herdanza milenaria” que é obxecto de traballo de arqueólogos,
antropólogos e historiadores da antigüidade.
|
|
|
|
Entre
os actos está a presentación dunha
novela inédita do autor de Dos anxos e
dos mortos
Barbantia
homenaxea este novembro a Anxo Rei Ballesteros
(02-Xullo-2009)
A
Asociación Barbantia dedicará o mes
de novembro a homenaxear a Anxo Rei Ballesteros,
finado o pasado ano e membro de dita asociación
cultural.
Esta
decisión xa fora tomada no pasado mes de
febreiro no transcurso da súa asemblea anual.
Barbantia pretende deste xeito tributar un recoñecemento
de toda Galicia ao autor de Dos anxos e dos mortos,
e especialmente da Pobra do Caramiñal, onde
Rei Ballesteros fixou a súa residencia nos
seus derradeiros anos.
Agora
a Asociación Cultural Barbantia ven de presentar
o calendario de actos que ao longo de novembro homenaxeará
e enxalzará a figura e a obra do escritor
orixinario de Boqueixón.
O
venres 6 de novembro presentarase, ás 20.30
h., no Museo-Valle Inclán, da edición
artesá do libro titulado Tres contos de Anxo Rei, un proxecto que
Barbantia elabora conxuntamente coa Colección Bourel que dirixe Antonio Piñeiro.
Ese mesmo día, ao remate da presentación do volume, unha das persoas que mellor
coñece a obra do escritor, Carlos Fernández, falaranos sobre O ensaio en Anxo
Rei Ballesteros.
Unha semana despois Dolores Vilavedra,
escritora, crítica literaria e profesora de Literatura Galega na
USC, analizará a importancia da creación novelística do
autor de Boqueixón. Despois da súa intervención terá
lugar a presentación dunha novela inédita
de Anxo Rei Ballesteros cuxa edición
corre a cargo da Editorial Galaxia. Este acto contará coa presenza de Víctor
Freixanes, director de Galaxia.
O 20 de novembro,
o actor, dramaturgo, director
teatral e tradutor galego Manuel Lourenzo falará sobre Anxo Rei Ballesteros e o
teatro. Os actos rematarán o venres 27 coa presentación do V Anuario de Estudos do Barbanza (Anuario 2009), que será
nesta ocasión un monográfico adicado ao autor homenaxeado.
Ademais, a Asociación Cultural Barbantia solicitará ao Concello da Pobra o
nome dunha rúa para Anxo Rei Ballesteros.
|
|
|
|
O
vindeiro ano coincide co centenario do nacemento
do intelectual ferrolán
A
Fundaçom Artábria recoñecerá
o labor intelectual de Carvalho Calero no 2010
(02-Xullo-2009)
Tras
a decepción que causou entre moita xente
e colectivos a non dedicación no 2010 a Ricardo
Carvalho Calero do Día das Letras Galegas,
a Fundaçom Artábria recoñecerá
no vindeiro ano o inxente labor cultural que
desenvolveu en vida Carvalho Calero.
A
Fundaçom Artábria levará a
cabo no 2010 unha serie de actividades en prol
da divulgación da obra e das ideas de Carvalho
Calero nun ano que coincide co nacemento do profesor
e escritor e intelectual ferrolán.
|
|
|
|
Este
Decreto aprobouse no Consello da Xunta do 18 de
xuño
Publícase
no DOGA o Decreto 342/2009 polo que se crea o Rexistro
Administrativo de Librarías de Galicia
(02-Xullo-2009)
Se
o pasado 18 de xuño aprobábase
o Decreto para a creación do Rexistro Administrativo
de Librarías de Galicia, hoxe publicase dito
decreto no DOGA e entrará en vigor dentro
de vinte días.
O
Decreto 342/2009, do 18 de xuño, polo que se crea o Rexistro
Administrativo de Librarías de Galicia e se regula a súa organización e
funcionamento recoñece ás librarías como puntos esenciais de venda de libros e axentes culturais indispensables.
Este rexistro ten por obxecto a inscrición e anotación dos datos
relativos ás librarías e libreiros/as radicados en Galicia e ten carácter obrigatorio para efectos
administrativos. Sen o seu rexistro as librarías non poderán acceder ás axudas e subvencións da consellería competente en materia de cultura.
[Máis
información]
[Decreto
342/2009 no DOGA]
|
|
|
|
O
colectivo Arraianos desenvolverá esta actividade
no transcurso da Festa da Fronteira
Méndez
Ferrín recibirá o recoñecemento
como Arraiano Maior da Raia Seca
(02-Xullo-2009)
O
colectivo Arraianos outorgará ao escritor
ourensán Xosé Luís Méndez
Ferrín o recoñecemento como Arraiano Maior da Raia Seca pola súa traxectoria na defensa da identidade e da cultura arraianas.
O
acto levarase a cabo o vindeiro 26 de xullo
na fronteira da Madalena, no concello de Lobios,
no transcurso da Festa da Fronteira. Xunto ao acto
haberá un roteiro literario e un xantar aberto
a todo o publico interesado en participar.
*
Para anotarse no xantar hai que presentar no día da comida un xustificante de ter ingresado 20 euros no número de conta
2080 0329 31 0040005303 antes do 20 de xullo de 2009.
|
|
|
|