MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Por onde nos leve o río

Riofero, a nova entrega de Xelís de Toro ven con banda sonora

 

(29-Xaneiro-2009)

 

Riofero “Eu apuntar apuntei ao corazón da literatura, mais era de noite e a besta movíase, pero eu apuntar apuntei e disparar disparei, iso é o único que importa”.

Ao longo desta semana estará nas librarías Riofero (Xerais), a nova entrega do compostelán Xelís de Toro. Nesta volta á narrativa, de Toro lánzase nunha fuxida cara arriba do río xunto a unha curiosa tropa de personaxes na busca do crisol da literatura, a maxia, o secreto talismán.

Pero Riofero é tamén un libro con banda sonora. Desde http://www.laboratoro.net/riofero o visitante pódese achegar a cancións e a documentos relacionados co libro. Ademais, Xelís de Toro manterá un diálogo cos lectores a través do blog Riofero. Falando en río.

Para todos aqueles que non poidan agardar por ter o libro nas mans pódese xa descargar o primeiro capítulo de Riofero.

[Ler o primeiro capítulo de Riofero]

 

 

Arriba

 

Presentados os seis primeiros volumes dedicados á Borges, Azorín, Hemingway, García Márquez, Ernesto Sabato e Cortázar

Galicia a través dos ollos de grandes escritores universais

 

(28-Xaneiro-2009)

 

Miradas alleas O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación da colección de volumes Miradas Alleas que busca recuperar as figuras da literatura que tiveron algunha relación con Galicia. Trátase, segundo subliñou durante o acto o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia Fernando Salgado, dunha selección de autores “que contribúen na divulgación dunha Galicia de vocación universal”. Salgado estivo acompañado na presentación polo director de El Tiempo (Colombia), Rafael Santos Calderón; o xerente de Clarín (Arxentina), Marcos Ariel; e o premio Pulitzer, Gerardo Reyes (EUA), que expuxeron a súa visión sobre a colección e os autores que a compoñen.

Aos seis primeiros volumes –dedicados a Cortázar, Borges, Sábato, Azorín, García Márquez e Hemingway- haberá que sumar os libros sobre John Adams, George Borrow, Luis Bello, Graham Greene, García Lorca e Roberto Arlt. En definitiva, trátase  dunha colección para compartir con todas as culturas e con todos aqueles autores que se achegaron a Galicia.

O primeiro dos volumes é o de Julio Cortázar, tan unido a Galicia por tres liñas de forza: os exiliados de Buenos Aires, Aurora Bernárdez, e o seu editor, Francisco Porrúa. O segundo deles leva por título Palabras para Galicia, título dun traballo inédito que Ernesto Sábato escribiu en abril de 2002, en vésperas de emprender viaxe á nosa terra, e recollido neste volume. O terceiro deles é Borges dende o labirinto galego. O cuarto dos volumes é o de García Márquez, seguido polos de Azorín e Hemingway.

Desfilan por ese camiño editorial figuras singulares, como o Ernest Hemingway de 1921, mentres pescaba troitas no río Ulla ou escribe un delicioso reportaxe, publicado nun diario canadense, sobre o atún que facía ferver as augas da ría de Vigo. Ou como Graham Green que medita, debate e escribe durante largas temporadas entre as vetustas pedras do mosteiro de Oseira. Tamén se atopa na colección García Márquez, quen publicou un fermoso fresco sobre a súa visita a Galicia, onde o acompañou como cicerone o seu amigo o doutor Domingo García-Sabell, e que esporadicamente se refire aos relatos dunha suposta avoa galega como orixe do realismo máxico que impregna a súa narrativa. O mesmo autor de Cien años de soledad, quen, fai un ano, en La Habana, cando coñeceu ao presidente da Xunta, só dixo tres palabras mentres se golpeaba o peito: “¿Gallegos? Gallegos todos”.

Os tres primeiros volumes de Miradas alleas xa foron presentados en Buenos Aires para conmemorar o Día das Letras Galega na Arxentina e a partir de mañá os libros serán presentados en cafés literarios que contarán coa presenza de xente da literatura e expertos nos autores dos volumes publicados.

Programa de presentacións

No Casino de Santiago, 19.00 h. dos días que se indican:

29 de xaneiro. Jorge Luis Borges, por Claudio Rodríguez Fer.

4 de febreiro. Ernesto Sábato, por Víctor Freixanes.

5 de febreiro. Los intelectuales gallegos que yo conocí en Buenos Aires, por Fernando Scornik.

6 de febreiro. Julio Cortázar, por Francisco Fernández Naval.

9 de febreiro. Ernest Hemingway, por Juan Carlos Fernández Iglesias.

10 de febreiro. Gabriel García Márquez, por Carlos G. Reigosa.

11 de febreiro. Azorín, por Xesús Alonso Montero.

 

 

 

Arriba

 

Esta doazón súmase ás anteriores de persoaeiros destacados como Jenaro Marinhas del Valle ou Ramón Suárez Picallo

Rodolfo Núñez de las Cuevas doa a súa colección de documentos para a Cidade da Cultura

 

(28-Xaneiro-2009)

 

Doazón de Rodolfo Núñez de las Cuevas O eneñeiro e Presidente Honorario da Real Sociedade Xeográfica Rodolfo Núñez de las Cuevas fixo onte entrega á Consellería de Cultura e Deporte da doazón da súa importante colección bibliográfica. Esta colección, composta por máis de 3.000 de libros e documentos, uns 90 atlas cartográficos e varios centos de mapas, pasa a formar parte da Galería de Bibliotecas de Especial Interese da Biblioteca Nacional de Galicia, situada na Cidade da Cultura, permitindo a súa mellor conservación, acceso para o seu estudo e posta en valor para a sociedade galega. Esta doazón súmase ás anteriores de persoeiros destacados como Jenaro Marinhas del Valle ou Ramón Suárez Picallo.

Esta política de doazóns complementan o Programa de Dixitalización de Fondos Bibliográficos e Documentais que permitirá conservar, reunir e pór en valor as coleccións e documentos fundamentais da cultura galega, procedentes de institucións, como a Real Academia Galega, ou de persoeiros ilustres, como o compositor Roxelio Groba.

A colección de fondos da biblioteca de Rodolfo Núñez de las Cuevas comezou a xestarse hai máis de cincuenta anos e está composta por fondos, moitos deles dedicados polos seus autores, que abarcan diversas áreas das ciencias da terra desde astronomía de posición á xeodesia, pasando pola topografía. Entre as obras máis importantes destacan, pola súa rareza, o primeiro almanaque náutico de 1792, a xeodesia espacial de Mieller, ou a Esphera Celeste de P. Zaragoza de 1675, considerado o primeiro libro de xeofísica impreso en España. Sobre cartografía hai que subliñar a fotogrametría de Gruber, publicada en 1931, e tres manuais únicos, publicados polo Exército Republicano durante a Guerra Civil, para a facilitar a lectura e emprego dos mapas. A biblioteca conta con todas as grandes obras publicadas durante a segunda metade do século XX sobre teledetección e, como curiosidade, posúe un exemplar facsímil da obra O home na lúa, publicado en francés por Domingo González en 1648.

O fondo bibliográfico posúe, ademais, unha importante colección cartográfica composta por mapas e atlas de valor incalculable, entre eles o atlas facticio de Tomás López, pertencente á Biblioteca do Senado que recolle os mapas da Península, publicados polo ilustre cartógrafo entre 1760 e 1770. Outra das xoias da colección é un dos mapas utilizados polo Estado Maior do Xeneral Eisenhower, a finais da II Guerra Mundial, no que se indican as zonas de acción e ocupación de Alemaña polos exércitos de diferentes países.

 

 

Arriba

 

Ferrol acollerá do 29 de xaneiro ao 26 de marzo o ciclo 'Diálogos literarios' como homenaxe ao ilustre escritor ferrolán

Cúmprese o décimo aniversario do pasamento de Torrente Ballester

 

(26-Xaneiro-2009)

 

Lembranza de Torrente Ballester A concelleira de Cultura de Ferrol, Mercedes Carbajales, anunciou esta mañá o programa de actos programado para lembrar a figura do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Un calendario que principiará o vindeiro 29 de xaneiro coincidindo coa data na que se conmemora o décimo aniversario do seu pasamento e rematará o 26 de marzo. Un tempo, explicaba a edil, no que escritores e expertos de recoñecido prestixio visitarán a cidade para participar no ciclo de 'Diálogos Literarios' que organizan conxuntamente a Administración local, a Fundación Caixa Galicia e a Asociación “Amigos da Universidade” do Campus de Ferrol.

Ao longo destes tres meses, estes Diálogos Literarios unirán a recoñecidos escritores xunto a especialistas na súa obra para, a través do diálogo, abundar na súa producción literaria. Así as cousas, e para abrir o ciclo, visitará a cidade o escritor e membro da Real Academia da Lingua, Carlos Castillo del Pino. Xunto a el estará o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel Villanueva. Esta charla entre amigo e crítico literario permitirá descubrir facetas descoñecidas do autor ferrolán.

Logo da primeira charla, visitarán a cidade o autor da novela Soldados de Salamina Javier Cercas, que estará acompañado da profesora da Universidade de Vigo, Carmen Becerra. Esto será o día 5 de febreiro, mentras que o 12 dese mesmo mes departirán o novelista Julio Llamazares e Manuel Candelas, tamén da institución olívica. Xa no mes de marzo estarán os escritores e poetas Miguel d´Ors e Xulio López Valcárcel e pecharán o ciclo de Diálogos Literarios Rafael Chirbes e o crítico literario Ángel Basanta.

Todas as charlas terán lugar a partir das oito do serán no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia. Neste contexto, o profesor Ponte Far, coordinador da actividade, quixo agradecer publicamente o esforzo das tres institucións colaboradoras para que a cidade poida seguir asistindo a actos literarios desta envergadura.

Desde as institucións organizadoras queren animar a toda a cidadanía a asistir a esta actividade gratuíta e aberta ao público en xeral. Un evento que convirte a Ferrol nun punto de referencia no eido literario e cultural.

O día 29 de xaneiro, como vén sendo tradición, o camposanto de Serantes, onde repousan os restos mortais de Torrente Ballester, acollerán un ofrenda floral á que asistirán membros da corporación municipal e representantes do mundo cultural da cidade nun acto que dará comezo ás 13.30 h.

 

 

Arriba

 

Galicia será convidada de honra no Salò del Cómic de Barcelona

A Banda Deseñada galega comeza a súa xira en Angoulême

 

(26-Xaneiro-2009)

 

36º Festival de Banda Deseñada de Angoulême A programación da banda deseñada galega para o 2009 comeza na cita máis importante do cómic en Europa, o Festival Internacional de Banda Deseñada de Angoulême (Francia), do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro, continuando polo Salón Infantil e Xuvenil de Pontevedra no mes de febreiro, pasando en marzo pola Biblioteca Ánxel Casal de Compostela para culminar o seu percorrido, do 29 de maio ata o 1 de xuño, no Saló del Cómic de Barcelona, onde Galicia será convidada de honra.

Por segundo ano consecutivo, Galicia conta cun espazo propio no festival de Angoulême, onde os nosos ilustradores amosarán as súas obras ante os seus colegas franceses, ante a prensa deste país e ante outras editoriais europeas asistentes á feira. Un dos actos centrais do programa do festival é a inauguración da mostra Dez anos de BD galega, un percorrido pola vida da banda deseñada en Galicia, e que se poderá visitar na oficina de turismo da vila.

Estes actos terán lugar na recepción ofrecida o día 30 de xaneiro ás 12.00 h. no Concello de Angoulême, onde ademais de presentarse a BD galega repartiranse un milleiro de folletos promocionais, mentres que outros mil quedarán na oficina de turismo da cidade xunto con 500 catálogos sobre a ilustración en Galicia. A representación galega estará composta por varios membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) como Javier Montes e David Prieto, e pola delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte en Pontevedra, María Xesús López Escudeiro, presentaron hoxe a programación especial sobre Banda Deseñada prevista para 2009, Galiza 2009, tempo de BD, que ten como fito central a presenza de Galicia como invitado de honra no Saló do Cómic de Barcelona. A programación especial Galiza 2009, tempo de BD foi deseñada pola Mesa pola Banda Deseñada, integrada pola Consellería de Cultura, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, o Consello da Cultura Galega, a Asociación BD Banda, as Bibliotecas Municipais da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, o Salón do Cómic de Cangas, as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e, desde o 2009, a Federación de Libreiros de Galicia.

A banda deseñada galega protagonizará as xornadas monográficas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que inclúen obradoiros sobre a utilización didáctica da BD para o profesorado, obradoiros de creación de BD para alumnado da ESO e mesas redondas e clases maxistrais da man de convidados de luxo como Pasqual Ferry, Miguel Rocha e Max. Ademais, tamén no Salón do Libro de Pontevedra, a mostra Personalidades múltiples explora as múltiples personalidades artísticas de nomes tan relevantes como Andrés Meixide, Xosé Tomás, Kiko da Silva, David Rubín, Jacobo Fernández, Max, Miguel Rocha e Pasqual Ferry.

Galiza 2009, tempo de BD continúa no mes de marzo coa presentación do proxecto da Bdteca de Santiago de Compostela, na biblioteca Ánxel Casal, que conta cunha colección de 3.000 exemplares de banda deseñada de todos os xéneros, na que o cómic galego ten unha presenza especial con máis de 300 volumes. Ademais da colección, haberá un programa estable de actividades de promoción e difusión da BD, que incluirá exposicións, clubs de lectura, presentacións de novidades, encontros e actividades profesionais, traballo en col do uso pedagóxico da BD, obradoiros para o alumnado e para público xeral, actividades formativas para profesionais, profesorado e bibliotecarios/as, etc.

Do 29 de maio ao 1 de xuño, Galicia será a convidada de honra no Saló del Cómic de Barcelona, o evento máis importante neste ámbito en toda a península ibérica, ao que asisten axentes editoriais de todo o mundo. Unha feira na que Galicia acadou un gran recoñecemento na edición pasada grazas á calidade dos nosos ilustradores, como demostran os Premios do Público do Saló 2008, concedidos aos creadores Antonio Seijas e Alberto Vázquez, así como á revista Retranca.

Nesta edición, Galicia conta cun stand central, que será o espazo promocional da BD galega na feira, e máis cun stand de venda para as editoras galegas. Ademais, haberá dúas exposicións dentro do recinto da feira e unha terceira na cidade. Unha representación de autores galegos, de festivais, de editoras e de librarías participarán en diversas actividades en colaboración coas bibliotecas de Barcelona e con outras entidades galegas e catalás.

En abril prevese a convocatoria por parte da Consellería de Cultura e Deporte de tres bolsas de creación de banda deseñada dotadas con 6.000 euros cada unha. Tamén está previsto investir 793.000 euros para a compra de BD en bibliotecas municipais, que se vén sumar ao investimento na mellora das coleccións de BD nas bibliotecas nodais que se leva feito desde o ano 2006. Ademais, estase a traballar coas librerías nunha campaña que recibe o nome de BD galega nas nosas librarías e que incluiría boletíns con novas e outras informacións para distribuír entre os clientes co obxectivo de fidelizalos á banda deseñada.

 

 

Arriba

 

Nos vindeiros meses presentaranse os roteiros da Xeración Nós e Álvaro Cunqueiro

Tras os pasos virtuais de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal

 

(23-Xaneiro-2009)

 

Roteiros O Consello da Cultura Galega presentou onte o portal Roteiros da cultura galega. Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega para a difusión do noso patrimonio cultural na rede a través de culturagalega.org. Dedicados ás tres figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, suponen un primeiro paso para “o etiquetado cultural de Galicia e unha especial posta en valor do noso patrimonio co seu acceso multimedia”.

Esta iniciativa é resultado dun protocolo de colaboración asinado o pasado mes de maio entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Innovación e Industria e contou coa colaboración de dúas empresas e das fundacións que custodian a memoria e a obra dos nosos escritores aurorais.

Elena Veiguela, Directora xeral de promoción industrial e da sociedade da información, contextualizou o traballo de creación desta plataforma web de roteiros culturais no esquema xeral da Consellería de Innovación e subliñou o interese da “creación dun complexo xestor de contidos culturais multimedia e xeo-referenciais”. Aludiu tamén ao código novo creado para os roteiros e á súa disponibilidade como software libre e ao carácter aberto do proxecto. Ramón Villares, presidente do Consello, significou que esta contribución era “un paso mais na xa coñecida iniciativa do Consello da Cultura Galega de combinar cultura letrada e novas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente a través do portal culturagalega.org”. Engadiu que este era o primeiro paso dun longo percorrido que mais adiante prestará atención aos roteiros da Xeneración Nós ou de Álvaro Cunqueiro. Manuel Gago, director do portal, explicou sobre a pantalla as características e os elementos integrantes dos roteiros, os seus compoñentes e as súas posibilidades interactivas: itinerarios, enlaces, fotografías, vídeos, imaxes de 360 graos e un gran caudal de información ao servicio de interesados e estudiosos. “Trátase de posibilitar a localización de Galicia a través dos seus referentes culturais e patrimoniais”, dixo.

Roteiros da Cultura concíbese como unha plataforma de software e contidos que nos vindeiros meses poderán empregar as asociacións e entidades locais para crear de xeito sinxelo roteiros sobre o seu territorio que os usuarios poderán consultar en Internet, descargar ao seu GPS, teléfono móbil, ou imprimir un folleto personalizado do roteiro. As entidades locais poderán facer uso do software, que estará depositado con código aberto dentro da Forxa de Mancomún, o repositorio de software libre da Consellería de Innovación e Industria, ou ben empregar directamente a aplicación instalada en culturagalega.org para visibilizar o seu patrimonio e cultura local.

[Roteiros da Cultura Galega]

 

 

Arriba

 

A musicóloga Caría García Caballaero leva a cabo un extenso e documentado estudo

Alvarellos edita o primeiro libro sobre a música en Santiago na Restauración

 

(23-Xaneiro-2009)

 

A vida musical en Santiago a finais do século XIX Tunas e concertinas, orfeóns e rondallas, funcións teatrais, compañías líricas, ópera, zarzuela, sociedades recreativas, verbenas, romarías, bailes, cafésconcerto, unha Banda Municipal en auxe… La vida musical en Santiago a finales del siglo XIX transpórtanos a unha Compostela na que a música empeza a transcender os seus espazos habituais relixiosos –con epicentro na catedral e a súa Capela de Música– e ábrese a novas manifestacións máis laicas e urbanas ligadas a unha ideoloxía en auxe, o Rexionalismo.

A musicóloga María García Caballero leva a cabo neste libro un extenso e documentado estudo de máis de 400 páxinas sobre unha época moi pouco tratada pola bibliografía existente. Centenares de datos, anécdotas, cifras e nomes propios constitúen un vasto estudo que nos traslada aos costumes e formas de vida dun tempo convulso e histórico, o Santiago da Restauración.

 

 

Arriba

 

A maioría dos cativos que morreron non supoñían ningún perigo

O ilustrador betanceiro Xosé Tomás homenaxea en banda deseñada ás vítimas do Portiño

 

(21-Xaneiro-2009)

 

Compañeiros Corría o ano 1937 cando un centenar de coruñeses republicanos planearon escapar por mar (desde o lugar de Ou Portiño) cara a Asturias ou Francia, e fuxir así da represión franquista que os mantiña escondidos en sótanos, tellados ou bosques. Con todo, o seu plan nunca se puido levar a cabo, porque un chivatazo alertó ás forzas do réxime e acabou truncando o futuro de vinte veciños, moitos dos cales perecieron afogados, mentres que outros foron fusilados logo dun xuízo sumarísimo.

O ilustrador Xosé Tomás, e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentaron hoxe na Casa-Museo Casares Quiroga o cómic Compañeiros. Homenaxe ás vítimas do Portiño, co que queren lle render unha particular homenaxe aos protagonistas deste histórico episodio.

Este proxecto naceu fai máis dun ano, cando Xosé Tomás -asesorado por dous historiadores- comezou a recabar datos desta historia, da que recoñece que "sabía algo e vira un vídeo, pero con esta iniciativa descubrín prácticamente todo". O que máis lle sorprendeu deste episodio foi que, na zona coruñesa de O Portiño, había máis de 80 persoas esperando para fuxir nun barco, "e ningunha pasaba dos 30 anos, e a maioría eran de 18, o que quere dicir que eran cativos que non supoñían ningún perigo".

Con este proxecto o debuxante betanceiro cumprirá o seu obxectivo de sacar á luz uns feitos históricos, que hoxe en día moitos coruñeses e galegos aínda descoñecen. De feito, segundo confesou o propio Xosé Tomás, que é profesor de ensino secundario, "moitos dos meus alumnos non saben nin quen era Franco, imaxínache se falamos de feitos aínda anteriores".

 

[Descargar Compañeiros. Homenaxe ás vítimas do Portiño]

 

 

Arriba

 

A entrega terá lugar ao longo da cea-homenaxe que se celebrará o 31 de xaneiro na Coruña

A A.C. O Facho outorga o seu Facho de Ouro a Xosé Neira Vilas

 

(20-Xaneiro-2009)

 

Entrega do Facho de Ouro a Xosé Neira Vilas A Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho da Coruña acordou outorgar O Facho de Ouro ao escritor e home de ben, D. Xosé Neira Vilas, como testemuña e recoñecemento a sua longa traxectória na defesa da dignidade e da cultura de Galicia.

O acto cívico será acompañado dunha cea-homenaxe que se celebrará o sábado, dia 31 de xaneiro, ás 21.00 h. no Hotel Riazor da Coruña.

Con anterioridade foron galardoados co Facho de Ouro o intelectual Isaac Diaz Pardo no 2006, o presidente da Fundación Castelao Avelino Pousa Antelo no 2007 e o ex-presidente da RAG Francisco Fernández del Riego, o ano pasado.

Para todos aqueles interesados en asistir á cea-homenaxe deberán chamar ao número 981.269.663 (tardes) ou no correo electrónico lobezan@yahoo.es. O prezo por persoa é de 30 €.

 

 

Arriba

 

Marcos S. Calveiro con Festina lente e O libro das viaxes imaxinarias, entres os mellores libros do ano segundo os lectores

Resultados da enquisa O mellor do 2008

 

(19-Xaneiro-2009)

 

O mellor do 2008 Tras case un mes de votacións e con case o dobre de participantes que na edición do pasado ano, xa están dispoñibles os resultados de O mellor do 2008. Queremos dar as grazas a todos e a todas os que participaron nesta enquisa e os nosos parabéns aos gañadores.

O mellor do 2008 segundo os lectores:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.

Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.

Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O'Rivas.

Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.

Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.

Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.

Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.

Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.

Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.

Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).

Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).

Mellor editorial do ano: Xerais.

Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.

Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal

O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.

O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.

Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).

Mellor medio de comunicación: Diario Cultural de CRTVG.

Mellor blog: As uvas na solaina.

 

Recordamos que entre todos os participantes sorteamos un lote de libros por cortesía da Federación de Libreiros de Galicia. O gañador do mesmo foi Eduardo Maroño Bárzana da Coruña. Noraboa!

 

[O mellor do 2008. Resultados completos]

 

 

Arriba

 

"Utilizo a literatura como salvación"

Finou o escritor Manuel Riveiro Loureiro

 

(16-Xaneiro-2009)

 

Manuel Riveiro Lourenzo Tras un 2008 desastroso onde as letras galegas quedaron baleiras de ilustres escritores, este ano que comeza volvémonos a tinguir de loito coa morte de Manuel Riveiro Loureiro.

Escritor autodidacta e compulsivo, como el mesmo se describía, faleceu no día de onte na Coruña, cidade que o viu nacer en 1933.

Manuel Riveiro Loureiro comezou a escribir en 1977, cando publica, á idade de 43 anos, Pola ida e pola volta (Librodouro). Mariñeiro, actor de dobraxe, tradutor, narrador, autor de teatro... a súa obra nace da propia vida e das vivencias, como el mesmo confesou, utiliza a "literatura como salvación, como válvula de escape". Xullo-agosto (Sotelo Blanco) foi o seu derradeiro traballo.

As cinzas de Manuel Riveiro esparciránse mañá, ás 12.00 h., no mar do Orzán, fronte a fonte dos surfistas.

[Manuel Riveiro Loureiro na Galipedia]

 

 

Arriba

 

Entre os diferentes obxectos legados polo escritor melidense atópanse manuscritos e a súa obra completa entre os anos 1971 e 2008

Xosé Vázquez Pintor cede parte do seu legado persoal e literario á biblioteca de Melide

 

(14-Xaneiro-2009)

 

Xosé Vázquez Pintor O nome de Xosé Vázquez Pintor na biblioteca de Melide non só é un referente físico nas letras que dan nome á instalación. O propio autor melidense quixo que a súa pegada no ámbito das letras deste municipio non fique relegado a ceder o seu nome á biblioteca municipal, e por iso a súa implicación coas actividades culturais do Concello é algo constante.

Xosé Vázquez Pintor cedeu á biblioteca de Melide un conxunto de libros, lembranzas e obxectos persoais, que pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca, aos que o propio escritor definiu como “un legado das súas vitrinas expositoras”, e que agora pasarán a formar parte do patrimonio cultural da biblioteca de Melide. Dentro desta doazón que o escritor melidense quixo compartir cos usuarios da biblioteca, atópanse obxectos que forman parte do seu inventario íntimo e persoal, como un álbum de fotos familiar con retratos da infancia e adolescencia de Pintor en Melide, placas de homenaxe ao seu traballo, trofeos coma o recibido con motivo do Premio Esquío de Poesía, ou as medallas de recoñecemento que lle entregaron os concellos de Agolada, Cangas e As Pontes de García Rodríguez.

De entre as pertenzas bibliográficas legadas á biblioteca, destaca a escolma de crónicas e entrevistas en diversos xornais realizadas a Vázquez Pintor, así como manuscritos orixinais de poemas do seu primeiro libro –Gándaras-. O escritor tamén cedeu ao Concello de Melide un exemplar do libro Terra de Melide, e a súa obra completa de poesía, narrativa, ensaio e teatro publicada entre os anos 1971 e 2008, publicada en distintas editoriais.

A concelleira de Cultura, Conchi Castro, cualificou este legado como “un pequeno tesouro que imprime con máis forza a pegada de Vázquez Pintor na nosa biblioteca”, e lembrou que a implicación do escritor melidense nas actividades culturais programadas polo Concello é admirable, pois como lembrou a concelleira, “aínda no mes de Nadal Pintor impartiu un obradoiro de creación literaria para nenos, que resultou ser a maneira máis natural de achegar os libros aos rapaces”.

Outros obxectos que dende agora tamén forman parte da biblioteca de Melide son un busto de Ramón Cabanillas, que Pintor recibiu como premio da Asociación de Libreiros de Cambados, e a medalla de “Homenaxe ao trobador do Monte do Faro”, entre outras condecoracións.

 

 

Arriba

 

Este premio recoñece o labor de defensa dos dereitos de expresión e de opinión ao fronte do blog 'As uvas na solaina'

O P.E.N. Clube de Galicia outorga o seu premio ao escritor e historiador Marcos Valcárcel

 

(14-Xaneiro-2009)

 

Marcos Valcárcel O escritor, historiador e profesor Marcos Valcárcel foi galardoado na cuarta edición do premio P.E.N. Clube de Galicia 2009.

Este premio, que pretende recoñecer o labor de defensa dos dereitos de expresión e de opinión recollidos na acta fundacional do PEN, foi concedido por unanimidade polo xurado formado por Luís G. Tosar, Gonzalo Navaza, Camiño Noia, Marilar Aleixandre, Bieito Iglesias, Xesús Fraga e Xabier Castro Martínez. O xurado recoñeceu o labor de Marcos Valcárcel pola liberdade de pensamento ao fronte do seu blog 'As uvas na solaina'; ao tempo, quixo tamén destacar o traballo de promoción e difusión da literatura galega tanto na súa cidade, Ourense, como no resto de Galicia.

A entrega do premio, consistente nunha peza escultórica, terá lugar en Santiago nunha data aínda por determinar e que coincidirá coa presentación do libro-homenaxe a Marcos Valcárcel.

[Blog As uvas na solaina]

 

 

Arriba

 

O visitante terá a posibilidade de acceder ás obras dixitalizadas desde textos medievais ata Rosalía de castro

Nace a Biblioteca das Letras Galegas, un portal para divulgar o patrimonio literario galego

 

(13-Xaneiro-2009)

 

Biblioteca das Letras Galegas O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades acolleu hoxe a presentación do portal de internet Biblioteca das Letras Galegas, que nace coa vocación de converterse nun espazo de referencia para obter información sobre o patrimonio literario galego do que se ten constancia desde as primeiras manifestacións da Idade Media ata a actualidade. Esta iniciativa foi desenvolvida pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A secretaria xeral de Política Lingüística e directora do Centro Ramón Piñero, Marisol López, presidiu un acto no que estivo acompañada por Anxo Tarrío Varela, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director do portal; Darío Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago e director do consello científico da Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, e Luis Rodríguez, director de Relacións Institucionais da citada fundación. Marisol López fixo fincapé na importancia que teñen accións como esta para poñer en valor e “facer chegar a todos os recantos do mundo a riqueza da lingua, a literatura e a cultura de Galicia”.

O obxectivo deste novo espazo electrónico, localizado dentro da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, reside en poñer á disposición do público xeral obras dixitalizadas da literatura galega de todos os tempos, desde as primeiras manifestacións medievais ata a actualidade, con preto de 100 autores nestes momentos.

Na actualidade, a Biblioteca das Letras Galegas permite o acceso a diversas seccións nas que se ofrece información exhaustiva sobre autores como o trobador Martín Codax ou Rosalía de Castro. Inclúe ademais outros servizos, como unha fonoteca con textos literarios en formato sonoro, entre os que figuran cantigas medievais e poemas de Rosalía de Castro, e unha hemeroteca na que se poden atopar publicacións periódicas xa desaparecidas como Eco de Galicia (A Habana, 1917-1936), Galicia (Centro Galego de Caracas, 1952-1954) e Tierra Gallega (Montevideo, 1917-1918).

O portal www.letrasgalegas.org ofrécelles tamén aos internautas a posibilidade de consultar edicións facsímiles de textos medievais, así como boa parte do catálogo do Centro Ramón Piñeiro en formato PDF, no que figuran obras como unha recompilación de estudos sobre o Cancioneiro de Ajuda (século XIII) a cargo de Mercedes Brea; Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral, compilado por Francisco Vázquez Saco en 1952; a obra en lingua galega de Manuel Lugrís Freire e Xosé Otero Espasandín e a guía de recursos electrónicos Libros galegos en Internet, realizada por Henrique Neira Pereira en 2008.

A creación dun sitio web dedicado ás letras galegas é froito dun convenio subscrito en xuño de 2007 entre a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes Saavedra e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. As obras galegas que máis interese suscitaron ata hoxe na rede, todas elas de Rosalía de Castro, son: Cantares gallegos, con 12.475 consultas; Cartas, con 12.081 entradas; e En las orillas del Sar, con 11.266 consultas.

[Biblioteca das Letras Galegas]

 

 

Arriba

 

Ademais dos obradoiros, Caixanova achega ao público unha serie de charlas con escritores sobre diferentes aspectos da creación literaria

Nova edición dos obradoiros literarios de Caixanova

 

(13-Xaneiro-2009)

 

Espazo Literario Caixanova Tras o éxito de edicións anteriores, o Espazo Literario Caixanova abre o prazo de inscrición par aos novos obradoiros que se desenvolverán entre o 15 de xaneiro e o 21 de maio do 2009 nos centros da entidade en Ourense, Vigo e Pontevedra.

Deste xeito, a cidade das Burgas acollerá o Obradoiro de Poesía impartido polo escritor Francisco Castro. Nel, os asistentes poderán desenvolver a súa creatividade e experimentar o pracer de escribir e crear poesía. A actividade dará comezo o 2 de febreiro e continuará os días 9 e 16 de febreiro e os días 2, 9, 16, 23 e 30 de marzo a partires das 18.00 h.

En Vigo, Alicia Borrás dirixirá unha nova edición do Obradoiro de Voz Expresiva. Nesta ocasión as sesións terán lugar no Centro Social Caixanova de Vigo os días 21 e 28 de xaneiro; 4, 11, 18 e 25 de febreiro e 4, 11, 18 e 25 de marzo. Entre os obxectivos desta actividade están o exercitar a voz coa finalidade de conseguir falar ben e emocionar ao oínte, ademais de descubrir o pracer de falar en público.

Ramón Nicolás impartirá en Pontevedra o Obradoiro de Lectura no que os interesados á literatura poderán gozar coa lectura e a apreciación dos valores das obras consideradas pola crítica e polos lectores como as máis relevantes da historia universal. Esta actividade desenvolverase os días 4, 11, 18 e 25 de febreiro e o 4 de marzo, ás 18.15 h.

Ademais destes obradoiros e outros máis que están previstos para os vindeiros meses, estase celebrando en Vigo o curso O traballo literario a través dos escritores. A través dunha serie de oito conferencias, que comezaron o pasado mes de novembro e que continuarán ata o mes de maio, poetas, narradores, dramaturgos, críticos literarios, autores consagrados e novos, abordarán diversas perspectivas literarias. Entre os temas a tratar están o día a día do escritor, os distintos xéneros e os diferentes formatos, a crítica literaria e o estatus do escritor ou as dificultades á hora de abrirse camiño no mundo editorial. Todas as conferencias celébranse na Sala de Conferencias do Centro Social Caixanova de Vigo a partires das 20.00 h., con entrada de balde.

Calendario:

Día 15 de xaneiro de 2009

Domingo Villar: "Escribir novela negra"

Día 12 de febreiro de 2009

Francisco Castro: “Como ven os escritores. A mirada literaria”

Día 12 de marzo de 2009

Cesáreo Sánchez Iglesias: “Ser escritor en Galicia hoxe”

Día 2 de abril de 2009

Ramón Nicolás Rodríguez: “Detrás dun escritor sempre hai un lector”

Día 14 de maio de 2009

Antón Reixa: “A literatura e o cine”

Día 21 de maio de 2009

Rubén Ruibal: “Escribir teatro en Galicia e en galego hoxe”

Aqueles interesados en participar nos obradoiros ou para recibir máis información sobre as distintas actividades poden dirixirse ao número de teléfono: 986 120 075.

 

 

Arriba

 

A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973

A obra do Blanco Amor fotógrafo, a partires de mañá no Verbum. Casa das Palabras de Vigo

 

(12-Xaneiro-2009)

 

A ollada do desexo. Obra fotográfica de Eduardo Blanco Amor. 1933-1973 Alén do seu recoñecido e vital labor literario e xornalístico, Eduardo Blanco Amor, un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX, desenvolveu unha intensa e continuada actividade como fotógrafo. E é que o Blanco Amor fotógrafo é inseparable do Blanco Amor escritor, xa que esta obra gráfica foi desenvolvida polo autor durante toda a súa vida cunha intención claramente estética e documental. Unha forma máis, pero ben importante pola dedicación que lle consagrou, da súa necesidade de apreixar o mundo no que viviu, de integralo na súa vida e de tentar explicalo dende a súa propia concepción da realidade.

Deste xeito, a obra gráfica de Eduardo Blanco Amor ten un importante valor como documento histórico, xa que recupera para a cultura galega a memoria histórica e biográfica dun dos seus escritores máis salientables. Así mesmo, boa parte das súas fotografías está formada por retratos dos seus amigos. Aquí atopamos reflectida a amizade con escritores como Alberti e García Lorca, e con políticos como Manuel Azaña ou Indalecio Prieto.

O Verbum. Casa das Palabras de Vigo acolle desde mañá e ata o 15 de marzo a exposición Eduardo Blanco Amor. A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973. A mostra, producida por Merlín Comunicación, pretende – a través dun discurso estético contextualizado polos referentes históricos contemporáneos ao autor – dar a coñecer a ollada particular do escritor, a súa personalidade, querenzas e actitudes diante da multiplicidade coa que o mundo se lle mostraba e que el trasladou, tamén, á súa obra literaria.

O acto de presentación, que terá lugar ás 20.00 h., contará coas intervencións de Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo; Rosendo Covelo, director do Verbum; e de Carlos Lema, comisario da exposición.

 

Arriba

 

No mes de febreiro a AGE presentará o seu novo espazo web

A Asociación Galega de Editores prepara un 2009 cheo de proxectos

 

(07-Xaneiro-2009)

 

A AGE no 2009 O gremio editorial galego iniciará o ano 2009 establecendo un calendario de encontros sectoriais e intersectoriais para analizar o traballo realizado no ano 2008 e encarar o 2009 cuns obxectivos realistas e con visión de futuro.

A Asociación Galega de Editores (AGE) proporalle ao resto dos sectores do libro que se elabore unha proposta de actuación conxunta para un período bianual. Así mesmo, a organización dos editores galegos vai suxerir un traballo de reflexión que teña en conta as oportunidades, as ameazas, as debilidades e as fortalezas que se lle propoñen ao sector para actuar en consecuencia.

A AGE vén de ser beneficiaria do programa de formación para traballadores ocupados da Consellería de Traballo, axuda que importa 50000 euros. Entre os cursos que se van organizar para o ano 2009, destacan aqueles dirixidos aos editores interesados na promoción e venda no exterior tanto de dereitos como de libros: comercio exterior especializado no mundo editorial e inglés editorial. Os dous módulos formativos serán impartidos por destacados especialistas nesas materias.

A nova páxina web da AGE, que será presentada no vindeiro mes de febreiro, vai tamén contribuír á promoción do libro galego a través de diversos recursos como a posta en marcha dun boletín destinado á distribución internacional dun catálogo de dereitos actualizado trimestralmente. O novo sitio web vai promover a interacción na rede con todos os colectivos ou axentes que interveñen no mundo do libro. Nunha primeira instancia, permite o acceso aos seus recursos a través da web e, nunha segunda, moito máis ambiciosa e con moito máis longo percorrido, permite a interacción, intercambiar información, e proporciona recursos a través da rede.

A AGE tamén vai formalizar a xestión das instalacións da súa nova sé cos traballos de rehabilitación dun edificio nos arredores de Santiago de Compostela.

A AGE traballará na promoción da produción galega en todos os eidos, polo que solicitará a contribución e a colaboración de todas as empresas asociadas no reto e a oportunidade que supoñen as novas tecnoloxías.

A AGE vai traballar no programa internacional de feiras do libro con base nun informe que vai ser presentado pola Comisión de Feiras e Comercio Exterior na súa primeira xuntanza do ano 2009, prevista para a primeira semana do mes de febreiro.

Os editores galegos tamén van potenciar a xa constituída Comisión de Axudas, que vai estudar- a partir dun informe presentado no encontro de editores de GALEUSCA- a evolución da contribución da promoción do sector editorial galego realizada polas diversas administracións galegas dende o ano 1980. Este grupo de traballo solicitará diversos encontros coa administración para avaliar e tamén propoñer políticas de apoio decidido ao libro, con medidas que transcendan os ámbitos nos que o libro xa é considerado– por razóns evidentes- un elemento esencial do eido da industria cultural galega. A AGE reivindica que as consellerías de Industria e Economía se impliquen e consideren- oficialmente -o libro como industria.

[Máis información na web da AGE]

 

 

Arriba

 

A exposición poderase contemplar no CGAC do 8 de xaneiro ao 1 de marzo

En torno da Baskerville ou como transformar un libro nunha nova obra diferente

 

(07-Xaneiro-2009)

 

En torno da Baskerville O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago de Compostela acollerá, entre os días 8 de xaneiro e 1 de marzo, a exposición colectiva En torno da Baskerville.

En torno da Baskerville, organizada pola Asociación Galega de Deseñadores (DAG), parte da idea de transformar un elemento icónico, como é un libro, nunha obra diferente: nun libro obxecto, noutro libro ou nun obxecto no que non quede rastro da sua identidade orixinal. En calquera caso, a intervención suporá a diferenciación e a personalización dunha obra seriada ou impresa, a creación dun deseño orixinal non comercial a partir dun obxecto de manufactura industrial.

Desde a DAG indican que invierten "o proceso de creación: se normalmente creamos unha maqueta para a produción, neste caso partimos do obxecto xa producido industrialmente para a creación dun orixinal".

E o libro escollido é A imprenta en Galicia. Século XIX, un catálogo ou inventario das produción impresa nese século editado en dous volumes pola Xunta de Galicia no ano 2002, na colección Bibliofilia de Galicia. A imprenta en Galicia. Século XIX é unha publicación austera e pola súa forza como representación icónica: un libro clásico encadernado en pastas duras e maquetado con Baskerville, unha tipografía deseñada no século XVIII por John Baskerville, criticada durante moito tempo porque “cegaba aos lectores polos seus trazos finos e estreitos” pero posteriormente moi empregada, precisamente pola súa elegancia e claridade, en biblias e edición de clásicos literarios.

Os deseñadores gráficos e industriais, que participan neste proxecto son: Lía Santana, X. María Torné, Pepe Barro, Xosé Salgado, Uqui Permui, Daniel Bembibre, Antón Lezcano, Álvaro Valiño, Pancho Lapeña, Gisela Ahumada, J. Ramón Méndez, Javier Perez, Jon Solozabal, Jose A. Carrera, María Pereiró, María del Rosario Domínguez, Natalia Crecente, Óscar Canal, Óscar Otero, Segundo Fernández e Rafa Caccamo.

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Antonio Reigosa, Martín Veiga e Begoña Martín Acero na Lareira Literaria de xaneiro

 

(07-Xaneiro-2009)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Antonio Reigosa, Martín Veiga e Begoña Martín Acero.

Poucos autores están tan ligados a unha lareira como Antonio Reigosa, un dos maiores exponentes e especialistas da literatura oral do país. Tras publicar o pasado ano O polimacho e outras aventuras (Tambre) e Os dous irmáns e outros contos populares exipcios (Morgante), para este ano prepara, xunto á ilustradora Noemí López e en formato de álbum ilustrado, unha guía da Galicia desaparecida, un traballo que suporá un percorrido polo lendario tradicional que nos achega historias de aterramentos ou asolagamentos de cidades, vilas, illas...

Martín Veiga, poeta noiés residente desde hai unha década na cidade irlandesa de Cork, e gañador de prestixiosos premios poéticos como o Esquío, o Fiz Vergara Vilariño ou o premio de poesía Espiral Maior, ultima a súa quinta achega poética con O libro de Cork, onde Martín Veiga propón un exame do ámbito que lle arrodea como poeta desde hai unha década; unha anatomía do espazo xeográfico mais tamén dos lugares da emoción; unha viaxe cara ás beiras da contorna e cara ao interior da experiencia. Sen esquecer as súas raíces, prepara para este ano, xunto a poeta Ana Romaní e ao músico Rodrigo Romaní, unha fotobiografía sonora de Antón Avilés de Taramancos. Este traballo será publicado pola editorial Ouvirmos.

Begoña Martín Acero, autora de Mar de cores ou de Termodomonte e outros relatos (Baía), cociña a modiño a elaboración dun bestiario, un feixe de historias, contos, relatos e incluso algún poema onde os animais son o eixo condutor e unha desculpa para falar da humanidade, un claro contraste entre nós e os seres “irracionais”, que tanto nos poden ensinar.

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» Riofero, a nova entrega de Xelís de Toro ven con banda sonora

» Galicia a través dos ollos de grandes escritores universais

» Rodolfo Núñez de las Cuevas doa a súa colección de documentos para a  Cidade da Cultura

» A Banda Deseñada galega comeza a súa xira en Angoulême

» Tras os pasos virtuais de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Pondal

» Alvarellos edita o primeiro libro sobre a música en Santiago na  Restauración

» O ilustrador betanceiro Xosé Tomás homenaxea en banda deseñada ás  vítimas do Portiño

» A A.C. O Facho outorga o seu Facho de Ouro a Xosé Neira Vilas

» Resultados da enquisa O mellor do 2008

» Finou o escritor Manuel Riveiro Lourenzo

» Xosé Vázquez Pintor cede parte do seu legado persoal e literario á  biblioteca de Melide

» O P.E.N. Clube de Galicia outorga o seu premio ao escritor e historiador  Marcos Valcárcel

» Nace a Biblioteca das Letras Galegas, un portal para divulgar o patrimonio  literario galego

» Nova edición dos obradoiros literarios de Caixanova

» A obra do Blanco Amor fotógrafo, a partires de mañá no Verbum. Casa  das Palabras de Vigo

» A Asociación Galega de Editores prepara un 2009 cheo de proxectos

» En torno da Baskerville ou como transformar un libro nunha nova obra  diferente

» Antonio Reigosa, Martín Veiga e Begoña Martín Acero na Lareira Literaria  de xaneiro

 

Novas Xaneiro 2009