MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

O 14 de outubro rendirase homenaxe a Luz Pozo Garza

Culleredo presenta un outono cheo de letras

 

(30-Setembro-2009)

 

Outono das Letras 2009 en Culleredo O Concello de Culleredo presentou o programa do ciclo Outono das Letras, dedicado á 'Palabra de muller'. Ao longo dos vindeiros tres meses, a biblioteca 'Uxío Novoneyra' de Vilaboa e o edificio de servizos múltiples de O Burgo acollerán presentacións de libros e espectáculos de poesía, música e danza.

Un dos actos centrais deste Outono das Letras terá lugar o mércores 14 de outubro coa homenaxe que se lle brindará á poeta Luz Pozo Garza, que presentará o seu último poemario Deter o día cunha flor (Baía). O mércores seguinte tocaralle quenda a Eva Veiga que presentará A luz e as súas cicatrices (Sociedad de Cultura Valle-Inclan).

No mes de novembro estarán na biblioteca 'Uxío Novoneyra' Yolanda Castaño e Diana Varela Puñal, que presentarán Erofanía. Triloxía poética (1995-1998) (Espiral Maior) e Fíos (Espiral Maior), respectivamete. Dentro dos espectáculos poético musicais o día 6 Mon Santiso e compañía presentarán Cancións contadas / Cantadas cancións e o venres 27 Yolanda Castaño e Blanca Novoneyra mesturarán poesía, música e danza contemporánea en Tender a man.

En decembro presentarase os libros Poemas de amor e de cidade do Taller de poesía de Vilaboa e O pouso do fume (Espiral Maior) da poeta coruñesa Dores Tembras.

Xunto a este Outono das letras a concellería de Cultura do Concello de Culleredo bota a andar as actividades de Animación á Lectura para adultos para este curso 2009/2010 que darán comezo o día 5 de outubro nas Bibliotecas Municipais “Xosé Cardeso Liñares” de Vilamelania-Vilaboa, “Uxio Novoneyra” de Villamelania-Vilaboa e “Miguel González Garcés” de Servizos Múltiples do Burgo.

Dirixidos aos usuarios adultos, realizaranse os clubes de lectura e a Tertulia Literaria, que reúnen dous alicientes distintos: a lectura persoal e íntima e a posibilidade de compartir a lectura con outras persoas. Este ano, como novidade, nacen a Tertulia de Arte e a Tertulia de Poesía. Os interesados en recibir máis información sobre estas actividades deben de se dirixir a calquera das bibliotecas municipais do Concello de Culleredo ou chamando ao teléfono 981665597. Todas estas actividades son de balde.

[Programa de Outono das letras 2009]

 

 

Arriba

 

Do 1 ao 19 de outubro

Dan comezo ás XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense

 

(30-Setembro-2009)

 

XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense Un ano máis, e xa van vinte e unha edicións, Ourense acolle as Xornadas de Banda Deseñada que decorrerán do 1 ao 18 de outubro en diferentes localizacións da cidade das Burgas. Estas Xornadas están organizadas pola Casa da Xuventude de Ourense co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Concello de Ourense.

Entre as estrelas convidadas desta edición destaca a presenza do sevillano Miguel Brieva, que presentará en Ourense a súa exposición Sobras maestras. Brieva é colaborador de revistas como El Jueves, La Vanguardia, El País, Rolling Stone ou Mondo Bruto e autor das obras Dinero, Enciclopedia Clismon e El otro mundo.

Outros artistas de recoñecido prestixio que pasarán por Ourense son o catalán Juanjo Sáez e o ourensán David Rubín. A exposición de Sáez fará un repaso á súa traxectoria como autor de BD, publicista e ilustrador mentres que Rubín presentará os orixinais do seu recente e exitoso Cuaderno de tormentas.

Outras exposición que se poderán contemplar nas Xornadas son as mostras colectivas do 'Certamen de Cómic e Ilustración Injuve 2008', 'Fanzine Enfermo', 'All-Girlz', 'GZcrea Banda Deseñada 2009', 'Viñetas descubertas. Certames galegos 2000-2008' e 'Miña terra galega'.

Por outra banda, numerosas actividades acompañarán as exposicións. Deste xeito haberá unha sección dedicada ao cinema e á banda deseñada onde se proxectarán en 35mm filmes relacionados coa banda deseñada internacional, mesas redondas cos autores, exercicios creativos colectivos do Lab·Ou (Laboratorio Galego de BD Experimental) e un dos actos máis esperados, a entrega dos premios do Certame «GZcrea 2009» e do Premio Ourense de BD que terán lugar mañá ás 12:30 h, na Casa da Xuventude.

[Páxina web das XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense]

 

Arriba

 

A mostra Galicia 2009, Tempo de BD estará no VIII Festival de Banda Deseñada da Rexión de Bruxelas

A banda deseñada galega chega ata Bruxelas

 

(28-Setembro-2009)

 

Galicia 2009, Tempo de BD Do 1 ao 8 de outubro poderase visitar no VIII Festival de Banda Deseñada da Rexión de Bruxelas a mostra retrospectiva Galicia 2009, Tempo de BD, unha exposición que recolle algúns dos grandes traballos que se produciron no país nos últimos anos. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, promotora da exposición, e a Fundación Galicia Europa, que tivo a iniciativa de trasladala á capital belga.

A inauguración terá lugar o vindeiro día 1 de outubro en Bruxelas coincidindo coa presentación oficial do festival, á que asistirán as autoridades belgas e os medios de comunicación especializados. Neste emprazamento poderá visitarse a mostra ata o día 8 de outubro. Posteriormente, entre os días 9 e 11 de outubro, as 70 láminas que compoñen a exposición exhibiranse na sede do Festival de BD de Bruxelas, xunto a obras de todo o mundo seleccionadas pola organización.

 

 

Arriba

 

O 29 de outubro en Santiago de Compostela

Xornada homenaxe dedicada a Xohana Torres

 

(27-Setembro-2009)

 

Xohana Torres. A dona dos mapas A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, baixo a coordinación de Ana Romaní e de Helena González, organiza a xornada-homenaxe Xohana Torres. A dona dos mapas. Mediante este acto, que se celebrará o 29 de outubro no Consello da Cultura Galega, quérese propiciar novos enfoques arredor da súa obra poética, narrativa, teatral e no ámbito da literatura infantil e xuvenil, así como resituar e documentar a relevancia creativa no contexto cultural dende os anos 50 ata a actualidade desta escritora compostelá.

Entre os ponentes que reivindicarán e falarán da autora de Estacións ao mar estarán Ramón Villares, María Xosé Agra, Dolores Vilavedra, Iolanda Ogando, Olga Novo, Montse Pena Presas, Helena González, Mariam Mariño, Laura Pérez Landeira, Xoán Bernárdez Vilar e Ana Romaní. Tras as ponencias e presentacións pecharase a xornada coa sesión Clandestina abordaxe, onda que rompe, un recital poético a cargo de María Xosé Queizán,Chus Pato, Lupe Gómez e María do Cebreiro, presentadas por Lara Rozados.

[Programa de Xohana Torres. A dona dos mapas]

 

Arriba

 

O mito que fascina: do lobo ao lobishome os días 16 e 17 de outubro

Lugo converterase en capital da literatura de tradición oral galega

 

(21-Setembro-2009)

 

II Xornadas de Literatura de Tradición Oral Os días 16 e 17 de outubro vai ter lugar, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, as II Xornadas de Literatura de tradición oral, que nesta nova edición xirará arredor da figura do lobo: O mito que fascina: do lobo ao lobishome.

As xornadas, organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e coordinadas por Antonio Reigosa e Isidro Novo, ten como obxectivo promover a valorización do patrimonio cultural en xeral pero especialmente a visualización do inmaterial, entre o que a literatura popular de tradición oral ocupa un lugar senlleiro dentro da literatura galega.

O mito que fascina: do lobo ao lobishome, contará coas intervencións dos relatores Xabier P. Docampo, escritor e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil; Antxon Gómez Lorente, escritor e garda de montes do Parque Natural de Pagoeta; Alberte Reboreda, arqueólogo e técnico de Patrimonio Cultural; e X. Luis Garrosa Gude, escritor, profesor e investigador da literatura oral.

Paralelamente a estas II Xornadas, estará aberta desde o 8 ata o 25 de outubro a exposición. O lobo, unha carreira por sobrevivir na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo). Esta exposición está organizada por ADEGA, AAAGP, ERVA e Museo Provincial de Lugo.

As xornadas son de balde. Todos aqueles interesados en recibir diploma acreditativo do mesmo, deben dirixirse a través do e-mail oficina@aelg.org ou chamando ao teléfono 981 133 233.

[Programa das II Xornadas de Literatura de Tradición Oral]

 

 

Arriba

 

"É unha narración en clave de misterio, case unha crónica xornalística" segundo declarou o xurado

Daniel Montero Coira, gañador da V edición do premio de banda deseñada Castelao

 

(21-Setembro-2009)

 

Daniel Montero gaña a V edición do premio de banda deseñada Castelao O pontevedrés Daniel Montero Coira, coa súa obra Sen mirar atrás, é o gañador da V edición do premio de banda deseñada Castelao que convoca anualmente a Deputación da Coruña.

A concesión foi dada a coñecer esta mañá polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, quen subliñou que á presente edición “presentáronse un total de 8 obras, todas elas de elevada calidade, segundo a opinión do xurado”, que estivo formado por Miguelanxo Prado, tamén comisario do premio, por Ángel de la Calle, e Carlos Portela.

O xurado outorgou por maioría de todos os seus membros o premio ao orixinal presentado por Daniel Montero Coira baixo o título Sen mirar atrás, apreciando nesta obra “a corrección no desenvolvemento dunha narración ben construída e axilmente contada, a efectividade dun tratamento gráfico axeitado á historia, e un interesante personaxe secundario que medra habilmente nun segundo plano”, segundo o afirmado polo seu voceiro, o creador Miguelanxo Prado, quen manifestou tamén que “é unha narración en clave de misterio, case unha crónica xornalística”.

O xurado seleccionou tamén como finalista a obra Kartoffel, da que son autores José Trigo Alonso, e Ramón Trigo Alonso. “A obra finalista amosa ambición argumental e unhas propostas gráficas e plásticas interesantes”, segundo a opinión do tribunal.

 

Arriba

 

O proxecto servirá para dar coñecer Galicia entre os propios galegos e os visitantes de fóra

A Consellería de Cultura e Turismo porá en marcha no transcurso desta lexislatura a creación de vilas literarias

 

(21-Setembro-2009)

 

Vilas literarias A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, anunciou no transcurso da visita realizada onte polo conselleiro Roberto Varela a Vilanova de Arousa a creación das vilas literarias coma produto turístico cultural que sirva de base para dar a coñecer Galicia entre os propios galegos e os visitantes de fóra. A iniciativa consiste no deseño de itinerarios turísticos por diferentes vilas galegas recoñecidas tomando como punto de partida a literatura dos autores que naceran nelas ou estean vencellados biograficamente a elas para descubrir despois outros moitos aspectos culturais, patrimoniais ou naturais das súas zonas de influencia.

Roberto Varela explicou que as vilas que se acollan a iniciativa vilas literarias, cuxa elección se acordará con profesionais do sector da cultura de Galicia, deberán cumprir unha serie de requisitos ou condicións entre os que destacan que a súa poboación teña a configuración urbana e o recoñecemento de vila; que esta sexa lugar de nacemento de máis dun escritor comunmente recoñecido na historia da literatura galega ou que se lle dedicara o Día das Letras Galegas. Tamén se valorará que o lugar conte con algún roteiro recoñecido, rural ou urbano, relacionado cos escritores da súa terra, entre outros aspectos.

Padrón, Ponteceso, Mondoñedo, Celanova, Cambados, Rianxo ou Vilanova de Arousa son algunha dos principais lugares que formarán parte do elenco de vilas literarias que promoverá a Secretaría Xeral de Turismo. O berce de nacemento de escritores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Castelao ou Valle Inclán servirán como reclamo para coñecer comarcas enteiras de Galicia, cuxos recursos turísticos moitas veces non están aínda suficientemente promocionados.

 

 

Arriba

 

O sábado 19 de setembro

Ribadavia lembra ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro

 

(18-Setembro-2009)

 

Lembranza de Xosé Carlos Gómez Alfaro O PEN Clube de Galicia organiza para mañá sábado unha xornada que servirá para lembrar e para homenaxear ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro, finado o pasado ano mentres asistía a un acto literario con motivo da celebración do Día da Letras Galegas no colexio no que traballaba.

Os actos comezarán a partir das 12.00 h. n'As Chavolas-Ventosela (Ribadavia) co develamento dunha placa na casa natal do poeta, trala cal o profesor Xesús Alonso Montero e Manuel García Montero (alcalde de Cenlle) pronunciarán unhas palabras en lembranza do autor de O clamor da eclipse (Espiral Maior).

Posteriormente presentarase, ás 13.15 h. na Casa da Cultura de Ribadavia, Poesía Galega toda, I e II, editado polo PEN Clube e onde se recolle toda a obra competa de Gómez Alfaro. Tomarán a palabra durante o acto Luís González Tosar, presidente do PEN Clube; Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia; e Román Raña, encargado da edición. Seguiralle á presentación un recital poético-musical a cargo de Miro Villar, Ramón Nicolás, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Miguel Anxo Fernán Vello, Helena de Carlos e Víctor Campío entre outros.

Rematarase este acto de lembranza coas intervencións de Francisco López-Barxas, Director Xeral de Creación e Difusión da Cultura, e do alcalde de Ribadavia Marcos Blanco Jorge.

 

 

Arriba

 

culturagalega.org ofrécenos a posibilidade de viaxar virtualmente pola Costa da Morte mentres lemos os poemas que compoñen De Pondal ao Batallón literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte

A poesía da Costa da Morte no Google Earth

 

(18-Setembro-2009)

 

A poesía da Costa da Morte en Google Earth O soportal culturagalega.org pon ao dispor dos internautas unha versión xeográfica para Google Earth do libro De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte, publicado en papel por Sotelo Blanco e a Asociación Neria baixo a edición de Modesto Fraga e Miro Villar.

Utilizando os recursos que ofrece Google Earth, podemos achegarnos virtualmente ata os lugares relacionados cos poemas que compoñen esta antoloxía poética. Deste xeito, mergullámonos na praia do Rostro mentres lemos A televisión de María Lado, sentámonos no cabo Touriñán ao carón de Marilar Aleixandre para subir máis tarde ao Monte Neme seguindo a pegada literaria de Xosé Manuel Varela, así ata completar as vinte e oito paradas desta viaxe poética pola Costa da Morte.

[Máis información na web de culturagalega.org]

 

 

Arriba

 

A exposición poderase visitar na Casa da Cultura ata finais deste mes

A obra e o pensamento de Vicente Risco en Monforte de Lemos

 

(18-Setembro-2009)

 

Europa en Vicente Risco O pasado mércores inaugurouse na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Monforte de Lemos a exposición Europa en Vicente Risco. Esta mostra está promovida pola Fundación Vicente Risco e conta coa colaboración da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ademais da da Delegación de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.

Europa en Vicente Risco repasa de maneira cronolóxica a carreira do autor en relación cos sucesos máis importantes da súa época, dende as vangardas artísticas ata a evolución dos fascismos. Tamén sitúa o pensamento de Risco en relación con Europa e explica cales eran as principais liñas políticas e sociais que o ourensán ideou para unha Europa na que Galicia tiña que xogar o seu papel.

 

[Europa en Vicente Risco]

 

 

Arriba

 

O premio entregarase no transcurso da inauguración das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense

El Patito Editorial recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada

 

(18-Setembro-2009)

 

El Patito Editorial O Premio Ourense de Banda Deseñada, que é outorgado anualmente pola Casa da Xuventude de Ourense e mais a Concellaría de Cultura do Concello de Ourense para distinguir as máis importantes iniciativas e traxectorias dentro do panorama da banda deseñada galega, recae este ano 2009 en El Patito Editorial, polo seu labor na publicación de cómic e por dar nel especial cabida aos autores galegos e á edición en lingua galega, aínda que sen se pechar a outros autores e linguas.

O Premio será entregado no transcurso da inauguración das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, o próximo 1 de outubro. Sen dotación económica, o galardón é un trofeo deseñado expresamente para cada edición polo artista plástico Manolo Figueiras.  

Nacida en outubro de 2007, El Patito Editorial está dirixida por Gemma Sesar e Fausto Isorna e ten como obxectivos principais publicar autores galegos, tanto en galego como en castelán; recuperar as obras clásicas da Banda Deseñada galega, e, ademais, publicar obras de autores españois e internacionais. No seu catálogo figuran, así, recuperacións de clásicos como Dudi, e recompilacións da obra dispersa de autores como Primitivo Marcos, Norberto Fernández, Fran Bueno ou Emma Ríos. Entre as súas publicacións están os dous últimos premios Castelao de Banda Deseñada convocados pola Deputación da Coruña: Aventuras de Cacaeuqui, de Jacobo Fernández Serrano, e Mensaxes, de Mariano Casas. Ademais, é intención dos editores traducir toda a obra de Miguelanxo Prado a galego. Son ademais promotores da revista Galimatías, dirixida ao público xuvenil. Tamén comercializan en DVD o documental 35 anos de historieta galega, dirixido polos propios promotores de El Patito.

O Premio Ourense de BD chega así á súa vixésima edición. Até o de agora, foron galardoados co Premio Xaquín Marín, Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais, Miguelanxo Prado, A Nosa Terra, o equipo creativo de «A Familia Perpetua» (Carvalho, Héitor e Robledo), a Deputación da Coruña, a Biblioteca Club 33 de Santiago, Fausto Isorna, o programa Xabarín Club, o Festival Viñetas desde o Atlántico, Fran Jaraba, a Deputación de Lugo, o Consello da Cultura Galega, a revista Golfiño, Pepe Carreiro, o Colexio de Arquitectos de Galicia, a revista BD Banda, a Libraría Paz, o Colectivo Polaqia e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

 

 

Arriba

 

A publicación está dirixida por Craig Patterson e Helena Miguélez

Publícase vía web o primeiro número de Galicia 21. Journal of Contemporary Galicia Studies

 

(18-Setembro-2009)

 

Galicia 21 Craig Patterson, dende a Universidade de Cardiff, e Helena Miguélez, dende a de Bangor, son os responsables de Galicia 21. Journal of Contemporary Galician Studies, unha publicación virtual de carácter anual en galego e en inglés no que se abordarán diferentes aspectos culturais de Galicia.

Integran o comité editorial profesionais procedentes de universidades europeas e americanas e incorporan ao primeiro número, recén publicado, artigos de Burghard Baltrusch, Anxo M. Lorenzo, Roberto Pascual, María do Cebreiro, María Reimóndez e Miguel-Anxo Murado. Completan este número unha entrevista con Domingo Villar e unha serie de recensións de libros. Dende o comité de edición están abertos a futuras contribucións en forma de traballos xurdidos baixo un alicerce galego.

[Nº 1 de Galicia 21. Journal of Contemporary Galicia Studies]

 

 

Arriba

 

O guionista da obra Felipe Hernández Cava recibiu o premio como 'Mellor guión'

O álbum As serpes cegas, publicado por BD Banda, premiado como mellor obra do Estado

 

(18-Setembro-2009)

 

As serpes cegas Dolmen, editorial especializada en banda deseñada e organizadora dos premios da crítica nesta modalidade, fixo público o pasado martes na cerimonia de clausura das Xornadas de cómic de Avilés os resultados da IX edición dos premios da crítica.

As serpes cegas, do mallorquín Bartolomé Seguí e do madrileño Felipe Hernández Cava optaban a recibir os galardóns a “Mellor obra nacional”, “Mellor debuxante nacional” e “Mellor guionista nacional”. Finalmente As serpes cegas -primeiro álbum editado en solitario por BD Banda- foi considerada como mellor obra do Estado. Pola súa banda, Felipe Hernández Cava levou o galardón ao mellor guión.

 

 

Arriba

 

O día 29 de setembro Daoud Hari pronunciará unha conferencia no CGAC

Os tradutores galegos homenaxearán a Marilar Aleixandre no Día Internacional da Tradución

 

(18-Setembro-2009)

 

Marilar Aleixandre Representantes da Escola de Tradución da Universidade de Vigo, da Asociación Galega de Tradutores e da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación reuníronse co director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, co obxecto de definir os últimos detalles dos actos conmemorativos do Día Internacional da Tradución, que se celebrará o próximo 30 de setembro.

Ese día a Asociación de Tradutores Galegos homenaxeará a Marilar Aleixandre pola súa traxectoria como tradutora e o que significa, neste eido, para a cultura galega e a súa integración na vangarda intelectual do mundo contemporáneo.

Na mesma xuntanza anunciouse a presenza de Daoud Hari, recoñecido intérprete no conflito bélico de Darfur, quen pronunciará unha conferencia o día 29 no salón de actos do CGAC verbo da súa experiencia e abordará cuestións relativas a súa obra Eu fun tradutor en Darfur, con versión en 12 idiomas. Asemade, trala concreción destes feitos englobados nos actos do Día Internacional da Tradución, abordáronse asuntos relativos á materialización de proxectos que apoien e impulsen a actividade tradutora en Galicia.

 

 

Arriba

 

O 19 de setembro en Betanzos. Intervirán os poetas Lucía Vilches, Óscar de Souto, Carmen Corral, Antón Borrazás e Begoña Picón

A Asociación O.L.C.A. organiza o Festival poético-musical Latexos

 

(10-Setembro-2009)

 

Festival poético-musical Latexos/Latidos A Asociación Organización Literario-Cultural Amencer (O.L.C.A.) organiza o Festival poético-musical Latexos que terá lugar o vindeiro sábado 19 de setembro en Betanzos.

Os poetas confirmados para o evento son Lucía Vilches, Oscar de Souto, Carmen Corral Bosch, Antón Borrazás e Begoña Picón que, xunto a presentación de Braulio García Zamorano e baixo a intervención musical e Roberto Vilela e a posta en escena a cargo de Macanucci, ofrecerán aos asistentes un recital poético que fusionará música ambiental, música instrumental e poesía de autor recitada en directo polos propios autores.

No transcurso do Festival presentarase Latexos-Latidos, o primeiro libro publicado pola Asociación O.L.C.A. cunha escolma poética selecta deses cinco autores membros de dita Asociación.

O Festival dará comezo ás 21.00 h. no Auditorio de Betanzos con entrada de balde ata completar aforo.

 

 

Arriba

 

O premio está convocado pola Entidade Local de Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos

Carmen Caramés e Elvira Riveiro e Silvia Penas, gañadoras da segunda edición do Victoriano Tobío de Poesía

 

(08-Setembro-2009)

 

Victoriano Taibo García A segunda edición do premio de poesía Victoriano Taibo, convocado pola Entidade Local de Morgadáns e o Instituto de Estudos Miñoranos, recaeu ex aequo e por unanimidade do xurado nos poemarios Cuarto minguante de Carmen Caramés e Biografía da multitude de Elvira Riveiro e Silvia Penas.

O xurado, formado por Marta Dacosta, Araceli Gonda e Gonzalo Navaza e completado -con voz e sen voto- por Urbano Esmerode e Miguel Anxo Mouriño destacaron de Cuarto minguante que se trata dun poemario sobre "a dor dunha nai frustrada pola morte prematura do seu fillo, a quen invoca e recorda  con altura poética e sinceridade" ademais de salientar a aparición de "algúns momentos de clímax nos que a emotividade se apodera do lector".

Pola súa banda, o xurado valorou de Biografía da multitude a súa "vontade de crítica ao sistema e a de construción estrutural mediante a articulación dos poemas e dos textos en prosa poética para darnos unha visión deste presente que é, en realidade, un abismo que separa o pasado do futuro" xunto ao anhelo de "procurar a nosa reflexión".

A esta segunda edición presentáronse 45 orixinais, dos que nunha primeira xuntanza do xurado seleccionáronse seis. O premio consistente, ademais da dotación económica, nunha escultura conmemorativa realizada polo artista miñorán Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos denominada Colección Victoriano Taibo, será entregado no marco dun acto que terá lugar en Morgadáns a mediados de novembro para homenaxear a figura de Victoriano Taibo e reivindicar o seu labor literario e cultural.

 

 

Arriba

 

Do 15 ao 18 de setembro

Re-escribindo a Cabanillas, novas visións sobre o poeta do Salnés

 

(06-Setembro-2009)

 

Re-scribindo a Cabanillas A Rede de Dinamización da Sociedade da Información e o Centro Comarcal do Salnés únense neste Ano Cabanillas en Re-scribindo a Cabanillas, unha iniciativa que ten como finalidade o emprego das novas tecnoloxías para a creación dunha nova composición artística a partir de distintos poemas de Cabanillas e onde cada un dos participantes ofrecerá a súa persoal visión da obra do poeta.

O obradoiro terá unha duración de 6 horas, distribuídas en 4 sesións de hora e media cada unha entre os días 15 e 18 de setembro e cos distintos traballos farase unha montaxe para o seu visionado público.

Nesta iniciativa poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, teñan máis de 16 anos e conten con coñecementos informáticos básicos.

 

 

Arriba

 

Na reunión mantida tratouse o desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia

A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura e Deporte potenciarán a presenza do libro galego nas Feiras internacionais

 

(06-Setembro-2009)

 

Impulso libro galego nas feiras internacionais O Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura anunciou o pasado venres, tras a reunión mantida tanto con Alfonso G. Sanmartín, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), como con outros representantes do sector en Galicia, a creación dun grupo de traballo que deseñará as liñas estratéxicas para impulsar o sector do libro tanto en Galicia como nas citsa internacionais máis importantes.

Deste xeito, acordouse establecer unha actuación coordinada que potencie a imaxe de Galicia e facilite o achegamento dos axentes internacionais do mercado do libro, na súa forma tradicional e nos novos formatos. Segundo esta liña estratéxica, a Consellería de Cultura e Turismo apoiará a presenza de Galicia nas feiras de Frankfurt e no Líber, en outubro deste ano, e na de Guadalajara (México) nos últimos días de novembro e primeiros de decembro.

Con vistas ao próximo exercicio de 2010, Francisco López confirmou que está programada a asistencia á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, outra viaxe promocional a Buenos Aires, e no derradeiro trimestre acudir de novo os compromisos de Líber, Frankfurt e Guadalajara. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura comprometeuse neste acto “non só a incrementar o esforzo para integrar o libro galego no eido internacional, senón mesmo melloralo dentro dos seus medios para unha eficaz e duradeira mellora nos índices de lectura e uso da nosa produción editorial”.

No encontro mantido entre Consellería e a AGE abordouse tamén a importancia fundamental de impulsar aspectos relativos á plasmación práctica de ideas, especialmente as referidas ao desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, co obxectivo claro de que o sector incremente substancialmente a súa solidez en base aos parámetros de calidade e profesionalidade acadados até agora. Co obxectivo de canalizar esta proposta, constituirase un grupo de traballo que abordará 28 puntos básicos para o crecemento do mundo editorial de Galicia, relativos á promoción de obras galegas, mercados de dereitos ou competitividade internacional.

 

 

Arriba

 

Os días 3, 4, 10, 11, 17 e 18 de setembro

A Casa Museo Emilia Pardo Bazán acolle as Xornadas Contra vento e marea. Palabras e pegadas dos feminismos

 

(03-Setembro-2009)

 

Contra vento e marea. Palabras e pegadas dos feminismos A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá da Coruña, Margarida Vázquez, presentou o pasado 1 de setembro as Xornadas Contra vento e marea. Palabras e pegadas dos feminismos, unha serie de conferencias, debate, teatro, danza e diversas intervencións artísticas que se desenvolverán os días 3, 4, 10, 11, 17 e 18 de setembro, organizadas pola Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e financiadas pola Concellería e a Deputación da Coruña.

O lema  Contra vento e marea fora elixido por Emilia Pardo Bazán para reivindicar o seu compromiso co traballo intelectual, tendo en conta as evidentes trabas da época. É o momento de pór en valor o legado da Condesa na actualidade, unha figura recoñecida pola súa defensa na debatida cuestión da educación das mulleres. Así, nestas xornadas intentarase manter esta mesma pulsión de liberdade, recollendo o testemuño do espírito aberto e transgresor da primeira muller catedrática da Universidade española.

As xornadas propoñen un achegamento ás cuestións de xénero a través de dous bloques temáticos, pioneiras e anónimas e feminismo(s), facendo un percorrido dende as primeiras loitas feministas do século XIX ata a actualidade, con especial fincapé no ámbito galego, intentando mostrar unha panorámica ampla e plural (teoría, activismo, literatura, arte) por medio de conferencias, debates, teatro, danza e intervencións artísticas na rúa. As xornadas contan coa dirección e coordinación de Xulia Santiso e Anxela Caramés e serán gratuítas e de acceso libre. Expedirase 1 crédito académico de libre configuración, que se está tramitando coa Universidade da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Por estas xornadas pasarán, entre outras, María Reimóndez, María Xosé Queizán, Carmen Branco, María Jesús Busto Fariña, Carme Nogueira, ...

[Descargar o Programa das Xornadas 'Contra vento e marea']

 

 

Arriba

 

Do 2 ao 20 de setembro

Siro López inaugura en Culleredo a súa exposición A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro

 

(03-Setembro-2009)

 

Exposición de Siro López en Culleredo Siro López inaugurou onte na sala de Exposicións "Xosé Rey Lago" dos Muíños de Acea de Ama, en Culleredo unha exposición con máis dun centenar de caricaturas sobre os acontecementos máis sobresaíntes da historia da Autonomía Galega, os feitos que definiron esta etapa, e os seus persoeiros protagonistas.

A mostra, organizada pola Deputación da Coruña, recolle unha selección das viñetas que Siro López publicou no xornal “La Voz de Galicia” desde 1985 ata 2006. Trátase, pois, dun percorrido, en clave de humor, pola historia máis recente de Galicia. Nesta exposición Siro López, a través da súa xenial pluma, ofrécenos na súa particular visión en clave de sátira intelixente, do acontecer en Galicia nos últimos 25 años.

A exposición compleméntase coa edición dun catálogo que, sen dúbida, é unha peza bibliográfica de gran valor. Ademais das reproducións das caricaturas de Siro, inclúe a excepcional colaboración de destacados persoeiros da vida política, xornalística, cultural e académica galega, admiradores do enxeño de Siro, da súa especial capacidade para interpretar a historia humorísticamente. Entre os seus colaboradores  pódense citar  ao ex alcalde coruñés, e actual embaixador de España preto da Santa Sede, Francisco Vázquez; o presidente da Corporación Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o catedrático Ramón Maiz, e o politólogo, Xosé Luis Barreiro.

A exposición permanecerá aberta ata o 20 de setembro.

 

 

Arriba

 

O acto está organizado conxuntamente pola Asociación Xermolos e a Fundación Manuel María

Outeiro de Rei homenaxeará un ano máis a Manuel María no seu cabodano

 

(03-Setembro-2009)

 

Memoria da Chaira enteira A Asociación Xermolos e a Fundación Manuel María organizan, un ano máis, o día da Memoria da Chaira Enteira, conmemorando a data do cabodano do escritor e poeta Manuel María nunha xuntanza cultural e de irmandade que se celebra cada 8 de setembro en Outeiro de Rei.

A xornada comezará cun xantar ás 15.00 h. (os interesados en asistir deben chamar ao teléfono 646413890). Ás 17.00 h. recitaránse poemas de Manuel María en Pena de Rodas. Tras o mesmo, os asistentes desprazaránse ata o Cemiterio no Campo de Santa SAbela, ao carón do Miño, onde se depositará unha ofrenda floral na tumba de Manuel María. Como remate, terá lugar o rito da navalla e un recital de poesía e música en Santa Sabela, coa interpretación da obra de Manuel María por Miro Casabella, Mini e Mero e Tino Baz entre outros.

 

 

Arriba

 

» Culleredo presenta un outono cheo de letras

» Dan comezo ás XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense

» A banda deseñada galega chega ata Bruxelas

» Xornada homenaxe dedicada a Xohana Torres

» Lugo converterase en capital da literatura de tradición oral galega

» Daniel Montero Coira, gañador da V edición do premio de banda deseñada  Castelao

» A Consellería de Cultura e Turismo porá en marcha no transcurso desta  lexislatura a creación de vilas literarias

» Ribadavia lembra ao poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro

» A poesía da Costa da Morte no Google Earth

» A obra e o pensamento de Vicente Risco en Monforte de Lemos

» El Patito Editorial recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada

» Publícase vía web o primeiro número de Galicia 21. Journal of  Contemporary Galicia Studies

» O álbum As serpes cegas, publicado por BD Banda, premiado como mellor  obra do Estado

» Os tradutores galegos homenaxearán a Marilar Aleixandre no Día  Internacional da Tradución

» A Asociación O.L.C.A. organiza o Festival poético-musical Latexos

» Carmen Caramés e Elvira Riveiro e Silvia Penas, gañadoras da segunda  edición do Victoriano Tobío de Poesía

» Re-escribindo a Cabanillas, novas visións sobre o poeta do Salnés

» A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura e Deporte  potenciarán a presenza do libro galego nas Feiras internacionais

» A Casa Museo Emilia Pardo Bazán acolle as Xornadas Contra vento e  marea. Palabras e pegadas dos feminismos

» Siro López inaugura en Culleredo a súa exposición A Autonomía Galega nas  caricaturas de Siro

» Outeiro de Rei homenaxeará un ano máis a Manuel María no seu cabodano

 

Novas Setembro 2009