|
Os
días 21 e 22 de novembro
Eu
ou nós? Encontro de novos escritores no castelo
de Santa Cruz de Oleiros
(27-Outubro-2009)
A
Asociación de Escritores en Lingua Galega
(AELG) convoca para os días 21 e 22 de novembro
no castelo de Santa Cruz (Oleiros) unha nova edición
dos tradicionais encontros de novos escritores.
Este evento será un espazo para o diálogo sobre os
camiños que as novas letras galegas están a tomar na escena do noso
sistema literario. Este ano, dende a AELG queren asumir as potencialidades que
as tecnoloxías da información poñen ao dispor da cidadanía para tentar
multiplicar as posibilidades de diálogo así como a divulgación dos
asuntos a debate.
As
xornadas dividiranse en catro mesas. Na primeira
delas, moderada por María Xesús Nogueria,
intervirán, baixo o tema A literatura
(auto)referenciada Iolanda Zúñiga,
Inma López Silva e Alberto Lema. Na segunda
mesa intervirán sobre Noticias da poesía
última Alicia Fernández, Andrea
Núñez e Gonzalo Hermo coa coordinación
de Elvira Riveiro Tobío.
Na
xornada do día 22, baixo o título
de (Auto)edición: a mirada do libro de
autor/a compartirán mesa Carlos Vinagre,
Baldo Ramos e Uqui Permui, intervindo como coordinadora
Antía Otero. Para finalizar as mesas deste
Encontro os escritores María Lado, Estíbaliz
Espinosa e Sechu Sende, baixo a moderación
de Francisco Castro, disertarán sobre o tema
O peso da nación.
Os
actos rematarán nesta segunda xornada cun
recital poético-musical na Fundación
Luís Seoane.
Este
Encontro presencial está a ser
prologado por un blogue específico en que as/os relatoras/es adiantan
as súas teses mediante documentos dixitalizados, visuais e
audiovisuais. Estes contidos preliminares, dispoñíbeis desde xa no blog EU OU NÓS? IV Encontro de nov@s escritor@s, anticipan as materias que serán tratadas nas mesas de traballo e favorecen a eficacia da reflexión.
[Blog
EU OU NÓS? IV Encontro de novo@s escritor@s]
[Programa
do Encontro]
|
|
|
|
Con
este galardón distínguese a persoas
que destacan no campo da creación artística
e cultural
Isaac
Díaz Pardo recibe a Medalla de Ouro ao mérito
en Belas Artes
(27-Outubro-2009)
Isaac
Díaz Pardo recibiu hoxe nun acto celebrado
en Santander a Medalla de Ouro ao mérito
en Belas Artes correspondente ao ano 2008.
Creadas
en decembro de 1969, estas medallas son concedidas
anualmente polo Ministerio de Cultura e distinguen
ás persoas e entidades que destacan no campo
da creación artística e cultural ou
prestado notorios servizos no fomento, desenvolvemento
ou difusión da arte e a cultura ou na conservación
do patrimonio artístico.
Con
Isaac Díaz Pardo foi tamén galardoado
o guionista coruñés Juan Antonio Porto.
O
anuncio da concesión realizouse no pasado
mes de febreiro a proposta do entón Ministro
de Cultura César Antonio Molina.
|
|
|
|
En
Cambados do 26 ao 30 de outubro
A
asociación Candea organiza as II xornadas
'Cabanillas na escola'
(25-Outubro-2009)
Mañá
dan comezo as II xornadas Cabanillas na escola
que se celebrarán no I.E.S. Ramón
Cabanillas de Cambados ao longo da vindeira semana.
Estas
xornadas, organizadas por Candea (Asociación
de Ensinantes do Salnés) coa colaboración
da
Consellería de Educación, ten como
obxectivos reunir as experiencias realizadas sobre Ramón Cabanillas nos distintos centros de ensino durante o 2009,
ano no que se celebra o cincuenta aniversario do
pasamento do poeta cambadés.
Entre
os aspectos sobre os que se afondarán nos
próximos días están a actualización didáctica do profesorado,
presentar novos materiais e experiencias, fomentar o intercambio entre os profesores e profesoras,
ofrecer ao profesorado recursos diversos para traballar nas aulas
e o de difundir o coñecemento dos recursos que ofrece a obra e a persoa de Ramón Cabanillas para traballar no ensino.
Para levar a cabo dito programa están planificadas
unhas conferencias a cargo da profesora Esperanza
Mariño sobre o traballo de Ramón Cabanillas
como tradutor e do membro da Real Academia Galega
Francisco Fernández Rei titulada Ramón
Cabanillas, a construción dunha patria e
dunha lingua.
Ao longo das xornadas tanto Candea como os diferentes
centros de ensino participantes no proxecto compartirán
experiencias didácticas sobre os programas
levados a cabo. As xornadas rematarán o venres
cun roteiro sobre o Salnés de Cabanillas,
levado a cabo por Manuel Núñez Pérez.
Os
interesados en asistir a estas xornadas deberán
aboar 10 euros en concepto de inscrición
que se realizará o primeiro día. Para
os participantes no proxecto será de balde.
|
|
|
|
O
texto, de 1944, examina o significado de Palestina
a través das vicisitudes da historia
Olivia
Rodríguez atopa un inédito de Vicente
Risco sobre o significado de Palestina
(23-Outubro-2009)
A
profesora e investigadora da Universidade da Coruña
Olivia Rodríguez González ven de atopar
un texto inédito do escritor ourensán Vicente Risco
levado a cabo pola profesora Olivia Rodríguez González. A descuberta
se trata dun texto histórico-descritivo, escrito en
castelán e datado en 1944, que, desde unha concepción cristiá dos fundamentos
de Occidente, arredor do centro simbólico que é Xerusalén para as tres
relixións monoteístas, examina o significado de Palestina a través das
vicisitudes da historia, e agoira posibles futuros para a supervivencia nesas
datas cruciais da que Risco considera “Terra Santa” por antonomasia. A derrota
alemá na 2ª Guerra Mundial xa se albiscaba daquela, e o autor propón unha saída
diplomática para a pacificación dun territorio no que a España, segundo el, podía ter un papel importante.
Olivia
Rodríguez González é profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada
así como investigadora de Filoloxía na Universidade da Coruña, alén de ser
membro do padroado de Vicente Risco. A súa obra tense caracterizado pola
investigación do escritor e intelectual ourensán.
Entre a súa produción e labor investigador sobre Risco destacan Estética e teoría
da cultura en Vicente Risco (Galaxia), Vicente Risco: escritor,
etnógrafo e ideólogo do galeguismo (Ir Indo) amais
dunha inxente cantidade de artigos e publicacións aparecidas
en diferentes revistas e medios de comunicación.
|
|
|
|
En
1991 Anisia Miranda e o seu home, Xosé Neira
Vilas, pasan a residir en Gres (Vila de Cruces)
Falece
repentinamente a escritora galegocubana Anisia Miranda
(22-Outubro-2009)
No
día de hoxe producíuse o repentino pasamento de Anisia Miranda Fernández,
vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas, escritora e dona de Xosé Neira
Vilas. O velatorio lévase a
cabo no Salón de Actos da Fundación Xosé Neira Vilas, e mañá venres 23
terá lugar o sepelio na igrexa parroquial de Santiago de Gres que se
realizará na máis estrita intimidade.
Anisia
Miranda naceu o 30 de decembro de 1932 na cidade cubana de Ciego de Ávila.
Filla
de emigrantes galegos, cando era unha meniña seus pais e ela
trasladáronse a unha arredada zona campesiña. Traballaban unha pequena
finca. non había escola, e para que puidese estudar mudáronse para a
cidade da Habana cando ela tiña nove anos. Rematou o ensino primario e
estudou logo Maxisterio, e máis tarde xornalismo, para o que tiña unha
moi definida vocación. Con doce anos publicou o seu primeiro traballo
na prensa. E pouco despois escribiría o seu primeiro conto para nenos.
En
1953 trasladouse cos seus pais a Buenos Aires. Vencellouse ás
actividades culturais galegas. En 1954 coñeceu a Xosé Neira Vilas.
estudaron xuntos xornalismo. Casaron en 1957, ano en que fundaron
"Follas Novas", unha organización editorial e distribuidora do libro en
galego en América. Incorporáronse ambos a un seminario permanente para
escritores. Colabora na prensa arxentina. na prensa galega de Buenos
Aires publica o seu primeiro artigo en lingua galega en 1958. Tamén dá
a coñecer por esas datas poemas de autores latinoamericanos traducidos
á nosa lingua. Asiste a conferencias, exposicións de pintura e actos
patrióticos galegos. Vive moi de cerca o Primeiro Congreso da
Emigración, velebrado en 1956, e reúne a máis ampla información
documental sobre o mesmo. En "Follas Novas" anima as tertulias
sabatinas que se levan a cabo con xoves galegos e arxentinos de
ascendencia galega. Coméntanse libros chegados de Galicia, lense
poesías e narracións e debátense problemas diversos relacionados co
noso país.
Asistiu
ás clases de lingua galega de Eduardo Blanco Amor, e tamén ás de
Historia, Xeografía, Litaratura e Economía de Galicia que impartían,
respectivamente, Alberto Vilanova, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste e
Antonio Baltar. Anisia e
Xosé Neira foron discípulos, compañeiros e amigos dos mencionados e tamén de
Laxeiro, Emilio Pita, Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Lorenzo Varela
e outros.
Co selo editorial de "Follas Novas" publica, en 1960, o seu primeiro libro, un poemario titulado Esta es Cuba, hermano.
En
1961 Anisia e Neira trasládanse a Cuba, onde triunfara unha revolución
popular. Traballou no Consello Nacional de Cultura como redactora da
revista Pueblo y cultura, ó tempo que
colaboraba noutras publicacións periódicas. Escribiu programas de
radio. Foi coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e
adolescentes. Máis tarde sería nomeada a xefa de redacción do semanario
infantil Pionero. Co-fundadora e xefa de redacción da revista para nenos Zunzún, dende 1980, e Bijirita,
dende 1986. A primeira cunha tirada mensual de 25.000 exemplares e a
segunda (para nenos que aínda non len ou comezan a ler) de 300.000.
creou un estilo moi persoal de xornalismo para nenos e nenas.
Tras
xubilarse en 1991, ela e o seu marido radicáronse en Galicia. En Gres
(Vila de Cruces), aldea
natal de Neira, creouse a Fundación Xosé Neira Vilas, e Anisia vén
participando arreo nas actividades do Centro Cultural que alí se
estableceu: catalogou os libros infantís, puxo en marcha un sistema
deselección por parte dos lectores e de rexistro de préstamos a
domicilio, atendeu persoalmente a biblioteca nos primeiros tempos,
organizou o museo etnográfico e toma parte activa nos programas
culturais que se levan a cabo: exposicións, concertos, charlas,
encontros, funcións de teatro, etc. Ademáis vense desempeñando como
xurado nos premios "Arume" e "Estornela" de poesía e teatro
respectivamente. É vicepresidenta da Fundación.
De
algúns dos seus libros lévanse publicado milleiros de exemplares. Parte
da súa obra está traducida a outras linguas. Narracións súas foron
incluídas nunha selección de literatura universal para nenos publicada
en Bratislava pola editorial Wlade Letá, en 1985.
Anisia
Miranda recibiu, entre outras, as seguintes distincións:
Medalla Ho Chi Minh; Orde da Amizade, outorgada polo Consello de Ministros da República Socialista de Vietnam;
En tres ocasións, o Premio Nacional de Teatro Infantil e Xuvenil, en Cuba, por outras tantes pezas teatrais;
Premio de Narrativa (Cuba) polo seu libro Becados;
Premio Nacional de Literatura para nenos polo libro Los cuentos del Compay Grillo (Unión Nacional de Escritores, Cuba);
Medalla "Raúl Gómez García" (Sindicato de Traballadores da Cultura, Cuba);
Medalla Por la Cultura Nacional (Ministerio de Cultura, Cuba);
Membro de Honra de Asociacións de emigrantes da Arxentina e de Suiza;
ou é recoñecida como filla adoptiva do Concello de Vila de Cruces.
[Biografía
de Anisia Miranda tomada da web da Fundación
Xosé Neira Vilas]
|
|
|
|
Organizada
polas asociacións Monte Branco e Monte d'Arxa,
terá lugar o 25 de outubro
Outono
da lingua en Cerqueda
(22-Outubro-2009)
As asociacións malpicás
Monte Branco e Monte d'Arxa organizan, para o vindeiro
domingo 25 de outubro, o "Outono da Lingua en Cerqueda"
no local sociocultural das Pozacas (Cerqueda-Malpica),
onde se poñerá fin ao proxecto "A
regueifa en Cerqueda. Lembrando a Celestino Álvarez".
Nun
evento na que a lingua será a gran protagonista,
os actos comezarán ás 16.00 h. no salón de actos,
onde está prevista a presentación do xogo interactivo e do libro O
regueifeiro Celestino Álvarez Castro, "Celestrino". O lado máis festivo
terá lugar ás 18.00 h. baixo as tres carpas instaladas na
polideportiva das Pozacas onde se combinará un magosto coa regueifa e
o baile. O grupo Trastes de Cances pechará a xornada.
Os
asistentes poderán visitar, no centro das Pozacas,
unha mostra bibliográfica con publicacións nacidas na parroquia de Cerqueda,
que temén estarán á venda.
|
|
|
|
Aínda
sen nome fixado, terá lugar os días
28 e 29 de novembro
Sen
Cultur.gal, a Concellería de Cultura da Coruña
propón a súa propia Feira de creación
cultural para toda Galicia
(20-Outubro-2009)
Tras
rexeitar a nova Consellería de Cultura a
organización dunha nova edición do
Cultur.gal, onde pasaron o pasado ano 40.000 persoas nos
catro días que
durou a Feira, a Concellería de Cultura da Coruña propón
a creación dunha Festa ou Feira de creación
cultural.
Aínda
sen nome definido, esta Feira terá lugar
na última fin de semana de novembro (os días
28 e 29). Dende a propia Concellería de Cultura
da Coruña pretenden que sexa unha Festa onde a cidadanía se sinta parte
da mesma.
Un
dos obxectivos que se promoven dende a Concellería
é que a mesma abarque produtos e
traballos de todo o sector cultural: editorial, audiovisual, produtoras musicais, artes escénicas...
Así como actuacións musicais, teatro, monólogos,
obradoiros para nenos ou para adultos, etc
A
Concellería de Cultura da Coruña abre
á cidadanía a posibilidade de participar
na mesma recollendo suxestións para o nome
desta Feira de creación cultural. Pódense
enviar as suxestións ao correo electrónico
cultura@coruna.es
|
|
|
|
Desempeñaba
as funcións de arquiveiro-bibliotecario dende
o ano 1993
Finou
o académico da Real Academia Galega Antonio
Gil Merino
(20-Outubro-2009)
O
pasado domingo, día 18 de outubro, produciuse na Coruña o falecemento de Antonio Gil Merino, académico de número da Real
Academia Galega, da que formaba parte
desde 1975 e da que foi arquiveiro-bibliotecario durante doce anos. Os
seus restos foron trasladados onte ao Cemiterio
Municipal de San Amaro da Coruña.
Gil
Merino naceu en Castrillo de Villavega (Palencia)
no ano 1916. En 1944 foi destinado á Biblioteca Pública de Lugo
e no ano 48 ocupou o cargo de Xefe do Arquivo da Delegación de Facenda de
Lugo. Gil Merino estableceu en Lugo a Biblioteca Pública Provincial
Unificada, resultado da unión nunha soa entidade da antiga
biblioteca da Deputación e a creada polo Estado, co que conseguiu crear
unha das mellores bibliotecas de Galicia. Case un ano despois foi
nomeado Director do Centro Coordinador de Bibliotecas de Lugo co fin de
fomentar a cultura a través do libro. Grazas a este organismo creáronse
bibliotecas municipais nas vilas e localidades máis importantes da
provincia, sempre coordenadas polo mencionado Centro que se encargou da
ordenación, catalogación e formación do persoal. En 1951 foi nomeado
Director do Arquivo Histórico Provincial creado grazas á súa iniciativa.
Foi tamén Director do Arquivo Histórico do Reino de Galicia, por concurso de méritos e da Casa de Cultura.
En 1954 ingresou na Real Academia Galega como académico
correspondente e o 13 de decembro de 1975 leu o discurso de
ingreso como membro numerario: La obra del Dr. D. Juan Francisco de Castro en la cultura gallega del siglo XVIII, que
foi contestado en nome da institución por Enrique Chao Espina. Desde o
ano 1977 desempeña o cargo Arquiveiro-Bibliotecario da institución,
labor que xa viña exercendo desde o falecemento de Juan Naya en 1993.
|
|
|
|
Presentáronse
un total de 41 orixinais
Manuel
Lourenzo, Xosé A. Neira Cruz, Ignacio Vilariño
e Begoña García, gañadores
dos premios para textos teatrais da AGADIC
(19-Outubro-2009)
Esta
mañá deuse coñecer, no transcurso
do acto de apertura da XVII Feira
Galega das Artes Escénicas, os nomes dos autores recoñecidos este ano
cos premios literarios que convoca a AGADIC para textos teatrais.
Manuel Lourenzo, coa obra Flores de Dunsinane, é o gañador da edición 2009 do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais. Xosé A. Neira
Cruz alzouse co Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo
texto Sopa de xarope de amora, mentres que o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques recaeu en Ignacio Vilariño por Auga que non vas beber..., na modalidade para adultos, e en Begoña García por Bon appétit, na categoría de teatro para rapaces. As catro obras gañadoras foron elixidas de entre o total de 41
orixinais que optaban este ano aos premios literarios. Ademais de por Blanca Ana Roig como presidenta, o
xurado da edición 2009 estivo integrado por Xosé Ramón Fandiño, Eduardo
Alonso, Teresa González Costa, Jorge Rey e Gustavo Pernas Cora como
vogais. Coa concesión do XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais á obra Flores de Dunsinane,
distínguese a un dos grandes nomes da nosa escena, Manuel Lourenzo. O xurado destacou do texto gañador o seu ritmo, así como "o emprego
dunha linguaxe rica, poética e expresiva dramaticamente". En Flores de Dunsinane, Lourenzo reinterpreta o Macbeth
de Shakespeare, centrando o argumento en Fleance, fillo de Banquo. O
compañeiro de armas de Macbeth, a quen este mandara asasinar, emprega a
súa astucia para chegar a rei de Escocia e agora, vello e moribundo,
recibe a visita dos seus antecesores, os Macbeth, cos que revive o
reinado sanguento destes. O IV Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para Sopa de xarope de amora,
de Xosé A. Neira Cruz, quen obtén por segundo ano consecutivo un dos
premios literarios convocados pola AGADIC, despois de que a súa obra O punto da escarola fora recoñecida en 2008 co Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de teatro para rapaces.
Sopa de xarope de amora é, segundo o ditame do xurado, "unha
comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos
que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha
atmosfera que estimula a imaxinación". No fallo destácase, así mesmo, a
boa resolución dramática tanto dos personaxes coma dos escenarios onde
se desenvolve a acción. Canto ao VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Auga que non vas beber...,
de Igancio Vilariño Sanmartín, foi a obra galardoada na categoría de
teatro para adultos. Neste caso, o xurado valorou a axilidade e a
ironía dun texto que "entronca co teatro de Cachiporra na tradición de
Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste". Na modalidade de teatro para rapaces, o Barriga Verde recaeu en Begoña García con Bon appétit,
que o xurado define como "unha peza de estrutura clásica que ofrece un
canto á gastronomía", na que están "moi ben aderezados" os ingredientes
dramáticos e culinarios, ademais de adaptarse perfectamente ao teatro
de monicreques.
Segundo establecen as bases, os textos poderán ser publicados pola
AGADIC nalgunha das coleccións dramáticas que mantén abertas en
colaboración con diferentes editoriais galegas.
|
|
|
|
O
xurado destacou a obra como "un conto informático
no mundo das letras"
Xoán
Babarro gaña o 'Pura e Dora Vázquez'
de Ilustración
(17-Outubro-2009)
O
escritor macedán e residente na Coruña
Xoán Babarro resultou
gañador da VII edición do premio “Pura e Dora Vázquez” de narración,
por acordo unánime do xurado, reunido onte no Centro Cultural da
Deputación de Ourense, co seu traballo titulado Palabra era un
universo paralelo. Este premio é convocado anualmente pola Deputación de Ourense nas
modalidades de narración e ilustración e chega neste ano á súa sétima edición.
O xurado avaliou de maneira especial a calidade léxica do texto e a
relación coas novas tecnoloxías, chegando a definilo como “un conto
informático no mundo das letras” e que vai gañando en intensidade
segundo avanza a historia. Trátase dun traballo altamente elaborado,
cunha liña argumental claramente definida. O xurado desta edición estivo integrado por Concha Blanco (gañadora da
pasada edición), José Manuel Fernández López (educador), Xosé Paz
(pedagogo) e Antonio Piñeiro (xornalista). Como secretario oficióu o
director do Centro Cultural, Francisco González, e presidíu o xurado o
deputado de cultura, José Luis Valladares.
|
|
|
|
O
24 de outubro en no Muíño do Rañego
de Vilalba
A
Fundación Manuel María e a Asociación
Xermolos homenaxean a Xabier P. Docampo
(17-Outubro-2009)
A
Fundación Manuel María e a Asociación
Cultural Xermolos homenaxearán o vindeiro
24 de outubro ao escritor Xabier P. Docampo no Muíño
do Rañego de Vilalba.
Xabier
P. Docampo recibirirá esta homenaxe tras
serlle concedida en edicións anteriores a
Paco Martín, Manuel María e o pasado
ano en Agustín Fernández Paz. Os actos
comezarán ás 12.00 h. e contarase
coa presenza de Fina Casalderrey, Xosé Cobas, María Xesús Fernández, Agustín Fernández Paz, Antía Otero, Mercedes Queixas e David Otero
que falarán sobre a obra e traxectoria do
escritor de Rábade. A continuación
colocarase o cuarto hectómetro literario
no Paseo dos Soños que dará paso a
un xantar de irmandade no restaurante Nova Ruta
de Vilalba.
Para poder acudir ao xantar débese confirmar a presenza no teléfono
646413890. O prezo do mesmo é de 15 euros.
|
|
|
|
O
6 de novembro a partir das 18.00 h.
A
Estrada celebra a súa IV Festa da poesía,
organizada pola editorial Fervenza
(17-Outubro-2009)
O
vindeiro 6 de novembro A Estrada celebrará
a IV Festa da Poesía, que nesta edición
incorpora por vez primeira á celebración
o título de Memorial Xosé Couceiro
Bugallo, en lembranza ao poeta e músico que
finou o pasado 26 de maio.
O
acto, organizado pola editorial Fervenza en colaboración
co concello da Estrada, dará comezo ás
18.00 h. na Praza do Mercado. O pregón correrá
a cargo da poeta ourensá Celia Parra Díaz
e a Festa está aberta a todos aqueles que
desexen recitar algún poema.
Os
interesados en participar deben chamar ao teléfono
616201862.
|
|
|
|
O
gañador baseou o seu traballo na obra Doentes
de Roberto Vidal Bolaño
O
brionés Brais Rodríguez gaña
o I Certame Galego de Cómic sobre Teatro
(17-Outubro-2009)
O
ilustrador Brais Rodríguez é o gañador
do I Certame Galego de Cómic sobre Teatro,
organizado pola Asociación Cultural Entre Bambalinas,
editora da Revista Galega de Teatro.
Seguindo
as bases do certame, o gañador baseou o seu
traballo na obra Doentes de Roberto Vidal Bolaño
e presentou un traballo de 32 páxinas en
branco e negro. A Asociación Cultural Entre Bambalinas
comprometeuse a publicar nun volume a través
da Revista Galega de Teatro a obra gañadora
nos próximos meses.
Brais
Rodríguez (Brión, 1980) é licenciado
en Belas Artes pola Universidade de Vigo e é
colaborador habitual de diferentes publicacións
e fanzines como Barsowia, Carne Líquida ou
Fanzine Enfermo entre outros. A comezos deste mes
recibiu o premio Gzcrea de banda deseñada
coa obra Os
mortos.
|
|
|
|
O
45 % das empresas do sector víronse obrigadas
a reducir persoal
O
crise económica provoca unha seria preocupación
no sector gráfico galego
(14-Outubro-2009)
A Asociación
de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEAGG),
reuníronse en Asemblea
Xeral Extraordinaria para
axudar aos empresarios a reflexionar para saír da actual crise
que vive o sector.
Segundo
datos do Estudio do Sector do 2008, elaborado pola Federación
Empresarial de Industrias Gráficas de España (FEIGRAF),
en Galicia, hai actualmente 534 empresas que dan emprego a 4673
traballadores. Tras unha enquisa realizada pola AEAGG aos seus
asociados sobre o seu actual nivel de produción e cifras de
emprego os resultados demostraron que a primeira se viu diminuída
nun 30% e que un 45% das empresas reduciron persoal no que vai de
ano. A esta situación chegouse pola crise económica e
financeira mundial e polas particularidades dun sector que vai da man
da última tecnoloxía, esixe unha elevada inversión
e está altamente atomizado. Ademais, o imparable avance da era
dixital, o descenso da demanda e as restricións de crédito
contribuíron a agravar o seu estado.
Na
Asemblea organizada pola AEAGG, o presidente desta entidade, Jacobo
Bermejo, comentou: "non temos receitas para evitar as políticas
de prezos de derrubamento, que o único que fan é
empeorar a situación das empresas, nin para sacar traballo de
onde non o hai, pero como colectivo podemos buscar solucións
que axuden a buscar novos negocios e trasladar á
Administración a nosa preocupación pola falta de
financiamento que estamos a sufrir e por unha política que vai
poñer en perigo centos de postos de traballo". Bermejo
animou aos empresarios a levar a cabo un cambio no modelo de negocio
e a constituír un lobby forte e unificado para reivindicar á
Administración unhas medidas que contribuirán a
mellorar a situación do sector.
A AEAGG
trasladará as conclusións deste encontro ao presidente
da Xunta de Galicia e ao Conselleiro de Economía e Industria,
así como a creación de liñas de axuda para
proxectos de concentración empresarial e para potenciar a
saída ao exterior das empresas do país. Así
mesmo, os empresarios desexan que o sector gráfico sexa
declarado estratéxico e un plan para que este colectivo poida
afrontar con optimismo o futuro da industria gráfica, así
como os retos que se lle formulen.
|
|
|
|
O
17 de outubro no Museo do Mar de Galicia
Homenaxe
a Ramiro Fonte no cabodano do seu pasamento
(14-Outubro-2009)
O Auditorio do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acollerá o
vindeiro sábado
17 de outubro, ás 12.00 h. unha homenaxe ao poeta Ramiro Fonte con motivo do primeiro ano do seu pasamento. No acto presentaranse
tres libros: as edicións dos seus poemarios derradeiros: Reversos
(Xerais), Xardín do pasatempo (Tambre)
e a edición especial Ramiro Fonte, o libro
dos amigos,
unha obra colectiva na que os seus achegados lle renden tributo á súa
memoria humana e literaria.
Ramiro
Fonte, unha das voces poéticas máis
importantes dos últimos trinta anos, faleceu o 11 de outubro do ano pasado
en Barcelona tras unha grave doenza.
|
|
|
|
O
presidente da Asociación de Escritores en
Lingua Galega Cesáreo Sánchez, novo presidente
de Galeusca
Peche
e conclusións da XXVI edición do Galeusca
(14-Outubro-2009)
O
pasado luns rematou na localidade de Arantzazu (Gipuzcoa)
a XXVI edición do Galeusca que reuniu entre
os días 9 e 12 a escritores e escritoras
galegos, cataláns e vascos baixo o lema Hizkuntza txikiak, erronka
handiak, Petites literatures, grans desafiaments, Literaturas minorizadas,
grandes desafíos.
Tras
o peche das xornadas os colectivos participantes
adoptaron as conclusións de avanzar nos temas de propiedade intelectual e
dereitos profesionais dos escritores así como realizar as adecuacións necesarias ao
desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa
necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vogalías, unha en
cada asociación.
Así mesmo, a Federación Galeusca, na súa defensa da liberdade de expresión,
ante a próxima celebración do xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon
Egunkaria, quere facer chegar a súa
solidariedade aos imputados e facer pública a súa esixencia de arquivo da
causa.
Dende Galeusca apoian as mobilizacións que se van celebrar en Galicia, Euskadi e Países
Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos e postúlanse
en total desacordo coas accións regresivas respecto á normalización lingüística
adoptadas polo actual goberno galego.
Finalmente, a Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da
presidencia, comunica que Guillem Jordi
Graells (Presidente de AELC) é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias
(Presidente de AELG), quen organizará o próximo encontro anual desta Federación.
|
|
|
|
En
galego só contamos co título O
home é un grande faisán no mundo,
publicado por Xerais e traducido por Franck Meyer
Herta
Müller, Premio Nobel de Literatura 2009
(11-Outubro-2009)
A
Academia Sueca ven de anunciar o pasado xoves
que a escritora de orixe romanesa Herta Müller
é a nova Premio Nobel de Literatura 2009.
A Academia recoñece a capacidade da escritora
de describir "coa concentración da poesía
e a franqueza da prosa, a paisaxe dos desposuídos".
Herta
Müller naceu en 1953 en Bánát,
un lugar xermanofalante da rexión de Timisoara, en Romanía.
Estudou lingua e
literatura alemana e romanesa en Temesvar. En 1987 trasladouse ao sector occidental de Berlín
co seu marido, o novelista Richard Wagner.
Herta Müller destaca polos seus relatos sobre
as duras condicións de vida en Romanía baixo o réxime comunista de Nicolae Ceausescu, pero o
seu tema principal é como unha ditadura deteriora
e racha toda forma de relación humana. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992, Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997; ou a recentísima, Atemschaukel (Todo o que posúo lévoo comigo), 2009, e os ensaios recollidos en Hunger und Seide.
Entre outros recoñecementos recibiu o Premio de Literatura de Berlín
2005, o Franz Kafka de 1999 e, neste mesmo ano, o premio da Sociedade
Heinrich Heine de Düsseldorf de 2009.
En
galego Herta Müller ten publicado O home
é un grande faisán no mundo, publicado
pola editorial Xerais dentro da colección
'As literatas' e traducida por Franck Meyer.
|
|
|
|
Celebraranse
catro xornadas entre o 8 de outubro e o 3 de decembro
onde a comunidade universitaria coñecerá
a situación literaria dos diferentes xéneros
literarios
Comeza
mañá o IV Ciclo Escritores/as na Universidade
(07-Outubro-2009)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Secretaría
Xeral de Política Lingüística,
coa colaboración da Facultade de Filoloxía e
Tradución da Universidade de Vigo, organizan o IV Ciclo Escritores/as na
Universidade, consistente nunha serie de mesas redondas nas que se achegarán á
comunidade universitaria e á sociedade en xeral a posibilidade de saber como
ven os autores/as a situación actual dos seus respectivos xéneros literarios.
En concreto, as mesas redondas tratarán de ofrecer
panorámicas dos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico desde o punto
de vista dos escritores/as, que faran unha análise subxectiva, para despois
participaren nun coloquio aberto ao estudantado.
O ciclo celebrarase no salón de actos da Facultade de
Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Programa
8 de outubro
ás 12.00 h. O poeta en tempos
de penuria.
Interveñen
Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro Tobío e Luis
González Tosar
5 de novembro
ás 12.00 h. Narrar e contar dos
tempos que corren. Interveñen Marcos S. Calveiro, Luis Rei Núñez e Inma López Silva.
19 novembro
ás 12.00 h. Ensaiar e pensar
desde (e para) o país escuro. Interveñen
María López Sánchez, Dolores Vilavedra e Xosé Manuel
Beiras Torrado.
3 de decembro
ás 12.00 h. Máscaras e rostros,
teatro e realidade.
Interveñen
Quico Cadaval, Afonso Becerra e Gustavo Pernas.
|
|
|
|
Con
A vila sulagada obtivo o premio da primeira
edición do Blanco Amor de novela
Morreu
en Lugo o escritor e dramaturgo ribadense Daniel
Cortezón
(06-Outubro-2009)
O
escritor e dramaturgo Daniel Cortezón finou
o pasado domingo no Hospital Xeral de Lugo onde
estaba ingresado.
Daniel Cortezón naceu en Ribadeo en 1927. A súa foi unha infancia
marcada polos sucesivos traslados de seu pai, que pertencía ao corpo de
carabineiros, e tamén, coma tantos coetáneos, pola Guerra Civil que
obrigou a familia a fuxir a Francia. Á volta, con 12 anos, comeza de
aprendiz nunha botica. Este é un traballo que desenvolve até 1963, un
tempo de estancia continuada en Ribadeo. Foi traballar logo a León e Madrid, chegando a ser
redactor xefe da revista Auxiliares de Farmacia. Na capital española
estivo en contacto coa maior parte dos intelectuais galegos que entón
residían alí e participou nas célebres xuntanzas do Café Gijón. Volveu
a Galicia, residiu en Vigo con longas estancias na súa localidade natal.
Autor tanto en galego como en castelán,
e a pesar de ser considerado pola crítica
como un dos grandes dramaturgos, el considerábase
sobre todo
novelista aínda que só se publicaran
dúas das catro novelas escritas por Daniel
Cortezón: As covas
do rei Cintolo (Galaxia, 1956) e A vila sulagada
(Ediciós do Castro), primeiro premio
Blanco Amor no ano 1981. Aínda inéditas
fican Ribanzo, premio “Manuel Cao Turnes” do Centro Gallego de Buenos Aires
e O cabaleiro da lus, Premio “Castelao” del Centro Gallego de Buenos Aires.
A
súa obra máis prolífica atopámola
na súa inmensa obra teatral, deténdose
principalmente no teatro histórico en galego:
Prisciliano (Galaxia), Pedro Madruga
(Ediciós do Castro), Os Irmandiños
(Ediciós do Castro) ou Xelmírez
ou a gloria de Compostela (IGAEM); e no galeguismo:
Castelao ou A paixón de Galiza (Ediciós
do Castro) sen esquecer as traducións feitas
por Daniel Cortezón cara o galego: Xeneraliño
(Máscara), Os anxos cómense crús
(Galaxia), Asamblea Xeral (Universidad Internacional
Menéndez y Pelayo), Paulo Iglesias
(Ediciós do Castro) ou Guernica (Revista
Galega de Teatro).
Outro
dos xéneros máis abordados por Daniel
Cortezón é o ensaío, no que
abordou ás figuras literarias do pasado século
e estudou a súa obra: Da mística
e mítica caballeresca en Don Ramón
Cabanillas ou Eduardo Amor e a súa
obra teatral; así como o seu compromiso
coa terra e a lingua: A oferta cultural das linguas
minoritarias, Teatro e nacionalismo (Cuadernos
da Escola Dramática Galega) ou Castelao
y la condición gallega de Valle-Inclan.
De
Daniel Cortezón queda moita obra inédita
por publicar, como por exemplo a prohibida pola
censura de 1973 Compañero presidente,
compañero (La muerte de Allende), premiada
co “Ciudad de Alcoy” de Teatro e a súa figura
e obra aínda está insuficientemente estudada
e recoñecida.
|
|
|
|
Na
actualidade conta cun catálogo vivo de 1600
títulos
Xerais
celebra o seu 30 aniversario
(06-Outubro-2009)
Edicións
Xerais de Galicia cumpriu onte o seu 30 aniversario.
Un 5 de outubro de 1979 Xulián Maure, co
apoio financeiro de Germán Sánchez
Ruipérez, funda en Vigo e editorial Xerais,
co obxectivo de non deixar baleiro campo ningún da comunicación impresa necesaria para Galicia.
Nestes
30 anos o catálogo de Xerais acadou os tres
mil douscentos títulos, dos que 1.600 forman parte do seu catálogo vivo,
e vendeu máis de dez millóns de exemplares.
A pesar de nacer cunha vontade educativa,
na actualidade o catálogo de Xerais aborda todos os xéneros,
converténdose nunha das editoriais de referencia
no ámbito literario galego.
|
|
|
|
Vindeiras
paradas: Liber e Frankfurt
O
libro galego nas feiras do libro máis importantes
(06-Outubro-2009)
O
libro galego estará presente en dúas das
feiras máis importantes dentro do calendario
editorial: o LIBER, Feira Internacional do Libro
en Madrid e a Feira do Libro de Frankfurt.
A XXVII Feira Internacional do Libro de Madrid – Liber 2009 terá lugar
do 7 ao 9 de outubro, no recinto feiral IFEMA e terá como país
convidado a Rusia. Asistirán con stand propio as editoriais galegas Nova
Galicia, OQO editora, Primerapersona, Ideaspropias
Editorial e Ediciones del Viento. Pola súa
parte, a Consellería de Cultura e Turismo compartirá
stand coa Asociación Galega de Editores, no cal estarán
presentes un total de 24 editoriais galegas, mentres que os servizos de publicacións
das Universidades da Coruña e de Santiago
de Compostela compartirán espazo coa Asociación
de Editoriais de Universidades Españolas.
Por último, o selo de literatura infantil
e xuvenil Tambre estará presente dentro do
grupo editorial Luís Vives.
Amais
dos libros galegos, a Consellería de Cultura e Turismo convidou
como relatores a Luisa
Castro, Carlos G. Reigosa, María Canosa e Xosé Carlos Caneiro, que
participarán nunha mesa redonda o xoves 8 de outubro sobre Periodismo e
literatura, na Sala 21 do recinto feiral de Ifema.
A Feira Internacional do Libro de Frankfurt terá lugar do 14 ao 18 de
outubro nesta cidade alemá e terá como país invitado de honor na
edición deste ano a China e é o evento internacional máis
importante no mundo do libro. Ao igual que no LIBER,
a Consellería
de Cultura e Turismo estará presente cun stand propio de máis de 70 metros compartido
coa Asociación Galega de Editores. A editorial pontevedresa Kalandraka
será a única editorial galega que
contará cun stand propio. Pola súa
banda, os libros da editorial Xerais estarán
presentes dentro do stand de Anaya.
A Frankfurt asistirán como relatores invitados
os escritores Marina Mayoral,
Vicente Araguas e Alfredo Conde, que participarán o día 16 de outubro
nunha mesa redonda sobre Proxección da literatura galega no exterior.
|
|
|
|
Mary
Prince, unha escrava das indias occidentais
é un libro fundamental na loita pola abolición
da escravitude no mundo, segundo o xurado
María
Reimóndez gaña o Plácido Castro
de tradución 2008
(04-Outubro-2009)
A
lucense María Reimóndez obtivo por
unanimidade do xurado o VIII Premio de Tradución
Plácido Castro
O
acto de entrega terá lugar o 17 de outubro,
día no que se inaugurará unha rúa
en Carril co nome do intelectual galeguista.
A rúa que levará o nome de Plácido
Casto é paralela á avenida Rosalía
de Castro e perpendicular a rúa Lucena. Precisamente
nese vial atópase o restaurante Plácido,
rexentado por netos do homenaxeado.
|
|
|
|
Do
9 ao 12 de outubro
A
localidade guipuscoana de Arantzazu acollerá
a XXVI edición do Galeusca
(04-Outubro-2009)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG),
Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d´Escriptors en Llengua Catalana
(AELC) celebran un novo encontro de Galeusca, unha xuntanza das tres asociacións para pór en
común información sobre temas puntuais e para profundizar en cuestións
que teñen que ver coa literatura, no máis amplo sentido do termo. A organización de cada
edición corre a cargo de unha das asociacións, que asumen esa responsabilidade
por quendas, tocándolle este ano á Euskal Idazleen Elkartea que
celebrará a XXVI edición na localidade
de Arantzazu (Gipuzcoa) entre o 9 e o 12 deste mes de outubro.
O tema
central para esta edición é Pequenas Literaturas, grandes
retos, subdividido en cuatro temas específicos: Estructuración (papel das asociacións, perfil dos socios,
Federación Galeusca…); Autoría
(dereitos de autor); Socialización
(afección á lectura, os xoves, novos soportes…), e Difusión (cómo difundir, tanto no entorno máis inmediato como no
ámbito internacional, as literaturas escritas en lenguas minorizadas).
Por
parte da Asociación de Escritores en Lingua
Galega estarán representando á Asociación
os seguintes membros: Alfredo Ferreiro,
Antía
Otero, Antón
Riveiro Coello, Armando
Requeixo, Cesáreo
Sánchez, Dores
Tembrás, Eva
Moreda, Fran
Alonso, Francisco
Castro, Laura
Caveiro, Marcos
Calveiro, Mercedes
Queixas, Paco
Souto e Rexina Vega.
|
|
|
|
Este
acordo enmárcase no proxecto de recuperación
do esplendor cultural, económico e social
que o concello de Mondariz Balneario tivo nos dous
últimos séculos
Convenio
de colaboración entre a Fundación
Mondariz Balneario e a Real Academia Galega para
a recuperación da obra de Emilia Pardo Bazán
(02-Outubro-2009)
A
Fundación Mondariz Balneario
e a Real Academia Galega asinaron un convenio de colaboración para a
recuperación da memoria histórica de Mondariz Balneario. O
obxectivo da Fundación Mondariz Balneario é poder contar coa
colaboración da Real
Academia Galega nos traballos de recuperación e recopilación do
material histórico de Mondariz. En concreto, a través deste acordo, a
Fundación e a Real
Academia Galega traballarán en prol da recuperación e publicación de
todo o material literario relacionado con Emilia Pardo Bazán e Mondariz.
Como
mostra de agradecemento, a Fundación Mondariz Balneario entregou á Real
Academia Galega, en concepto de doazón, unha reprodución do busto de
Dona Emilia Pardo Bazán realizado a finais do século XIX polo escultor
Lorenzo Coullaut Valera, por encargo de Enrique Peinador Vela.
A
famosa escritora, xunto con outros persoeiros da ciencia, a
sociedade e a política, como Echegaray, o Rei Alfonso XIII, a Infanta
Isabel ou galeguistas como Castelao ou Vicente Risco, foron asiduos e
nobres visitantes do balneario e Gran Hotel que contribuíron
decisivamente a transformar Mondariz-Balneario nun reputado centro
social, intelectual e cultural en toda Europa. En
numerosas ocasións a propia condesa de Pardo Bazán recoñeceu ir a
Mondariz a “curarse dos estragos do pensamento e dos males da
civilización”.
A
sinatura deste convenio enmárcase dentro das actividades do proxecto
posto en marcha a nivel internacional pola Fundación Mondariz Balneario
para a recuperación do esplendor cultural, económico e social que o
concello de Mondariz Balneario tivo nos séculos XIX y XX. Dentro
de este ambicioso plan de actuación, a Fundación Mondariz Balneario
está desenvolvendo un programa de recuperación da Memoria Histórica de
Mondariz Balneario coa finalidade de investigar, recopilar e clasificar
todo o material histórico orixinal de Mondariz Balneario.
|
|
|
|
O
director xeral de Promoción e Difusión
da Cultura Francisco López cualificou este
centro como "unha catedral rural das nosas
letras"
A
Fundación Neira Vilas e a Consellería
de Cultura e Turismo asinan un convenio para a ampliación
das instalacións da Fundación cruceña
(02-Outubro-2009)
O escritor
Xosé Neira Vilas, como presidente da Fundación
que leva o seu nome en Vila de Cruces e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López
asinaron un convenio para a realización da primeira fase das obras de ampliación
da Fundación e Casa da Cultura. No acto hoxe á mañá estiveron presentes
asemade o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, e a muller do
autor, Anisia Miranda.
Mediante
a firma deste acordo a Consellería de Cultura
e Turismo aportará 60.000 euros á Fundación en materia de realización de
equipamentos e obras destinadas a obter os espazos necesarios para que
poidan representarse as diversas manifestacións da cultura galega nun
marco digno e adecuado.
A Fundación Neira Vilas tense
caracterizado polo desenvolvemento dun labor de continuidade no
campo da promoción e difusión da cultura. Francisco López cualificou este centro cultural como "unha catedral
rural das nosas letras", pois a Fundación e Casa da Cultura "Neira
Vilas" conta cun fondo de mais 8.500 volumes, unha biblioteca para
nenos, importantes documentos da literatura galega e organiza o Premio
Estornela de Teatro e o Premio Arume de poesía para nenos.
As dúas entidades vinculadas a este convenio son conscientes da
necesidade de instalacións de caracter sociocultural que permitan unha
oferta satisfactoria, co obxecto de satisfacer as necesidades que en
materia cultural teñen os habitantes desa zona, así como o incidir no
hábito a lectura en galego.
|
|
|
|
O
anuncio o realizou o director xeral Francisco López
no transcurso da homenaxe que os tradutores rinderon
a Marilar Aleixandre
Cultura
e Turismo apoiará con 300.000 euros á
tradución nos vindeiros dous anos
(02-Outubro-2009)
A
Consellería de Cultura e Turismo anunciou
no transcurso da homenaxe que se lle tributou a
Marilar Aleixandre o pasado 30 de setembro, coincidindo
co Día da Tradución, o seu compromiso
de continuar coas axudas á tradución
que se viña mantendo nos últimos
anos. segundo o
director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López
"non só se vai continuar apoiando as axudas á tradución, senón que se
van incrementar, pasando a un total de 300.000 euros no conxunto dos
próximos dous anos". O director xeral tamén subliñou
durante o acto de homenaxe que o compromiso da Consellería de Cultura e Turismo é
"traballar en común, apoiando conmemoracións como ésta, colaborando
coas asociacións de tradutores e editores co obxectivo de promover
novos proxectos e liñas de apoio".
|
|
|
|