MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Vocación, inspiración, traballo duro e ilusión de futuro son as premisas do director Henrique Alvarellos

Alvarellos estrea a súa nova sede editorial en Santiago de Compostela

 

(30-Novembro-2009)

 

Inauguración da nova sede de Alvarellos editora Nun acto presidido polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e que tamén contou coa asistencia do subdirector xeral da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján, Alvarellos Editora inaugurou o pasado venres a súa nova sede en Santiago de Compostela, situada no número 4 da rúa Sempre en Galiza.

Trinta e dous anos despois da súa fundación en Lugo, esta empresa consolida así a súa nova etapa, iniciada hai cinco anos xa na capital de Galicia cando, tralo falecemento do fundador (Enrique Alvarellos Iglesias) fíxose cargo da editorial o seu fillo Henrique Alvarellos Casas. O director da editorial, Alvarellos Casas, definiu a súa empresa como unha industria cultural de “pequenos editores pero grandes libros”. “Un proxecto editorial —dixo— que é un negocio difícil sometido hoxe a moitas incógnicas como a dos libros dixitais e as novas formas de presentar a lectura e o libro, pero que por riba de todo está presidido pola vocación, a inspiración, o traballo duro e a ilusión de futuro”.

Con respecto á súa vinculación actual coa cidade de Compostela, Henrique sinalou que “agora Alvarellos Editora ten dúas matrias: Lugo inesquecible e Santiago de futuro”. Finalmente, fixo fincapé no obxectivo principal dunha empresa editora: “Localizar e dar á luz bos contidos, os mellores contidos. Con esta premisa, os formatos nos que se vendan (papel, e-book, ou o que veña) serán secundarios”.

Aproveitando a inauguración desta nova sede, Henrique Alvarellos mostrou a colección de máquinas de escribir antigas herdada de sei pai, un conxunto de 150 pezas considerada das máis completas do Estado español, con modelos que van dende finais do século XIX ata os anos oitenta do século pasado. Unha parte deles expóñense nas novas oficinas da empresa. Alvarellos anunciou o inicio de xestións por parte da súa editorial coa finalidade de conseguir que esta colección poida ser exhibida ao público, ben sexa nunha mostra temporal ou como museo permanente.

 

 

Arriba

 

O venres 27 e o sábado 28 de novembro en Exposalnés

Cambados celebra as xornadas literarias Ramón Cabanillas. A modernidade da poesía galega

 

(26-Novembro-2009)

 

Ramón Cabanillas. A modernidade da poesía galega A piques de rematar o Ano Cabanillas Cambados acolle as xornadas literarias Ramón Cabanillas. A modernidade da poesía galega, organizadas polo PEN Clube de Galicia co patrocinio do Ministerio de Cultura. As xornadas celebraranse mañá venres e o sábado 28 de novembro en Exposalnés.

A sesión do venres principiará ás 17.00 h. coa intervención de Carlos L. Bernárdez coa conferencia titulada A significación de 'Samos'. Presentará o acto Ramón Caride Ogando. Ás 19.00 h. haberá un recital de música e poesía Cabanillas na voz dos poetas de hoxe, no que intervirán Silvia Penas, Elvira Riveiro, Miro Villar, Ramón Caride Ogando, Domingo Tabuyo, Luís González Tosar, e o músico Kamo Petrosyan. Ramón Nicolás presentará o acto.

O sábado Xosé Ramón pena, Xosé Mª Dobarro e Manuel Bragado presentarán o volume Poesía galega completa (Xerais) de Ramón Cabanillas. De seguido os citados Xosé Mª Dobarro e Xosé Ramón Pena, con Luís Rei falarán sobre a Actualidade da obra de Cabanillas. Un relatorio presentado polo poeta Gonzalo Navaza.

 

 

Arriba

 

Contarase coa participación dos poetas X.M. Álvarez Cáccamo, Gonzalo Navaza, Xulio L. Valcárcel e Diana Varela e os músicos Anxo Pintos e Xosé Liz

Galicia protagonizará unha nova edición da nit envers organizada por Caixa Catalunya

 

(26-Novembro-2009)

 

Envers Galicia A poesía galega será convidada o vindeiro luns 30 de novembro ao ciclo ENVERS organizado por Caixa Catalunya na Sala Gaudí da La Pedrera de Barcelona.

A poesía de Xosé María Álvarez Cáccamo, Gonzalo Navaza, Xulio L. Valcárcel e de Diana Varela mesturarase coas notas musicais que porán sobre o escenario os músicos Anxo Pintos e Xosé Liz.

 

 

 

Arriba

 

Roberto Varela salientou as actividades que se desenvolverán no 2010 co Ano do Libro e da Lectura

O Conselleiro de Cultura e Turismo presentou en Ourense as liñas estratéxicas do seu gabinete para esta lexislatura

 

(26-Novembro-2009)

 

Liñas estratéxicas da Consellería de Cultura e Turismo O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e o director xeral de Promoción e Difusión Cultura, Francisco López presentaron onte en Ourense as liñas estratéxicas da Consellería en materia de cultura que servirán de marco de actuación para a Consellería na presente lexislatura.

Roberto Varela sinalou unha serie de liñas estratéxicas a seguir, entre as que destaca a cooperación cultural, que desenvolvería unha parte fundamental do labor de promoción de difusión da cultura a través da colaboración cos concellos e coas asociacións culturais, a través da cal se busca o incremento da calidade e versatilidade do sistema bibliotecario mediante o Programa de mellora da infraestrutura bibliotecaria e do Programa de animación a lectura recollidos na área "Bibliotecas e fomento da lectura".

Por outra banda salientou o apoio ao sector do libro e a promoción da produción cultural no que se procurará colaborar co sector como ámbito estratéxico.

No 2010 deseñouse, ao abeiro do Ano do Libro e da Lectura, unha programación variada concibida para conseguir unha maior visibilidade do libro e achegalo a toda a cidadanía. Aínda aberta a novas iniciativas e cun orzamento previsto de 2.850.000 euros, a programación inclúe proxectos de animación cultural, congresos e conmemoracións, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e a escrita, así como iniciativas para a mellora da xestión pública do libro e as bibliotecas.

Segundo Varela, os obxectivos sobre os que traballa a Consellería que dirixe vai procurar "espallar a nosa cultura, darlle visibilidade aos nosos creadores e prestixiar o seu exemplo", para o que se seguirán tres programas de actuacións: o Programa de actividades da celebración do Ano do Libro e da Lectura –organizado en cinco apartados: Animación cultural, Congresos e conmemoracións, Promoción e difusión do libro, Fomento da lectura e da escrita e Xestión do libro e bibliotecas-, o Programa de difusión da cultura galega –encargado de promover celebracións como o Día das Letras Galegas, Día Internacional do Libro e Día de Rosalía- e o Programa cultural da Dirección Xeral –cunha dimensión especial nos actos organizados polo Xacobeo e na programación do CGAC-.

[2010. Ano do Libro e da Lectura en Galicia]

[Liñas estratéxicas de Promoción e Difución da Cultura]

 

 

Arriba

 

A mostra, organizada pola Deputación de Ourense, inaugurarase o 1 de decembro

Eduardo Blanco Amor da súa propia man

 

(24-Novembro-2009)

 

Eduardo Blanco Amor. Da súa propia man “Eduardo Blanco Amor. Da súa propia man” é o título da exposición que en homenaxe ao escritor ourensán ofrecerá o Centro Cultural da Deputación de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

A mostra integrarase no programa de actividades que se desenvolverá o vindeiro día 1 de decembro, coincidindo co trinta aniversario do pasamento de Blanco Amor. A inauguración terá lugar ás 20.15 h. no Centro Cultural. Antes, pola mañá, haberá a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco.

Esta mostra está integrada por manuscritos –entre eles o da propia Esmorga- dedicatorias do escritor a diferentes amigos, obxectos persoais, primeiras edicións das súas obras, imaxes e lembranzas e, mesmo, varias obras de artistas ourensáns creadas específicamente para esta mostra e inspiradas no escritor ou na súa obra.

Entre outros, colaboran na mostra: Afonso Vázquez-Monxardín, Arturo Baltar, Arturo Lezcano, Augusto Valencia, Biblioteca da Deputación de Ourense, Carlos Vello, César Prada, Fundación Vicente Risco, Jacobo de Arce Temes, José Luís Díaz Leyes, José Luís López 'Tatis', Juan Valcárcel, Julio A. Losada, Nemesio Barxa, María do Carmo Henríquez Salido, Pastor Fábrega, Pepelino Vázquez-Monxardín Blanco, Xaquín Vales, Xosé Cid e Xosé Lois López de Prado.

A exposición, que poderá verse entre os días 1 e 13 de decembro, está producida polo Centro Cultural da Deputación de Ourense en colaboración co Instituto Blanco Amor de Ourense.

 

Arriba

 

No transcurso da Cea das Letras presentaronse o libro gañador da pasada edicíón e o gañador do accésit

Eduardo Estévez e Eli Ríos gañan o IV Certame de Poesía Erótica 'Illas Sisargas'

 

(23-Novembro-2009)

 

IV Certame de Poesía 'Illas Sisargas' Eduardo Estévez e Eli Ríos foron proclamados gañadores do IV certame de poesía erótica 'Illas Sisargas' polo seu traballo Rúa da Cancela. O acto celebrouse o pasado sábado no trancurso da Cea das Letras na Casa de Turismo Rural Casa Arpón. Este premio está convocado polo concello de Malpica de Bergantiños e a Asociación Cultural Caldeirón.

O xurado, formado por Emma Pedreira e Paco Souto, outorgaron unha mención a obra A muller dormida, de Eva Méndez Díaz.

No transcurso do acto procedeuse á presentación da obra Xoguetes Póstumos da escritora Emma Pedreira, gañadora do III Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas e da obra Alentar na túa Rosa, do escritor Paco Souto, gañador do accésit.

 

 

Arriba

 

A representación galega proporá a Galicia como invitada de honra no 2011

17 editoriais galegas estarán presentes na Feira do Libro de Guadalajara

 

(23-Novembro-2009)

 

Feira Internacional do Libro de Guadalajara A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura e Turismo compartirán stand propio na Feira Internacional do Libro de Guadalajara (México), que comeza o próximo día 28 de novembro, e no que participarán máis de 500 autores de 27 países.

Nesta edición participarán 17 editoriais galegas: Editorial Ideas Propias, Nova Galicia Edicións, Galaxia, Xerais, Baía Edicións, Rodeira Edicións, Ir Indo, Edicións Obradoiro, Edicións Espiral Maior, Kalandraka, Faktoría K, OQO Editora, Edicións Tambre, Biblos Clube de Lectura, Edicións do Cumio, Alvarellos Editora e Tresctres.

Dentro dos actos organizados pola delegación galega, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura levará a cabo un taller de ilustración e de banda deseñada que será aberto ao publico e que contará coa presenza de dous autores de grande prestixio: Kiko Dasilva e Carlos Portela. Pola súa banda, a Asociación Galega de Editores preséntase en Guadalajara con tres das máis importantes figuras da literatura galega actual: Manuel Rivas, Fina Casalderrey e Alfredo Conde.

O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López-Barxas, xunto aos representantes da Asociación Galega de Editores e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de A Coruña proporán que Galicia sexa convidada de honra na edición do ano 2011. Segundo Francisco López trátase dunha proposta ambiciosa pero realista, consciente da importancia desta feira internacional como plataforma para dar a coñecer o noso sector editorial e a creatividade dos autores galegos.

[Web da Feira do Libro de Guadalajara]

 

Arriba

 

O xurado destacou a coherencia orgánica do poemario

Yolanda Castaño gaña o premio 'Ojo Crítico' polo seu traballo Profundidade de campo

 

(22-Novembro-2009)

 

Yolanda Castaño, Premio "Ojo Crítico de Poesía" A poeta compostelá Yolanda Castaño ven de ser galardoada co premio "Ojo Crítico de Poesía" que entrega o programa de RNE do mesmo nome pola edición en castelá do seu poemario Profundidade de campo (Espiral Maior).

O xurado do Premio "Ojo Crítico" estivo composto por Pablo García Casado, poeta y Premio "Ojo Crítico" de Poesía 2000; Joaquón Pérez Azaústre, escritor e poeta; Ariadna G. García, poeta; Ignacio Elguero, director do programa "La Estación Azul" de RNE; Roberto Loya, xornalista especializado en poesía de RNE; e os directores do programa "El Ojo Crítico", Laura Barrachina e Julio Valverde. Segundo este xurado, Profundidade de campo -que xa fora gañador do XV Premio de Poesía Espiral Maior- "formula unha proposta moral cunha estética de vangarda". Así mesmo, destacou a súa "dimensión ética", xa que "aborda asuntos que enfrontan ao lector a temas universais" como "a construción da identidade ou o libre albedrío". Tamén pola riqueza e "a coherencia orgánica" do poemario de Yolanda Castaño.

Os Premios "Ojo Crítico", que nesta edición cumpren o seu vixésimo aniversario, foron creados polo programa cultural de RNE "El Ojo Crítico". O seu obxectivo é recoñecer o traballo dos novos talentos.

 

 

Arriba

 

Do 19 ao 21 de novembro na Pobra de Trives

A represión franquista sobre mestres e intelectuais ourensáns e galegos no IV Congreso Manuel Luís Acuña

 

(19-Novembro-2009)

 

As outras armas do franquismo. 1939-2009: unha retrospectiva En Sobrado, concello da Pobra de Trives, naceu en 1900 o poeta e mestre Manuel Luís Acuña. Dende hai catro anos e en torno á súa figura vense celebrando un congreso que leva o seu nome e onde se divulga a súa obra literaria e o seu labor como educador renovador, polo que sería represaliado polo franquismo en 1936.

O IV Congreso Manuel Luís Acuña reunirá entre o 19 e o 21 de novembro en Trives algúns dos principais intelectuais do noso país e estará centrado especialmente na represión sufrida despois da guerra civil, tanto por Luís Acuña como por outros mestres e intelectuais ourensáns e galegos. No mesmo tamén se inclúe unha conferencia homenaxe a Marcos Valcárcel, que impartirá Xosé Ramón Barreiro.

Na sesión do xoves, que dará comezo ás 18.00 h., e tras a mención de homenaxe a Marcos Valcárcel, terá lugar as conferencias Prestixiando o galego: de Manuel Luís Acuña a Marcos Valcárcel, a cargo do académico Francisco Fernández Rei, Tipoloxía da represión en Galiza durante o primeiro franquismo, da que falará María Xesús Souto Blanco, Proxectos educativos galeguistas na acción dos emigrantes galegos, a cargo de Xosé Manuel Malheiro Gutiérrez e a relatada por Bieito Alonso Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio: luz pública en Galiza a un proxecto de base popular. Este primeiro día rematará ás 21.15 h. coa proxección do documental de Víctor Coyote Antón Alonso Ríos, O Siñor Afranio.

A xornada do venres principiará ás 17.00 h. coas conferencias A espada de damocles do novo réxime: represión económica e depuración administrativa no primeiro franquismo, de Xulio Prada Rodríguez, Miro Villar achegará os asistentes a As cicatrices do réxime na poesía galega de posguerra e Manuel González falará sobre Franquismo, emigración e cine. Tras a sesión de conferencias presentaranse tres libros de Xosé Manuel Cid sobre o maxisterio republicano para finalizar co visionado do filme Polizón a bordo, de Florián Rey.

O sábado as actividades comezarán cunha lembranza do mestre Antonio Caneda diante da placa situada na escola de San Xoán de Río. De seguido terá lugar as conferencias O ensino das Ciencias Sociais e a construción das identidades durante o franquismo, a cargo de Luís Martínez-Risco Daviña, Mercedes Queixas Zas pronunciará a conferencia Silencio cultural e represión lingüística en Galiza durante o primeiro franquismo e rematará este ciclo de conferencias Ramón Nicolás con Manuel Luís Acuña: a partitura poética dunha xeración en fuga. Ás 13.00 h. o alumnado do CEIP da Pobra de Trives representará A natureza do reino da escuridade, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, baseada nos tempos mozos de Manuel Luís Acuña. Tras a mesma, leranse relatorios antes dun recital poético en homenaxe a Marcos Valcárcel, a quen tamén se lle homenaxeará durante o acto de clausura.

O IV Congreso Manuel Luís Acuña As outras armas do franquismo, 1939-2009: unha retrospectiva está organizado por Nova Escola Galega, a Asociación Cultural Xudemecu e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo.

[Descargar o programa do Congreso]

 

 

Arriba

 

A voz fundamental de Uxío Novoneyra na Galicia Contemporánea terá lugar os días 26, 27 e 28 de novembro

Uxío Novoneyra centra o XV Seminario de Historia de Culleredo

 

(19-Novembro-2009)

 

XV Seminario de Historia de Culleredo Uxío Novoneyra será protagonista do XV Seminario de Historia de Culleredo que se celebrará no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, os días 26, 27 e 28 deste mes. A Concellería de Cultura de Culleredo e a Universidade da Coruña dedican este ano ano o encontro A voz fundamental de Uxío Novoneyra na Galicia Contemporánea, como adianto aos actos que no 2010 se desenvolverán sobre a figura do poeta do Courel.

O Seminario estudará e analizará polo miúdo a súa traxectoria persoal, poética, pictórica, a súa vinculación coas terras do Courel e contextualización cos tempos que tocaron vivir, o seu tempo político, etc. No mesmo participarán importantes especialistas da literatura galega como Xesús Alonso Montero, Anxo Tarrío Varela, Xosé María Dobarro Paz, Herminio Barreiro, Luciano Rodríguez Gómez, Luis García Soto; coñecedores da xeoloxía do Courel como José Ramón Vidal Romani; historiadoras como Mª Xesús Souto López; pintores como Antón Patiño; poetas como Bernardino Graña, Miguel Anxo Fernán Vello; novelistas como Xabier Alcalá Navarro e políticos como Xosé Manuel Beiras.

No contexto do Seminario organízase a exposición fotográfica "Uxío Novoneyra e os últimos labregos" de Federico García Cabezón na aula da Natureza do Xardín Botánico "Ría do Burgo" do 13 ao 30 de novembro. Así mesmo o venres 27 de novembro ás 20.30 h. está previsto o espectáculo de poesía, música e danza contemporánea "Tender a Man" coa poeta Yolanda Castaño, a bailarina Branca Novoneyra, filla de Uxío e un grupo de músicos formado por Isaac Garabatos, Jesús Andrés e Mónica de Nut.

A asistencia ao Seminario é gratuíta e o prazo de inscrición remata o 25 de novembro.

[Descargar o díptico do Seminario]

 

 

Arriba

 

O 25 de novembro en Bergondo

Artistas únense contra a violencia de xénero

 

(19-Novembro-2009)

 

Versos e acordes contra a violencia de xénero As escritoras Yolanda Castaño, Emma Couceiro e Estíbaliz Espinosa, xunto ao cantautor Xoan Curiel, serán algúns dos artistas que unirán a súa voz para loitar contra a violencia machista o vindeiro 25 de novembro no recital de poesía e música co que o Consorcio As Mariñas iniciará a campaña Versos e acordes contra a violencia de xénero.

Enmarcada dentro da iniciativa da ONU “16 días contra a Violencia”, a campaña tratará de chamar a atención da poboación do Consorcio ante esta problemática que ano a ano se leva por diante a vida de moitas mulleres, tal e como sinalaron XX XX, durante a presentación que tivo lugar esta mañá.

O recital, de carácter gratuíto, celebrarase en Bergondo no auditorio do Edificio A Senra e comezará ás 20.00 h.

 

 

Arriba

 

Videos sobre A Esmorga

Concurso Esmorgaphone

 

(19-Novembro-2009)

 

Concurso Esmorgaphone A Vicerreitoría do Campus de Ourense quere sumarse aos actos que conmemoran o 50 aniversario da publicación da obra A Esmorga de Eduardo Blanco Amor coa organización dun concurso sobre Eduardo Blanco Amor.

Os traballos que concorran ao mesmo consistirá nun video gravado con teléfono portátil arredor da cidade onde transcurre a novela e cuxa duración non supere os dous minutos. O prazo de presentacións de traballos será dende o 15 de novembro ata o 15 de decembro e o premio para o gañador consistirá nun teléfono portátil de última xeración.

 

 

[Bases do concurso]

 

 

Arriba

 

Polo seu traballo Ciudades de papel

Gran Prix da Biennale du Carnet de Voyage de Clermont para David Pintor

 

(15-Novembro-2009)

 

David Pintor gaña o premio internacional de ilustración na Bienal Carnet de Voyage David Pintor ven de gañar coa súa obra Ciudades de papel (El Patito Editorial) o Gran Prix Michelín da décima edición da Biennale du Carnet de Voyage de Clermont que clausurou hoxe as súas portas.

Organizada pola IFAV, a bienal acolle os traballos máis importantes sobre libros e cadernos de viaxe. Ao longo de tres días artistas de todo o mundo expoñen os seus traballos, intercambian información e se compra e vende material.

O ilustrador coruñés estivo estes tres días na cidade gala promocionando o seu traballo e participando nas actividades que se celebran en Clermont-Ferrand.

 

 

Arriba

 

Os recitais terán lugar na Coruña o terceiro martes de cada mes

Poetas di(n)versos aunará a poesía galega coas outras líricas ibéricas

 

(14-Novembro-2009)

 

Poetas di(n)versos A Coruña acollerá nos vindeiros meses a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán, eúscaro e portugués. O programa Poetas di(n)versos terá unha cita mensual co público coruñés ofrecida polos seus autores/as en vivo e en directo.

Os recitais do ciclo realizaranse o terceiro martes de cada mes, ás 20.30 h. na Casa da Cultura Salvador de Madariaga e serán impartidos con dous poetas: un/ha deles, pertencente á máis recoñecida poesía feita en castelán, catalán, eúscaro ou portugués e o outro/a, en galego, procurando a maior diversidade de rexistros, xeración ou xénero.

A programación deste primeiro trimestre é a seguinte:

- 17 de novembro: Luis Eduardo Aute e Lucía Aldao.

- 15 de decembro: Luis García Montero e Luz Pozo Garza.

- 19 de xaneiro: Joan Margarit e Xosé María Álvarez Cáccamo.

 

 

Arriba

 

O sábado 14 de novembro

A Real Academia Galega celebra un plenario extraordinario en Cambados en homenaxe a Ramón Cabanillas

 

(13-Novembro-2009)

 

Real Academia Galega en Cambados Mañá sábado Cambados acollerá un plenario extraordinario da Real Academia Galega, con motivo do 50 aniversario do pasamento de Ramón Cabanillas.

O programa comezará ás seis da tarde cunha recepción dos académicos na Casa do Concello, que dará paso a unha ofrenda floral e poética diante do monumento de Ramón Cabanillas no Paseo da Calzada. Alí terá lugar unha actuación da agrupación Con de Xido, á que seguirá a ofrenda por parte do alcalde e do presidente da Real Academia Galega. Posteriormente, se procederá á lectura do poema “A Calzada de Cambados”, por Aloia Insua Avión, estudante de primaria e ao término desprazaranse ata o auditorio da Xuventude, onde ás sete da tarde, está previto o inicio da sesión plenaria de carácter extraordinario e pública da Real Academia Galega.

A presentación correrá a cargo de Luís Rei, que dará paso á intervención do alcalde de Cambados, Luis Aragunde, para seguir despois con Salvador García Bodaño. Ao remate da súa alocución procederase a unha lectura de poemas por Margarita Ledo Antón. O seguinte en intervir será Xosé Luis Méndez Ferrín, mentres que Darío Xohán Cabana lerá poemas. Un discurso de Francisco Fernández Rei dará paso á intervención do presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, que pechará o acto cun discurso e a posterior interpretación do himno galego polo gaiteiro Xaquín Xesteira.

 

 

Arriba

 

Tras o acordo entre Cultura e a Asociación de Tradutores Galegos

A Biblioteca Virtual incorporará nove novos títulos

 

(13-Novembro-2009)

 

Bivir incorporará nove novos títulos O presidente da Asociación de Tradutores Galegos, Xosé María Gómez Clemente e o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron o pasado mércores un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa conxunto para a tradución de nove obras destinadas á Biblioteca Virtual Bivir. Esta biblioteca permite acceder aos seus servizos a través de internet, podendo os usuarios acceder aos distintos libros como si se atoparan dentro dunha biblioteca tradicional.

A través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, a Consellería de Cultura e Turismo achegará un total de 15.000 euros para a realización deste programa de traducións e as correspondentes correccións. En concreto, os títulos que serán incluídos en virtude deste acordo son La croisade des enfants de Marcel Schwob, O destino de Wladysaw St. Reymont, Cadernos de darwinismo de Antonio Bracinha Vieira, Über Sprache úberhaupt und úber die Sprache de Menschen de Walter Benjamin, Carmilla de John Sheridan Le Fanu, O almofadón de plumas de Horacio Quiroga, Yam-Vari Perrot de Goulc’han Kervella, Lord Jim de Joseph Conrad e Peter Pan nos xardíns de Kennsington de James Mathew Barrie.

O proxecto da Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos comezou no ano 2000 coa finalidade de recompilar un conxunto de textos claves da literatura universal en idioma galego e poñelos a disposición dos lectores interesados en formato electrónico. Na actualidade, conta cuns 150 títulos de obras traducidas ao galego que poden ser descargadas para a súa lectura de forma totalmente gratuíta.

[Biblioteca Virtual Bivir]

 

 

Arriba

 

Galaxia e Xerais publican os seus primeiros e-books

As editoriais galegas lánzanse ao mercado dixital

 

(12-Novembro-2009)

 

Libros dixitais no mercado galego Dúas das editoras galegas máis importantes: Xerais e Galaxia, lanzan ao mercado os seus primeiros libros dixitais.

Galaxia pon á venda en soporte electrónico os seus dous primeiros libros: A esmorga de Eduardo Blanco Amor e A noite do moucho, de Anxo Rei Ballesteros, publicado á vez en papel e dixital.

A estes dous títulos seguirán antes de fin de ano 50 títulos. Trátase da primeira fase dun proxecto que ao longo do ano 2010 irá incorporando ao libro electrónico o catálogo completo da editorial (1500 títulos aproximadamente), tanto de autores clásicos como contemporáneos. En colaboración con Publidisa, e na mesma liña estratéxica que iniciou hai un ano con Google Books, Galaxia desenvolverá no próximo ano a primeira librería dixital do libro galego: descargas para eBooks e noutras plataformas.

Pola súa banda, edicións Xerais publicou hai uns días as novas novelas de Diego Ameixeiras e Suso de Toro, Dime algo sucio e Sete palabras, respectivamente, tanto en papel como en soporte dixital. Nos próximos meses, Xerais ampliará o seu catálogo de e-books con novos títulos das coleccións Narrativa, Poesía e Ensaio, tanto de novidades como de títulos de fondo actualmente descatalogados que se ofrecerán ao lectores e lectoras só en formato electrónico.

 

 

Arriba

 

O poeta arousán reside actualmente en Bruxelas, onde imparte aulas de lingua inglesa

Ramón Nieto Otero gaña a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé

 

(09-Novembro-2009)

 

Ramón Nieto Otero O xurado da XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, reunido en Fene, resolveu outorgar o premio ao libro A estación única dunha illa, presentado baixo o pseudónimo Glas-Ao. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de Ramón Nieto Otero, escritor nado na na Illa de Arousa en 1975.

Licenciado en filoloxía inglesa, Ramón Nieto Otero fixo o último ano da carreira cunha beca Erasmus na Universidade Libre de Bruxelas e, dende aquela, reside na capital belga dedicado ao ensino da lingua inglesa. Ten estudos de música clásica e jazz e é un afeizoado á cultura mariñeira, practicando no mar de Arousa a navegación en dorna.

O xurado, integrado polo poeta e artista plástico Baldo Ramos, Carmen Bar, exdirectora da biblioteca de Narón e Susana Sánchez Aríns, gañadora da XXI edición do premio, mencionou especialmente a alta calidade xeral das obras presentadas, destacando particularmenta as tituladas O xardín de inverno e outras augas e Noites na casa do pai.

O Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé convócase dende hai 22 anos para homenaxear a figura do poeta ferrolán que tanta laboura realizara no ámbito da sociedade fenesa en defensa da lingua e da literatura galega.

O libro gañador será publicado na colección de poesía Espiral Maior, a máis importante colección de poesía galega. O gañador do premio recibirá, ademais, unha peza cerámica do artista Francisco Pérez Porto, fillo de Xosé María Pérez Parallé.

A entrega do premio terá lugar na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, entidade convocante do premio, o próximo sábado 21 de novembro.

 

 

Arriba

 

Os días 12 e 13 de novembro no Consello da Cultura Galega

O Libro dixital a debate no VI Simposio o Libro e a Lectura

 

(09-Novembro-2009)

 

VI Simposio O libro e a lectura: Libro electrónico, presente e futuro A Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) organizan, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o VI Simposio “O libro e a lectura. O libro dixital: presente e futuro", que terá lugar o xoves 12 e o venres 13 novembro nas instalacións do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Arredor de 120 persoas asistirán a este debate sobre o formato do libro electrónico.

Ao acto inaugural do simposio, programado para o xoves 12 de novembro ás 10.00 h., no salón de actos do Consello da Cultura Galega, asistirán o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín; o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.

Mentres que o ano pasado o simposio se centrou no libro galego no mundo, nesta edición a reflexión e o debate xirarán arredor do libro dixital. O  presente e o futuro do novo formato, que inicia un cambio de  paradigma no mundo do libro, serán abordados por diversos expertos e profesionais do  sector editorial e das novas tecnoloxías.

O xoves día 12 de novembro, a conferencia inaugural das xornadas correrá a cargo de Javier Celaya, socio-fundador del portal cultural Dosdoce.com, e vicepresidente da Asociación de Revistas Digitales de España (ARDE). Dosdoce.com é un portal especializado en analizar o impacto das novas tecnoloxías no sector cultural. De seguido pronunciará o seu relatorio Chema García, director comercial de Publidisa, no que falará da experiencia dixital desta editorial nacida no ano 2000 como unha empresa pioneira en conversión e comercialización de eBooks.

A sesión matutina rematará cunha mesa redonda centrada nos novos paradigmas para editores e lectores. Terá como contertulios a Pablo Odell, da editorial Tokland; Javier Jiménez, de Paradigma del Libro; e Pedro Silva, de Algueirada, S.L. Xa pola tarde, tratarase o asunto da edición dixital no contexto internacional. Os relatores son Josep Maria Vinyes e Iolanda Bethencout, de www.beat.cat, o blog que trata sobre a innovación no mundo da edición dixital.

A xornada do xoves completarase cunha mesa redonda arredor da web e o libro dixital. Os relatores serán Marcos Taracido, de Libro de Notas; Xaime Nogueira, de Andel Virtual; e Fernando Garrido, do Observatorio para a Cibersociedade.

O día 13 de novembro a xornada abrirase coa conferencia de Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, sobre a situación do libro dixital en Galicia. De seguido, abrirase o debate sobre os formatos do libro electrónico a cargo de persoeiros do nivel de Ignacio Latassa, director de Leer-e, o blog especializado en ebooks. Canda el estará Antonio Quirós, conlleiro delegado da editorual dixital Luarna; e Alberto Cano, de Soybits (blog de tendencias na industria editoria electrónical).

De seguido, será a quenda de Denis Zwirn, director da editorial dixital francesa Numilog, quen dará conta da situación do ebook en Francia. O primeiro relatorio da tarde será o de Luís Collado, director Google Books en España, para expor o proxecto do libro dixital da compañía que representa. Finalmente, pronunciará a conferencia de clausura sobre o futuro do libro Joaquín Rodríguez, sociólogo e docente do Máster en Edición da Universidade de Salamanca.

[Programa do VI Simposio o Libro e a Lectura]

 

 

Arriba

 

O programa consiste no estudo sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico galego

A Fundación Antonio Fraguas e a Consellería de Cultura asinan un convenio de colaboración para o desenvolvemento do Proxecto didáctico Antonio Fraguas

 

(07-Novembro-2009)

 

Proxecto didáctico Antón Fraguas O Presidente do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Isaac Díaz Pardo e o Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asinaron un convenio de colaboración co fin de desenvolver a edición número sete do Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas, consistente na realización dun programa de estudo sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico do entorno inmediato de Galicia.

A Consellería, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, concederá á Fundación a cantidade de 17.400 euros, contía que se destinará a garantir a continuidade do Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas e a potenciar a actividade do Museo do Pobo Galego.

A Fundación Antonio Fraguas Fraguas traballa dende hai anos na proxección, conservación e dinamización do patrimonio, que este intelectual e toda a xeración que el representa, crearon e rescataron no ámbito da cultura galega. Antón Fraguas foi fundador, presidente e director do Museo do Pobo Galego, espazo que representa, sintetiza e edifica imaxes, sentidos e significados da tradición cultural de Galicia.

A sétima edición do Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas será organizada, segundo o presente convenio, por un equipo de profesionais designados e dirixidos pola propia Fundación baixo as ordes do presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo, o que actuará como interlocutor fronte á Consellería de Cultura e Turismo. O interlocutor da Consellería será nomeado pola Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e ademais de prestar asesoramento técnico e seguimento das actividades contempladas neste convenio, será o encargado da recepción dos informes sobre a marcha do proxecto.

O proxecto didáctico que a Fundación promove pretende alentar entre a comunidade escolar un traballo sistemático orientado á educación patrimonial, ao coñecemento do medio e á posta en valor dos máis diversos elementos do acervo cultural galego. Este concurso escolar contempla dúas modalidades, unha de ensino primario e outra de ensino secundario, para en cada unha delas elixir un proxecto que se desenvolverá durante o seguinte ano lectivo. Os traballos premiados na sexta edición están expostos estes días no Museo do Pobo Galego.

 

 

Arriba

 

Do 13 ao 21 de novembro no Pazo da Cultura

Carballo acolle as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario

 

(07-Novembro-2009)

 

Alfredo Brañas. Contexto e ideario O salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo acolle os días 13, 14, 20 e 21 de novembro as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e ideario. Organizadas polo Concello e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), pretenden abondar na figura do pai do rexionalismo, centrándose na súa biografía e no seu contexto ideolóxico e cultural, que deu como froito o nacemento do galeguismo. Esta cita monográfica realízase con motivo do 150 aniversario do nacemento de Alfredo Brañas e culmina unha serie de actividades que se teñen levado a cabo ao longo de 2009, como a homenaxe que recibiu o escritor no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela. A asistencia a estas xornadas é de balde, e aqueles membros do profesorado que se inscriban previamente na páxina web da AS-PG, poden obter homologación por 10 horas lectivas.

Despois de dúas edicións, a primeira dedicada ao volframio, e a segunda aos balnearios, as Xornadas de Historia chegan ao seu terceiro ano. Xoán Costa, presidente da AS-PG, subliña que "participan os mellores coñecedores da figura de Alfredo Brañas", e respecto á asistencia, que ten un límite de prazas para o profesorado de 70 persoas, avanzou que xa hai listaxe de espera. En todo caso, aquelas persoas que non formen parte do profesorado e que non precisen da homologación, poden asistir como público sen límite de prazas. O historiador carballés Xan Fraga, un dos poñentes da actividade, quixo lembrar que no centenario do nacemento de Brañas, unhas 10.000 persoas participaron na súa homenaxe, polo que espera recuperar este espírito e doará ao arquivo municipal un libro no que aparece un dos últimos escritos elaborados por Brañas.

Ademais de Xan Fraga intervirán nas xornadas: o venres 13 de novembro o Catedrático de Ciencias Económicas Xosé Manuel Beiras con 'Alfredo Brañas como Protonacionalista Galego'; o sábado 14 estará Xan Fraga con 'Alfredo Brañas: de Carballo a Irlanda' e Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía Portuguesa, con 'Alfredo Brañas no contexto literario do século XIX'; o venres 20 de novembro asiste Ramón Maiz, Catedrático de Ciencias Políticas, con 'Alfredo Brañas: o ideario do rexionalismo católico-tradicionalista'; e pechan o sábado 21 Justo Beramendi, Catedrático de Historia Contemporánea, con 'Brañas na historia do galeguismo, e Carlos Amable, Catedrático de Filosofía, con 'Alfredo Brañas e os símbolos de Galicia'.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere resaltar a vontade do Concello de sobrepasar a lembranza de Alfredo Brañas polo seu 150 aniversario, chegando a "facilitar o seu recoñecemento e a divulgación da súa obra".

[Programa das xornadas Alfredo Brañas, contexto e ideario]

 

 

Arriba

 

Os outros premiados foron a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande e o fiscal Carlos Varela García

Xosé Luís Franco Grande recoñecido co premio San Martiño de Normalización Lingüística

 

(07-Novembro-2009)

 

Xosé Luís Franco Grande O Padroado dos Premios San Martiño da Estrada, que recoñecen a Normalización Lingüística na comarca de Tabeirós Terra de Montes, a normalización no ámbito galego e a normalización durante toda unha vida deu a coñecer os premiados dos premios da súa XIX edición.

Xosé Luís Franco Grande, escritor e membro da Real Academia Galega, foi recoñecido co Premio á normalización durante toda unha vida. O autor nado na provincia pontevedresa de Tomiño foi promotor da Editorial Galaxia, e de múltiples iniciativas de carácter galeguista. É autor dun dicionario galego–castelán que se constituíu nunha auténtica referencia e ferramenta indispensable nos primeiros anos da recuperación do galego. Está en posesión do Premio Nacional de Literatura Rosalía de Castro (1968). Foi varias veces galardoado nas Festas Minervais e obtivo tamén o premio Eduardo Pondal grazas ao seu poemario Brétemas de vieiro. É autor tamén de varias pezas teatrais e cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria.

Os outros premiados foron para a Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande co premio Tabeirós Terra de Montes e o fiscal superior de Galicia Carlos Varela García co premio ao ámbito galego.

Os premios serán entregados nun acto público o vindeiro xoves, 12 de novembro ás 20.00 h. no Teatro Principal da Estrada.

 

 

Arriba

 

Os días 28 e 29 de novembro na Coruña

AchegArte: A feira da cultura galega

 

(07-Novembro-2009)

 

AchegArte Xa o viña anunciando a Concellería de Cultura da Coruña dende hai unhas semanas. A pesares de que este ano non se celebre o Cultur.gal, a cidade celebraría a súa propia Feira da Cultura.

María Xosé Bravo, concelleira de cultura, anunciou a celebración o sábado 28 e o domingo 29 deste mes, a celebración de AchegArte, un novo espazo de encontro para a industria cultural galega que terá lugar no Palexco e no Kiosco Alfonso.

A Concelleira declarou na presentación que AchegArte converterase "nunha festa da cultura, unha festa atractiva para o sector cultural en Galicia", dixo Bravo, ao que engadiu que esta será "unha festa coral feita co entusiasmo e o traballo de moitas persoas, compañías, grupos e demostraremos que é necesaria e imprescindible".

AchegArte será o espazo para consentir a cultura galega. Pretende ser unha festa/feira onde teñan cabida as artes escénicas, as novas tecnoloxías, o audiovisual, a música... En AcheGarte estarán presentes con caseta propia máis de 60 empresas, asociacións profesionais e institucións que impulsan a creación cultural en Galicia nos diferentes sectores presentes na Feira: Sector de libro, artes escénicas, novas tecnoloxías, audiovisual galego, danza, música, animación e artes plásticas.

 

 

Arriba

 

Amaro Orzán e Aurelio Aguirre figurarán no rueiro local

A Coruña nomea ao escritor e poeta César Antonio Molina Fillo predilecto da cidade

 

(07-Novembro-2009)

 

César Antonio Molina O pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade a concesión do título de fillo predilecto da Coruña para o escritor, poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina.

O consistorio da cidade herculina aprobou este recoñecemento pola súa traxectoria docente, xornalística, literaria e intelectual. Variadas asociacións e institucións cidadás coincidiron nesta percepción e solicitaron que a cidade renda unha homenaxe a esta destacada personalidade que demostrou de forma palmaria o seu amor á cidade e a súa profunda sensibilidade coas necesidades e intereses cidadáns, que con cuxo apoio axudou ao recoñecemento da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

O pleno aprobou tamén a proposta de denominación de rúas da cidade para ampliar o rueiro oficial. Deste xeito, os escritores Álvaro Paradela Criado (coñecido literariamente como Amaro Orzán) e Aurelio Aguirre figurarán no rueiro da Coruña.

 

 

Arriba

 

A primeira obra publicada por BDbanda engade un novo galardón á longa listaxe de premios acadados este anos

Premio Nacional de Cómic para As serpes cegas (BDbanda)

 

(07-Novembro-2009)

 

As serpes cegas Felipe Hernández Cava e Bartolomé Segui, guionista e debuxante respectivamente da obra As serpes cegas (BDbanda), foron galardoados o pasado día 5 de novembro co Premio Nacional de Cómic correspondente a 2009.

O xurado estivo conformado por Francesc Capdevila, “Max”, galardoado en 2007; Julio Fernando Martínez, “Mart”, pola Asociación de autores de Cómic de España; Raquel Alzate, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales; Albert Mestres, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros; Horacio Altuna, por FICOMIC; Alberto Corazón, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Guillermo Altares, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España ; y Purificación Campos polo Ministerio de Cultura. Actuou como presidente do xurado o director xeral de Libro, Arquivos e Bibliotecas, Rogelio Blanco e Mónica Fernández Muñoz, Subdirectora Xeral de Promoción do Libro e da Lectura, como vicepresidenta.

As serpes cegas engaden este premio á longa lista de recoñecementos que ven recollendo -tanto a nivel obra como os seus dous autores- desde a súa publicación: mellor obra do Estado pola crítica, Mellor Guión de Historieta Realista polo Diario de Avisos ou o Premio do Saló del Còmic de Barcelona.

 

 

Arriba

 

As xornadas desenvolveranse todos os venres de novembro

A Asociación Barbantia homenaxea a Anxo Rei Ballesteros

 

(07-Novembro-2009)

 

Homenaxe a Anzo Rei Ballesteros A Asociación Cultural Barbantia principiou onte cos actos de homenaxe dedicados á figura de Anxo Rei Ballesteros, finado o 29 de outubro do pasado ano na Coruña.

Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Isaac Maceiras Rivas, alcalde d´A Pobra do Caramiñal; e Carlos Fernández, escritor e crítico literario, participaron na inauguración das xornadas que se desenvolverán en catro xornadas todos os venres deste mes. Tras a presentación Carlos Fernández pronunciou a conferencia O home que disparaba contra os reloxios. Posteriormente presentouse o ensaio Urda e Mundo, do propio Carlos e de Anxo Rei Ballesteros, XXI Premio Ánxel Fole, Fundación Caixa Galicia.

Para o vindeiro venres 13 de novembro as xornadas continuarán a partir das 20.00 h. cunha conferencia de Dolores Vilavedra baixo o título Apuntes para unha contextualización de Dos anxos e dos mortos na narrativa galega contemporánea. Seguirase a esta conferencia a presentación da novela inédita de Anxo Rei Ballesteros A noite do moucho, coa presenza de Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia. Ás 21.10 h. Barbantia e a Colección Bourel presentarán o libro artesán O resto é silencio, con gravados orixinais de Manuel Teira. Rematará esta segunda xornada coa inauguración da exposición dos gravados realizados por Manuel Teira para o libro O resto é silencio.

O 20 de novembro contarase coa presenza de Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo, director teatral e tradutor galego, que comezará os actos desta xornada coa conferencia Teatro como exploración. Ás 21.00 h. proxectarase un documental sobre Anxo Rei Ballesteros realizado polos alumnos do IES d´A Pobra do Caramiñal. A partires das 21.45 h. celebrarase, para finalizar, unha mesa-coloquio ao redor da obra e da vida de Anxo Rei Ballesteros moderada por Xesús Laíño, e na que participarán Carlos Santiago, Manolo Castelao, Jorge Sacido, Alberto Sacido, Manuel Teira e Andrés Esteban.

As xornadas de homenaxe a Anxo Rei Ballesteros concluirán o venres 27 nunha sesión que dará comezo ás 20.30 h. coa presentación do V Anuario de Estudos do Barbanza (Anuario 2009), que será nesta ocasión un monográfico adicado a Anxo Rei Ballesteros. Participarán no mesmo os coordinadores do volume: Manuel Cartea e Román Arén. De seguido mostrarase o texto de Anxo Rei A flor da boca, editado por Barbantia e mais a Deputación Provincial d´A Coruña. Finalizarán os actos coa entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2009, acto que dirixirá e presentará Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia.

Todas as xornadas se desenvolverán no Museo Valle Inclán d'A Pobra do Caramiñal.

[Programa de actos]

 

 

Arriba

 

O primeiro libro en saír do prelo é O dianho e Tom Walker

Nace Edizer livros

 

(07-Novembro-2009)

 

Edizer livros Nace en Santiago de Compostela unha nova editorial. Edizer livros é un proxecto editorial alternativo dedicado á publicación de obras de ficción empregando lingüísticamente a opción reintegracionista dos parámetros normativos da AGAL (Associaçom Galega da Língua).

Edizer livros estréase coa publicación dun clásico das letras: O dianho e Tom Walker, do estadounidense Washington Irving, que tamén abre a colección Mincha e véndese polo precio popular de 2,50 €.

Desde Edizer destacan que este novo selo editorial nace para contribuir e abrir as portas da lusofonia ao mundo do libro galego. Edizer traballa co reintegracionismo lingüístico, o uso exclusivo de software libre en todo o proceso editorial e a publicación das obras baixo licenzas copyleft.

[Edizer livros]

 

 

Arriba

 

O premio está convocado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilanova

Dous traballos innovadores, orixinais e novidosos gañan ex aequo o Premio Valle-Inclán 2009

 

(07-Novembro-2009)

 

Premio Valle-Inclán 2009 Os traballos Ramón del Valle-Inclán: Luces de Bohemia, una revolución dramática con una carta autógrafa inédita de C. Rivas Cherif de Jean Marie Lavaud e Josefina Blanco y Ramón del Valle-Inclán: Pedestal de los sueños de Antonio Deaño Gamallo e Jesús Rubio Jiménez foron os traballos gañadores ex aequo do Premio de Investigación Valle Inclán 2009 convocado pola Deputación Provincial e o Concello de Vilanova.

Con esta iniciativa o xurado pretendeu premiar as ideas innovadoras, orixinais e novidosas no trato da temática. Do mesmo xeito, acordou por unanimidade salientar a altísima calidade de todos os traballos presentados a esta edición do “Premio Valle-Inclán”. Así mesmo e dado que o xurado apreciou aspectos e ideas innovadoras, orixinais e novidosas no trato da temática, acordou por unanimidade conceder un accésit ó traballo titulado Valle-Inclán, Catedrático de Estética (1916-1919) presentado por Jesús Mª Monge López.

O xurado cualificador do Premio Valle Inclán estivo conformado por José Juan Durán Hermida, vicepresidente e presidente da Comisión de Cultura, e os vogais: Víctor Fernández Freixanes, representante do Consello da Cultura Galega; José Antonio Ponte Far, representante da Fundación Valle-Inclán; Alfonso Zulueta De Haz, vicepresidente da Fundación Penzol; Francisco López Rodríguez, representante da Consellería de Cultura e Turismo; Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra; Benito Leiro Conde, periodista; e Mercedes Costas Fernández, representante do Servizo de Cultura. Actuando como secretario Antonio Santos Guerra, xefe do Servizo de Cultura e Deportes desta Deputación.

O premio Valle-Inclán foi constituído no ano 2004 co obxecto de difundir e promover a vida e obra do autor de Luces de Bohemia e para afondar, a través de estudos rigorosos e de prestixio académico, en distintos aspectos da súa biografía e traballo literario.

A entrega do premio realizarase no mes de novembro, nunha data que se determinará proximamente.

 

 

Arriba

 

As novas instalacións albergará 18.000 títulos

Vimianzo conta cunha nova biblioteca municipal

 

(07-Novembro-2009)

 

Inaugúrase a biblioteca municipal de Vimianzo Os veciños de Vimianzo poden utilizar desde o 31 de outubro a nova biblioteca municipal, que ocupa, en dúas plantas, varias dependencias da Casa da Cultura.

Os usuarios disporán de 18.000 títulos en préstamo, ademais doutras publicacións periódicas. Tamén hai puntos de acceso a internet con ordenadores de uso público. O sábado pasado inauguráronse as novas instalacións nun acto ao que asistiron, ademais de alcalde de Vimianzo, Alejandro Rodríguez, outros rexedores da bisbarra. En Vimianzo estiveron o alcalde de Muxía, Félix Porto; o alcalde de Corcubión, Francisco Javier Lema, e o de Zas, Manuel Muíño. O xefe territorial de Cultura, Manuel Varela, e o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, axudaron ao rexedor de Vimianzo a cortar a cinta.

Alejandro Rodríguez lembrou que a primeira biblioteca pública de Vimianzo inaugurouse no 1993 nos baixos do Concello. Pola súa banda Manuel Varela manifestou a súa sorpresa ante o edificio da Casa da Cultura, ao que cualificou de “fantástico e espectacular”. Destacou tamén a importancia de promocionar a lectura nun mundo no que, dixo, “cada vez se le menos”. Ademais avanzou o “compromiso permanente de colaboración” do departamento que dirixe.

O número de libros a disposición do público medrou desde os 7.000 ata os 18.000 das novas instalacións. Entre os fondos pódese encontrar de todo, desde libros infantís ata novelas e obras técnicas. Os lectores poden retiralos en préstamo ou consultalos nalgún dos moitos postos de lectura que hai na nova biblioteca que abrirá ao público todos os días.

 

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Silverio Cerradelo e Aurora Marco na Lareira Literaria de novembro

 

(07-Novembro-2009)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Silverio Cerradelo e de Aurora Marco.

Silverio Cerradelo, tras rematar a súa estadía catalá, onde escribiu o Premio Terra de Melide 2006 Os paxaros tamén migran ao sur (Xerais), prepara a publicación dun novo libro que segundo o autor ourensán convida, a través da vida do seu protagonista, a facermos unha reflexión en torno aos condicionantes e a opresión tan grandes que houbo -e aínda hai- en Galicia, sobre a vida das persoas homosexuais. Para ver este libro nos andeis das librarías os seus lectores teremos que agardar ata o vindeiro ano.

Pola súa banda, Aurora Marco, recoñecida académica e investigadora, autora do Dicionario de mulleres galegas no ano 2007 prepara, igualmente para o vindeiro ano, un novo traballo no cal recupera biografías e historias de vida das guerrilleiras galegas, que son aínda as grandes silenciadas, co obxectivo de deitar luz sobre a participación das mulleres no movemento de resistencia antifranquista.

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» Alvarellos estrea a súa nova sede editorial en Santiago de Compostela

» Cambados celebra as xornadas literarias Ramón Cabanillas. A modernidade  da poesía galega

» Galicia protagonizará unha nova edición da nit envers organizada por  Caixa Catalunya

» O Conselleiro de Cultura e Turismo presentou en Ourense as liñas  estratéxicas do seu gabinete para esta lexislatura

» Eduardo Blanco Amor da súa propia man

» Eduardo Estévez e Eli Ríos gañan o IV Certame de Poesía Erótica 'Illas  Sisargas'

» 17 editoriais galegas estarán presentes na Feira do Libro de Guadalajara

» Yolanda Castaño gaña o premio 'Ojo Crítico' polo seu traballo Profundidade  de campo

» A represión franquista sobre mestres e intelectuais ourensáns e galegos  no IV Congreso Manuel Luís Acuña

» Uxío Novoneyra centra o XV Seminario de Historia de Culleredo

» Artistas únense contra a violencia de xénero

» Concurso Esmorgaphone

» Gran Prix da Biennale du Carnet de Voyage de Clermont para David Pintor

» Poetas di(n)versos aunará a poesía galega coas outras líricas ibéricas

» A Real Academia Galega celebra un plenario extraordinario en Cambados  en homenaxe a Ramón Cabanillas

» A Biblioteca Virtual incorporará nove novos títulos

» As editoriais galegas lánzanse ao mercado dixital

» Ramón Nieto Otero gaña a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosé  María Pérez Parallé

» O Libro dixital a debate no VI Simposio o Libro e a Lectura

» A Fundación Antonio Fraguas e a Consellería de Cultura asinan un  convenio de colaboración para o desenvolvemento do Proxecto didáctico  Antonio Fraguas

» Carballo acolle as III Xornadas de historia: Alfredo Brañas, contexto e  ideario

» Xosé Luís Franco Grande recoñecido co premio San Martiño de  Normalización Lingüística

» AchegArte: A feira da cultura galega

» A Coruña nomea ao escritor e poeta César Antonio Molina Fillo predilecto  da cidade

» Premio Nacional de Cómic para As serpes cegas (BDbanda)

» A Asociación Barbantia homenaxea a Anxo Rei Ballesteros

» Nace Edizer livros

» Dous traballos innovadores, orixinais e novidosos gañan ex aequo o Premio Valle-Inclán 2009

» Vimianzo conta cunha nova biblioteca municipal

» Silverio Cerradelo e Aurora Marco na Lareira Literaria de novembro

 

Novas Novembro 2009