|
Xabier
P. Docampo, libraría Andel, Festina lente,
colección Rescate, as Bibliotecas Públicas
de Oleiros, Asociación Cultural IES Rosalía
de Castro e o IES Blanco Amor de Ourense
Gañadores
dos XVIII Premios Irmandade do Libro
(29-Marzo-2009)
Os
libreiros galegos celebraron a pasada madrugada
os seus tradicionais premios Irmandade do Libro,
desta volta no concello ourensán do Carballiño.
Coñecéndose
de anteman o galardón a Xabier P. Docampo
na categoría de mellor autor, faltaba por
saber aos gañadores do resto de
categorías: Librarías,
Mellor libro do ano 2008, Obra editorial do ano 2008,
Fomento da lectura, Institucións e Centros de ensino. Para
a decisición, o xurado estivo composto por
Xurxo Patiño, presidente da Federación de Libreiros;
Benxamín Riobó, secretario; Xaime Corral,
tesoreiro; Alfonso Vázquez-Monxardín, profesor de Lingua
Galega; Xosé Carlos Caneiro, escritor; Belén Solleiro Díaz,
bibliotecaria e Gregorio Ferreiro
Fente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os
gañadores da XVIII edición dos
premios Irmandade do Libro foron:
Mellor
libraría: Andel do Libro Galego e Portugués
(Vigo)
Mellor
libro do 2008: Festina lente (Xerais)
de Marcos S. Calveiro
Obra
editorial do 2008: Colección rescate
de Alvarellos Editora
Fomento
da lectura: Bibliotecas Públicas de Oleiros.
Institucións:
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Centros
de ensino: IES Blanco Amor
(Ourense)
[Gañadores
da pasada edición]
|
|
|
|
Será
Académico Numerario da Sección de
Artes da Imaxe
Miguelanxo
Prado ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes
(29-Marzo-2009)
A
Real Academia Galega de Belas Artes 'Nosa Señora
do Rosario' ven de nomear na súa última
sesión ordinaria ao debuxante Miguelanxo
Prado como membro da mesma.
Miguelanxo Prado resultou
elixido Académico Numerario da Sección de Artes da Imaxe, recoñecéndose
así a súa contribución no campo do deseño, o que lle converteu o máis
destacado representante galego desta arte no ámbito internacional.
Tamén
foi elixido membro Correspondente, don José Torres Casal, en
recoñecemento ao meritorio labor desenvolvido na Institución ao longo
de 47 anos, sendo neste momento a "memoria viva" da Academia.
|
|
|
|
A
montaxe de Teatro do Atlántico está
baseada na obra de título homónimo
coa que Teresa Moure gañou a Rafael Dieste
para textos teatrais
Unha
primavera para Aldara, gran vencedora dos María
Casares de Teatro
(26-Marzo-2009)
Unha
primavera para Aldara, de Teatro do Atlántico,
foi a gran vencedora na entrega de premios da décimo
terceira edición dos Maria Casares de Teatro.
A montaxe de Teatro do Atlántico logrou un
total de sete premios: Mellor espectáculo,
Mellor dirección, Mellor actriz protagonista,
Mellor escenografía, Mellor texto orixinal,
Mellor iluminación e Mellor vestiario.
O
teatro Rosalía de Castro da Coruña
sirviu de escenario aos premios anuais creados pola Asociación de Actores e Actrices de
Galicia (AAAG) para serviren de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido
pola profesión teatral galega.
A
obra de Teresa Moure, que xa fora galardoada co
Premio Rafael Dieste de Teatro que convoca a Deputación
da Coruña, sitúa a trama nun cenobio no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas.
|
|
|
|
Mariví
Villaverde representa desde o anonimato os exiliados
e exiliadas represaliados cuxa memoria compre restaurar
A
AELG homenaxeará o vindeiro sábado
a Mariví Villaverde na sexta edición
de "Os Bos e Xenerosos"
(25-Marzo-2009)
A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a
sexta edición de “Os Bos e Xenerosos”, recoñecemento anual da figura dun
escritor ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social,
contribuíse á difusión pública da nosa cultura. Con esta homenaxe, dedicada
este ano a Mariví Villaverde, destácase, sobre todo, un compromiso ético coa
cultura de Galicia.
Con esta sexta edición, que se celebrará o vindeiro
sábado 28 de marzo no Museo de Pobo Galego (R/ San Domingos de Bonaval)
en
Compostela, preténdese poñer de relevo a exemplar traxectoria de Mariví
Villaverde, que representa desde o anonimato os exiliados/as represaliados/as
cuxa memoria cómpre restaurar. Ao mesmo tempo é a xusta homenaxe aos colectivos
que traballan na recuperación da Memoria Histórica.
Mariví Villaverde
no ronsel das boas e xenerosas.
Escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir
e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non
vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e
honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví
Villvarde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia,
mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e
alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de
Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan,
traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade
lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde,
alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas.
Decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na
Editorial Alborada, reeditado por Ediciós do Castro (1987) e nunha versión en
galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle
devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para
entrar na historia das nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e
silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia
de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan
tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa
común e o desexo de construir un mundo mellor. Historias de cicatrices que
atravesan todas as alfándegas. Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello
pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en
congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío.
Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle
tocou vivir, empeñada en sembrar a dignididade coa que Galiza loitou e defendeu
a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa
compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu
traballo diario.
Programa de actos
12.30 h.
Acto
musical a cargo do Grupo Instrumental Século XX, que interpretará obras do
compositor Paulino Pereiro.
12.45 h.
Intervención
de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG. Lectura
da acta de concesión do premio a cargo de Mercedes Queixas, secretaria xeral da
AELG. Laudatio
pronunciada por Marga do Val. Entrega
dunha placa conmemorativa á homenaxeada. Resposta
á laudatio de Mariví Villaverde.
|
|
|
|
Tanto
a obra gañadora como as outras dúas
finalistas serán publicadas nun libro-cd
por Xerais o 15 de abril
Peter
Buckley, de Rubén Ruibal e César
Candelas, obra gañadora do III Premio "Diario
Cultural" de Teatro Radiofónico
(25-Marzo-2009)
Peter
Buckley, escrita por Rubén Ruibal e César
Candelas Colodrón, foi a obra elixida polo
xurado como gañadora do III Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico.
O Premio da audiencia foi tamén para Peter Buckley,
quedando como
finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O
xou mas gou on de Eva Freixeira.
O xurado estivo composto por Cristina Domínguez, directora do Centro
Dramático Galego; Ana Romaní, directora do "Diario Cultural" da Radio
Galega;
Flor Maceiras, actriz e profesora na Escola de Teatro de Narón; Cándido
Pazó, actor e director e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado
destacou que a obra gañadora, Peter Buckley, é unha historia que
emprega pautas do xénero negro, convertendo a estrutura do relato nunha
translación radiofónica dun ambiente cinematográfico. Valora ademais a
escrita áxil, contundente e madura, con personaxes ben perfilados.
Tanto
Peter Buckley como as outras dúas
finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste
libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no
transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
[Escoitar
Peter
Buckley,
de Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón]
[Escoitar
Servizo
de información,
de Paula Carballeira]
[Escoitar
O
xou mas gou on,
de Eva Freixeira]
|
|
|
|
Do
23 ao 26 de marzo en Lugo
A
Fundación Casares organiza unhas xornadas
sobre a figura Ramón Piñeiro
(23-Marzo-2009)
A Fundación Carlos Casares organiza desde
hoxe ata o xoves 26 de marzo as Xornadas Ramón
Piñeiro na Galicia so século XX.
que se desenvolverán no Salón
de Actos da Deputación Provincial de Lugo.
Importantes estudosos, escritores xornalistas e filósofos participan
nestas importantes xornadas co fin de dar a coñecer a personalidade e a
carreira política de Ramón Piñeiro. Entre outros estarán Darío
Villanueva, Xesús Alonso Montero, Gerardo Fernández Albor, Justo
Beramendi ou Ramón Máiz.
A
entrada é libre e gratuíta para todos
os asistentes,
con certificación de asistencia para os interesados, que poden
inscribirse no mesmo lugar de celebración das xornadas.
[Xornadas
Ramón
Piñeiro na Galicia do século XX]
|
|
|
|
Ata
trece concellos acollerán unhas das feiras
do libro que arrancarán no mes de abril en
Ferrol
A
Consellería de Cultura e Deporte e a Federación
de Libreiros convocan as feiras do libro para o
2009
(23-Marzo-2009)
Trece
concellos galegos acollerán ao longo deste
2009 as diferentes Feiras do Libro que organiza
a Consellería de Cultura e Deporte xunto
á Federación de Libreiros de Galicia,
dentro das actividades conxuntas de promoción
do libro.
As
datas e os concellos de celebración son os
seguintes:
Ferrol: do 22 ao 26 de abril.
Santiago de Compostela: do 1 ao 10 de maio.
Lugo: do 16 ao 24 de maio.
Ourense: do 30 de maio ao 7 de xuño.
Lalín: do 11 ao 14 de xuño.
Vigo: do 3 ao 12 de xullo.
Noia: do 16 ao 19 de xullo.
A Coruña: do 1 ao 10 de agosto.
Viveiro: do 13 ao 16 de agosto.
Foz: do 20 ao 23 de agosto.
Monforte de Lemos: do 27 ao 30 de agosto.
Ribadeo: do 5 ao 8 de setembro.
Santa Comba: do 13 ao 16 de agosto.
|
|
|
|
Xabier
P. Docampo recollerá o premio como mellor
autor do 2008
Carballiño
acollerá os premios da XVIII edición
dos Irmandade do Libro
(23-Marzo-2009)
O
concello ourensán de Carballiño é
o escenario escollido polos libreiros galegos para
entregar o vindeiro 28 de marzo os galardóns
correspondentes á XVIII edición dos
premios Irmandade do Libro.
O
único gañador coñecido antes
da gala do vindeiro venres é o premio a Xabier
P. Docampo na categoría de autor. O resto
dos finalistas son:
Librarías
Andel do Libro Galego e Portugués
(Vigo)
Libraría Porta da Vila
(Viveiro)
Libraría Paz
(Pontevedra)
Mellor libro do ano 2008
Fin de século en Palestina
(Galaxia) de Miguel Anxo Murado
Festina lente
(Xerais) de Marcos S. Calveiro
O xardín das pedras flotantes
(Xerais) de Manuel Lourenzo
Obra editorial do ano 2008
As flores do mal
(Galaxia) de Charles Baudelaire
Guía das plantas de Galicia
(Xerais) de Xosé Ramón García
Colección rescate
de Alvarellos Editora
Fomento da lectura
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas da Coruña
Asociación Cultural Lonxa Literaria
(Moaña)
Institucións
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán
Centros de ensino
CEIP de Quintela
(Moaña)
CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo
(Pontevedra)
IES Blanco Amor
(Ourense)
|
|
|
|
Os
resultados definitivos coñeceránse
no transcurso da Cea das Letras o vindeiro 9 de
maio
Os
escritores e escritoras elixen os mellores libros
do 2009
(20-Marzo-2009)
Os Premios AELG, que
conceden os escritores e as escritoras aos seus
compañeiros, xa teñen finalistas para
a edición do 2009. Tras unha segunda quenda,
desvelaranse aos gañadores no transcurso da Cea das Letras, que se celebrará
o día 9 de maio no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
Nos
Premios da AELG recoñecerase a mellor obra publicada no 2008 en cadanseu xénero: Ensaio, Literatura Infantil e Xuvenil (en colaboración con Gálix), Poesía, Narrativa, Tradución (en
colaboración coa Asociación Galega de Tradutores), Teatro e Traxectoria
Xornalística (que premiará o/a autor/a coa mellor traxectoria xornalística
do 2008, e para cuxa elección se contará cos votos dos/as membros do Colexio de
Xornalistas). Para a edición deste ano incorporase por vez primeira o premio ao mellor blog literario.
Finalistas
Literatura
infanto-xuvenil
A cabeza da medusa
(Xerais) de Marilar Aleixandre,
Caderno de animalista
(OQO) de Antón Fortes,
Fume (OQO)
de Antón Fortes,
O libro das viaxes imaxinarias
(Xerais) de Xabier P. DoCampo,
e PAlAbrAs brAncAs
(Xerais) de Elvira Riveiro
Poesía
A melancolía dos corpos
(Sociedad de Cultura Valle-Inclán) de Xulio López Valcárcel,
Acendede as almenaras: cántigas de amor, de
amigo e de escarnio (Xerais) de Bernardino Graña,
Amor Amén
(Xerais) de Iolanda Zúñiga,
construcións
(Positivas) de Eduardo Estévez,
Cultivos transxénicos
(Instituto de Estudos Miñorianos) de Carlos Negro,
Hordas de escritura
(Xerais) de Chus Pato,
Látego de algas
(Espiral Maior) de Antón Reixa,
Libro de Alicia
(Espiral Maior) de Olalla Cociña,
Migracións
(Espiral Maior) de Rafa Villar,
Non son de aquí
(Xerais) de María do Cebreiro,
O xeito de Freud
(Espiral Maior) de Carlos Lema,
e Reversos: días adiados
(Xerais) de Ramiro Fonte
Teatro
Fume / Insomnio
(Estaleiro) de Rubén Ruibal e
Carlos Losada, Historia da chuvia que cae todos os días
(Xerais) de Roberto
Salgueiro, Nachtmahr
(Xerais) de Raúl Dans,
Unha primavera para Aldara
(Deputación da Coruña) de Teresa Moure.
Ensaio
Anti Natura
(Xerais) de María Xosé Queizán,
Caderno de notas
(A Nosa Terra) de Jenaro Marinhas del
Valle, Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión
nacional (Xerais) de Carlos Taibo, Fin de século en Palestina
(Galaxia) de Miguel Anxo
Murado, Historia de Ourense
(Xerais) de Marcos Valcárcel,
Miro Casabella e a nova canción galega
(Galaxia) de Xan Fraga,
O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a
textos literarios (Edicións Espontáneas) de Luís G. Soto,
O natural é político
(Xerais) de Teresa Moure,
e Por unha Galiza liberada e novos ensaios
(Espiral Maior) de Xosé Manuel
Beiras
Tradución
A conxura dos necios
(Faktoría K) de John Kennedy Toole
con tradución de Eva Almazán;
As flores do mal (Galaxia)
de Charles Baudelaire, traducido por Gonzalo Navaza;
Cantos e fragmentos
(Positivas) de Safo, tradución
de Raúl Gómez Pato;
O xiro postal
(Rinoceronte) de Sembène Ousmane, traducido
por María Isabel García
Fernández; e Un home na escuridade
(Galaxia) de Paul Auster
e tradución de Eva Almazán.
Narrativa
A choiva do mundo
(Galaxia) de Xosé M. Pacho Blanco,
A verdade como mal menor
(Galaxia) de X. Luís Martínez Pereiro,
Costa Norte/ZFK
(Galaxia) de Xurxo Borrazás,
Festina lente
(Xerais) de Marcos S. Calveiro,
Memoria de cidades sen luz
(Galaxia) de Inma López Silva,
O libro das viaxes imaxinarias
(Xerais) de Xabier P.
DoCampo, O profesor de vegliota
(Xerais) de Manuel Veiga,
O xardín das pedras flotantes
(Xerais) de Manuel Lourenzo
González, Os nomes do traidor
(Xerais) de Xurxo Sierra Veloso,
e Shakespeare destilado
(Galaxia) de Xesús Constela.
Mellor traxectoria
xornalística
Ana Romaní,
Bieito Iglesias, Camilo Franco,
Gustavo Luca de Tena, Marcos Valcárcel, Xosé Manuel Eyré
e Xosé Manuel Pereiro.
Mellor blog literario
…mmmm…
de Estíbaliz Espinosa, As uvas na solaina
de Marcos Valcárcel, Das orixes de marzo de
Helena González, Lándoa. Marxes de Texto
de Arturo Casas,
Henrique Marques-Samyn
de Henrique Marques-Samyn,
e O levantador de minas
de Alfredo Ferreiro.
|
|
|
|
O
xurado estraá composto por catro centros
de ensino que, cando o IES Rosalía de Castro,
farán parte do xurado
Memoria
de cidades sen luz, Conexión Tubinga
e O xardín das pedras flotantes, finalistas
da XV edición do Premio San Clemente
(20-Marzo-2009)
O
Comité seleccionador do Premio Arcebispo
Juán de San Clemente deu coñecer os
nove finalistas que optarán aos premios da
XV edición deste certame onde o xurado está
composto por rapaces e rapazas de institutos de
secundaria.
Os
finalistas en lingua galega son Memoria de cidades
sen luz (Galaxia) de Inma López Silva,
Conexión Tubinga (Xerais) de Alberto
Canal, e O xardín das pedras flotantes
(Xerais) de Manuel Lourenzo González.
Na
categoría de castelán son finalistas
La casa de Dostoievski (Planeta) de Jorge
Edwards, El día de hoy (Alfaguara)
de Alejandro Gándara e Dientes de leche
(Seix Barral) de Ignacio Martínez Pisón.
Finalmente, optan ao premio de mellor novela en
lingua estranxeira Chesil Beach (Anagrama)
de Ian MacEwan, Tren nocturno a Lisboa (El
Aleph) de Pascal Mercier, e El chino (Tusquets)
de Henning Mankel.
O
xurado darase a coñecer nos vindeiros días
e estará formado por un instituto por cada
unha das provincias galegas canda o IES Rosalía
de Castro de Compostela, organizador do acto. Este
ano, ademais, estase a meditar a opción de
incluír un instituto de fora de Galicia ante
a posibilidade de que finalmente a obra premiada
en galego sexa traducida ao castelán.
|
|
|
|
A
biblioteca contará cun fondo bibliográfico
de obras escritas por e sobre mulleres
O
Concello de Muxía inaugura a Biblioteca da
Muller coa finalidade de afondar no coñecemento
a través das obras das mulleres
(18-Marzo-2009)
O
Concello de Muxía ven de inaugurar a Biblioteca
da Muller, un espazo situado dentro da biblioteca
municipal do concello, que conta cun fondo bibliográfico
de obras escritas por mulleres, sobre mulleres
ou sobre temáticas que afectan á muller.
Esta
sección, posible grazas á colaboración
entre as Concellerías de Servizos Sociais,
a Concellería de Cultura, Muller e Xuventude
e o financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia,
pon a disposición do público obras sobre
feminismo, filosofía, antropoloxía, arte, literatura
infantil, poesía, novela… escritas por mulleres ou que aborden todos
estes temas dende unha perspectiva de xénero.
Desde
as dúas concellerías, concordan en
destacar a achega da muller á historia da
humanidade e
de dotar á Biblioteca Municipal dun fondo de documentación para afondar
na problemática da muller ou nas distintas areas de coñecemento a
través das obras de mulleres.
Entre
os obxectivos marcados con este novo servizo están
a recuperación
e visibilización da achega da muller á historia da humanidade, ao
mundo das ideas, das artes, das ciencias… ámbitos nos que
tradicionalmente apareceu infrarrepresentada. A creación dun espazo para temas relacionados coa muller desde unha perspectiva de xénero de fácil acceso para toda a poboación,
así como erradicar prexuízos e actitudes machistas ou misóxinas
e a concienciación da poboación sobre comportamentos sexistas moi arraigados socialmente.
|
|
|
|
O
Concello de lugo publicará nun volume os
relatos gañadores e os finalistas das dúas
categorías
Xoán
Xosé Piñeiro e Saturnino Valladares,
gañadores do 'Ánxel Fole' de narración
curta
(18-Marzo-2009)
Un
ano máis, a Concellería de Cultura
e Turismo do Concello de Lugo ven de facer públicos
os gañadores do Certame de Narración
Curta 'Ánxel Fole', que este ano chega a
súa décima edición.
Os
gañadores deste premio, que se divide nas
modalidades de relatos en galego e en castelán,
foron Xoán Xosé Piñeiro en
galego por O valedor e Saturnino Valladares
en castelán por Mujeres para entretener
a un preso. Os
membros do xurado da categoría de galego, formado polo
filólogo Iago Rodríguez
Yáñez e os poetas Carlos Vázquez e Xavier Rodríguez
Barrio, destacaron do traballo gañador “a
uniformidade da súa narrativa que consegue manter o interese do lector
ata o final, así como a riqueza do seu léxico para tratar a historia un
enfermo psiquiátrico que se toma a xustiza pola súa man”.
"A
riqueza no manexo do idioma, a súa capacidade narrativa para a recreación de ambientes mesturada cun gran lirismo"
foron os factores que, segundo o xurado da categoría
de castelán, fixeron merecedor do premio
a Saturnino Valladares.
O
concello de Lugo publicará nun volume tanto
os relatos gañadores en ámbalas dúas
categorías, como as obras finalistas: A
endeble esencia, de Martiño Maseda e
El animal, de José Manuel Moreno.
|
|
|
|
No
2008 publicáronse máis de tres millóns
e medio de exemplares
Galicia
é a quinta comunidade que máis publica
con 2.070 títulos editados no 2008
(16-Marzo-2009)
O Instituto Nacional de Estatística (INE) ven
de facer público o informe estatístico
sobre a produción editorial do 2008.
Destaca o aumento de libros editados tanto no
Estado Español como en Galicia. A nivel estatal, incrementouse en cerca de 14.000
os títulos editados e en case trinta millóns máis de exemplares publicados. Galicia
pasou dos 2.364 títulos publicados no 2007 ata os 3.747 títulos no 2008 que fan
un total de 5,25 millóns de exemplares, situándose en produción como a quinta
comunidade autónoma tras Catalunya, Madrid, Andalucía e Valencia.
Incrementouse igualmente o número de títulos
en galego, que pasou dos 1.472 publicados no 2007 ata os 2.070 do 2008, dos
cales 733 correspondeu a obras literarias, 420 a publicacións oficiais e
267 a
literatura infantil e xuvenil. En total imprimíronse en Galicia máis de tres
millóns e medio de exemplares en galego e 1,61 millóns de exemplares noutras
linguas.
A Coruña sitúase no ranking galego que máis
publica con 2.158 títulos e 2.778.000 de exemplares, seguida de Pontevedra con
1.283 títulos e 2.194.000 exemplares e de Lugo e Ourense con 153 títulos e
134.000 exemplares cada unha destas dúas provincias.
Cómo dato negativo e preocupante está o
descenso de títulos en galego traducidas cara outras linguas. Se no 2007 traducíronse
40 títulos, no 2008 soamente foron 22, dos cales 13 foron narrativa e 6 de
literatura infantil e xuvenil.
Outro dato a subliñar é a eficacia das librarías,
que un ano máis segue a ser o principal canle de ventas de libros.
[Máis
información no INE]
|
|
|
|
Os
membros do xurado salientaron de Palabras para un
baleiro o seu ritmo e a súa visualidade
Baldo
Ramos gaña o IX Premio de poesía 'Fiz
Vergara Vilariño'
(16-Marzo-2009)
O poeta
e artista celanovés Baldo Ramos resultou gañador do IX premio de poesía
Fiz Vergara Vilariño. O certame, organizado
pola Agrupación Cultural Ergueitos e Concello
de Sarria, é un dos máis importantes
do país e conleva, ademais do premio económico,
a publicación da obra. Este certame foi obtido
por algúns dos nosos poetas máis importantes,
como Marica Campo, Martín Veiga ou Emma Pedreira.
O
xurado desta edición, composto polo concelleiro de Cultura de
Sarria, Xermán Arias; a Presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos,
María Casar (ambos con voz e sen voto) e os poetas Xosé Antón Neira
Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés,
destacaron de Palabras para un baleiro, a
obra gañadora asinada por Baldo Ramos, o
seu "achegamento existencialista, case
filosófico. Unha
poesía esencializada con moito sentido do ritmo" e a súa
profunda "visualidade", froito do seu
traballo artístico.
|
|
|
|
Trátase
dun total de tres libros e dous cedés con
cabeceiras de Arxentina, Cuba e Galicia
O
Centro Ramón Piñeiro recupera cinco
cabeceiras da prensa galega da emigración
(13-Marzo-2009)
Hoxe
tivo lugar a presentación de cinco novos traballos levados a cabo por
investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades,
que teñen como nexo común a recuperación de cabeceiras da prensa galega
na emigración durante os séculos XIX e XX. O coordinador deste proxecto
é Luís Alonso Girgado, que foi o encargado de explicar polo miúdo os
contidos dos tres libros e dos dous cedés que se acaban de editar, que
inclúen facsímiles e estudos complementarios.
Marisol López,
secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, felicitou as persoas que participaron nestes proxectos
de estudo e recuperación da memoria histórica e, en especial, a Alonso
Girgado. Ademais, fixo fincapé na importancia desde o punto de vista
histórico e sociolóxico destas publicacións. Do mesmo xeito, destacou o
papel do Centro Ramón Piñeiro como referente para a investigación en
materia de lingua e cultura galegas, e como espazo de formación para os
novos investigadores.
Os cedés que acaban de ver a luz levan por título Prensa galega de Arxentina (1935-1964) e Escolma de Almanaques Galegos (1865-1929). O primeiro deles reúne mostras de exemplares dun total de cinco cabeceiras de prensa: Coro Brétemas e Raiolas, Abrente, Betanzos, Unión Estradense e Airiños. Estes medios de comunicación contiñan informacións de temática musical ou cultural, entre outras. Pola súa parte, o cedé Escolma de Almanaques Galegos (1865-1929)
reúne 18 mostras de Cuba, Arxentina e Galicia, de Manuel Castro López,
Leandro Saralegui ou Soto Freire, da editorial Céltiga ou de medios de
prensa como La Concordia ou La Monarquía. Trátase de
almanaques de cidades, provincias ou da comunidade galega publicados en
Galicia ou na emigración, con estudos, informacións, mostras de
creación literaria e crónicas, que van precedidas dun completo estudo
introdutorio.
Polo que atinxe aos libros publicados, o volume 1895. Almanaque Gallego
constitúe a recuperación dunha obra que viu a luz na Coruña no ano
1894, dirixida por Farruco Lage e Guillermo Díaz. Unha das
peculiaridades deste traballo é que está escrito integramente en galego
nas máis de 150 páxinas que ocupa. Este almanaque, en formato libro de
peto, inclúe textos en verso e prosa e contén achegas de Salvador
Golpe, Galo Salinas ou Alejandro Barreiro.
Lérez (Bos Aires, 1962) foi unha publicación do Centro
Pontevedrés de Bos Aires conmemorativa do seu vixésimo aniversario.
Este traballo permite coñecer interesantes datos sobre a cidade e a
provincia de Pontevedra relativos á súa historia, á paisaxe, á
industria da pesca, á música, e, ao mesmo tempo, aborda cuestións
relacionadas coa lingua e coa identidade política. Tamén a figura de
Castelao está presente de forma constante nas páxinas desta
publicación.
Por último, Céltiga (Bos Aires, 1924-1932) está considerada
unha das grandes cabeceiras da prensa galega na Arxentina, un peso que
adquiriu en parte grazas á lista de destacados colaboradores, entre os
que figuraban Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Otero Pedrayo, os
irmáns Vilar Ponte, Cabanillas, Lugrís Freire, Victoriano Taibo ou
Amado Carballo. Na súa nómina de ilustradores, contaba tamén con
prestixiosos artistas galegos, como Castelao, Sobrino ou Maside. Os
fundadores de Céltiga foron Domingo Rial e Ramón Peña, e dous dos seus
directores foron Suárez Picallo e Blanco Amor. Esta cabeceira, de corte
eminentemente cultural, distinguiuse en boa medida por asentar un
discurso político galeguista moderado e progresista.
Os cinco proxectos que se deron a coñecer hoxe viron a luz
grazas ao traballo desenvolvido por Luís Alonso Girgado, Manuel
Quintáns Suárez, Élida Abal Santorum e Alexandra Cillero Prieto.
|
|
|
|
O
Consello da Xunta tomou hoxe a decisión tras
o aval da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora
do Rosaio, o Consello da Cultura Galega e a Universidade
de Santiago
A
casa de Castelao en Rianxo ven de ser declarada
Ben de Interese Cultural
(12-Marzo-2009)
O Consello da Xunta declarou hoxe a casa familiar de Castelao en
Rianxo Ben de Interese Cultural, coa categoría de sitio histórico. Esta
declaración recoñece o valor histórico e simbólico da casa e outórgalle
o máximo grao de protección prevista na lexislación para o patrimonio
cultural.
A declaración efectiva prodúcese unha vez que o 17 de febreiro deste
ano os técnicos da Consellería de Cultura entrasen no inmoble para comprobar o estado
actual do seu interior e das súas pertenzas. Realizouse ademais unha
reportaxe fotográfica para incorporar á documentación do expediente de
declaración de BIC.
A declaración de BIC como sitio histórico vén avalada polo informe
favorable de tres organismos consultivos: a Real Academia de Belas
Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e a
Universidade de Santiago de Compostela. O decreto de declaración
aprobado hoxe polo Consello da Xunta sinala que a casa ten un
indiscutible valor simbólico e constitúe o espazo no que se formou como
artista, intelectual e político a figura máis relevante da Galicia do
século XX.
No decreto arguméntase que na biografía de Castelao "a casa familiar de
Rianxo significou o punto de ida e permanente retorno, o lugar que foi
entendido popularmente como un santuario de galeguidade, e así se
entendeu sempre nos ámbitos culturais e sociais de Galicia. O domicilio
familiar constituíu a súa referencia fixa na súa vila natal, e
consecuentemente existía unha estreita identificación, privada e
pública, de Castelao con aquel".
No decreto explícase que a casa "permaneceu baixo propiedade e uso da
familia de maneira ininterrumpida durante case un século, sen que
apenas mudase por dentro desde os anos anteriores á Guerra Civil, polo
que conserva fielmente a fasquía e o ambiente das casas vilegas de
clase media do primeiro terzo do século XX, neste caso no ámbito dunha
vila mariñeira". No decreto sinálase que a casa presenta a posibilidade
real de revivir o ambiente vital máis íntimo de Castelao.
|
|
|
|
En
total serán 700 libros e 246 teses de doutouramento
dos anos 2007 e 2008
Google
dixitalizará parte dos fondos editoriais
da Universidade de Santiago
(12-Marzo-2009)
Tras
o acordo chegado entre Galaxia e Google para a dixtalización
do seu fondo editorial agora é a Universidade
de Santiago quen ven de asinar un acordo con Google
polo que unha parte dos fondos editoriais da USC estarán dispoñibles en internet a través de
Google Books, que permitirá difundir na rede unha importante selección dos libros que edita o
Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da institución docente e que a converte na primeira das galegas que se suma a esta iniciativa.
Google
Books é un servizo que indexa a información contida en centos de miles
de publicacións impresas para ofrecer aos usuarios a posibilidade de
que atopen calquera dato dentro deles. Na actualidade ten xa máis de
sete millóns de libros dixitalizados dispoñibles en máis de cen idiomas
diferentes, sendo o español o segundo máis empregado nas buscas.
Concretamente
serán 700 libros e 246 teses de doutoramento defendidas nos anos 2007 e
2008 os volumes da USC que Google Books ofrecerá no seu web nun
primeiro momento, co obxectivo final de aloxar todo o seu fondo
editorial e así contribuír á difusión do labor investigador e de
divulgación que caracteriza ás Universidades.
Como explicaron
o pasado martes en rolda de prensa o vicerreitor de Cultura, Elias Torres,
o responsable de Google Búsqueda de Libros, Luis Collado, e o director
académico do Servizo de Publicacións da USC, Antonio Azaustre, os
títulos volcados na rede respectarán sempre a protección dos dereitos
legais que permiten amosar só un máximo do 20 por cento, ademais da
portada, contraportada, índices e lapelas. O resto do libro permanecerá
oculto para o lector e as partes visibles non poderán descargarse nin
imprimirse, ao igual que se fai nas preto de vinte Universidades
españolas que xa teñen asinados contratos similares coa empresa
norteamericana.
Mentres que a dixitalización das obras é
responsabilidade de Google, a comercialización dos volumes
dixitalizados ou indexados continuará a cargo da Universidade que en
breve activará o servizo de compra por internet con carriño propio a
través da súa páxina institucional.
Na rolda de prensa estiveron
tamén presentes a directora, o editor e o administrador web do Servizo
de Publicacións da USC, Marisa Melón, Juan Blanco e José Ramón Gómez,
respectivamente; así como a directora da Biblioteca Xeral da USC,
Isabel Casal.
|
|
|
|
Neuston.
Proxecto 1. Explorando a interface
Un
diálogo entre artistas e científicos
co mar de fondo protagonizan a nova exposición
do Museo do Mar de Vigo
(09-Marzo-2009)
Tomando como
metáfora o neuston, que define a comunidade de organismos que viven asociados á
superficie, na interface auga-aire, o Museo do Mar de Vigo presenta a
exposición NEUSTON. Experimento 1. Explorando a interface, onde científicos e escritores
dialogan sobre ciencia e arte no entorno do mar e das ciencias mariñas de
Galicia.
Neuston,
proposto como un experimento transdisciplinar, estabelece a colaboración de
quince tándems de científicos e artistas. A partir dunha publicación científica,
o investigador exponlle ao artista un aspecto concreto do seu traballo, inicio
dun diálogo a partir do cal o artista realiza a súa proposta. Esta exposición
mostra o resultado do experimento, en forma de dípticos onde ambas as linguaxes
aparecen confrontadas.
Os tándems de
participantes son: Antonio A. Alonso – Xosé María Álvarez Cáccamo; Xosé A.
Salgado – Víctor Freixanes; Eva
Balsa – Martín Caeiro; Antonio Figueras – Miguel Vázquez ;
José Franco – Gonzalo Navaza; José L. Garrido – Din Matamoro; Carmen G. Sotelo
– Xavier Queipo; Angel Guerra – Miguel Anxo Prado; Marta L. Cabo – Marilar
Aleixandre; Isabel Medina – Fran Alonso; Miguel A. Murado – Vítor Vaqueiro;
Santiago Pascual – Rosa Aneiros; José Pintado – Fernando Casás; Miguel Planas –
Manuel Sendón ; e Fran Saborido – Manuel Vilariño.
A presentación
de Neuston. Experimento 1 terá lugar este venres 13 de marzo no Museo do Mar de Vigo ás 20.00 h. e contará coa presenza da Conselleira de Cultura Ánxela
Bugallo e da directora do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) Aída
Fernández Ríos.
|
|
|
|
No
sexo a lingua serve para moitas cousas
Quente,
quente... o sexo volve á rede
(09-Marzo-2009)
"No sexo a lingua serve para moitas cousas".
Baixo esta premisa o xornal dixital Vieiros
convoca por segundo ano consecutivo, coa colaboración
da Secretaría Xeral de Política Lingüística,
o certame
de microrrelatos eróticos 'Ferve a Rede'.
Un
dos principais obxectivos do concurso é a
normalización da lingua nun ámbito
como o sexual. Este concurso, iniciado en 2008,
non era a primeira vez que Vieiros lanzaba unha
iniciativa relacionada co erotismo ou o sexo, e
a súa relación coa lingua galega,
velaí están os antecedentes con Necesariamente
X ou o Vocabulario sexual galego.
Todos
os participantes poden enviar os seus microrrelatos
eróticos a Vieiros desde o 10 de marzo ata
o 24 de abril. Os mesmos non poderán exceder
dos 690 caracteres.
O
premio 'quente' consistirá nunha viaxe e
estadía de tres noite a Bruxas (Bélxica)
para dúas persoas nun céntrico hotel
de catro estrelas, gozando do seu 'paquete romántico'.
Ademais, todas as persoas que participen no certame
entrarán nun sorteo para facerse cunha estadía
dunha fin de semana nun hotel en Amarante (Portugal),
tamén con 'paquete romántico' e tratamento
VIP.
[Ferve
a Rede '09]
|
|
|
|
De
que estou a falar cando falo de correr está
publicada pola editorial Galaxia
Haruki
Murakami presentará a súa última
novela en Santiago de Compostela
(08-Marzo-2009)
Coincidindo
coa data sinalada para a presentación da súa última
novela, o escritor xaponés Haruki Murakami
estará este mércores no Casino de
Santiago de Santiago de Compostela para falar de
Do que estou a falar cando falo de correr,
publicada por Galaxia e traducida directamente do
xaponés por Mona Imai e e Gabriel Álvarez Martinez.
Nesta
nova entrega Murakami relata as súas experiencias como corredor de
maratóns e o xeito en que isto inflúe no seu traballo como novelista. O título é unha homenaxe ao
escritor norteamericano Raymond Carver, de quen é tradutor para o
xaponés.
Do
que estou a falar cando falo de correr é
o seu segundo libro en galego tras Tras do solpor
(Galaxia). En 2007 os alumnos de secundaria de varios institutos de Galicia
concedéronlle o Premio San Clemente á mellor novela estranxeira por Kafka en
la orilla (Tusquets).
A
súa presenza será moi interesante
para todos os seus lectores, xa que é moi
coñecida a defensa que mantén o escritor
xaponés sobre a súa intimidade, polo que poucas veces dá conferencias ou concede entrevistas.
|
|
|
|
Música,
teatro, folclore, poesía, libros, artesanía,
cine, contacontos,...
O
concello de Culleredo encherase de cultura esta
primavera
(05-Marzo-2009)
Coa
chegada da primaveira o Concello de Culleredo pon
en marcha unha intensa e continuada programación
cultural que se desenvolverá desde marzo
ata xuño. Música,
teatro, folclore, poesía, libros, artesanía,
cine, contacontos, cencia e outras actividades terán
lugar no concello cullerdense todas as fins de semana.
Unha
das actividades que acaparará un importante
protagonismo será o teatro, por onde pasarán
as compañías Sarabela teatro, Redrum
teatro, Lagarta lagarta, o teatro Lope de Vigo e
a propia escola Municipal de teatro de Culleredo,
ao que haberá que sumar a II primaveira Máxica
adicada aos mais pequenos, onde actuarán
catro dos mellores magos galegos.
A
programación da primaveira das Letras Galegas
contén 90 actos diferentes de actividades
lúdicas e culturais que acompañarán
ata o verán, os fins de semana dos veciños/as
de Culleredo. Unha programación dirixida
a todos os sectores de población, cunha atención
preferente á defensa constante da nosa lengua,
raices e cultura.
O
programa de "Encontros culturais de primaveira
, Letras Galegas 2009” mestura a celebración
de eventos con outras citas habituais do Concello
de Culleredo, como o XVIII concurso de deseño”
Isaac Díaz Pardo”, a XIII feira de artesanía
e libro galego, a clausura da XXII edición
das escolas culturais municipais, o XII concurso
de pintura “Pintor Argüelles” ou a XVI edición
do día da familia de Culleredo, XVI festival
internacional de maxia “Mago Antón e amigos”
ou a celebración do día da república.
A
biblioteca de Poesía “Uxio Novoneira” de
Vilaboa acollerá ao longo destes meses recitais
poéticos, presentacións de libros,
talleres de poesía e a celebración
do II Diálogo de Pintura e Poesía
de Culleredo.
O
Muíño de Acea de Ama albergará
importantes exposicións pictóricas
dos mellores artistas plásticos galegos actuais,
Xosé Vázquez Castro, Ricardo Rilo,
Laureano Vidal, Isabel pintado, Luisa Valdés,
xunto á exposición “Galicia en Foco”e
“Historia do cine galego”.
Na
programación tamén terá un
peso importante o cinema, onde se proxectarán
máis de 72 curtametraxes no programa de cinemas
dixitais.
[Programación
dos Encontros
culturais prmavera
de Culleredo]
|
|
|
|
Estes
premios están dotados cun premio de 6000
euros en cada unha das súas modalidades
Aberta
a convocatoria para os diferentes premios para textos
teatrais convocados pola Agadic
(05-Marzo-2009)
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), seguindo a súa liña
de promoción e difusión das artes escénicas e musicais e co fin
de incentivar a creación literaria no eido teatral ven
de convocar o XVIII Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais,
o IV Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil
e o VII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques,
tanto para público infantil como adulto.
Segundo
figura nas bases haberá un
único galardoado por premio e modalidade,
no caso do premio Barriga Verde, cunha dotación
económica de 6000 €.
Ao
longo das diferentes edicións estes premios
foron acadados por moitas das figuras máis
relevantes da literatura dramática actual,
como Raúl Dans, Roberto Vidal Bolaño,
Manoel Riveiro, Paula Carballeira, Breogán Riveiro,
Roberto Salgueiro, Rubén Ruibal ou Manuel
Guede, entre outros. Na convocatoria do 2008 resoltou
gañadora Teresa González Costa no
Álvaro Cunqueiro e no Manuel María
e Xosé A. Neira Cruz no Barriga Verde na
modalidade infantil, quedando deserto en adultos.
[Bases
dos premios]
|
|
|
|
Foi
fundador do padroado Pedrón de Ouro e un
dos promotores do Modesto R. Figueiredo e do Eusebio
Lorenzo Baleirón
Deixounos
Avelino Abuín de Tembra
(03-Marzo-2009)
O fundador do padroado Pedrón de Ouro Avelino Abuín de Tembra faleceu
no día de onte nunha clínica de Santiago de Compostela.
Natural de Imo, concello
de Dodro, do ano 1931, foi un dos escritores e galeguistas
máis vencellados á resistencia cultural
de Galicia durante o franquismo.
Avelino
Abuín de Tembra foi o
creador dos Xogos Florais do Ensino Medio de Galicia, dos Cursos Monográficos Manuel Peleteiro e fundador do Padroado
do Pedrón de Ouro. Ata
a súa morte foi secretario xeral da Fundación Rosalía de Castro e membro da súa Comisión de Cultura desde 1965.
Como
activista cultural promoveu o premio de poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón"
e creou a Ruta Rosaliana.
Abuín de Tembra foi un dos promotores dun dos certames literarios de máis prestixio de Galicia,
o
Modesto R. Figueiredo, un premio mítico gañado por moitos dos máis importantes escritores e escritoras galegos.
Como
autor Abuín de Tembra deixa
unha amplísima obra xornalística con máis de oito mil artigos
aparecidos en publicacións do país, españolas e latinoamericanas. Como
poeta gañou os Premios Ciudad de Carballo no
79 e o Galicia de Poesía e Premio Celso Emilio Ferreiro de poesía no
ano 81.
|
|
|
|
Este
premio, que toma o seu nome do fundador do real
Coro Toxos e Froles de Ferrol, ten como obxectivo
o recoñecer o labor cultural en prol da cultura
galega
Luís
Alonso Girgado recibe o Premio Manuel Lorenzo Barja
(03-Marzo-2009)
O
Real Coro Toxos e Froles ven de lle recoñecer
ao ferrolán Luís Alonso Girgado o
seu labor cultural concedéndolle o VIII Premio
Manuel Lorenzo Barja.
Luís
Alonso Girgado, asesor literario do Centro Ramón Piñeiro
e colaborador en publicacións de carácter
cultural como Anhtropos, Ínsula, Clave Orión,
Grial, Nordesía ou Libro Aberto, dirixe a
colección Libros da Frouma da editorial Follas
Novas.
O
Premio Manuel Lorenzo Barja, que toma o nome do
fundador do Coro, pretende recoñecer a labor das persoas ou
institucións que traballan a prol da cultura galega, e máis
concretamente no campo editorial. Este galardón recaeu anteriormente
en formacións como Cántigas da Terra
da Coruña e De Rueda de Ourense, en investigadores como o
Padre Calo, ao xornal La Voz de Galicia, en figuras tan emblemáticas como
Faustino Santalices e Xosé Fontenla Leal, a título póstumo;
ou ao Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia,
na pasada edición.
|
|
|
|
Lareira
Literaria
Rexina
Vega, Ramón Caride e Ánxela Gracián na Lareira Literaria
de marzo
(03-Marzo-2009)
Na
Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza
de Rexina Vega, Ramón Caride e de Ánxela
Gracián.
Rexina
Vega, doutora en Filoloxía Románica
e especialista na obra de Álvaro Cunqueiro,
inaugurouse na narrativa con Cardume, obra
que lle valeu o Premio Xerais do 2007. Nestes intres
prepara a que será a súa segunda novela,
Locus solis. Neste novo traballo Rexina Vega, a
través
dos diarios, os debuxos, os sms, os mails, as cartas postais, deixadas por un
enferma mental, pretende achegarse á visión, á linguaxe e á biografía dunha esquizofrénica, acompañándoa
durante un período de dez anos: desde que descubre a enfermidade ata o seu ingreso como crónica nun centro
psiquiátrico.
Xunto a este novela, para a que os seus lectores
aínda terán que agardar un pouco para
vela nos andeis de todas as librarías, a
editorial Ouvirmos publicará unha nova fotobiografía
sonora dedicada a Álvaro Cunqueiro, onde Rexina Vega se encarga do estudo e dos textos
introdutorios.
Ramón
Caride, un dos nosos escritores máis afamados,
ven de publicar en México a súa novela
O sangue dos camiños (Sotelo Blanco),
que se reeditará tnovamente en galego, desta
volta por Xerais, antes do verán incorporando
os cambios feitos na tradución cara o portugués
e o castelán. E seguindo coas traducións
de Caride a outras linguas e mercados, Anaya publicará
en castelán o seu premio Merlín, Perigo
vexetal. Para as Letras Galegas, Xerais publicará a
novela curta inédita Andanzas de Xan Farrapeiro,
destinada para o público
infantil-xuvenil e ilustrada por Marisa Irimia, onde Ramón Caride
recrea as andanzas dun
personaxe dos contos tradicionais. E sen data de remate, Caride traballa nun libro de
relatos e máis nun poemario que aínda que lle queda un tempo a
cocer a lume lento...
E
se falabamos das traducións de Caride, non
podemos esquecernos dunha das mellores tradutoras
do país, como así recoñeceu
o xurado do Premio Plácido Castro de tradución
ao entregarlle este galardón a Ánxela
Gracián. Escritora,
tradutora, editora, filóloga e unha das cabezas visibles
de Gálix, Ánxela Gracián ven de traducir
en Galaxia Hugo
Pratt. O desexo de ser inútil (Lembranzas e reflexións),
O
home que plantaba árbores de Jean Giono, e Stefano de María Teresa Andruetto,
este último verá a luz en breve. Como
autora marzo será un mes prolífico,
xa que ata tres obras súas estarán
dispoñibles para os seus lectores, trátase
de Pinga de
choiva en Xerais, Xoaniña rei-rei,
en Sotelo Blanco e Carrapeto na editorial MacMillán.
[Lareira
Literaria]
|
|
|
|