MESES ANTERIORES

 

Xullo 2010

Xuño 2010

Maio 2010

Abril 2010

Marzo 2010

Febreiro 2010

Xaneiro 2010

Decembro 2009

Novembro 2009

Outubro 2009

Setembro 2009

Agosto 2009

Xullo 2009

Xuño 2009

Maio 2009

Abril 2009

Marzo 2009

Febreiro 2009

Xaneiro 2009

Decembro 2008

Novembro 2008

Outubro 2008

Setembro 2008

Agosto 2008

Xullo 2008

Xuño 2008

Maio 2008

Abril 2008

Marzo 2008

Febreiro 2008

Xaneiro 2008

Decembro 2007

Novembro 2007

Outubro 2007

Setembro 2007

Agosto 2007

Xullo 2007

Xuño 2007

Maio 2007

Abril 2007

Marzo 2007

 Xaneiro 2007

 

índice

novas

axenda

andel

conversas

lectores

rapaces

reseñas

firmas

ligazóns

Do 27 ao 30 de maio

A Universidade do Algarve celebra a Semana da Cultura Galega en Faro

 

(26-Maio-2009)

 

Semana da Cultura Galega en Faro Mañá arranca en Faro a Semana da Cultura Galega en Faro, organizada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve.

O mércores 27 de maio, ás 14.30 h., os escritores Lorena Souto e Mario Regueira pronunciarán na Faculdade de Ciências Humanas e Sociais a conferencia Estratexias de resisténcia e a incorporación das escritoras, enmarcada dentro do acto Grupos minorizados e literatura galega. Ao día seguinte (no mesmo lugar e á mesma hora) presentarase a revista Dorna, Expresión poética galega.

O venres 29 na Associação de Músicos de Faro concerto de Leo i Arremecaghona. Tamén tocarán Migna Mala (Algarve) e Nanook e os vagabundos (Algarve). A partir das 21.30 h.

A semana da cultura galega rematará o sábado coa presentación de Estaleiro Editora na libraría Pátio das Letras de Faro. Tras a presentación concerto de músicas de protesto a cargo de O Leio e o portugués José Mário Branco.

[Máis información]

 

 

Arriba

 

Do 1 ao 4 de xuño

VI Diálogos Literarios de Mariñán

 

(24-Maio-2009)

 

VI Diálogos Literarios de Mariñán O Pazo de Mariñán volverá acoller, do 1 ao 4 de xuño, unha nova edición dos Dialogos Literarios de Mariñán, que chega este ano a súa sexta edición.

Organizados pola Fundación Carlos Casares e coordinados polo poeta Román Raña, estes Diálogos serven como punto de encontro para autores, editores, críticos e profesores do ámbito ibérico e iberoamericano, para intercambiar opinións e experiencias sobre o proceso literario e editorial.

Os Diálogos darán comezo o luns 1 de xuño ás 20.00 h. no Centro Socio Cultural Caixa Galicia da Coruña cun acto público fóra de programa títulado Lembranza de Anxo Rei Ballesteros. Nos sucesivos días pasarán polas xornadas Gonzalo Navaza e Marianne Sandels, Nuno Júdice e Laia Noguera, Antón Riveiro Coello e José Avello, Manuel Forcadela e Xurxo Borrazás, e Xavier Rodríguez Baixeras e Kirmen Uribe.

O Auditorio da Fundación Caixa Galicia da Coruña acollerá o mércores 3 de xuño o acto aberto ao público en xeral titulado Narrar, contar que contará, actuando Rosa Aneiros como moderadora, cos escritores Manuel Rivas e José Saramago.

[Programa dos VI Diálogos Literarios de Mariñán]

 

Arriba

 

Anunciouno durante a homenaxe que lle tributou o P.E.N. Clube Galicia a Marcos Valcárcel

O Conselleiro de Cultura e Turismo comprométese a declarar o 2010 como Ano da Lectura en Galicia

 

(24-Maio-2009)

 

O 2010 será o Ano da Lectura en Galicia O pasado venres, durante o acto de homenaxe que o P.E.N. Clube de Galicia brindou ao historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel, o conselleiro de Cultura e Turismo Roberto Varela fixo público o seu compromiso para que a declaración do vindeiro ano como Ano da Lectura en Galicia. Neste senso o conselleiro subliñou que un dos obxectivos prioritarios do seu departamento é conseguir que se adopten medidas tendentes a implementar políticas públicas para que os índices de lectura en Galicia converxan coas cifras do resto do Estado e de Europa. Neste mesmo eido o conselleiro comprometeuse a contribuír a desenvolver a lei do libro, aprobada no Parlamento de Galicia polo goberno bipartito.

Por outra banda, Roberto Varela salientou as dotes de Marcos Valcárcel como investigador, polígrafo, xornalista e ensinante ao que lle engadiu o seu “factor humano, o seu carácter conciliador e amable así coma por ser rigoroso e fiel ás súas ideas. A súa galeguidade e moderación, ben poden constituír un referente. El é xa un persoeiro esencial na cultura galega”.

 

 

Arriba

 

O xurado destacou a súa vida dedciada á cultura galega

Marcos Valcárcel, Premio Otero Pedrayo 2009

 

(21-Maio-2009)

 

Marcos Valcárcel, Premio Otero Pedrayo 2009 O xurado do “Premio Ramón Otero Pedrayo 2009”, reunido onte no Centro Cultural da Deputación de Ourense, acordou outorgar o galardón ao historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel López, definido polo presidente da Depuitación de Ourense como un persoeiro “punto de referencia do presente e o futuro da cultura galega”.

Na decisión do xurado tívose en conta a longa traxectoria de Marcos Valcárcel como investigador, erudito e divulgador, ás que se unen outras disciplinas como dinamizador cultural, xornalista de opinión, ensinante e conferenciante. En opinión do xurado este galardón outórgase “a unha vida dedicada á cultura e ao coñecemento ao que se une un talante aberto, dialogante, galeguista e, en definitiva, universal, que posúen a súa obra e a súa persoa”.

Marcos Valcárcel ten publicados 10 libros de ensaio, investigación e alta divulgación; outros 12 libros, publicados en coautoría con outros autores; foi coordinador de 7 libros cos que dinamizou o traballo doutros autores en obras colectivas, e publicou ducias de traballos e artigos propios espallados nos máis diversos congresos e revistas especializadas. Moi salientable é a súa labor a prol de rescatar do esquecemento textos e a estudar a autores como Basilio Álvarez, Xabier Prado “Lameiro”, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Carlos Casares ou Antón Tovar.

No eido da vida cultural, Marcos Valcárcel desenvolve un activísimo labor de promoción da cultura, como a creación dos Encontros cos Escritores Ourensáns. Impulsor do xornalismo en galego, dende fai 30 anos Marcos Valcárcel leva desempeñando un intenso labor xornalístico, especialmente no campo da opinión e a cultura. No ano 2006 botou a andar un dos blogs máis importantes do blogomillo “asuvasnasolaina”, recentemente premiado na Cea das Letras.

O xurado dictaminou por unanimidade a concesión do premio para Marcos Valcárcel, e estivo formado por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións galegas, as universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e a Real Academia Galega da Lingua.

IV Premio P.E.N.-Voz de Liberdade

Mañá venres o P.E.N. Clube de Galicia entregará a Marcos Valcárcel o IV Premio P.E.N. Clube-Voz de Liberadade nun acto que dará comezo ás 19.00 h. no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.

 

 

Arriba

 

O sábado 23 de maio ás 20.30 h. no teatro Rosalía de Castro da Coruña

Homenaxe literario e musical á Cidade da Liberdade

 

(21-Maio-2009)

 

Homenaxe á Cidade da Liberdade O sábado 23 de maio, o Teatro Rosalá de Castro acollerá un acto literario e musical arredor do libro de Manuel Rivas Os libros arden mal (Xerais) que leva por título Homenaxe á cidade da liberdade.

O punto de comezo desta "historia dramática da cultura" é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras intentaban queimar para sempre o corazón literario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.

Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder das mentes, resiste e xermina a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as "voces baixas" ou silenciadas da humanidade.

A posta en escena, que dará comezo ás 20.30 h. con entrada de balde, conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascon (voz, gaita, serrucho) e outros invitados.

 

 

Arriba

 

Do 29 de maio ao 1 de xuño

A vindeira semana arranca o 27º Salón Internacional del Cómic de Barcelona con Galicia como país invitado

 

(21-Maio-2009)

 

27º Saló Internacional del Còmic de Barcelona A vindeira semana arranca o 27º Salón Internacional del Cómic de Barcelona, a cita coa banda deseñada máis importante do ano no Estado español, que conta nesta edición con Galicia como país invitado, de feito, o cartel desta edición é obra do ourensán David Rubín.

Entre os preto de 17000 metros cadrados destinados a acoller este Salón, a banda deseñada galega estará dispoñible no stand que ocupará a Consellería de Cultura e Deporte para a promoción e catro postos para a venda de cómic galego. Máis presenza galega son os stands da editorial El Patito e o que o ocupará o Proxecto Galauda, unha iniciativa nada na Universitat de Barcelona, na sección de Filologies Gallega i Portuguesa.

Dentro dos actos que contan con Galicia como invitada atópanse a presentación do último cómic de Manuel Craneo Os lobos de Moeche (Demo Editorial) e unha mesa redonda que, baixo a moderación de GoChi, contará coa participación de Javi Montes, Xosé Tomás e Sanmi.

Por outra banda, os finalistas aos premios que se entregarán neste 27º Salón contan cos seguintes finalistas galegos: Jacobo Fernández Serrano na categoría do Premio 'Josep Toutain' ao autor español revelación do 2008, David Rubín por Cuaderno de tormentas (Planeta DeAgostini Cómics) na categoría de Mellor debuxo de autor español do 2008, o fanzine BD Banda na categoría de Mellor revista española sobre banda deseñada do 2008. A estes habería que se engadir as nominacións, nas categorías de Mellor obra e de Mellor autor ao álbum As serpes cegas, editada por BD Banda. 

 

Arriba

 

Filgueira Valverde foi autor dunha inxente producción literaria e científica

Nomeamento a título póstumo como Fillo Predilecto da Provincia de Pontevedra a Xosé Filgueira Valverde

 

(19-Maio-2009)

 

Xosé Filgueira Valverde A Deputación de Pontevedra nomeu onte, a título póstumo, ao humanista e escritor galeguista Xosé Filgueira Valverde como Fillo Predilecto da Provincia de Pontevedra.

O nomeamento de Filgueira baséase na súa implicación da vida social, cultural e política de Pontevedra, da provincia e de Galicia perante toda a súa esistencia. Entre outras facetas, Filgueira foi profesor do instituto de Pontevedra dende 1940 ata 1976; alcalde da cidade entre 1959 e 1968; director, salvo o periodo inicial, do Museo de Pontevedra dende a súa creación en 1927 ata a súa morte; e foi tamén un firme baluarte da cultura galega como director do Instituto Padre Sarmiento, director da Casa-Museo Rosalía de Castro, sucedeu a Ramón Piñeiro como presidente do Consello da Cultura, converteuse no primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia e formou parte como membro numerario da Real Academia Galega dende o ano 1941. Xosé Filgueira Valverde aportou as letras galegas unha inxente producción literaria e científica, como queda reflectido en libros como Quintana viva, A poesía medieval galego-portuguesa fóra dos seus lindeiros, Historias de Compostela ou Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

Entre os galardóns recibidos figuran os de Fillo predilecto de Pontevedra, Medalla de ouro de Pontevedra e da provincia de Pontevedra, a Medalla Castelao, en 1990 recibiu o Premio Trasalba e no ano 1995 foi nomeado Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica.

O acordo de concesión da devandita distinción foi adoptado, de xeito unánime, polo Pleno da Corporación Provincial na sesión celebrada o pasado 28 de febreiro do ano 2007.

 

 

Arriba

 

A Casa está promovida e xestionada pola Asociación Espazo Lectura

Inaugurase a Casa da Lectura no concello de Gondomar

 

(16-Maio-2009)

 

Inauguración da Casa da Lectura en Gondomar A Asociación Espazo Lectura inaugurará mañá, a partir das 12.00 h., a Casa da Lectura. A orixe do proxecto está na transformación dunha pequena e antiga escola infantil en desuso, que foi rehabilitada grazas ao esforzo das persoas que colaboran na asociación e que está localizada na parroquia de Donas, no rural de Gondomar.

Tras contar co apoio do CEIP Souto-Donas, do Concello de Gondomar, así como coa Consellería de Cultura, e das editorias Galaxia, Kalandraka, OQO e Xerais, a nova Casa da Lectura permítelle a asociación ofrecer unha biblioteca actualizada, que ofrecerá servicio de préstamo de libros.

A Casa da Lectura pretende ser un espazo de promoción dos hábitos lectores e dinamización arredor do libro, polo que todos os mércores pola tarde se realizará alí unha actividade de fomento da lectura, que complementa a sesión do Contomar, contacontos que a asociación Espazo Lectura leva a cabo todos os luns na Biblioteca Municipal de Gondomar, fixando deste xeito unha programación estable que, partindo do asociacionismo, se singulariza pola súa dimensión e especialización. Outro dos obxectivos da Casa da Lectura é servir de punto de encontro para todas as inciativas que teñan que ver co libro e coa lectura; así como constituírse en lugar de reunión para os grupos de traballo do ámbito do fomento da lectura.

Presentación do libro Os ollos do Contomar

Xunto á inauguración da Casa da Lectura mañá presentarase o que é o primeiro libro da Asociación Espazo Lectura, Os ollos do Contomar. Unha experiencia de fomento da lectura. Os ollos do Contomar componse de fotografías de Manuel G. Vicente acompañadas de pequenos textos dunha ampla nómina de autores e autoras nos cales se reflexiona sobre a lectura e o libro, entre eles están Cándido Pazó, Manuel Rivas, Gianni Rodari, Fina Casalderrey ou Daniel Pennac, entre outros. O libro foi editado en colaboración co Concello de Gondomar e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. 

 

Arriba

 

Do 16 ao 24 de maio

Arrinca esta fin de semana a XXVII Feira do Libro de Lugo

 

(14-Maio-2009)

 

XXVII Feira do Libro de Lugo Despois da celebración da Feira de Santiago, este sábado arrinca na praza Maior de Lugo a XXVII edición da Feira do Libro, coincidindo coa festividade das Letras Galegas.

Un total de 10 stands conforman a oferta cultural desta edición que conta cun programa cunha serie de actividades dirixidas ao público de todas as idades, pero especialmente aos máis pequenos, con sesión de contacontos, obradoiros e concursos. Haberá diferentes concursos ao longo da semana, como o de contos e relatos, o de poesía e un de debuxo. Como en anos anteriores celebraranse actividades musicais e tres recitais de poesía a cargo de Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño e Claudio Rodríguez Fer, sen esquecer as presentacións de libros ou mesas redondas sobre diferentes temas literarios.

Desde a Concellería de Cultura de Lugo lembrouse a importancia que teñen actividades como estas para seguir impulsando a lectura tradicional: "É un dos eventos culturais máis importantes e que achega aos cidadáns á lectura pero tamén é o núcleo de unha amplísima actividade cultural moi potente que converte á feira nun evento dinamizador cultural de primeira orde”, sinalou a concelleira Concepción Burgo.

A feira estará aberta ata o próximo domingo 24 de maio en horario de 11.00 h. a 14.00 h. e de 17.30 h. a 21.30 h. entre semana e as fines de semana de 11.00 h. a 14.30 h. e de 17.30 h. a 21.30 h.

[Programa da XXVII Feira do Libro de Lugo]

 

 

Arriba

 

Despositarase a ofrenda floral diante do busto de Ramón Piñeiro en Carracedo

A Real Academia Galega desprazarase ata Láncara para a celebración do Día das Letras Galegas

 

(14-Maio-2009)

 

Celebración da RAG do Día das Letras Galegas A Real Academia Galega desprazarase ata localidade lucense de Láncara, vila natal de Ramón Piñeiro -autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2009- para a celebración oficial desta xornada.

Os actos arrancarán ás 11.30 h. cunha recepción oficial na Casa do Concello. Ás 12.00 h. desprazaránse ata o Pavillón Polifuncional situado no Campo da Feira onde se celebrará unha Sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega coa intervención dos académicos Ramón Villares Paz, Víctor Fernández Freixanes e Andrés Torres Queiruga. Pechará o acto o Presidente da entidade Xosé Ramón Barreiro Fernández. Os actos oficiais da Real Academia Galega rematarán ás 17.00 h. cunha ofrenda floral diante do busto de Ramón Piñeiro en Carracedo.

 

 

Arriba

 

Consellería de Cultura e Turismo

O escritor e xornalista Paco López-Barxas, novo Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural

 

(14-Maio-2009)

 

Paco López-Barxas, novo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural Hoxe deuse a coñecer a nova de que o escritor e xornalista Francisco López Rodríguez (coñecido literariamente como López-Barxas) será o novo Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Turismo que dirixe Roberto Varela Fariña.

Francisco López Rodríguez naceu en Ponte Barxas (Ourense) o 24 de abril de 1952. É licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Desde o ano 1983, exerceu como crítico literario na prensa nacional e revistas literarias. Durante os anos 1984 e 85 foi redactor xefe da revista Argumentos, cargo que tamén desempeñou na canle de televisión Yurital News, entre 1989 e 91. Foi director do Xornal Diario, en Pontevedra, os anos 1991 e 92. Na TVG, exerceu de editor do informativo Bos Días entre o 2000 e 2003 e de redactor xefe de Informativos do 2003 ao ano 2005.

Paco-López Barxas publicou o pasado ano o libro de conversas No xardín das mandrágoras (Laiovento) e o álbum dedicado ao público infantil Sar, Sarela e os monstros de Compostela (Kalandraka). Actualmente estaba traballando, no ámbito infantil, nun novo libro sobre as aventuras de Sar e Sarela: Sar e Sarela polos parques de Compostela e outro sobre a vida e obra do pintor surrealista Eugenio Granell, sobre quen xa escribira Eugenio Granell: o surrealismo felizmente vivo (Ir Indo) no 2000. No xénero da investigación e do ensaio, Paco López-Barxas está a preparar un libro que pretende contribuír á recuperación da figura de Ben-Cho-Shey, un dos nosos galeguistas máis incomprensiblemente esquecidos tras dúas décadas da súa morte.

 

 

Arriba

 

Participan Víctor Freixanes, Carlos Fernández, Manuel González González e Henrique Monteagudo

O Liceo de Ourense organiza o VII Ciclo "Visións de Galicia" cun programa dedicado a Ramón Piñeiro e a Galaxia

 

(14-Maio-2009)

 

VII Ciclo de Conferencias Visións de Galicia "Piñeiro e o grupo Galaxia" A Sección de Literatura do Liceo de Ourense organiza o VII Ciclo de Conferencias "Visións de Galicia", incidindo nesta edición na figura de Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, así como no labor e traballo infatigable en prol da cultura galega que desenvolveron Francisco Fernández del Riego ou Carvalho Calero nos anos máis represivos e escurantistas do século XX.

O Liceo de Ourense e a Vicerrectoría do campus de Ourense da Universidade de Vigo, co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e a Universidade de Vigo, levarán a cabo durante este mes de maio catro conferencias nas que intervirán Víctor F. Freixanes, director de Galaxia; o profesor de filosofía e ensaista Carlos Fernández; Manuel González González, secretario da Real Academia Galega; e Henrique Monteagudo, filólogo e profesor da Universidade de Santiago.

Programa de conferencias (Todas ás 20.15 h. no Liceo de Ourense)

15 de maio. Víctor F. Freixanes. Francisco Fernández del Riego. Sala de Tertulia.

18 de maio. Carlos Fernández. O ensaísmo na editorial Galaxia. Aula de Cultura.

19 de maio. Manuel González González. Ramón Piñeiro. Aula de Cultura.

22 de maio. Henrique Monteagudo. Perfil intelectual de Carballo Calero. Aula de Cultura.

 

 

Arriba

 

O acordo anunciouse no transcurso da presentación do cartafol e CD Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega

O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Ramón Piñeiro que custodia a Fundación Penzol

 

(14-Maio-2009)

 

O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Ramón Piñeiro O Consello da Cultura Galega anunciou o acordo coa Fundación Penzol pola que se dixitalizará o voluminoso epistolario, unhas sete mil cartas, de Ramón Piñeiro, depositado na entidade viguesa.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, destacou que o epistolario de Ramón Piñeiro supón “un corpus documental notable, o máis grande de Galicia xunto co de Luís Seoane”. O presidente da Fundación Penzol Julio Souto, salientou a importancia do convenio de dixitalización que suporá un mellor coñecemento do legado de Piñeiro e das circunstancias históricas en que foi realizado.

A nova do proxecto de dixitalización deuse a coñecer onte no transcurso da presentación do cartafol e do CD Ramón Otero Pedrayo, mestre da cultura galega, editado polo propio Consello da Cultura Galega.

No acto Ramón Villares lembrou que esta publicación é un dos pmúltiples proxectos que o Consello dedicará a Ramón Piñeiro durante este ano, así lembrou as xornadas Recepcións de Heidegger en Galicia que o Consello acollerá os días 3 e 4 de xuño e a participación activa da institución no congreso que sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro se celebrará no último trimestre deste ano.

 

 

Arriba

 

Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé M. Soutullo coordinaron os traballos de reconstrución do gabinete da rúa Xelmírez

A Fundación Penzol recrea na súa sede o gabinete da famosa mesa braseiro de Ramón Piñeiro

 

(12-Maio-2009)

 

O gabinete de Ramón Piñeiro na Fundación Penzol A Fundación Penzol recrea o gabinete da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, situada orixinalmente na rúa Xelmiréz, 15 de Santiago de Compostela. Nesta habitación Ramón Piñeiro traballou arreo en prol da lingua e a identidade cultural  política galega durante os anos máis duros da postguerra ata a transición política e a consolidación da autonomía dos anos 80.

O xoves 14 de maio inaugurarase, na Casa Galega da Cultura de Vigo -sede da Fundación Penzol- a reconstrución do gabinete na que se recuperan as estanterías, anaqueis, mesa braseiro, cadros, libros e mobiliario que pertenceron no seu día a Ramón Piñeiro. Como promotores deste traballo atópanse os equipos da propia Fundación Penzol coordinados por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé M. Soutullo (Merlín Comunicación), con escenografía de Rodrigo Roel. Colaboraron con este proxecto a Concellería de Cultura do Concello de Vigo e a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia.

No acto de inauguración, que dará comezo ás 12.00 h., intervirán Alfonso Zulueta de Haz, Vicepresidente da Fundación Penzol; Francisco Fernández del Riego, Director da Biblioteca Penzol; Aníbal Piñeiro López, irmán de Ramón Piñeiro; Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo; Santiago Domínguez Olveira, Teniente de Alcalde do Concello de Vigo; e Roberto Varela Fariña, Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

 

 

Arriba

 

Resultaron premiados Fin de século en Palestina, O libro das viaxes imaxinarias, A melancolía dos corpos, Memoria de cidades sen luz, a tradución de As flores do mal, Unha primavera para Aldara, Ana Romaní, o blog As uvas na solaina e a Sección de Literatura do Liceo de Ourense

Os escritores entregan os seus premios na Cea das Letras

 

(11-Maio-2009)

 

Premiados na Cea das Letras 2009 O pasado sábado celebrouse no hotel compostelán Porta do Camiño a tradicional Cea das Letras, un dos actos máis importantes da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), onde foron entregados os premios aos mellores libros publicados no 2008. Estes galardóns son concedidos polos socios da AELG.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados e asociadas á AELG -coa participación dos socios de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.

Os resultados finais e as obras premiadas foron:

Ensaio: Fin de século en Palestina (Galaxia) de Miguel Anxo Murado.

Literatura Infantil e Xuvenil: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.

Poesía: A melancolía dos corpos (Sociedad de Cultura Valle-Inclán) de Xulio L. Valcárcel.

Narrativa: Memoria de cidades sen luz (Galaxia) de Inma López Silva.

Tradución: As flores do mal (Galaxia) de Charles Baudelaire, traducida por Gonzalo Navaza.

Teatro: Unha primavera para Aldara (Deputación Provincial de A Coruña) de Teresa Moure.

Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní.

Blog literario: As uvas na solaina de Marcos Valcárcel.

Institucións: Sección de Literatura do Liceo de Ourense.

A escritora mexicana Elena Poniatowska recibiu no transcurso da cea unha pluma estilográfica gravada que a acredita como "Escritora Galega Universal".

 

 

Arriba

 

A galería Sargadelos da Coruña acolle un ciclo de conferencias que contará coa presenza de Xiana Arias, Ana Salgado, Oriana Méndez, Sabela Pato, Rober Bass&Leo e Roi Vidal

escrita(s) sobre textos e superficies

 

(07-Maio-2009)

 

ESCRITA(S) A Galería Sargadelos da Coruña acolle, do 14 de maio ao 18 de xuño, o ciclo escrita(s).

Claudio Pato, director da Galería Sargadelos da Coruña, sinala que "escrita(s) xurde da idea de achegármonos á complexidade dos diferentes textos e superficies onde quedan rexistradas as repeticións e as diferenzas de producir relación co Mundo". Pola galería Sargadelos da Coruña pasarán, todos os xoves ás 20.00 h. ata mediados de xuño: Xiana Arias, Ana Salgado, Oriana Méndez, Sabela Pato, Rober Bass & Leo e Roi Vidal.

Programa de conferencias:

14 de maio. Xiana Arias. Bailo sempre igual de mal.

21 de maio. Ana Salgado. Pedra e carniza intelixente.

28 de maio. Oriana Méndez. A blogosfera e a pluriarquia. Que posibilidades?.

4 de xuño. Sabela Pato. A domadora.

11 de xuño. Rober Bass & Leo. Como un can sen dono: escrita curricular.

18 de xuño. Roi Vidal. De corpos e de palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza. (1989-2009)

[Programa e máis información sobre as ponencias]

 

 

Arriba

 

Nesta actividade, organizada pola AELG, participan María Canosa, Emma Couceiro e Marica Campo

Encontros literarios coas mulleres como protagonistas

 

(07-Maio-2009)

 

Encontros Literarios AELG A Asociación de Escritores en Lingua Galgea (AELG), coa colaboración do Servizo Galego de Igualdade, promoven a celebración duns encontros literarios, impartidos por escritoras socias desta entidade e dirixidos fundamentalmente a mulleres.

Deste xeito a AELG propón un novo achegamento á educación literaria, que pon o acento na adquisición de hábitos lectores, na utilización de novos criterios para a selección de obras de lectura e no goce do texto, como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo ao eido literario.

Os centros onde se celebrarán os encontros, e as escritoras participantes son:

8 de maio, de 18.00 h. a 20.00 h. no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia, con María Canosa.

29 de maio, de 16.30 h. a 18.30 h. no Centro Sociocultural de Samos, con Marica Campo.

18 de xuño, de 17.30 h. a 19.30 h. na Biblioteca de Oza dos Ríos, con Emma Couceiro.

 

 

Arriba

 

Do 9 ao 17 de maio

Volve unha nova edición do Festiletras a O Couto, Ponteceso

 

(05-Maio-2009)

 

Festiletras09 Un ano máis e desde o ano 1982, o núcleo rural de O Couto, no concello de Ponteceso, volve ser o referente cultural do país coa súa Festa das Letras, promovida pola Asociación Cultural Monte Branco, e que nesta edición chega ao número vinte e sete.

Desde o 9 ata o 17 de maio a pequena aldea de O Couto encherase de literatura, de música, teatro, xornadas divulgativas, obradoiros e outras actividades xunto á xa tradicional Feira da Artesanía. Un programa que, dedicado á oralidade, estará dirixido a todos os públicos.

Un dos actos máis emotivos será o domingo 10 de maio coa reapertura da Fundación Eduardo Pondal a cargo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, que recibirán os agasallos aos 'Bos e xenerosos'. Ao longo destes días presentarase o libro Ponteceso, el nacimiento de un pueblo e a presentación do traballo editado polo Concello sobre os Irmáns Moreira de Tella.

[Páxina web de Festiletras09]

[Descargar o programa]

 

 

Arriba

 

Alfaias pódese escoitar, descargar e mercar n'A Regueifa Plataforma

Fanny + Alexander publican o seu terceiro disco adaptando os versos de once poetas galegos

 

(05-Maio-2009)

 

FANNY + ALEXANDER - Alfaias Os composteláns Fanny + Alexander ven de publicar o seu terceiro traballo discográfico, que leva por título Alfaias.

Neste novo disco, e continuando coa liña dos seus dous primeiros traballos, as letras de todos os temas son adaptacións de textos de autores galegos. Ao longo de Alfaias aparece o seu pop electrónico de vangarda mesturado cos versos de Mario Regueira, Emma Couceiro, Lara Dopazo Ruibal, Xiana Arias, Igor Lugris, Pedro Lamas, Yolanda Castaño, Estibaliz Espinosa, Daniel Salgado, Alberte Momán e Diego Ameixeiras.

Alfaias, de Fanny + Alexander, pódese escoitar e descargar desde A Regueifa. Nas vindeiras semanas tamén estará dispoñible nas tendas de discos e n'A Regueifa Tenda.

[Alfaias, de Fanny + Alexander n'A Regueifa Plataforma]

 

 

Arriba

 

Recibirá da AELG o título de 'Escritora Galega Universal'

A escritora mexicana Elena Poniatowska desenvolverá unha importante axenda de actos na súa estadía en Galicia

 

(05-Maio-2009)

 

Elena Poniatowska en Galicia De orixe francesa e residente en México dende 1942, Elena Poniatwska é xornalista, escritora e activista política e feminista. A súa obra abrangue diferentes xéneros e ten no seu haber multitude de premios, entre eles o Premio Mazatlán, o Premio Nacional de Periodismo ou o Premio Alfaguara de Novela. O último deles é o de 'Escritora Galega Universal' concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México), e desde hoxe a escritora mexicana está en Galicia, invitada pola AELG, onde desenvolverá unha apertada axenda de actos e presentacións, entre eles a tradución ao galego de A filla do filósofo, traducido pola editorial Galaxia.

Mañá mércores recibirá no Salón nobre do Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela a escultura como 'Escritora Galega Universal', que estará acompañada pola laudatio do escritor Manuel Rivas. O acto complementarase coas intervencións do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, do Reitor da USC e dun representante institucional.

O xoves 7 de maio Elena Poniatwska presentará na Feira do Libro de Santiago a tradución de A filla do filósofo (Galaxia). Para o venres está prevista, na sede da Real Academia Galega, unha conferencia dentro do II Encontro Cidade da Coruña. Os actos de Elena Poniatwska en Galicia rematarán coa entrega da pluma estilográfica gravada que a acredita como "Escritora Galega Universal" no transcurso da Cea das Letras.

[Programa de actos de Elena Poniatowska en Galicia]

 

 

Arriba

 

O académico e catedrático Ramón Lorenzo Vázquez foi premiado como galego egrexio polo seu labor en prol da cultura galega

Ramón Lorenzo Vázquez, Luís G. Tosar, Camilo Nogueira e Henrique Monteagudo, premiados pola Fundación Premios da Crítica-Galicia

 

(05-Maio-2009)

 

Premios da Crítica A Fundación Premios da Crítica-Galicia nomeu como galego egrexio, por unanimidade dos seus membros, a Ramón Lorenzo Vázquez.

Lorenzo Vázquez, nado en Ames no ano 1935, é académico da Real Academia Galega e catedrático de Lingüísticas e literatura galega da Universidade de Santiago. Estudoso da lingua galega e da prosa medieval, formou parte do grupo literario Brais Pinto e foi un dos impulsores da revista Dorna. O galardón que ven de recibir ten como obxectivo distinguir a unha personalidade caracterizada por manter ao longo da súa vida un firme compromiso coa cultura galega.

O resto de premiados nesta XXXII edición dos premios da Crítica foron:

- Creación literaria: Estúrdiga materia (Galaxia) de Luís González Tosar.

- Ensaio e pensamento: Europa, o continente pensado (Galaxia) de Camilo Nogueira.

- Investigación: Letras primeiras. O Foral de Caldelas. A emerxencia da escrita en galego e os primordios da lírica trobadoresca. (Fundación Barrié de la Maza) de Henrique Monteagudo.

- Ciencias e Artes da Representación: Compañía Nova Galega de Danza.

- Música: Juán Durán.

- Iniciativas Culturais: Festival de Cans.

 

 

Arriba

 

Lareira Literaria

Miro Villar, Arturo Iglesias e Paco Souto na Lareira Literaria de maio

 

(05-Maio-2009)

 

Lareira Literaria Na Lareira Literaria deste mes contamos coa presenza de Miro Villar, Arturo Iglesias e Paco Souto. Tres autores moi vinculados á Costa da Morte.

Nun 2009 que promete ser frutífero para Miro Villar, o máis recente que veremos nas librarías do escritor ceense será Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República, que publicará esta primavera Laiovento. Por outra banda, e dentro das conmemoracións a Ramón Piñeiro, Miro Villar colabora na elaboración dunha introdución e nas correspondentes notas a rodapé dun volume epistolar entre Ramón Piñeiro e o filólogo Isidoro Millán, que publicará o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Para máis adiante, e aínda sen data de publicación, Miro Villar prepara un novo poemario e dous libros destinados ao público infantil

Escritor ferrolán e residente na Coruña, a conexión de Arturo Iglesias coa Costa da Morte ven dada pola publicación do que será a súa segunda colaboración con Xosé Tomás tras Carolina e os caracois (Baía). En Antón Si Tal, que estará dispoñible en todas as librarías despois do verán, Arturo Iglesias conta a historia dun neno coa fala da Costa da Morte, que en lugar de dicir verdade ou mentira, di "si tal!" ou "non tal!".

E chegamos a Malpica con Paco Souto. Tras lograr o accésit do III premio de poesía erótica "Illas Sisargas" con E alentar na túa rosa, que se publicará seguramente a finais deste ano, ao igual que cos gañadores da pasada edición, Paco Souto ultima os preparativos de Lugar de incendios, onde o poeta malpicán recolle 36 pezas -12 textos autógrafos e 12 ilustracións do propio Paco Souto e 12 partituras manuscritas do pianista Serxio Moreira. Lugar de incendios percorrerá boa parte da xeografía galega a partires deste verán. Imperdoable perderse o adianto que nos deixou Paco Souto de Lugar de incendios na lareira deste mes.

[Lareira Literaria]

 

 

Arriba

 

» A Universidade do Algarve celebra a Semana da Cultura Galega en Faro

» VI Diálogos Literarios de Mariñán

» O Conselleiro de Cultura e Turismo comprométese a declarar o 2010 como  Ano da Lectura en Galicia

» Marcos Valcárcel, Premio Otero Pedrayo 2009

» Homenaxe literario e musical á Cidade da Liberdade

» A vindeira semana arranca o 27º Salón Internacional del Cómic de  Barcelona con Galicia como país invitado

» Nomeamento a título póstumo como Fillo Predilecto da Provincia de  Pontevedra a Xosé Filgueira Valverde

» Inaugurase a Casa da Lectura no concello de Gondomar

» Arrinca esta fin de semana a XXVII Feira do Libro de Lugo

» A Real Academia Galega desprazarase ata Láncara para a celebración do  Día das Letras Galegas

» O escritor e xornalista Paco López-Barxas, novo Director Xeral de  Promoción e Difusión Cultural

» O Liceo de Ourense organiza o VII Ciclo "Visións de Galicia" cun programa  dedicado a Ramón Piñeiro e a Galaxia

» O Consello da Cultura Galega dixitalizará o epistolario de Ramón Piñeiro  que custodia a Fundación Penzol

» A Fundación Penzol recrea na súa sede o gabinete da famosa mesa  braseiro de Ramón Piñeiro

» Os escritores entregan os seus premios na Cea das Letras

» escrita(s) sobre textos e superficies

» Encontros literarios coas mulleres como protagonistas

» Volve unha nova edición do Festiletras a O Couto, Ponteceso

» Fanny + Alexander publican o seu terceiro disco adaptando os versos de  once poetas galegos

» A escritora mexicana Elena Poniatowska desenvolverá unha importante  axenda de actos na súa estadía en Galicia

» Ramón Lorenzo Vázquez, Luís G. Tosar, Camilo Nogueira e Henrique  Monteagudo, premiados pola Fundación Premios da Crítica-Galicia

» Miro Villar, Arturo Iglesias e Paco Souto na Lareira Literaria de maio

 

Novas Maio 2009